Revista avozdevilalba.com

Redacción

Está a dispor para descarga o número 12 da revisa avozdevilalba.com, en formato pdf, cos contidos da web correspondentes ao mes de maio.

No mes das letras, salientan os artigos relacionados co pretendido conflito lingüístico e a política neste eido do novo goberno autonómico, que tamén levamos á portada.

Este número conta con colaboracións de Antón Baamonde, Fermín Bouza, Xulio Xiz, T. da Rigueira, Xosé M. Pacho, Bruno Marcos, César Reis, Iago Castro e Bernardo García Cendán.

Accede ao pdf picando na imaxe ou na sección hemeroteca.

31 de maio de 2009

Ateos... e indeferentes

Moncho Paz


Cando en días pasados se fixo público o informe da comisión de investigación para esclarecer os abusos físicos e psíquicos sobre milleiros de raparigos en centros relixiosos en Irlanda, a primeira asociación mental que tiven foron varias secuencias da película Song for a Raggy Boy (Os nenos de San Xudas). Baseada en feitos reais, é a historia dun profesor laico que loita contra o réxime de castigos e medo nun reformatorio irlandés e garda semellanzas con moitos dos casos dados a coñecer recentemente.

Este feito estremecedor engádese a outros delitos de similar natureza que hai poucos anos viron a luz en Estados Unidos, ante os que a Igrexa Católica reaccionou con mornas condenas: o silencio e a lei canónica como resposta para agachar un tipo de prácticas que non teñen calificativo. Esta e outras situacións inciden na perda progresiva de adeptos que está a sufrir a institución nos últimos tempos. Segundo un estudo publicado polo CIS e a Universidade Complutense, nas novas xeracións máis da metade dos adolescentes se definen como ateos, agnósticos ou indiferentes.

______________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

29 de maio de 2009

A avoa e a Rede

Mario Paz González

Onte, 27 de maio, fixo unha semana desde o falecemento de María Amelia López, unha muller que se deu a coñecer internacionalmente como “a avoa blogueira” por mor da súa bitácora “A mis 95 años”, inaugurada xusto o día en que cumpriu esa idade, o 22 de decembro de 2006.

"Amigos de Internet, hoxe cumpro 95 anos. Chámome María Amelia e nacín en Muxía o 23 de Decembro de 1911. Hoxe é o meu aniversario e o meu neto, como é moi cutre, regaloume un blogue. Espero poder escribir moito e contarvos as vivencias dunha señora da miña idade". Con estas palabras comezaba a súa bitácora na que, entre outras cousas, foi debullando paseniñamente moitas das súas lembranzas máis persoais. Desde os lonxanos anos da Primeira Guerra Mundial, até a dura posguerra, as súas andanzas por Corcubión, Muxía e outras localidades galegas, unhas vacacións no Brasil ou as manifestacións ás que asistiu. Tamén os seus orixinais comentarios sobre todo tipo de temas, as croquetas ou o botellón entre eles.

No seu blogue, como é costume neles, tamén tiña cabida de todo, incluida a política. Neste eido lembraba, por exemplo, a súa oposición ao réxime franquista, ou non se arredaba á hora de mostrar as súas opinións sobre temas candentes, xa fora o terrorismo, o papel dos deputados no Congreso ou a política nuclear iraniana. Sen ocultar as súas preferencias ideolóxicas, en plenas eleccións galegas, co gallo dun mitin na Coruña do presidente Rodríguez Zapatero, María Amelia coñeceu ao xefe do Executivo e confesoulle a súa militancia socialista "desde os 16 anos".

María Amelia nacera en Muxía (Pontevedra) en 1911. Isto converteríaa, segundo diversas fontes, na autora de blogue máis anciá do mundo, seguida de cerca por Allan Loof, un sueco nacido en 1912 que se propuxo plasmar na Rede a súa autobiografía (http://allanloof.blogspot.com/). O crecente número de visitas lle valeu en 2007 o premio BOBs (Best of Blogs), tanto do xurado como do público. Non está mal se temos en conta que este galardón, concedido pola cadea de televisión internacional alemá Deutsche Welle á mellor bitácora en español, pasa por ser un dos máis prestixiosos neste mundo dos weblogs.

José Luis Orihuela, profesor de comunicación da Universidade de Navarra, autor do libro A revolución dos blogs e membro do xurado de The Bobs, por mor da noticia da súa morte comentou que “os blogues, como se prometeu desde o comezo, son realmente unha ferramenta que democratiza o acceso á información e á publicación”. Efectivamente, o seu blogue servíu a esta muller para demostrar ao mundo o poder de comunicación que vén tendo Internet, mesmo para os anciáns. Nunha entrevista a axéncia EFE recoñeceu o que a Rede, de súpeto, supuxo para ela neses intres de soidade,
cando xa todas as súas amigas finaran, “unha xanela ao mundo na que podo aprender moitísimas cousas" e tamén establecer amizades "que me queren aínda que nunca me viron". Como exemplo da súa vitalidade incansable cómpre lembrar que, segundo ela mesma confesou noutra ocasión, algunhas persoas “de 60 anos coméntanme que me paso de moderna, pero eu dígolles que elas nin sequera teñen conversación”.

É difícil saber se alguén, nun futuro, realizará un inventario ou unha análise de certa profundidade sobre os blogues coma reflexo da “intrahistoria” colectiva ou reivindicación do “eu” individual nun mundo no que é desgraciadamente cada vez máis común a alienación. A medida que vai envellecendo a poboación mundial poida que
talvez un día lembremos a Amelia como unha das precursoras do movemento dos “tecnoavós”, pois a súa vitalidade levouna a crear o grupo "Anciáns en acción" na rede social Facebook, onde en pouco tempo acadou centos de seguidores. Directamente, despois do dereito a unha pensión digna e a evitar o relego a unha residencia, María Amelia colocaba entre as súas reivindicacións as facilidades para o acceso dos maiores á Rede porque “a Internet”, dicía, “é unha necesidade para un ancián”.

Sen darlle ao asunto máis épica da que merece, cómpre dicir que esta muller sinxela conseguiu, desde a súa Muxía natal, que televisións de todo o mundo se fixasen nela e enviasen aos seus correspondentes a Galicia para entrevistala, converténdose nunha das blogueiras máis internacionalmente coñecida, xunto á cubana Yoani Sánchez. Ao coñecer a súa morte Steve Kingstone, correspondente da BBC en España, sinalou: “Internet perdeu un dos seus grandes personaxes".

O filósofo Bertrand Russell dicía con respecto ao tempo libre que “a disciplina externa é o único camiño á felicidade”. Iso mesmo, se é que algunha vez o ignorou, moveu a Amelia, aos seus 95 anos, a entusiasmarse coas posibilidades da Rede coma medio de comunicación. O seu neto Daniel, encargado de teclear todos os seus posts, incluíu unha mensaxe a modo de epitafio virtual como peche dos 880 días que mantivo a súa bitácora: “Este blogue remata aquí, pero continuará noutro formato alá onde ela estea. Será un formato diferente, que aínda non podemos ler. Pero tede claro que todos, tarde ou cedo, acabarémolo lendo”.

Sirva este artigo, pois, como unha pequena homenaxe.

Ver o blogue de María Amelia: http://amis95.blogspot.com

mariopaz@avozdevilalba.com

28 de maio de 2009

Novo número da revista escolar A Pravia

Redacción

O CEIP “A. Insua Bermúdez” de Vilalba edita un novo número da revista escolar A PRAVIA, coincidindo co mes das Letras Galegas.

Nesta ocasión, inclúese un traballo sobre o escritor homenaxeado este ano, Ramón Piñeiro; unha entrevista a Ángel Campos, cociñeiro do Parador de Vilalba; unha ampla reseña do XIII Certame Benjamín Paz; os traballos das aulas; as noticias do Cole; os nosos murais; a páxina de ANPA; novos artigos sobre educación musical e orientación; o apartado de recensións de libros lidos por membros do equipo de redacción e que leva por título “Que lindo é ler!”; artigos de investigación sobre a crise económica, protección civil, o deporte na escola, medio ambiente, etc.

Por último resaltar de maneira especial a pequena pero cariñosa lembranza que se lle fai na revista a David, o alumno do colexio que faleceu recentemente en Belesar. Na portada e en páxinas interiores recóllense poesías e debuxos na súa memoria.

A revista repártese a tódolos membros da comunidade educativa, aos centros educativos da bisbarra, ás institucións e aos organismos públicos, asociacións culturais, medios de comunicacións, etc.

"Entrega dos Premios do XIII Certame Literario Benjamín Paz"
O venres, día 29 de maio de 2009, ás 19 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, o CEIP “Antonio Insua Bermúdez”, organiza o acto de entrega de premios do XIII Certame Literario Benjamín Paz, que convocou coa colaboración da Asociación de Minusválidos “Benjamín Paz” e o propio Centro Cultural Recreativo, e que ten como fin primordial e fundamental o de lembrar a figura de Benjamín Paz Cordal.

