Un mosaico confuso


Antón Baamonde

Sen dúbida algunha La Voz de Galicia xa non é o que era. Hai quince ou vinte anos o xornal coruñés podía marcar a axenda política, decidir o who´s who galego e, en xeral, construír o marco de intelixibilidade do país nunha porcentaxe moi elevada. Pero, dende aquela, pasaron moitas cousas. O grupo Voz fracasou no seu intento de constituír unha multimedia de ámbito español e nen o intentou no que podería ser o seu ámbito natural, Galicia. Ademais, o novo edificio de Arteixo determinou unha considerable débeda que condicionou a evolución do grupo e acentuou a súa dependencia dos diñeiros públicos, aínda sendo dos poucos xornais galegos que podería subsistir sen eles. Finalmente os continuos cambios na xestión e na dirección deixaron tras de si un aire de desorientación.

Pero, con todo, non é iso o grave, nen o que compromete o seu futuro. O factor realmente decisivo é que La Voz acostumada a operar nun réxime de case monopolio da opinión pública galega, veu como aparecía en Coruña La Opinión e, en Santiago, a edición de Galicia de El País, ademais de finalmente o Xornal de Galicia, tamén na cidade herculina. Trátase de tres xornais que compiten ou ben na mesma cidade, ou ben, na franxa de público máis informada. A iso hai que sumar a aparición dos gratuitos, o consumo de prensa por Internet nos novos lectores e a multiplicación de televisións e radios: de novas canles de información.

A información, como se afirma tantas veces é hoxe un mosaico confuso, un tecido de voces de diferente procedencia e ningún medio pode xa erguerse como referencia única dun territorio, dunha franxa de idade ou dun segmento calquera de poboación. Fronte a iso La Voz pode moi pouco: non se pode combater contra o signo dos tempos, contra os efectos do cambio social e tecnóloxico. Na pasada lexislatura, sen embargo, o seu editor pretendeu marcar ao goberno bipartito, tal vez tendo en mente certo periodismo madrileño. O xornalismo demagóxico de El Mundo e outros medios da dereita española infecta cada vez máis o estilo da prensa. Santiago Rey tivo certo éxito, especialmente porque a mente dos dous líderes, Touriño e Quintana segue ancorada, nese respecto, no pasado. Os dous contribuiron grandemente a nutrir as arcas do xornal coruñés e os dous tiveron que sofrer as inclemencias dos humores do seu propietario.

Neste momento, sexa polo motivo que sexa, La Voz de Galicia está pretendendo influír no resultado electoral dirixindo os seus dardos afiados contra o BNG. O que ao editor lle gostaría sería algo hoxe por hoxe imposible, a “gran coalición” PP-PSOE. É unha aposta arriscada, un meterse por propia vontade no tobo dado que o prestixio de La Voz depende da súa apariencia de neutralidade, de ser un xornal coruñés, sen adxectivos. Na propia cidade herculina a súa campaña contra Lendoiro lle resta credibilidade e fai aparecer a Voz como un medio parcial. ¿ Qué sucederá se o bipartito revalida a súa victoria ? ¿ como pode condicionar o futuro dunha Voz desbocada ? Sigamos atentos.

27 de feb. de 2009

Derradeiras vontades

Mario Paz González

Resúltame certamente incomprensible este moderno costume de andar remexendo gratuitamente na memoria dos mortos, pero un remata acostumándose a todo. Por iso non me sorprendeu escoitar de novo, coa conmemoración o pasado 22 de febreiro dos setenta anos do falecemento de Antonio Machado, voces que pedían a repatriación do poeta desde a súa tumba na localidade de Colliure, na Francia meridional. Alí o bo (“no bo sentido da palabra”, como el mesmo dixera) de Machado chegara un 29 de xaneiro de 1939, apenas un mes antes da súa morte, cruzando a pé a fronteira hispano-francesa, como moitos outros derrotados da infausta guerra fratricida en dirección ao exilio. Acompañábano a súa nai Ana Ruiz (que atoparía a morte catro días despois de que acaecese a do poeta), o seu irmán José e a súa cuñada Matea Monedero. O escritor e oficial militar republicano Corpus Barga facilitou as xestións para que puidesen aloxarse no Hotel Bougnol-Quintana da citada localidade francesa. Unha pneumonía acabaría co andaluz que se foi, como el mesmo predixera algo máis de vinte anos antes en fermosos alexandrinos, “lixeiro de equipaxe, / case espido, como os fillos da mar”.

Hai uns meses tamén saltou á luz o desexo, coa consecuente polémica, de levar a Lorca do barranco de Víznar, onde xace nunha fosa común de lugar incerto (dous son os máis probables). Ignoro en que punto andará o asunto a estas alturas, pero agora, coincidindo case co aniversario machadiano e na proximidade doutro aniversario, o dos cento dez anos do nacemento de Jorge Luís Borges (que terá lugar en agosto deste ano), escoitouse na República Arxentina unha reivindicación similar á apuntada máis arriba. A deputada María Beatriz Lenz, do goberno peronista de Cristina Kirchner, propuxo nun recente proxecto de lei presentado ante a Comisión de Cultura do Congreso arxentino reclamar a repatriación dos restos mortais do escritor enterrado en Xenebra. Pero tamén os doutros dous ilustres compatriotas: o escritor Julio Cortázar, enterrado xunto á súa derradeira esposa Carol Dunlop no cemiterio parisiense de Montparnasse, e un dos máis reputados compositores de América Latina, o músico Alberto Ginastera, que se trasladou a Europa en 1970 e que, como Borges, recibiu sepultura en Suíza.

Todo home é mortal, reza o siloxismo. Pero, aínda que moitos artistas, pensadores ou escritores consigan, coa súa obra, fuxir desa fatal certidume humana, a súa memoria non pertence a ninguén máis que a eles mesmos e, quizais, tamén un pouco aos seus lectores, aos cales pouco lles pode importar que o seu cadáver repouse nun lugar ou noutro. En calquera caso, o sitio onde estean enterrados, o lugar onde os sorprenda a morte, forma (como o desenlace nunha boa trama de ficción) unha parte tan importante das súas biografías (ás veces mesmo a máis importante, a máis significativa) que tratar de restituílos, se non foi a súa vontade expresa, ao lugar ao que supostamente pertencen, resulta absurdo e, talvez, só sirva para que o político de quenda poida anotarse un tanto e figurar na foto como quen ostenta un trofeo de caza.

Levar a Machado de Colliure (a onde: Sevilla, Soria?), lugar onde fica enterrado na compaña da súa nai, é un sinsentido. Furtarlle a visión desa mar que agora contempla xunto a Patrick O’Brian (autor de, entre outras, Master & Commander e tamén enterrado na localidade francesa) sería como tratar de borrar do mundo literario algunha das súas obras.

O mesmo podería dicirse, pois, de Borges, quen (a pesar do que digan uns ou outros) no fin da súa vida desexou descansar en Xenebra, tal como certifican o seu epitafio e a súa viúva, María Kodama. Trasladalo ao panteón familiar, próximo á tumba de Evita no Cemiterio da Recoleta sería hoxe incomprensible. Sería traizoar a súa memoria e a súa universalidade. E o mesmo sucedería no caso de Cortázar, acompañado en Montparnasse, non só da súa derradeira esposa, senón tamén de César Vallejo, Sartre e Simone de Beauvoir, Baudelaire…

Cada vez que se achega un aniversario literario de calquera tipo é para botarse a tremer vendo as iniciativas e propostas xurdidas desde algúns cráneos privilexiados provintes dos máis diversos sectores, políticos principalmente. Pregúntome se tamén estes días nos Estados Unidos (cando o pasado 19 de xaneiro se conmemoraron os douscentos anos do nacemento de Poe) alguén suxeriría afastar ao grande poeta bostoniano do cemiterio de Old Western onde fica enterrado, para trasladalo a algún outro lugar. Sen dúbida iso dificultaría enormemente o labor dese anónimo visitante que todos os anos desde fai cincuenta vai deixarlle unha botella como agasallo e homenaxe póstuma (e cómplice derradeira vontade) no día do seu aniversario.

mariopaz@avozdevilalba.com
Imaxe: allposters.com

Aprender dos erros


Moncho Paz

Hoxe remata, por fin, a campaña electoral. No ambiente, a sensación de que “hai partido”, é dicir, que os resultados están máis abertos do que parece, o cal ten dúas lecturas: que o bipartito non soubo rendabililizar a súa acción de goberno e que aos populares non lles afecta a situación que atravesa o PP a nivel estatal.

Nesta campaña a lingua deixouse ver na última semana, de cultura apenas se falou e a reforma estatutaria estivo agachada. Isto indica que son temas que importan pouco ao electorado, máis preocupado por chegar a fin de mes e ver a luz ao final do túnel da recesión económica. Porén, non debemos esquecer que o galego debe ser un dereito e un deber, que así se reflicta na reforma estatutaria -se chega algún día- e continuar co proceso de internacionalización da nosa cultura.

