
A rumoroloxía apunta ademais a un máis ca evidente fartazgo a respecto do liderazgo local, e non pasa día que non se escoiten informacións sobre disensións, abertas rupturas ou, incluso, affaires tabernarios que, á forza de dar voltas, sufren permanentes cambios de versión, desorientan ao electorado e ridiculizan á formación conservadora.
Non é secreto ningún, aliás, que unha parte importante do electorado de centro-dereita abomina da deriva que o PP vilalbés ven padecendo dende a marcha de Tito Baamonde ao Parlamento de Galiza, o que sitúa, hoxe mesmo, a principal oposición ao goberno local non nos grupos municipais minoritarios, senón entre a propia clientela conservadora.
É posíbel que todo isto veña de moi lonxe, e que trascenda persoas ou atitudes, malia que estas ou aquelas, ou ambalasdúas xuntas, contribúan pouco á calma e ao sosego que a organización conservadora precisa nesta conxuntura de baixamar.
O PP vilalbés nace, fácticamente, moito antes de que Fraga imaxine tan sequera aglutinar o que se denominou franquismo sociolóxico. O flamante ministro da ditadura é un imán inmediato para as oligarquías locais que entenden axiña, no marco dunha tradición ben longa, que un padriño tan importante vale o seu peso en ouro. O novo home forte sabe tamén que precisa unha base de poder para o futuro post-franquismo, e emprega a fondo a maquinaria do omnipresente ministerio de propaganda que o de Ferrol lle pon nas mans. Xúntanse a fame e as gañas de comer, e será no seu propio pobo onde atope o apoio máis entregado e entusiasta da man dunha presa de empresarios e funcionarios verticais que aproveitarán as vellas redes de relación clientelar para potenciar o secular sistema cuase simbiótico, se non fora pola desigualdade de beneficios entre os que están no cume e os que nutren a base.
Será a partir da transición democrática cando o sistema demostre todo o seu potencial. Baixo férreas premisas como o apoio sen fisuras ao líder, necesitado de base electoral, o discurso fortemente conservador tan grato daquela a boa parte da cidadanía rural, a criminalización da disidencia equiparada ao antisocial e o contrario á decencia, e un absoluto control, voto a voto, dunha maquinaria engraxada co maná do favor público en todas as súas dimensións -descontrol urbanístico, emprego para os amigos, asfaltado de viais e un longo etcétera-, o sistema demostra unha eficacia absoluta que permite por unha banda ao líder ir atopando un lugar baixo o sol da democracia, e pola outra outorga aos poderes locais o control social do seu nicho e unha ampla gama de beneficios (poder, cartos, empregados baratos e conformistas...).
É claro que isto só funciona se a organización controla a chave do maná público, se posúe unha ou máis administracións. Concello, Deputación e Xunta abondan para que a maquinaria marche sen trabas por máis de trinta anos, campeando sen outra oposición que a de catro idealistas incapacitados para nada alén do dereito ao pataleo, e ás veces nin iso.
Para os non avisados, debo sinalar que trato de facer unha análise avalorativa nunha liña weberiana do tipo ideal de carácter estrutural, mediante a aprensión dos rasgos esenciais do fenómeno, o que implica un certo grao de xeralidade groseira. Trátase de espir o sistema para presentalo tal e como funciona, como o perceben os indivíduos que o conforman alén do discurso oficial. Neste senso, incluso os políticos populares fan referencia sen recato e públicamente á súa “maquinaria”, e cando declaran que “perdemos” tal ou cal administración o propio discurso apunta a unha percepción de propiedade inalterábel e irrenunciábel sobre a cousa pública.
Neste senso, todos os sistemas de dominación acaban, baixo determinadas condicións, entrando en crise. E aquí radica o verdadeiro problema actual do PP vilalbés. A democracia formal funciona, idealmente, baixo outros parámetros. Unha organización política precisa de militancia organizada, alén do simpatizante de base, con capacidade de traballo e unha constante renovación para soster a acción política baixo as dúas condicións que se poden dar: que se goberne ou que non. Cando non, a militancia ocúpase de manter a organización activa e combativa na hipótese de gañar ou recuperar a confianza do electorado para conquistar o poder executivo e así levar á práctica o seu programa. É algo obvio, e non só sano para a organización en si, senón tamén para a democracia e a alternancia política.
