Revista avozdevilalba.com


Redacción

Xa está a dispor dos lectores o número da revista avozdevilalba.com correspondente ao mes de novembro.

Pódese descargar en formato PDF picando na imaxe, na Hemeroteca no menú superior ou ben na zona de descargas situada na sidebar esquerda da web.

30 de nov. de 2008

Derradeiro foro de debate co gallo dos 25 anos do Consello da Cultura


Redacción

Os vindeiros días 2 e 3 de decembro terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) en Compostela o Foro Cultura e política: Debates contemporáneos, coordinado por Ramón Máiz e con Antón Baamonde -na fotografía- como secretario. Os dous grandes temas a tratar serán “Identidades colectivas, pluralismo e democracia” e “Universalismo e particularismo na sociedade post-secular”. Trátase do sexto e derradeiro foro de debate organizado este ano polo CCG para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008).

29 de nov. de 2008

Viaxe a Vilalba por Santa Icía

Xulio Xiz

A pasada fin semana estiven en Vilalba. O tema é para min importante porque cada vez que vou descubro un aspecto novo, un sinal de progreso, un punto de referencia para acreditar o que medra o meu pobo.

Tamén outras cousas porque un, que non pode presumir de vista de lince, atopa problemas para circular de noite pola zona de Ponte Fabilus onde se están facendo obras de ampliación da estrada sen a máis mínima sinalización. E un non sabe se vai ben, se vai polo medio, ou pola vía que teñen que utilizar os de enfrente. É un grave perigo o que alí se está planteando, que se solucionaría cunha pintada de trazos amarelos, unhas luces ou calquera outro sistema para axudar a circular ós que levamos os faros sin alinear, e a todos os demais tamén.

Fun á misa da Coral, que por certo soa de marabilla na igrexa parroquial. Misa das sete e media, con predominio da terceira idade. Dos máis ou menos sesenta asistentes, absoluta maioría de mulleres, e só dúas persoas máis nova que o xovencísimo cura que misa. A Coral, ben como sempre.

Aínda na igrexa poido saudar a Visita, miña veciña, nai do actual bispo de Lugo, e a outros coñecidos que só vexo de ano en ano, tal día coma este. E ó Roquiña e a Ofelia, que por primeira vez están contemplando a actuación da Coral en lugar de estar cantando con ela.

Logo, concerto da banda no Auditorio Carmen Estévez... O Director, botou o resto. Máis de medio cento de músicos reforzados polos que xa están fora estudiando ou traballando, deron un recital magnífico de música galega, de zarzuela ou internacional. O Público, entregado, que hai que ter en conta que alí estabamos devotos-curiosos pero tamén pais, tíos ou avós dos xovencísimos executantes, que algún media menos físicamente que o instrumento que tocaba, pero moralmente todos teñen unha talla envidiable e unha afección inconmensurable que hai que manter e potenciar.

O Director fixo erguer, un a un, as novas incorporacións á banda, perto dunha ducia, que recibiron os aplauso que o respectable non regateou.

Antes do concerto, exposición colectiva de novos valores pictóricos vilalbeses entre os que están vellos coñecidos, e algún antigo compañeiro de estudios. E cando non identifico os autores polos nomes, teño quen me explique "quen ven sendo" cadaquén, de xeito que me queda moi clara a identificación.

Non vou moitas veces a Vilalba, pero cando vou aproveito o tempo...E a visita rematou coa tradicional cea no Terra Chá, na que nos cruzamos coa executiva do PSOE na comarca, que saía da súa xuntanza política.

Na cea está o Alcalde, Xerardo Guizán coa súa dona. Por estar na cea da Coral non puido asistir ós catro magostos que tiñan lugar naqueles momentos no territorio do Concello. Aproveitou o tempo cantando unhas rancheras cos homes da coral, demostrando que se quere darse de alta na agrupación non lle vai facer falla recomendación para ir cantar. El foi o que me informou que unhas luces como lóstregos ou fuegos que vira eu chegando a Vilalba eran, precisamente, dun dos magostos, posiblemente o de Sancobade.

Estaba tamén o anterior Alcalde, Tito, coa súa dona. Acababa de chegar de Madrid, e como xa é tradicional, arremeteu –o mesmo que don Uxío e Alfonso Baamonde- cun Montecristo do máximo calibre.

E o Roquiña e máis Ofelia, ós que animei a seguir cantando na coral que son aínda ben novos, e teñen – por historia familiar hacia arriba e hacia abaixo, que xa teñen dous netos músicos- moito que dicir na canción vilalbesa.

En fin, que como pode comprobarse, a miña visita vilalbesa deste sábado foi fructífera, completa, e deixoume unha lembranza garimosa que entra a formar parte da galería de recordos amistosos, casi familiares, coa xente da Polifónica vilalbesa.

27 de nov. de 2008

Entregadas cinco vivendas protexidas rehabilitadas no centro histórico de Vilalba


Redacción

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas -na fotografía-, entregou o pasado martes aos seus adxudicatarios cinco vivendas protexidas de promoción pública (VPP) no Concello de Vilalba, situadas na rúa Manuel Mato, en pleno centro histórico da vila. Estas cinco vivendas foron adxudicadas en réxime de aluguer cunha renda mensual media para os adxudicatarios de 143 €.

O delegado provincial da Consellería, Cosme E. Pombo, acompañado polo alcalde de Vilalba, Xerardo Criado, asinou os contratos de arrendamento e entregou as chaves das vivendas aos seus adxudicatarios. Trátase dunha promoción de 6 vivendas situadas na rúa Manuel Mato, en pleno centro histórico de Vilalba, unha delas quedou vacante e será adxudicada en próximas datas entre os solicitantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida. Estas vivendas teñen unha superficie útil de entre 64 e 75 metros cadrados e contan con dous dormitorios, todas dispoñen dunha praza de garaxe vinculada e rocho.

A Consellería de Vivenda e Solo fixo un investimento de 502.202 € na rehabilitación destas vivendas, que foron adxudicadas a mozos e mozas menores de 35 anos cuxos ingresos non superan 2,5 veces o Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples (IPREM), é dicir 16.800 € ao ano, e que residen ou traballan en Vilalba dende hai dous anos. Estas vivendas adxudicáronse en réxime de aluguer por un máximo de dez anos sen opción a compra. Os adxudicatarios dispoñen dun período inicial de 5 anos, a partir da sinatura do primeiro contrato de aluguer coa Administración, prorrogable por períodos anuais, ata un máximo doutros 5 anos –dez en total- se seguen a cumprir os requisitos de nivel de renda.

A Consellería de Vivenda e Solo decidiu que estas vivendas non teñan opción de compra porque considera necesario ter un parque de vivendas protexidas de titularidade pública que vaian rotando entre os posibles demandantes. Limítase a dez anos o período máximo de aluguer por entender que é un tempo suficiente para que as persoas inicialmente beneficiadas melloren a súa situación económica e poidan acceder a outra vivenda. Os beneficiados destas vivendas poden optar a outras promocións de vivenda protexida en réxime de compra.

Clube de Lectura Virtual Galicia-Portugal

Redacción
A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), en colaboración coa Consellería de Cultura, presentou un Clube de Lectura Virtual que fomentará o consumo de literatura en galego e portugués entre a comunidade universitaria e estudantil e a sociedade. Para elo colabora estreitamente coas seis universidades públicas de Galicia e do Norte de Portugal non desenvolvemento de proxectos comúns que contribúan ao fomento e divulgación dá cultura galega e portuguesa, non ámbito universitario.
A iniciativa presentouse hoxe xoves non Instituto Xelmirez I de Santiago nun acto non que participaron ou reitor dá USC e presidente do CEER, Senén Varro; ou director dá Fundación CEER, Carlos Ferrás; ou responsable do Instituto Camoes en Vigo, Samuel Rego; e ou director do centro anfitrión, Manuel López Mejuto.
O proxecto materializarase nunha plataforma electrónica vía Internet que sirva como punto de encontro da comunidade estudantil da Eurorrexión e como ferramenta de fomento da lectura a través de diversas actividades.

Sorrisos e boa colleita


Redacción


O presidente de honra do Museo do Humor, Xaquín Marín, coordinou a obra 'Sorrisos e boa colleita', na que participaron creadores como Manel Cranio, David Rubín ou Kiko dá Silva, entre outros, ata un total de corenta humoristas Galegos, que plasmaron no libro o seu compromiso cara ao medio rural autóctono e o Banco de Terras de Galicia (Bantegal), nunha iniciativa dirixida a promover un achegamento á normativa que aspira a recuperar a superficie agraria susceptible de ser cultivada do seu estado actual de abandono.
Presidiron a presentación da obra o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido, xunto aos autores de 'Sorrisos e boa colleita'. A un ano da posta en funcionamento do Bantegal superáronse os obxectivos iniciais de lograr a cesión de 500 leiras tras contabilizarse máis de 800 leiras e de 7.000 propietarios.