O acto enmárcase tamén dentro das actividades que o noso Colexio programa co gallo das Letras Galegas tendentes a fomentar a creatividade artística e literaria, por un lado, e a potenciar o idioma galego cara a consecución da súa plena normalización, por outro.

O acto completarase cun pequeno recital poético a cargo de alumnos e alumnas gañadores.

Científicos galegos do CERN fan público un manifesto en defensa do galego


Redacción

Nove destacados investigadores galegos vencellados ao Centro Europeu de Investigación Nuclear (CERN) saíron ao paso de certos prexuízos que sectores contrarios á lingua galega veñen divulgando nos últimos meses, mediante un manifesto que remitiron aos medios de comunicación, e que asinan Xabier Cid Vidal e Diego Martínez Santos, licenciados en Física, o enxeñeiro de telecomunicacións Daniel Esperante Pereira, e os doutores en física de partículas Patricia Conde Muíño, Teresa Fonseca Martín, Abraham Gallas Torreira, Manuel Gallas Torreira, Marcos Mariño Beiras e Cibrán Santamarina Ríos.

Este é o texto íntegro do manifesto:

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN

Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa. No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009.

Visita institucional ás obras do campo de fútbol de Parga


Redacción

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, visitaron esta mañá o estado das obras no campo de fútbol de Parga, que tiveron un orzamento total de 60.000 euros e consistiron no arranxo integral e optimización das instalacións adicadas a vestiarios. No decurso desta visita, Antón Bao explicou que estas obras se sufragaron a raíz dun compromiso adquirido conxuntamente coa anterior Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e co Concello de Guitiriz. O vicepresidente da Deputación explicou que a Área de Deportes do organismo provincial aportou para facer posible a realización destas obras a cantidade de 29.000 euros, mentres que a Xunta de Galicia contribuíu con 27.000 euros, correspondéndolle ao Concello de Guitiriz os restantes 10.000 euros.

27 de maio de 2009

V Xornadas Internacionais Rurais en Cabreiros

Redacción

A V Xornadas Internacionais Rurais, que se celebran en Cabreiros o 30 de maio e o 6 e 13 de xuño, son uns encontros dirixidos fundamentalmente ás persoas maiores nos que se lles ofrecerán charlas, ofertas de programas, visitas e festas culturais. Nestas quintas xornadas preténdese seguir constituindo un espazo de reflexión e debate para as persoas maiores do municipio de Cabreiros.

Pero tamén se trata dunhas xornadas interxeracionais pensadas para que mozos e maiores poidan desenvolver un traballo conxunto poidan desenvolver un traballo conxunto, xa que un dos grandes desexos e legados dos nosos maiores é que sexan escoitados e podernos transmitir todo o que aprenderon durante a súa vida. Par iso estamos ante unhas xornadas abertas nas que queremos contar cos máis novos. Así mesmo, pretenden ofrecer actividades ós maiores que lles permitan seguir aprendendo cousas que poidan resultarlles útiles e interesantes.

Ver tríptico
Ver boletín de inscrición

Actividade recoñecida con un crédito de libre configuración para todas as titulacións das Universidades de Santiago e Coruña.

Conferencia de Antón Baamonde en Vilalba

Redacción

O Instituto de Estudios Chairegos de Vilalba, culmina con outra conferencia os actos organizados no mes das Letras Galegas: primeiro foi Pilar García Negro, quen nos falou do idioma galego; logo, unha a viaxe a Santiago de Compostela para asistir á manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística en defensa do noso idioma; tamén deseñamos unhas camisetas co lema “Fala galego, non sexas pailán”.

A referida conferencia, terá lugar o vindeiro venres, día 29 de maio, ás 20.30 horas no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba. Será impartida polo escritor e filósofo vilalbés, ANTÓN BAAMONDE e levará por título "RAMÓN PIÑEIRO NA GALICIA DO SÉCULO XX". A presentación correrá a cargo de Bernardo García Cendán.

Antón Baamonde (Vilalba, 1959) é profesor de filosofía e ensaísta. Publicou o seu primeiro libro, A favor da esperanza, en 1987, ao que seguiron O marxismo e as linguaxes, Sobre o tempo e outros desatinos, A rosa sen porqué e o libro de entrevistas, La reinvención de España; ademais de participar no libro colectivo Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista. Animou a revista e o foro "Luces de Galicia" e colaborou na sección de opinión de La Voz de Galicia. Actualmente colabora co diario El Pais, na edición de Galicia, e con avozdevilalba.com. Está considerado como unha das voces máis orixinais e independentes da Galicia contemporánea.


26 de maio de 2009

Premios da Fundación Biodiversidade

Redacción

Se conseguiches plasmar os retos e oportunidades asociados ao desenvolvemento sostible a través dun traballo de fotografía, cinema, creación literaria e reportaxe, podes ser candidato aos Premios Fundación Biodiversidade na súa modalidade de Comunicación e Creación. Esta convocatoria online pretende dotar de visibilidade pública ás iniciativas artísticas que se inscriban nesta liña de acción, establecendo catro categorías: Fotografía, Documental ou curtametraxe, Creación literaria e Reportaxe (prensa escrita e medios online / radio e televisión). A dotación global en devandita modalidade ascende a 50.000 euros en premios.

Auspiciados pola Fundación Biodiversidade, os Premios Fundación Biodiversidade pretenden recoñecer o labor de persoas e organizacións que co seu traballo contribúen ao desenvolvemento sostible do medio rural e pesqueiro, así como ao coñecemento e á conservación do patrimonio natural e da biodiversidade. Inclúen, ademais, a modalidade de Liderado e Innovación, dirixida a emprendedores, mulleres do medio rural e pesqueiro e proxectos ou actuacións significativas de xestión sostible de recursos naturais. En total, os Premios Fundación Biodiversidade reparten 100.000 euros entre as candidaturas máis relevantes de ambas as modalidades.

No caso da modalidade de Comunicación e Creación, os temas dos traballos presentados deben gardar relación con algunha das cinco liñas estratéxicas da Fundación Biodiversidade: conservación e uso sostible da biodiversidade; desenvolvemento sostible do medio rural; loita contra o cambio climático; conservación do medio mariño; cooperación internacional á sustentabilidade do desenvolvemento. Os gañadores e finalistas serán recompilados nun dossier de premios que se utilizará para a difusión dos traballos nel incluídos.


Recepción de candidaturas: até o 31 de xullo
Información e presentación de candidaturas a través da web dos Premios Fundación Biodiversidade: www.premiosfundacionbiodiversidad.es

Imaxe: Jorge Sierra

Cursos da UIMP en Galicia

Redacción
Na presentación dos cursos da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, o se director en Galicia, Xosé Luís Barreiro Rivas, estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación e responsable da área de Cultura, Xosé Juan Durán, a vicerreitora da Universidade de Vigo Carme Cabeza e o vicerreitor de Coordinación de Centros da UIMP, Ángel Pelayo.

Neste acto sinalou que, como boa parte das universidades españolas, a UIMP anda nun proceso de reestruturación que consiste en eliminar pouco a pouco os cursos de verán co fin de organizar actividades durante todo o ano. Por iso, esta institución prevé pór en marcha posgraos e un segundo centro de idiomas en Galicia que terá como sede a cidade de Pontevedra.


Neste 2009 a UIMP desenvolve oito cursos (contando o celebrado recentemente en Gondomar sobre arqueoloxía) en Pontevedra. Todos eles abranguen un grande abano de temas, desde a ordenación do territorio ao protocolo, a crise económica ou a universidade do futuro.

O programa previsto vai como segue. Vigo vai ser a principal sede, con tres cursos: "A xestión do protocolo en tempos de crises: protocolo gobernamental, local e empresarial", do 24 ao 26 de xuño; "A crise económica internacional. Claves e retos para a economía galega", do 29 de xuño ao 3 de xullo; e "Xestión de residuos sólidos urbanos", do 14 ao 17 de xullo.

Lalín será escenario, entre o 22 e o 24 do próximo mes, do curso "Ordenar para competir", mentres que en Sanxenxo celebrarase do 27 ao 31 de xullo a monográfico "Tolerancia e intolerancia xurídica ao carón e a outro do Atlántico"; en Vilagarcía está previsto do 31 de agosto ao 4 de setembro un seminario xa clásico na programación da UIMP, dedicado a "A Universidade que nos espera".

"A crise da comunicación en tempos de recesión" é o título do curso que se celebrará no mosteiro de Aciveiro do 21 ao 22 de setembro e, finalmente, Pontevedra acollerá o curso sobre "A guerra da independencia en Galicia: derrota e vitoria (1808-1809)", do 21 ao 23 de setembro.