O goberno que xurda das urnas terá que afrontar retos pendentes da anterior lexislatura, dar unha imaxe de unidade de acción e asumir compromisos concretos para materializar o cambio de maneira que sexa percibido pola cidadanía. Non consiste en mudar os actores e seguir a función.
___________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia

O Antroido que nos leva


Xulio Xiz

Vimos de celebrar un dos máis especiais dias do calendario galego, unha das nosas festas maiores se atendemos á realidade festexeira do país.

Aínda nos tempos máis difíciles, na lonxana postguerra, os vilalbeses fixeron festa por riba de miserias e prohibicións, e o que daquela era prohibido ou medio tolerado hoxe é plenamente libre polo que se nos limitamos é porque queremos, aínda que xa se sabe que as cousas funcionan verdadeiramente cando nos move algo poderoso, cando o facemos a favor de alguén ou en contra. E tenden a esmorecer cando temos total liberdade de obrar.

En Lugo o Antroido non é o que era hai uns anos porque esto vai por ciclos e a forza dos anos noventa non é hoxe a mesma. Aínda así hai pregón e feira baixo carpas, concurso, desfiles polo centro histórico e charangas festeiras que animan unhas rúas nas que o frío non deixa de reinar. Na capital o Antroido rescatouse a mediados dos anos oitenta, e aínda que nin daquela nin agora tiñan o carácter reivindicativo doutrora, nin de alteración da normalidade habitual, si que seguen a ser a válvula de escape para moitas normas que habitualmente nos coutan e, sobre todo, ocasión de lecer para maiores e nenos.

Como o Antroido sempre sabe a pouco, a festa remata co Enterro da Sardina, que ás veces ofrece maior riqueza e organización ca o Antroido mesmo. Rematan as festas máis populares que seguen ás do Nadal e son preludio da Semana Santa.

En cuestión de semanas, de días, pasamos de festas entrañables e eminentemente familiares –as do Nadal- a festas tolas de romper moldes, para logo pasar ás en tempos negras celebracións da Semana Santa. Non cabe dúbida que, a efectos de festas, o inverno galego estaba perfectamente planificado. E só co paso do tempo, das celebracións, un vai dándose conta de que os anos son pura repetición nos que o que cambia non é o tempo nin o que nos rodea, senón nós mesmos. Nós somos, verdadeiramente, ese tempo que nos leva e se nos vai.

26 de feb. de 2009

Novidades editoriais galegas

Redacción

Desde o pasado 18 de febreiro a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte puxo en marcha unha nova iniciativa para apoiar ás editoras do país na realización de actos nos establecementos libreiros co fin de incentivar as presentacións nas librarías de Galiza das novidades editoriais galegas.

O obxectivo desta iniciativa é promover as presentacións de libros como puntos de encontro entre os autores e autoras e o público e como unha medida para mellorar a difusión das novidades das editoriais galegas. A proposta enmárcase dentro do programa Letras Vivas. Ao longo do primeiro semestre de 2009, as editoriais poderán solicitar o apoio da Consellaría de Cultura para realizar presentacións de libros, sempre ligadas a algunha das datas fixadas no Calendario das Letras.

Ata o 5 de marzo celebraranse 18 actos de presentación relacionados con esta data en librerías de Santiago, Lugo, Ferrol, Vigo, A Coruña, Ourense, Ribadeo e Vilagarcía de Arousa, que acollen presentacións de obras de Miguel Anxo Fernán-Vello, Víctor Campio Pereira, Ricardo Carvalho Calero, Xaquín Marín, Inma López Silva, Xosé Antón Neira Cruz, Carlos Arias, Xesús M. López Valcárcel, Narciso de Gabriel e Luz Pozo Garza.

O programa seguirá ao longo do primeiro semestre con presentacións arredor do Día da Poesía (21 de marzo), o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril), o Día do Libro (23 de abril) e o Día das Letras Galegas (17 de maio).

Descargar o programa picando aquí.

A voltas coa lingua


Xaquín Núñez Sabarís

Confeso que me encanta polemizar. Tanto como aborrezo as liortas nas que entra en xogo a manipulación de sentimentos. Entre estas, detesto especialmente as polémicas en torno á lingua que sorprendentemente a actualidade nos depara. Por iso me custa tanto entender e, por suposto, compartir as que a propósito do galego se están a xerar en Galicia estes días.

Sempre crin na capacidade de entendemento do ser humano e nas linguas como un espazo de encontro e concordia. E, en consecuencia, sempre tratei de aplicalo: son galegofalante, profesor de español, traballo nunha universidade portuguesa e na miña casa conviven as tres linguas: galego, español e portugués. Traballei en Galicia, Polonia e no Brasil e nas tres linguas devanditas rin, rifei, convivín, dei e recibín consellos, cantei e escribín. E só lamento que entre as eivas da miña formación figure a escasa competencia noutras linguas alén das tres mencionadas.

Por tal razón, insisto, non consigo participar das reivindicacións de determinados colectivos e sectores da sociedade galega que en favor dun suposto bilingüismo se manifestaron en Santiago de Compostela o pasado día 8 de febreiro, nin termino de crer que fagan do galego un problema e un motivo de discordia. E isto último é, por moitas piruetas argumentais que realicen, o que acontece. Pero vaiamos por partes.

Lamento discrepar –si é que mo permiten e non me encaixan no perfil radical e sectario que a miúdo debuxan- da coherencia e veracidade dos seus argumentos. Empezo, a tal efecto, negando a maior: a pretensión de bilingüismo. Dubidosamente se pode ser crible, como defensor da cohabitación das dúas linguas, cando o seu silencio planea naqueles ámbitos onde o uso do galego é insignificante ou cando non se alzou unha voz durante anos e anos contra a testemuñal situación do galego no ámbito educativo, que agora tanto preocupa. E non me refiro a épocas remotas, senón que me sitúo na meirande parte do período democrático. Se agora, ao seu entender, estamos nunha situación impositiva, gustaríame saber como cualificarían o período inmediatamente anterior. A excepción, claro, de que estimen que o peso de ambas linguas deba ser ponderado en diferente medida. Pero, desta maneira, xa non sería bilingüismo.

Outro argumento que me resulta sorprendente é a mención constante á liberdade individual, sobre todo no ámbito educativo. Curioso, sobre todo, en algúns dos colectivos que se manifestaron o pasado día 8 e que fan a miúdo bandeira da defensa do ordenamento legal, aínda que neste caso aposten por unha sorte de insubmisión institucional, segundo a cal os pais terían liberdade de escolla para obviar no ensino algunha das linguas oficiais. Prégolles, entón, que sexan consecuentes, xa que por vía constitucional e estatutaria, e as leis que emanan de ambos textos, dispoñemos de dúas linguas as cales temos a liberdade de usar, pero a obriga de aprender: así como as matemáticas, a historia ou a física. Pero é que, ademais, a nosa vida está repleta de exemplos onde o interese xeral se sobrepón á liberdade individual, sen que nestes casos se invoque a súa restrición: a protección do medio, a regulación do comercio e a conservación dos cascos históricos son algúns destes exemplos. Non creo que haxa moitas voces que se opoñan a accións deste tipo, en aras de preservar o ben colectivo e a nosa memoria cultural, na que, obviamente, se encontra o galego. Baixo estes parámetros, coido, por tanto, que non debería chamar a atención que se coidase a subsistencia e dignificación do galego. Salvo, claro, que a importante regresión que sofre en moitos eidos da vida galega non importe. Pero, claro, iso tampouco é bilingüismo.

O problema é que no fondo da disputa laten, segundo a miña opinión, os seculares prexuízos que consideran o galego unha lingua menor e maila crenza e temor de que a aprendizaxe dunha lingua dificulta a adquisición doutras. Respecto ao primeiro, xa nada máis quero engadir. E en canto ao segundo, relean, por favor, os parágrafos iniciais deste artigo.

25 de feb. de 2009

Google traduce ao galego

Redacción

Desde comezos deste mes de febreiro todos os usuarios de Google poderán traducir ao noso idioma textos e páxinas web, así como buscar sitios en inglés mediante palabras crave en galego.

O feito non está mal como dato, pois supón un fito máis para o recoñecemento da nosa lingua e da nosa cultura máis aló das nosas fronteiras. Sen embargo, é preciso aclarar que aínda a tradución automática non é perfecta, sendo superada por dous dos tradutores on-line máis utilizados ata o de agora, o Opentrad e o do Instituto Cervantes.

Con todo, o galego aínda non forma parte do dicionario de Google lanzado en 2007 para realizar traducións palabra por palabra. Nesta mesma situación atópanse outros idiomas peninsulares como o catalán, que foi incluído dentro do tradutor o pasado mes de setembro, e que tampouco aparece neste dicionario.

Ademais do galego incorpóranse á ferramenta tradutora de Google outros 6 idiomas: albanés, estoniano, húngaro, maltés, tailandés e turco. A partires de agora o tradutor de Google está dispoñible en máis de trinta linguas de todo o mundo: do inglés ao árabe, chinés, holandés, francés, italiano, alemán, grego, xaponés, coreano, portugués, serbio, esloveno, eslovaco, letón, tagalo, indonesio, hebreo, ucraíno, lituano, vietnamita, ruso, polaco, sueco, finlandés, danés, romanés, checo, búlgaro, noruegués, croata e hindi, así como do xaponés ao coreano -en ambos os sentidos- e do francés ao alemán -en ambos os sentidos-.

