Revista avozdevilalba.com de xuño

Redacción

Xa se pode descargar o número 13 -correspondente ao mes de xuño- da revista avozdevilalba.com, picando na imaxe. Hoxe, 29 de xuño, queremos celebrar con todos vostedes o noso 26 aniversario, dende aquel lonxano 1983, cando se puxo en marcha o proxecto de A Voz de Vilalba, xornal ao servizo do pobo.

29 de xuño de 2009

Letras Galegas 2010 para Uxío Novoneyra

Redacción

A Real Academia Galega, reunida hoxe nunha sesión ordinaria, acordou dedicar o Día dás Letras Galegas do próximo ano 2010 ao poeta lucense Uxío Novoneyra. Así o explicou a Real Academia nun comunicado no que tamén informou da designación como académico numerario do intelectual pontevedrés Bernardino Graña.

Uxío Novoneyra está considerado como un dos poetas máis relevantes da literatura galega, motivo suficiente para que un grupo de amigos e admiradores da súa obra teñen desenrolado desde 2007 unha campaña para que lle sexa dedicado o Día das Letras de 2010. A campaña xurdíu na data na que se conmemora o oitavo aniversario da morte do escritor e contou cunha páxina web (www.uxionovoneyra.com) na que se podía atopar información sobre vate do Caurel, ademais da reprodución dalgúns dos seus textos.

A web convertiuse no eixo da reivindicación, onde se apelaba á cidadanía galega a recoñecer a obra e o pensamento do courelán como "algo fundamental para abrir un debate ao redor deste inmenso escritor galego que foi Uxío Novoneyra". A páxina contaba ademais cun apartado no que calquera visitante podía deixar constancia da súa opinión e adherirse a esta proposta presentada perante a Academia Galega. Os contidos desta páxina web complétanse con datos sobre a súa biografía, obras, reprodución de poemas e incluso vídeos nos que podemos ver ao poeta galego en diversas actos sobre a vida pública e cultural galega.

Segundo as condicións estabelecidas nas bases do Día das Letras, creadas no ano 1961, para que un escritor sexa elixido deben ter pasado cando menos dez anos desde a súa morte. Así, son aínda moitas as personalidades da cultura galega que teñen pendente esta homenaxe por parte da Academia e do pobo galego, como é o caso de Ricardo Carvalho Calero (cuxo nome soou moito como candidato este ano) ou o poeta de orixe monfortino Lois Pereiro, falecido hai trece anos.

Uxío Novoneyra naceu en 1930 na localidade lucense de Parada do Courel e faleceu en Santiago en outubro de 1999. Relacionado durante a súa mocidade con intelectuais e artistas como Manuel María, Luís Pimentel, Anxel Fole ou Ramón Piñeiro, viuse obrigado a residir de volta en Ou Courel entre os anos 1953 e 1962, por mor dunha pleuresía, unha reclusión na que tomará contacto coa poeta María Mariño e que deixará unha profunda pegada na súa obra.

Entre os seus poemas máis extensos están 'Vietnam Canto' ou 'Letanía de Galicia', e é autor ademais dos libros 'Vos Eidos', 'Muller para lonxe', 'Tempo de Espera' e 'Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras', entre outros.

27 de xuño de 2009

Convocatoria de Turismo para este verán

Redacción

A Consellaría de Turismo convoca 96 bolsas de formación especializada en oficinas de información para o verán 2009. A estas bolsas poden concorrer os técnicos superiores en información e comercialización turísticas, en axencias de viaxes, en secretariado bilingüe, os estudantes de turismo e os estudantes e licenciados na rama de humanidades que remataran os seus estudos nos últimos cinco anos.

A convocatoria pódese consultar na web da Consellería de Cultura e Turismo na orde do 18 de xuño de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva de bolsas de formación en oficinas de información turística durante o verán de 2009.

As oficinas de información turística repartidas polo territorio galego prestan un servizo importante aos turistas e visitantes e contribúen de xeito significativo a proxectar a imaxe de Galicia no exterior. Por iso, debido ao aumento do turismo na última década, a maioría dos concellos teñen hoxe oficinas de información turística abertas. Ante a necesidade de acadar suficiente persoal preparado, a Consellería de Cultura e Turismo convoca estas bolsas de especialización que permiten aos estudantes e titulados acceder ás prácticas tuteladas coa fin de actualizar e mellorar os seus coñecementos e habilidades.

Este ano, a Secretaría Xeral para o Turismo oferta bolsas aos municipios turísticos, a aqueles concellos onde hai oficina de información turística da Xunta de Galicia e aos concellos de menos de 15.000 habitantes que teñen oficina de turismo aberta durante todo o ano. Con este fin convócanse 96 bolsas de formación especializada en relación coa promoción turística. Na Coruña pódese obter bolsa nunha das 28 oficinas que cumpren os devanditos requisitos. En Lugo pódese facer prácticas nunha das 19 oficinas. En Ourense hai 22 oficinas nas que se pode obter a bolsa e en Pontevedra son 19 oficinas.

Poden optar ás bolsas de formación nas oficinas de información turística os técnicos superiores en información e comercialización turísticas, os técnicos superiores en axencias de viaxes, os técnicos especialistas en secretariado bilingüe, os estudantes de turismo, así como calquera estudante, os diplomados ou licenciados en turismo e licenciados universitarios da rama de humanidades. Estas titulacións deben estar finalizadas nos cinco anos inmediatamente anteriores ao momento do remate do prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado dende o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (23 de xuño de 2009). O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de tres meses.

Paridade institucional


Moncho Paz

Segue a polémica do recurso contencioso-administrativo presentado polos socialistas contra o decreto polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, segundo o cal o actual Goberno autonómico non cumpriría co requisito legal da paridade. O Executivo defende a improcedencia deste recurso, co argumento de que se trata de dous procesos claramente diferenciados: o Parlamento elixe aopresidente e este, a súa vez, nomea aos conselleiros. Así o interpreta un informe da Asesoría Xurídica.

O capítulo segundo do Estatuto de Autonomía fai mención á elección parlamentaria do titular do Executivo; pero tamén di con claridade que a Xunta está integrada polo presidente e mailos conselleiros. Parece evidente que a figura do presidente non se pode separar do Consello e, por conseguinte, non tería sentido entrar no xogo das interpretacións. De ser así, estaríamos a falar de catro mulleres e sete homes no Consello actual, co cal a porcentaxe do sexo menos representado sería inferior ao corenta por cento, que é a esixencia establecida por lei para cumprir coa paridade.

26 de xuño de 2009

Mostra de Leopoldo Nóvoa en Vigo

Redacción



O Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia de Vigo acolle a partir de onte 25 de xuño e ata o 6 de setembro unha notable exposición sobre Leopoldo Nóvoa. A través dunha coidada escolma de obras pertencentes á Colección Caixa Galicia, preténdese salientar a achega deste pontevedrés universal á arte contemporánea. Ás portas do seu nonaxésimo aniversario, Leopoldo Nóvoa (Salcedo, 1919) preséntase coma un renovador, unha figura clave da aproximación da nosa plástica á vangarda internacional. Poderemos constatalo con “Leopoldo Nóvoa. Fondos da Colección Caixa Galicia”, na cidade olívica ata o 6 de setembro.



No proceso creativo da obra de Leopoldo Nóvoa as ideas, sensacións e pensamentos ven a luz por medio de formas, cores e texturas. Na presente exposición poderemos ver nalgunhas das súas obras materiais coma area e sobre todo cinza, que achegan volume e forma a ese mundo de decadencia, do escuro e o sinistro, que pode ser entendido coma todo o negativo que nos rodea, pero tamén coma un renacer optimista da vida. Veremos ademais matices que abarcan desde o negro máis profundo a toda unha gama de brancos pálidos, introducindo cortes, liñas e furados nas súas obras, un universo de cráteres, camiños na terra ou ata feridas. A obra de Leopoldo Nóvoa achégase máis á escultura ou á cerámica que á concepción que tradicionalmente temos da pintura. Obxectos tridimensionais de formas austeras, limpas e a miúdo monocromas espértannos sensacións e ideas máis aló do puro decorativismo da abstracción contemporánea.



Con exposicións como esta a Colección Caixa Galicia configúrase coma unha das coleccións corporativas máis importantes do Estado, unida a obxectivos de apoio á arte e ao patrimonio cultural. Pretende ser unha colección de arte contemporánea, que parte da arte galega do século XX e se abastece con fondos que transcenden xeograficamente, ofrecendo unha ampla perspectiva. A colección foise definindo na aposta polos novos valores galegos da plástica máis actual, cuxa obra comparte espazo co traballo dos seus antecesores, e recollendo interesantes achegas do ámbito español e internacional. Recentemente ampliáronse os seus fondos coa incorporación de trinta e seis novas obras, firma de Miró, Tapies, Gordillo, Chillida, Clave, Dalí, Picasso, Sorolla ou Barceló, entre outros. Na actualidade, conta con máis de 1.500 pezas.




A morte dun editor, de Vicente Piñeiro

Redacción

O Instituto de Estudios Chairegos, seguindo coa programación de actividades prevista para o ano 2009, organiza o vindeiro venres, día 26 de xuño, ás 20,30 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro A morte dun editor. Derradeiros días de Ánxel Casal, do que é autor o escritor de lucense de orixe vilalbés Vicente Piñeiro. No acto de presentación intervirán tamén Ánxela Gracián, representante da editorial Sotelo Blanco, e a escritora, e colaboradora de A Voz de Vilalba, María Xosé Lamas.

