Revista avozdevilalba.com de marzo


Redacción

Xa se pode descargar o número 10 da revista avozdevilalba.com, en formato pdf. Este mes, no que a vitória eleitoral do PPdG nas Eleccións ao Parlamento Galego foi a nova máis destacada, a nosa portada e moitas das colaboracións fan referencia, como non podía ser doutro xeito, ao resultado eleitoral.

Pódese descargar, como sempre, picando na imaxe, no enlace de descarga da parte esquerda da web ou ben na Hemeroteca no menú superior do xornal.

31 de mar. de 2009

Primeiro curso en liña de lingua galega


Redacción

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación, Ineo, teñen ultimado o primeiro curso en liña de lingua galega, deseñado para a preparación da obtención do Certificado de Lingua Galega no seu primeiro nivel, o Celga 1.

Logo de varios meses de traballo, o presidente de Ineo, Jorge Cebreiros, fíxolle entrega esta mañá á secretaria xeral en funcións de Política Lingüística, Marisol López, do traballo realizado, que poderá poñerse a disposición da sociedade ante a demanda detectada deste tipo de formación.

O curso foi deseñado por un equipo multidisciplinar. Dos contidos encargouse un grupo de filólogos con formación especializada en docencia e avaliación de linguas, dirixido por Margarita Chamorro. No deseño gráfico e de contidos multimedia traballaron un total de dez empresas coordinadas por Ineo.

O curso está deseñado para ser realizado en trinta horas de aprendizaxe en liña, e dispón das máis modernas tecnoloxías para resultar atractivo, ameno e cumprir os obxectivos de acadar o nivel básico de coñecementos de lingua. Distribúese en dez unidades, que constan de tres bloques cada unha. Ademais dos formatos clásicos de preguntas pechadas, para unir parellas ou encher ocos, o curso tamén combina imaxes animadas, textos e locucións no cen por cento das pantallas do curso, así como a posibilidade de gravación da voz do alumno.

Asemade, a actividade dispón de fiestras con ligazóns externas nas que o alumnado poida atopar máis información ou explicacións de tipo gramatical relacionadas cos contidos da unidade na que se estea traballando. A avaliación do curso realízase mediante tests.Os participantes no curso contarán coa supervisión dun titor, e disporán ademais dun menú de uso persoal con acceso ao correo interno da plataforma para a comunicación co titor. Inicialmente, está previsto que poidan realizar o curso 500 persoas simultaneamente, unha vez que se realice a convocatoria oficial e conclúa o proceso de selección de alumnado.

30 de mar. de 2009

Novas incógnitas


Antón Baamonde

Que nos deparará o novo goberno popular? Iso é unha incógnita. Hai que lembrar que cando Manuel Fraga retornou a Galicia non o fixo sen darlle un punto de sal e pementa á súa acción de goberno. Dende os desfiles de gaiteiros ata a idea da Administración única e a correlativa de reforma do Senado, Fraga intentou crear unha maioría natural asentada nun galeguismo morno, sen substancia efectiva, pero que sabía traballar ben os símbolos.

Dende aquela, moita auga ten pasado baixo o río. A dereita perdeu os seus complexos -aqueles que tiñan que ver co feito de ser unha transubstanciación do franquismo- e a hexemonía cultural da esquerda está en crise. A dereita practica hoxe non tanto un conservadorismo de corte tradicional como unha estratexia de mobilización constante, copiada dos vellos movementos de masas de esquerda e que ten os seus alvéolos na constelación de medios de comunicación -Intereconomía, Veo TV, Popular TV, a COPE, La Razón, El Mundo- que practican un xornalismo groso, demagóxico, pero moi eficaz á hora de acovardar á esquerda e ao nacionalismo democrático.

Agora ábrese un tempo que non é a continuidade coa época de Fraga senón algo novo, dunha dereita máis urbana pero non necesariamente máis urbanizada. A Galicia de hoxe está máis segmentada do punto de vista da ideoloxía. Veremos como esa división se acompasa co cambio social e se a esquerda e o nacionalismo conseguen crear un espazo de discurso propio ou se limitan a xogar no terreo minado dos seus opositores. Moi en concreto, será interesante observar se a nova Galicia con estándares de educación relativamente altos e oportunidades escasas -a Galicia na que os traballadores compoñen a ampla maioría social- se decanta e cristaliza en conservador ou buscará outro norte.

29 de mar. de 2009

Visitas escolares á Mostra "Galicia pola Radio"

Redacción

“Tres, dous, un... dentro”. Carlos, María e Iago, cuns enormes cascos na cabeza e os ollos moi abertos, agardan a orde do técnico para comezar o programa de radio co que rematará a visita de hoxe á exposición Galicia pola radio. Eles, xunto con 16 compañeiros máis, saíron a primeira hora da mañá do colexio para gozar dunha clase diferente na Fundación Caixa Galicia de Santiago.

Á súa chegada, varias monitoras lles explicaron a historia da radio en Galicia a través da exposición que estes días acolle a sede compostelá da Fundación. Alí puideron ver as antigas radios que escoitaban os seus avós e oír algúns fragmentos históricos, como o desmaio do ex presidente da Xunta de Galicia durante unha sesión no Parlamento en 2004 que provocou os risos de varios cativos. Mentres tanto, outros quedaban pasmados ante as enormes reproducións de dous vellos aparatos radiofónicos situados no primeiro andar.

Aínda que non todos chegan a comprender a importancia que este medio de comunicación tivo na historia máis recente de Galicia, pronto entran na maxia da radio, especialmente cando as monitoras os avisan de que presten atención, xa que pronto serán eles os protagonistas. Os nervios afloran e os rapaces se miran uns aos outros con expectación.

Xa na planta baixa, antes de entrar no estudio dixital, os nenos traballan, sentados no chan, as súas intervencións. En grupos de catro van preparando os textos que uns minutos despois quedarán inmortalizados por obra e arte da radiodifusión. Os nervios aumentan e tamén os berros dos pequenos locutores se van facendo máis fortes a medida que chega o momento. Sentados á mesa, colocan os cascos ante a atenta mirada dos seus compañeiros, proban os micrófonos e, cal Luis del Olmo, comezan o seu primeiro programa de radio.

Ritmo, imaxinación e, sobre todo, moita naturalidade. Con moitos risos, varios tropezos e algunha que outra parada, os pequenos conseguen gravar as súas mensaxes e escribir novas páxinas na historia deste medio do que, quizais, algún deles forme parte no futuro.

Todos os colexios interesados en visitar a mostra, poden poñerse en contacto coa Fundación Caixa Galicia no teléfono 981 552577 ou no correo electrónico fundacion@caixagalicia.es

28 de mar. de 2009

Seminario Internacional de Taekwon-do en Valongo


Redacción

O pasado día 21 de Marzo de 2009 tivo lugar no Pavillón Municipal de Valongo o Seminario Internacional de Taekwon-do orientado polo Mestre António Montes, 7.º Dan, oriundo da Chaira e internacionalmente recoñecido.
O evento, organizado pola Asociación Taekwon-do do Porto e a escola súa afiliada (o Grupo Recreativo e Cultural Estrelas Susanenses a través da súa sección de Taekwon-do), contou coa presenza dalgúns outros mestres de grande recoñecemento mundial como Uh Soo Il, 9.º Dan de Taekwon-do e que foi seleccionador do equipo Español.
Entre as autoridades locais, asistiu o Señor Presidente do Concelho de Valongo, coma proba do seu grande interese por todo tipo de actividades culturais e deportivas no entorno.

Vento do nordés


Moncho Paz

Hai menos dun mes estaba considerado un cadáver político, con data de caducidade para o comezo da primavera; falábase del como o experto en perder eleccións. Hoxe rexurde coma o ave Fénix e adéstrase para as eleccións europeas, que se plantexa en clave de primarias para o seu terceiro asalto á Moncloa. Rajoy, ufano tras superar as dúas probas de lume do 1-M, avanza imparable na súa carreira hacia a desexada meta.

Tras a derrota electoral de 2008 tivo a tentación de deixalo todo; pero decidiu seguir. Renovou moitas faces no PP e xestionou conflitos internos que estiveron a piques de derrubalo. A súa actitude foi unha mistura de toma de decisións con “laissez faire”, nadando entre dúas augas e xogando en ocasións a partida de xadrez dende fóra do taboleiro.

A recesión económica fai que se reactive na política a sensación de cambio de ciclo. Mentres sopra un vento do nordés favorable para Mariano, o sempiterno optimismo de ZP queda en entredito: dixo que o emprego comezaría a súa recuperación en marzo. A vindeira semana publícanse os novos datos do paro; permanezan atentos.

_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

27 de mar. de 2009

A Asociación de Periodistas de Galicia celebra a súa Asemblea Xeral Extraordinaria en Santiago de Compostela

Javier García Sánchez, Moncho Paz e Octavio Rodríguez
Redacción

A Asemblea Xeral Extraordinaria da Asociación de Periodistas de Galicia (APG) reelixiu no serán do mércores día 25 á Xunta Directiva, que estará presidida novamente por Arturo Maneiro. Tamén se aprobaron algunhas modificacións na composición da mesma que serán introducidas nos estatutos da entidade.