Foro da Auga en Guitiriz

Redacción
O Concello de Guitiriz en colaboración coa Xunta de Galicia e coa empresa Idom, ao longo deste ano están a promover a participación cidadá no proceso de elaboración da Axenda 21 Local a través da organización de diferentes actividades dirixidas á poboación. Dentro destas inclúese o desenvolvemento de tres foros de sostibilidade que están compostos por charlas, exposicións e talleres. Por este motivo entre o 25 e o 31 de Maio terá lugar o Foro da Auga que incluirá os seguintes eventos:

- Exposición “Un Mundo de Auga” (da Xunta de Galicia) aberta ao público en xeral, situada na Casa Habanera en Guitiriz e que poderá ser visitada do 25 ao 31 de Maio.
- Charla Coloquio centrada no tema “Uso sostible da auga nos agroecosistemas” a cargo de Xan Neira, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (Escola Politécnica de Lugo) e dirixida a todos os públicos. Levarase a cabo o Martes 26 de Maio ás 19:00h na Casa Habanera do concello de Guitiriz.
- Obradoiro sobre actividades tradicionais relacionadas coa temática da auga. Visita guiada a un muíño recuperado e con explicacións a cargo de persoal do propio concello. Está dirixido ao público en xeral, terá lugar o Martes 26 de Maio ás 17:00h e partirá da Casa Habanera.

Banda Deseñada galega en Barcelona

Redacción

Galicia contará cunha destacada presenza institucional na XXVII edición do Salón Internacional do Cómic de Barcelona que se vai celebrar do 29 de maio ao 1 de xuño. A Consellería de Cultura e Turismo instalará un stand de 150 metros cadrados que servirá de plataforma de presentación aos creadores galegos. O espazo estará ilustrado polo traballo Galicia. Tempo de BD do deseñador pontevedrés Fernando Iglesias Mouta Kohell (Vilagarcía de Arousa, 1967).

Por primeira vez, Galicia é comunidade convidada ao Salón do Cómic de Barcelona, distinción que con anterioridade só recibiron Madrid, Valencia e as Illas Baleares. Para a Consellería de Cultura e Turismo a invitación do máis importante certame dedicado ao mundo da viñeta a nivel estatal convértese nunha oportunidade única para dar a coñecer o traballo dos ilustradores galegos e para promover e difundir os valores de creatividade que representan.


Froito deste compromiso coa banda deseñada na nosa comunidade, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, xa ten confirmada a súa asistencia á inauguración do evento o vindeiro venres 29 de maio. Xunto ao titular de Cultura e Turismo, intervirán na inauguración a cónsul xeral de Bélxica en Barcelona, Karina Tuytschaever; o Director General del Libro do Ministerio de Cultura, Rogelio Blanco; o conseller de Cultura de la Generalitat de Catalunya, Joan Manuel Tresserras e o alcalde de Barcelona, Jordi Hereu. A representación institucional da Xunta de Galicia completarase o sábado 30 coa presenza do director xeral de Difusión e Promoción da Cultura, Francisco López Rodríguez.

O calendario de actividades da delegación galega é o resultado do traballo en equipo dos responsables de Difusión e Promoción da Cultura cos representantes do mundo da banda deseñada na nosa comunidade. Deste xeito, o venres 29 ás 16:00 horas o presidente da Agrupación de Libreiros de A Coruña, Sanmi, moderará a mesa redonda "Galicia, comunidade convidada" na que participarán Gochi, autor e editor; Javi Montes, autor e directivo de AgPI e o autor Jose Tomas. O mesmo venres, ás 17:00 horas terá lugar a inauguración oficial do Salón. O sábado 30, ás 18:30 horas, o stand da Comunidade Galega acollerá a presentación dos últimos proxectos e novidades da banda deseñada en Galicia. Dentro do programa de actividades, o sábado 30 e o domingo 31 están previstas dúas sesións de sinatura de exemplares polos autores galegos que asistirán o certame.

O stand institucional acollerá dúas exposicións sobre o cómic galego. Viñetas descubertas. Certames galegos 2000-2008 é unha panorámica da obra realizada polos autores gañadores dos galardóns máis importantes destes últimos anos en Galicia. Entres os nove autores representados nesta mostra inclúese o traballo de David Rubín, encargado este ano do deseño do cartel oficial do Salón do Cómic de Barcelona.

A exposición Miña Terra Galega resume a visión dos nosos creadores sobre os tópicos relacionados con Galicia. Oito autores presentan, a través de historias de cinco páxinas creadas ex profeso para o certame, as súas versións sobre temas como a chuvia, a paisaxe ou o marisco até a música ou fantasías populares.

A delegación galega terá como artista convidado ao debuxante Xaquín Marín, fundador do Museo do Humor de Fene e precursor do humor gráfico en Galicia. A invitación responde á homenaxe que os novos creadores queren facerlle a Xaquín Marín o seu 30 aniversario como ilustrador.

25 de maio de 2009

Exposición "En todas as partes" no CGAC

Redacción

A exposición En todas as partes estará no Centro Galego de Arte Contemporánea desde o 14 de maio até o 20 de setembro de 2009. Vertébrase mediante a aparición de distintas representacións do desexo e das diversas subxectividades que se enfrontan á norma e ao poder patriarcal e heterosexista e que deron nas décadas dos sesenta e setenta e aínda despóis valiosos exemplos na fotografía, na pintura, no debuxo, no vídeo, na instalación e noutras disciplinas. Conta entre os artistas incluidos cos nomes de Kutlug Ataman, Ron Athey, Charles Atlas, Leigh Bowery, Kaucyla Brooke, Bruce La Bruce, Tom Burr, Cabello / Carceller, Loren Cameron, Juan Davila, Del Lagrace Volcano, David Hockney, Robert Mapplethorpe, Jesús Martínez Oliva, Pepe Miralles, Donald Moffett, Wolfgang Tillmans, Azucena Vieites, Andy Warhol, etc.

O eixe central desta exposición, que ten coma comisario a Juan Vicente Aliaga, radica nas distintas representacións do concepto de diversidade sexual no terreo da arte desde 1969. Baixo esa denominación incluínte contémplanse principalmente as imaxes sobre a homosexualidade, o lesbianismo e as sexualidades e identificacións agrupadas habitualmente baixo o acrónimo LGBTQ (lesbiana, gay, bisexual, transexual ou transxénero e queer), que se pode completar co I referido ás persoas intersexuadas.


En 1969 (ano que aquí se toma coma referencia simbólica) organízase o movemento de liberación gay a raíz das protestas acaecidas a finais de xuño dese ano no bar Stonewall Inn na cidade de Nova York. Esta revolta contou desde o comezo coa participación de lesbianas, transexuais e travestidos, amén de homosexuais tendo en conta o influxo na arte e na cultura visual dos discursos da medicina e da ciencia, ademais de explorar cómo as repercusións sociais (co sida e a súa instrumentalización) ou no mundo das leis que tiveron, ou seguen tendo, estes colectivos. Así mesmo, é de suma importancia ser conscientes do tramado de visións e construcións culturais procedentes do cine, da literatura, da música, dos medios de comunicación.

O peso da arte nacida en Occidente (Estados Unidos, Alemaña, España, Gran Bretaña, Francia...) é sen dúbida significativo, pero tamén se atenderá á incorporación de propostas artísticas relativas a países onde as leis criminalizan, en distintos graos, a diferenza e a liberdade sexual (Irán, Turquía, A India, Palestina, O Líbano...).

Toni López, o judoka chairego

Redacción
Logo dos éxitos do deporte chairego xa comentados neste medio, relativos a fútbol, Tae Kwon Do ou atletismo, vense a sumar agora outro tamén nas artes marciais, neste caso no judo, pois o judoka vilalbés Toni López proclamouse recentemente campión de España de invidentes e deficientes visuais, en menos de 66 quilos, no campionato de Judo celebrado en Tarragona.

Trátase, polo tanto, dun deportista de élite oriundo da nosa vila, tal como Gustavo Nieves Campello quen, coma fondista, forma parte do Real Clube Celta de Atletismo. Por iso, e pola súa victoria, as homenaxes a Toni López sucedéronse estes días. Por exemplo, foi recibido na Deputación Provincial e tamén se fixo un acto de homenaxe, hai dúas semanas, polo Rácing Vilalbés no seu partido ante o As Pontes.

O pasado xoves Toni López recibiu de mans do alcalde de Vilalba, Xerardo Criado, unha réplica do Torreón de Andrade en recoñecemento pola súa traxectoria deportiva e humana. O acto de homenaxe enmarcouse dentro da presentación da segunda xornada da liga galega de loitas olímpicas nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín, que se celebrará hoxe sábado, e xa por segunda vez, no Polideportivo Municipal de Vilalba.