Cando Lola chega a Santiago de Compostela para matricularse na facultade de Historia, ignora os misterios que a cidade sartego lle ten reservados. Será nesas rúas de lastros que gardan os segredos dun tempo que foi, onde a protagonista de A morte dun editor se descubra a si mesma, a través de dúas vivencias, a do primeiro amor -como tropel de sentimentos, confusos, desexo, ansia, paixón, compromiso e unión de dúas liberdades individuais-, pero tamén a vivencia de algo máis profundo e irreversible: a vocación literaria. Así, unha Lola ávida de coñecemento enfrontarase á investigación e descuberta do que foron aqueles derradeiros días da República na cidade de pedra tras o levantamento fascista e, sobre todo, o brutal asasinato do entón alcalde e tamén editor Ánxel Casal. Logo deste axuste de contas coa verdade histórica, unha nova Lola agroma, e a persoa que agora é sabe que non hai regreso posible, pois abriu unha porta que endexamais poderá volver pechar.


Vicente Piñeiro González (Lugo, 22 de junio de 1954) cursou estudos de delineación e topografía, e dedicou unha parte da súa vida á docencia. Traballa como topógrafo na enxeñería civil. Publicou, entre outros, os seguintes libros: Antoniño (Edicións Chaira, narrativa); O can abandonado e outros relatos (Edicións Chaira, narrativa); Sonetos á Xeometría (Edicións Chaira, poesía); Guía en verso do Camiño de Santiago (Edicións Chaira, poesía); Sonetos á Xeometría (Propostas de traballo) (Edicións Chaira, poesía); Os círculos sagrados (Edicións Chaira, narrativa); Los círculos sagrados (Kekeres, narrativa); Ceo e Pedra (Edicións Chaira, poesía); Poemas de amor (Edicións Chaira, poesía); C-D Panxoliñas ó Belén de Begonte (poesía); Camiño Real (poesía e narrativa fantástica ambientada nol Camiño Primitivo de Santiago) e La Risa de Dios (novela de espías, ambientada no terrorismo internacional e na caída das torres xemelgas); De amor y muerte (novela fantástica de contenido medieval para os afeccionados á época medieval); Político Privado, unha obra de teatro ambientada con personaxes de Lugo (Ánxel Fole, Trapero Pardo, Quico, Don Valentín, etc.). Escribiu tamén traballos de crítica, relatos e poesía en distintos xornais e revistas.

A morte dun editor.
Derradeiros días de Ánxel Casal

Lugo: Sotelo Blanco. 2009
97 pp.

24 de xuño de 2009

Talleres de lecer no CGAC

Redacción

Chega o verán e o CGAC invítanos a participar nos talleres de lecer que organiza nos meses de xullo e agosto. Os máis pequenos poderán achegarse á danza creativa mirando o cosmos da man de Marta Pereira, mirar o parque de Bonaval con ollos novos para facer un caderno de artista con María Meijide e Xaquín Penas, escudriñar o que hai tras un videoxogo con Silvia López ou o que agachan os obxectos con Marián Presno, e se ademais te gusta a arquitectura poderás somerxerte na lenda da illa dos lugares imaxinarios con Ruth Varela.

Os talleres son unha proposta para a experimentación artística e a aprendizaxe coa que poder xogar, coñecer, comunicarse e crear ao longo de catro días en torno a diferentes linguaxes, soportes, técnicas e conceptos da arte máis actual.

Talleres para os máis pequenos
Movementos estelares
Dirixido por Marta Pereira
Para nenos e nenas entre 4 e 6 anos
7-8 de xullo / 11:00-13:00 h / 20 prazas
9-10 de xullo / 11:00-13:00 h / 20 prazas
O cosmos? Que é iso? Mirar ao ceo e falar do que se ve e do que está só na imaxinación, das cores, das estrelas... Marta Pereira convida os pequenos a mirar as cousas sinxelas que están ao redor e a xogar con elas utilizando a linguaxe corporal. Poderás descubrir cómo se poden poñer en movemento as cores e as estrelas ou debuxar os mapas dos camiños polo espazo. A exposición do artista mexicano Sebastián Romo será o punto de partida para este taller de danza creativa.

Camiños no ar
Dirixido por Marta Pereira
Para nenos e nenas entre 4 e 6 anos
4-5 de agosto / 11:00-13:00 h / 20 prazas
6-7 de agosto / 11:00-13:00 h / 20 prazas
A vida é movemento pero, ás veces, pasa desapercibido. Durante o día a xente vai dun lugar a outro, camiña, danza, senta, cruza as pernas ou levanta as mans... e así ata a noite. Ao durmir todo parece estar quedo, mais non é así, o movemento continúa no corpo e no espacio. As estrelas ou a Terra seguen o seu camiño. Neste taller a danza será o vehículo para facer camiños no ar.

Talleres para nenos e nenas
A natureza das cousas
Dirixido por Marián Presno
Para nenos e nenas entre 7 e 9 anos
14-17 xullo / 11:00-13:00 h / 20 prazas
Os obxectos comparten o noso espazo e forman parte da vida cotiá. Existen cando os ollos reparan neles, cando os dedos os tocan... pero cando nos acostumamos a eles comezan a desaparecer. Xogando co título da exposición A vontade das cousas, Marián Presno propón diferentes actividades para descubrir cómo algúns obxectos se orixinan e por que, cómo se transforman e cómo nos relacionamos con eles.

XogArt! Creamos xogos con arte
Dirixido por Silvia López Gómez
Para nenos e nenas entre 10 e 12 anos
21-24 xullo / 11:00-13:00 h / 20 prazas
Que traballo hai detrás dun videoxogo? Que cousas hai que ter en conta para deseñar un videoxogo? Ideas, diferentes tipos de personaxes, interactividade, creación de escenarios, xogos, regras, arte drámatica e moita imaxinación.
Este taller quere ser unha achega aos segredos que se esconden detrás da creación dun videoxogo. As obras do artista mexicano Sebastián Romo serán os elementos a partir dos que traballar.

A illa dos lugares imaxinarios
Dirixido por Ruth Varela
Para nenos e nenas entre 8 e 11 anos
11-14 agosto / 11:00-13:00 h /20 prazas
No século pasado, o fabuloso dirixible Graf Zeppelin realizaba unha expedición científica a Compostela na procura das ruínas dunha torre circular de pedra.
Alí supúñase que estaban agochados os mapas e planos da Illa dos lugares imaxinarios. Neste taller, da man da arquitecta Ruth Varela, poderás reconstruír esa illa despregable e transformable, chea de microarquitecturas e de paso, descubrir a natureza da arquitectura e a arquitectura da natureza.

Talleres para mozos e mozas
Bitácora Bonaval
Dirixido por María Meijide e Xaquín Penas Patiño
A partir de 13 anos
28-31 de xullo / 11:30-13:30 h / 20 prazas
Este taller invita a facer un caderno de artista no que reflexar a experiencia de cada un co parque de San Domingos de Bonaval, un lugar que une a memoria da cidade e o lecer. Para facer o caderno de artista contaremos coa artista María Meijide, quen entre as súas obras conta con numerosos cadernos de viaxe e o profesor de ciencias Xaquín Penas, quen axudará a coñecer moitos dos segredos do parque. Así, o caderno recollerá a experiencia do que se ve na natureza pero tamén do que se agocha.
Este taller é froito da colaboración entre o CGAC e o Museo do Pobo Galego.

Coordinación: Gema Baños, Cristina Trigo, Virgina Villar.

Entremiradas I e II, de Maribel Longueira


Redacción
Dous fermosos libros “Entremiradas I. Galicia-Bos Aires” e “Entremiradas II. Galicia-Cuba”, da fotógrafa Maribel Longueira e con textos de 80 escritoras e escritores de Galicia, Arxentina e Cuba, foron presentados a semana pasada no Consello da Cultura Galega no curso dun acto que presidiu Ramón Villares,Presidente da institución, e no que leron os seus textos Ánxeles Penas, Estíbaliz Espinosa, Antón Lopo e Anxos Sumai.

Os libros foron editados pola Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia e os escritores e escritoras elaboraron os textos a partir da fotografía que lles facilitou Maribel Longueira. Na relación figuran, entre outros, Salvador García Bodaño, Eva Veiga, Marga do Val, Margarita Ledo, Miguel Anxo Fernán Vello, Miguel Barnet, Nacy Morejón, Caridad Atencio, Mirta Yáñez, Silvio Rodríguez, Víctor Freixanes, Xulio López Valcárcel, Yolanda Castaño, Luz Pozo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Luís González Tosar, María do Cebreiro, María Rosa Lojo, Débora Campos, Rodolfo Alonso, Antonio Requeni ou Susana Torres. Nos libros, os escritores/as describen as fotos, establecendo un diálogo entre Galicia, Cuba e Bos Aires, unidas por lazos moi fortes.

Entremiradas I e II, fermosamente editados, levan senllos prólogos de Ramón Villares. “A emigración, como experiencia, non se estuda. Sábese e abonda. E por se non abondase, aquí están estes libros de olladas cruzadas e de imaxes ancoradas, para servir de recordatorio e de testemuña da grande epopea que foi a emigración galega contemporánea”, afirma o Presidente do Consello da Cultura Galega.