24 de feb. de 2009

O profesor Núñez Sabarís incorpórase á equipa dos nosos colaboradores


Redacción

A partires do vindeiro mércores A Voz de Vilalba incorpora un novo colaborador, seguindo o seu compromiso coa cultura e coa lingua galegas. Trátase de Xaquín Núñez Sabarís, doutor en Filoloxía Hispánica e profesor na Secção de Estudos Espanhóis e Hispano-Americanos da Universidade do Minho (Braga). Actualmente desempeña o cargo de director desta Secção e anteriormente foi profesor de español na Universidade Federal de Minas Gerais (Brasil), na Escola Nacional de Administracións Públicas (Polonia) e no Instituto Cervantes de Varsovia.

O seu labor como investigador céntrase no ámbito dos estudos literarios e en concreto na narrativa española contemporánea. Publicou varios libros e artigos acerca do modernismo e da obra de diversos escritores españois contemporáneos, fundamentalmente, de Ramón del Valle-Inclán. Cun ensaio sobre o autor galego gañou o 1º premio de Ensaio Valle-Inclán-2004 da Deputación de Pontevedra.

Tamén se especializou na didáctica de segundas linguas e publicou diversos artigos sobre o ensino de literatura a estranxeiros. Colabora a miúdo cos Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela e co Instituto Cervantes de Lisboa, impartindo cursos de formación de profesores.

Núñez Sabarís é integrante do grupo que elabora os exames oficiais de galego (CELGA) e membro da Comisión Central Avaliadora destas probas, publicou, ademais, en colaboración os manuais de ensino de galego Aula de galego.

23 de feb. de 2009

En días como estes...


Pica na imaxe para ampliar

Iago Castro

O Entroido foi unha das celebracións máis tradicionais e participativas da nosa cultura popular, e foi sobrevivindo pese ao celo co que as autoridades políticas e eclesiásticas o perseguiron. Para ilustralo, o bando que o Concello de Vilalba usaba para lembrar, ano tras ano, a prohibición vixente desde 1937 até a fin da ditadura. Xa nin se molestaban en imprimir un novo cada ano: deixando a data e a rúbrica do alcalde en branco, o mesmo modelo servía dunha vez para a outra, e aforraban diñeiro.

Tempos... E aínda haberá quen diga que non hai que remexer na memoria histórica. Entroido!

Democracia e xustiza


Paulo Naseiro

A tráxica morte dunha moza sevillana volve axitar o debate sobre a filosofía básica do noso sistema penal. O tratamento dado á información por parte de certos grupos mediáticos, tan coincidente co esperpento que representou a cobertura dos crimes de Alcàsser, non só entra de cheo nun amarelismo repulsivo e nada profesional, senón que parece obedecer a escuros intereses.

Estáse a manipular o máis ca lexítimo sentimento de raiba e desasosego da xente, reconducíndoo cara a reclamación dun sistema punitivo máis próximo ao afán de vinganza que á función rehabilitadora e reintegradora consagrada na nosa Constitución. É un chanzo máis nun longo pero sostido movemento: cada reforma do Código Penal vai inzada de declaracións a prol do “endurecemento de penas”, condutas consideradas como faltas en cuestións de tráfico, medio ambiente, etc., van entrando na categoría de delictos e son penadas con prisión. Curiosamente, só as cuestións relacionadas coa corrupción política ou económica escapan da severidade moralizante deste movemento.

A reclamación da instauración da cadea perpétua vén rachar definitivamente co modelo penal propugnado por grandes pensadores do século XIX, entre os que destacou a ferrolá Concepción Arenal. Significa renunciar á función social da lexislación penal, e está demostrado que non contribúe á diminución dos delictos. Logo, entón, cal será a seguinte reclamación, a pena de morte?

O ambiente de “clamor social” non é o mellor dos escenarios para abordar estas cuestións, que requiren sosego e ecuanimidade. Como pon en evidencia a recente folga de xuíces e maxistrados, o que precisa dunha posta ao día urxente é o sistema xudicial, ancorado en procedementos decimonónicos e incapaz de abordar o incremento do volume de traballo derivado do “endurecemento” de todo tipo de penas. Mentres tanto, nun exercício de saúde democrática, cómpre identificar que intereses se agochan detrás destes movementos regresivos.

22 de feb. de 2009

O novo audiovisual galego en Fantasporto

Redacción

Hoxe, día 21 de febreriro, abríu a súa programación especial dedicada ao novo audiovisual galegoa O Fantasporto, Festival Internacional de Cinema de Porto. Galiza, coma cinematografía convidada nesta edición, estará presente ata o 26 de febreiro nun ciclo no que se poderan ver 6 longametraxes e 10 curtametraxes galegas dos dous últimos anos, seleccionadas pola Axencia Audiovisual Galega da Consellaría de Cultura e Deporte.

A programación galega en Fantasporto presenta seis longametraxes que amosan diferentes modelos de produción, estilos e tendencias que se están a desenvolver no audiovisual galego actual. Tamén se proxectan dez curtametraxes que desde distintos enfoques se sitúan no xénero fantástico.

Sábado 21 de febreiro, 15.15 h
  • "O hospital", de Iván Seoane (curtametraxe);
  • "O espírito do Bosque", de David Rubín e Juan Carlos Pena (animación), secuela de "O bosque animado" que amosa o extraordinario momento que vive a animación galega.

Domingo 22 de febreiro, 17.15 h
  • "O cerco", de Martiño Vazquez Baño (curtametraxe);
  • "Eloxio da distancia", de Felipe Vega (documental), un fresco estacional sobre a relación do home e a natureza nas montañas orientais de Lugo.

Luns 23 de febreiro, 21.00 h
  • "A flor máis grande do mundo", de Juan Pablo Etcheverry (curtametraxe de animación);
  • "A noite que deixou de chover", ópera prima de Alfonso Zarauza, un fermoso paseo intemporal por Santiago de Compostela.

Martes 24 de febreiro, 15.15 h
  • "12007", de Diego Torres (curtametraxe);
  • "Pedro e o Capitán", de Pablo Iglesias, que adapta un relato homónimo de Mario Benedetti cun amplo recetario formal para tratar o enfrontamento dramático de dous actores.

Martes 24 de febreiro, 19.15 h
Sesión de curtametraxes:
  • "A revolta dos mousses", de David Gen (animación);
  • "Auga", de Xosé Antón Perozo "Ozo";
  • "O pintor dos ceos", de Jorge Morais;
  • "Santiago de sangue", de Francisco Calvelo;
  • "Cousas do Kulechov", de Susana Rei.

Mércores 25 de febreiro, 15.15 h
  • "Rafael", de Xavier Bermúdez, unha análise sobre o voyeurismo e a obsesión panóptica.

Xoves 26 de febreiro, 23.00 h
  • "A meiga chuchona", de Pablo Millán (curtametraxe de animación);
  • "Pradolongo", de Ignacio Vilar, un filme que aborda o efecto da chegada do progreso sobre os modos de vida tradicionais.

Na escolla de Galiza como cinematografía convidada, o Fantasporto tivo en conta o bo momento que está a vivir o audiovisual do noso país con moitas e diversas producións. Nos últimos anos fíxose habitual a presenza de títulos de coprodución galega no cartel do Fantasporto. O obxectivo desta escolma que se vai proxectar en Porto é ofrecer unha panorámica ampla que permita un achegamento á diversidade creativa do noso audiovisual.

Na homenaxe do Fantasporto ao cinema galego haberá lugar para actividades paralelas. Destaca a realización de mesas redondas sobre o audiovisual galego-portugués, o papel das coproducións e os festivais na promoción do cinema para o gran público. Galiza será protagonista ademais da sesión de peche do festival.

Fantasporto naceu en 1981 en Porto, e desde entón vense celebrando todos os anos no mes de febreiro. Ao longo deste tempo consolidouse como un dos máis importantes festivais de cinema fantástico de Europa. Ademais da proxección de longametraxes e curtas, no seu programa teñen cabida conferencias, mesas redondas, exposicións, actuacións teatrais, etc.

21 de feb. de 2009

A Deputación de Lugo rehabilitará o campo de fútbol de Pol


Redacción

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, visitou onte o campo de fútbol Manuel Luna en Pol, lugar no que anunciou a próxima redacción do proxecto de rehabilitación da zona de xogo e das gradas deste espazo deportivo. Para coñecer in situ as necesidades dos deportistas e estado do campo municipal, Bao fixo coincidir a súa visita co adestramento dos xogadores Sociedade Deportiva Pol e realizou unha visita ás instalacións acompañado polo presidente da S.D. Pol, Mario González.

Tras anunciar a inminente redacción do proxecto, no que a Área de Deporte da Deputación investirá 240.000 euros, o vicepresidente cambiou impresións con xogadores e directivos do equipo de fútbol local para coñecer de primeira man as súas necesidades e opinións sobre as actuais instalacións e o que debe de ser o novo proxecto para o terreo de xogo.

Este proxecto materializa o compromiso adquirido pola Área de Deportes para reconstruír e habilitar os espazos deportivos existentes ao longo da xeografía lucense. Ademais de fomentar a práctica desta e doutras disciplinas e axudar a que os deportistas poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións posibles.