A coincidencia na perda de toda a xerarquía de poder, estatal, autonómica e provincial, representa unha forte crise para o modelo clientelar, que perde boa parte da súa capacidade de repartir prebendas ou amedrentar ao disidente. Nesas está o PP local, que agora precisaría urxentemente un cambio de estrutura en favor daquela outra máis dependente do traballo organizado dunha militancia activa. E non parece existir tal cousa. Até agora non precisaban máis militancia que a meramente cosmética -no fondo, son un partido-, aquela que tivera un carácter obediente e non puxera en cuestión aos que mandaban. Un detalle altamente significativo: cantas das persoas que, ao longo destes anos, figuraron nas listas electorais municipais do PP seguen na organización ou teñen un papel destacado na mesma? Estou seguro que non é preciso un traballo estatístico, por outra banda ben doado de facer, para decatarse de que a porcentaxe é máis ben baixa. Os propios dirixentes do PP láianse da dificultade para elaborar as listaxes pola falta de persoas dispostas, e iso é un indicio máis que evidente da debilidade organizativa. Véxase senón cantos candidatos estrearon carné xusto no momento de seren incluídos nas candidaturas.
Por outra banda, as oligarquías son por definición competitivas entre sí, pero moi capaces de chegar a un statu quo de colaboración cando están en xogo intereses comúns. Mais cando o poder se reduce de tal maneira que non abonda para todos, xurden inevitábelmente as tensións e os enfrontamentos, situación na que, de facer caso á rumoroloxía, semella estar a organización local do PP.
Por se non fora suficiente, non son poucos os conveciños simpatizantes do centro-dereita os que consideran un erro de enormes proporcións a promoción e o mantemento do actual rexedor, e agardan que os vindeiros resultados electorais lles vaian dando a razón. Eu coido que isto non é máis ca unha cuestión secundaria e, até certo punto, consecuencia lóxica de todo canto queda apuntado, alén de bastante anecdótica se non fora pola vergoña que a todos nos producen determinadas actuacións. As posibilidades de elección tampouco son tan grandes, malia que haxa elementos de ideoloxía conservadora ben máis preparados, máis capaces e, ao fin, menos singulares, pero que non teñen nin queren participación activa nun sistema co que non comungan, e que parece virse abaixo paseniña pero irrefreábelmente.
Non está no ánimo de quen escribe dar consellos a ninguén, e menos aínda cando non ten arte nin parte nos problemas dos populares. Algunhas persoas próximas á organización conservadora apuntan a necesidade dunha rexeneración urxente aproveitando a actual conxuntura favorábel do partido nos niveis estatal e autonómico. O problema é, quen debería dar o paso? Está claro que ningún militante de base ten a posibilidade. Tampouco parecen presentar unha alternativa viábel os fillos dalgunhas vellas glorias incrustados na organización máis por tradición familliar que outra cousa. Se cadra, e parece haber certa coincidencia nisto, o merlo blanco dos populares debera ser, paradoxalmente, un veterano Tito Baamonde que sen dúbida é o máis capacitado dos actuais dirixentes locais e o mellor situado para unha batalla deste tipo. Non parece, por outra banda, que teña as gañas ou a decisión suficiente para enlamarse nas turbulencias locais, todavez que fuxiu para prados máis verdes e prometedores en canto tivo ocasión, nunha viaxe que, probábelmente, non teña retorno. Alén diso, as inevitábeis inercias e o feito de que a non desprezábel influencia do vello, como familiarmente lle chaman ao Patrón nas ringleiras conservadoras, continúe a ser omnipresente a pesar do seu evidente declive biolóxico, non axudan a albiscar unha saída á lea dos populares, atrapados nun anacronismo que, a longo prazo, lles pode resultar fatal.
Sería interesante que os conveciños ideolóxicamente próximos aos populares -os outros xa se sabe que pensan-, aqueles que en privado nos trasladan con frecuencia cada vez maior o seu desasosego, foran deixando as súas opinións en forma de comentario, abrindo fogo neste foro público como limiar dun necesario espazo para o debate dentro da súa propia organización.