Maribel Longueira nace en A Coruña en 1951. Licenciada en Historia da Arte Contemporánea pola Universidade de Santiago. Desde 1972 realiza actividades de interés plástico: teatro, cerámica e pintura, centrándose na actualidade na fotografía como investigación técnica e práctica. Ten realizado numerosas exposicións personais e colectivas en España, Cuba e Francia, asi como libros de arte e outras publicacións fotográficas especializadas.

23 de xuño de 2009

Foro das enerxías na Axenda 21 Local de Guitiriz


Redacción

O Concello de Guitiriz, en colaboración coa Xunta de Galicia e a empresa Idom, está a promover ao longo deste ano a participación cidadá no proceso de elaboración da Axenda 21 Local, a través da organización de diferentes actividades dirixidas á poboación. Dentro destas inclúese o desenvolvemento de tres foros de sostibilidade que están compostos por charlas, mostras e talleres. Neste senso, a semana do 22 ao 27 de xuño de 2009 celebraráse en Guitiriz o denominado Foro das Enerxías e o Cambio Climático. Este será realizado en colaboración con Amigos da Terra e estará composto polas seguintes actividades:


-Exposición “O Cambio Climático, o noso futuro, a nosa opción” que estará aberta e dirixida ao público en xeral, na Casa Habanera do 22 ao 27 de xuño de 10 a 13:30 horas en horario de mañá, e de 16 a 20 horas polas tardes.

-Cineforum coa proxección do documental “Manual de uso para unha nave espacial”, que está realizado por Amigos da Terra e que recolle diferentes percepcións sobre a implicación do cambio climático nos nosos días. Retrata diversas realidades entorno a un dos problemas máis complexos do noso tempo e plantexa a urxencia de dialogo profundo sobre as súas solucións. Posteriormente á proxección do documental terá lugar unha charla-coloquio a cargo de persoal técnico da Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (FAIMEVI) aberta a todo aquel que queira participar. Esta actividade terá lugar no Centro Social e Cultural Casa Habanera de Guitiriz (rúa do concello nº 42) o día 26 ás 19:30.


O mundo do libro, contra a supresión do servizo de cultura da TVG


Redacción

As asociacións de escritores, libreiros e editores emitiron un comunicado para protestar contra a decisión da Xunta de retirar o servizo de cultura da canle pública, creado no 2005. Quéixanse especialmente da supresión do único programa divulgativo sobre literatura e lémbranlle ao Partido Popular que nos estatutos da empresa está escrito que "a programación debe estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega".

Nun comunicado emitido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editores e a Federación de Libreiros de Galicia, explicítase o rexeitamento do mundo do libro galego pola recente decisión da Xunta de suprimir o servizo de cultura da CRTVG. Din que sinten unha "fonda preocupación" pola perda dun servizo creado en 2005, que aglutinaba todos os programas divulgativos da cadea.

"A inmediata suspensión do único programa da televisión pública galega centrado na divulgación e coñecemento da literatura do noso país énchenos de incerteza, así como a consecuente falta de visibilización dos escritores e escritoras en lingua galega e das novidades da produción editorial que poden ser atopadas nas librarías galegas", din exactamente no comunicado.

Están preocupados especialmente pola divulgación da literatura na canle pública: "Esta primeira toma de decisión con respecto ao programa sobre libros da TVG prodúcenos moita preocupación con respecto ao futuro da programación cultural da televisión e da radio públicas". Lamentan tamén a "celeridade" coa que o galego está a ser defenestrado polo equipo de Feijóo dende outras áreas do seu goberno e recódanlle que nos estatutos da empresa está fixado que "a programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega".

22 de xuño de 2009

O Escritor na súa Terra: Agustín Fernández Paz

Redacción

A Asociación de Escritores en Língua Galega, en colaboración do Centro Español de Dereitos Reprográficos, a Consellaría de Cultura e o Concello de Vilalba, celebrou en Vilalba a homenaxe "O Escritor na súa Terra", adicada este ano ao autor vilalbés Agustín Fernández Paz, recente Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Os actos deron comezo ás doce do mediodía, coa inauguración do Parque Agustín Fernández Paz no barrio d´As Fontiñas, á que acudiron numerosas persoas, así como persoeiros do mundo da cultura como Rosa Aneiros, Xosé M. Perozo, Margarita Ledo, Marica Campo, Pilar García Negro, Paco Martín, Xosé Olveira "Pico", Marilar Aleixandre ou Iolanda Castaño.

Na descuberta do monolito conmemorativo, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, aludiu a Vilalba como "lugar íntimo e cálido" na biografía de Fernández Paz, reclamando que se pode ser universal dende as propias raíces. Destacou asimesmo o seu compromiso coa língua e coa cultura do país, así como coa escola galega e a renovación pedagóxica, alén da súa "sensibilidade exquisita", que convirteu ás mulleres e ás nenas en protagonistas da súa literatura, ou a aposta do autor pola visibilización da literatura infantil e xuvenil.

Agustín Fernández Paz agradeceu o que considerou como "tres agasallos": un penedo como símbolo de pertenza, un espazo público "que os meus pés de neno percorreron unha e outra vez" e unha abidueira, que "vai unida á paisaxe da miña infancia". Dixo, asemade, que "os fíos do que conto teñen orixe na miña infancia en Vilalba, xa que a literatura escríbese cos fíos da vida". Infancia e literatura conflúen para o autor chairego "nunha soa palabra: Vilalba".

Galería fotográfica dos actos nesta ligazón.

20 de xuño de 2009

A próxima derrota


Antón Baamonde

Así sucederán as cousas: o PP seguirá tirando do fío do idioma. Se perdura a asociación entre galego e imposición terá gañado a hexemonía moral e política. Mentres, o nacionalismo, desconcertado, estará no seu recanto impotente. Terá tendencia a radicalizarse neste tema coma noutros. Así que se irá, feliz, ao seu recanto. Deixará o espazo libre. Dada esa defección o PSdeG e o galeguismo institucional terán pouco espazo para manobrar. Será moi difícil construír un consenso sobre o idioma que non inclúa aos nacionalistas e co PP botando leña ao lume. Ao tempo, como unha pescada que se morde a cola seguirá aumentando o vínculo entre galego e nacionalismo.

Sen partner posible, o bipartito non terá opción algunha. O PP terá conseguido o seu obxectivo. Será unha derrota para o idioma, pero tamén unha derrota que levará da man outras morais, políticas e, por suposto, electorais. Todo isto, salvo, claro, que alguén reaccione. Que algunha iniciativa cívica ou política constrúa un novo discurso, unha nova civilidade en torno ao galego que poda volverse maioritaria e derrote a corrente de opinión que ve no galego unha pura opción individual fronte ao castelán que é o natural e imperativo.

A piscina climatizada da Pastoriza superará o millón e medio de euros

Redacción

A vicepresidenta terceira da Deputación de Lugo, María Xosé Vega Buján, afirmou onte no decurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que a Área de Deportes desta institución destinará máis de 1,6 millóns de euros á construción dunha piscina climatizada no Concello da Pastoriza. A contratación da redacción do proxecto é o primeiro paso a seguir para execución “dunha obra comprometida polo anterior goberno da Deputación”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, presentou no Centro Sociocultural de Pol o proxecto de remodelación do campo de fútbol da localidade, o “Manuel Luna”, que contará cun investimento de 240.000 euros afrontado integramente pola Área de Deportes da Deputación. Estas obras pretenden solucionar as graves deficiencias que presentaban as instalacións deportivas para a práctica deportiva, tanto no seu terreo de xogo como nas gradas, realizando para elo unha remodelación integral do terreo de xogo e a nova construción dun graderío cuberto con capacidade para 300 persoas. Na presentación do proxecto, o vicepresidente da Deputación estivo acompañado polo asesor técnico da Área de Deportes da Deputación, Eduardo Fernández Abel, para resolver as dúbidas de carácter técnico que poideran xurdir entre as persoas que asistiron á presentación.

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán
Lugo, 19 de xuño do 2009

Meu benquerido Antón: Efectivamente, como ti me dixeches, estamos de remate. Non tolos, afortunadamente, creo, pero si de final de tempada: esta é a última carta. Con este motivo, a primeira cousa que me vén á cabeza é a de recuperar algún dos moitos temas dos que me falaches ao longo do ano e que eu non cheguei a comentar; pero recoñezo que a túa idea é mellor, como adoita acontecer. Cando che dixen polo teléfono que ía escribir a última carta, a túa reacción foi mostrar o noso agradecemento a toda a xente que nos escoitou ao longo do ano: non sabemos nin cantos nin quen foron, pero alguén habería e merece a nosa gratitude. En calquera caso, sabemos o nome dalgunhas persoas que estiveron ben atentas: a túa muller, a miña nai e unha señora chamada Chus, da parroquia de Ladra. Algo é algo. Aí lles queda o noso recoñecemento.