José Cendón critica a depreciación da profesión xornalística


Redacción

O fotógrafo José Cendón, que permañeceu secuestrado durante máis dun mes en Somalia, criticou esta semana en Compostela a depreciación que a profesión xornalística ten no Estado español, onde dixo que os salarios son tan baixos que "se gaña máis traballando de teleoperador".

Cendón, recentemente liberado dun secuestro en Somalia, durante a conferencia "Un fotógrafo por libre na orixe do conflito", que pronunciou na facultade de Filosofía da Universidade Compostelá, onde estivo acompañado por o Vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto; o Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro; e o Decano da Facutlade de Ciencias da Comunicación da USC, Miguel Túñez.

Cendón reside actualmente en Etiopía e traballa para medios de comunicación británicos, franceses, estadounidenses e doutros países. O fotógrafo galego lembrou que comezou a súa traxectoria profesional en Madrid, onde traballou para un revista de autobuses, pero farto das escasas perspectivas decidiu mercarse un billete de avión a Colombia para iniciar unha carreira internacional.

Tras gañar os prestixiosos premios World Press Photo, Picture of the Year e unha mención honorífica do Leica Oskar Barnack polos seus traballos realizados na rexión dos Grandes Lagos de África, Cendón figura tamén entre os nominados dos Premios José Couso de Liberdade de Prensa, aos que opta xunto ao escritor italiano Roberto Saviano; o xornalista de investigación francés Robert Denis e a correspondente de televisión Rosa María Calaf.

O outro 1-M


Moncho Paz

Unha vez descartada a presenza da esquerda abertzale no proceso eleitoral de Euskadi, as principais sondaxes de opinión reflicten un notable ascenso dos socialistas, que pasarían de 18 a 26 deputados. De confirmarse esta tendencia, estarían a un paso de entrar no goberno, sempre e cando o PNV non consiga reeditar o tripartito.

Hai quen di –poucos– que a auténtica rexeneración democrática pasaría por un goberno de PSE e PP, pero os últimos barómetros amosan unha recuperación do liderado de Ibarretxe, que pretende un cuarto mandato e se presenta como o único garante do vasquismo fronte aos partidos españolistas. Este discurso comeza a calar no eleitorado; haberá que comprobar como evoluciona a intención de voto na vindeira semana.

Os candidatos non queren arriscar e as posibilidades dun debate televisado entre os líderes son poucas. Dende Ajuria Enea aseguran que a economía vasca non entrará en recesión en 2009, unha mensaxe que favorece a posición dos nacionalistas; porén, a crise non lle está a pasar factura ao PSE, que consigue ilusionar. Atentos ao xadrez euskaldun.
_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

20 de feb. de 2009

Eleições e descentralização

Rui Couto Martins

Os vizinhos galegos elegerão de novo um parlamento no próximo dia 1 de Março, como vêm fazendo desde 1982. Também os bascos. Espanha desenvolveu nos últimos trinta anos um processo de descentralização case federal que, visto de fora, semelha exemplar. Os portugueses, que vimos sempre ao nosso vizinho como um todo homogéneo, não chegam a entender o alcance e a importância deste processo. Mas, à vista da alta participação dos cidadãos das diferentes comunidades autónomas nos seus comícios, os espanhóis demonstraram ter superado há muito tempo muitos complexos e aceitado sem dúvidas uma estrutura político-administrativa que tanto contribuiu ao progresso económico e social. Portugal não conta mais que com uma pobre experiência autonómica, as Regiões Autonómicas dos Açores e Madeira, esta última convertida numa espécie de república bananeira ditatorial da mão do inqualificável Alberto João Jardim. Se acaso por isso os portugueses rejeitaram o processo de regionalização proposto em 1998 pelo governo de António Guterres, que propunha a criação de oito regiões, e que alcançou uma escassa participação, nem o 48 % do eleitorado, mais uma votação contrária superior ao 60 %. Contribui ao escasso sucesso da descentralização uma direita contrária ao fim do centralismo lisboeta e uma esquerda em geral indiferente em quanto à questão.

Sem embargo, o autonomismo cobra cada vez mais importância naquelas regiões mais distantes da capital, singularmente no Algarve, a única região onde triunfou o sim em 1998, e que ainda reivindica a constituição de uma assembleia legislativa sob a legalidade daqueles resultados, e o Norte, onde a cidade do Porto lidera o sentimento descentralizador.

Porém, a crise económica já comprida que vive Portugal, relega a um segundo plano o debate cada vez mais necessário. Espanha é um espelho no que os portugueses devemos mirar para ver aquilo que deu bom resultado e, também, o que não funcionou desde o final da ditadura de Franco, tão semelhante ao nosso salazarismo.

Confesso que com inveja, desejo-lhes uma boa jornada eleitoral, e que ganhem os que tenham que ganhar.

19 de feb. de 2009

Pedro Ugarte e Manuel Rivas, Premios Caixanova


Redacción

O xurado dos Premios de Xornalismo de Caixanova anunciou en Pontevedra o nome dos gañadores da XXX edi­ción do premio Julio Camba e VI edición do premio Francisco Fernández del Riego, que foron outorgados, respectivamente, ao xornalista Pedro Ugarte -na fotografía- e ao escritor Manuel Rivas, por senllos artícu­los publicados o ano pasado no xornal El País.

Segundo explicou o presidente do xurado, o escritor Alfredo Conde Cid, o artigo merecedor do pre­mio Julio Camba está escrito por Pedro Ugarte e trátase da co­lumna "La descendencia", publica­do na edición para o País Vas­co de El País o 1 de novembro de 2008, un texto que "podería asinar o propio Julio Camba", e no que reivindica a paternidade. O Premio Francis­co Fernández del Riego outorgóuselle ao escritor e xornalista galego Ma­nuel Rivas, polo artigo "La mesa cósmica de Piñeiro".

Apocalipse en Pailanistán


Por César Reis

O primeiro, aclarar para que ninguén se sinta ofendido. O termo Pailanistán foi acuñado polo ínclito escritor Xavier Alcalá para referirse a aquelas actitudes que fan da nosa unha terra aínda salvaxe, mestura dun enxebrismo e un exotismo ancorados nun tempo pasado, pero, non por iso, mellor.

Tamén quixese deixar claro que non era a miña intención, nin moito menos, entrar a saco a comentar a campaña electoral galega. Para os que temos clara a nosa intención de voto todo o relacionado con este tipo de eventos ten algo de circo mediático e político que un mira máis coa curiosidade propia do entomólogo que coa necesidade informativa do elector dubidoso ou desorientado.

En fin, feitas estas dúas aclaracións previas, talvez sexa preciso unha terceira. A que se refire á outra palabra que sustenta o título deste artigo. Semella ser un costume habitual aínda nos tempos que corren porse o disfrace de apocalíptico entre os que cultivan a opinión nos medios de masas (e de minorías). Ese xesto de predicador, de gardián da moral imperante ou ben, de francotirador irredento, irredutible e incansable fai, con todo, que enseguida se lle vexa o plumeiro de Xúpiter Tronante a este tipo de individuos. Non confundan. Non censuro esta postura vital. Podo, mesmo, chegar a entendela. Tamén é a que practican moitos dos lectores de medios como este amparándose no anonimato. Pero, aínda que entenda a súa actitude (coincida ou non coas súas opinións), non adoito compartila. Corre polas miñas veas un sangue demasiado galego como para non ver posible unha terceira vía, unha vía que se atopa máis cómoda na metade da escaleira, na mirada distanciada e irónica, nese mergullarse nas cousas sen acabar de crelas demasiado grazas á socarronería e, por suposto, á retranca.

O caso é que, metidos en fariñas electorais, de súpeto as actitudes apocalípticas atopan un estupendo caldo de cultivo non só entre estes sectores aludidos, senón tamén entre a clase política. Precisamente con esa intención entomolóxica xa aludida de inventarialas (por pura diversión, non crean), ando a seguir a campaña cando, aos poucos días de comezar, danme boa parte do traballo feito. Esperaba facilidade, pero non tanta.

Nun recente telexornal escoitei a palabra “cacique”. Ao comezo pensei que me tiña confundido de canle e que se trataba dalgún documental sobre a América precolombina, pero non señor, falaban de Galicia. Ao recuperarme do asombro, o primeiro que pensei foi que algúns políticos teñen no seu gardarroupa determinados repertorios léxicos e, dependendo onde vaian, collen un ou outro como quen saca o chubasqueiro, nena! E así, o mesmo que esta peza, como vir a Galicia sen traerse a palabra "cacique"? Talvez, pensei, alguén está a sufrir unha lene confusión coa orde natural dos paus nos números romanos e confundiu a Galicia do XXI coa do XIX. Como aquí non temos tribos de indios (malia o dito máis arriba certa tendencia apocalíptica que bole no meu interior faime dubidar desta afirmación tallante, polo menos no que se refire a algunha das acepcións da palabra “indio”), coido que a segunda acepción do vocábulo “cacique” sería a que se estilaría aquí, é dicir: “Persoa que, amparándose nunha situación social, profesional, etc., de privilexio, exerce ou controla ou poder político para concederlles favores ós seus protexidos ou a quen sométese á súa autoridade e actuar por vinganza contra quen non ou fai” (diccionario da RAG dixit).