26 de nov. de 2008

Papé’s de emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846

Redacción
O presente libro editado polo Consello da Cultura Galega, trata de xuntar a labor levada a cabo por varios investigadores, fundamentalmente do eido filolóxico, que teñen abordado a traxectoria do galego na prensa de inicios do século XIX. Labor que se veu desenvolvendo dun xeito fragmentario e, en ocasións, illado e que agora trata de recopilarse nesta obra, unha das máis senlleiras ata o de agora no seu xénero. Foi sobre todo grazas ás descubertas en bibliotecas e arquivos privados que se fixo posible que de cando en cando as revistas científicas trouxesen á luz documentos en galego destas épocas escuras e que permaneceran inéditos ou longo tempo ignorados. Algúns ata levaban máis dunha centuria durmindo no fondo das gabetas. Trátase en calquera caso de documentos que veñen sendo, en moitos casos, non só de grande importancia para a historia da nosa lengua, senón tamén para a historia da comunicación en Galicia.
A edición dos textos correu a cargo de Ramón Mariño Paz e a coordinación foi levada a cabo por Rosa Aneiros Díaz. No que atinxe ás notas histórico-biográficas, engargouse X. R. Barreiro Fernández. Ademáis, cómpre salientar que o libro está accesible gratuitamente para todo o público, pois pode descargarse da web do CCG ou no enlace seguinte.

Pica aquí para descargar Papé’s de emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846.

Vai ser que non...


Paulo Naseiro

Ao chegar estas datas o Concello de Vilalba, ao igual que moitos outros, empéñase en amolar a moitos cidadáns coa insistente, hortera e inaturábel celebración do Nadal: Arcaicas panxoliñas proxectadas dende altofalantes pendurados da Casa da Cultura a toda hora, unha e outra vez; derroche de alumeado para incrementar a débeda con Begasa... En fin. O de sempre. Ou máis ben, o de sempre, esta vez, non pode ser.

Teño falado algunha vez dende as páxinas do diario de Lugo y su provincia contra un costume que me amola particularmente: máncame a min tanto como a ela ver trepar aos temerarios operarios municipais pola nosa árbore totémica para cravarlle restras de lámpadas, como se a vella e achacosa Pradia, pradairo senlleiro e símbolo de Vilalba e dos vilalbeses, tivese que aturalo todo só por estar aí, por ir aguantando década a década a incuria, a desidia e o desprezo dos nosos gobernantes. Máncame porque me viu nacer, literalmente, diante das súas ponlas. Máncame porque me viu medrar, como a moitos dos meus veciños. Porque foi testemuña de amores e desamores, porque embelece un pobo triste e gris, porque está aí dende que temos memoria e moito máis alá.

Pero este ano, señor alcalde, non pode ser. E alédome inmensamente. A nosa Pradia figura con letras de molde no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galiza e, por tanto, goza da protección especial que lle outorga o Decreto 66/2007, do 22 de marzo. Isto é:

Artigo 9º.-Protección.1. As árbores e formacións senlleiras que se inclúan no catálogo considéranse protexidas para todos os efectos.2. A protección implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente a súa integridade, a súa saúde e a súa aparencia

Así que, vaian pensando noutro exemplar menos simbólico ao que torturar coas luminarias. Xa sei que non van renunciar ao despilfarro de diñeiro público que supón celebrar unha festividade relixiosa coa que non todos os que pagamos impostos estamos de acordo, por moito respecto que nos merezan as persoas crentes, e que por tanto tocarame aturar unha e outra vez o “pastores venid....”, o “arre borriquito...” e outras tonadas que xa levamos aburridas, de tanta repetición, nun bucle que semella inesgotábel. Pero á Pradia, dende xa, non a poden tocar.

Aí está, para velar porque así sexa, o delegado provincial de Medio Ambiente, o noso común amigo Duarte Vidal, responsábel do cumprimento da norma e, feliz coincidencia, vilalbés de pro e, imaxino, estrito cumpridor do seu cometido. E, se non, se aínda así optaran, que non creo, por saltar por riba da legalidade, sempre quedará denunciar formalmente o caso diante da Consellaría.

E, por certo, agora que o penso, tamén haberá que ir revisando a lexislación contra a contaminación acústica, non cren?

Para saber máis:
Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.
Listaxe de árbores senlleiras de Galiza

25 de nov. de 2008

Pretextos e textos

Mario Paz González
Calquera pretexto que contribúa a achegar aos mozos á lectura na época actual é abondo válido. Sobre todo se serve para axudarlles a dar ese salto, tan difícil por outra banda, desde os necesarios libros de literatura xuvenil, que tanto proliferan hoxe en día, ás lecturas para adultos. Se ese pretexto pasa, ademáis, por achegalos á obra de verdadeiros clásicos contemporáneos de calquera literatura e en calquera lingua benvido sexa.

Hai tempo merquei por casualidade un libro que, naquel entón, por falta de tempo suficiente, pasou a adormecer no limbo dos meus andeis, como ao final remata ocorréndolles a moitos, ás veces de xeito indefinido (aínda que, iso si, sempre en boa compaña). Sen embargo, neste caso, o azar fixo que de novo voltase a toparme con el un día no que andaba (non me avergoña recoñecelo) preguizoso pola casa e na procura dalgunha lectura edificante ou, cando menos, entretida. Decateime entón de que, sen ningunha dúbida, este libro podería ser un deses pretextos aos que me referín nas liñas iniciais deste artigo.

Baixo o título de 39 escritores y medio (Siruela, 2006) reúnense os retratos literarios e pictóricos de varios autores en lingua castelá dos que os cubanos Lezama Lima e Virgilio Piñera forman o «un e medio». Os autores do volume, o xornalista Jesús Marchamalo e o pintor Damián Flores, foron poñendo estes retratos no seu día na rede baixo o epígrafe aglutinador de Viaxeiros e estables na sección «Rinconete» do Centro Virtual Cervantes. A súa xuntanza neste volume constitúe, como proclama o prologuista César Antonio Molina, «un repaso a moitos dos nomes da literatura contemporánea en español», o que inclúe, como é obvio, a autores de ámbolos dous lados do Atlántico, achegando «unha dimensión da súa literatura que se enriquece con todos eses trazos ás veces complementarios, tamén ás veces contraditorios».

Aínda que a selección ofrecida (en orde alfabética) baséase, principalmente, nos gustos persoais dos dous autores, chama a atención a súa amplitude e o seu carácter heteroxéneo, así como certa idoneidade na elección, pois ningunha das reseñas ven sendo, logo de lela, menos atractiva ca outra. Cada un destes sucintos perfís non só contén entre as súas pretensións a de provocar a curiosidade do futuro lector que, talvez, apenas se ten achegado á obra dos escritores incluidos, senón que, ao mesmo tempo, revelará a aquel outro máis avezado aspectos case descoñecidos ou insólitos, pero sempre atractivos, de cada un dos personaxes retratados. Así, imos coñecendo curiosidades como as mexadas extemporáneas de Alberti no Madrid dos anos vinte, a estrambótica orixe (segundo Monterroso) da senlleira fecundidade creativa de Max Aub, como un día a asistenta de Cela ordenou a súa biblioteca para desesperación do Nobel (ou unha anécdota similar que lle aconteceu a Onetti), o sempiterno dandismo de Cernuda, as surrealistas escusas proporcionadas decotío por Macedonio Fernández, as sombrías (e desgrazadamente premonitorias) humoradas de García Lorca, unha máis que curiosa historia relativa á conspicua barba de Oliverio Girondo, a insonorizada habitación do sempre obsesivo Juan Ramón Jiménez, a «casa automatizada» de Oliverio Lanza, o palíndromo (aos que era tan afeccionado) co que Augusto Monterroso sacaba a relucir o seu diminutivo (el que tamén foi tan diminuto, aínda que só de estatura), os case vinte gatos cos que convivía María Zambrano e un longo etcétera. A brevidade dos textos, pero, sobre todo, a frescura e amenidade do estilo co que están escritos, fan que a lectura sexa sempre enriquecedora e calquera cousa menos aburrida.

O libro compleméntase de xeito apropiado cunha concisa biografía de cada un dos escritores retratados na que se inclúen os títulos das súas obras fundamentais e, nalgúns casos, algunhas páxinas web vencelladas a cada autor. En fin, unha proposta saudable de lectura para achegármonos a outras lecturas, pois, no fondo, niso mesmo se basea a cultura, en ir tecendo redes entre uns textos e outros, entre uns autores e outros ou entre uns lectores e outros.


mariopaz@avozdevilalba.com
Ilustración: Damián Flores

39 escritores y medio.
Jesús Marchamalo e Damián Flores.
Madrid: Siruela.
208 p.

24 de nov. de 2008

Illas de San Simón e San Antón: a recuperación dun sitio histórico

Redacción


O director Xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias, e o xerente da Fundación Illa de San Simón, Xabier Méndez, presentaron o pasado sábado 22 ás 17.30h no Auditorio Multiusos da Fundación os dous volumes e o DVD "Illas de San Simón e San Antonio, a recuperación dun sitio histórico", que recollen o devir histórico e proceso de revalorización deste punto da ría de Vigo. A obra, de dous tomos, foi editada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Fundación Illa de San Simón.
O primeiro adicase a repasar as etapas da vida do arquipélago, cunha cronoloxía que abrangue a súa evolución desde a Prehistoria ata a actualidade deténdose nos puntos máis coñecidos do seu devir como a Batalla de Rande (asinado por Jorge Guitián), o asentamento dun lazareto marítimo (Xavier Luaces e Cristina Toscano), e a reutilización da illa como cadea (Antonio Caeiro, Xoan A. González, Clara María de Saá e Xosé María Álvarez Cáccamo).
O segundo volume expón o proxecto de recuperación das illas: a rehabilitación das súas instalacións e a súa dignificación ao convertelas nun espazo público con nome propio dentro da memoria histórica colectiva. En total suman case setecentas páxinas que constitúen un exhaustivo repaso polos episodios máis importantes do enclave, así como a labor emprendida pola Consellaría de Cultura e Deporte por recobrar o seu uso público e declarala a "Illa da Memoria". Xunto cos dous volumes, a edición consta dun DVD de algo máis de 40 minutos de duración nos que se recompila a información exposta nos dous volumes con abundante material audiovisual.