Pero non imos deixar así esta misiva: algo máis teremos que dicir. E poderiamos comezar cun tema que sempre fomos adiando e que, sen embargo, nos preocupou. Refírome á lea lingüística montada en Vigo por ese grupo que se fai chamar “bilingües” e que outros prefiren recoñecer coma “bífidos”, tal que as malas serpes. Se che digo a verdade, a min dáme preguiza volver sobre ese asunto que xa cansa, pero quero dicir dúas cousas das que ti me falas con insistencia. A primeira é que, polo escoitado, resulta que a mestra organizadora desa historia non é precisamente bilingüe, é dicir, nin sabe nin quere aprender algo da nosa lingua; busca escusas para non ter que facelo, e xustifícase no nome dunha liberdade que non nos acepta aos que queremos igualdade de dereitos para a nosa lingua. Non é serio. Coma ela hai moitos, de xeito que, ao final, os verdadeiros bilingües somos, curiosamente, os que defendemos o galego e tamén sabemos falar e escribir en castelán. Xa digo, non é serio e non merece máis atención. A segunda cousa xa me preocupa especialmente: parece ser que nas escolas vilalbesas hai nenos da vila (insisto, da vila) que tratan de inxuriar aos galegofalantes co alcume de “galeguistas”. Ti coméntasme que estarías orgulloso de que te chamasen así, e sei dun bo grupo de escolares que tamén o están, pero resulta, seica, que algúns dos así alcumados entenden que lles están a chamar aldeáns e acaban tristemente por se avergoñar do seu xeito de falar e do de seus pais. O triste é que non son poucos. Como ti ben dis, Antón, vólvese abrir un conflito que parecía superado: a discriminación da xente do rural. Sei dunha estudante de maxisterio que, de nena, choraba diante da súa nai por seren da aldea. Non sei se foi consecuencia, pero acabou por liderar a loita contra o noso idioma. É só un caso, claro, pero, polo que percibín nas aulas, temo que haxa moitos máis.

Outra cousa. Con ocasión da “consulta” sobre a lingua que ían realizar os de Feijoo, ti, meu amigo, fixéchesme unha observación que non quero deixar no tinteiro. Lembrabas que, cando eras noviño, o teu mestre contaba a historia das moitas persoas importantes, entre eles algún ensinante e algún cura, que estaban polo labor de que fose derrubada a muralla de Lugo porque impedía a entrada do progreso na capital. Ao final resultou que a operación tiña excesivas dificultades técnicas e tiveron que se conformar con abrir nela as grandes portas que agora contemplamos. Se daquela, dicías, se tivera feita unha consulta, é posible que moita xente, no nome da modernidade, votara polo derrubamento do actual monumento protexido. A túa conclusión foi pertinente e eu quero subliñala: canta xente acomplexada polo que consideran moderno aceptarán a desaparición da nosa lingua, o máis grande monumento cultural que temos? Aí deixo a túa pregunta agardando a resposta dos supostos bilingües que en realidade non son tales.

Tamén me gustaría falarche hoxe de dúas festas que se instauran en Vilalba. Unha, a feira medieval e a outra, unha convocatoria para celebrarmos xuntos, na praza da igrexa, a noite de San Xoán con gaiteiros, sardiñas e viño ofertados polos bares da zona. Non teño tempo de facer os moitos comentarios que desexaría. Simplemente quero manifestar o esencial das palabras con que ti, Antón, me anunciaches estes acontecementos. Non está nada mal, dicías, que se recupere esa zona da nosa vila que, de ser central, leva camiño de se converter en marxinal: antes, cando se falaba da praza, todo o mundo entendía que era a da Igrexa. Agora, os máis novos entenden que é a do cementón, unha mágoa. Cadro de acordo contigo, e, pola mesma razón, tamén aprobo esa idea que lle andas a comentar a quen teña a paciencia de te escoitar: a ver cando fan desaparecer os coches de diante da igrexa e son substituídos por unha ampla terraza unida ao mellor lugar de Vilalba para poñer unha boa cafetería. A casa de Goldeiros sería ideal. Así mo dis, amigo Antón, e así o poño, porque me parece unha idea moi interesante.

Aínda me quedaba dicir algo de Agustin Fernandez Paz que vai ser homenaxeado pola Asociación de escritores en lingua galega, pero del xa temos falado noutras ocasións e coñece ben o aprecio que ambos lle temos.

E remato dándolle a benvida a un novo membro desta nosa Vilalba, o Arturiño. É un novo sobriño-neto con que me agasallaron Arturo e Ana. Como sei o moito que ti lles queres, aproveito para mandarlles desde esta última carta os nosos parabéns máis agarimosos.

Nada máis, meu Antón, e xa non é pouco. Se Deus o quer e a vida nos deixa, trataremos de proseguir esta comunicación despois do verán. E se non, ata sempre na memoria agradecida. Segues tan túzaro coma sempre, pero es boa xente e por iso te aprecia

Bernardo

Foto: O´Riesan

19 de xuño de 2009

Ensínalles (en) galego


Moncho Paz

Hoxe remata o prazo para a presentación da consulta ás familias sobre o idioma no ensino. Unha medida oportunista, de escaso rigor científico e antipedagóxica, que resposta a un compromiso asumido en época pre-electoral. Moitos dubidamos da lexitimidade desta acción, que cuestiona un dereito e alimenta unha polémica artificial entre pais, nais, docentes e outros membros da comunidade educativa.

Pertenzo a esa xeración que medrou entre a agonía do franquismo e a incipiente democracia, que tivo a oportunidade de estudar galego na escola e afondar así na nosa cultura. O proceso de normalización lingüística, que comezara coa aprobación do Estatuto de Autonomía, abriunos os ollos. Nalgúns casos, até axudou a superar un complexo de auto-odio: moitos raparigos pudieron falar e escribir en galego sen frustracións.

A nosa lingua é un patrimonio irrenunciable, que non debe dividir aos cidadáns. Porque “as linguas suman”. Desexo -mais tamén esixo- para os meus fillos a oportunidade de aprender idiomas na escola sen renunciar ao galego, alicerce da nosa identidade como pobo.

Carvalho Calero e as Letras Galegas 2010

Redacción

As concellarías de Cultura da Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo e Ourense asinaron unha carta destinada á Real Academia Galega solicitándolle que o Día dás Letras Galegas do próximo ano 2010 sexa dedicado ao intelectual Ricardo Carvalho Calero. Durante unha reunión mantida no Concello de Santiago, os responsables das seis cidades acordaron un texto no que se adhiren a esta petición, que xa fora realizada por outros grupos, e que faría coincidir esta homenaxe co centenario do nacemento do pensador.

Nesta liña, explicaron que "a pegada intelectual e o compromiso" de Carvalho Calero "pode atoparse en toda Galicia", e, como mostra diso, estas seis cidades piden que o Día dás Letras Galegas 2010 se adique á súa figura para axudar a "difundila", "profundar no coñecemento da súa obra" e "contribuír ao engrandecemiento da cultura galega". Segundo explican na misiva, Carvalho Calero, do que se cumpren case 20 anos da súa morte, tivo "unha das máis completas e extensas traxectorias vitais en defensa da cultura galega" e converteuse en "unha das figuras fundamentais no campo da literatura e da lingua".

Parte implicada na elaboración do Estatuto de Autonomía, Ricardo Carvalho Calero tivo unha activa militancia republicana pola que foi detido durante a Guerra Civil e condenado a doce anos de prisión, tras o que continuou co que foi o seu principal labor ao longo da súa vida, a docente. No ano 1958 Carvalho Calero ingresou na Real Academia Galega e foi proposto para a súa presidencia en 1977, aínda que rexeitou o cargo. Ensaísta, novelista, autor teatral, poeta, filólogo e profesor, Carvalho Calero é, como recolle a carta, "unha figura crave para entender a investigación lingüística e literaria galega".

18 de xuño de 2009

Logotipo único para o Xacobeo 2010

Redacción

O Pleno do Consejo Jacobeo reunido onte día 17 de xuño en Madrid, aprobou a proposta presentada pola Xunta de Galicia o pasado 28 de maio para o emprego do logotipo único do Xacobeo (con X) no vindeiro Ano Santo. Deste xeito, unifícase en todas as comunidades autónomas a imaxe promocional do Xacobeo para todos os actos que se celebren no 2010 tal como defendeu a delegación galega formada polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o de Presidencia, Alfonso Rueda, e maila secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo.

No Pleno participaron a ministra de Cultura, o secretario de Estado de Turismo, a subsecretaria do Ministerio de Facenda, representantes do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, así como conselleiros das comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, Aragón, Castela e León e máis a presidenta da SECC (Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais).

Na reunión do Consejo Jacobeo reiterou
se tamén, a petición da Xunta de Galicia, para que o logotipo único do Xacobeo sexa promovido a nivel internacional. Esta proposta queda á espera da decisión final de Turespaña. O Pleno aprobou as directrices aprobadas pola Comisión na súa reunión do 28 de maio que os sponsor teñen que cumprir cos seus patrocinios. Asemade, acordou atribuír ás Administracións que forman parte do Consejo Jacobeo a execución dos beneficios fiscais que a posteriori o Consejo deberá certificar.

Como novidade, este Ano Santo, todas as empresas que patrocinen o Xacobeo gozarán dos beneficios fiscais máximos que a lei do mecenazgo permite. A deducción por patrocinios do Xacobeo 2010 farase, principalmente, a través do imposto de sociedades e as empresas poderán aplicar dita deducción nun prazo de dez anos, ata que teñan un imposto positivo.

A delegación do Goberno galego presentou ao Pleno do Consejo Jacobeo tres propostas a desenvolver no vindeiro Ano Santo. Ditas aportacións serán tidas en conta grazas ao tempo excepcional que a Comisión outorgoulle á Xunta de Galicia unha vez que se esgotara o prazo adicado a tal cometido sen que o anterior Goberno tivera presentada ningunha iniciativa.