Durante a Asemblea, que se celebrou no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela, informouse sobre a iniciativa de participar na Federación de Asociacións da Prensa de Galicia, en consonancia cos obxectivos da APG de levar a cabo iniciativas conxuntas con todas as institucións profesionais de xornalistas da nosa Comunidade e do resto do Estado español.

A Directiva que comeza esta nova andaina da entidade -fundada en 1995- estará integrada por: Arturo Maneiro (presidente); José Castro (vicepresidente primeiro); Ángel Botana (vicepresidente segundo); Javier García Sánchez (secretario); Fernando González Macías (tesoureiro); e cinco vocais: María Méndez, Moncho Paz, Alfonso Cabaleiro, Octavio Rodríguez e Arturo Cerviño.

A candidatura elexida propuxo para o seu nomeamento dos seguintes profesionais como vocais delegados nas catro provincias galegas, de acordo cos estatutos da entidade: Pury Arija (A Coruña); Margot Montero (Lugo); Xosé Rúas (Ourense) e Enrique Varela (Pontevedra). A proposta foi aprobada por unanimidade dos xornalistas asistentes.

Os novos directivos reafirmaron o seu compromiso de continuar co seu obxectivo de promover iniciativas entre as organizacións profesionais de defensa e promoción do xornalismo, por medio de actividades e publicacións que sirvan para dar prestixio á profesión. Neste senso, nos vindeiros días está prevista a saída á rúa do número 7 da revista Comunica.

26 de mar. de 2009

Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico

Redacción

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega coa colaboración do Centro Dramático Galego e o patrocinio da Consellaría de Cultura e Deportes, procura desde a súa primeira edición fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico.

Nesta ocasión, o que xa é o Terceiro Premio "Diario Cultural", que está patrocinado pola Consellaría de Cultura e Deporte e no que colabora o Centro Dramático Galego, foi outorgado por maioría, e despois dun longo debate do xurado, á obra "Peter Buckley", escrita por Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón. O Premio da audiencia foi tamén para "Peter Buckley". Quedaron finalistas as obras "Servizo de información" de Paula Carballeira e "O xou mas gou on" de Eva Freixeira.

O xurado do premio estivo composto por Cristina Domínguez, directora do Centro Dramático Galego; Ana Romaní, directora do "Diario Cultural" da RG; Flor Maceiras, actriz e profesora na Escola de Teatro de Narón; Cándido Pazó, actor e director e Camilo Franco, crítico teatral. O xurado destacou que a obra gañadora, "Peter Buckley", é unha historia que emprega pautas do xénero negro, convertendo a estrutura do relato nunha translación radiofónica dun ambiente cinematográfico. Valora ademais a escrita áxil, contundente e madura, con personaxes ben perfilados.

Rubén Ruibal naceu en Ribadeo en 1970. É autor dramático de longa e recoñecida traxectoria. Recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro en 2005 e o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2007 pola súa obra "Limpeza de sangue". César Candelas Colodrón é profesor de Historia na Universidade da Coruña. Ten publicado varios traballos académicos e de divulgación sobre Hidacio de Chaves e urbanismo medieval. "Peter Buckley" é a súa primeira obra de creación.

As tres obras finalistas "Peter Buckley", "Servizo de información" e "O xou mas gou on" publicaranse nun libro-cd editado por Xerais. A presentación deste libro e a entrega do premio terá lugar o vindeiro 15 de abril no transcurso dunha Gala no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. As tres obras finalistas emitíronse en diferentes programas da Radio Galega entre o 9 e o 22 de marzo. Dirixidas por Cándido Pazó, foron interpretadas, entre outros, por Xosé Manuel Olveira "Pico", Beatriz Méndez, Santi Prego, Pepo Suevos, Camila Bossa e Lino Braxe. Toño Vázquez e Iván Nogueira foron os responsables da gravación e a montaxe.

A Deputación de Lugo fomenta a cultura en Meira


Redacción

A Área de Cultura e Deporte da Vicepresidencia Primeira da Deputación, dirixida polo nacionalista Antón Bao –na fotografía- vén de resolver as solicitudes de axudas do 2008 para as entidades e asociacións que desenvolven algún tipo de actividade cultural ou deportiva. Estas axudas, que están en período de xustificación e serán abonadas en breve, beneficiarán a 8 asociacións do Concello de Meira, amais do propio concello en diversas actuacións, sumando un importe total de 18.056 euros. Deste investimento, 17.056 euros foron destinados á promoción deportiva e cultural entre as asociacións e investimentos ao propio concello e os 1.000 euros restantes correspóndense con diversas actuacións de grupos tradicionais e bandas de música sufragadas directamente pola Área de Cultura e Deportes da Deputación.

A diferenza do que sucedía en tempos anteriores, na convocatoria das bases destas axudas estabeleceuse que só poderían concorrer a elas asociacións e entidades legalmente constituídas. Con esta medida a Área de Cultura e Deportes evitou que, como sucedía con anterioridade, tres ou catro veciños puidesen recibir subvencións para actividades que en moitos casos pouco tiñan que ver coa cultura. É salientábel tamén que na concesión destas axudas houbo unanimidade por parte de todos os grupos políticos á hora da súa aprobación na comisión de valoración, na que están representados todos os partidos.

Só no apartado cultural foron 441 entidades e 56 concellos os que recibiron a concesión de axuda no conxunto da provincia, cun importe total de 790.000 euros, chegando case a duplicarse o número de entidades beneficiarias do ano 2007, xa que o anterior goberno concedeu 245 axudas para actividades culturais a través do plan de cooperación con entidades veciñais.

Entre os criterios utilizados para a concesión destas axudas tívose en conta o interese e calidade da actividade, o uso e difusión do galego, a difusión dos valores culturais das comarcas lucenses, o impacto, repercusión e influencia no desenvolvemento cultural da poboación, a innovación e creatividade, a potenciación da participación da mocidade, a utilización dos recursos culturais e artísticos da provincia, a realización de actividades comarcalizadas, o arraigo social e as características culturais do contorno.

25 de mar. de 2009

No outono quedará rematada a autovía Ferrol-Vilalba


Redacción

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, visitou hoxe as obras do último treito da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba, entre a localidade de Cabreiros (no termo municipal de Xermade) e Vilalba. Co remate dos traballos deste treito para outono deste ano, os condutores poderán circular ininterrompidamente por unha autovía totalmente gratuíta ao longo dos 56 quilómetros que separan Ferrol e Vilalba. María José Caride -na fotografía- lembrou que a continuidade da autovía ata Vilalba foi “unha aposta” do actual Goberno da Xunta de Galicia que tomou a decisión de conectala coa A-6 e coa A-8, xa que o proxecto do anterior Executivo remataba nas Pontes.

A Xunta está a investir un total de 40 millóns de euros na construción deste último treito da autovía AG-64, unha infraestrutura cun custe total duns 200 millóns de euros. Unha vez aberta ao tráfico na súa totalidade a partires de outono, esta vía de altas prestacións configúrase como eixo fundamental de comunicacións da zona de Ferrolterra e o norte da provincia da Coruña coa autovía do Cantábrico (A-8) e coa autovía do Noroeste (A-6).

Dos 56 quilómetros totais, a día de hoxe a Autovía Ferrol-Vilalba xa ten en funcionamento o 80 por cento do seu percorrido, 43 quilómetros sen interrupción entre Ferrol e As Pontes, polo que tan só restan por rematar os 13 quilómetros entre Cabreiros e Vilalba, cuxas obras se iniciaron en outubro de 2007. Neste último treito, que atravesa os concellos de Xermade e Vilalba, xa está realizado o 52 por cento do total das obras e o 70 por cento dos movementos de terras necesarios. Neste percorrido haberá enlaces en Cabreiros (punto quilométrico 0,200) e Cabodealdea (punto quilométrico 7,280) e o treito disporá de 7 pasos superiores, 9 pasos inferiores e unha ponte sobre o río Trimaz.

A dimisión de Roberto Mera


Antón Baamonde

Acabo de ler en El Correo Gallego a dimisión de Roberto Mera, membro da executiva do BNG nos últimos anos. Roberto Mera -na fotografía- ten trinta e sete anos e vinte de experiencia política: é un rapaz, con moita vida -política- por diante. No entanto, decide dimitir e, tal e como o refire o xornal compostelán, “reprocha a outros cargos que levan trinta anos na primeira liña que queiran continúar a toda costa”.

Este, en efecto, non é un tema menor. O BNG é un partido extremamente conservador, de flexibilidade nula. A súa estrutura interna está pensada para evitar toda cesión de poder do núcleo dirixente, cos conseguintes efectos negativos á hora de remozar os rostros e as políticas: rexe a cooptación estrita, isto é, a fidelidade e a obediencia. Obsérvese que iso non é certo para o caso do PPdeG nin para o PSdeG. Os conservadores foron os que máis modificaron as súas listas nestes anos -non só no último período- e no caso dos socialistas -outro partido conxelado nos tempos en que estaba secuestrado por Paco Vázquez- non houbo continuidade entre o agora embaixador e Touriño, que tivo moitos defectos, pero que non era un monicreque do seu antecesor na secretaría xeral. Os socialistas puxéronse a andar. Non necesariamente na dirección que a ún lle gustaría, pero ese é outro cantar.