Vilalba 1929

Redacción

Exemplos recentes como o da dixitalización dos fondos da Real Academia Galega el o Catálogo Castelao son boa proba de que no eido cultural as aplicacións das novas tecnoloxías poden ter un uso máis que desexable. Dalgún xeito, quizáis aínda impreciso, isto irá achegándonos a converter algún día a Internet nunha especie de grande biblioteca (aquela “Biblioteca de Babel” imaxinada por Borges) ou nun museo dixital, accesibles para calquera que, por diversas circunstancias non poda achegarse a os lugares onde se atopan os documentos orixinais ou as obras de arte que se desexen consultar.

Dentro dos cada vez máis numerosos programas e proxectos que participan na dixitalización de arquivos (ben sexan de libros, imaxes, vídeos, audio, etc.) impulsados polos organismos, institucións ou bibliotecas téñense procurado sempre dous obxectivos primordiais coma mínimo: a mellora nas condicións de accesibilidade e a conservación. Ámbolos dous por razóns obvias: o primeiro, porque un documento dixital ten dispoñibilidade para moitos usuarios ao mesmo tempo en calquera lugar do mundo e en calquer momento do día (ou da noite); o segundo, por cuestións lóxicas de preservación dos efectos da manipulación física dos documentos ou obras artísticas orixinais.

No que atinxe a Vilalba, concretamente, o Instituto de Estudos Chairegos anda a facer unha grande labor (non sabemos se sempre recoñecida) no referente á conservación dos fondos fotográficos privados e públicos relacionados coa vila e a bisbarra. Tal vez sería xa o momento de engadir a estes fondos un arquivo tamén dixitalizado de imaxes en movemento (vídeos, películas…), así como de arquivos de son. Non hai dúbida de que o poder da imaxe fixa, pero tamén en movemento, ten sido crucial ao longo de todo o século XX, nos grandes acontecementos da Historia, pero tamén na intrahistoria que todos nos imos construíndo día a día.

En fin, todo isto é doado propoñelo, pero non tanto facelo e para iso compriría unha aposta firme por parte das institucións (Concello, Diputación, Consellería...) para levalo a bo termo.

23 de nov. de 2008

Xornada de cine en Vilalba polo Día Internacional contra a violencia de xénero


Redacción

O Consorcio Audiovisual de Galicia colabora co Concello de Vilalba nunha xornada de cine temático para conmemorar o 25 de novembro, “Día Internacional contra a violencia de xénero”. Ao longo de nove anos o Concello ven desenvolvendo distintas actividades de sensibilización e concienciación sobre a lacra que supón a violencia exercida contra as mulleres.

Estea no, dentro das actividades conmemorativas, terá lugar a proxección de producións audiovisuais que traten esta temática. Entre elas se atopa a curtametraxe As cores do frío (Anxo Cendal, 2005), que pertence ao catálogo Curtas 06 do Consorcio Audiovisual de Galicia, e o filme Te doy mis ojos (Icíar Bollaín, 2003), que se proxectou o pasado venres no Auditorio Municipal de Vilalba.

As cores do frío presenta unha visión desgarradora da violencia doméstica a través dos ollos dun neno. Ambientado nun fogar frío e cruel, carente de cariño, a curta describe como a nai do protagonista, maltratada polo seu marido, traslada todo o seu odio en forma de violencia cara a súa sogra, unha anciá que, agora deitada nunha cama, viviu no seu matrimonio a mesma situación de maltrato. O neno, incapaz de escapar do círculo vicioso da violencia, tamén se empapa da realidade que lle rodea, converténdose nun ser capaz de acabar cun gato a martelazos.

O ciclo terá unha fin socio-educativa para concienciar da relevancia deste problema ao público máis novo a través do cine, convencidos de que eles e elas son a esperanza dunha sociedade onde ningún tipo de violencia teña cabida.

Cartas a Antón [179]



Bernardo García Cendán


Lugo, 21 de nov do 2008

Meu caro Antón:

Xa vexo, meu amigo, que non te avisaron, pero non te amouques porque xa somos dous. A min tampouco me dixeron nada. E ti, por certo, nunca cantaches na Coral Vilalbesa, eu si; ti non fuches dos fundadores aló polo 62, eu si. Ti non te ocupabas de dirixir barítonos e baixos, eu si. Ti non suaches a gota gorda, no verao, metido naqueles locais que os Guntín ocupaban na praza, fronte á igrexa, para aprendermos O Consolo. Eu si pasei quenturas compartidas co Goldar e con Alfonso de Burgás que en paz descanse. E co Toñito Paz, por exemplo, do que algún día cómpre falar. Así que, Antón, non te queixes de ter que saber polo xornal, a toro pasado, que A Coral Vilalbesa reuniuse en plano de festa para outorgarlle unha homenaxe, seica moi sentida, ao noso amigo Pepe Roca, quero dicir, ao noso Roquiña de sempre. Eu tamén che confeso que sentín non ter sido avisado porque, aínda que agora non podo cantar, síntome dalgún xeito pertencente á Coral e tento seguir os seus avatares, para gozar dos seus éxitos e animar canto podo se, por momentos, a cousa decae. Por certo, cando han volver os moitos que estiveron e aínda cantan moi ben?. Pero, máis que pola Coral mesma, lamento especialmente, neste caso, non o ter sabido porque faría o posible por estar e loar coa miña presenza a figura do Roquiña, un auténtico paradigma de músico popular e entusiasta que eu fun admirando ao longo da miña neneza e adolescencia e que agora aínda suscita no meu interior esa nostalxia cuasi-romántica que os que xa temos anos demais non confesamos, por pudor, pero que revive, sen pedir permiso, cando a ocasión se presta. Xa sabes, Antón, que os do teu tempo, e tamén do meu, non podemos esquecer aqueles sábados nos que pola tardiña se cortaba o pelo ao son dunha habanera froito dun Mato, facíanse zapatos con melodía dun valls do Manolo do Longo ou se acariñaba a madeira dun moble en construción ao ritmo da xota da Romaxe de Tardade. Fermosa mocidade na que viviamos a vida vilalbesa baixo o imperio, por unha vez agradable, do do-re-mi-fa-sol con mandolina. Non se concibe o Roquiña sen os seus remates agudos de tenor indiscutible na Misa de Perossi, e moito menos sen o seu saxofón nas mans. Supoño que aínda se derrete de satisfacción cando escoita a sonoridade tibia, acariñante e case humana dese instrumento nas mans dos seus netos que, por fortuna, tamén aman a música.

Vivir nun pobo pequeno sempre tivo as súas dificultades das que tanto lles comprace falar aos sociólogos, pero tampouco se privan estes estudosos de loar o moito que ten de positivo. Porque nun ámbito comunitario a xente ten rostro, ten nome, ten biografía, e ademais, en cada persoa, amoréase unha chea de lembranzas que son, en substancia, a transparencia dese colectivo que todos formamos. Isto é algo que ti, Antón, me repites a cotío, e seguramente tes razón cando te laias de que non facemos dabondo para que ese nome persoal, esa figura que se nos fixo tan próxima, eses pequenos protagonismos cos que se foi fiando o tecido da nosa historia local saian á luz algún día e teñan o seu momento de gloria para gozo de todos nós. Como é, por exemplo, o caso do Santiago G.Cillero que aínda fai fermosas cancións non editadas. Ou como é o caso, agora, do Roquiña. Non che estrañe, pois, meu amigo, que eu aproveite as túas pícaras observacións e as túas reprimendas de cabreado veciño para poñer nestas cartas as referencias que ti non queres deixar que se perdan no río terrible do silencio. Curiosamente, non hai moito falábasme de que ninguén lle agradeceu publicamente ao Carlos G. Osa que tivese a valentía de emprazar na indiscutible dereita vilalbesa o contrapunto dun partido nacionalista de esquerda. E agora é momento axeitado, insístesme, de poñer en alto o nome de Martín que, nese mesmo ámbito hostil, foi quen de ir sementando paseniñamente, con anos de esforzo, unhas ideas socialistas que, esperemos, non sexan deturpadas por intereses espurios. Pois ben, meu Antón, eu tampouco quero que o silencio rele os méritos destas persoas, porque estou seguro de que non haberá vilalbés ben nacido que, aínda que non chegue nunca a darlles o voto, non recoñeza a importancia de ter alternativas, porque tal é riqueza da variedade que toda intelixencia normal acepta e aplaude.

E xa vai ben por hoxe. Cando comecei a escribir non agardaba unha misiva tan longa. Cóidate e non deixes de amolarnos coas túas andrómenas. Unha aperta. Bernardo

22 de nov. de 2008

Juan Gómez-Jurado presenta a sua terceira novela en Vigo


Manuel París

Na tarde de hoxe tivo lugar en Vigo a presentación do novo libro de Juan Gómez-Jurado, escritor madrileño afincado en Compostela. Baixo o título El emblema del traidor (Plaza & Janés, 2008) atopamos unha novela ben contextualizada e documentada, unha obra moi completa á que non lle falta ningún ingrediente. De feito, foi galardoada o pasado mes de setembro co Premio Ciudad de Torrevieja -VII edición-, dotado con 360.000 euros.