Cabería pensar, e iso non nos alonxa da realidade, que a Galicia de hoxe é un país moderno, afastado deses vellos estereotipos decimonónicos. Un país onde todo tende a seguir os trámites e canles legais que impedirían eses comportamentos doutro tempo amparados no amiguismo e demais prácticas. Quizáis xa non haxa caciques ou, talvez, suceda con eles o mesmo que coas meigas. Non sei, o meu humilde coñecemento dos insondabeis misterios do mundo non chega a tanto, pero si podo dicir que o que vexo ao meu arredor confírmame que, se non hai caciques, si pervive, por desgraza, unha mentalidade que tende a favorecer o seu cultivo, unha mentalidade, máis arraigada do que sería convinte, que cre aínda demasiado na presenza e necesidade de padriños, de prebendas, de gratificacións baixo corda e que nos converte, máis que nunca, nun exótico e nada desexable Pailanistán.

Non os entreteño máis, pero déixenme pechar con outro exemplo (diferente) de todo isto que ando a dicir. Unha semana antes de comezar as eleccións galegas, celebrouse unha manifestación en Compostela en nome dunha, ao meu xuízo mal chamada, “Galicia Bilingüe”. Non comulgo con esa asociación nin tampouco, por suposto, cos violentos da contramanifestación dese día. Ambos son exemplos de algo, moito máis basto, esaxerado e apocalíptico que a simple alusión ao caciquismo, desa conversión do noso país en Pailanistán.

cesar.reis.alveiros@gmail.com

18 de feb. de 2009

A Vilalba, en tren


Xulio Xiz

Cando eu era pequeno en Vilalba cantábase aquelo de "Santa Marta tiene tren /pero no tiene tranvía". Eu non sei se esa Santa Marta sería a de Ortigueira, que a fin de contas ten o tren da costa, e Vilalba soñou con el durante moito tempo.

O tren significou a chegada do progreso a moitas cidades e hai que fixarse en Curros que proclamou á locomotora como o Cristo dos tempos modernos. E foi vital, fixándonos por aquí cerca, para Lugo, para a Pobra de San Xiao, Sarria, Monforte, e xa non digamos para Rábade, Begonte ou Baamonde, resultando Baamonde a estación natural de Vilalba.

Vilalba puido ter tren se se houbese executado algún dos proxectos que xurdían como fungos na segunda metade do século XIX, no que as comunicacións se consideraban do maior interese.

Do mesmo xeito que agora as comunicacións por estrada cruzan territorios, vertebran comarcas, unen poboacións e permiten a circulación a gran velocidade por Galicia, hai que ter en conta que naquel xa lonxano tempo ninguén podía prever que os vehículos automóbiles puidesen existir e moito menos proliferar. En cambio o tren era unha realidade relativamente barata na que o máis costoso era o tendido dunha vía ferrea pola que circulaba o xigante de ferro.

Hoxe na provincia existen os tendidos férreos de Coruña a Madrid e o ferrocarril da costa, tendo desaparecido o tren entre Vilaodrid e Ribadeo para sacar o mineral obtido nos fornos de A Pontenova. Pero quedaron no camiño, en puro proxecto, as lineas que propugnaba a Sociedade Económica de Amigos do País, que entre outros prevían ferrocarrís entre Baamonde e Foz pasando por Vilalba, un ramal de Vilalba a Viveiro, outro de Vilalba a Ferrol, e outras vías que unirían a Lugo con Ribadeo xa fose pasando por Meira e A Pontenova, xa polo corazón da Terra Chá, e mesmo por Vilalba e Mondoñedo. Todo quedou en proxecto, e a construcción de estradas, a mellora paulatina destas e a xeneralización dos automóbiles de uso privado arrumbaron para sempre estas vellas ideas e proxectos.

E sen embargo, o tren segue a ser moeda política e punto importante nesta campaña electoral. Ricardo Varela, número un do PSOE por Lugo, prometeu en Monforte unha boa conexión por tren – e por estrada- coa meseta e o resto de España. E o Ave entre Portugal e Galicia funcionará aló pro 2013, para o que só faltan catro anos.

Para o Ave estase traballando con atención especial a A Coruña, Santiago, Vigo e Ourense, quedando Lugo fóra de atención prioritaria porque a conexión con Madrid vai desde Ourense por Lubián, e a via que entra por Monforte está aínda en estudio.

Lugo ten unha autovía en dirección a A Coruña e Ferrol porque quedaba nun obrigado camiño. No tema do tren non é así e a pesar de que quedamos nun razoable camiño físico, estamos a velas vir aínda que nos conten todos os contos do mundo.

En fin, que para ir en tren de Lugo a Ribadeo haberá que ir por Coruña, Ferrol e toda a costa. O que parecía razoable, rendible e sinal de progreso hai máis de cen anos, non será posible alomenos noutros tantos.

Que xa veremos, porque agora fiamos todo no automóbil e nas estradas, pero a ver que ocorre andando o tempo cos combustibles. Xa se propugnan coches eléctricos para non ter que consumir petróleo, e as industrias máis importantes do ramo – Citroen en Galicia e Renault en Valladolid- fían nestes coches e nas axudas do Goberno o seu futuro. Quen sabe se no futuro se chega á conclusión de que o tren volve ser interesante e Vilalba resulta ser punto de referencia para a conexión do norte da provincia co centro e co sur.

Cousas máis difíciles se teñen visto e conseguido.

17 de feb. de 2009

A faba de Lourenzá solicita a Indicación Xeográfica Protexida


Redacción

O Diario Oficial da Unión Europea publica hoxe o regulamento sobre a protección da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, abrindo un período de seis meses de exposición para que calquera entidade, empresa ou particular do territorio da Unión Europea poida presentar algún tipo de alegación ao prego de condicións recollido na publicación. Deste xeito, iníciase o paso previo para o rexistro desta nova I.X.P. na lista de produtos europeos protexidos con selo de calidade. Transcorrido o prazo estipulado de seis meses, de non presentarse ningunha alegación, a Comisión Europea xa poderá aprobar o regulamento para a inclusión da Faba de Lourenzá no citado rexistro.

Hai que lembrar que a Consellería do Medio Rural xa aprobara no pasado mes de agosto a protección transitoria que permite a comercialización deste feixón co selo de Indicación Xeográfica Protexida dentro do Estado español, polo que a pasada colleita xa saíu ao mercado baixo o selo de calidade certificado polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria. A Faba de Lourenzá protexida pola I.X.P. pertence á variedade local “faba galaica” e presenta unhas calidades específicas que a diferenza doutros produtos da mesma especie vexetal, debido ás condición edafolóxicas e climáticas da zona e ás técnicas tradicionais de cultivo mediante as que se produce a faba. Este feixón de tamaño grande ten unha elevada capacidade de absorción de auga e un excepcional comportamento en cocción.

Mulleres académicas


Moncho Paz

O ingreso de Margarita Ledo Andión na Real Academia Galega fainos reflexionar, unha vez máis, sobre a representación feminina nas organizacións; tanto ten que nos refiramos a institucións públicas ou a empresas privadas. A realidade é que a muller, ao marxe das políticas que fomentan a paridade, segue a estar moi lonxe de acadar o mesmo nivel de función que o home, quedando relegada a un segundo plano.

Chairega de Castro de Rei, Margarita é a quinta muller numeraria da RAG. O seu nomeamento recoñece unha traxectoria de compromiso coa lingua e coa cultura galegas; pero tamén pon de manifesto a escasa representación feminina na entidade. Na Real Academia Española dase unha situación parecida, con soamente catro mulleres numerarias.

A imaxe de Margarita Ledo acompañada de Ramón Villares e Darío Xohán Cabana -tres chairegos que traballan a prol da lingua a da cultura- é o contrapunto á manifestación de Galicia Bilingüe, unha entidade cun discurso que alenta un conflito artificial e que pretende paralizar o proceso de normalización lingüística comezado en 1983.
_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

13 de feb. de 2009

EFE presenta o servizo "EFE-Galicia en galego"

Redacción
O presidente de EFE, Alex Grijelmo, e os secretarios xerais de Política Lingüística e de Comunicación da Xunta, Marisol López e Fernando Salgado, presentaron onte en Compostela o novo servizo de noticias EFE-Galicia en galego. Ao acto asistiron representacións da Universidade, o Consello da Cultura Galega, o mundo empresarial e os medios de comunicación, entre eles A Voz de Vilalba.

O novo servizo súmase aos que actualmente elaboran os profesionais de EFE en castelán, catalán, árabe, inglés e portugués e mostra o compromiso da axencia de informar desde unha perspectiva multilingüística, explicou Arturo Larena, Delegado da Axencia en Galicia. EFE-Galicia en galego será -dixo o xornalista- "un grande edificio do que agora se pon a primeira pedra", inclúe información sobre os distintos ámbitos da actualidade galega, como política, cultura, economía, deportes, espectáculos, ciencia ou medio ambiente. Subliñou tamén que o servizo contén non só a información relativa a Galicia, senón aquelas noticias que se producen no resto do Estado español e do mundo e que teñen relación coa nosa Comunidade. A posta en marcha do novo servizo vai acompañada do desenvolvemento do Banco de Datos en Galego (BDG), un sistema de arquivo da información xerada, que permitirá a consulta das noticias polas futuras xeracións de xornalistas galegos. O novo Banco de Datos en Galego, únese e complementa o que ata agora recollía as informacións autonómicas en castelán.

