O nacionalismo galego


Manuel París

Mañá terá lugar en Lugo a presentación do libro “O nacionalismo galego nos seus programas políticos – O século XX”, editado pola Fundación Galiza Sempre, entidade presidida por Xosé Manuel Beiras. O acto, que se celebrará ás oito do serán no Centro Uxío Novoneyra, contará coa presenza de Xabier Macías, Director da Fundación, e de Uxío Breogán Diéguez, historiador e director da revista “Murguía”.

Neste libro fálase do nacionalismo como proceso inacabado. Segundo Beiras, trátase dunha lectura recomendable para os non nacionalistas galegos, especialmente para aqueles que negan a existencia de elementos identitarios propios, como a lingua e a cultura.

Un nacionalismo que non sexa soberanista non pode calificarse como tal. Na devandita publicación -coordinada por Comba Campoy- afóndase nas orixes do Bloque Nacionalista Galego (BNG), que xurde como fronte de partidos e contempla entre os seus plantexamentos políticos a conquista das institucións que son propias do noso país.

Se unha sociedade xenera unha ferramenta política no marco do autogoberno –o Estatuto de Autonomia- non pode permitir que se produzan movementos regresivos que favorezan um proceso de recentralización progresiva.

Nunha época convulsa, de mensaxes perigosas, demagóxicas e simples, é necesario reflexionar; pero para iso fai falla memoria e recuperar o desencanto político-ideolóxico que está a sofrir parte da sociedade. Por este motivo é aconsellable a lectura deste libro que recolle alguns dos principais textos políticos producidos polo nacionalismo galego do século XX, dende as Irmandades da Fala até o BNG.

30 de set. de 2009

O azar, Eça e Twain (…e as traducións)

Mario Paz González

O azar, esa combinación de circunstancias que non se poden prever de xeito ningún, marca as nosas vidas máis aló do que en moitos casos desexariamos. En “Przypadek” (O Azar), de Krzysztof Kieslowski, o protagonista, Witek, chega tarde a unha estación de ferrocarril e corre tras do tren. Un feito tan simple e cotián dará pé a tres situacións que, aínda que aparentemente banais, poden facer que troque o resto da súa vida dun xeito decisivo. Con todo, a conclusión á que o espectador chega, unha vez rematada a película, é máis ben o contrario do que o título suxire. O insospeitado desenlace (que non revelarei) prantexa un determinismo incontestable que nega, ao final, toda influencia do azar, rexeitando todas aqueloutras accións, supostamente aleatorias, que puidese ter desencadeado.

Se cadra é certo o que suxire o polaco. Se cadra as nosas vidas foron xa debuxadas e o seu discorrer áchase impreso nalgún lugar do noso código xenético e xa non é posible fuxir diso. Se cadra vivir non sexa máis que limitarse a ler, como en Unamuno ou Pirandello, o que alguén teña escrito por nós. Na Antigüidade acostumaban chamarlle fado. No universo da Ilíada a intervención das divindades pon de relevo o sentido tráxico de todas as accións de Aquiles, cuxa limitada capacidade de elección non pode evitar que se cumpra dun xeito inexorable o decretado polo destino. Estudos recentes, moito máis prosaicos, tentan asegurar que quen realmente exerce o control dos nosos actos é o inconsciente. Por iso dá igual que nos leve días enteiros tomar unha decisión que consideramos transcendente para as nosas vidas. Semella que, nunha porcentaxe bastante máis elevada do desexable, dar de forma inconsciente unha resposta inmediata non ía cambiar moito as cousas.