O acto de presentación de El emblema del traidor celebrouse na Casa do Libro da cidade olívica ás oito da tarde, e contou coa presenza do xornalista Moncho Paz, que fixo de mestre de cerimonias nunha sala abarrotada de público. Tras o éxito acadado por Espía de Dios e Contrato con Dios, que chegaron a converterse en dous best-seller, a nova obra de Gómez-Jurado supera todas as expectativas. En verbas do autor, "con este relato o leitor atopará emoción e intriga, ademáis de ter a oportunidade de coñecer mellor o período histórico da Alemaña de entreguerras".

A acción desenvólvese precisamente nesa época, onde o seu protagonista, Paul Reiner, descobre que o seu pai foi asasinado, un feito que provoca que paseniñamente vaia afondando nunha realidade que non vai ser do seu agrado. E tamén nunha vinganza na que interveñen a masonería e o contexto histórico que caracterizou ao devandito período. A trama da obra parte dunha historia real, acontecida no estreito de Gibraltar en 1940, que un libreiro de Vigo contou a Gómez-Jurado e Moncho Paz nunha fría noite de outono hai un par de anos.

Trátase das peripecias de Manuel González Pereira, ex-capitán da Armada Española, que se arriscou a ir ao cárcere despois de salvar a vida de catro xermanos a piques de naufragar nunha patera, poñéndoos a salvo en Portugal. De ese ex-capitán o libreiro herdou o emblema de ouro que da título ao libro: unha águia bicéfala sobre unha cruz de ferro cun enorme diamante incrustado no peito. Tras investigar sobre a peza, Gómez-Jurado descubriu que era un símbolo masónico de altísimo rango que, ao parecer, pertenceu a unha persoa que traicionou ás lóxias masónicas durante a época dos nazis.

El emblema del traidor tamén foi presentado o pasado día 14 en Compostela, polo escritor Alfredo Conde. Mañá terá lugar outro acto en A Coruña, na sala de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, que contará coa participación do xornalista Ernesto Sánchez Pombo, subdirector de La Voz de Galicia. Para máis información sobre o libro, pódese visitar a páxina www.elemblemadeltraidor.com

20 de nov. de 2008

Proxecto Galicia e Heráldica

Redacción
Proxecto Galicia é un proxecto editorial de Hércules de Edicións que xa superou o medio centenar de tomos. O seu principal obxectivo é recoller todo o coñecemento sobre Galicia e contribuír na construción da identidade do pobo galego, o que inclúe estudos variados sobre Historia, Arte, Xeografía, Cartografía, Antropoloxía, Literatura, Botánica, Zoología, Ecoloxía, Dereito e agora Heráldica. Por iso, en 2007, Proxecto Galicia recibiu a Medalla Castelao, un dos galardóns máis prestixiosos da comunidade, pola súa contribución a engrandecer a nosa terra.
Agora, inaugurando a serie "Heráldica, Xenealoxía e Nobiliaria", continúase este ambicioso proxecto. Os encargados de dar a coñecer a obra son Carlos Acuña Louro, presidente da Asociación de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia; Luís Valero de Bernabé e Martín de Eugenio, director do Colexio Heráldico de España e das Indias, Mª Xosé Bravo San José, concelleira delegada de Cultura e Museos Científicos do Concello dá Coruña, e Francisco Rodríguez Igrexas, presidente de Hércules de Edicións e editor do Proxecto Galicia.
A serie consta de cinco volumes nos que se reproducen as dúas mil labras máis representativas de Galicia. Pois non é unha novidade saber que a nosa terra posúe unha das heráldicas máis ricas e variadas de Europa. Tanto en cidades, como vilas e aldeas abundan os escudos blasonados en pedra que adornan fachadas de edificios, monumentos, templos e sepulcro. Doutra banda, arquivos e bibliotecas están cheos de árbores genealóxicos e outros documentos que recollen multitude de emblemas heráldicos. Os catro primeiros tomos referiranse á heráldica xentilicia e familiar, mentres que o quinto abordará a heráldica municipal e institucional. Nestes volumes establécese a orde cronolóxica das pedras de armas, o que permite entender a composición heráldica, genealóxica e nobiliaria de Galicia en cada intervalo temporal desde o século XII até os nosos días. Preto de 40 expertos e investigadores participaron na elaboración da serie buscando manter todo o rigor e estruturando o traballo de forma divulgativa co fin de achegalo tanto aos expertos como a todos os lectores. Ao parecer, esta sería a primeira vez que en Galicia, e en España, realízase un estudo horizontal pormenorizado de todos os aspectos concretos de cada época, década a década, reinado a reinado, e século a século.

Foro de Cultura Local

Redacción
O Consello da Cultura Galega ten convocado o Foro de Cultura Local co fin de reflexionar sobre o papel actual das asociacións de cultura das vilas galegas. Trátase de definir novas vías, instrumentos e horizontes de actividade cara ao futuro. Neste foro intervirán coñecidos persoeiros coma José María Pérez (PERIDIS), Juan Carlos Prieto, Pablo Meira, Carlos Méixome, Carlos Forcadell, Manuel Gago e Alfredo Erias. Tamén participarán representantes de diferentes concellos galegos.
Non cabe dúbida de que moitas asociacións, así como outras entidades de cultura local teñen desenvolvido no ámbito galego desde hai moito máis de vinte e cinco anos un labor e unha función educadora que se poderían calificar de insubstituíbles no que se refie a promoción e divulgación dos estudos e coñecementos sobre a historia e os diferentes tipos de patrimonios locais. Isto ten permitido ademáis a conservación e posta en valor destes patrimonios materiais e espirituais que, doutra maneira, ficarían hoxe totalmente esquecidos, desaparecidos ou en vías de extinción. Tendo en conta a peculiar organización social galega, non é desacertado dicir que este labor foi especialmente salientable nas vilas onde a tradicional ausencia de institucións culturais foi particularmente solucionada polas asociacións de cultura local.
Por este motivo o Consello da Cultura Galega, consciente do importante labor destas asociacións pero tamén do feito de que as circunstancias sociopolíticas en Galicia mudaron moito nas últimas décadas, promove un foro de reflexión sobre o papel actual destas asociacións.
A xuntanza tenta ser un debate aberto entre os representantes das asociacións culturais galegas que permitirá a reflexión aberta sobre experiencias actuais doutras comunidades autónomas, sobre os estudos sociolóxicos centrados no seu papel en Galicia e sobre os novos instrumentos de comunicación que as novas tecnoloxías ofrecen. Este debate tentará identificar con claridade o novo contexto sociopolítico no que se desenvolve o seu traballo, pero sobre todo definir novas vías, instrumentos e horizontes de actividade cara ao futuro. Deste xeito, o papel de interlocutor e promotor cultural que sempre desempeñaron estas asociacións non esmorecerá diante dos novos retos e poderá servir para encarar con eficacia e acerto o futuro.
Pode verse máis información picando aquí, no Formulario de inscripción ou na web do Consello da Cultura Galega

Castelao on-line

Redacción

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, presentou no Museo Provincial o catálogo de fondos dixitalizados da obra de Castelao, que recolle na Web do Museo preto de dous mil debuxos do intelectual galeguista.
Este catálogo inclúe toda a obra plástica do rianxeiro custodiada neste Museo, un total de 1.611 traballos, dos que a súa maioría, 1.549 pezas, son debuxos, entre caricaturas, carteis, retratos de cegos, de emigrantes, de músicos, de homes e mulleres, de negros, de vellos, de temas de mar e relixiosos ou máscaras e paisaxes.
A procedencia destas pezas corresponde ás obras «Álbum e debuxos de Bretaña», «Álbumes de Guerra», «As cruces de pedra en Galicia e na Bretaña», «Cousas dá vida. As mulleres», «Debuxos de negros», «Diario de 1921», «Vos dous de sempre», «Cousas dá vida. Vos homes» e «Vos vellos non deben namorarse».
Neste estupendo catálogo, a través de sinxelas procuras, poderase contemplar ao detalle cada unha das súas pezas grazas ao sistema de reprodución fotográfica, sistema implantado nas webs de moitos museos do mundo pero que, neste caso, presenta a singularidade da excepcional calidade que alcanza, ao permitir a contemplación ao detalle de cada peza de xeito minucioso. En cada reprodución de peza facilítase información técnica que, ao parecer se irá enriquecendo con novas entradas e datos.
Pica aquí para acceder directamente ao catálogo Castelao

19 de nov. de 2008

Dixitalización dos fondos da Real Academia Galega

Redacción

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, asinaron hoxe día 19 pola mañá, na Coruña, un convenio co fin de realizar unha copia dixital este ano e o vindeiro boa parte dos documentos que se conservan na biblioteca e o arquivo da Real Academia Galega (RAG). Estes traballos serán financiados con 149.000 euros pola institución Cidade da Cultura de Galicia. A decisión vén dada pola importancia para a cultura galega dos fondos que garda a Real Academia. O obxectivo é asegurar a súa conservación, facilitar o seu acceso e estudo e difundir á sociedade este patrimonio. Estes fondos bibliográficos e documentais, unha vez convertidos ao formato dixital, pasarán a formar parte dos fondos dixitais da propia RAG e tamén do Arquivo Nacional e da Biblioteca Nacional de Galicia. Tamén poderán ser consultados por toda a sociedade, e en especial polos investigadores interesados no seu estudo, a través de Internet.

A Consellaría de Cultura e Deporte está a traballar nun ambicioso programa de dixitalización, que pretende incorporar a cultura galega á sociedade do coñecemento. Por iso, coa Real Academia Galega a Consellaría de Cultura comeza a dixitalización dos fondos das principais institucións culturais do país e da súa documentación culturais, sexa escrita, sonora ou audiovisual. Desta maneira tanto o Arquivo Nacional como a Biblioteca Nacional están a colaborar coas principais institucións culturais nun proceso de modernización neste eido que ten un carácter estratéxico para o país.