Os proxectos entregados hoxe céntranse en tres ámbitos: literario, musical e audiovisual. Escritores no Camiño, Un piano no Camiño e Os Camiños de Santiago no Camiño de Santiago son os tres proxectos que foron ben recibidos polo Pleno do Consejo e que agora se someterán a análise para a súa posterior aprobación e posta en funcionamento.

Imaxe: MXM

Conchita de Baamonde


Xulio Xiz

Este era o “Santo e seña” dunha muller menuda, alegre, comunicativa, vital. Nunca souben os seus apelidos. Para min, era “Conchita de Baamonde” e sempre deixaba moi claro que para ela esta poboación chairega era o centro do mundo.

Coñecina nalgunha das celebracións de Xermolos, hai moito, moito tempo. Porque para ela Alfonso era un profeta e o que el dicía palabra de Deus. E onde Xermolos chegaba para proclamar a redención das xentes pola cultura, alí estaba Conchita participando, colaborando, poñendo unha nota leda entre os concurrentes.

Queríame ben. E eu a ela. Era unha muller singular que pasaba pola vida contaxiando eso que tan difícil nos resulta conseguir nestes difíciles tempos: tranquilidade, ledicia, bo humor, a pesar das dificultades. E participación, traballo, dedicación eran os seus nortes.

Teimou que Baamonde, fito do Camiño do Norte a Compostela precisaba un albergue para os numerosos peregrinos que por alí pasan a cotío, e convenceu ó Xacobeo de que o Camiño estaba incompleto se os caminantes non facían parada en lugar acolledor. Ela mesma aportou o edificio para o albergue, ela foi logo a encargada de mantelo en pé e facelo funcionar. Ela, sempre ela, como cabeza visible dunha comunidade vital que outrora foi punto esencial das rutas do ferrocarril do noroeste e agora está sendo centro neurálxico das máis importantes autovías de Galicia.

Pero para os pobos son máis importantes as persoas ca as autovías. Eu en Baamonde teño amigos senlleiros que se dedican á arte, á restauración ou ó ensino. Pero fáltame Conchita. Físicamente.

Porque estou seguro que onde estea – no especial ceo que temos reservado os chairegos de boa fé – Conchita segue a remexer e conversar, chamar e convencer, organizar e atender a todos os celestiais caminantes.

Non sei como se presentará alí porque ó mellor as identidades celestiais non son as mesmas que aquí abaixo, pero seguro que foi capaz de montar un tinglado baamondino, e ós peregrinos que vexa que o merecen de xeito especial invitaráos a descansar e facer parada no seu recanto, só coa condición de que algunha vez miren para abaixo e admiren o pobo e a xente que quiso tanto.

17 de xuño de 2009

Roberto Bolaño, ou o futuro da literatura

Xosé Manuel Pacho

Se cadra, moita xente non coñece a Roberto Bolaño. Con este apelido, vennos á cabeza un gran home de teatro que tivo Galiza. Roberto Vidal Bolaño, teatreiro que merece unha sentida lembranza. Pero hoxe non vou falar del. Vou falar do outro Bolaño, o escritor chileno. Mellor dito, o escritor nacido en Chile, porque coido que na xeografía vital deste escritor teñen pesado tamén outros territorios como México, a súa patria natal e España, onde viviu os derradeiros anos da súa vida, antes de morrer por un problema de fígado no ano 2003.

Dentro de cincuenta anos probablemente, Roberto Bolaño será considerado un dos grandes escritores de finais e comezos de século na historia da literatura. Sen dúbida ningunha. Moitas das súas obras son xa unha referencia, dende os seus libros de relatos, ata as súas esplendorosas novelas.

Antes de entrar no duro universo Bolaño das novelas, coido que sería interesante que os que non teñen lido, que comecen cos seus libros de relatos. Eu recomendaría Putas asesinas, que xa nos mete en Bolaño e na mítica tradición narradora latinoamericana. De feito, teñen considerado a Bolaño nesta disciplina moi merecidamente á altura de Cortázar ou de Borges.

Pero eu hoxe non quero falar dos relatos, quero falar dunha das súas obras que xa se ten convertido en mítica Los detectives Salvajes. Esta novela é unha viaxe iniciática que Arturo Belano e Ulises Lima emprenden por diversas razóns ao redor do mundo, buscando e sen buscar á poeta Cesárea Tinajero. Digo buscando e sen buscar, porque aínda que o fío argumental é este, a realidade é que distintos personaxes falan dos protagonistas e non necesariamente de Cesárea Tinajero. Realmente o que ensambla esta novela son xustamente os dous personaxes principais que se van facendo máis e máis sólidos a medida que avanza o texto e que temos máis información deles.

E é que as parellas de personaxes son para a literatura o que as arias ás óperas. Na historia da creación literaria todos podemos lembrar ao Quixote e a Sancho Panza, a Stephen Dedalus e a Leopold Bloom, a Dante e a Virxilio. Posibelmente as parellas na literatura funcionan porque todos nós, nas nosas vidas, temos un perfil ambivalente e, dalgún xeito esa mestura de rasgos contraditorios é a que nos define no máis íntimo, máis aló de simplificacións.

Pero esta obra é moito máis. Está dividida en tres partes: "Mexicanos perdidos en México", "Os detectives salvaxes", e os "Desertos de Sonora". E nestas páxinas abrolla o coñecemento da vida real ao redor do mundo, aparecen escenarios como o Distrito Federal, San Diego, Barcelona, Managua, Sierra Leona, Israel, Angola... E a exuberante cultura de Bolaño. Se eu tivese que definir na miña opinión de que trata esta novela, diría que da vida e da poesía que, se ben pode sonar poética, en moitas ocasións é o contrario. Para facérmonos unha idea desto último, da fonda cultura vital e intelectual de Bolaño direi que atopei a Euxenio Montes e a Vicente Risco, citados polo escritor, en amplísimas numeracións de todas as razas creativas. Pensemos que efectivamente, Euxenio Montes e Vicente Risco foron poetas, e poetas que buscaron novos camiños, velaí polo que son citados na novela. Diría, coido que sen esaxerar, que podemos atopar máis de mil poetas citados dende antigos poetas chinos ata poetas mexicanos de vangarda, e franceses, italianos, etc.

E para explicar a súa visión do mundo tan ampla, só hai que fixarse nun capítulo que adica a Xosé Lendoiro, un avogado galego afincado en Barcelona que se foi viaxando por España. Conta nunha das súas historias algo que lle pasou no cámping de Castroverde, en Lugo, e onde coñeceu a Arturo Belano. Curiosamente preto de Castroverde hai unha aldea que se chama Bolaño. Non sei se o escritor chileno tiña ascendencia galega, pero moi probabelmente. E neste capítulo tamén fala dos galegos, honradamente, non demasiado ben, fala dos setenta na Galiza, cos atavismos típicos do rural galego...

Falei das referencias concretas á Galiza, pero que ninguén pense que este libro fala sobre Galiza. Fala sobre a vida, sobre o mundo e sobre a poesía.

Esta obra, como todas as grandes obras, ten moitas lecturas e non serei eu o que condicione a un lector ou lectora. Eu podo salientar o que a min me resultou máis suxerente, pero é que Bola
ño e esta obra é un mundo. Eu teño costume, non sei se boa ou mala, de ler varias libros á vez, diría mesmo que moitos libros á vez. Cando estaba rematando de ler Los detectives salvajes tiven que deixar case todos os libros é centrarme neste; a razón? É que esta obra de Bolaño comprende toda a literatura imaxinada. Toda.

Ollo, non é un libro fácil, pero se alguén quere comprender o futuro da creación literaria, e comprender a vida, debe ler esta obra que abriu novos camiños na literatura universal e que, por certo, foi premiada co Premio Herralde de novela e co Premio Rómulo Gallegos.

Bolaño practicamente foi considerado toda a súa vida un escritor maldito, un escritor a contra corrente, contra o sistema literario, por iso de seguro que riría se soubera que a súa obra 2666 foi considerada o mellor libro do ano en Estados Unidos e no Reino Unido, e un éxito de ventas.

Brindemos por Bolaño e pola literatura.

Roberto Bolaño.
Los detectives salvajes.
Barcelona: Anagrama. 2009.
624 pp.


15 de xuño de 2009

A negación da realidade

Mario Paz González
Nestes días pode verse nas pantallas de cinema unha película sobrecolledora e absorbente titulada “Good”, de Vicente Amorim. Nela cóntasenos a historia de John Halder, profesor de literatura na Alemaña dos anos 30. Halder (interpretado con grande sensibilidade por Viggo Mortensen) é un home bo, de aspecto enxoito e circunspecto, que publica unha novela a cal, pola súa controvertida temática, chama a atención dos dirixentes nazis recentemente instalados no poder. Estes, ansiosos en plena procura de espíritos afíns cos que dar sustento intelectual á irracionalidade das súas consignas, tentan utilizar esta obra, e ao seu autor, na desafiante e tóxica campaña propagandística coa que atravesan a confusión política que se vivía na Europa daqueles anos.

Na película amósasenos o modo no que, aos poucos, sen apenas darse conta, o profesor Halder se vai deixando arrastrar por uns acontecementos que o exceden e que transcorren como pano de fondo da súa existencia, á que tenta pór orde no medio das súas clases na universidade e o caos da súa vida familiar. Así, guiado por un vacuo escrúpulo de respecto cara ao novo, por descoñecido, Halder déixase seducir, primeiro por unha alumna aria de fortes conviccións e, logo, polo espírito promisorio do nacionalsocialismo.

