A Voz de Vilalba en El Progreso

Redacción
Pinchando na imaxe pódese ler un interesante artigo de Antón Grande sobre prensa local.

31 de mar. de 2008

Suspenso en oportunidades laborais


Iago Castro

A Voz de Vilalba preguntou aos seus lectores que opinan acerca das oportunidades laborais que ofrece Vilalba á xente moza, e a resposta é demoledora. Sumando o 63% que cre que os mozos e mozas acaban marchando, o 26% que pensa que falta tecido empresarial e o 6% que opina que hai traballo, pero precario, máis de nove de cada dez suspenden ao empresariado local.

Non é raro. Se un se fixa no staff deste xornal, catro dos seus cinco membros viven fora da vila. E esa é a tónica xeral de varias xeracións, as mellor preparadas da historia, que aínda así tiveron que seguir o camiño da emigración.

Emprego precario, empresarios pagados de si mesmos, pero con empregados mal pagados e peor tratados, máis atentos ao investimento lucrativo que ao produtivo, un raquítico sector terciario, centrado no comercio, nula presenza de empresas dos sectores intensivos en emprego de coñecemento e especialización técnica, e un chamativo interese das administracións local, provincial e autonómica en que as cousas sigan igual.

Así se pode ter collidos polo pescozo aos mozos que escollen quedar, loitando por un futuro e ancorados de por vida na precariedade, ansiosos por un empreguiño no concello -o cume das aspiracións-, favor que hai que pagar de por vida, ou traballando de sol a sol para xente con ben poucos escrúpulos aos que termos como xustiza social lles quedan fora do diccionario, agás ben poucas excepcións.

Por estos lares o mileurismo é, máis ca unha triste realidade, unha aspiración. Aquí o que se leva é o seiscentoseurismo, e aínda menos. Iso si, quen te explota pode que sexa o mesmo que che vende un piso "ben barato", que pagarás, con sorte e axuda dos teus pais, en trinta anos grazas a que, polo menos, botas unhas patacas e unhas nabizas, ou fas algunha chapuza a fin de semana.

Canto tempo se vai poder manter esta situación?

iago.d.castro@hotmail.com

Apuntes para un rueiro




Paulo Naseiro


As nosas rúas foi unha sección máis ou menos fixa na traxectoria de papel de A Voz de Vilalba nos anos oitenta. Tiña como obxectivo denunciar o estado, en ocasións lamentábel, dos viais vilalbeses. Non se pode dicir que vinte e cinco anos despois a situación teña mellorado moito –aí están as rúas de Muras ou Foz, o espantoso pavimento da Praza da Constitución fronte á Casa do Concello, etc.- mais parece que, noutros aspectos, algo fomos avanzando.

Daquela, iamos ao mercado pola rúa do xeneral Sanjurjo, case paralela á de José Antonio Primo de Rivera, paseabamos en bicicleta pola do xeneral Mola e baixabamos ao río pola do Alcázar de Toledo, despois de quedar na do xeneral Franco, fronte á Alameda. Tiveron que pasar bastantes anos de democracia para que o rueiro deixara de render homenaxe aos protagonistas do golpe de estado de 1936 pero, á fin, foi posíbel.

Pero, foi? Ficou resolta a cuestión? Sen moito esforzo mental fago un repaso rápido e propoño un diccionario da memoria histórica, comezando polos que sobran:

Nevado Bouza, xeneral un dos protagonistas da rebelión militar n´A Coruña, poeta fugaz e mediocre que obtivo unha cadeira na Academia Galega na peor época da institución, máis pola súa condición de militón de espadón que por unha calidade literaria que lle era totalmente descoñecida. Parece que tiña certos lazos familiares con Vilalba. Será por iso que aínda dá nome a unha das rúas máis céntricas da vila?

López Pérez, alferez. Parece ser que combateu e morreu coa división azul. Xa saben, aqueles homes que foron, algúns por idealismo, os máis porque non lles quedou outra, axudar aos nazis a invadir a Unión Soviética. Ten adicada a rúa que vai entre Conde Pallares e a Praza do Coronel Pena.


González Valdesuso, Luís. Xoven falanxista morto nas primeiras lides da guerra civil, posíbelmente dentro da columna do comandante Manso. De seguro, un rapaz tan idealista como os seus contrincantes, e tan vítima como tantos outros centos de milleiros.

Novo Cazón, José. Alcalde durante a ditadura nomeado, por suposto, dixitalmente. Pasará á historia polo bando no que prohibía as festas do Entroido.

Basanta Silva, Santiago. Entre outros cargos, foi subsecretario de estado de facenda durante a ditadura. Debe ser por iso que dá nome a unha rúa e ao principal centro educativo da vila.

Fraga Bello, acalde. Pois iso, alcalde en dúas ditaduras, na de Primo de Rivera e na de Franco –o primeiro, ademáis-. Tamén pai de Fraga Iribarne, pero iso tampouco xustifica que se lembre no rueiro.

Seguro que me queda algún no teclado, e algúns me lembrarán ao que segue, pero creo que non podo estar de acordo:

Pena, coronel. Se ben é certo que foi o xefe militar dos facciosos en Vilalba no 36, as testemuñas coinciden en que aproveitou a súa condición para, cando menos, suavizar a represión até onde lle foi posíbel. De todos xeitos, o motivo da súa lembranza é moi anterior, pois foi un heroe condecorado na guerra de Cuba.