Azar, fado, inconsciente… Asumindo a parte de verdade que poida ter todo isto, o caso é que o azar puxo na miña man dous libros cuxa tamén casual similitude temática chamou poderosamente a miña atención obrigándome a escribir este artigo: o Diario de Eva, de Mark Twain, e Adão e Eva no Paraíso, de José Maria Eça de Queirós. Para entender a devandita similitude, preciso sería aclarar que as biografías destes dous autores son apenas coincidentes. O norteamericano levou unha vida de duro traballo e aventura, urxido pola necesidade, tras a prematura e repentina morte do pai, cando apenas contaba doce anos de idade. Mentres, Eça de Queirós licenciouse na Universidade de Coimbra en 1866 e exerceu toda a súa vida traballos acomodados como avogado e diplomático ficando sempre ligado ás altas esferas sociais do seu país natal. Pregúntome até que punto isto puido condicionar a obra de ambos. En calquera caso, malia a súa contemporaneidade, as posibilidades dunha coincidencia ou dun encontro físico entre eles, que é o que aquí nos interesa, tampouco poden ser moitas. Non desexo aburrir desenrolando as súas biografías respectivas, só sinalar algunhas curiosidades numéricas que os máis aburridos non deberían deixar de ler (o resto xa pode cambiar de parágrafo), pois ambos naceron en novembro, pero con dez anos de diferenza: Twain en 1835 e Eça en 1845. Tamén son dez os anos que median entre o falecemento en 1900 do portugués e en 1910 do norteamericano.

Do entrecruzamento das súas cronoloxías só cómpre destacar unha data, 1865, ano que, dalgún xeito estraño, podería marcalas, pois será entón cando o relato de Twain “A célebre ra saltadora do Condado de Calaveras” acadará unha abraiante popularidade, xusto no mesmo intre no que Eça de Queirós, que se atopa no último ano de carreira, se estrea como escritor coas súas “Notas marxinais”, publicadas no xornal Gazeta de Portugal. Hai, acaso, un par de detalles máis interesantes para a nosa teima especulativa. O primeiro en 1873, pois cando un Twain recentemente casado anda a instalarse na súa nova residencia (o actual museo) en Hartford, Connecticut, Eça, exercendo labores diplomáticos en Cuba, viaxa por Canadá e Estados Unidos. O segundo un pouco despois, en 1880, cando o portugués leva dous anos establecido en Bristol (Reino Unido) e Twain viaxa por todo o mundo, Europa incluida, como conferenciante. Quen sabe se nalgún destes dous casos poideron toparse e falar entre eles.

En fin, non sei. Non sei se chegarían a saber algunha vez o un do outro e, aínda que iso non é de todo improbable, ignoro se haberá forma de pescudalo. A posibilidade dun inopinado encontro físico nalgunha desas dúas ocasións non é de todo descartable. Que nese encontro falasen da súa curiosidade por algún tema literario, por un tema en concreto como o que vemos nestes libros coincidentes, e que iso que os levara, case vinte anos despois, a escribilos e publicalos podería semellar xa máis desatinado. Con todo, xogar con iso tampouco ten nada de malo e non sería a primeira vez que nos adentrariamos nunha fantasía similar.

Malia isto, a factura literaria das dúas obras é ben distinta. José Maria Eça de Queirós publicou o seu Adão e Eva no Paraíso en 1897. Mark Twain dará ao prelo os seus Retallos do diario de Adán en 1893 e a súa continuación, o Diario de Eva, en 1905. Trátase, iso si, en todos os casos de opúsculos moi breves, de lectura áxil. En Adão e Eva no Paraíso, Eça de Queirós cóntanos, cun ton certamente poético e (se cadra) alegórico e cunha linguaxe moi elaborada, a loita desesperada da primeira parella de homínidos que poboaron a Terra pola súa supervivencia “no medio dunha Natureza que, sen cesar e furiosamente, tramaba a súa destrucción”, impóndose aos terribles monstros que os axexan, saurios, pterodáctilos… Tamén ao medo secular que os fará sobreporse por riba das outras especies até reinar sobre elas. Mentres, nos dous libros do norteamericano cóntasenos, co humor que caracteriza a boa parte da súa obra, a historia de Adán e Eva, dous seres que, sen ser conscientes da súa transcendencia sobre a Humanidade, compórtanse coa inxenuidade que moitas veces caracteriza o inicio de toda relación sentimental. Amósanse así os acordos e desacordos que van xurdindo no núcleo da parella, a perda da inocencia por parte de ambos os dous, o seu interminable descubrimento do outro… Iso unido á tarefa, que recae sobre todo nela, de ir nomeando todas aquelas cousas que van descubrindo xuntos ao seu redor. Fronte ao texto de Eça, o de Twain tende a un estilo máis sinxelo, menos retórico, dun humorismo tamén poético, mais dunha mordacidade que, en numerosas ocasións, podería rozar o procaz.