Un total de 197 nenos e nenas de entre seis e 11 anos, procedentes de 11 clubs das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, daranse cita nesta convocatoria. A competición dará comezo ás 11.00 horas e terminará ao redor das 13.00. Os participantes distribuiranse en cinco tapices, nos que haberá combates simultáneos entre todos os equipos. A representación lucense correu a cargo do Clube de Loita Vilalba, que terminou en cuarto lugar na primeira xornada desta Liga, celebrada en Baiona.

24 de maio de 2009

Facturas indefectibles

Antón Baamonde

A manifestación do pasado 17 de maio foi unha demostración de forza. A pesar de que os principais medios de comunicación intentaron rebaixar as cifras de participación, o certo é que foi unha das máis numerosas que se teña congregado en Santiago, non moi por debaixo da do Prestige. A cifra de 20.000 asistentes, dada pola Policía, está por debaixo da realidade, agás que inventemos outro xeito de contar. Sería ridículo, por outra banda, rebaixar o evento ao nivel dunha liorta política: a diversidade dos asistentes evidencia, máis ben, que certas actitudes pincharon en óso. O que a manifestación amosou é que hai unha Galicia cívica, que sabe que pode poñer e quitar gobernos, e á que lle importa a sorte do idioma galego. É unha Galicia que considera que a idea da imposición lingüística é unha mentira e que as apelacións á liberdade lingüística son outra versión do liberalismo económico coa súa desprotección aos máis débiles.

Unha mentira que lle ven ao pelo ao desexo dunha parte das clases medias recentes -a burguesía de sempre non é así- de prescindir do galego porque non queren velo nin en pintura (a saber que lles fixo). A esa actitude dálle alas a ofensiva do neo-nacionalismo español impulsada dende as diversas fábricas de crear dereitas: de El Mundo a Intereconomía, pasando por unha parte da prensa local. Dito isto, cales son os seguintes pasos?. O meu amigo Anxo Quintela chamoume a atención para unhas declaracións de Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG, augurando que o goberno do PP pode marcar un fito para a lingua galega. Tal vez iso indique un pacto polo que o PP e a súa galaxia tenderían a desactivar a GB e compañía para instaurar un novo consenso. Parece moi probable, en efecto, que Núñez Feijóo considere que, unha vez no goberno, non convén afillar unha fractura social que, noutro caso, terá lugar e lle pasará factura indefectiblemente.

23 de maio de 2009

Día das Letras en Galicia


Xaquín Núñez Sabarís

Nos últimos anos fomos contemplando o día das Letras Galegas como unha efeméride festiva que, a medida que minguaba no seu carácter reivindicativo, gañábao en inercia rutineira, conforme o galego ía gañando visibilidade na esfera pública. Mais, sorprendentemente, o último 17 de maio chegou repleto de fervor: manifestacións masivas, nomeamentos, declaracións e contradeclaracións configuraron un día e unhas vésperas do máis axitados. Que pena que o motivo non fosen as mil primaveras xa chegadas, senón os renovados receos que levaron a desempoar o espírito interpelante. 

Con todo, o máis salientable, sen dúbida, do que a actualidade nos deparou foi o esperado nomeamento do titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística que, como cabía intuír, concitou reaccións de todos os signos e para todos os gustos. Non obstante, coido que é unha boa noticia. Non coñezo persoalmente a Anxo Lorenzo e non teño grandes referencias del, mais si boas. Alén da súa interesante traxectoria académica, foi un dos impulsores do texto da Universidade de Vigo a prol dunha educación e sociedade verdadeiramente plurilingüe que predicaba un auténtico pulo para o galego. Por iso, se lle deixan traballar, ten o perfil profesional adecuado para seguir avanzando nos importantes pasos que se teñen dado na anterior lexislatura en materia de lingua. 

Claro que a actitude do actual executivo continúa a dar razóns para a dúbida e a preocupación. Preso dunhas equivocadas estratexias electorais parece decidido a optar por unha liña zigzagueante. E así, uns días sorpréndenos con noticias como a devandita ou con declaracións cara a un galeguismo decidido, outros insiste na derrogación do galego e rescata a idea da segregación no ensino, segundo a lingua de escolla. Isto último resulta especialmente preocupante, xa que na práctica consolidaría unha situación de fronteiras interiores endexamais vista (apartheid, non, por favor. Basta xa de victimismos). Pero se isto chega a prosperar, consideran realmente que é o afastamento das linguas o camiño para acadar o bilingüismo cordial? Garántese deste xeito a función de cohesión social que todo sistema educativo debe ter? Quero pensar que, senón o bo senso, polo menos a inviabilidade económica aborten estas iniciativas que só a un sector minoritario e escorado da sociedade galega satisfán. 

Para evitar, polo tanto, que a situación non continúe por derivas indesexables, cábenos entre todos remar na mesma dirección e abandonar actitudes nas que sexa máis forte a tentación de usar a lingua como unha ferramenta ideolóxica –calquera que sexa o seu signo- que de sumar vontades a prol do galego. Cómpre, en consecuencia, facilitar o camiño para que quen ten que liderar a política lingüística atope eses espazos de consenso e creatividade que anunciou. Porque a súa sorte, será, en definitiva, a de todos.

22 de maio de 2009

A morte anunciada de Pascual-Lugo


Xulio Xiz

Hai un problema en Outeiro de Rei, que repercute en toda a terra Chá, e na capital da provincia, e moito máis lonxe. Del comezouse a saber hai pouco, pero vai dar moito que falar porque se trata do peche da factoría Pascual, quedando no paro 155 traballadores, máis perto dun milleiro de postos de traballo indirectos relacionados coa empresa.

Esto, nun pobo pequeño, é un drama. Pero non se circunscribe ó pobo xa que os traballadores proceden de toda a comarca, e a recollida de leite tamén supera con moito o ámbito municipal, téndose formado un frente municipal de defensa, no que están alomenos os Alcaldes de Outeiro de Rei, Rábade, Vilalba e Begonte, que defenden a ultranza ós traballadores e a permanencia da empresa.

De repente sóubose que a empresa quere pechar porque por disposición do desaparecido fundador non fabrican para outras marcas e quen sabe que razóns empresariais. Que non se explican ou non se explicaron abondo e ninguén comprende nin acepta que unha empresa coma esta peche cando outras máis pequenas teñen vida boiante ou cando menos rendible.

A loita comezou. E dise que hai moitos compradores que van polas tendas e supermercados rexeitando o leite envasado por Pascual como represalia a un peche anunciado pero non comprendido.

E empezan a verse nos coches e nas portas carteis que proclaman “Pascual traiciona. Non ó peche da fábrica de Lugo. Non ó Ere”. Eu levo un deses carteis no meu coche, xa que como teño familiares afectados, considérome persoalmente sensible a un peche que parece ilóxico e abusivo.

Se a empresa se houbera preocupado de explicar a traballadores, autoridades e lucenses os números que non a política empresarial, e xustificase a posible reducción dunha porcentaxe da plantilla laboral, habería que escoitar e razoar o que procedese. Pero pechar porque si, deixando a cento cincuenta e cinco traballadores na rúa, precisamente neste momento crítico da economía global e persoal, é un atentado á convivencia, un ataque á liña de flotación da economía lucense, unha mala faena.

O conflicto non fai máis que comezar, e os traballadores están xa en pé de guerra, coa simpatía xeral, aínda que como coa simpatía non se come, teñen posto o asunto nas mans dun famoso avogado laboralista que seguro vai defender os seus intereses de xeito brillante, para que se a decisión de pechar se confirma polo menos Pascual teña que pagar moi cara a decisión, valorando exactamente os dereitos económicos duns traballadores que levan media vida traballando na factoría.

Se estamos nunha provincia que se distingue polo seu sector primario, por producir carne e especialmente leite, con explotacións modernas, investimentos importantes e contínua selección de raza, loxicamente o leite lucense é un dos productos máis destacados da nosa economía e o continuo crecemento de algunhas empresas do sector evidencia as posibilidades presentes e futuras.

Que unha gran empresa como Pascual, de repente, cando as condicións económicas non son as que eran hai uns meses, decida de repente retirarse do mercado, non é de recibo. Porque é dar un paso demasiado grande cando a política económica está composta -debe de estar composta- de milleiros de pequenos pasos na dirección axeitada.

Pasos que supoñen diálogo cos gandeiros productores, cos que recollen o leite, coas outras empresas do sector, cos consumidores e distribuidores, coas autoridades competentes. E dese diálogo permanente xurdirá un entendemento, sempre provisional ou temporal, como a mesma vida.

Rachar a baralla non é o mellor xeito de concluir unha partida. Neste caso, dar por concluída a presencia dunha gran empresa na provincia de Lugo e en Galicia non é presentable, é cobardía ou argucia empresarial, e desacredita a quen non negocia e toma decisións graves para moita xente por puro egoismo capitalista.