Os que faltan:

Vilalba debe ser o único pobo ou cidade de Galiza que non lle adicou unha rúa a Rosalía de Castro. Tampouco quixo lembrar a Álvaro Cunqueiro, o grande difusor do capón vilalbés, ou a Clara Campoamor, que conquistou o voto para as mulleres. Amosamos ingratitude cara á República Arxentina e Cuba, terras que acolleron a milleiros de vilalbeses cando aquí non había máis ca fame e miseria. Entre os nosos moitos literatos, algún tampouco mereceu honras, como Antonio Quintela Ferreiro, alma mater do Faro Villalbés e autor de novelas populares de certo éxito na dura postguerra. En fin, a lista sería demasiado longa.

Terían os meus amigos Tito, Elba e Xosé Manuel, voceiros dos tres grupos municipais, un ratiño para sentar a tomar un café e discutir amigábelmente sobre estes cambios que xa tardan de máis?

24 de mar. de 2008

No Día Internacional da Poesía

Fotografía: Paulo Naseiro

Miguel Barrera

Quizás porque é delicada e esixe entrega.

Pero sabemos que na súa fraxilidade agacha súa grandeza. Moitos, moitos son os que a ignoran e desprezan, sen coñecer o preto que está do seu cotián chapoteo na comedia da vida.

Houbo épocas en que a tiveron presa en cárceres de xeo, culpándoa de que invocaba ao amor e ao pecado, de que seducía a mozos entre balcóns enreixados, que convertía a los homes en seres inútiles para a guerra.

Incluso quixeron queimar as súas colleitas, e talaron as súas frondosas árbores con argumentos prosaicos, e extraeron as súas raíces da terra, negándonos o seu legado.

Desde entón o seu perfume, como un lume fatuo ou un viaxeiro nómada, vagou e vagou entre as brisas dos lusco fusco até os nosos días.

Ocúltase entre as flores, no xardín esquecido do Calvario, nas almeas da Torre, no badal da campá da igrexa, entre os restos dos niños da Pravia, no fétido olor dos soportais da Praza e cada vinte e un de marzo deposita una flor xunto aos restos de Chao Ledo.

Ás veces déixase sorprender en lugares e momentos inesperados. Onde máis lle gusta mostrarse é a través da mirada tenra dos meniños, no revoleo melancólico das follas na Alameda, nas bandeiras brancas das coladas entre fiestras…Todos, todos algunha vez temos sentido a súa electrizante presenza e sorpréndenos entre saloucos, tan próximos ao bico como á bágoa, pero preferimos a indiferenza invocando seu esquecemento.


23 de mar. de 2008

Vilalba, onte e hoxe: A Pravia


Mario Paz González
En prácticamente todas as culturas e tradicións as árbores foron de sempre un dos símbolos fundamentais que concentraban moitos dos seus valores esenciais e xenéricos. Esa morfoloxía tan súa de raíces, tronco e copa fai delas un elemento comunicador de tres mundos a miúdo afastados (subterráneo, terrestre e celeste) simbolizando con elo o mesmo fluxo entre a vida e a eternidade. Para os antiguos exipcios representaban o crecemento espiritual, na Cábala hebrea relacionáronse co acceso ao coñecemento, en China vinculáronse á lonxevidade e á fertilidade, para os celtas eran sinónimo de protección e outras moitas cousas, na tradición cristiana son o despertar da conciencia no Edén, no budismo a liberación anímica, e na Grecia antiga a victoria en cuestións bélicas (loureiro), ou ben Cronos e a sabiduría en tempo de paz (oliveira).

Tradicionalmete as árbores simbolizan tamén a vontade, a permanencia frente ao fuxir irreparable do tempo, así como a continuidade e a firmeza. Precisamente eses mesmos conceptos son os que hoxe traemos aquí, pois son os que daban sustento a aquela sección mítica de A Voz de Vilalba que levaba por nome “Vilalba, onte e hoxe”. Nela tratábase de dar conta (entre a denuncia e a curiosidade) das fondas transformacións que se estaban a dar, xa naquel entón, na morfoloxía da vila e, asemade, o xeito en que o percorrido vital fai que algunhas cousas fiquen incólumes ano tras ano. Tentábase algo sen dúbida semellante ao que tan ben reflectiu máis recentemente a exposición “Testemuñas de cambio”, así coma o libro homónimo editado polo Iescha en 2007, con texto de Carlos Gómez Osa e fotos de Amador. Un libro-testemuña (coma di o propio título) que, desde o intre mesmo da súa publicación, pasou a ocupar un lugar privilexiado nas bibliotecas de moitos chairegos.

Recuperar agora aquela sección tan representativa non podía ser doutro xeito que amosando un dos iconos da imaxinería chairega por excelencia: a mítica Pravia. A súa presenza aquí ten unha función dobremente simbólica: por unha banda, a de representar, coma xa dixemos, un icono da Chaira; pola outra, por ter sido o lugar onde, nun lonxano 29 de xuño de 1983, baixo as ramas que nos viron nacer e medrar, xurdíu A Voz de Vilalba, xornal ao servizo do pobo.

Ademais, nas fotografías que aquí amosamos, pódense observar, xunto ao acer pseudoplatanus (nome científico da nosa afamada árbore), dous dos míticos puntos de venta do xornal naqueles anos do século pasado: a Casa dos Marios e a Librería Da Ponte, rexentada por Carmiña García Mato (filla e irmá de poetas) que tan proveitosas lecturas nos proporcionou.