O mesmo vale para a dimensión española. Tanto o PSOE coma o PP -os dous partidos que gobernaron- cambiaron nestes anos varias veces de liderado. Non houbo continuidade entre Gónzalez e Borrell, nin tampouco entre Gónzalez e Zapatero -Almunia foi un intermezzo fallido-. Tampouco entre Fraga e Aznar -odiábanse, como todo o mundo sabe-. O mesmo pode afirmarse do PNV -de Garaicoetxea a Ibarretxe hai moito treito- e de CiU. Todos os partidos con experiencia de goberno souberon deixar paso, cando as vicisitudes da vida política o fixeron necesario, a outra xeración ou, simplemente, a outras faces. Vale o mesmo para unha organización -IU- que sempre estivo na oposición.

Iso é así porque non podería ser doutra maneira. Os ciclos sociais van cada vez máis rápido. E os ciclos políticos están obrigados a acompasalos, baixo pena de acabar na irrelevancia. As sociedades de masas son moi sensibles e lábiles: os partidos que as representan, aínda sendo un factor de estabilidade, teñen que reaccionar a demandas cada vez máis crecentes e complexas.

En Galicia, no entanto, a estadía na oposición conxelou en formol non ao goberno, senon a oposición. No BNG e no PSdeG a renovación foi mínima. As personas que dirixen e encabezan ambas formacións están aí dende sempre. Repiten os seus mesmos erros ata o infinito. Cunha capacidade de adaptación mínima, cuns vicios adquiridos enormes parecen un tiovivo interminable, desesperante. Están aí dende antes da transición e non parecen ter a menor intención de desaparecer da escea. Por suposto, a experiencia dos seniors debe ser aproveitada, aquí como en Pekín. O senado, as fundacións, determinados organismos públicos e privados están para iso. O cainismo e a mala educación de dar por cancelada a unha persoa só porque cumpre anos deben de ser evitados; pero iso é unha cousa e outra, moi distinta, é impedir por medios burocráticos que a vida flúa.

24 de mar. de 2009

Eu son do Racing e de Diego López


Xulio Xiz

Os que me coñecen saben que para min os deportes non están na primeira fila das devocións, e que as competicións en xeral déixanme máis ben frío. Pero asombroume ver na prensa escrita fotos da vilalbesa señora Morado, con 101 anos cumpridos, nas que recibe unha camiseta rotulada “Josefa 101”, da Peña Celtista á que pertence desde hai moito tempo.

Na foto aparece o meu vello amigo Carlos García Fraga, presidente desta peña vilalbesa que homenaxea á decana dos socios da Peña do Celta en Vilalba entregándolle a camiseta que, nin que dicir ten, está asinada por todos os xogadores do equipo vigués. Tamén recibiu un escudo cunha placa e o persoal do Villamartín entregoulle unha taza co escudo do Celta.

A Señora Josefa – nos meus tempos e nos de Josefa aseñorábase ós maiores- da todo un exemplo da afección que en Vilalba hai polo futbol. E non sei se o Madrid e o Barcelona despertan amores tolos, pero Celta e Deportivo, como máximos representantes do futbol profesional en Galicia si que tiveron, teñen e terán peñas que os defendan en Vilalba en colectivos ben numerosos.

Cando alguén fala de futbol na miña presencia e elucubra sobre as virtudes dos grandes clubes nacionais, loxicamente sempre saen Barcelona e Madrid e algún despistado fala do Atlético de Madrid, eu sempre digo que son do Racing Club Villalbés, aínda que non saiba en que categoría milita.

Días pasados, aseguráronme que o Racing estaba en primeira rexional con posibilidades de ascender á terceira división. A min eso das categorías eme igual, e seguirei tendo polo Racing un amor platónico, independente de que gañe ou perda, independentemente de que nunca fun a un partido no que xogara o Racing. Verdadeiramente é que nunca fun a un partido de fútbol completo.

Nesto, moito teño que aprender da Señora Josefa, paisana miña de cento un anos, que segue os partidos do Celta pola televisión, aplaude ós xogadores, e vive con enerxía todos os avatares do club vigués que coido non está dando moitas alegrías ós seus siareiros. E aínda non hai moito tempo, viaxaba a Vigo para ver en Balaídos os partidos do Club dos seus amores.

Últimamente, teño que confesar que, ademais que do Racing Club Villalbés, son do Villareal, que alí está de porteiro Diego López de Paradela, unha marabilla de rapaz ó que en Paradela lle fan unha homenaxe anual e a min correspóndeme presentala.

Velaquí a paradoxa: Son do Racing club Villalbés, sen haber acudido a ver ningún partido deste emblemático club da miña vila. E son do Villarreal porque alí xoga Diego López, a pesar de que nunca o vin xogar.

A Señora Josefa tería, sen dúbida, dificultade grande para comprender esta miña platónica afección –dudosa afección- ó chamado “deporte rei”. Eu, en cambio, comprendo a súa, admíroa, e estou seguro que vai tirar adiante pola vida ata ver se o Celta gaña a Liga ou alomenos se clasifica para algún campionato internacional.

Fotografía e arte conceptual no CGAC

Redacción

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) revisa a historia da arte a través de dúas exposicións sobre arte conceptual e fotografía desde o 12 de marzo ata o 3 de maio. Esta nova proposta está integrada pola colección 'A mancha humana' e por 'Pequena historia da fotografía' coas que pretende deixar unha pegada de interpretación e contextualización da historia da arte e facer unha revisión da mesma. As dúas coleccións contribúen a reconstruír a historia da arte e permiten captar a súa influencia na produción dos artistas actuais.

Aínda que os contidos da colección de arte conceptual, titulada 'A mancha humana' e comisariada por Ellen Blumenstein, e os de 'Pequena historia dá fotografía', a cargo do comisario Manuel Segade, son moi diferentes, teñen en común, ademais dunha finalidade revisionista, que ambas están conformadas polos fondos patrimoniais do CGAC.

En relación á colección fotográfica, cómpre suliñar que desde a aparición deste soporte transformouse a arte contemporánea, abríronse novas canles de produción e introducíronse moitos dos criterios que modificaron a expresión artística en xeral. A colección de fotografías amosada está exposta como unha reflexión persoal sobre a historia da fotografía contemporánea a través da relectura dos xéneros clásicos da arte como recadros interpretativos.

Así, o conxunto está constituído polo retrato, a natureza morta, a paisaxe e a abstracción, tomados da tradición da pintura occidental, e que adquiren un valor político que obriga ao espectador, segundo afirmou, a resucitar as súas preconcepcións a medida que goza dos ganchos de calidade e beleza cos que xogan as imaxes.

Na serie figuran, entre outros artistas, Wolfgang Tillmans, Pierre Gonnord, Tacita Dean e Andrés Serrano, todos eles nomes fundamentais da historia da fotografía das últimas décadas, con obras que teñen sido portada de revista, ou que foron utilizadas como carteis de eventos artísticos internacionais.

Por outra banda, a 'A mancha humana' trata de presentar ao público un dos movementos artísticos máis importantes da segunda metade do século XX, a corrente conceptual, desde unha perspectiva diferente. Neste sentido, á vez que tenta plasmar a relación desta vertente coas prácticas artísticas posteriores, busca reflectir como se integrou paulatinamente na significación global da arte mediante o minimalismo, o land art e as tendencias neoconceptuales. Neste grupo de obras están representados, por exemplo, Donald Judd, Carl André, Sol LeWitt e Vito Acconci, para concretar os aspectos conectivos e os puntos de ruptura dentro deste panorama de creacións.

Patrimonio.org, o patrimonio cultural galego na Rede

Redacción

A Consellaría de Cultura e Deporte vén de poñer en marcha Patrimonio.org, a plataforma en Internet da Dirección Xeral de Patrimonio que reúne os recursos na Rede sobre patrimonio cultural galego.

A web conta con información práctica e de actualidade, fotos, vídeos, lexislación, rutas e un buscador de elementos patrimoniais. Tamén inclúe fichas en continua actualización de 122 dos máis destacados elementos do patrimonio cultural galego. Castelos, pazos, pontes, igrexas, mosteiros, patrimonio etnográfico, castros, gravados rupestres, megálitos, patrimonio industrial, museos, arquivos e demais elementos do patrimonio forman parte desta base de datos de bens patrimoniais. Cada unha destas fichas incorpora unha descrición do ben, con información sobre os seus valores históricos e artísticos, fotografías, o grao de protección do ben e outros datos de interese. Desde Patrimonio.org pódense enviar por Internet como postais as imaxes dos elementos patrimoniais presentes nelas. Achégase ademais información práctica sobre a súa localización a través das coordenadas e da súa posición nun mapa.