Tanto Marisol López, como Fernando Salgado felicitaron aos directivos e aos traballadores de EFE e manifestaron o seu apoio a esta iniciativa. López subliñou o "fundamental" papel que poden xogar os medios de comunicación na introdución e consolidación do uso do galego nos distintos ámbitos, aínda que lembrou que nos medios impresos aínda queda moito camiño por percorrer, pois aínda non ofrecen un reflexo fiel da maior presenza do idioma na sociedade, o que se favorecerá -considerou- co novo servizo que hoxe presentou EFE. Pola súa banda, Fernando Salgado resaltou que unha axencia do prestixio de EFE, a cuarta do mundo, comunique agora tamén en galego e insistiu na importancia de que o "gran referente no mundo hispano empece a falar na nosa lingua". O secretario xeral de Comunicación cualificou de "irresponsables" os que pretenden crear en Galicia un conflito lingüístico, que cualificou de "artificial", porque ambas as linguas teñen unha "perfecta convivencia" e representan un "dobre patrimonio".
_________
Foto GCG

Coldplay ou as afinidades desafinadas (vol. II)

Por César Reis

(Vén do mes anterior)

Na primeira parte deste artigo o autor analizaba o caso da acusación de plaxio por parte do guitarrista Joe Satriani para o grupo británico Coldplay en clave posmoderna, aludindo ao fenómeno da intertextualidade para, a seguir mostrar algúns exemplos do ámbito da música popular. Agora, continúa a exemplificación para, ao fin, establecer algunhas conclusións.

Outra cousa son as citas e “chiscadelas” máis ou menos cómplices. Velaquí algunhas: George Harrison dificilmente podería negar que a frase que inicia o seu “Something” (“Something in the way she moves”) débella ao tema que dá nome ao primeiro Lp do seu amigo James Taylor. Ou Maná que o título do seu disco “Dónde jugarán los niños” (que Molotov transformou ironicamente en “Dónde jugarán las niñas”) tomárono dunha das cancións máis coñecidas de Cat Stevens; os Housemartins en “Five get over excited” tamén “citan” o “All you need is love” (aínda que substituíndo o empalagoso “Love, love, love” polo divertido “Fun, fun, fun); Os Beatles, nese mesmo tema, homenaxearon explícitamente “A Marsellesa”. Outro fermoso himno, “A Internacional”, foi “incorporado” a algunha composición por xente tan dispar como Os Resentidos, Aute ou Kortatu. Algo similar ao que fixeron The Clash en “Wrong'm'boyo” co “Stagger Le” de Lloyd Price; Glutamato ye-yé, en “Sabes bien”, co “Speedy González” de Pat Boone; Siniestro Total en “Tumbado a la bartola” co “Sunny Afternoon”, de The Kinks, e en “Yo dije yeah” co “What'd I say?”, de Ray Charles; os Cool Jerks, en “Suck in to me”, co “Green Onions” de Booker T. Jones & the Memphis Group ou Carlos Santana en “Love your life” co terceiro movemento (Poco allegretto) da terceira sinfonía de Brahms en fa maior, opus 90, que xa no seu día “versionaran” Jane Birkin e Serge Gainsbourg naquel “Baby alone in Babilone”. Nestes dous últimos casos limítanse a poñer letra ao tema orixinal sen pagar (probablemente) nin un peso en dereitos de autor.

Onde a reflexión achégase ao desvarío
Aínda que tamén hai “parentescos” deste tipo moito máis “paranoicos” (en realidade tal vez sexa paranoico é o que se dedica a buscalos e revelalos). Pensen de novo no “All you need is love”, cuxa letra e acordes (aínda que noutra orde) sustentaron, cunha melodía nova, a tonadiña dun programa televisivo de título homónimo. Tamén o “Mari, ponte quieta” de Os Resentidos e o “Proud Mary” da Creedence parécense. Ou o “Himno de prostitutas” e o “Siempre libre”, de Loquillo e os Trogloditas, teñen algo que ver con “Stay Free”, de The Clash” (o propio Sabino fala disto en Corre, Rocker). Pero, acaso só a min lémbrame o jingle do anuncio dunha coñecida cadea de supermercados alemá, o “Our house” dos Madness? Ou os primeiros compases de “Sólo tú” de Mocedades ao “I can't help falling in love” de Elvis Presley?

Vale, vale, tal vez estea un comezando a desvariar máis do que conven. Ao fin e ao cabo, cantos centos de rocanroles e blueses son realmente parecidos entre si sen que ninguén poña o grito no ceo? O “Boys” de Dixon & Farell, que cantaron tamén os Beatles, e o “What'd I say?” de Ray Charles poden ser un bo exemplo entre miles. Xa que logo, demostrando unha vez máis esta versatilidade do pop e tirándolle ferro ao asunto, o citado tema de Coldplay, co que iniciabamos este artigo, foi remezclado en Internet con composicións de The Killers, New York Dolls, Jay-Z ou KanyeWest sen que a inesperada fusión sorprenda demasiado. Algo similar podería facerse con infinitos temas, pois as novas tecnoloxías (programas como Autotune, Protools, Logic...) dan para isto e moito máis.

Non puiden saber se Satriani ao final terá abordado a Coldplay na festa de entrega dos Grammy do pasado fin de semana, pois a prensa só parece preocupada de informar sobre os modelitos que se luciron uns e outras (pero non era unha festa dedicada á música??). En calquera caso todas estas “afinidades” comentadas, se algunha vez le este artigo, non sei se diminuirán ou aumentarán a nosa paranoia, perdón, perspicacia.

Conclusión
Nihil novum sub sole. Hai moitos máis exemplos (non só, por suposto, no ámbito da música popular moderna), pero sería demasiado aburrido e proceloso aludir a todos eles. Teñan en conta que isto non é máis que un signo, como tantos, da posmodernidade que nos circunda. Pensen no caso da literatura ou, máis significativamente, no cine. A “homenaxe” en esceas concretas é unha constante na produción de Tarantino, pero tamén vese en moitos outros directores. No que a “revisións” refírese, simplemente boten unha ollada ás estreas que nos depararán os anos vindeiros: Doce do patíbulo, Robocop, Os inmortais, Piraña, Pesadelo en Elm Street, Conan o Bárbaro, Os sete samurais, A fuga de Logan, Trinta e nove chanzos, Furia de titáns, Os paxaros... Sóanlles?

Pero quizais o caso máis extremo en ambas artes, no que a “versión” ou “revisión” se refíre sería o da fotocopia paranoica. Algo similar ao que se fixo en Vanilla Sky con Abre los ojos, de Amenábar, ou Gus Van Sant con Psicose, de Hitchcock, ou o grupo norteamericano The Smithers con varios temas de The Beatles no seu disco “Meet The Smithers”.

En fin, e xa para rematar, que podo dicir eu mesmo se para confeccionar este artigo plaxiei case completo outro escrito por min (aínda que asinado con outro nome) hai agora doce anos e publicado nun magnífico fanzine villalbés, Instinto Primario, editado por Xosé Manuel “Xútil” e Luis Mato?
Desde estas liñas convido a todos vostedes a rastrear nas súas discotecas particulares ou na súa memoria musical en busca de todas aquelas afinidades melódicas que lle apeteza, claro que sen ánimo delator nin inquisitorio estilo Satriani, senón por puro divertimento, que para iso está a música, e se non que llo digan a Euterpe.

cesar.reis.alveiros@gmail.com

12 de feb. de 2009

XI Encontros para a Normalización Lingüística


Redacción

Os XI Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia-Consello da Cultura Galega, celebraranse os días 12 e 13 de febreiro, en sesións de mañá e tarde no salón de actos desta institución, presidida polo chairego Ramón Villares Paz, na fotografía.

A inauguración terá hogar hoxe ás 10 horas e o primeiro relatorio, a cargo de Nel Vidal (CDSG) analizará “a acción política lingüística desde o Goberno galego nos últimos catro anos e propostas para a vindeira lexislatura”.

Lois Pérez Castrillo, Pilar López Martínez, Valentín García Gómez, Carlos Antonio Fernández Castro, Xoán Manuel Sande Muñiz e Alba Nogueira López intevirán tamén durante a primeira xornada.

Aforrar na conta da luz


Xulio Xiz

Para os administrados é un misterio o funcionamento das administracións, desde as europeas ata os concellos. E dentro dos concellos, a todos nos quedan lonxe os capítulos nos que se distribúe o gasto, os temas nos que os concellos invisten os orzamentos.

E ás veces unha nova, petición ou decisión municipal pon en evidencia determinada partida na que nin siquiera se nos ocorría pensar, quizais porque as partidas teñen nomes difíciles de interpretar.

Hai varios meses, o Alcalde de Vilalba declarou que se estudiaba a posibilidade de reducir o horario da iluminación pública nocturna nas rúas, co fin de abaratar a correspondente factura. Entón enterámonos de que por alumeado público o Concello ten que aboar anualmente máis de seiscentos mil euros, cen millóns das antigas pesetas.