A imaxe antiga foi tomada dunha postal (anos corenta?). Se a comparamos coa actual decatarémonos coma, aínda que de xeito lixeiramente perceptibeis, a fisionomía urbana da vila non foi allea ao paso do tempo. En torno á árbore hai xa unha glorieta que perviveu ao longo de moitos anos ata que foi substituida pola actual. É, quizais, máis rechamante ese posto de gasolina e eses autos que semellan sacados de “Os violentos anos vinte”, de Raoul Walsh con James Cagney. A xente a parolar baixo a fresca sombra da árbore é unha leda estampa que, afortunadamente, aínda hoxe pervive.

A fotografía moderna foi tomada nun recente mes de maio, estando a primavera na súa esplendorosa consagración. Con todo, sorprende nela a perda daquela fermosa follaxe de verdor unánime que posuía a árbore, non sabemos se achacable ou non ao cambio climático. Hai xa uns cantos anos sufríu un declive do que, aínda que recuperou, non voltaría ao seu ser orixinal. As podas hixiénicas e necesarias (que ademais liberan as súas ramas dun peso considerable) fan o resto, conferíndolle ese aspecto de bonsai hipertrofiado.
Sexa como for, disfruten das dúas imaxes. Jung relacionaba as árbores coa imaxinación creadora. Un bo símbolo que dende agora adoptamos coma noso xunto a ese outro, tradicional e xa sinalado, de vontade, firmeza, permanencia e continuidade frente ao paso do tempo máis aló de calquera inclemencia climatolóxica ou, mesmamente, vital.


mariopaz@avozdevilalba.com
Imaxe: MXM

13 de mar. de 2008

O Concello de Guitiriz na Axenda 21



Redacción


Dende que a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia nomeou a Guitiriz como Núcleo Sostible, estanse a desenvolver diferentes actuacións dirixidas á creación dun municipio que sexa exemplo de crecemento económico e social á vez que un modelo de respecto e protección do medio ambiente. Entre as actividades que se están a levar a cabo en Guitiriz para conseguir os devanditos obxectivos atópase a adaptación da Axenda 21 Local existente no Concello.

Unha Axenda 21 é un programa destinado a alcanzar o desenvolvemento sostible dun municipio mediante a proposta de liñas estratéxicas e proxectos de actuación que melloren a súa situación ambiental e socioeconómica. Para elo é unha labor prioritaria a creación de canles para conseguir que os cidadáns, coas súas opinións sexan parte activa no proceso de toma de decisións do Concello.

Por este motivo Guitiriz porá en marcha o vindeiro 1 de abril ás 7 da tarde a primeira mesa poboacional, na que se poderá inscribir calquera cidadán maior de idade e con interese en formar parte nas decisións sobre o futuro do municipio.

Esta mesa terá como obxectivo principal posibilitar a confrontación de ideas e o intercambio de opinións entre os habitantes de Guitiriz. Os participantes expoñerán os problemas ambientais e socioeconómicos de maior relevancia no municipio, suxerirán propostas de mellora e analizarán con axuda dos coordinadores da mesa a evolución da Axenda 21 Local.

Ademais desta mesa o Concello porá en marcha dous grupos de traballo máis, aos que estarán convidados asociacións, representantes dos diferentes sectores económicos, técnicos da administración local e responsables dos partidos políticos municipais. Así, o vindeiro 27 de marzo celebrarase unha Mesa Municipal (representantes técnicos do Concello e membros das forzas políticas) e o 2 de abril xuntaranse noutra mesa as asociacións de ámbito municipal e os empresarios. Desta forma teranse en conta os distintos puntos de vista e opinións presentes no conxunto do Concello de Guitiriz.

12 de mar. de 2008

De Vilalba a Vilalba



Pilar Maseda


Nunca me foi difícil esbozar vellas lembranzas de infancia, forman parte de min coma o meu propio sangue: nacer ao carón do castelo dos Andrade, na miña praza de Santa María, na miña rúa do Sol onde a miña humilde sombra foi collendo corpo sempre ao carón das xentes do pobo, xentes sen complexos que sabían de onde viñan. Daquel xeito foi como comecei a amar á miña vila e á miña Terra Chá. Dende entón teño sensación de permanencia, esa sensación de saber que este é o meu sitio.

Logo xa de varias décadas e diversas cicatrices, no intre no que pensei perder a noción da vida rexurdiu en min aquela nena rebelde que necesitaba imperantemente amar ao seu pobo e dicilo en voz alta.

Eu, que gosto de falar cos meus veciños e conveciños, fai pouco algúns comentábanme que non fose inxenua, que Vilalba non ten historia, coma se carecésemos de identidade. Confeso que se me revolveron as tripas que me fixeron pensar en todos eses fillos que renegan de seus pais e non senten a máis mínima empatía hacia o propio, pensando que non ten historia nin valor, que o de fora ten máis importancia.

Estes son os que malinterpretan -dunha forma maliciosa e carente de autoestima- a historia do pobo; porque un pobo acomplexado de sí mesmo non é un pobo sano e as persoas e institucións públicas teñen a obriga moral de facer patria e non transformar a identidade na porta traseira coma se lles dese vergoña ser vilalbeses, e esconderse tras guións partidistas.