Este fondo permitirá non só unha mellor conservación do patrimonio documental, e o seu mellor coñecemento e difusión, democratizando o acceso á cultura, senón tamén, e sobre todo, a recuperación de fondos documentais inéditos ou pouco coñecidos, pois moitos deles atópanse depositados fóra de Galicia e a reconstrución virtual de fondos fragmentados físicamente e dispersos entre varias localizacións. O plan de dixitalización dos fondos documentais da Real Academia Galega conecta e baséase no traballo que xa a está a desenvolver a propia institución. Por iso, o primeiro fondo que vai ser dixitalizado é o dos Irmáns de la Iglesia, figuras sobranceiras do Renacemento cultural galego do século XIX. En fases posteriores, o plan de dixitalización abordará outros fondos ata completar o elenco dos que integran o seu arquivo e a súa biblioteca, incluíndo o propio fondo documental da Academia Galega. Tamén se acometerá a dixitalización de fondos de personaxes senlleiros da cultura galega como Marcial del Adalid, Manuel Curros Enríquez, Leiras Pulpeiro, Eduardo Pondal, Villar Ponte, Suárez Picallo ou Pascual Veiga, entre moitos outros. Dixitalizaranse ademais unhas 8.000 páxinas de publicacións periódicas, correspondentes a 33 títulos ou cabeceiras e un total de 121.320 páxinas de fondos bibliográficos, correspondentes a 792 obras.Entre os tesouros da biblioteca da Academia dixitalizaranse obras de Concepción Arenal, Alfredo Brañas, José Rodríguez Carracido, Manuel e Miguel Colmeiro, Manuel Curros Enríquez, Joaquín Díaz de Rábago, Juan Durán Loriga, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Nicomedes Pastor, Eduardo Pondal, Benito Vicetto ou José Villamil. As publicacións máis destacadas son: Estado Mayor (Lugo, 1811), Exacto Correo de España en la Coruña (A Coruña, 1810-1815), La Oliva (Vigo, 1856-1857), El Miño (Vigo (1857-1868), El Criticón (A Coruña, 1885), El Defensor de Galicia (A Coruña, 1856) ou La Ilustración de la Coruña ( A Coruña, 1860-1865).

Terrorismo en Vilalba


Xulio Xiz

O corpo pídeme escribir sobre a queima de dous camións perto de Vilalba, noticia da que se fixeron eco numerosos medios informativos.

Dame magoa e carraxe cando vexo ou escoito unha nova relativa a Vilalba que nos aparta da normalidade, que nos fai protagonistas de violencia, que nos fai noticia por motivo innoble.

En todos os sitios pode pasar algo así, de feito en todos os lugares pasan cousas a diario, das que algunhas se coñecen e outras non, das que algunhas merecen comentario e outras se comentan por si soas. Neste caso, sóubose dela moi lonxe, coméntase por si soa pero tamén merece recordala para escarnio dos seus autores.

Que dous camións ardan de madrugada en Santaballa pode ser un accidente, pero non o foi. Hai antecedentes de agresións a camións, pero ningunha coma esta, que puido desembocar nunha traxedia.

Os que queimaron os camións tiñan que saber que normalmente estes vehículos non son dunha empresa, senón que adoitan ser propiedade do condutor que o explota de xeito autónomo, traballando en exclusiva para unha empresa determinada, e o camión vai rotulado co nome e logos desa empresa. Pero é o traballador-propietario quen vai pagando o custoso camión co produto do seu traballo.

E cando hai algún tipo de conflito entre empresas e transportistas, os camioneiros están no medio e medio do problema pero non representan á patronal, senón que normalmente son a parte máis feble, a que paga os pratos rotos.

Tiñan que saber tamén os terroristas agresores que nestes grandes camións os condutores dormen nas mesmas cabinas, dunha banda, aforran gastos importantes nos hoteis, e doutra porque así poden precisamente vixiar camión e carga que doutra maneira estarían desguarnecidos durante a noite, a expensas de calquera roubo ou destrución. E visto está que fan ben en permanecer vixiantes día e noite para evitar – como estes dous transportistas fixeron- a destrución dos seus vehículos, xa que aínda que o lume afectou á caixa, a cabeza tractora, o máis valioso do vehículo, pudieron salvala.

Cóidase que os danos supuxeron máis de corenta mil euros, arredor de sete millóns de pesetas, que a saber se o seguro cobre, pero aínda que así sexa sempre quedará o problema do susto, da tranquilidade presente e futura, do tempo preciso para amañar os desperfectos ou conseguir un novo remolque. Os malfeitores ben poden estar seguros de ter provocado un sentimento de desprezo e odio polo seu facer, que seguro tampouco os afecta demasiado.

Sempre pensamos que estas cousas non poden pasar perto de onde nós vivimos. Estas cousas pásanlle aos demáis, e sempre moi lonxe. As catástrofes pasan sempre en lugares subdesenvolvidos, e os criminais teñen un ambito xeográfico de actuación que nunca coincide coas fronteiras dos nosos pobos ou comarcas.

E de súpeto comprobamos que si, que os bárbaros poden existir entre os civilizados, que os delincuentes nacen ou se fan en calquera lado, e que hai que ser moi desalmado para tentar queimar un camión cun condutor dentro.

Mágoa, Vilalba, ter que falar desta barbaridade en lugar da ceremonia deste sábado pasado no Muíño do Rañego, onde se investiron "Chairegos de honra" a Xosé Neira Vilas e á súa dona, Anisia Miranda.

Pero un fala do que ten que falar e non do que lle gostaría. Feitos coma este merecen a repulsa de todos, e a miña queda dita.

Foto: Cristina Arias/El Correo Gallego

18 de nov. de 2008

Antón Reixa continuará ao frente do CLAG


Redacción

Antón Reixa foi elexido por segunda vez presidente do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) na asemblea extraordinaria celebrada en Compostela. Reixa leva ao fronte do CLAG dende novembro de 2005, período no que se puxeron en marcha iniciativas como a creación e o vindeiro lanzamento da marca "Galicia Audiovisual", a creación da Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega i+dea, ou a celebración do Foro da Industria da Animación, entre outras.

A traxectoria do CLAG no trienio 2005-2008 caracterízase por un marcado incremento do asociacionismo e unha cada vez maior internacionalización. O número de empresas asociadas neste tempo medrou máis dun 50%, pasando de 32 ás 50 compañías que hoxe integran o CLAG, procedentes de todos os segmentos de actividade da cadea de valor do sector audiovisual.

Os principais proxectos para 2009 obedecen á estratexia duna maior presenza nos mercados e feiras internacionais, considerados polo CLAG como unha plataforma idónea para a promoción da marca "Galicia Audiovisual". Na axenda do CLAG para o vindeiro ano figuran destinos como Berlín, onde asistirá ao European Film Market no mes de febreiro; ou Cannes, onde haberá unha doble cita no MIP TV en abril, e no MIPCOM, en outubro. O CLAG tamén estará presente no Movilforum de Barcelona e no Broadcast de Madrid, onde por primeira vez forma parte como membro do comité organizador.