A lectura destes libros resulta, con todo, complementaria e altamente recomendable. O de Eça pode atoparse na colección da portuguesa Quasi Ediçoes. Os dous de Twain foron fermosamente editados hai anos por Edicións Positivas, reproducindo ata no máis miudo os orixinais de Harper & Brothers. Aínda que xa os coñecía, a casualidade tróuxomos ás mans non hai moito, como dixen. Tamén, se cadra, foi a casualidade a que me fixo ler a recente nova dos recortes nos orzamentos da Xunta que fixeron desaparecer este ano as axudas que tradicionalmente se convocaban para a tradución de obras literarias foráneas. Penso que a nova non é nada boa, non é bo sinal para ninguén, nin para os lectores nin para o mundo editorial, pero sobre todo para a lingua. Para facer lingua, para crear lectores dun alto nivel de competencia e esixencia as obras traducidas son tan necesarias como as de produción propia. Se as subvencións permiten editar obras tan cuidadas como estas benvidas sexan. Poder ler, non só clásicos como Twain, senón tamén contemporáneos coma Paul Auster ou Orham Pamuk en galego é un luxo que non deberiamos perder se queremos manter unha lingua forte ancorada ao mesmo tempo tanto na tradición como na modernidade.

mariopaz@avozdevilalba.com

Galibudo 09

Redacción

Vén de celebrarse a VII Convención Internacional de Artes Marciais GALIBUDO-09, na localidade lucense de Villalba, organizado polo mestre Antonio Montes e que contou coa colaboración da Excma. Deputación de Lugo, o Excmo. Concello de Villalba e a Comisión de Festas de San Ramon e Sta. Maria. Na xornada do pasado venres 25 celebrouse a reunión do Circulo Internacional de Amigos das Artes Marciais, organismo que agrupa diversas actividades deste xénero tanto a nivel nacional como internacional, e que esta formada por algúns dos máis prestixiosos mestres. Nesta reunión, entre diversos acordos, chegouse a formalizar o calendario de actividades para o ano 2010 e acordouse outorgar o grao de C.N. 6º DAN de Jiu Jitsu ao mestre Luís Sanchez Casasola (Tarragona) e o C. N. 6º DAN de Kempo Jitsu ao mestre Francisco Fernandez Anaya (Madrid).

Os mestres que impartiron clase en GALIBUDO este ano foron: D. José Luís Isidro Casas (Madrid) C.N. 8º DAN de Kenkido, D. Benjamin Reyes (Madrid) C.N. 6º DAN de Karatedo Seidokai , D. José Manuel Rodriguez Conde (A Coruña) Grao Yudan de Budo Taijitsu e Dona Rosa Maria Domenech Mestre ( A Coruña) grao Yudan de Budo Taijitsu.

Este ano déronse cita 175 practicantes, mestres provintes de toda Galicia, Madrid, Tarragona, Guadalaxara, Murcia, Valencia, Portugal, USA, COREA, etc.

Como clausura de GALIBUDO celebrouse unha clase multidisciplinar coa participación dos seguintes mestres e escolas:
.- D. Francisco Paredes (Santiago Compostela) Tae Kwon -Do Moo Duk Kwan
.- D. Miguel Bordera (A Coruña) Savate
.- D. Francisco Fernandez Anaya (Madrid) Kempo Jitsu
.- D. Luís Sanchez Casasola (Tarragona) Jiu Jitsu
.- D. Jose Casto e Dona Rita Castro (Lisboa) Choson Mu Sul
.- D. Carlos Tavares (Espinho-Portugal) Viet Vo Dao.
.- Escola de Artes Marciais Shaolin Se (Portugal)
.- Alumnos do mestre Antonio Enxoito (Madrid) Nihon Taijitsu
.- Escola de Kimourado de Portugal
.- D. Dario Diaz Castro (Madrid) Defensa Persoal Policial

Ademáis GALIBUDO homenaxeou ao mestre Antonio Enjuto pola súa extensa traxectoria nas Artes Marciais.