Ademais das fichas dos xacementos, museos, arquivos e monumentos, Patrimonio.org constitúese como centro de recursos na Rede para achegarse á actualidade e acceder a información práctica sobre o patrimonio cultural de Galiza. A web incorpora as últimas novas da Dirección Xeral, así como unha axenda de actividades, e os avisos e convocatorias (premios, subvencións, etc.) relacionadas co patrimonio cultural.

Para facilitar a busca dos elementos do noso patrimonio cultural, a web incorpora un buscador que permite localizalos atendendo a criterios diversos: área xeográfica, comarca e concello no que se atopan, tipo de ben, datación, estilo ou grao de protección. Tamén se reserva un espazo para rutas culturais que poden ser descargadas en formato PDF ou para o GPS. Trátase de propostas de percorridos por varias comarcas galegas para coñecer os seus elementos patrimoniais máis destacados.

Por outra banda, a web conta cun apartado dedicado ao marco normativo, no que se pode descargar a lexislación galega do patrimonio cultural. Pódense descargar tamén publicacións da Consellaría de Cultura e vídeos sobre o patrimonio. Outro apartado está dirixido aos escolares, con información sobre patrimonio deseñada para público infantil, xunto con unidades didácticas pensadas para os diferentes niveis educativos. A información práctica da web inclúe tamén o organigrama e directorio da Dirección Xeral de Patrimonio. Outro apartado presenta a relación dos principais axentes relacionados co patrimonio cultural galego. Cunha breve descrición e os datos de contacto, lístanse os principais axentes patrimoniais divididos en organismos públicos; colexios, asociacións profesionais e fundacións; outras institucións; e entidades dedicadas á protección do patrimonio cultural.

Como dato destacable cómpre dicir que Patrimonio.org inclúe un formulario de contacto para informar sobre accións contra o patrimonio, pois esta web pretende tamén ser unha ferramenta para que os cidadáns e cidadás poidan advertir sobre calquera incidencia ou agresión ao patrimonio.

22 de mar. de 2009

Demagogos


Iago.D. Castro

A actual campaña da Conferencia Episcopal contra o aborto, especialmente agresiva, ven demostrar como a xerarquía católica, ademais de dogmática, intolerante e indecente, estase a volver particularmente demagóxica.

Á vista da escasa catadura moral de moitos relixiosos, por suposto non maioritarios pero si significativos, envoltos en tristes casos de pederastia e abusos de todo tipo, resístome a facer a chanza fácil, demasiado cruel para coas vítimas. Pero, ese é o respecto que predican para cos máis inocentes? Só lles interesa a vida intrauterina, e non a das súas vítimas?

Dúas reflexións, nada máis: é nisto no que gastan o 0,7 % do IRPF, en impór a súa particular visión das cousas? E por que se cren no dereito de facer tal cousa? Moitos, se cadra a maioría da nosa sociedade, católicos incluídos, non admitimos leccións éticas ou morais de vostedes, como ben saben.

E menos aínda se á demagoxia lle suman a irresponsabilidade: a santo de que, nunca mellor dito, o Papa Ratzinger vai a África, continente especialmente castigado pola SIDA, a dicir que o uso do preservativo non só non frea a expansión da enfermidade senón que a agrava? É que desexa o extermínio de todo un continente? Acaso os seus antecedentes xuvenís nas Hitlerjugend teñen algo que ver?

E a todo isto, que lles fixo a vostedes o pobre lince ibérico? Por certo, o bicho que utilizan na súa campaña non é un lince ibérico, senón boreal, unha especie que non existe na Península Ibérica. Santa ignorancia...

21 de mar. de 2009

A voz de Ramón Piñeiro no Arquivo Sonoro de Galicia

Redacción
O Consello da Cultura Galega vén de dar a coñecer documentos sonoros coa voz de Ramón Piñeiro, a quen este ano se dedica o “Día das Letras Galegas”. Trátase de dez fragmentos de entrevistas, reflexións, programas radiofónicos e intervencións parlamentarias protagonizadas por Ramón Piñeiro que poden ser reproducidas e descargadas desde a sección do Arquivo Sonoro de Galicia na web institucional do Consello da Cultura Galega. O acceso “Ramón Piñeiro: unha voz na colección do ASG-Arquivo Sonoro de Galicia” permite recuperar a voz de quen fora o primeiro Presidente do Consello da Cultura Galega (1983-1990).

Os documentos sonoros coa voz de Ramón Piñeiro que se conservan e que agora se ponen a disposición do público son:
  • Tertulia sobre as Fundacións (Radio Nacional de España), doado por Avelino Pusa Antelo.
  • Da terra e dos tempos. Emisión cultural en galego (Radio Nacional de España), doado pola Asociación Cultural “O Facho”.
  • Reflexións sobre o galeguismo. Tres conferencias. Doadas polo Liceo Recreo Ourensán e dúas polo semanario “A Nosa Terra”.
  • O Espello: Trinta anos de Galaxia. (Radio Popular de Ferrol). Doado polo Patronato de Cultura Galega de Montevideo.
  • Debate da Lei de Normalización Lingüística. Doazón do Parlamento de Galicia.
  • A intervención de Ramón Piñeiro na clausura do Encontro sobre culturas minoritarias europeas, celebrado en Compostela en 1987.
  • E dúas entrevistas doadas por Antón Mascato.
O Arquivo Sonoro de Galicia pon ao dispor do público, para o seu uso libre en calquera medio e/ou soporte, estes documentos sonoros que poden ser reproducidos sen permiso previo, sempre que se acredite a súa procedencia “Arquivo Sonoro de Galicia-Consello da Cultura Galega”, se faga deles un uso non comercial e se distribúan de acordo coa licenza: Creative Commons 3.0.

Ramón Piñeiro (Láncara-Lugo, 1915-Santiago de Compostela, 1990) foi unha figura relevante do galeguismo nas súas dimensións política (membro do Partido Galeguista) e cultural (fundador e primeiro director da Editorial Galaxia e da revista Grial), ademáis de subscriptor do xornal A Voz de Vilalba na súa etapa en papel, nos anos oitenta. Referente indiscutible da expresión galega e galeguista durante o Franquismo, foi un persoeiro clave para comprender a incardinación do galeguismo no artellamento institucional da Autonomía, tarefas que desenvolveu como deputado do Parlamento de Galicia e como Presidente do Consello da Cultura Galega (1983-1990).

Imaxe: Ramón Piñeiro retratado por Antón Pulido

Reflexións dunha educadora social


Paloma Seijo

Desde que comezou a pasada campaña eleitoral, o persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, especialmente o dos centros para persoas maiores, fomos atacados por políticos e medios de comunicación. Despois de todo o sucedido creo oportuno escreber este artigo para, cando menos, desafogar a miña indignación ante tan imprudentes ataques, nos que se lanzaron labazadas en forma de críticas a persoas que estamos a traballar desde hai anos por e para as persoas maiores galegas.

O traballo con este colectivo xa é difícil por si mesmo: tratamos casos con problemáticas moi duras, enfrontámonos día a día á despedida de persoas, intervimos en situacións de crise que embargan as nosas emocións e moitas veces as dos que nos rodean, pero tamén é certo que vivimos coa sensación de estar a facer algo de valor, de realizar un labor que nos recompensa, moitas veces mesmo polo único pago dun sorriso, parécevos pouco? Pois estou a falar do que nos move a seguir adiante a pesar dos salarios irrisorios, dos 800 míseros euros, no mellor dos casos, que cobra un titulado medio por unha xornada completa (un/a fisioterapeuta, un traballador/a social, un/a terapeuta ocupacional, un enfermeiro/a, un educador/a social) por exercer un traballo de grande responsabilidade, con horarios que nada teñen que ver cos de moitos funcionarios públicos, e mesmo en numerosas ocasións en xornadas semanais de 10 ou 12 horas, evidentemente aínda peor remuneradas, pero así fixadas polo convenio de centros de atención a persoas maiores.

Cando nos presentamos ao primeiro concurso oposición moita xente non quixo apostar polo traballo con persoas maiores. Non estaba disposta a abandonar ou cambiar postos estables noutros sectores ou ámbitos moito mellor pagos, por vir traballar nunha emerxente rede de centros públicos de atención a maiores. Mentres, outros decidimos seguir apostando por esa emoción que nos leva loitar por unha mellor atención aos nosos anciáns, a loitar por eses sorrisos, por dignificar o final das súas vidas.

Pasamos un primeiro proceso selectivo, un concurso oposición para conseguir unha praza laboral temporal, no que tras aprobar un exame teórico, tivemos que superar unha entrevista práctica, ante un tribunal composto por representantes dos concellos, das delegacións provinciais e do Consorcio, que avaliaron a nosa capacidade resolutiva e de resposta. Por outra banda, puntuouse a nosa experiencia, formación, especialización, etc., a través dun concurso de meritos.

Nin que dicir ten que esta selección superámola moitos profesionais que levabamos traballando moito tempo en condicións moi precarias, pero no que nos gusta. E o mellor de todo é que fomos quen de montar unha rede pública de centros de atención a persoas maiores en Galicia na que somos capaces de dar unha alta calidade de coidados, feito que á vista está en todas e cada unha das enquisas de satisfación anónimas realizadas aos nosos usuarios (maiores, familiares, coidadores formais e informais). Realmente pensades que poderiamos facer isto, sentilo, vivilo, se nos deran as prazas simplemente por amiguismo?