Pascual pode envasar bo leite para o mercado, pero cos seus traballadores ten moi “mala leche”. Pero os traballadores tamén entenden a diferencia -e non só lingüística- entre o que é un leite de calidade e unha rabiosa “mala leche” empresarial, e están empezando a facérllelo saber.

A conciencia europea


Moncho Paz

A pasada noite comezou oficialmente a campaña para as eleccións ao Parlamento europeo do vindeiro 7 de xuño. E tamén o desfile de candidatos das distintas forzas políticas que concorren a estes comicios, que durante dúas semanas debatirán sobre economía, medidas sociais, dereitos, liberdades… e incluso se atreverán con sesudas análises sobre o papel de Europa no mundo.

Veremos se son capaces de entoar un mea culpa polas dificultades que está a atravesar o proceso de construción europea, en plena crise de conciencia, recuperando a expresión de Paul Hazard. É paradóxico que nestas campañas sempre se fale pouco de Europa, e moito dos problemas internos dos países integrantes. Este feito non contribúe precisamente a crear unha imaxe de unidade e tampouco permite avanzar hacia políticas comúns.

Mentres aquí os grandes partidos interpretan esta convocatoria en clave de primarias, resulta alentador que en países como Irlanda se produza un cambio de tendencia. A recesión é a principal causa, pois a idea dunha UE forte -con máis peso na balanza económica mundial- xera novas ilusións.

_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

Sobre a Asemblea Extraordinaria do BNG


T. da Rigueira

Na pasada Asemblea Extraordinaria celebrada polo BNG sucederon moitas novidades e aínda quedan outras que comezan agora o seu percorrido; poderllas contar hoxe aos lectores de A Voz de Vilalba prodúceme unha grande satisfación.

No proceso desta Asemblea deuse a maior participación histórica da súa militancia. O documento político foi longamente debatido. Entre outras cousas, nel analizábanse, por unha banda, as causas do noso fracaso electoral e pola outra a avaliación das principais medidas políticas, que no curto tempo do goberno bipartito, se puxeron en marcha, prestándolles especial atención ás que foron impulsadas desde as consellerías que foron dirixidas por políticos nacionalistas. Dun xeito moi resumido estas foron as conclusións ás que se chegaron:

O goberno bipartito e as organizacións políticas que o sustentaban non souberon transmitirlle á sociedade galega a importancia do cambio político que se estaba a producir. Imos no futuro, coa lección aprendida, a estreitar as relacións entre os planos “BNG organización política” e o plano dos/as responsables de executar a politica nas distintas institucións en que lles toque facelo. Se o diálogo é permanente, non pode nin debe haber falla de sintonía entre eles.

Na Asemblea valorouse positivamente o traballo desenvolvido polo BNG no seo do bipartito e aplaudíronse todas e cada unha das medidas que trataron de materializar as nosas potencialidades naturais, sen complexos, para que as persoas que viven na Galiza acaden un maior grao de benestar, dándolle sempre prioridade a aquelas que teñen como fin satisfacer as necesidades dos máis febles e necesitados.

Resultou moi emotiva a chegada de Quintana, a quen os delegad@s postos en pé, adicaron a maior ovación asamblearia das que eu me lembre. Despois viñeron as eleccións para que a ANE escollera cincoenta compañeir@s para o Consello Nacional, que se presentaban en catro listas e das que só dúas obtiveron o número suficiente para constituir, polos seus propios medios, candidatura á Comisión Executiva.

A novidade desta última fase da Asemblea estivo en que a candidatura +BNG quixo chegar ao fin do proceso sen pacto algún. Era o momento de que falase a militancia. De que o BNG amosase a súa pluralidade sen que se resentira a súa unidade.

Os compoñentes de +BNG, tanto os independentes como os que estamos agrupados en partidos ou colectivos, e que non temos, da nosa acción poltica, máis principio nin fin que o BNG, queremos organizarnos nunha estrutura que permita a toma de decisións de forma participativa e responsable, convidando á sociedade galega a arrimar o ombreiro e participar connosco, para que dentro do BNG, no seu proxecto común, sexamos cada día máis os que defendamos políticas de corte social demócrata pensadas e desenvolvidas en Galiza.

A simplificación da sopa de letras no seo do BNG só lle traerá máis eficacia, porque o que se está a unir, son grupos ideolóxicamente homoxéneos e, polo tanto, non mengua a súa pluralidade actual.

Un novo consenso lingüístico?


Fermín Bouza

Falemos da lingua de Galicia, á que o novo presidente da Xunta, derrogando ou preparando a derrogación do decreto do Bipartito e das leis xeradas nos gobernos anteriores do PP, converteu nunha prioridade da axenda persoal de moitos cidadáns demócratas e sensibles, falen ou non galego, e que certamente é unha prioridade obxectiva de axenda pública, pois todos os indicios correctamente interpretados das series estatísticas conducen invariablemente á mesma conclusión sobre a lingua nacional de Galicia, é dicir, á súa probable morte real, aínda permanecendo longos anos como lingua de pequenas comunidades. Calquera outra interpretación dos datos coñecidos non creo que teña fundamento tecno-científico algún: a inestabilidade metodolóxica nas enquisas e a limitación mostral de datos máis estables (CIS) fai difícil ou imposible saber con exactitude o punto actual de deterioramento do galego, e sería necesario artellar un estudo multinivel que nos situase ante datos máis certos.

As estratexias científicas de recuperación pasan, no caso de linguas claramente en declive, por políticas de inmersión ou ben case totais (Cataluña), ou ben con bilingüismo inmersivo en ambas as linguas paralelas (Irlanda, similar ás galescolas de aquí, con núcleos gaélicos voluntarios favorecidos polo estado, que se van incrementando a medida que a poboación recupera o uso funcional e o amor á súa lingua), con resultados destacables pero non definitivos, pois as causas non directamente políticas son moi fortes na sociedade global, e transforman o problema cara ao vector sociolóxico, moito máis difícil de combater que as determinacións políticas, que poden cambiar con cambios de goberno. Pero non é así, aínda que os gobernos poidan favorecer estratexias científicas paralelas ás estratexias políticas, e desta forma ir máis aló do politicamente correcto e abrir un camiño certo de salvación. Dise, nun alarde de cinismo (cinismo que haberá que ir acatando e comprendendo como "politicamente correcto", pois estará sobre a mesa de calquera negociación), que as linguas deben ofrecerse no ensino e na sociedade nun plano de igualdade, pois iso é o democrático, e dise despois de someter a unha delas, o galego no noso caso, a unha absoluta marxinación na organización do estado e a administración, que creceron de costas á lingua nacional e ampararon á "lingua común" do estado creado tras a existencia do propio galego como lingua nacional. Unha vez consumada a marxinación da lingua propia (non hai outra denominación máis correcta ca esta) dicir que xa é tarde, que agora todos somos iguais, e faise competir a ambas as linguas nunha carreira imposible. Nesta falacia foron usadas as urxencias económicas dun país con problemas estruturais como moeda de cambio da súa identidade lingüística. Quizá deberiamos dicir xa está ben a tales razóns sen fundamento ético nin científico e irnos directamente ao gran da realidade política para falar de política, pois de ciencia é complexo falar con quen non teñen por oficio destripar a realidade nalgún nivel de análise, e non ven outra cousa que os desastres históricos como feitos consumados. Para desmentir esa consumación de tales desastres e devolver a Galicia a súa lingua están centos de miles, se non millóns, de cidadáns dispostos a empuxar cara a ese fin tan magnífico como difícil.

Falar de política significa aceptar que hai un partido moi importante cuxa maioría de votantes fala galego pero que parece que non está xa disposto a manter unha estratexia conservacionista dese idioma nacional de Galicia, e non digamos unha estratexia recuperacionista. Pero mesmo o PP necesita algunha estratexia, por morna, pobre ou ineficiente que sexa, e aí deben estar as forzas políticas e sociais deste país, partidos, organizacións cívicas e sindicatos, para chegar a acordos, sequera de mínimos, que danen o menos posible á nosa lingua, xa en estado crítico.

Neste sentido, e esquecendo ciencia e ética por un instante, o obxectivo de reducir os danos é o suficientemente xeneroso como para tentalo. E todo iso sen deixar nin un minuto de manter as alertas e as mobilizacións necesarias para que ninguén esqueza que estamos a asistir a unha agonía que nos avergoñará como pobo e para sempre se non somos capaces de reverter esta situación agónica. Teño a absoluta certeza de que Ramón Piñeiro, cuxo ano celebramos, ou os anteriormente agasallados nos últimos anos, Álvarez Blázquez, Otero, Risco, Bouza, Castelao, Bóveda... todos eles estarían de acordo nesa tarefa básica de dignidade e salvación nacional. Tarefa de traballo político, pero tamén de traballo a secas, pois unha importante militancia cívica é necesaria para pór en marcha en todos os niveis de traballo a estratexia total que pode ser decisiva.