A tumba de Lorca e o lugar simbólico

Bruno Marcos
Co procedemento que o xuíz da audiencia nacional Baltasar Garzón iniciou, primeiro, para crear un censo de persoas desaparecidas e represaliadas durante a guerra civil española e o franquismo e, despois, para xulgar aqueles sucesos como crimes contra a Humanidade, fixo emerxer de novo un tema crucial da nosa memoria colectiva, o da tumba de Federico García Lorca.
A reconstrución dos acontecementos da noite do 18 ao 19 de Agosto de 1936 segue obsesionando a historiadores, escritores, cineastas e á sociedade española en xeral. Polo momento o crebacabezas resólvese cun relato que leva ao poeta desde a casa dos Rosales na que se achaba refuxiado até a paraxe de Víznar, xunto á fonte de Aynadamar, onde, en compañía dun mestre coxo, Dióscoro, e dous banderilleiros da CNT, Francisco Galadí Melgar e Joaquín Arcollas Cabezas, chegoulle a morte, polo que contan á orde do mismísimo Queipo de Llano ao teléfono, coa expresión moi castiza de: «Dalle café, moito café». Se a iso unímoslle as que, polo visto, foron palabras dun tal Trescastro ao chegar a unha taberna despois do asasinato: «Dinlle dous tiros no cu a Lorca por maricón», á traxedia incorpóraselle unha sensación de putrefacción moral que a fai irrespirable.
Un dos aspectos máis inquietantes do asunto é a convencida oposición da familia Lorca a que se desenterren os restos do poeta. En gran medida a opinión pública vén sentíndose desconcertada por esta negativa para que se produza a exhumación que si piden os descendentes do mestre e dos banderilleiros.
Ian Gibson, seguramente a maior autoridade sobre os aspectos biográficos do final de Federico, preguntado pola postura dos descendentes contestou: «Lorca pertence á humanidade, non á súa familia. É un emblema, deu a súa vida por España, é un mártir». Con todo moitos outros pensan de forma distinta. Escribiu Javier Marías recentemente: «Quen nos asegura que o que quede de quen foi García Lorca non prefire seguir xunto aos restos do mestre e os banderilleros que o acompañaron no último tramo, e quizá lle infundiron enteireza e ánimo?»
Francisco Ayala, desde a atalaia dos seus 102 anos, afirmaba por mor da polémica: «Son partidario de non tocarlle. Non hai que trapichear cos cadáveres. Créoo moi sinaladamente no caso de Lorca. Non hai que facer nada.»
Falouse da posibilidade de que a especulación inmobiliaria, unha vez arrincados do barranco os refugallos do dramaturgo granadino, borrase da face da terra o escenario do crime que nin siquera o franquismo se atreveu a destruír. Tamén se expresaron os temores cara á curiosidade malsana dos medios de comunicación e o consecuente espectáculo en que se convertería o levantamento dos esqueletos. «Cremos -dixeron os parentes- que este é un xeito de preservar o barranco de Víznar como lugar da memoria colectiva, pública e civil. Continuamos opóndonos a que a exhumación se converta nun espectáculo mediático. E por último consideramos infame a insinuación de que a defensa de preservar intacto un lugar de memoria sexa equiparable a unha oposición ao estudo rigoroso da guerra civil e a represión franquista».
Estes días declarou, tamén a familia, que Franco, illado internacionalmente naquel entón, ofreceulles dar boa sepultura ao poeta, pero, considerando que así se borraría a memoria de tantos anónimos masacrados, negáronse. Dicía Azaña: «O primeiro que se fai cos homes ilustres é desenterralos. En España a teima da exhumación sopra por refachos».
Sen dúbida algún compoñente distinto existe no caso do gran poeta. Algo fai que un certo sentimento de profanación rodee o tema da recuperación dos seus restos. Preséntasenos como un caso bastante diferente ao dos demais desaparecidos nos que observamos aos descendentes conmoverse ante a aparición da montura duns lentes, do anel de alianza ou do buraco dunha bala no cranio do avó.
No caso de Lorca o lugar en que se supón que está enterrado cobrou todos os atributos dun lugar simbólico. As oliveiras retortas, a fonte das bágoas, a obrigada e íntima compañía do mestre e os banderilleros unidos polo derradeiro transo. É coma se o lugar formase parte del, coma se esa paisaxe lorquiana do seu fin fose parte de Lorca. Ningún sentir social parece pedir unha reparación moral maior que esa, porque o lugar serve de cemiterio e de monumento sen ser nin un cemiterio nin un monumento axuntando as dúas memorias, a do poeta e a da traxedia individual e colectiva.
Traducción e fotografía: Mario Paz González

17 de nov. de 2008

Segundas mesas de participación cidadán na Axenda 21 de Guitiriz


Redacción

O Concello de Guitiriz está a promover ao longo deste ano a participación cidadán no proceso de elaboración da Axenda 21 Local a través da organización de mesas de traballo nas que se convocan aos principais axentes representativos do municipio. As devanditas mesas teñen por obxecto contribuír no proceso de creación dun concello que sexa exemplo de crecemento económico e social á vez que un modelo de respecto e protección do medio ambiente.

Por este motivo Guitiriz porá en marcha as segundas mesas -poboacional e asociativa/empresarial- o martes 18 de novembro, ás 16:30 e ás 18:30 horas, respectivamente. Estas segundas mesas se participación cidadá celebraránse na Casa Habanera e terán como finalidade avaliar as principais problemáticas que foron extraídas das que tiveron lugar o pasado mes de abril, así como do documento de prediagnóstico elaborado durante o presente ano. Deste xeito poderanse priorizar e suxerir propostas de cambio e estratexias para unha mellora ambiental e socioeconómica de Guitiriz.

Para rematar, traballarase tamén na conformación do Comité de Xestión do Núcleo, órgano consultivo, asesor e de carácter interdisciplinar destinado a consensuar a toma de decisións do futuro Plan de Acción. Este comité estará integrado por representantes das diferentes mesas de participación cidadá que valorarán e priorizarán os futuros proxectos de mellora a por en marcha no municipio de Guitiriz.

Lembranza dun neno galego



Pilar Maseda

A pasada fin de semana estivemos na aldea, na antiga casa patrucial de miña nai, no Coto, en Ferreira (Lanzós). Fomos case toda a familia, unha familia curta xa que logo de seis irmáns só a miña nai e unha irmá teñen fillos.

A miña tía tivo un fillo de moza; naquela época, nos anos sesenta, veuse obrigada a emigrar a Londres deixando ao seu bebé a cargo dos meus avós, pois non podía entrar no país co seu fillo. Alá casou cun italiano da profunda Nápoles e tivo outro fillo máis, a familia é curta. Somos cinco os herdeiros da casa do “Coto”.

Todos os anos por estas datas celebramos o San Martiño, e dende que teño uso de razón sempre vou facer a comida para os convidados. Claro que todo ten cambiado moito no lugar: a casa xa non é aquela onde convivían persoas e animais, agora a cociña non é de lareira nin o chan é de terra, as cortes que estaban ao carón agora son un fermoso comedor de pedra e madeira restaurados. Na aira xa non hai palleiros e na fronte da casa, coma moitos, están a agardar que lles asfalten o curral.

Cóntovos todo isto porque me emocionei coma lle pasou a Paulo Naseiro volvendo a ler ao Balbino o neno labrego de Neira Vilas. Rápido veume á mente o meu primo Miguel, aquel rapaz ao que a súa nai deixou na aldea para ser criado polos avós. Aquel rapaz do que os demais nenos se rían cando viña á escola a Vilalba, non só por non saber o castelán, senón tamén por un certo tatexo que lle saía ao falar.

Hai case vinte anos que non vexo ao Miguel, aquel rapaz de pel moura criado en Lanzós. Sei ben que se sentía desgrazado cando viña á escola, pero estaba en idade de se escolarizar, cando él só era un rapaz que levaba a alindar ás vacas ao vilar do Muíño do Queimado, onde parecía que non pasaba o tempo e toda influencia da vila era remota.

Velaí que un día a miña tía -súa nai- chegou de Londres pola sega, coma todos os anos, co seu home Toni, aquel italiano de Nápoles que odiaba os tomates crus. Segundo el alá na súa aldea só comían tomates no tempo da fame da posguerra italiana. Esta parella galego-italiana tivo outro fillo ao que lle puxeron de nome Franco De nena nunca entendín porque lle chamaban así, xa que aquí nos custara tantos anos desfacermonos do ditador. Logo souben que Franco é nome propio en italiano, e foi un pequeno alivio.

Pero volvendo ao Miguel, aquel neno da aldea, lémbroo cunha ollada inmensa e un pelo ensortellado, con aquela pelame xogando ao fútbol no campo da aira cando lle deron a nova, Migueliño -díxolle a avoa Consuelo-, a túa nai quérete levar para Inglaterra. Eu era pequena, unha nena, non entendía como ía facer Miguel en Londres, alí non había vacas nin prados de herba para virar. Como ía facer Miguel para entenderse? Case non falaba castelán e moito menos inglés.

E así, como outro máis, o Miguel foise para o estranxeiro, como se dicía na casa. Unha grande tristura invadiu a faciana dos avós e da súa madriña, que o criaran. A casa do Coto quedou baleira e triste.Volvín velo só unha vez, pasados uns anos. Viñera ver á familia pois morrera o avó Xosé, que fora o seu pai adoptivo.

Ó miña nai querida!. Viña moi cambiado. Non só o seu aspecto era distinto: traía roupa moderna, falaba con acento. Por aquel entón estreábase aquí a película Grease, e Miguel bailaba coma Travolta e as súas guedellas lembraban aqueles peiteados anos setenta, rizados con moitísimo volume. Aquel neno do Coto era un rapaz moi moderno, falaba perfectamente castelán e inglés, mais non esquecera o galego. Eu estaba abraiada, non podía crelo!

Pasaron os anos e nunca volveu, nin unha carta escribiu. Sei que viaxou por Europa, que estudou idiomas, e que un día marchou de Londres. Decidiu ir máis lonxe. Xa era un emigrante, e chegou até as antípodas. Está en Auckland, Nova Zelandia onde din que a vida é un paraíso.

Un día, navegando por internet, atopeino. É un home de negocios. Vino nunha fotografía: nótase que pasa dos corenta, e alá está rexentando cun socio francés un negocio de importación de viños selectos. O caso é que aínda teño un remorso na alma porque nunca volveu, a pesar de que moito ten cambiado todo aquí, pois xa estamos europeizados. Segundo me contan sempre di que un ano destes ha volver, pero o caso é que está lonxe, un galego máis que perdeu a patria.

Non se me vai da mente, levo unha loita constante pola permanencia no meu interior, intento educar aos meus fillos no amor propio á terra, pero ten razón Paulo, no seu artigo: nós somos aquela xeración que aínda medrou entre dúas linguas e moitas diferencias de clase. Quizáis eu non volva a ver ao Miguel, aquel neno da aldea; pero volvo cada ano ao San Martiño ás terras de miña avoa, na Chá.

A pasada fin de semana levei ao Mato e aos nosos fillos ao Muíño do Queimado, e con asombro descubrimos que está practicamente intacto, como eu o lembraba, iso si tapado con felgos que chegan até o tellado. Aló fomos con botas até os xeonllos por camiños de pedra impracticables. Dicíame Mato á volta: dende logo se o contamos moita xente non ha crer que isto aínda exista, porque é un lugar puro case sen adulterar, rodeado de curros e veigas por onde non pasa o tempo. Ese é o lugar da miña dualidade persoal, de filla de labregos e nena de pobo dos anos setenta.