A proba está aquí na vila, somos un pobo ao que non se lle deixa medrar; carecemos de industria, de masa obreira, un pobo no que a media de idade é de xente maior, onde a xente nova só queda por conformismo e os que non vanse por propia supervivencia. Un pobo que non respecta o seu patrimonio e por riba o descoñece, un pobo que non recoñece a súa identidade rural por vergoña, onde aínda se escoita a verba “paleto” despectivamente, sabendo que aí están a nosas raiceiras. Somos un pobo que ten que ser valorado polos visitantes, un pobo onde só medran os especuladores onde permanecen frases tales como ”oir, ver y callar”, e a política é puro despotismo (ilustrado?). Non importa canto se invista en infraestruturas e melloras se o concepto de pobo non cambia.

Por todo isto o pobo é moito mais que o territorio, por saúde debe ser a conciencia de todos. ´

Máis información de Pilar Maseda na Bibliografía Chairega.

11 de mar. de 2008

Os lectores d'A Voz e o parque acuático


Iago Castro

Será que aínda non o probaron ben, pero resulta que das vinte e sete persoas que responderon á enquisa ofrecida por A VOZ DE VILALBA, vinte e unha non consideran útil nin estético o parque acuático, cinco véno necesario, pero feo, e para unha entra totalmente dentro dos seus parámetros utilitarios e estéticos (por certo, grazas por participar, sr. alcalde).

Por tanto semella que, a falla de estudos máis sesudos que deixamos para o Bernardo ou o Naseiro, os nosos sociólogos de cabeceira que recollen pola noite as rúas vilalbesas, se é que lles parece oportuno, a opinión maioritaria é que o invento este que construíron á beira do noso Madanela é un bodrio. Eu aínda engadiría: un bodrio caro e espantoso.

Venme á cabeza unha ocasión, cando nenos, na que decidimos construír unha carrilana daquelas equipadas con rodamentos de bolas a xeito de rodas. Pero non unha calquera. A medida que iamos avanzando no proxecto xurdían ideas que incorporabamos alegremente. Ao final, o invento tiña freos, voante, dous asentos, cofre de ferramentas, tellado, espello retrovisor, enganche para remolque (xúroo) e varios extras máis. A cousa prometía divertimento garantido. Mais cando o sacamos do garaxe onde ao longo de dous días fora collendo forma, o enxendro ofreceunos as primeiras dúbidas. As gargalladas dos rapaces de outras pandillas confirmaron a sospeita: era un artefacto ridículo. E para rematala, non rodaba nin pola costa máis pronunciada, debido ao seu enorme peso.

Coido que foi a tía dun dos colegas a que sentenciou a aventura: moito vos traballa o demo na cabeza. O mesmiño que aos armadanzas do parque acuático.

iago.d.castro@hotmail.com

10 de mar. de 2008

Eleccións 2008

Preme sobre o gráfico para velo a pantalla completa

Vilalba. Iago Castro. Resultados no Concello de Vilalba ás 12:45 (escrutado o 100%):
PP: 5.661 votos (57,16%)
PSdeG-PSOE: 2.967 votos (29,96%)
BNG: 1.027 votos (10,37%)


UN RESULTADO AGARDADO


Manuel París

Xa levaba tempo insistindo neste argumento a práctica totalidade dos analistas políticos durante esta longa campaña que estivemos a vivir: o partido que supere os dez millóns de votos formará goberno. Neste senso, triunfaron a maioría das enquisas demoscópicas, que vaticinaron o trunfo do socialista, ainda que cada vez máis amosan un Estado español a dúas cores, como se non houbera máis matices. Porén, a grande leitura que deben facer PSOE e PP é a necesidade de normalizar a vida política, aliviando as tensións e a crispación e fuxindo do catastrofismo; tamén de acadar unconsenso en temas como a economía, política exterior, terrorismo, educación e modelo territorial, mantendo como obxectivo final a modernización da sociedade. En definitiva, facer política cun exercizo de responsabilidade.

O feito de que non se dea unha maioría absoluta favorece os pactos e reafirma a democracia e a identidade dos pobos.

Facendo unha interpretación dos datos que se amosan nas gráficas á nosa Comunidade, vemos como en Galicia se consolida o cambio político, particularmente no conxunto da provincia de Lugo. Non así no que se refire a Vilalba, que segue a ser bastión dos populares a pesares do que se
coñeceu nos comicios municipáis coma o "efecto Veleiro", que algúns agardaban que se repetira a tendencia, e incluso se vira incrementada.

9 de mar. de 2008

A Voz de Vilalba en Código Cero


Pinchando na imaxe pódese ler a entrevista publicada o mércores 5 de marzo en Código Cero.

Vilalba-Lugo, por autovía


Paulo Naseiro


A fin de contas, só estamos en 2008. O AVE se cadra non chegue até 2020, pero xa dispomos da facilidade para facer a viaxe entre Vilalba e Lugo por autovía, logo da apertura do tramo Baamonde-Abeledo. Non era sen tempo, dirán algúns, e outros sairán cos argumentos típicos dos "grandes esforzos inversores" e a "preocupación de tal ou cal goberno pola nosa provincia".

O caso é que se vaia solucionando un dos peores problemas do noso país, xa de abondo periférico tanto xeográfica como políticamente, e as infraestructuras se fagan camiño, nunca mellor dito, para facilitar tanto a vertebración interior como as conexións co resto da península e con Europa.