O Consello da Cultura e o PEN Clube de Galicia editarán a obra de González Carbalho

Redacción

O Consello da Cultura Galega e o Centro P.E.N. de Galicia coeditarán unha antoloxía bilingüe dos poemas e as prosas de Jose González Carbalho (1899-1958), importante e esquencido escritor arxentino fillo de emigrantes galegos, que falaba de Galicia como “mi patria anterior”. A antoloxía incluirá unha biobibliografía, escrita por Antonio Requeni, unha escolla dos seus poemas, artigos que publicou logo da súa única viaxe a Galicia en 1955, un discurso sobre o idioma galego e testemuñas de diferentes escritores. Irá ilustrada con fotografías.

José González Carbalho naceu en Bos Aires, quedou orfo de nai aos dous anos e tivo unha saúde precaria. Na súa obra os temas de referencia son a soedade, o amor, a perplexidade ante o fluir do tempo e os recordos da infancia. Foi admirador de Garcilaso de la Vega, Rubén Darío e Juan Ramón Jiménez e tivo gran amizade con Pablo Neruda, Federico García Lorca e Rafael Alberti e unha intensa relación coa colectividade galega (Rodolfo Prada, Luís Seoane, Arturo Cuadrado ou Lorenzo Varela). Publicou en Chile o primeiro libro sobre Lorca, logo do fusilamento do poeta. Entre as súas obras cómpre citar: “Tiempo de amor perdido”, “Solo en el tiempo”, “Libro de canciones para Rosalía de Castro” ou “El río que no vuelve”.

Da súa obra falou o pasado luns 18 de maio no CCG Antonio Requeni, xornalista, escritor e membro da Academia Argentina de Letras, que foi presentado polo poeta e presidente do PEN de Galicia, Luís González Tosar. Antonio Requeni titulou a súa conferencia “González Carbalho, destacado poeta arxentino de estirpe galega” e confesouse discípulo deste escritor autodidacta, fillo de emigrantes galegos de A Ramallosa (Pontevedra), devoto admirador de Rosalía de Castro e que foi tamén xornalista, crítico literario, autor teatral e profesor de literatura.

Antonio Requeni (Bos Aires, 1930) levou a cabo unha importante actividade como xornalista no diario “La Prensa” desde 1958 ata 1994, en que se xubilou como secretario de redacción. Colaborou tamén noutros medios e dirixiu a revista “Italpress”. É crítico bibliográfico do diario “La Nación”. Como escritor publicou dez libros de poemas, un libro de cotnos para nenos, un volume de crónicas de viaxe e o “Cronicón de las peñas de Buenos Aires”, que mereceu o I Premio Municipal de Ensaio. Foi distinguuido asemade co I Premio Municipal de Poesía polo seu libro “Línea de sombra”. É membro de número da Academia Argentina de Letras e coordina a comisión de publicacións na Academia Nacional de Periodismo.

20 de maio de 2009

Xa está en marcha o Xacobeo 2010

Redacción

O Consello da Xunta aprobou o pasado xoves 14 de maio o informe preliminar sobre o Xacobeo 2010. No documento recóllense as principais liñas de acción cara á organización e xestión do vindeiro Ano Santo compostelán. Detállanse os ámbitos de actuación, as liñas de acción máis inmediatas en relación coa exencións fiscais e patrimoniais, a promoción, a programación e o acondicionamento das rutas e das infraestruturas do camiño, así como a sensibilización da poboación e a colaboración con outras entidades. No informe abórdanse propostas innovadoras cara ao Xacobeo 2010. Preséntase tamén un cronograma cos compromisos específicos, datas e lugares.

Segundo se explica no documento, para a Xunta de Galicia o Xacobeo 2010 debe ser un proxecto unitario do Goberno galego e contará coa supervisión directa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. O Ano Santo será un auténtico impulso para a economía galega cun gran impacto nos sectores turístico e cultural e de creación de emprego. A intención do Goberno neste eido é a de promover a recuperación, conservación e difusión do enorme valor patrimonial do Camiño e o apoio á creación dun novo patrimonio contemporáneo con capacidade de transcender e integrarse nas canles culturais internacionais actuais. Así mesmo, o informe ten en conta os criterios de sustentabilidade e respecto polo ambiente.

As accións relativas a exencións fiscais e patrimoniais abranguen medidas como a tramitación urxente das exencións fiscais co Goberno central de cara á xestión dos patrocinios necesarios para o financiamento. Todas as consellerías da Xunta de Galicia colaborarán en conxunto para acadar o éxito do proxecto.

No relacionado coa promoción, o informe preliminar recolle a necesidade de desenvolver unha estratexia de promoción selectiva e diferenciada, tanto no ámbito local, nacional como internacional que teña en conta os diferentes mercados. Así mesmo, recóllense medidas relacionadas coa identidade gráfica do Xacobeo. O programa de promoción será presentado ao Consello a segunda semana de xuño e executado no segundo semestre do ano. O informe recolle o uso intelixente das novas tecnoloxías, as redes sociais e a participación en eventos promocionais como as feiras de turismo. Do mesmo xeito, terase en conta a eficacia publicitaria do patrocinio e as colaboracións con editoriais internacionais de cara a que as publicacións xeradas polo Xacobeo acaden unha distribución global. Outras liñas promocionais que se recollen no documento son a consecución de certificados internacionais relacionados coa excelencia turística. Coidaranse especialmente os visitantes e peregrinos que se acheguen a Compostela o vindeiro ano. Intégranse tamén estratexias específicas: Xacobeo infantil, Xacobeo para maiores, Xacobeo accesible e promoción do Xacobeo nos nosos emigrantes.

O Ano Xubilar ofrecerá unha programación cultural deslocalizada. A consolidación do patrimonio contemporáneo sobre e para o Camiño e a realización de eventos únicos en espazos representativos do patrimonio arquitectónico de Galicia. Nesta mesma liña tamén se especifica a colaboración con outras entidades de cara á organización dos diferentes eventos que compoñerán o programa xeral.

No tocante ao acondicionamento de rutas e infraestruturas o informe valora a necesidade de realizar unha auditoría sobre a situación actual das rutas xacobeas e a implantación dun plan corrector destas, así como a posta en marcha de programas de voluntariado en diferentes áreas de actuación.

O apoio ao sector hoteleiro e a sensibilización da cidadanía forman parte dos obxectivos. Faise fincapé, no informe, na importancia da espiritualidade do evento. O Xacobeo 2010 impulsará a afluencia de visitantes nas épocas de menor afluencia co fin de que o Ano Santo se viva día a día con propostas innovadoras para realizar ao longo do ano. Será un evento que situará Galicia como unha referencia no ámbito mundial.

O programa definitivo será presentado en outubro de 2009.

19 de maio de 2009

Cando os soños poden ser futuros

Xosé M. Pacho

Cando un cre que as cousas poden mudar, xa está no camiño para conseguilo. Onte en Santiago, estabamos moitos que queremos soñar cun país en galego, cunha xeografía en galego, cun futuro en galego.

Sabemos que somos minoría, pero tamén sabemos que as minorías convírtense en maiorías; tamén sabemos que os homes e as mulleres evolucionan, e que, a cada paso, aínda que a moita xente lle pese, estamos a construir unha sociedade onde o galego é o centro do noso desenvolvimento social. Por suposto que asumimos que a tarefa é difícil e complexa, que temos que moer co que hai, e convencer, porque sen convencer non chegaremos a ser maioría.

Pero é que a nosa lingua, o galego, é o cerne, o prezado cerne da nosa cultura, é a nosa instalación no mundo, e é o que pode facer de Galiza unha sociedade moderna. Falar galego para ser moderno. Falar galego para coñecer todas as linguas. Falar galego para viaxar polo mundo.

Falando galego non impomos nada, falando galego camiñamos, e falando galego creamos un futuro para os nosos nenos. Lembro sempre que durante moito tempo en Chequia, a lingua maioritaria que se fala era o alemán, agora, a día de hoxe, a ninguén lle estraña que a lingua que se fala en Chequia sexa o checo. Se sabemos empregar os nosos argumentos que son moitos e incontestabeis dentro dun tempo, a lingua da Galiza será o galego, a lingua dos galegos será o galego.

Porque o galego é a nosa instalación mental e a nosa xeografía espiritual, como a choiva, como a pedra, como o mar e a terra verde. Por iso a manifestación da lingua é a revindicación de nós mesmos, e do noso futuro.

Imaxe: MXM

18 de maio de 2009

Milleiros de persoas enchen as rúas santiaguesas en defensa do galego


Redacción

Unhas cincuenta mil persoas, para a convocante Mesa pola Normalización lingüística, vinte mil para a axencia Europa Press, encheron as rúas de Compostela na maior manifestación en defensa do galego rexistrada na historia do noso país.