Por último quixera dicir que poda que aínda perduren na nosa memoria algunhas diferenzas, pero non teñen que ser todas negativas. A vida ponnos no camiño, no lugar que toca, e nós somos semente que ten que medrar, rodeada doutras sementes Moitos ficamos outros escollen novos camiños que sementar.

Só a terra ten a resposta
ela estará aquí cando eu non exista,
cando sexamos ninguén en ningures
ela estará aquí.
Velando polos nosos fillos.

Chairegos de honra


Redacción

Xosé Neira Vilas e a súa dona Anisia Miranda foron investidos Chairegos de Honra nun acto organizado pola Fundación Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos, e celebrado o sábado 15 de novembro no Muíño do Rañego de Vilalba.

A pedagoga Antía Cal e os escritores Marica Campo e Ramón Regueira lembraron os anos da emigración en Arxentina e Cuba, a fecunda obra literaria da parella, os máis de cincoenta anos que levan xuntos, o retorno a Galiza en 1992 ou o compromiso co galeguismo de Anisia, cubana de nacemento. Esta, pola súa banda, amosou o seu orgullo por ter asistido a un mítin de Castelao, cando contaba con seis anos de idade, na súa provincia natal de Ciego de Ávila, e lembrou como coñeceu a Neira Vilas no Buenos Aires dos anos cincoenta.

O autor das Memorias dun neno labrego agradeceu a distinción cun emotivo parlamento no que glosou a súa relación coa Terra Chá e con personaxes chairegos. O acto rematou coa entregra dunha praca e unha vasixa conmemorativa de cerámica de Bonxe, ao que seguiu un xantar de irmandade.

Pódese ver a secuencia gráfica do día, da man de Paulo Naseiro, seguindo o enlace seguinte:

Chairegos de Honra: Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda

16 de nov. de 2008

Bos Aires: “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”

Redacción
O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, deu unha charla onte xoves día 13 no Centro Galicia de Bos Aires (Arxentina) sobre “O legado da emigración e a súa importancia para Galicia”. Tamén hoxe venres presentará dúas publicacións editadas polo Consello da Cultura Galega na sede da Federación de Sociedades Galegas en homenaxe á memoria de Ramón Suárez Picallo, ilustre galeguista e republicano. Unha delas é un libro e CD que reúne pasaxes de once conferencias pronunciadas polo brillante orador en Bos Aires entre 1959 e 1964 e leva por título Unha voz galega no exilio. Esta publicación fai, ademáis, o número 22 da colección “As nosas voces”. A outra que presentou xunto a ela é o libro Escolma de textos en galego, que agrupa artigos xornalísticos, cartas e poemas. Nestas iniciativas editoriais colabora, xunto ao CCG, o Concello de Sada (A Coruña), lugar onde naceu Ramón Suárez Picallo e a onde foron trasladados os seus restos hai un mes.
Maná sábado, día 15, Ramón Villares inaugurará no Centro Galicia a mostra itinerante, que xa puido verse en Lisboa e Sevilla, “Nós mesmos. Asociacionismo Galego na Emigración”, promovida polo Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración. Nela resúmese en 62 paneis verbo-icónicos mais dun século de historia do asociacionismo e a capacidade autoorganizadora da emigración galega.
Ramón Villares, que viaxou a Arxentina acompañado polo xerente do CCG, Marcelino Fernández Santiago, e Emilia García López, Técnica do Arquivo da Emigración Galega, aproveitará tamén esta viaxe para manter un encontro no Instituto Histórico da cidade de Bos Aires e entrevistarse con Carina Frid e Fernando Devoto, responsables de Estudios Migratorios da Universidade de Rosario e do Instituto Ravignani da Universidade de Bos Aires, respectivamente.

14 de nov. de 2008

Campeonato de Taekwondo "Concello de As Pontes 2008"

Redacción

Este sábado a partir das 16.00 horas no Pavillón Municipal dos Deportes das Pontes de García Rodríguez disputásese o Campionato Internacional de Técnica de Tae Kwon-Do "Concello As Pontes" da presente tempada, no cal se darán cita 10 clubs de Galicia e Portugal cun total próximo aos 150 deportistas tanto de categorías infantís como adultos.

Corramos como galegos (tamén en New York)!

Redacción
O maratón é, sen dúbida, unha das probas de atletismo máis populares que existen como demostra o feito de estar incluido xa en 1897 nos primeiros Xogos Olímpicos da era moderna celebrados en Atenas. En moitas cidades do mundo se corre esta proba unha vez ao ano, de xeito organizado e certificado, Boston (que, por certo, é o único onde, para poder participar, é necesario cualificar con certo tempo segundo a túa categoría noutro maratón certificado), Londres, París, Chicago ou Berlín, pódense contar tamén entre os máis afamados.
Pero, sen lugar a dúbida, o maratón ao que máis persoas desexan asistir é o Maratón de New York, que se leva correndo desde hai case coarenta anos, en 1970, contando naquel entón co irrisorio número de 55 finalistas e un presuposto en premios de só un milleiro de dólares. Son tantas as solicitudes para participar neste evento, que din que os dorsais para corredores estranxeiros só se poden adquirir a través das axencias autorizadas de cada país.
Como outra proba da súa importancia está o feito de que o número de participantes ten medrado de xeito incrible nos últimos anos. As cifras de máis de 9.000 maratonianos en 1978, 27.000 en 1995 ou 31.786 en 1999 falan por si mesmas. No ano 2000 incluíuse por vez primeira a competencia para a categoría en cadeira de rodas. Ademáis nas últimas convocatorias colaboran 12.000 voluntarios, milleiros de funcionarios púbricos, mentres máis de dous millóns de espectadores abarrotan as rúas e dez millóns máis o siguen a través da televisión en todo mundo.
Este ano, facéndolle honra a aquel slogan de “Vivamos como galegos tamén en New York!” (ver canle de vídeos de A Voz de Vilalba), tres galegos correron neste importante evento o pasado 2 de novembro. Quizáis pretendían ir abrindo camiño para a chegada das pulpeiras, dos hórreos a Wall Street, das empanadas, de Supergaiteiro ou do magosto, pulpada e churrascada en Central Park (organizado polo Concello de New York). En fin, que dous ousados destes tres galegos eran, ademáis, chairegos: Antón Montes Hermida (Cinturón negro 7.º DAN e bicampeón de España de taekwondo, á esquerda na imaxe) e David Filgueiras Rama (médico cardiólogo que exerce en New York, cunha luba á dereita na imaxe). Noraboa, xa que logo, aos dous.
Non, si xa nolo tiña dito no seu día Leonard Cohen: “First we take Manhattan...”

13 de nov. de 2008

Vilalba e a música


Xulio Xiz

Vivimos tempos musicais. E a cotío temos arredor de nós ofertas numerosas que nos permiten disfrutar dos máis diversos estilos sen maiores dispendios. Estes últimos dias en Vilalba, foi un bo exemplo, con alomenos tres estilos musicais ben diferentes.

Primeiro foi Giselle, representada polo Teatro Nacional de Lviv (Ucrania), un deses importantes grupos do que antes se chamaba “detrás do telón de aceiro”, onde priman as artes por riba de moitas outras consideracións. Souben del, aparte do que publicaban os medios informativos, porque uns amigos de Viveiro de paso por Lugo me comentaron que ían para Vilalba ver unha actuación de ballet que chamara a súa atención.

A parte moderna, pop ou como se lle chame, estivo ocupada o sábado, día oito, pola actuación de David Civera na discoteca Troco, volvendo ó programa de grandes actuacións que as discotecas da provincia tiveron en tempos, nas que destacaba de xeito estelar Hermo de Muimenta que con Manolo Escobar chegou a alcanzar os ceos da música, e nas taquillas da discoteca os billetes de mil recollíanse nos cestos do pan da panadería dos irmáns Morán, propietarios da máis famosa discoteca da Terra Chá.

E queda a parte correspondente á música coral, na que Vilalba sempre foi unha potencia, e nesta ocasión estivo representada polo recital “Vai de Camiño”, organizado pola Polifónica Vilalbesa que trouxo para acompañala as corais Virxe do Mar de Cedeira, Cantigas do Castro de Baión, e Villa Blanca de Luarca. O recital “Vai de Camiño”, todo hai que dicilo, celébrase en Vilalba e patrocínao O Xacobeo, porque por Vilalba pasa o Camiño do Norte a Compostela.

En fin, que todo é música, e para gustos variados. Ninguén pode queixarse de falta de oportunidade para os melómanos dun pobo no que a música tivo papel especial, e especial atención por parte de todos.

Por certo que falta moi pouco para a Santa Cecilia, patrona da música, na que desde hai ben anos eu sempre vou a Vilalba, como socio de honra da Polifónica que preside Alfonso Baamonde.

Veño de recibir a invitación que Alfonso nos manda á miña muller e a min todos os anos, a modo de saluda do presidente da Coral. Pero antes xa ma adiantou telefónicamente.

Como se fixelle falla!. Eu xa sei que o sábado máis preto do día vintedous -este ano cadra exactamente- teño que chegar a tempo para a misa que ás sete e media da tarde se celebra na igrexa parroquial, que outros anos celebraba o actual bispo de Lugo para que don Uxío pudiese dirixir a Coral. E que ó remate da misa imos ata o Centro Cultural onde adoita haber algunha actuación para escoitar música e facer tempo para a cea.

A cea, ás dez da noite, tense feito no Parador, no Carrizo, e desde hai uns anos no Terra Chá. Alí estaremos os membros da coral, veteranos e novos, presididos por Alfonso Baamonde e o santo varón que os dirixe, Uxío García Amor, , o alcalde, e Tito – antigo alcalde- e señora, que como sempre virá armado cun puro que parecerá un arma de extinción masiva, e a miña muller e máis eu que sen cantar somos da casa desde hai vintecinco anos.