Ao redor del asistimos, no entanto, á contemplación dun mundo que paulatinamente ameaza con virse abaixo representado por Maurice, o amigo psicanalista e xudeu. Con todo, os signos dese derrube son tan imperceptibles que nin eles mesmos, nin ninguén na súa contorna, parecen amosar, en aparencia, signos de pánico ou de alarma amparados como están, pois ambos loitaran na Gran Guerra, polo orgullo e a tranquilidade que lles reporta o sentirse cidadáns alemáns.

Hai unha escena especialmente significativa na que vemos a Halder explicando aos seus alumnos A la recherche du temps perdu mentres fóra estase organizando unha queima de libros. Aínda que a súa alegación a favor da literatura como deleite sumo e acto de rebeldía que nos fai máis respirable o mundo semella feita con coraxe e sinceridade, as explicacións do reitor respecto á futura prohibición de Proust son acatadas polo noso personaxe con indolente resignación, sen apenas discusión nin cuestionamiento.

Podería dicirse que John Halder, na súa inxenuidade, representa a bonhomía do pobo alemán que non soubo ou non quixo ver como a profundidade inmediata do horror, dunha sinistra ameaza se ía cernindo ineludiblemente sobre el e sobre o resto de Europa. De feito, á luz desta e dalgunhas outras das escenas que van desfilando ante os nosos ollos na pantalla, tanto o protagonista, como o resto de personaxes, parecen adquirir unha consistencia alegórica que, quizais, revela a orixe teatral da historia, pois está baseada nunha peza do dramaturgo británico C.P. Taylor escrita a finais do século XX, pouco antes do seu prematuro pasamento, ocorrido unha semana despois da estrea no londiniense Donmar Warehouse.

Aínda que a escalada de brutalidade e terror do nazismo foi relatada en moitas ocasións a través doutras películas, novelas ou series de televisión, poucas revelan con tanta exactitude, sen ningunha épica nin patetismo, o medo e o silencio que, cunha lentitude progresiva, se foi impondo dun xeito case imperceptible, mesmo a moitos daqueles que inicialmente apoiaron aos seus dirixentes. O xeito no que os dous amigos pasan a situarse en bandos separados, o xeito no que a indignidade das claudicacións dun deles vai ensombrecendo a súa mutua relación mentres o outro, aos poucos, vai perdendo, primeiro a súa clientela e logo os seus dereitos máis elementais, así como a mensaxe abominable que se oculta tras iso e que o obriga á exclusión total ou, con sorte, ao exilio resulta pavoroso. Aínda que non sei se o autor da obra o tivo como referencia, a sinxela descrición destes acontecementos cotiáns (algúns en aparencia banais, pero que xuntos toman trazas dunha certeza terrorífica) lembra a ofrecida nos seus diarios por Víctor Klemperer, quen arriscou a súa vida para amosar con valentía e minuciosidade o avance do horror e da privación de dereitos a que el, como xudeu, foi sometido en Dresde.

Ao mesmo tempo, a película permite unha lectura intemporal sobre o compromiso do intelectual co mundo que o rodea. Halder aspira inxenuamente a cambialo desde dentro, aínda que non consegue decatarse de que, sen pretendelo, está a pórse unha venda nos ollos ao esquecer que o seu papel como escritor debería sustentarse no dereito a cuestionar a realidade, a interrogar, a pór en solfa o sistema establecido, aínda que este non se impuxese á forza. Esquece que a súa misión como escritor non consiste en dar as costas á realidade, nin tampouco en deixarse absorber por ela, senón, desde un estudado distanciamento, reivindicar a liberdade de expresión e de conciencia, a universalidade dalgúns valores que non deben basearse en imposicións dunha elite que, en ocasións, amparándose en argumentacións doadas ou de dubidoso fundamento, é capaz de negar todo pluralismo e diversidade en base á reivindicación dunha suposta, aínda que confusa, modernidade.

Mentres asisto na escuridade da sala á proxección penso en todo isto e vén á miña mente un desconcertante artigo de Fernando Savater, tamén un home indubidablemente bo, publicado no diario El País a finais de maio (“Lamento por Babel”, 26-05-2009). Nel parece cuestionar a necesidade de defender as linguas minoritarias, pois a súa extinción proxéctase sobre elas cunha fatalidade inevitable. Un intre despois, mentres saio do cinema e me deixo levar polo recendo rumoroso e nocturno das rúas logo dun caloroso día de finais de primavera como este, cando o inicio do verán é máis que unha promesa, pregúntome se para os que viviron os anos do nazismo era tan común, e tan fácil, caer nesa mesma cegueira, nesa mesma negación da realidade e non ser capaces de ver aquilo que hoxe, coa distancia, semella tan sinxelo e evidente, que o fondo de certas loitas é sempre o mesmo. A defensa dunha lingua como pode ser a nosa non é só a defensa dun signo propio de identidade fronte a aqueles que pretenden negalo, senón a reivindicación e a afirmación dunha parcela de liberdade individual ou colectiva e dunha irredutible heteroxeneidade que fai, hoxe e sempre, máis rico e habitable o universo que nos rodea.

mariopaz@avozdevilalba.com

12 de xuño de 2009

Autocompracencia

Moncho Paz

A caída libre do BNG debería ser motivo de preocupación para o conxunto da esquerda galega, pois a única alternativa ao PP pasa pola coalición entre socialistas e nacionalistas. Vese que non hai unha lección apresa. Por iso non se entenden as declaracións posteriores á Executiva nacionalista do pasado luns, despexando responsabilidades e recoñecendo que se atopan “moderadamente satisfeitos” cos resultados do 7 de xuño. Pensar que a perda de votos vai directamente á abstención é quedarse na superficialidade.

Hai unha ausencia de autoanálise e non se afonda nas causas da diminución progresiva de apoios rexistrada dende finais dos noventa, cando o discurso europeo –baseado na defensa e protección da economía produtiva do país– era unha baza de conexión coa sociedade. Hoxe ese discurso diluíuse en outras cuestións como a lingua, o benestar e o autogoberno. No seo do BNG existe unha sensibilidade que dende hai tempo reclama unha radiografia social de Galicia para renovar un proxecto político esgotado. Para dar ese paso fai falla vontade, decisión e fuxir da autocompracencia.

Fernández Paz recibirá a Letra E da AELG

Manuel París

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) está preparando unha nova edición da homenaxe "O Escritor na súa Terra", que este ano terá lugar en Vilalba da man de Agustín Fernández Paz. Este evento conleva a distinción de Socio de Honra da AELG.

Os actos programados darán comezo ás 12 horas, no Parque Agustín Fernández Paz (Barrio das Fontiñas) coa plantación dunha bidueira –árbore simbólica do escritor– e o descubrimento do Monolito Escultórico e da praca que atribúe o nome do homeaxeado ao lugar. Neste primeiro acto intervirán o presidente e a secretaria da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas Zas. Posteriormente, a comitiva desprazaráse até o Centro Cultural e Recreativo, onde ás 13 horas faráse entrega a Agustín da “Letra E”, unha figura escultórica elaborada por Silverio Rivas; o editor de Xeráis, Manuel Bragado, será o responsable da laudatio ao escritor chairego. Para rematar, as 14:30 horas celebraráse un xantar de confraternidade no Parador de Vilalba.

Estes actos están abertos a tod@s @s soci@s da AELG, á vecindade da Terra Chá e a calquera persoa interesada. O custe do prato será de 32 €, que se abonarán no propio restaurante. Para máis información e confirmar asistencia, contactar coa Asociación no teléfono 981 133233 ou en oficina@aelg.org, até o luns 15 de xuño.

Outros galardoados en anteriores edicións de “O Escritor na súa Terra” foron: Antón Avilés de Taramancos, Bernardino Graña, Manuel Maria, Maria Xosé Queizán, Xosé Neira Vilas, Uxío Novoneyra, Luz Pozo Garza, Xosé Chao Rego, Xosé Fernández Ferreiro, Salvador García Bodaño, Pura e Dora Vázquez, Maria do Carme Kruckenberg, Manuel Lourenzo e Xosé Vázquez Pintor.

11 de xuño de 2009

Concurso para director do CGAC

Redacción

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, reuniuse o pasado luns día 8 cos membros do Padroado do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), aos que lles presentou as bases do concurso internacional a través do que sairá elixido o director/a do devandito centro. É a primeira vez, nos seus dezaseis anos de funcionamento, que o CGAC contará cun director/a a través dun concurso internacional no ámbito europeo. O obxectivo deste proceso, que ten como base o documento cero do sector do arte contemporáneo sobre boas prácticas en museos e centros de arte, é mellorar a imaxe pública do Museo, facer del un centro que achegue o arte moderno a tódolos galegos e que sexa cita obrigada para os visitantes de Santiago de Compostela, cunha programación de incuestionable calidade a nivel internacional.

Estas boas prácticas relaciónanse estreitamente co papel social dos museos e centros de arte contemporáneo e precisan do establecimento dun proxecto cultural ben definido, sobre o que estarán basadas tódalas actuacións.

É decisión da Consellería de Cultura e Turismo aplicar estes criterios unha vez avaliadas as experiencias previas noutros centros como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Museo de Arte Contemporáneo de Barcelona, Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León ou o Museo Picasso de Málaga.