"Sempre en Galiza, sempre en galego", "Aínda que se molle, o galego non encolle" e " Temos lingua, temos dereito" foron algunhas das consignas coreadas polos manifestantes baixo unha intensa chuvia. Persoeiros da nosa cultura como Avelino Pousa Antelo, Manuel Rivas ou Antón Reixa estiveron presentes nun acto no que Carlos Caión, presidente da MNL, leu un manifesto no que reclamou do PP que "tome nota"da reacción social en favor da língua, convidando ao presidente da Xunta a apropiarse do idioma e converterse no seu primeiro defensor.

A protesta, que se desenvolveu sen incidente ningún, congregou moitos máis manifestantes que a convocada o pasado 8 de febreiro por diversas organizacións contrarias ao galego, entre elas algunhas de ultradereita, e á que asistiron diversos dirixentes populares, ausentes neste 17 de maio.

Imaxe: xornal.com

17 de maio de 2009

A RAG e as políticas lingüísticas


Fermín Bouza

A Real Academia Galega fai unha crítica preventiva ás medidas anunciadas por Feijoo para anular o decreto regulador da normalización lingüística (agora fala dun consenso, xa veremos con quen e como se debate, e se está presente algunha perspectiva cientìfica seria). É bo que a Real Academia se implíque a fondo neste tema, que non é calquera tema, senón o tema sobre o que está a virar toda a angustia da desaparición da Galicia histórica. Eses factores psicosociais de fondo impulsan o problema da lingua a un primeiro plano, e esa é a razón de que a lingua sexa algo máis que a lingua da mesma forma que o Barça é máis ca un club.

As cuestións relativas ás linguas marxinadas durante séculos só se poden resolver con políticas discriminatorias de tipo positivo. E son ese tipo de políticas cientificamente concibidas as que teñen o respaldo da comunidade científica internacional e da comunidade política orientada á salvación lingüística. O decreto regulatorio que agora se derroga ou se quere derrogar non chegaba nin a ser discriminatorio, cientificamente falando. Optaba por unha política de igualdade entre ambas as linguas que non era a política cientificamente adecuada, pero si era politicamente correcta. De aí non pasaba o decreto de regulación da lei Fraga. Ben, pois tamén se quere acabar con iso. A RAG debería falar desde posicións científicas, e facer ver ao goberno galego que se o decreto non era axeitado, moito menos axeitada é a súa derrogación, e que as politicas realmente defensivas e conservacionistas han pasar por claras e rotundas políticas de discriminación positiva cara á nosa lingua, que son as políticas democráticas de verdade, non aquelas que se basean nunha igualdade imposible e que van encamiñadas a unha morte segura da nosa lingua.

Cartas a Antón


Lugo, 15 de maio do 2009

Meu amigo Antón:

Hai xa moito tempo que non vou pasear á beira do Madalena, así que non fun observador directo dese cheirume pouco fresco que, segundo o teu comentario, percibe o camiñante cando pasea, ou o pescador cando tenta sacar unha troita de entre a merda licuada. Os edís Martín e Irimia preguntáronlle oficialmente aos que mandan, e estes responderon que, para amañar o desastre, nin teñen cartos nin os reciben da Xunta. E xa está: os vilalbeses, que aguanten. Eu non coñezo polo miúdo o asunto, así que non teño outro comentario diferente do que ti me facías antonte, cando nos atopamos: non terán cartos para amañar a depuradora, pero ben que os tiveron para poñer na auga de todos un adefesio en forma de castelo que, por riba, só pode utilizar quen teña euros. Engado pola miña conta que tampouco sei con que pagaron un horripilante cementón co que mataron o saudable verdor que abeira o río, sen explicarnos para que serve.

Tampouco che souben responder á outra cuestión que, chuscando maliciosamente os ollos, me propoñías: por que algúns mestres de educación física non queren participar cos seus alumnos no chamado “cross das Letras Galegas”, unha carreira festiva organizada con motivo da celebración literaria. Pregunteillo a un dos profesores e díxome que os pequechos dun colexio non se senten ben tratados polos mandos municipais na utilización da infraestrutura deportiva, un pavillón do que teñen usufruto os escolares, aínda que sexa responsabilidade do Concello. O que non sei é se hai outras razóns, como, por exemplo, que a lingua galega non se teña en conta na organización do evento. Xa se sabe que o correr non ten idioma, pero pode acontecer que as instrucións previas e a cerimonia dos premios sexan alleas ás palabras que dan motivo e ocasión para a festa deportiva. O mestre consultado non mo dixo, pero non sería a primeira vez que iso acontece, e non parece lóxico.


E, falando disto, o vindeiro domingo é o día das Letras Galegas no que, polo visto, contas participar activamente. Foi para min unha gran sorpresa que me comunicaras a túa decisión de acudir a Compostela para estares na manifestación en defensa da nosa lingua, pero de seguida comprendín que non había tal: pensei que irías alí para visitar aos teus fillos e, de paso, non deixarías de contemplar con maliciosa indiferenza o paso dos manifestantes mentres, coa boca pequena, estarás a dicir: pobre xente. Pero non, non o podía crer cando me aseguraches que habías ir e camiñar canda todos nós, e, de paso, iso si, estar cun dos teus fillos que tamén por alí andaría; pero o primeiro, primeiro, asegurabas, sería a manifestación. Imposible, pensei, este cachazudo estase a burlar de min. Ben sei que sempre falas galego, pero nunca sospeitei que te volveras reivindicativo do idioma. Quen lea esta carta, se te coñecera, andaría alucinando co teu razoamento: ben me decatei, dicíasme, que os actuais gobernantes puxéronse de acordo con eses que se chaman “bilingüismo” para chamarnos pailáns aos que falamos como galegos. Home, tampouco é iso, repliqueiche, chámanse bilingües porque precisamente o que queren é que os galegos tamén saibamos falar o castelán. Non me deixaches rematar a frase e case berrabas mentres untabas de saliva as túas verbas: non che é así, non che é tal, esa é a desculpa, o que queren é que os seus fillos non perdan o tempo en aprenderen galego e moito menos que os profesores falen con eles na nosa fala porque pensan que non é fina dabondo. E iso non o consinto. Asegúroche que non o podía crer, pero quedei moi reconfortado. De haber moitas reaccións coma a túa, a nosa lingua ha permanecer.


E, por certo, pregunteiche, sabes quen é o autor que se celebra este ano?. A verdade é que non o sabías ou, mellor, xa non lembrabas o seu nome, pero algo tiñas no maxín. Efectivamente, oíras falar de que ese home de letras era un señor que andaba a dicir que os galegos eramos de natureza tristes: así nacemos e tristeiros andamos ao longo da nosa vida, a diferenza de, por exemplo, os andaluces que semellan felices e por calquera cousa entoan un brioso olé! e póñense a cantar chocando as mans. E, baixando a voz, comentabas que ese escritor ten a súa razón, pois algo tristes si que somos.


O caso é que eu tiven que poñerme en plan profesor para explicarche que tal escritor chamábase Ramón Piñeiro, un home de Láncara ao que se lle debe un esforzo importante para que as cousas da nosa terra seguiran vivas cando, despois da guerra, os vencedores empeñábanse en que as descoidásemos. E non dixo que os galegos foramos tristes: el falou de que eramos saudosos, que tiñamos “saudade”, como tamén a teñen os portugueses que inventaron esa música que lle chaman o “fado”, algo semellante ao que nós chamamos o “alalá”. Non é que sexamos sempre tristes, o que pasa é que, mesmo cando andamos moi ledos, sempre temos unha certa carga de melancolía porque nos damos conta de que as ledicias nunca son completas; aínda que nos sintamos ben e riamos a cachón, temos algo de ansiedade por algo máis fondo que botamos de menos. Non é doado de explicar, pero ti interrompíchesme para concluír ao teu xeito: o que me queres explicar é que a xente da nosa terra somos algo filósofos aínda que non teñamos estudos. Poida que haxa algo diso, respondín. E quedamos en que marchariamos xuntos na manifestación de Santiago e, mentres camiñemos, entre o teu fillo e máis eu tentaremos explicarche algo máis dese asunto que tanto che picou a curiosidade.


Agardando ese momento, vaite coidando. Mentres, recibe unha aperta do teu amigo

Bernardo

16 de maio de 2009

Fútbol, arte e cintas de vídeo

Por César Reis
Non podo deixar de amosar a miña solidariedade con Julián Reyes, ese directivo de Televisión Española que foi destituído logo da retransmisión da final da Copa do Rei. Non só pola similitude, grosso modo, entre os nosos apelidos, senón tamén porque o seu cometido tiña algo de misión suicida. Se cando este acontecemento deportivo se chamaba Copa do Xeneralísimo tiña vetada a arbitraxe da súa Final aquel árbitro de Primeira División de apelido Franco, para evitar calquera desinhibición desaforada desde a bancada, alguén tiña que caer na conta de que algo similar (neste caso o apupo ao himno de España) era previsible nunha final protagonizada polas inchadas do F. C. Barcelona e do Athletic de Bilbao. Ou non. Pero a estas alturas xa todos sabemos que, como a area dos anfiteatros romanos, o campo de fútbol adoita converterse nese espazo de desafogo onde todo individualismo se inhibe a favor da masa.