Scandal actúan o 1 de outubro no Clavicémbalo

Redacción

O grupo galego Scandal vai presentar o seu último disco "Time for Heroes", recén saído da factoría Sterling Sound de Nueva York da man de Steve Fallone (The Strokes, Yo la tengo...) o vindeiro día 1 de outubro no mítico clube Clavicémbalo de Lugo ás 22:30 horas. A entrada ao evento será de catro euros.

Co gallo de dita presentación mantivemos unha conversa con dous dos integrantes da banda, a vocalista Sandra Candal e o guitarrista Luis Quintana. Estas son algunhas das cousas das que falamos.

Como xurdiu o novo disco e o a opción de remezclalo nos Estados Unidos?
Luís: “Time for heroes”, o noso 2.º LP foi gravado nos, recentemente estreados, estudos Visue, en Suevos, Arteixo. Ía xa para catro anos que non entrabamos nun estudo e tiñamos moitas ganas de plasmar todos aqueles temas que levabamos tocando nese tempo. O de masterizarlo en Nova York foi unha oportunidade que se presentou por casualidade. É o que ten Internet. Agora xa non hai límites para poder traballar cos mellores... nin cos peores... (Risas)

Levades xa oito anos tocando, como foron os comezos de Scandal?
Sandra: Alá polo 2002, Luís Quintana propúxome gravar uns cantos temas e coa axuda de Xosé Bonham (de estudos Bonham n’A coruña). Así naceu o noso primeiro LP “Famous after death”. O disco gustou moito e vímonos obrigados a buscar xente para presentar os temas en directo.
Luís: Cómpre engadir que as nosas influencias son variadas. A ningún de nós gústalle o mesmo tipo de música, o que dá lugar a unha estraña fusión de estilos á hora de compor.

É moi difícil para un grupo galego abrirse camiño en inglés aquí ou no mercado internacional?
Sandra: Ben, a verdade é que no noso caso, pouco nos importa que os temas sexan nun idioma ou outro. De momento temos temas en castelán, en inglés e en francés. Pero quizais veñan máis temas noutros idiomas... (Risas). Cada canción “pide” unha lingua... Non o facemos con miras a abrirnos a un mercado ou a outro...

Como vedes o momento actual da industria? Credes que a crise pode afectarlle?
Sandra: Tentamos ser realistas. Agora mesmo a situación pinta realmente moi mal e é moi difícil destacar dentro do feixe de bandas que existen independentemente da crise que haxa. De todos os xeitos, hai que indicar que nós nos adaptamos á crise: “Time for heroes”, composto de 12 temas, só custa 6 euros.
Luís: A 50 céntimos o tema... (Risas)

Por que deberían os fans (e non fans) comprar este disco?
Sandra: Porque se trata de cancións moi especiais, cun estilo distinto. Unha chiscadela de aire fresco no panorama musical actual.

Que pensades das descargas en Internet? Credes que afectan máis aos grupos ou ao mundo da industria discográfica?
Sandra: Está claro que para bandas como a nosas Internet é de moita axuda para a promoción da nosa música...

En oito anos que levades tocando tiveron que ocorrer moitas cousas, que destacaríades (algunha anécdota, por exemplo)?
Luís: Unha vez despistámonos polas estradas de Ourense, buscando a sala do concerto. Iamos separados en dous vehículos e cada un perdeuse polo seu lado. O dono da sala tivo que vir buscarnos e, ao final, montamos e probamos en 15 minutos. Coido que os técnicos non daban creto...

Dixéronnos que tedes un directo moi potente e que se nota que disfrutades moito sobre o escenario. Hai algo comparable a tocar en directo?
Luís: O sexo en grupo (Risas).