Eu creo que non, e non só iso, senón que despois de doce anos neste sector, teño moi claro que para traballar con maiores non abonda un salario. Precísase vocación, ilusión, esforzo, é necesario enternecerse coa profundidade das miradas cheas de enrugas polos anos, gañas de ir e dar o que moitas veces a familia por si soa non consegue. Moita xente pregúntame se non preferiría traballar con outros colectivos "máis alegres". Asegúrovos que nada me aleda máis que a mirada de alguén que, a pesar de non ser capaz de lembrarse de ti, sorriche asociándote a algo positivo. Nada me dá mais vida que os anos vividos, as experiencias e a sabedoría que moitas veces esquecemos que as persoas maiores teñen. De verdade credes que seria capaz de sentir isto exercendo un traballo regalado?

O Consorcio ofreceunos a posibilidade de mellorar a nosa situación laboral, ofreceunos máis recursos, puidemos opinar sobre o que cremos mellor para as persoas que coidamos, dannos voz, permítennos duplicar esforzos vetados no sector privado por criterios meramente economicistas.

Eu quero que cando sexa vella me coien como estamos a coidar, asegúrovolo. Non quero que me aparquen nunha esquina, que me dean de comer, que me aseen con caras longas e de noxo e me digan que estou ben coidada. Quero que me ofrezan un medio de interacción, que collan á miña familia da man para amortecerlles o peso dos meus coidados, que me transmitan ledicia e satisfación, quero sentirme digna na miña vellez.

O que se pretende facer agora é modificar todo isto, desfacer o feito, desandar o camiño andado, tiralo ao chan e pisalo? Deixémonos de políticas, de intereses privados e admitamos o traballo ben feito permitindo que se continúe a facer. Chámenlle Consorcio ou chámenlle como queiran, pero que permítannos traballar en condicións dignas por aquilo que nos gusta, que é atender a persoas maiores, e loitar cada día por un deses sorrisos.

20 de mar. de 2009

Vellas pantasmas


Moncho Paz

Tras doce anos sen atentados, o IRA Auténtico –que aínda conta con activistas nos barrios católicos marxinais– reivindicou as accións terroristas que hai uns días sorprendían á opinión pública internacional. Un feito que supón un paso atrais no proceso de paz de 1997, punto de partida hacia a reunificación de Irlanda.

A reacción do Sinn Féin, historicamente considerado o brazo político do IRA, foi exemplar, cunha chamada á colaboración cidadán para atopar aos autores dos atentados, calificándoos de “traidores á vontade e á esperanza do pobo irlandés”. Unhas declaracións que quedan moi lonxe das que nos ten acostumados Batasuna cando se rexistran actos violentos en Euskadi.

Cando se están a negociar os últimos pilares do proceso de paz no Ulster, materializado no Acordo do Venres Santo, un dato preocupante é a perda de apoio entre os católicos republicanos. Reaparecen vellas pantasmas nun conflito que xa se levou a máis de 3.600 persoas. Iso indica que as feridas aínda non cicatrizaron; terá que pasar máis tempo para que haxa un cambio de mentalidade e se produza a reconciliación.
_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

Concentración parcelaria


Xulio Xiz

En Santaballa, veñen de entregarse 1.200 títulos de propiedade a outros tantos beneficiarios dos traballos da concentración parcelaria da parroquia.

A Concentración parcelaria é un sistema que empezou a extenderse por Galicia nos anos sesenta e setenta, en longos procesos dos que tardaron en verse as vantaxes pero do que hoxe ninguén discute as virtudes de que nas zonas rurais se teñan menos fincas, concentradas, ben comunicadas, con explotacións rendibles, humanizadas e racionais.

Foi difícil que en Galicia entrase este sistema pola nosa natural vinculación coa propiedade privada, pola especial valoración das nosas propiedades, moitas veces só fundada na querencia que temos polas cousas que posuímos, sobrevalorando pequenas fincas, anacos do rural que para nós teñen o especial valor de ser froito do traballo dos nosos devanceiros, entrañables propiedades por riba de calquera tasación imparcial.

Pois o fundamento da concentración parcelaria está en que o minifundismo, as pequenísimas fincas producto de divisións sucesivas entre herdeiros dunha casa, se concentren de xeito que se aproveiten mellor eliminando cómbaros, muros, camiños, baldíos, e – no caso de Santaballa - dun promedio de 11 fincas por propietario se queden despois da concentración en dúas fincas por cada un.

Dez ou quince anos poden ser precisos para rematar un proceso que remata cunha degradación das propiedades rurais varias veces centenaria. Porque hai que empezar por coñecer a quen pertencen verdadeira e legalmente as fincas de toda unha parroquia despois dos sucesivos cambios ou vendas, escritas ou non, particulares ou ante notario, e de propietarios que viven na parroquia, na comarca, na emigración interior ou na emigración ultramarina.

Despois da investigación, estudo dos terreos para establecer o valor de cada un, e finalmente repartir entre os propietario unha superficie rústica proporcional á inicialmente aportada, con valor tamén proporcional sexa cal fose a composición do terreo e a súa idoneidade para o cultivo ou outras actividades.

En Santaballa, este proceso debeuse facer con excelente xeito cando só se produciu unha ducia de recursos en relación co resultado, conseguíndose por fin establecer as definitivas propiedades, das que as autoridades competentes – Delegado de medio rural e Alcalde de Vilalba- entregaron os títulos definitivos de propiedade.

As concentracións parcelarias de Galicia deron lugar a longuísimos procesos, guerras abertas, liortas con mortos, pero ó final impúxose a razón, e zonas como A Pastoriza son a demostración palpable de que a modernización deste país na zona rural pasa por esta concentración parcelaria que reduce fincas, comunica parcelas, racionaliza explotacións e permite traballar moito máis comodamente e con axeitada maquinaria as propiedades de cada comuneiro, podendo ademáis disfrutar colectivamente das zonas comúns que quedan para a parroquia unha vez concetradas as fincas particulares.

Moi posiblemente os santaballeses teñen xa comprobado repetidamente as vantaxes do sistema, e poderán aconsellar ós indecisos doutras parroquias. Porque ultimamente non se fala moito das concentracións parcelarias, posiblemente polas dificultades do proceso e a súa longa tramitación. Por eso gosto de saber que aínda hai lugares, neste caso Santaballa, onde o tema está plenamente vixente.

19 de mar. de 2009

De aniversarios e esquecementos

Mario Paz González
No período da Ilustración houbo en Galicia unha serie de mulleres cuxa fráxil memoria parece hoxe esquecida no fondo insondable dos séculos sen que teñan chegado a alcanzar o recoñecemento que sen dúbida algunha merecen. Son nomes como os de Ana Moscoso, María Reguera, María Correa, María Hermida, Teresa Caamaño de Lacy, María Santos Miranda ou Sor María de San Antonio. Pero cómpre dicir que, entre todas elas, alumea con luz propia a imaxe de dona María Francisca de Isla e Losada. Nun ano de conmemoracións como o que acaba de rematar, resulta curioso non ver nin unha soa homenaxe en Galicia á figura de Mariquita, Maruxiña ou Marimica, como tamén era coñecida, de quen se cumpriu en 2008 o bicentenario da súa desaparición. Nin unha soa homenaxe agás un magnífico estudo que viu a luz a finais de 2007. Un estudo amplamente documentado editado polo CSIC, a Xunta de Galicia e o Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, firmado polo profesor e investigador Carlos García Cortés e titulado María Francisca de Isla y Losada (1734-1808).

Nacida en 1734 foi a sexta filla, de entre nove irmáns, do segundo matrimonio de Josef de Isla Pis Cobián e de María Rosa Losada Buelta e Osorio. Era, pois, medio irmán e afillada do soado escritor leonés José Francisco de Isla, fillo do primeiro matrimonio de don Josef e responsable da entón polémica novela Fray Gerundio de Campazas, alias Zotes, que habería de custar ao seu autor a inclusión no vaticano Index Librorum Prohibitorum e o exilio, en 1768, cando a Compañía de Xesús foi expulsada da península.

Co “Padre Isla”, María Francisca compartiu a vocación lectora e escritora, interesándose por todos aqueles temas tan caros ao espírito enciclopédico ilustrado, xa fosen os relacionados coa teoloxía, a filosofía, a ciencia ou a máis variada literatura. Non en balde chegou a posuír unha das mellores bibliotecas da Compostela universitaria do setecentos e a relacionarse con algunhas das súas máis altas autoridades intelectuais.

Ela e o seu marido, don Nicolás de Ayala, foron quizais as persoas que mantiveron unha correspondencia máis cordial e fluída co “Padre Isla”, pero só nela reside o mérito de recoller e salvar do esquezo infinidade de escritos do seu medio irmán, conseguindo publicalos na súa maior parte, a pesar de sufrir dolorosos enfrontamentos coa censura eclesiástica, encabezada polo P. Centeno.