A medida consistía en que desde a unha ás cinco da mañá se apagasen as 2.000 farolas do casco urbano ou parte delas, e deste xeito aforrar ata cen mil euros ó ano, algo maís de dezaseis millóns de pesetas. O tema non afectaría ás outras dúas mil farolas da zona rural.

Cando se fala destas cantidades está ben facer cálculos e aforrar o que se poida, sempre que a escuridade non sexa perxudicial para os viandantes que aínda que sexan poucos teñen todo o dereito a andar polas rúas sen perigo para o seu físico.

Este tema planteouse o pasado setembro pero veumo recordar a inclusión, por parte do Concello vilalbés, dunha partida no actual presuposto de 36.000 euros –seis millóns de pesetas- para renovar as cento vinte farolas ornamentais do casco antigo, ben porque estea en mal estado a súa estrutura ou porque faciliten unha luz deficiente. As novas farolas terán xa incorporados dispositivos que permitan aforrar un vinte por cento de enerxía.

Non sei se esto supón abandoar o antigo proxecto, ou xa está poñendo en práctica e esto só é un paso máis na súa consecución. So desexo que eses cen millóns de pesetas que se viñan gastando ó ano en alumeado público se reduzan sustancialmente porque aínda que sempre serán ben empregados se se utilizan na iluminación e seguridade nocturnas de Vilalba, coido que para todo o que poida aforrarse hai moitos furados que tapar, nos que aplicar ese aforro de forma xeitosa.

11 de feb. de 2009

Fe de erros

Iago.D.Castro

Vaia por diante que non desexaría converterme no "inbox" d´A Voz de Vilalba, xornal no que colaboro con gusto dende o meu exilio, pero no que non teño responsabilidades de redacción. Eu non quero, ademais, entrar en polémicas postais con ninguén, máis que nada por falta de tempo. No fondo da páxina poden ver o contacto electrónico e postal da redacción. Mais, en fin, xa que estamos, imos ao conto: Xesús Bermúdez, concelleiro de infraestruturas, persoal e mocidade do Concello de Vilalba remíteme un amábel correo no que, ademáis de calificarnos de "xenios da cultura vilalbesa" (grazas, Xesús, pero se iso vai polos que escribimos n´A Voz, non é para tanto), indícanos que o comentario publicado hai uns días titulado "dereito de pernada", e que responde a outro amábel correo dun lector, está errado, xa que o que aparece na fotografía non é o coche do primeiro edil vilalbés.

Comparada a fotografía publicada coa que nos envía Xesús, é verdade que corresponden a versións distintas do mesmo modelo polo que, rectificando que é xerundio, FE DE ERROS: o coche da foto que publicamos non é do Concello de Vilalba. Queda dito e reciba unha disculpa o aludido. De todos xeitos, o tirón de orellas non o podo retirar grazas a esta foto que me envía outro amábel lector e que si corresponde ao vehículo particular do primeiro edil:











Tamén nos envía Xesús outra foto na que un vehículo oficial da Xunta de Galiza foi pillado "in fraganti" case no mesmo sitio. Esta:











Pois iso, o que é válido para uns éo para os outros.

Outro lector adícanos un comentario que arrepía: "Pregúntome eu (...) que camiño terán que coller os seus editores (os d´A Voz) no momento en que haxa un cambio político, algo que algún día, non se sabe cando, acabará por suceder."

Home, amigo Astur, iso que dis soa moi mal. Que camiño é ese ? O do exilio? O do paredón? Acaso isto non é unha democracia dende 1978, onde cada quen opina como quere? De feito, a liña editorial d´A Voz de Vilalba é máis ben neutral. Outra cousa é para onde tiramos os colaboradores, que é para onde nos peta: Xulio Xiz é máis ben dun lado, eu do contrario... o normal, non? Cónstame que dende a redacción d´A Voz se convidou a colaborar a persoeiros de todo o espectro político, alcalde incluído. Pero cada quen é libre de opinar... e de non opinar, por suposto. Como cada quen é libre de ler este ou calquera outro medio... ou de non ler ningún en absoluto.

En fin, o dito. Sen ánimo de entrar en polémicas, unha aperta para todos.

O castro de Viladonga será declarado Ben de Interese Cultural


Redacción

O director xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, Felipe Arias Vilas, vén de asinar a resolución pola que se incoa o procedemento para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, do castro de Viladonga, en Castro de Rei. Nos vindeiros días publicarase no Diario Oficial de Galicia esta incoación, que implica que o xacemento conte xa co máximo grao de protección legal.

A resolución sitúa ao castro de Viladonga como un dos máis senlleiros e representativos da cultura castrexa, habitado principalmente en época romana. Chama a atención a monumentalidade do xacemento, un conxunto con croa, murallas, foxos e antecastro que constitúe un arquetipo formal de castro do interior de Galicia. Na resolución tamén se destaca a traxectoria como centro de investigación desde os anos oitenta ata a actualidade. A delimitación do castro de Viladonga como monumento comprende unha área de 96.270 metros cadrados, que inclúe o recinto castrexo, xunto cos parapetos, murallas e socalcos que forman parte do conxunto.

O seu contorno de protección chega aos 993.494 metros cadrados, e nel inclúense a Rodela de Valmonte, outro xacemento castrexo próximo. A incoación vén logo do estudo por parte dos técnicos da Consellería de toda a documentación bibliográfica e histórica recollida por este departamento nos últimos meses, e da análise dos valores históricos e culturais do monumento. O resultado destes estudos é que a Dirección xeral de Patrimonio estima que o castro de Viladonga reúne as condicións para poder obter o máximo grao de protección patrimonial.

A partires da publicación no DOG desta resolución, abrirase un período de información pública dun mes no que as persoas ou entidades interesadas poden examinar o expediente na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e interpoñer as alegacións que estimen oportunas. A Consellería pediralle opinión sobre a declaración a tres organismos consultivos. Cultura agarda que logo duns meses o proceso remate na declaración definitiva como Ben de Interese Cultural. Con esta resolución o castro de Viladonga converterase no terceiro poboado castrexo que acade o grao de BIC, logo dos de Santa Trega (A Guarda) e Elviña (A Coruña).

Sota, cabalo e rei

Manuel París

Os problemas do Partido Popular están a facer mella na saúde mental dos dirixentes desta forza política, que xa non entenden nada nin tampouco se entenden entre eles, o cal resulta máis grave. Visto o panorama, quédalles pouca credibilidade para presentarse como alternativa de Goberno: non reaccionan e tampouco se deixan asesorar, a súa grande asignatura pendente.

A Mariano Rajoy o desautoriza ata o alcalde de Boadilla del Monte. Os escándalos de corrupción e espionaxe en Madrid, con sendas causas abertas, provocaron no día de onte catro ceses ou dimisións (tampouco se aclaran neste termo). Porén, dúas gotas colmaron o vaso nos últimos días: o apoio de certos dirixentes populares galegos a esa organización autodenominada Galicia Bilingüe, cuxas mensaxes de fondo a delatan no seu empeño por crear unha polémica fora de lugar, rachando coa idea predominante ata agora da nosa lingua como patrimonio de todos; e as declaracións da presidenta Esperanza Aguirre esta mañá, que pretende pasar a pelota ao tellado do veciño con argumentos peregrinos que se achegan á fronteira da infamia.

A todo isto, está por ver se hai máis casos relacionados con tramas de espionaxe, vendettas e paraísos fiscais. Tras o affaire de Carrera Pásaro e as illas Caimán, pode ser que esta semana haxa máis sorpresas. Estean atentos, please. Por certo, recoméndolles o "regetón" das illas Caimán; chegou o momento, non perdan detalle.

10 de feb. de 2009

Monográficos de inglés audiovisual en A Coruña, Compostela e Vigo


Redacción

Tras o éxito de convocatoria e o alto nivel de satisfacción do alumnado dos monográficos organizados nas pasadas edicións polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nas EOI de Santiago e Vigo, para os que se recibiron máis dun centenar de solicitudes, estes organismos asinaron unha addenda para prorrogar a súa colaboración. Para o 2009 amplíase o número e duración dos cursos, aumentando os monográficos de 30 a 45 horas e diversificando xeograficamente a oferta formativa, contando coa colaboración das EOI de Santiago e Vigo, que xa ofertaran as pasadas edicións, pero neste ano se suma tamén a EOI da Coruña. Os cursos, que serán impartidos polo profesorado das EOI, comezan hoxe e mañá e celebraranse de xeito simultáneo nas EOI da Coruña, Compostela e Vigo, dúas xornadas á semana, en horario de tarde, para posibilitar a compatibilidade horaria co traballo dos profesionais.

O Consorcio Audiovisual de Galicia subvenciona -en concepto de bolsa de formación- o 50% do custo das taxas de matrícula por monográfico e ofertará ademais unha serie de actividades extraacadémicas relacionadas cos contidos do curso (como visitas a rodaxes ou gravación de programas, organización de master classes, proxeccións de películas en versión orixinal, etc.). Estes monográficos xa se están tomando como referencia noutras comunidades autónomas, para implantar accións similares.