Cales son os plans para o futuro de Scandal como banda?
Sandra: Agora mesmo estamos en plena xira galega. Despois da nosa actuación en Lugo, no Clavicémbalo, aínda estaremos en Vigo, en Ferrol, en Coruña e en Laracha. Probablemente a principios do 2010 empecemos con máis bolos a nivel nacional e a ver que pasa.


Pódese escoitar un adianto dalgún dos 12 temas que o compoñen en www.scandalband.com. Trátase de Pop-rock fresco e enerxético "made in Galicia". Avalados por oito anos de traxectoria. Seleccionados por Nsaio non Camiño (Ruta Xacobea) 2009. (www.nsaio.org). Máis información sobre a banda;
www.scandalband.com. Descargas de música, fotos e dossier; . Contacto: skandal00@yahoo.es ; 692956878

29 de set. de 2009

Protocolo Innova-te

Redacción
Na provincia de Lugo, o 25,9% dos Concellos que dispoñen de páxina web oficial, o dominio non pertence a eles, senón a particulares. Asimesmo, o 92,2% das webs municipais incumpren a lexislación sobre protección de datos respecto á solicitude de información de carácter persoal e só o 6,5% dispoñen de sistemas de participación cidadá: envío de consultas, queixas, suxerencias, etc. Por iso, o Presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro, asinou este luns en Santiago o protocolo de colaboración para o desenvolvemento da e-Administración en Galicia xunto cos Presidentes das Deputacións da Coruña, Salvador Fernández Moreda, Ourense, José Luis Baltar e Pontevedra, Rafael Louzán; da FEGAMP, Carlos Fernández e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

O protocolo compromete ós asinantes a intercambiar información precisa no que atinxe á administración electrónica no ámbito económico, e a establecer unha colaboración permanente para coordinar actuacións e aforrar recursos. O máximo responsable da institución luguesa incidiu en que “deste protocolo teñen que saír resultados palpalbes” e ofreceu a súa colaboración leal e construtiva.

Gómez Besteiro apuntou que “os veciños do rural xa non piden estradas senón cobertura de móbil, de Internet e da TDT”. Esta situación aínda é máis preocupante no interior de Galicia, onde afecta especialmente a dispersión, unha orografía que dificulta as comunicacións e unha poboación avellentada.

O Presidente provincial destacou, ademais, un dato eco-tecnolóxico: “na provincia de Lugo menos do 40% das 22.000 empresas que non superan os 100 asalariados ten acceso a Internet, fronte á media nacional que se sitúa no 92,34%”. “Á marxe deste convenio de colaboración, a Deputación de Lugo está xa inmersa na implantación da e-Administración e na creación de emprego a través das novas tecnoloxías cun ambicioso programa que conta co aval e respaldo da Unión Europea e que conseguimos grazas ó Goberno de España. Trátase do Innova-TE, un dos nosos retos, que vén acompañado de 9 millóns de euros -é dicir, preto de 1.500 millóns das antigas pesetas- e que beneficiará a 261.323 habitantes”.

Segundo subliñou, “o Innova-TE non só será clave para a provincia Lugo; poñémolo á disposición das outras Deputacións e da Xunta de Galicia”. Este programa naceu coa finalidade de crear emprego e garantir a implantación das novas tecnoloxías tanto nos Concellos como na propia Deputación. Contempla a implantación da Administración Electrónica tanto no organismo provincial como nas Entidades Locais, de equipamentos informáticos en toda a provincia, conectividade inalámbrica nas dependencias municipais, sinatura electrónica nos Concellos, realización de pagos e transacións e consultas persoais a través da rede etc.

Mostra itinerante Galicia Dixital


Redacción

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta inaugurou onte en Ortigueira a mostra itinerante Galicia Dixital coa que pretende achegar a todos os visitantes o audiovisual e o multimedia realizado en Galicia, así como servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais. Felicitas Rodríguez González, en nome da Secretaría Xeral de Medios, resaltou o traballo desenvolvido polas universidades e empresas galegas responsables dos contidos da exposición e salientou, como novidade, que nesta nova tempada a mostra visitará centros da terceira idade e hospitais dos concellos que a acollan.