Un dos requisitos fundamentais nas bases do concurso será a presentación dun proxecto que defina os fines, valores, liñas, programas e obxectivos que os candidatos se propoñen conseguir ou desenvolver. Segundo os principios adiantados hoxe polo conselleiro, Roberto Varela, o proxecto de dirección do CGAC deberá ter en conta a opinión, participación e o logro do máximo consenso posible entre os expertos e interlocutores do mundo do arte e que relacione o proxecto artístico co esforzo económico esixido, tanto de construción ou rehabilitación do edificio, adquisicións, programas e persoal.

Acreditar experiencia na dirección ou xestión de museos ou centros de arte contemporáneo, coñecer ou ter vinculación co medio cultural e artístico galego e internacional así como posuir unha titulación universitaria con nivel de licenciatura son algúns dos requisitos que tera que cumplir o futuro director/a do CGAC. Ademáis, serán valorados os traballos de creación artística, os científicos, publicación e recoñecementos académicos no ámbito da cultura e do arte contemporáneo.

O candidato deberá presentar un informe/memoria coas liñas xerais do seu proxecto para o Centro Galego de Arte Contemporáneo cun horizonte de cinco anos. Deste xeito trátase de desvincular o seu mandato da duración dunha lexislatura política e de garantir o desenvolvemento do programa.

O museo sen musas

Bruno Marcos
Dise que a palabra museo provén do vocábulo latino museum e do grego mouseion, lugar adicado ás musas, e, contan que estas musas servían de ligazón entre o divino e o humano inspirando a artistas, músicos e poetas.

É rechamante o relato do final de Orfeo. A lenda mitolóxica narra que o músico prodixioso tendo perdido, por segunda vez, a Eurídice entregouse a unha vida disipada con ménades e bacantes, ata que, un día, estas, sen motivo aparente, esnaquizárono e arroxárono ao río. As musas recolleron flotando da auga os restos e déronlles a debida sepultura.

Unhas versións din que Baco ordenou asasinalo porque se opuña ao seu culto, outras, que as mulleres tracias, que disputaban polo seu afecto, foron as homicidas, alporizadas ante a súa promesa de non voltar namorarse.

Así, aquel músico que tranquilizaba ás feras salvaxes, que, mesmo, facía que a natureza detivese o seu curso para escoitalo, e ao que, en graza ao seu talento, Hades e Perséfone permitíron baixar ao reino dos mortos para rescatar á súa amante, finaba sen unha explicación clara.

Podemos interpretar, hoxe, o relato do pasamento de Orfeo como unha alegoría na que vemos que o ser humano, sen ambición do verdadeiro, sucumbe, vítima dalgunha forza escura e destrutora: a inercia dionisíaca fronte ao apolíneo, a bacanal, o aquelarre, toda sorte de convocatorias pavorosas dun pracer que abandona o racional.

É posible, tamén, relacionar o mito aos máis próximos herdeiros do vocábulo clásico de museo: Son os museos da liñaxe das musas que sepultaron os refugallos de Orfeo? Son realmente os museos os intermediarios entre, non xa a inspiración e os artistas como se dicía na Antigüidade, senón entre eles e a sociedade, ou, realmente, uns manipuladores que confunden?

Os principais puntos cuestionados por algúns membros da comunidade artística na actualidade son aqueles que fan referencia ao desexo explícito dos museos de arte contemporáneo de converterse en galería de galerías que comercializa, non xa coleccións de obxectos, senón falsos acontecementos, achegándose a unha progresiva equiparación da produción artística cos bens de consumo e a súa consecuente banalización.

A parte do sector máis aferrada ás derivas marcadas polas galerías de arte comerciais viu no compoñente lexitimador dos museos o seu aval económico, cando non, o seu cliente máis seguro e menos reticente, pero a realidade é que os obxectos artísticos están xa desfasados fronte aos simulacros que se despregan e cobran existencia máis nos medios de comunicación que no propio museo que se supón que os acolle. Déixase, así, núa unha identificación total entre cultura e industria cultural combinando o prestixio histórico da institución museística co espectáculo mediático. Pero o máis preocupante do asunto é que subxace a sensación xeral de que, na base primaria do proceso no que se dá visibilidade ao artístico, estean os axentes que xeran a realidade e os seus interesados filtros. O interese dos devanditos axentes obviamente, non pode ser outro que o de cosificar o artístico para convertelo nun fenómeno de pactada obsolescencia, esgotable, de consumo, de usar e tirar, inefectivo socialmente, desintelectualizado. Polo visto, para algúns, o estado debe pagar co diñeiro dos cidadáns megagalerías dedicadas a lexitimar co baño museíl a produción dunha realidade narcótica.

A cuestión é saber que significan os museos do presente, ademais dunha contradición absoluta. Seguramente o plan museográfico máis idóneo terá que ver máis co pasado que cun presente que se nos amosa totalmente viciado pola deriva postmoderna. Probablemente se trate dun museo nas coordenadas do proxecto moderno daquela ilustración insatisfeita da que falaran hai tempo máis que de calquera outra cousa. É dicir pór, dalgunha forma, en corentena o presente.

Sen dúbida, e a pesar de calesquera plans museográficos que se deseñen, o que nos agarda, non xa nos museos do presente senón nos museos do porvir, é unha lambonería suma seguida dunha bulimia que impedirá que nada transcenda. Por iso hai que deseñar museos ágora, que proporcionen unha experiencia do coñecemento na que o presente sexa posto na mirada a partir -e por que non?- do pasado.

Tórnase urxente pór en cuestión as coleccións de obxectos que pretendan amosar as épocas a través deles e articular auténticas contextualizacións si, pero estas han de ser absolutamente obxectivas, científicas -se iso fose algo máis que unha quimera- para que o visitante non saia sentíndose tan só partícipe ou non dunha teoría do gusto senón dono dun coñecemento. Nestas misións os operadores de turismo que asaltan o poder das institucións museísticas máis poderosas resultarían analfabetos funcionais.

Claro que esta opción será tinguida de ser unha nostalxia do discurso, unha melancolía alporizante fronte á plenitude de estómago que nos proporciona a cultura lixo; pero quen non se ha de sentir ao pouco con tanto ketchup saturado de sabor e totalmente insatisfeito.

Orfeo esnaquizado, triturado e envasado. Estamos coma cando os futuristas, o museo é o cemiterio da arte. Ningunha das nove musas semella habitar xa neses museos senón, máis ben, estes semellan estar superpoboados por bacantes.

Imaxe: MXM


O show de Adanowsky na Sala Nasa

Redacción

O próximo Xoves 18 de xuño ás 21,30h., preséntase no peirao da Sala NASA de Compostela o novo show musical de Adan Jodorowsky, o fillo do escritor e inventor da psicomaxia, Alejandro Jodorowsky. Acompañado pola banda francesa “Gush”, Adanowsky propón un concerto delirante con cancións de atmosfera cabareteira, boleros incestuosos, rock-folk melancólico, crooners traxeados e cerimonias voodoo. Para abrir a noite, tocará ademais “Nouvelle Cuisine”.

É amigo de Marilyn Manson, James Brown aprendeulle os primeiros pasos de baile, George Harrison os primeiros acordes de guitarra, naceu en Francia fillo dunha mexicana-irlandesa e do pánico chileno Alejandro Jodorowski. É como un personaxe dunha novela fantástica. É Adanowski (Adan Jodorowski).

Foi actor en películas de Jacques Barratier ou en “Two days in Paris”, de Julie Delpy, e tamén de seu pai (a mítica “Santa Sangre”). É bailarín e debuxante. Escribiu un libro de poemas. Tocou nunha banda de punk-rock, “The Hellboys”. Foi baixista para cantantes como Adrienne Pauly, -M- e Yarol Poupaud. E logo empezou a compoñer. Co seu primeiro disco, “Etoile Eternelle”, fixo máis de 200 concertos en todo o mundo. Agora está presentando o seu segundo traballo, “El Ídolo”, para superarse a si mesmo. Nas súas cancións respírase un ambiente cabareteiro decadente, hai boleros incestuosos e rock-folk melancólico.

Logo da grabación dun video clip co director Sebastián Lelio para o seu tema «Estoy Mal» e varios concertos en América Latina, leva xa uns meses de xira por estas terras acompañado pola banda francesa “Gush”.

A asociación PuntoGal renova a súa web

Redacción

A Asociación PuntoGal, que ten por obxectivo conseguir un dominio propio para a cultura e lingua galegas, vén de estrear a súa nova web na data do terceiro aniversario da súa constitución.

O renovado portal, cun deseño innovador e de fácil lectura e navegabilidade, distribúe a información en tres grandes bloques. O primeiro deles, Noticias, recolle toda a información de actualidade relacionada co traballo desta entidade e coa súa acción de cara a consecución do .gal. Estrutúrase en diversas seccións, entre elas a de Subscrición, que ofrece a posibilidade de recibir regularmente a través do correo electrónico un boletín coas últimas actualizacións que se teñan producido na web.

No segundo bloque, Información, agrúpanse contidos que a Asociación PuntoGal considera que debe difundir para un mellor coñecemento dos seus obxectivos e do proceso de consecución de novos dominios en Internet.

O terceiro destes espazos, Apoianos, contén os listados dos apoios recibidos por PuntoGal. A diferencia da anterior, a nova páxina achega datos das entidades que se teñan sumado ata o momento, cunha mellor visualización das mesmas, e permite localizar dun xeito máis doado as persoas que asinaron polo PuntoGal.