A perigosa estrada terceiromudista que nos unía coa capital da provincia a través de Rábade, transitada diaramente por milleiros de usuarios, tense cobrado vítimas de máis. Aceptando que o erro humano está case sempre detrais dos accidentes na estrada, non é menos certo que o humano que erra non de cote é o condutor. Os históricos atrasos en investimentos na rede viaria galega, que leva décadas desfasada en relación ao incremento do parque automobilístico e da mobilidade aparelladas, son tan culpábeis como os excesos de velocidade ou as manobras temerarias dalgúns que aínda conducen coma se competisen nun circuíto de velocidade.

Por outra banda, é unha mágoa que o insostibel transporte privado fora matando os servizos regulares de transporte de viaxeiros por estrada. Houbo tempos non tan lonxanos nos que circulaba prácticamente un servizo cada hora e en cada sentido entre Lugo e Vilalba dende as oito menos vinte da mañá até as nove da noite. Se cadra, non sobraba unha política decidida de recuperación de rutas e horarios, no camiño que semella comezou a Consellaría de Política Territorial coa rede de transporte metropolitano de Galiza.
paulonaseiro[en]avozdevilalba.com

8 de mar. de 2008

Entroido revisitado

Mario Paz González
A editorial Xerais de Vigo vén de reeditar na súa colección “Guías Xerais, Monografías” o libro O carnaval en Galicia do xornalista ourensán Federico Cocho, unha obra imprescindible para achegarse dun xeito veraz a un fenómeno tan senlleiro coma é o do Entroido. Nos menos de vinte anos que pasaron dende que este texto víu a luz por vez primeira tense convertido en todo un clásico sobre o tema que, polo demais, hoxe en día non sempre resultaba doado atopar nas librarías.

Probablemente son varias as razóns que se poderían aquí aducir e que fixeron que un libro coma o que agora nos ocupa se convertese nunha obra tan relevante. Algunhas delas lémbranse no prólogo firmado polo tamén xornalista e escritor Carlos Reigosa: a “verba clara e precisa”, froito da “súa condición periodística”, o arduo traballo de campo que se percibe debaixo do propio texto e, xunto con elas, a valía no eido científico desta investigación. Unha investigación que non só amosa dun xeito sobradamente documentado a actualidade da festa en Galicia (como vemos na amplitude de referencias bibliográficas que o acompañan), senón que, ademais, trata de afondar nas raizames tradicionais que nela se atopan. Con elo aproveita para botar por terra algunhas “máximas de fe” que resultaban para moitos, ata o momento en que esta monografía se publicou por vez primeira, incuestionabeis. Entre elas esas alusións pouco realistas e de natureza libresca, allea á realidade factual, que se estaban a facer a miúdo en infinidade de publicacións, dando por vixentes tradicións xa esgotadas. A razón dilo habería que buscala en que, coma sinala o propio Federico Cocho no texto de presentación, “agás honrosas excepcións, dos anos corenta [...] aos nosos días non se fixo traballo de campo”. Algo que definitivamente se emenda con esta obra.

A organización do contido é abondo precisa para facilitar a calquer lector interesado co tema (non só galegos) un achegamento doado a esta festa tan nosa, pero, ao mesmo tempo, tan internacional, pois “Europa somos desde hai moitos séculos”, sinala o propio autor. Logo dunhas acertadas disquisicións sobre o papel do Entroido na nosa sociedade de hoxe en día, os sete capítulos de que consta abarcan, respectivamente, a orixe e o contexto da festa; o calendario (actual e tradicional); as mascaradas rurais; o carnaval urbano; as representacións, sermóns e enterros; os graciosos, as bromas, e xa para rematar (non podería ser doutro xeito) os platos típicos do Entroido. Ademais, e pechando o libro, algunhas alusións a dous conceptos tan antagónicos per se, coma son a represión e á cultura. Por unha banda, xurden aquí as non sempre doadas relacións dunha festa tan idiosincrática co poder e coa Igrexa; pola outra, o seu refrexo na prensa ou, asemade, na literatura e na danza.

Que o capítulo máis extenso sexa o adicado ás mascaradas rurais non debería estrañar xa a ninguén, sobre todo pola especial configuración da paisaxe galega e a importancia que nela teñen as aldeas, non só coma pequenos e imprescindibeis núcleos de poboación, senón coma garantes e conservadoras seculares da lingua e de moitas das nosas tradicións. Por este capítulo desfilan os volantes de Chantada, os Foliós de Manzaneda, o gamachiños e zarralleiros das Mariñas, ou descripcións da festa en Laza, Verín, Maceda, Cotobade, a Fonsagrada..., e, por suposto, as pantallas de Xinzo, terra natal de propio autor.

A recuperación desta obra nunha edición moderna, e igualmente manexable que as dúas anteriores de comezos dos noventa, complétase cunha serie de estupendas fotografías a cor de Manuel G. Vicente. Con todo, gostaríanos lembrarlle aos lectores que, se queren ampliar a súa visión do Entroido e ires máis aló do dito, resulta de complementaria utilidade a lectura de outra obra do mesmo autor, máis breve, pero igualmente senlleira, O Entroido galego (A Nosa Terra, 2001), ou, de tema exclusivamente gastronómico, A cociña do Entroido e San Xoán (Xerais, 2006) de Miguel Vila Pernas.