Tamén Filgueira Valverde se ocupou no seu día da súa figura e nun breve pero zumentísimo estudo sobre a súa vida, atribuíalle a lembranza de Cernadas de Castro, cura de Fruime, que acompaña as Obras completas deste, baseándose en declaracións feitas na correspondencia de María Francisca co seu irmán. Tampouco dubida en adxudicarlle o Compendio histórico da vida, carácter moral e literario do soado P. Josef Francisco de Isla, firmado con nome suposto. É certo que exerceu como conselleira e crítica do cura de Fruime e do propio Isla e dise que, ademais, corrixía as pastorais do Arcebispo Alejandro Bocanegra, declarado humanista. Cernadas de Castro dedicoulle sete romances (onde a nomea como “Filis”), pero seus son sen dúbida algúns textos poéticos como “Despedida de Lida e Armido” (1770), que García Cortés inclúe no seu estudo, ou un “Romance ao Señor Abade”, en galego, dedicado ao seu amigo cura de Fruime, que a convertería, de novo segundo Filgueira Valverde, en “precursora de Rosalía”.

Este autor relata unha curiosa anécdota que paga a pena sinalar. O 23 de xaneiro de 1774 ela e o seu marido organizaron unha extraordinaria velada na súa casa de Compostela na cal se puxo de manifesto unha rara habilidade de dona Francisca. Ante a presenza do alcalde, un escribano que levantou acta e varias testemuñas, foi capaz de ditar a doce personalidades doce misivas diferentes sobre temas en grao sumo variado, unha delas dirixida ao seu irmán escritor.

O seu marido faleceu en 1774 e ela en 1808. Non tiveron descendencia, mais como mostra da súa notable importancia no mundo da cultura ilustrada na Compostela do dazaoito sirva dicir que se acha enterrada ante o altar da Concepción na igrexa da Universidade, dato que, segundo García Cortés, non está plenamente corroborado.

O traballo do profesor Carlos García Cortés está redactado co estilo sobrio e preciso axeitado para este tipo de textos e compleméntase ademáis cunha abundante bibliografía das fontes documentais (manuscritas e impresas) empregadas, así como un índice dos textos reproducidos que facilitan a ubicación dos mesmos no texto por parte do lector.


Carlos García Cortés
María Francisca de Isla y Losada (1734-1808).
Una conexión literaria en la Compostela de la Ilustración.

Madrid: Instuto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento”. 2007.
358 pp.


Imaxe: MXM
mariopaz@avozdevilalba.com

18 de mar. de 2009

Reflexión no PSdeG e no BNG


Antón Baamonde

Veremos que da de si o proceso de reflexión que se impuxeron a si mesmos PSdeG e BNG. A rápida elección de Pachi Vázquez parece responder ao desexo de Pepe Blanco de que alguén lle conserve a cadeira mentres non se decide a vir a Galicia. Non é probable, en efecto, que o ourensán sobreviva aos próximos dous anos. Este vai ser un tempo caótico no que os concellos do bipartito van a estar en perigo. A Coruña, Lugo e Vigo poden cambiar de mans. Ademais, non parece que el poda ser o candidato da renovación e, menos aínda, o que faga do PSdeG un partido con criterio propio, de estructuras sólidas e unha idea de Galicia congruente.

Nin que dicir ten que o ciclo político en España parece deparar malas noticias para o PSOE. Será difícil que acabe a lexislatura sen apoios estables no parlamento. Euskadi, co PSE en mans do PP vaille pasar factura, por non falar da esperada sentencia sobre o Estatut. De fondo, a crise galopante...

O BNG segue co seu factor eterno de bloqueo: a UPG. Non cabe dúbida de que ese partido -a verdadeira e única estructura orgánica eficaz do bloque- aportalle estabilidade, serenidade e pespectiva a longo prazo ao BNG. Fora da UPG todo é lixeiro e gaseoso. Pero tamén é certo que a un custe altísimo. É como se no PSOE tivera gañado a mediocridade guerrista. O control da estrutura faría inviable a adaptación aos diversos tempos políticos, reduciría a amplitude da mirada, impediría a renovación das elites do partido, o diálogo coa sociedade e a inclusión de novos militantes -dado que disputarían o poder dos vellos, o que é intolerable para estes- bloquearía a autonomía do goberno e, en fin, conduciría a inanidade política.

Se o BNG quere medrar ten que renovar a mensaxe e ter capacidade de seducción na Galicia urbana, o que presupón cambios que os nacionalistas nin se atreven a pensar, ancorados como están en non se sabe qué mundo. Quintana intentou -dun modo fallido- evitar ese ensimesmamento. O autismo e o sectarismo son os dous principais perigos para os nacionalistas… non é fácil, considerando a experiencia, que os eviten.

A casa de Castelao en Rianxo foi declarada Ben de Interese Cultural

Redacción


O pasado día 12 de marzo o Consello da Xunta declarou a casa familiar de Castelao en Rianxo Ben de Interese Cultural, coa categoría de sitio histórico. Esta declaración recoñece o valor histórico e simbólico da casa e outórgalle o máximo grao de protección prevista na lexislación para o patrimonio cultural.

A aprobación polo Consello da Xunta pon fin a un proceso que a Consellaría de Cultura e Deporte puxo en marcha en xullo de 2006. Un ano despois, o 24 de xullo de 2007, Cultura incoou o expediente de declaración de BIC da casa familiar de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sita na rúa de Abaixo de Rianxo.

No decreto arguméntase que na biografía de Castelao "a casa familiar de Rianxo significou o punto de ida e permanente retorno, o lugar que foi entendido popularmente como un santuario de galeguidade, e así se entendeu sempre nos ámbitos culturais e sociais de Galiza. O domicilio familiar constituíu a súa referencia fixa na súa vila natal, e consecuentemente existía unha estreita identificación, privada e pública, de Castelao con aquel". Tamén se explica que a casa "permaneceu baixo propiedade e uso da familia de maneira ininterrumpida durante case un século, sen que apenas mudase por dentro desde os anos anteriores á Guerra Civil, polo que conserva fielmente a fasquía e o ambiente das casas vilegas de clase media do primeiro terzo do século XX, neste caso no ámbito dunha vila mariñeira". No decreto sinálase que a casa presenta a posibilidade real de revivir o ambiente vital máis íntimo de Castelao.

A declaración efectiva prodúcese unha vez que o 17 de febreiro deste ano os técnicos de Cultura entrasen no inmoble para comprobar o estado actual do seu interior e das súas pertenzas. Realizouse ademais unha reportaxe fotográfica para incorporar á documentación do expediente de declaración de BIC. Ademáis, a declaración de BIC como sitio histórico vén avalada polo informe favorable de tres organismos consultivos: a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela. O decreto de declaración aprobado hoxe polo Consello da Xunta sinala que a casa ten un indiscutible valor simbólico e constitúe o espazo no que se formou como artista, intelectual e político a figura máis relevante da Galiza do século XX.

17 de mar. de 2009

Convocatoria de Premios Literarios no eido dramático da Agadic

Redacción


A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) fixo pública a convocatoria 2009 dos seus tres premios literarios no eido dramático –XVIII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, IV Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil e VII Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques (modalidades de público infantil e adulto)–, para os que mantén aberto o prazo de recepción de orixinais até o 2 de xuño. A AGADIC destina un total de 24.000 euros a esta nova edición dos galardóns, a primeira convocada pola entidade da Consellaría de Cultura e Deporte dende a súa entrada en funcionamento en xuño do ano pasado.

Cada premio e modalidade conta cunha dotación económica de 6.000 euros e a súa concesión implica adicionalmente a posibilidade de que os textos sexan publicados dentro das coleccións dramáticas que a Axencia coedita con distintas empresas galegas. O xurado, integrado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico (dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais) dará a coñecer o seu ditame antes do 26 de outubro.

Segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia, os tres galardóns comparten como obxectivo o estímulo da creación literaria no eido dramático, así como a promoción do recoñecemento social e económico dos autores teatrais.

Teresa González Costa foi a gañadora da anterior edición dos premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais –o de máis longa traxectoria de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego– e Manuel María de Literatura Dramática Infantil polas obras Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras, respectivamente, mentres que Xosé A. Neira Cruz foi recoñecido co Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques na modalidade de teatro para rapaces con O punto da escarola.

16 de mar. de 2009

Dixerindo a derrota


Antón Baamonde

Anxo Quintana fixo pública a súa renuncia a presentarse de novo como candidato á Xunta. Ao mesmo tempo, a executiva do BNG presenta en bloque a súa dimisión. Tardou unha semana e non sabemos -pero é o máis probable- se foi obrigado a facelo. Do lado socialista parece que Touriño foi instado por Zapatero a presentar a súa dimisión inmediata.

O BNG, seguindo a súa tradición de tomarse as cousas con lentitude e só obrigados polas circunstancias obrou con menor dilixencia para, ao final, ir ao mesmo. Así pois, os dous responsables do desastre pagan coa súa cabeza a derrota electoral. Significa iso que os dous partidos acertarán coa mensaxe?. Veremos.