E pasarémolo moi ben coma sempre, porque estar entre amigos, antigos e novos, na terra que é de un, aínda que sexa unha vez ó ano, é placer indefinible, que carga as pilas para todo o ano.

12 de nov. de 2008

Refundar refundarei...

Por César Reis

Imos ver, deixen que me aclare. Ou sexa que, ao final, o presidente Rodríguez Zapatero vai acudir ao famoso cumio do próximo 15 de novembro en Washington, ese no que din que se vai “refundar” (ese palabro) o capitalismo ou, dito eufemísticamente como adoita preferir a prensa, “reformar o sistema financieiro mundial con resultados concretos no prazo de cen días”. E que o vai facer como parte da representación europea xunto con Alemaña, Francia, Reino Unido e Italia, membros estes catro do G-20, o grupo dos países máis ricos e das economías máis emerxentes. Que queren que lles diga? Non me parece mal, non serei eu quen o critique. Sexa como for, Sarkozy dixit, Zapatero iría en representación da “oitava potencia económica mundial” (España). Iso si, simplemente desexaría facer unha pequena puntualización, coido que necesaria, pois penso que nesa reunión hai alguén que non debería de ningún xeito faltar. E non me refiro a Joe The Plumber (of course), senón a outro persoeiro singular, Reinhard Marx, arcebispo de Múnic e Freising. Non, non se asombren nen alporicen (ou alomenos agarden aínda un anaco), tampouco me xulguen tan rápido. Só deixen que me remita aos feitos. Empezarei, como debe ser, polo comezo.

Hai case vinte anos, na madrugada do 9 de novembro de 1989, comezou por parte dos cidadáns de ámbolos dous lados da Alemaña o derrube do muro de Berlín, aquela “extravagante” construción que durante case trinta anos cometeu a brutal atrocidade de dividir unha cidade en dúas, cernando con iso a vida dos seus cidadáns, separando a amigos, familiares, vidas e traballos e convertendo a Berlín Occidental nunha especie de illa incrustada no medio da República Democrática Alemá, unha illa da que apenas podía saírse a non ser por vía aérea. Aquel acontecemento histórico que foi a caída do muro adoita verse hoxe como un feito simbólico que habería de marcar o fin dun sistema económico, político e social, así como o de toda unha era. Como consecuencia diso viría ao pouco tempo algo que xa se estaba xestando, o proceso de reestructuración (Perestroika), desmembramiento e desaparición dun dos grandes bloques da chamada “guerra fría”, a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS), un macro estado totalitario que ademais exercía un forte control sobre moitos dos países da súa órbita aínda que non estivesen incluídos directamente nela.

Coa caída do muro, de súpeto, un gran número de intelectuais e políticos de todo o mundo sentíu que estaba a perder moitas das referencias que marcaran, até aquel momento, boa parte dos seus soños e, se así se quere, das súas utopías. A cousa non pillou á maioría de novas, xa que, desde moitas décadas antes, cada vez máis sectores viñan cuestionando un tipo de organización como aquel, que limitaba enormemente as liberdades individuais (chámese ditadura, do signo que sexa). A estampida, ideolóxicamente falando, non se fixo esperar e tivo lugar en masa. Ninguén parecía querer saber xa nada desa ideoloxía, de súpeto obsoleta, que nacera a finais do século anterior cargada de boas intencións e dun idealismo, afortunadamente, inxenuo, pero que agora se vira que acabara rematando dun xeito inapropiado (véxase paréntese anterior). Cómpre sinalar aquí que o que viría despois para moitos deses países que formaban parte do bloque, como Rusia, non habería de ser, polo menos en aparencia, moito mellor que o que tiñan.

Neste momento, uns cantos anos despois, prodúcese outra caída, a do capitalismo férreamente defendido polas ideoloxías de signo liberal que tanto se loubaron de que o mundo sería distinto tras o fin daquelas doces e falsas utopías. Pero agora si soou a agardada voz de alarma e hai que tentar “refundalo” canto antes, ao capitalismo enténdese.

Chegados a este punto, non podo deixar de preguntarme: por que entre tanto cranio privilexiado que se autoproclamara marxista, comunista ou socialista, ninguén tivo a lucidez naqueles momentos de confusión de propor a necesidade dunha estratexia parecida, é dicir, de “refundar” o socialismo, o marxismo ou o comunismo? Por que ninguén dixo: “Hei nachos, xuntémonos todos en Moscova a ver se reanimamos isto?” En lugar diso as ratas abandonaron rapidamente o barco mirando cara a outro lado coma se a cousa non fose con eles (ata lle restituiron o vello nome de San Petersburgo a Leningrado).

Ata que, case vinte anos despois, entrou en escea monseñor Reinhard Marx.

A casualidade do apelido xa daría pé para unha serie de bromas que, por respecto, absterémonos de realizar aquí. De calquera xeito vese que as declaracións das altas xerarquías eclesiásticas dan, últimamente, abondo máis xogo que as de moitos políticos reputados. O caso é que Reinhard Marx, arcebispo de Múnic e Freising, acaba de publicar un libro titulado O capital (como oen), de igual título e formato ao do seu homónimo de apelido, aquel entrañable don Carlos. Un libro, asegura en Der Spiegel (27-X-2008), “concienzudamente traballado” no que defende unha economía redeseñada en función de normas éticas, pois, segundo el, “a doutrina social da Igrexa é crítica co capitalismo”, pois este, non é senón un pecado relacionado coa “cobiza”. Porque, engade, “Karl Marx non está morto e hai que tomalo en serio”, iso si, sen “deixarse arrastrar polas insensateces e atrocidades cometidas no seu nome no século XX”. Ou sexa, que parece que o que propón este home é algo que a ninguén pareceu ocorrérselle propor no seu día (ou si?): “refundar” o socialismo no estilo daquela Primavera de Praga, que non buscaba máis que un intento de liberalización política do bloque hexemónico a través dun “socialismo con rostro humano”, tal como proclamaron Alexander Dubček e os seus colaboradores cando se converteu en presidente do Partido Comunista da antiga Checoslovaquia en xaneiro de 1968, fai agora 40 anos.

Pero en fin, non nos enganemos, o socialismo non se refundou, non por falta de cranios privilexiados, senón porque debeuse pensar que, ao contrario do que está a suceder agora (a partires deste 15 de novembro en Washington) co capitalismo, non era, no fondo, algo tan rentable, polo menos para algúns, xa me entenden (bussines is bussines). Tampouco sexamos inxenuos. Postos a refundar ao mellor aínda é máis doado conseguir que, antes que o socialismo, se refunde o surrealismo, o dadaísmo, o futurismo, o postismo ou, poñamos por caso, o Hartismo. Así que non vaiamos crer agora que esta proposta de repensar o marxismo vai vir de alguén como monseñor Reinhard Marx, pois, por moi boas intencións que teña, pertence ao clube que pertence, un clube que non se caracteriza, precisamente, polo seu espírito xacobino (teoloxía da liberación aparte). Porque, tal e como sinalou Klaus Peter Kisker, profesor que imparte un curso sobre socialismo titulado Marx Reloaded na Universidade Libre de Berlín (FU), “a Igrexa católica, igual que moitos actores sociais, apuntouse a criticar o capitalismo e a globalización, pero non cuestiona as verdadeiras causas da crise e das desigualdades sociais”. Velaí o quid da cuestión.

cesar.reis.alveiros@gmail.com

Presentada a Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega i+dea


Redacción

Máis de 70 profesionais, procedentes de empresas, institucións, universidades e centros tecnolóxicos, asistiron o pasado venres en Compostela á presentación da Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega i+dea, liderada polo Cluster Audiovisual Galego (CLAG), nun acto que estivo presidido polo Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco -na fotografía- e o presidente da Plataforma, Antón Reixa.

Na sesión interviron o director xeral de I+D da Xunta de Galicia Salustiano Mato; o director do Grupo de Aplicación de Telecomunicacións Audiovisuais da Universidade Politécnica de Madrid, Jose Manuel Menéndez; o conselleiro técnico da Dirección Xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Jesús Cañadas; o secretario da Plataforma Tecnolóxica Española de tecnoloxías Audiovisuais en Rede, eNEM, e membro de AETIC, Julián Seseña; o director de TVG, Xesús Iglesias; e o coordinador da Plataforma Tecnolóxica Valenciana de Tecnoloxías Audiovisuais en Rede, Vicente de Gracia.

A misión de i+dea, segundo explicou Fernando Blanco, é "facilitar o vínculo e intercambio de coñecementos entre empresas e asociacións empresariais, centros tecnolóxicos, organismos institucionais e grupos de investigación universitarios". Entre os obxectivos da plataforma está mobilizar unha masa crítica de investigación, desenvolvemento e innovación que potencie grandes proxectos cooperativos e que supoña avances tecnolóxicos no audiovisual galego.

A Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega conta con 77 socios (empresas, centros tecnolóxicos, grupos universitarios, entidades públicas, organizacións empresariais e unha fundación). Deste xeito, a Plataforma queda integrada polos estamentos científicos, tecnolóxicos e industriais do sector e a propia Administración, con capacidade para consensuar estratexias en Galicia en investigación e desenvolvemento tecnolóxico do audiovisual, e identificar, definir tendencias e explorar novas e emerxentes oportunidades de investigación que teñan un impacto real no tecido industrial galego.