O Carnaval en Galicia. Federico Cocho.
Vigo: Xerais. 2008.
278 pp.

mariopaz@avozdevilalba.com

5 de mar. de 2008

Educación musical: cando comezar?

Mª. Xosé Lamas
Pedagoga e profesora de ed. musical

De todos é sabido que os seres humanos presentamos unha enorme infrautilización da nosa capacidade cerebral. A pesar de todos os avances científicos e técnicos, aínda os investigadores están lonxe de desvelar a maioría das potencialidades da nosa mente. Pénsese, senón, no recente que é o descubrimento da existencia dunha intelixencia musical que , coma outras capacidades, é preciso desenvolver e potenciar no individuo. A ignorancia deste feito, levou a excluír esta capacidade do eido da educación, a non tela en conta á hora de deseñar os currículo nos diferentes sistemas educativos. Só moi recentemente se considerou a necesidade de desenvolver esta capacidade humana a través da educación, traendo como consecuencia a súa inclusión nos plans de estudio das distintas etapas educativas.

Pero, se a intelixencia musical –como a lingüística, a matemática, a motórica,...- é unha capacidade innata que é preciso potenciar ¿por que nos esquecemos dela? ¿por que a ignoramos?. Nada máis nos decatamos que os nosos fillos aos poucos meses se teñen de pé, axudámoslles a dar os seus primeiros pasos. Tan axiña como comezan a balbucir, pretendemos que digan “papá”, “mamá”, “nené” e sentímonos felices escoitando as súas primeiras verbalizacións, axudándolles a que aprendan a comunicarse coa fala. ¿Por que nos esquecemos, entón, de inculcarlles a música aos nosos fillos?

Os profesionais da educación coñecemos a importancia que ten a educación musical para contribuír ao desenvolvemento integral do neno/a e coidamos que é preciso que esta comece o máis axiña posible, pois, citando a M. SANUY (1) “: por moi cedo que comecemos a inculcar a música nos nenos, sempre será tarde”, explicando esta afirmación cunha coñecida anécdota do pedagogo e compositor húngaro Z.KODALY (2), cando en 1966 el mesmo escribía:“Hai máis ou menos dezaseis anos durante unha conferencia sobre educación musical organizada pola UNESCO preguntóuseme:´¿Cando convén iniciar o estudio da música?´ e respondín: ´Nove meses antes do nacemento´.Se hoxe me volvesen a facer a mesma pregunta, respondería: ´Nove meses antes de nacer a nai´”.

Quen se deteña a reflexionar sobre esta cita, estará a pensar que así como é doado axudarlle aos nosos fillos a camiñar, a aprender a falar, a contar,... non pode selo tanto ensinarlles música, tendo en conta que nós mesmos non temos os coñecementos necesarios, a moi poucos se nos ensinou con sorte uns pequenos rudimentos ¿Como axudar, pois, aos nosos fillos? De seguro non nos decatamos de que non comezamos a ensinarlles a andar someténdoos a unha carreira de fondo, senón colléndoos das mans e pouco a pouco; non lles ensinamos a falar facéndolles escoitar o discurso do método, senón afacéndoos a escoitar como nos comunicamos con eles de xeito que nos entendan; nin lles ensinamos a contar comezando polas unidades de millar, senón polos seus propios dediños e un a un. Do mesmo xeito, hai que introducilos no mundo da música.

Posibelmente esquecemos que non fai moito tempo a música era un feito sempre presente nos nosos fogares: as nosas avoas cantaban mentres lavaban na fonte, fregaban os pratos ou facían as camas. Seguro que os nosos pais e as nosas nais non adormecían sen antes escoitar unha cantiga de arrolar que saía espontaneamente da voz e o corazón conxuntamente. Aínda, se facemos memoria, os que xa temos algúns anos, lembraremos estar algunha vez sentados nos xeonllos do avó mentres nos cantaba retahílas:


“E chucurruchú,

e chucurruchaina,

que o que non come

non ten barrigaina”.


Esta é, sen dúbida, unha das máis fermosas tradicións perdidas no mundo de hoxe e que eu convidaría ás xoves nais e pais a recuperar. Non hai nada tan educativo e ao tempo entrañable como adormentar aos nosos fillos e fillas cunha cantiga de berce. A voz da nai é coñecida polo neno incluso antes de nacer; isto fai que o tranquilice e lle transmita, ademais de afecto, aquela confianza e seguridade que o neno precisa, ao tempo que o afai a escoitar música, que por moi sinxela que sexa, axudará a desenvolver no fillo dende moi cedo a súa intelixencia musical.

¿Decátanse do doado que resulta iniciar aos nenos e nenas na música xa desde bebés? Déixoos con esta reflexión.

(1) SANUY, M. (1994): Aula sonora. Ed. Morata, SL. Madrid.
(2) KODALY, Zoltan (1882-1967), pedagogo e compositor húngaro representante do nacionalismo musical.

4 de mar. de 2008

Rouco Varela, presidente da CE



Redacción

O vilalbés Antonio Rouco Varela de 71 anos, cardeal e arcepispo de Madrid, foi elixido novo presidente da Conferencia Espiscopal Española, cargo que xa ocupara con anterioridade ao mandato de Ricardo Blázquez, bispo de Bilbao, quen ocupará a vicepresidencia ao non acadar a maioría absoluta dos sufraxios. A votación tivo un resultado de 39 votos a 37.