Dende logo, o manifesto sumandoideas, feito público por alguns sectores do PSdeG pode ser que sume vontades ou intencións pero ideas, o que se dí ideas, non aporta nin unha triste. O texto é unha morea de lugares comúns que podería firmar calquera progresista. E no único punto no que parece destilarse unha novidade resulta que é para darlle validez, non sen certa ambigüidade, á idea da imposición lingüística.

Habería que lembrar que Política Lingüistica estivo en mans do PSdeG, que o decreto impugnado polos enragés da dereita e combatido por La Voz de Galicia e outros xornais -a iso é ao que lle temen de verdade- foi aprobado pola Consellería de Educación. Foi unha polémica impostada, ideolóxica, que o goberno non soubo encarar: como no caso da Cidade da Cultura e ata nas acusacións da campaña electoral o bipartito non tivo a ben defenderse a si mesmo e darlle argumentos aos sectores que apoian.

Ao contrario, coma nenos pequenos correron a escusarse e a dicir “Non o fixen adrede”. O goberno demostrou a súa covardía unha e outra vez. Se a renovación consiste niso -en que todos faigan o mesmo- entón, volverá a pensar o electorado, que goberne a dereita. Sobre a pretendida imposición lingüistica -un trunfo da dereita cavernícola e da esquerda xacobina- abondaría con preguntar isto: alguén coñece a un só profesor que fose instado a cambiar o idioma no que se expresa ante os alumnos?. Ese decreto non tivo lugar, simplemente, como sabemos todos os que traballamos na educación, e quen afirme outra cousa minte.

Non deixa de ser indicativo de en qué clase de país estamos que o BNG recoñeza con toda naturalidade que confundiron o voto ao poder co voto ao PP. É unha acusación contra eles mesmos: indica que pensaban continúar gañado as eleccións simplemente por estar aí.

Se algo deberan aprender os uns e os outros é que teñen que dar un xiro ás ideas. Galicia é un sitio coma outro calquera tamén neste respecto. Se volven a gobernar teñen que ter un proxecto que vaia máis alá de vender a moto dun feixe de ideas vagas. Como nesta ocasión, o seu electorado lles pedirá que se note que quen está ao mando é alguén distinto. Senon, para qué ir votar?.

Rematou o prazo dos concursos “Enfoca o galego” e “Palabras con gancho”


Redacción

Onte rematou o prazo de recepción de imaxes para os concursos Enfoca o galego e Palabras con gancho, postos en marcha pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para fomentar a creatividade en lingua galega. Os certames encádranse na campaña “En galego tes todo por vivir. Tócache!”, e toda a información sobre os mesmos, así como as creacións dos participantes, están dispoñibles na páxina www.palabrasencadeadas.com.

Enfoca o galego é un concurso fotográfico onde se buscan as fotografías que mellor simbolicen a lingua galega, dunha forma creativa, enxeñosa ou divertida. Trátase da segunda edición deste certame, que o ano pasado xa se celebrou con moito éxito e que nesta ocasión xa conta con 70 imaxes que optan ao premio. Para participar só se requería ter cumpridos os 18 anos de idade e subir a imaxe á web, achegando tamén unha serie de datos sobre a autoría da mesma. O tamaño das fotografías non deberá exceder de 800 x 600 píxeles e deberá ocupar un máximo de 400 kb. No mes de abril darase a coñecer o gañador ou gañadora do concurso, a quen se lle fará entrega dunha cámara Canon EOS 450 D.

Palabras con gancho é un xogo consistente na incorporación dunha palabra, convertida nun elemento físico, á vida cotiá das persoas que participen. O premio consistirá nunha viaxe de fin de semana para dúas persoas a Berlín.

Baldo Ramos recibe o Premio de Poesía Fiz Vergara


Redacción

O poeta Baldo Ramos (Celanova, 1971) resultou gañador da novena edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. A obra que mereceu a distinción leva por lema Palabras para un baleiro, coa que o autor consegue un dos galardóns poéticos máis importantes do país, que dotado con seis mil euros e a publicación da obra.

O xurado, integrado por Xosé Antón Neira Cruz, Lucía Aldao, Pilar Pallarés, Xermán Arias e María Casar, sinalou no fallo que “neste libro atopamos unha fonda reflexión sobre o sentido da poesía como canle para entender a vida, para interpretar vivencias inefables. Un achegamento existencialista, cáseque filosófico, na procura dunha expresión alén da propia poesía. Unha poesía esencializada con moito sentido do ritmo.”

A obra de Baldo Ramos abrangue os espazos que comparten a poesía e a pintura. Os seus libros de artista ‘Ut pictura poesis’, ‘As follas da memoria’, ‘Monólogo do calígrafo’ (2007), ‘Signos de cinza’, entre outros, son froito desta fusión. Publicou os seguintes libros de poesía: ‘Raizames’, (Follas Novas, Santiago, 2001), ‘A árbore da cegueira’ (Espiral Maior, A Coruña, 2002), ‘Los ojos de las palabras’ (Fundación María del Villar Berruezo, Tafalla, 2002), ‘El sueño del murciélago’ (Pre-textos, Valencia, 2003), ‘Escura e transparente’ (3C3 Editores, Santiago, 2003) ou 'Diario de una despedida' (Amarú Ediciones, Salamanca).

A súa poesía está recollida en diferentes edicións colectivas, entre as que destacan ‘Poetas del 2004’ (Instituto de Cultura Peruana, Miami, 2005), ‘Antología de Joven Poesía Gallega’ (Enfocarte.com, en la Red) ou ‘Certame de Poesía Rosalía de Castro, 1992-1996’ (Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, 2000). Polo que respecta á súa obra pictórica, foi amosada en diferentes galerías do noso país e serviu para ilustrar numerosos libros e revistas. Ramos recibiu, entre outros, os premios Arcipreste de Hita, María del Villar Berruezo, Ayuntamiento de Carral, Rosalía de Castro, Ciudad de Tobarra, Celso Emilio Ferreiro e recentemente foi galardoado co accésit do IV Certame de Poesía Iberoamericana Víctor Jara.

14 de mar. de 2009

A Voz de Vilalba integrase na xunta directiva de PuntoGal


Redacción

Esta maná tivo lugar no Auditorio de Galicia de Compostela a Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación PuntoGal, responsable de preparar a candidatura para a consecución dun dominio para a cultura e a lingua galega: o .gal.

Nesta reunión presentouse a xestión realizada pola organización dende a súa fundación en 2006 e as actividades realizadas ata agora. Tamén tivo lugar a aprobación de contas e do orzamento para 2009, así como a presentación do informe das actividades previstas para o mandato da nova xunta directiva, integrada polas seguintes persoas e entidades:

Presidente: Manuel González (Real Academia Galega)
Vicepresidente: Camilo Regueiro (Idesga-Galego 21)
Secretario: Darío Janeiro (Colexio Profesional de Xornalistas)
Tesoureiro: Lois Rodríguez (Vieiros)
Vogais: Marcus Fernández (Isoc-Gal); Luis Romero (Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia); Sergio Aramburu (Consello da Avogacía); Manuel Bermejo (Universidade de Santiago); Miguel Seoane (Galicia Hoxe) e Moncho Paz (A Voz de Vilalba).

A solicitude do dominio .gal debe presentarse ante a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN), organismo internacional que regula Internet a nivel mundial e que se encarga de conceder e recoñecer novos dominios.

O dominio galego servirá para agrupar en Internet todas as iniciativas vencelladas á lingua e á cultura galega; crear un espazo propio que permita identificar as empresas galegas na web; servir como ferramenta de unión e identidade que contribúa ao desenvolvemento da sociedade da información entre os cidadáns e permitir a conexión entre as realidades galegas en todo o mundo. Na actualidade, a Asociación PuntoGal conta con máis de 90 entidades asociadas, así como máis de 10.000 apoios individuais.

Cohabitación


Moncho Paz

Causoume especial sorpresa a entrevista de Pepe Blanco en RNE, hai uns días. Na mesma, recoñecía abertamente que a principal causa do fracaso electoral en Galicia foi a percepción por parte da cidadanía de que na Xunta houbo un goberno de cohabitación e non de coalición. "Son dúas cousas ben diferentes", apuntou o dirixente socialista e futuro ministro.

Unha afirmación rotunda que chega tarde para resolver un problema coñecido dende o principio da lexislatura e que agachou tras de sí un déficit de comunicación entre os socios do bipartito. Porque os membros do Consello da Xunta non fixeron equipo. Os conselleiros nacionalistas despachaban con Quintana, e este posteriormente con Touriño, con quen -segundo diversas fontes- non tiña boa relación. Secretos a voces.

Houbo dúas mensaxes e dous liderados que amosaron as súas diferenzas diante da opinión pública, cometendo erros de libro. Non organizaron ben a antesala e, por conseguinte, o escaparate perdeu o concurso. Por que non se correxiu a tempo esta situación? Quizais teña a resposta o protagonista de Slumdog Millionaire. Eu non.