Ademais, o portal conta cun apartado no que salienta as vantaxes que a consecución do PuntoGal ten para as empresas, asociacións, institucións galegas, así como para os usuarios da rede a nivel individual. A web está dispoñible nos idiomas galego, español e inglés, aínda que a versión nesta última lingua aínda se está actualizar. Pódese acceder á páxina a través do enderezo habitual en http://www.puntogal.org/

Un comunicado emitido recentemente pola ICANN –organismo que regula Internet a nivel internacional– informa do proceso de discusión que se está levando a cabo actualmente en relación ás cuestións que están a dificultar a apertura do proceso de solicitude de novos dominios, entre elas a protección de marcas e a seguridade da rede. Estas discusións prolongaranse ata o final do verán. A ICANN espera poder recibir as primeiras solicitudes de novos dominios xenéricos no primeiro trimestre do 2010, o que podería supoñer a apertura do proceso nestas datas.

10 de xuño de 2009

Descargas en A Voz de Vilalba

Sebastián Romo no CGAC

Redacción

Despois da súa estancia no Museo de Arte Carrillo Gil de México, 'A vontade das cousas', primeira exposición retrospectiva da producción de Sebastián Romo (México, DF, 1973), amósase no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) de Santiago de Compostela debido aun intercambio entre ambas as institucións. Será a primeira exposición individual dun artista mexicano no CGAC, aínda que a colección do recinto, fundado en 1995, conta coa obra de varios mexicanos.

A mostra, que estará desde o 11 de xuño ao 31 de agosto, está composta por fotografías, debuxos e proxectos desenvolvidos en diversos espazos públicos e busca entretexer un espazo no que convivan as diversas manifestacións plásticas e visuais que Sebastián Romo (Cidade de México, 1973) desenvolveu ao longo de 15 anos de traxectoria. Salienta o traballo escultórico elaborado a partir da conxunción de distintos obxectos e materiais que adoitan facer referencia a métodos construtivos, modelos urbáns ou linguaxes arquitectónicas. No traballo de Romo conviven gran cantidade de medios e linguaxes artísticas, como o vídeo, a animación, a pintura, o debuxo, a escultura, o obxecto e a instalación.

Trátase, xa que logo, de presentar todo aquilo que acompaña o resultado final do proceso creativo do artista, é dicir, unha serie infinita de debuxos, bosquexos, obxectos e maquetas, que fan posible que nalgún momento termínese unha obra, sinala Palacios.
’A vontade das cousas’, título inspirado nun libro do filósofo Arthur Shopenhauer, está concibida como unha retrospectiva con características particulares, porque, á vez que abarca tres lustros de traballo de Romo, non se centra nas súas obras máis coñecidas, explica Víctor Palacios, comisario da mostra.

Con esta exposición búscase subliñar e outorgar un carácter prioritario aos procesos de traballo que anteceden á culminación dunha obra determinada. No caso de Romo, estes apuntamentos previos ou elementos concomitantes forman parte medular da súa práctica artística. Debuxos, bocetos, notas, textos, apuntamentos, pequenas maquetas, lixeiramente intervidos e collages conforman un suxestivo e revelador corpo de materiais que, sen lugar a dúbidas, coadxuvan á lectura e comprensión do traballo deste artista. Esta iniciativa dá á mostra un carácter museográfico particular e a experiencia do espectador poderá asemellarse a unha vista de taller onde documentos e estudos preparativos se entremezclan coas propias obras.

Para Palacios a obra do expositor, quen participou nun project room na pasada Feira de Arte Contemporáneo (ARCO) en Madrid, caracterízase pola súa emotividade, por ter unha grande carga poética, metafórica, nostálxica nalgúns momentos, efusiva e con moita enerxía noutros.

É a primeira vez que Romo exhibe debuxos. Por azares do destino sempre expuxera fotografía ou escultura. Aquí, no entanto, o debuxo permea a exposición, desde a animación até os cadernos de apuntamentos.

IX Ruta Chairega


Redacción

O Instituto de Estudios Chairegos, como vén sendo habitual dende a súa fundación, organiza a tradicional Ruta Chairega, que este ano alcanza xa a súa novena edición.

Celebrarase o vindeiro domingo, día 14 de xuño, percorrendo, nesta ocasión, unha parte da Ruta de Sendeirismo MIÑO-EO, aló polas terras de Meira. A distancia total será de 12 km, aproximadamente

Cando remate a ruta, haberá que repoñer forzas coa comida que se realizará nesta ocasión nun restaurante da zona.

A cuota que haberá que pagar será de 20 € por adulto (inclúe a comida e o autobús), sendo de balde para os menores -que deberán ir acompañados-.

O traslado dos participantes nesta ruta farase en autobús dende Vilalba deica o inicio da ruta, por terras de Meira, saíndo das inmediacións da Pravia (Casa da Cultura) ás 9,00 horas e retornando pola tardiña, a iso das 6 da tarde, tamén en autobús.

Os interesados/as poden apuntarse contactando con algunha das persoas integrantes da Xunta Directiva do IESCHA ou dirixíndose a calquera dos teléfonos seguintes: 639-246459, 651-361628 ou 670-514801 (polas tardes).

9 de xuño de 2009

Jin Tony's Son actuarán no Pub Xanela

Redacción

Jin Tony's Son é un grupo galego de blues, rock e jazz que se formou pola necesidade que cada un dos seus membros tiña de tocar, e o destino quixo que se atopasen e que rápidamente puxésense ao choio.

A banda está composta por Pichi na batería), Toye no baixo, Manolo na guitarra solista, Esteban nos teclados, Chucho en guitarra e voz, e Emilio en guitarra.

Jin Tony's Son actuarán o vindeiro sábado 13 de xuño ás 00:00 hs no Pub Xanela de Vilalba, Lugo.

Máis información en: www.myspace.com/jintonysson

Novas no mundo do Tae Kwon-do

Redacción

Varias novas relacionadas co mundo do Tae Kwon-do na e a Terra Chá chegan nestes días.

A primeira fala de que vén de celebrarse o pasado 29 de maio na localidade de Leiria (Portugal) o stage multiestilos organizado polo club SCL de Marrazes pertencente á Federaçao Nacional Ju Jitsu Portugal, a cal está dirixida polo mestre Helder Nunes. Mais de 120 persoas asistentes de distintos puntos de Portugal así como de España déronse cita neste evento. As clases foron impartidas polos mestres D. Chong Sun Kim Choi (Kouk Sun Do), D. Nuno Cardeira ( Karate), D. Filipe Silva (Hapkido), D. Jose M. Morais (Ju Jutsu), D. Antonio Montes (Tae Kwon-do Moo Duk Kwan). Cómpre destacar a perfecta organización do evento así como o especial ambiente de camaradería entre practicantes de distintas Artes Marciais.

Tamén o sábado 7 de xuño celebrouse a fase final da Liga Mª d.C. Khan - Galicia nas instalacións da sala polivalente do Auditorio Carmen Estévez de Villalba. A organización nesta ocasión correu a cargo da Escola de Tae Kwon-Do Mª d.C. Khan. Os resultados finais da liga son os seguintes:

Categoría 5-6 anos: 1º Alex Anido (MDK-Vilalba) 17 puntos, 2º Xullo José Dasilva (MDK- Vilalba) 16 puntos, 3º Carlos William Bolaño (MDK-Vilalba)
Categoría 7-8 anos: 1º Samuel Montero (MDK-Vilalba) 16 puntos, 2º Gabriel Tembras (MDK-As Pontes) e Beatriz Felpeto (MDK-As Pontes) 14 puntos 3º Jesús Ferreiro (MDK-Vilalba) 13 puntos.
Categoría 9-10 anos: 1º Iván Vagner (Garrapucho-A Coruña) 27 puntos, 2º Juan Luís Lourido (Garrapucho-A Coruña) 18 puntos, 3º Carlos Daniel (Garrapucho-A Coruña) 14 puntos.
Categoría 11 -12 anos (masculino): 1º Joel Pérez (Garrapucho-A Coruña) 24 puntos, 2º David Ansede (MDK-Vilalba), Sergio Cobas(Garrapucho-A Coruña) e Jesús López (Garrapucho-A Coruña) 22 puntos, 3º Adrián González (MDK-Vilalba) 21 puntos.
Categoría 11-12 anos (feminino): 1º Janice López (MDK-Vilalba) 14 puntos, 2º Ana Figueiras (Garrapucho-A Coruña) 7 puntos, 3º Maria Ledo (MDK-Vilalba) 6 puntos.
Categoría 13-14 anos: 1º Michael José López (MDK-Vilalba) 18 puntos, 2º Borja Arguiz (Garrapucho-A Coruña) 11 puntos, 3º Azael Cordeiro (Garrapucho- A Coruña) 5 puntos.
Categoría 15 - 18 anos: 1º Jorge Cebey (Tapear-Santiago) 10 puntos.
Categoría 18 anos: 1º Rubén Prado (MDK-Vilalba) 12 puntos.


É preciso lembrar a todos os participantes así como aos familiares e amigos que o vindeiro sábado dia 20 de xuño terá lugar a festa da familia na que se entregarán os escudos e as estrelas conseguidas na liga. Tamén se celebrará un campionato-exhibición na praia da Magdalena e celebrásense ao longo da xornada distintos xogos e sorpresas. Cada familia deberá traer a súa comida. No caso de que o tempo non nos acompañase celebrásense soamente os actos deportivos no pabellón.