A Voz de Vilalba nos medios

Redacción

Varios medios galegos (de papel e virtuais) fixéronse eco do nacemento do novo xornal dixital dende Vilalba para o mundo. Unha aperta a todos eles.






Outras referencias a A Voz de Vilalba na rede:

Colexio Profesional de Periodistas de Galicia

Universidade de Santiago de Compostela

Universidad Rey Juan Carlos

Instituto de Estudos Chairegos

Xornal ABC

Editorial Dykinson

2 de mar. de 2008

A candidata e os nenos analfabetos


Paulo Naseiro

A eurodeputada polo Partido Popular e candidata número 3 na lista de Madrid para as próximas eleccións xerais Ana Mato dicía hai poucos días nunha entrevista en Punto Radio que “sabemos que los niños andaluces son prácticamente analfabetos”. As reaccións, como é lóxico, non se fixeron agardar.

Parece que a cuestión viña a conto do último informe Pisa sobre educación en Europa no que, como é lóxico, uns estados acadan maiores puntuacións ca outros, ao igual que as comunidades autónomas.

Aínda que en política semella que todo vale, incluso meter a pata dunha forma tan espectacular, a señora Mato, como licenciada en cc. Políticas e Socioloxía que é, debería ser un pouco máis coidadosa co que di.

Primeiro, porque un estudo destas características, por si mesmo, ofrece moi pouca información. Son necesarias series temporais para avaliar, por exemplo, a evolución da calidade educativa ao longo do tempo. Se, poñamos por caso, agora obtemos unha puntuación de sete, o dato será bo se hai unha década a puntuación era cinco. Significa que se rexistra un avance.

Despois, porque non hai que ser parvos para ver que hai un cambio substancial entre a educación en épocas pasadas pero non remotas, e a actual. Para empezar, o acceso ás oportunidades educativas é universal, independente do nivel de renda ou de clase. Se cadra este factor ten un custe: reduciu o nivel medio das aulas, sobre todo na secundaria. Mais a pregunta é: a que lle outorgamos prioridade? A unha sociedade de privilexiados, que agrande a fenda entre as elites e as masas? Eu prefiro un mundo no que todos os cidadáns podan ler e interpretar un contrato, disfrutar de Kafka ou publicar un blog.

Non estou ao tanto das cousas miúdas da educación andaluza, pero intúo que na Andalucía actual, igual que sucede en Galiza ou nas Baleares, por exemplo, a xeración mellor formada de toda a historia non atopa un país á altura, que aproveite o seu enorme potencial sen condenalos ao mileurismo ou, aínda peor, ao seiscentoseurismo, á vivenda inaccesíbel, ás hipotecas por cincuenta anos.

Non pedirei a demisión da señora Mato, porque esta palabra non figura nos diccionarios que utilizan os nosos políticos, pero si que lle daría un consello: os nenos de hoxe son os votos de mañá. Non os insulte.

paulonaseiro[en]avozdevilalba.com

1 de mar. de 2008

Nestes días sen Bergman

Mario Paz González

Cando morreu Ingmar Bergman, no verán de 2007, podíanse ler nos titulares da prensa repetidos eses vellos tópicos, non sempre xustos: “director infeliz”, “incómodo”, “torturado”, “cineasta da soidade e da morte”, “recluído na illa de Faarö”, etc. Nihil novum sub sole, ou nada máis lonxe da estrita e rigorosa realidade, penso. 

Por desgraza, para moitos cinéfilos da miña xeración o seu nome apenas di nada frente aos Spielberg, Lucas, Scorsese, Coppola, etc. Mesmo naqueles días chamoume, penso que decepcionado, un vello amigo (tamén cinéfilo para máis inri, que alardea de ver só películas de directores mortos) dicindo: “Ah, é que aínda estaba vivo?”. 

Agardo, polo menos, que Clío, musa da Historia, saiba colocar ao mestre sueco no lugar que, sen dúbida, lle corresponde no Olimpo dos deuses. De feito a edición en DVD que se vén facendo desde hai anos da súa obra estanos achegando algúns dos primeiros filmes menos coñecidos, o que xa vai axudando a crebar eses tópicos tan manidos nos titulares naqueles días en que finou. 

Pola miña banda, invito desde aquí aos lectores a que naveguen por Internet na procura de imaxes súas. Sen esforzo poderán atopar algunhas recentes nas que se ve a un Bergman octoxenario, fraco e orelludo, pero afable e sorrinte, sempre activo, vital e integrado na vida cultural do seu entorno, fotografándose cunha das súas musas, Harriet Anderson, tamén madura. Con todo isto tal vez se poida formar unha imaxe menos plana e máis poliédrica da súa figura. Unha imaxe que nada ten que ver con esa outra, case exclusiva para moitos, de individuo “torturado” ou misántropo, tan repetida de cotío.