_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

13 de mar. de 2009

O teatro galego na III Xornada de Circuítos e Redes Escénicas

Redacción
O día 17 de marzo e dentro da Mostra de Teatro das Autonomías está prevista a III Xornada de Circuítos e Redes Escénicas na Sala Valle-Inclán de Madrid de 11.00 a 19.30 horas. Nela participarán autoridades, profesionais da xestión das Artes Escénicas e formadores cualificados procedentes das comunidades convidadas nesta edición.

Organizado por ARTIBUS Consultoría e Xestión Cultural e patrocinada pola Consellería de Cultura e Turismo da Comunidade de Madrid, a xornada contará en primeiro lugar cunha mesa redonda denominada “As políticas para as Artes Escénicas nas comunidades autonómicas”. A continuación haberá outra mesa redonda sobre “Circuítos e redes teatrais: modelos de programación e exhibición”. O terceiro coloquio tratará sobre as “Experiencias de xestión e produción escénica”, tras ela poderase asistir á mesa redonda “Experiencias de formación escénica”.

Procedentes de Galicia, intervirán como relatores nos diversos eventos Miguel Martín, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); Cristina Domínguez Dapena, directora do Centro Dramático Galego (CDG); Celso Parada, presidente da asociación Escena Galega; Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; e María Paredes, coordinadora da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

12 de mar. de 2009

Éxito na inauguración da Mostra Galicia pola Radio

Redacción

Desde o micrófono polo que Franco emitiu a vitoria na Guerra Civil ata o guión do programa Corre Carmela que Chove pasaron máis de 50 anos. E máis de 75 dende a introdución da radiodifusión en Galicia por parte dun grupo de galeguistas que vían no novo medio de comunicación un camiño para o novo amencer galego. Neste tempo foron moitos os cambios tecnolóxicos e sociais que marcaron a historia do medio, que influíu de forma decisiva no acontecer diario de varias xeracións.

E moitas desas historias son as que recolle a exposición Galicia pola radio. A historia falada que, como xa se anunciou en A Voz de Vilalba a semana pasada, se pode ver ata o 19 de abril na sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela. Por alí pasaron no primeiro fin de semana da mostra máis de 1.000 visitantes.

Así, o primeiro elemento que atopa o visitante é unha parte do friso que Camilo Díaz Valiño (pai de Isaac Díaz Pardo) pintou en 1933 para simbolizar a relación entre o estatuto de autonomía e a radio como elemento de progreso e que se pode ver no baixo do número 19 da rúa do Vilar. No primeiro andar a mostra fai un percorrido cronolóxico pola historia da radio en Galicia, dende o ano 1932 onde podemos atopar a recreación por parte de Avelino Pousa Antelo do discurso de Antonio Fraguas no inicio das emisións de Radio Galicia, ata o desmaio no Parlamento galego de Manuel Fraga mentres pronunciaba un discurso en 2004.

E entrambos, máis de 140 documentos sonoros que van dende cuñas publicitarias ata indicativos radiofónicos pasando por rememoracións da chegada da radio aos fogares galegos e retransmisións históricas, como as do Prestige ou a visita do Papa Xoan Paulo II en 1989. Pero ademais do percorrido sonoro, a exposición fai un interesante repaso fotográfico que inclúe dende imaxes das primeiras emisoras e do traballo dos seus profesionais ata instantáneas privadas onde se aprecia a importancia que chegou a ter a radio na vida diaria da sociedade galega.

Bo exemplo é a fotografía de Virxilio Viéitez que preside unha das paredes do primeiro andar e onde podemos ver a Dorotea, unha veciña de Soutelo de Montes posando diante da radio mercada cos cartos enviados polo seu fillo emigrado en Venezuela, para saldar unha débeda. Se sobraba algo, pedíalle que mercara unha radio, e ela fixo a foto para que o fillo puidese ver que se cumpriran os seus desexos. Unha radio igual a aquela, e mesmo unha reprodución exacta da cadeira, se poden ver xusto ao lado da fotografía, unha das máis reproducidas da historia gráfica galega. Ademais deste aparato de radio, son moitos os que se amosan nesta exposición. Dende as primeiras de galena dos anos vinte ata modelos dos oitenta pasando polas radios de capela, os primeiros minitransistores dos anos 60 ou algúns dos escasísimos receptores que se fabricaron en Galicia e aínda se conservan.

Xunto coas radios, esta exposición amosa diverso material tecnolóxico imprescindible na evolución do medio, como foron os magnetófonos de fío e de bovinas, válvulas, lámpadas, discos de pedra, a primeira pletina de gravacións tras as de cinta aberta ou os primeiros reprodutores de CD da Radio Galega. Especial atención merecen os micrófonos. Hai dende un de Radio Ourense pertencente aos anos trinta ata micros sen pé dos anos 50 ou un da Radio Galega de 1985. Pero entre todos destaca un exemplar de RNE datado en 1939 dende o que se informou da vitoria nacional na Guerra Civil.

Xunto cos arquivos sonoros, as fotografías e o instrumental técnico, a exposición inclúe numerosos documentos de gran interese. Os primeiros, do arquivo de Manuel Beiras, son noticias propagandísticas a favor do Estatuto de Autonomía emitidos por Radio Pontevedra e Radio Galicia en xaneiro de 1.933. E é que a radio en Galicia xorde impulsada por sectores galeguistas que querían impregnar ao país da idea autonomista e vían na radio a mellor forma de chegar a todo o mundo, algo que lle resultaba máis difícil á prensa escrita por motivos xeográficos e educativos (a taxa de analfabetismo era moi alta).

Resultan moi curiosos os discos dos anos cincuenta e sesenta, coas tapas arrancadas por unha pacata e absurda censura que non impediría a difusión da radio, máis ben farían desta o medio case único para escapar da desesperada situación que se vivía no país. A mítica Radio Pirenaica ou as emisións en galego da BBC británica son boa mostra do escape que supuxo a radio para moitos galegos durante décadas.

11 de mar. de 2009

Mañá comeza en Salvador de Bahía o 3º Encontro Audiovisual Brasil-Galicia


Redacción

O Consorcio Audiovisual de Galicia, en colaboración coa Agência Nacional do Cinema do Brasil (ANCINE) e o Programa Cinema do Brasil, promove o 3º Encontro Audiovisual Brasil-Galicia que dará comezo mañá en Salvador de Bahía e se prolongará ata o vindeiro 15 de marzo. Con esta acción, preténdese dar continuidade e consolidar o interese acadado nas edicións anteriores celebradas en Sao Paulo -marzo 2007- e na Coruña -xuño 2008- e que contaron coa participación dunha trintena de produtoras e representantes do sector audiovisual de ambos países.

Nesta ocasión, unha delegación de quince representantes do audiovisual galego desprazarase ata Brasil coa fin de establecer novos contactos que poidan propiciar coproducións bilaterais e contribuír deste xeito á difusión internacional do noso audiovisual. Durante este evento anunciarase a publicación da Orde do 2º Fondo de Coprodución Galicia-Brasil. Ademais, terá lugar a 2ª Mostra de Cine Galego e un Encontro entre produtores galegos e brasileiros.

Coa fin de impulsar o desenvolvemento de longametraxes entre produtoras independentes de Brasil e Galicia, dentro do acordo de colaboración asinado entre o Consorcio e ANCINE, anunciarase a publicación do Fondo de Axudas á Coprodución para o 2009 que, como novidade nesta convocatoria, incorporará unha axuda a un proxecto documental, ademais dos xa existentes para dúas longametraxes de ficción e animación.

O Encontro entre produtores desenvolverase entre o 13 e o 14 de marzo e consistirá nunha primeira fase de Pitching, con presentacións por parte de cada empresa do sector e unha segunda xornada de entrevistas e reunións planificadas en función dos intereses profesionais dos participantes.

Como parte da delegación de profesionais do audiovisual galego, desprazarase tamén ata Salvador un representante da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia), o actor Vicente de Souza, para presentar o novo catálogo accesible por Internet que o pasado mes de novembro lanzou a asociación co apoio da Fundación AISGE, a Secretaría Xeral de Comunicación e o Consorcio Audiovisual de Galicia.

A 2ª Mostra de Cine Galego no Brasil abarcará do 13 ao 15 de marzo e presenta unha escolma das producións galegas de recente creación que se proxectarán Fundação Cultural do Estado da Bahia. As películas que se proxectarán son: Los muertos van deprisa (Ángel de la Cruz, 2008); Los girasoles ciegos (José Luis Cuerda, 2008), El menor de los males (Antonio Hernández, 2006) e A noite que deixou de chover (Alfonso Zarauza, 2008).

Os actos oficiais que inaugurarán este acontecemento de gran trascendencia social e cultural para ambos os territorios, terán lugar no Museu de Arte Moderna da Bahía (MAM) e contarán coa actuación do artista galego Carlos Núñez e a presenza de Nacho Varela, director do Consorcio Audiovisual de Galicia; Silvio da Rin, Secretario Audiovisual do Brasil; Manoel Rangel, presidente de ANCINE; Antonio Polidura, Consul General de España na Bahía e Patricia Izquierdo, directora do Instituto Cervantes de Salvador de Bahía, entre outras autoridades.