Tento porme na pel dese directivo de Deportes e non é doado. Ante si tiña unha difícil disxuntiva. Imaxínoo a noite anterior, insomne, asaltado por cuestións deste tipo: “Que facer: a) retransmitir todo tal como se presente -co cal corro o risco de que me poñan de pés na rúa- ou b) “maquillar” a realidade con algún que outro artificio televisivo -o cal tampouco me librará de exporme ao mesmo-?”. A vida é unha constante toma de decisións, non sempre acertadas. Ceros e uns, como nos computadores. Mesmo se te chamas, poñamos por caso, Ernesto Guevara de la Serna e es arxentino tes dúas opcións: vender camisetas coa túa efixie e fraseciñas enxeñosas, ou facer a Revolución Permanente. Nada che vai garantir que unha delas poda outorgarche máis inmortalidade que a outra. Pero volvendo ao tema, coido que eu, de estar na pel do meu homónimo de apelido, tería optado pola opción a) xa citada e que fose o que Deus quixer. Á fin e ao cabo a función dos mass media debería ser a información e o resto, gaitas. Pero aqueles que ousan falar de censura nun caso como este non caen na conta de que, probablemente, este home chegou á segunda opción por razóns non menos sólidas das que a min me levarían á primeira e que expoño brevemente a continuación.

A televisión é, cada vez, máis un xénero de ficción. Xa saben: falsos directos con cinco minutos de retardo, tempos e preguntas pactados nas entrevistas, series e programas que se copian, plaxian ou parodian uns aos outros creando unha espiral de autorreferencias difícil de deslindar, mesmo para os máis avezados. Hernán Casciari queixábase non hai moito no seu blog de que, en España, até os reality teñen guionista e están protagonizados por actores, en lugar de por xente anónima, que len as súas confesións nun teleprompter. Por iso, este directivo agora destituído debeu de pensar, nun afán de barroquismo artístico, que, en troques de limitarse a amosar as cousas tal como ían ser, sería mellor crear (pois medios técnicos non faltan hoxe día) unha pequena “peza” artística, que non unha realidade paralela, aínda que, iso si, máis amable que esta, embelecida, pura cornucopia vaia, co loable fin de entreter a un público que, como adoita ocorrer, asiste, entre o sopor e a indiferencia, a todos eses momentos himnicos cargados de oficialidade.

En fin, a vida, xa o dixemos, é unha toma de decisións. Talvez nun caso como este a destitución sexa excesiva (outras fontes dinme que foi el mesmo quen entregou a súa “placa”, como os polis das pelis) para alguén que só quixo facer unha videocreación de carácter conceptual, é dicir, unha das formas de arte máis sofisticadas do século XXI. Pero xa Platón advertiu que había que botar aos artistas da caverna. Pola miña banda, penso, cada vez máis, que é o fútbol o que debería ser elevado á categoría de arte por riba da de acontecemento deportivo (así talvez conseguiríase que botasen os partidos de madrugada e as películas subtituladas fosen “relegadas” ao prime time). E se non que llo pregunten a Touré, autor do primeiro gol do Barça, que explicaba a idiosincrasia deste deporte mellor que todas as sesudas (aínda que axeitadas, por certo) estratexias de Guardiola: “Xutei porque a miña dona sempre me di que debo xutar máis”. Iso si é arte e o resto, gaitas.

cesar.reis.alveiros@gmail.com

Fogheteiros

Iago Castro

O vindeiro domingo, o Racing Clube Vilalbés pode proclamarse campión da liga de categoría rexional preferente e lograr, así, o ascenso á terceira división. Non gosto especialmente do fútbol, pero felicito aos bravos verdivermellos –aínda que nin sequera sei se seguen a xogar con esta camisola-, máis aínda cando, segundo parece, a xesta se debe en boa medida a rapaces da canteira. Parabéns tamén para os amigos racinguistas de pro, especialmente o Sesé e o Manolo Roca, e tamén para Xavier, o “presi” ou, debería dicir, o “ex-presi”, que sen dúbida terá moito que ver neste éxito.

Parabéns tamén para os xogadores do Santaballés, que lograron hai poucos días o ascenso a preferente logo dunha magnífica tempada. A mágoa é que, polo menos a vindeira campaña, non haberá un “derbi” local, que non sería a primeira vez.

Mais non se preocupen, amábeis lectores. Non vou falar de fútbol, senón de foguetes. Si, de foguetes. O conto é pór a venda diante da ferida, explícome: Isto é máis ben un chamamento a algúns destacados seareiros racinguistas. Seareiros que, digámolo claro, coincide que tamén o son de certo partido político. O caso é que, despois da vitória deste partido nunhas recentes eleccións, estes seareiros, ou hoolingans, ou directamente gamberros –chamemos ás cousas polo seu nome- non tiveron outra ocorrencia que “amenizar” toda a santa noite electoral dos vilalbeses con incontábeis bombas de palenque. Foron moitos os veciños certamente cabreados, sobretodo aqueles que tiñan que traballar ao día seguinte e que, compartiran ou non a alegría polo trunfo electoral, precisaban dun descanso ao que, por outra banda, teñen bastante máis dereito ca aqueles gamberros que dicimos a perturbalo.

Así pois, apelo a esta pequena minoría de seareiros, hooligans ou como queiran chamalos, para que celebren a máis que previsible vitória do Racing até caír de cu, se lles apetece e lles aguanta o corpo, que parece que si. Pero, por favor, deixen durmir ao común da xente que un domingo pola noite non está para moitas festas. Que os báquicos efluvios habituais non lles alteren o entendemento máis alá do respecto que lles deben merecer o resto dos viciños e, todo hai que dicilio, a inmensa maioría dos bos racinguistas. Para que me entendan: en democracia a liberdade dun remata onde empeza a tocarlles os fuciños aos demais.

Apelo tamén –deusbendito, nunca pensei que podería dicir isto- ás forzas de orde pública para que manteñan, precisamente, esta orde pública, que para iso son forzas. A conto de que, señores, calquera mamarracho pode disparar foguetes toda a santa noite sen que vostedes interveñan, como é a súa obriga? É que acaso non ousan segundo con quen sexa?

Pois iso. Que teñamos a festa en paz.

15 de maio de 2009

Antonio Vega, sol e temporal


Moncho Paz

O pasado martes deixounos Antonio Vega. Foi un dos iconos da miña xeración, especialmente dos que vivimos en Madrid nos anos oitenta. Creador e poeta que harmonizou como poucos o mundo dos sentimentos, destacou pola súa extrema sensibilidade. No seu interior cohabitaban trasgos e diaños; unha mistura de sol e temporal, como aquela flor coa que tanto soñou. Antonio levaba ao inimigo dentro.

Amante do proceso creativo, estivo namorado da arquitectura e da física; estudou as propiedades do espazo e amosou interese polo tempo, a materia, a enerxía…, aos que se refire de xeito obsesivo nas súas composicións. Este é o universo Vega, capaz de espertar as sensacións máis contraditorias: unha realidade febril poboada de medos irracionais. Poe en estado puro.

As rúas de Malasaña acolleron a súa figura triste e solitaria. Dende o Penta de La Chica de Ayer, pasando por Vía Láctea, Nueva Visión, Mescalito, Maravillas… para rematar no Lady Pepa de Isaac, onde naquela época era fácil atopalo en compañía de Enrique Urquijo e outros colegas. Fuxiu o talento, queda a súa voz. Para sempre.
________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

Primeiro Comité de Xestión do Núcleo de Sostibilidade de Guitiriz


Redacción

O Concello de Guitiriz quere contribuír no proceso de creación dun municipio que sexa exemplo de crecemento económico e social, á vez que un modelo de respecto e protección do medio ambiente. Unha das principais actividades a desenvolver para conseguir estes obxectivos é a potenciación da participación cidadá.

Con tal motivo, mañá venres ás 17 horas -no Salón de Plenos da Casa do Concello- vaise constituír o Comité de Xestión do Núcleo. Este é o órgano consultivo da Axenda 21 Local, está integrado por representantes da administración local, dos distintos sectores económicos e de asociacións, entre outras organizacións. A súa función será propor, valorar e priorizar proxectos de mellora a levar a cabo no Núcleo de Sostibilidade Guitiriz durante os vindeiros anos co fin de potenciar o desenvolvemento sostible do municipio. O obxecto é impulsar a economía da zona e, ao mesmo tempo, cubrir as necesidades sociais da poboación e protexer o contorno.

14 de maio de 2009