Testamento traizoado 
Persoalmente, coido que os espectadores da miña idade, os que aínda éramos nenos (ou nin sequera nacéramos) cando o director sueco estaba no cumio da súa carreira, témonos achegado á súa magna obra carentes de moitos prexuizos vixentes nas xeracións anteriores. Porque penso que o maior problema que ten o achegamento a ela non radica no propio director, nin na indiscutible densidade intelectual dos temas que aborda, nin no seu tratamento sempre complexo e orixinal, nunca doado; o verdadeiro problema para achegarse ás películas de Bergman para calquer espectador actual está, con moita máis probabilidade, nos “bergmanólogos”. Estes son ese colectivo que tenta illar ao de Upsala nun grupiño de escollidos directores non aptos para todas as entendedeiras e no que tentan incluir a Kurosawa, Dreyer, Tarkovski, Truffaut, Godard…, ou, xa máis cercanos, Woody Allen, Lars von Trier ou Wong Kar-Wai, por citares só algúns. Coma se ese tipo de distincións fose doada e, nalgún destes casos, sempre posible. 

O asunto lémbrame o mesmo que denunciaba Kundera no caso de Kafka (Os testamentos traizoados), sinalando que os “kafkólogos” eran esa tropa que, seguindo con maior ou menor fidelidade as directrices de Max Brod, tiñan imposto unha visión do autor xudeu coma un escritor sumamente espiritual, torturado, sen sentido do humor e totalmente asexuado. Eu engadiría que esa empanada mental amplíase se un viaxa a Praga e escoita os guías turísticos asegurar sen o máis mínimo reparo que, coma se dun mero Jan Neruda calquera se tratase, Kafka vivía na enxebre casiña do Calexón do Ouro no barrio do Hadčrany. Casiña que somentes alugou de xeito temporal coa súa irmá Ottla. En realidade tratábase dun pequeno refuxio para escribir no que parou menos dun ano. O certo é que a vivenda familiar, á que, con todo, voltaba a durmir todas as noites, atopábase nun edificio máis ben prosaico, no centro da cidade, hoxe en día discretamente escudado tras unha, igualmente prosaica, parada de taxis. 

Bergmanólogos 
Do mesmo xeito que os “kafkólogos”, os “bergmanólogos” téñennos imposto unha visión de Bergman que resulta hoxe a todas luces sesgada e parcial. Por iso se escandalizan cando se lles di que un ata chegou a boquexar cos desvaríos de Liv Ullmann na psicoanalítica Cara a cara (1976). Ou que disfrutou ou ríu moito con Sorrisos dunha noite de verán (1955), O ollo do diaño (1960), Esas mulleres (1964) ou co desenlace de Segredos dun matrimonio (1973), pura comedia. Coma se, por riba da indubidable profundidade da súa obra e nas pesquisas no fondo da insondable natureza humana que nela se atopan, non fose posible rir, ou simplemente entreterse, con Bergman (ou con Kurosawa, ou con Truffaut, etc.). O propio director sueco ten dito en máis dunha ocasión que o mandamento primeiro dun director de cine é “Ao espectador en cada intre divertirás”. Pero os “bergmanólogos”, coma os “kafkólogos”, non acostuman ter sentido do humor. Ou raras veces saben aprecialo, o seu esnobismo non llo permite. De nada serve que logo se lles diga que Persoa (1966) é unha das máis grandes obras mestras do cine de todos os tempos, do mesmo xeito que Fresas salvaxes (1957), Os comulgantes (1962), O silencio (1963), A hora do lobo (1967), A vergoña (1968), Paixón (1969), Berros e rumoreos (1972) ou Tralo ensaio (1984), por citares unhas cantas. Ou que se recoñeza que moitos destes films expoñen as inquedanzas xurdidas ao longo da súa vida, tan axitada no eido sentimental, así coma os seus problemas como artista e realizador, ou o grave pouso deixado pola figura do pai, un estrito pastor luterano, tal como el mesmo nos conta en Linterna máxica, o volume no que debulla as súas memorias. Pero cos bergmanólogos, polo xeral, xa está todo perdido, xa non hai nada que facer, porque xa, neses intres, excluíronche para sempre do selecto club, quizais por louvar en público Fanny e Alexander (1982), denostada por algúns deles por rematar cun ledo final ambientado no Nadal e ter levado catro Oscars. 

Comedia e drama 
Alguén que tamén sabe alternar na súa obra, dun xeito moito máis acentuado, drama e comedia, o norteamericano Woody Allen, “bergmanófilo” (que non “bermanólogo”) de pro, retratou moi ben esta sorte de individuos nunha escea de Annie Hall (1977) na que el mesmo e Diane Keaton fan cola á entrada dun cine, precisamente para ver a emblemática Cara a cara do director sueco. Pode ser que quixera curarse en saúde dos posibles “woodyallenólogos”, que tamén os hai. Sei que existen “bergmanólogos” que non perdoan a “homenaxe”, de ton un tanto paródico, que o neoiorquino fixo a Fresas salvaxes en Desmontando a Harry (1997). Que lle imos facer? 

De todos os comentarios lidos naqueles días seguintes ao luctuoso acontecemento da morte de Bergman, persoalmente prefiro ficar co de Víctor Erice, un dos poucos que louvou a perfecta harmonía que caracterizaba o cine do sueco na súa densa e complexa visión da vida como “comedia e drama”, sen excluíres ningún destes dous aspectos complementarios. 

En fin, mentres rebusco na miña videoteca particular algo de Bergman, se cadra Un verán con Mónica (1952) (talvez non preferida polos “bergmanólogos” pero si por un “bergmanófilo” tan singular coma François Truffaut), tentarei chamar o meu amigo cinéfilo para lembrarlle, se por acaso aínda non se decatou, que tanto Woody Allen, coma Lars von Trier, coma Won Kar Wai aínda seguen, a día de hoxe, vivos e coleando.