Os cursos están dirixidos principalmente aos profesionais do sector audiovisual, así como a estudantes que estean familiarizados coa lingua inglesa, e que desexen potenciar e ampliar as súas destrezas comunicativas sobre todo no ámbito da industria dos medios audiovisuais. Así, nas pasadas edicións contouse entre o alumnado con distintos perfís profesionais desta industria, como actores, directores, guionistas, técnicos, produtores, axentes de vendas internacionais, xornalistas, deseñadores gráficos, axentes culturais... Para acceder, o alumnado deberá acreditar o seu nivel de lingua mediante unha entrevista persoal para a que serán convocados unha vez se peche o prazo de inscrición.

O obxectivo é que o alumnado adquira ou mellore o seu nivel de competencia na expresión e comprensión de certos aspectos específicos da lingua obxecto de estudo, tanto na súa forma falada como escrita, que lle permita desenvolverse en situacións coas que se poida atopar no seu ámbito profesional específico, proporcionándolle a información sobre as características fonéticas, as estruturas e normas de interacción comunicativa que poidan ter influencia nas situacións laborais e sociais máis frecuentes coas que se van enfrontar.

9 de feb. de 2009

Hoxe inaugúrase en Compostela a mostra Roma-Santiago-Roma


Redacción

O Pazo de Xelmírez, na praza do Obradoiro de Santiago, acolle hoxe ás 19,30 h. a inauguración da mostra fotográfica “Roma-Santiago/Santiago-Roma. Itinerarios, signos e memoria da Europa das Peregrinacións”. A exposición será inaugurada por Rubén Lois, director xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria, departamento que a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo organiza o evento, colaborando tamén o Centro Italiano de Estudos Composteláns, o Arcebispado e o Museo da Catedral de Santiago. Tamén estarán presentes o xerente do Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar, un representante do Arcebispado e o comisario da exposición, o profesor Paulo Caucci von Saucken (na fotografía), presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

A mostra pretende amosar a través de imaxes significativas e emblemáticas a unidade de camiños e culturas que se realizou por este itinerario xa que as análises máis recentes indican que a tendencia dos dous principais camiños medievais de peregrinación, o Camiño de Santiago e a Vía Francigenea ou Romeira, é a de volver xuntarse, tal e como xa sucedera na Idade Media. De feito, cada vez máis peregrinos están a percorrer ambas as rutas nas dúas direccións, e incluso coa perspectiva da súa continuación cara a Xerusalén por vías marítimas e terrestres, volvendo a reconstruír o itinerario que unía ás tres “Peregrinationes Maiores”.

Esta exposición permaneceu o ano pasado no Vaticano, na Praza de San Pedro de Roma, e está a ser exhibida en diferentes cidades italianas e francesas. Nestes momentos, está na localidade italiana de Ascali. Tamén no marco da exposición, foi presentada durante o acto da súa inauguración romana a tradución italiana do Códice Calixtino e estase a preparar unha guía específica para os peregrinos que sairá á luz neste ano 2009.

Suspendida a actividade no ensino polo mal tempo, agás na Universidade


Redacción

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luís Méndez Romeu -na fotografía- confirmou esta tarde a suspensión da actividade lectiva en todos os centros públicos, privados e concertados da rede educativa da Comunidade Autónoma galega, agás a Universidade. Segundo explicou o titular do departamento, o nivel de risco do fenómeno de meteoroloxía adversa de nivel de alerta laranxa por vento en terra que afectará a partir de mañá a Galicia “é suficientemente importante como para adoptar estas medidas”. Méndez Romeu explicou que o episodio meteorolóxico adverso que entrará mañá na Comunidade provocará ventos de máis de 100 km/h e choivas que poderán acumular os 40 litros por metros cadrado en 12 horas. Igualmente, destacou que os refachos poderán ser especialmente intensos entre Fisterra e Viveiro, con posibilidade de acadar, puntualmente, os 120 ou 140 km/h. No resto de Galicia, a intensidade oscilará entre os 100 e 120.

O titular do departamento autonómico lembrou que a Consellería de Educación “disporá un responsable que informe ás familias en todos os centros da Comunidade, así como a través do servizo de transporte escolar co fin de garantir a seguridade dos rapaces”. Tamén aproveitou para informar da importancia que teñen nestas situacións de emerxencia as medidas de autoprotección, como evitar desprazamentos e afastarse de edificios en ruínas ou en construción, árbores e paneis publicitarios. Igualmente, aconsellou aos condutores que, no caso de vérense obrigados a desprazarse, axeiten a velocidade ás condicións da vía, pois pódense producir desprendementos de terra e pedras. Por outra banda, a Vicepresidencia da Xunta acordou tamén suspender as actividades desenvolvidas nas escolas infantís dependentes da mesma durante a xornada de mañá luns.

8 de feb. de 2009

A castaña de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida


Redacción

A Consellería do Medio Rural vén de aprobar o regulamento que rexerá a Indicación Xeográfica Protexida “Castaña de Galicia”, que sairá publicado o vindeiro mércores, 11 de febreiro, no Diario Oficial de Galicia. Así o anunciou hoxe o seu titular, Alfredo Suárez Canal, durante a clausura da Feira Xantar 2009, á vez que salientou que “a aprobación desta protección transitoria supón o décimo sétimo selo de calidade para os produtos agroalimentarios galegos e terá, sen dúbida, unha importancia destacada na provincia de Ourense, que aglutina máis da metade da produción de castaña anual (15.000 toneladas) e da superficie ocupada por castiñeiros en todo o País (arredor de 45.000 hectáreas).”

O Instituto Galego da Calidade Agroalimentaria (INGACAL), dependente de Medio Rural, traballará na elaboración do rexistro de produtores, almacenistas, operadores en fresco e industrias de transformado que formarán parte da IXP, o que permitirá que a vindeira colleita se poida comercializar integramente co novo selo. Asemade, tamén botará a andar un Consello Regulador provisional, ata a celebración das eleccións nas que se elixirán os seus membros.

O conselleiro situou a nova IXP para a castaña no apoio integral do seu departamento ás producións de calidade, e en boa medida ecolóxicas, dado que a maior parte das castañas producidas en Galicia non entran en contacto con axentes químicos, e na diversificación da produción no medio rural (valorizando un froito que se extrae da explotación forestal dunha especie arbórea de grande tradición en Galicia). Neste sentido, lembrou os datos que manexa o propio sector sobre a produtividade do cultivo de castaña: “unha hectárea de castiñeiro ben valorizada podería producir, a partir dos 15 anos, arredor de 6.000 quilos de castaña anualmente, o que se traduce nuns ingresos pola súa venda de aproximadamente 10.000 euros para os propietarios dos montes”.

II Foro Vía Cultura da Acción Cultural


Redacción

O plan Vía Cultura naceu en 2008 como iniciativa pioneira en Galiza co obxectivo de formar aos axentes que desenvolven a súa labor dentro do tecido cultural galego. Esta necesidade de continua actualización dos profesionais do sector foi percibida pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, quen encargou no seu día a un equipo de investigadores das tres universidades galegas a elaboración dun programa específico de formación, que foi consultado con boa parte dos xestores culturais do país.

Nesta segunda edición o reto do programa Vía Cultura reside en dotar aos técnicos de novas ferramentas teóricas e de reflexión para o seu traballo diario, e en conseguir que este traballo sexa permeable e se modifique conforme ao propio desenvolvemento da sociedade e ás súas sensibilidades.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou o venres día 6 o II Foro Vía Cultura da Acción Cultural, onde se expuxo o programa que se desenvolverá este ano co obxectivo de profundar máis na formación dos profesionais do sector. Nesta edición xa se rexistraron 120 incricións, en boa parte concelleiros e técnicos locais que completarán a súa labor mediante obradoiros, relatorios e o contacto con outros axentes culturais. O plan este ano 2009 se desenvolverá en dous semestres. O primeiro comezará co relatorio "Programar, exhibir ou xerar?" o venres 17 de abril no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago. Con ela abrirase o debate sobre o sentido das políticas culturais en relación aos cidadáns no ámbito das programacións culturais e sobre as fórmulas precisas para a participación da cidadanía nas mesmas. As seguintes xornadas desenvolveranse nos meses de maio e xuño en Santiago de Compostela. O venres día 8 de maio na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e baixo o título "Acción cultural e recursos tecnolóxicos na rede" abordaranse as novas vías de comunicación social na Rede como ferramentas para difundir as actividades culturais.

A seguinte xornada será o día 29, no Consello da Cultura Galega, e acollerá os obradoiros "Microfisuras culturais e potencias móbiles", centrados en proxectos e fórmulas alternativas e non espectaculares de cooperación asociativa. "A cultura desde e para a mocidade", vista desde a incidencia da Internet e das novas tecnoloxías no contexto cultural, será o tema a tratar o 5 de xuño no Auditorio de Galicia. A última xornada deste semestre de actividades realizarase no Consello da Cultura Galega o día 12 de xuño, onde se inducirá a unha reflexión sobre o tecido asociativo a nivel local baixo o lema "Concellos e asociacións para unha nova cultural local", e que irá acompañada por un encontro entre colectivos culturais locais.