O visitante mergúllase nun mundo dixital a través de proxeccións e xogos en tres dimensións como por exemplo as “Cidades do Camiño”, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada usuario pode realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades por onde discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.

“Aerodeslizadores por Compostela” é un xogo que consiste nun descenso pola zona histórica dunha cidade galega virtual, nun futurista “aerodeslizador”. Nesta carreira enfróntanse dous xogadores subidos nos seus correspondentes “aerodeslizadores”. Cada xogador moverá a súa táboa mirando ás opcións correspondentes para alcanzar a máxima velocidade e así gañar a carreira.

“Axóuxere” é un canciño robotizado que fala galego e interactúa coa xente. En modo automático o can atende a comandos de voz para que xogue coa súa pelota. E así ata oito contidos diferentes que permiten ao visitante gozar dunha experiencia nova e divertida. Outros seis contidos máis completan a exposición que estará en Ortigueira ata o vindeiro 3 de outubro, en horario de 10 a 14 h. e de 17 a 21 horas. A entrada é de balde e para todos os públicos.

Xornada sobre Xohana Torres no CCG

Redacción

Unha sesión de estudio e debate sobre a significación literaria e cultural de Xohana Torres desenvolveráse no salón de actos do CCG o 29 de outubro entre as 10 e as 20 horas, Intervirán: Ramón Villares, María Xosé Agra, Dolores Vilavedra, Iolanda Ogando, Olga Novo, Montse Pena Presas, Helena González, Mariam Mariño, Laura Pérez Landeira, Xoán Bernárdez Vilar e Ana Romaní. Recitarán: María Xosé Queizán,Chus Pato, Lupe Gómez e María do Cebreiro, presentadas por Lara Rozados. Organiza a Comisión de Igualdade do CCG en colaboración co Centre “Dona i Literatura” da Universidade de Barcelona.

28 de set. de 2009

Terceira mesa da Axenda 21 de Guitiriz

Redacción

O Concello de Guitiriz está a promover a participación cidadá no proceso de elaboración da Axenda 21 Local a través da organización de mesas de traballo nas que se convocan aos principais axentes representativos do municipio. As devanditas mesas teñen por obxecto contribuír no proceso de creación dun concello que sexa exemplo de crecemento económico e social á vez que un modelo de respecto e protección do medio ambiente.

Por este motivo, Guitiriz porá en marcha mañá 29 de setembro ás 20 horas no Salón de Plenos do Concello a terceira mesa de participación cidadá á que asistirán responsables dos distintos partidos políticos, representantes de asociacións, empresarios, técnicos municipais e poboación en xeral.

A devandita mesa terá como obxectivos principais: avaliar o proceso e o estado actual da Axenda 21 do Núcleo de Sostibilidade de Guitiriz e presentar e discutir o Plan de Acción municipal; un documento no que se integran os proxectos a levar a cabo no concello para acadar, a medio-longo prazo, o desenvolvemento sostible local. Ademais, presentaráse o Plan de Seguimento e o Cadro de Indicadores, e elaboraránse pautas e recomendacións para conseguir un proceso participación cidadá consensuado e con continuidade no tempo.

Revista de prensa: EL CORREO GALLEGO

A supresión das seleccións galegas

Antonio Cendán Fraga


Evidentemente non é este o asunto de maior relevo da actualidade galega nin se vai paralizar o país por isto, pero o anunción feito polo Secretario Xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete, non deixa de ser preocupante se detrás de todo isto hai unha transcendencia política como ao parecer así o puidemos deducir. No actual PP hai un grupo minoritario antigalego, pero que ten moita forza, e ve en todas as iniciativas tomadas anteriormente, incluso por Gobernos de Fraga Iribarne, coma unha afronta que vai contra a unidade territorial do Estado español e os seus valores eternos. Resúltame difícil de crer que Lete Lasa fose o propulsor desta medida por ser un home honrado e coñecedor a fondo do mundo deportivo. Baste lembrar que foi el quen impulsou a Liga galega de Traíñas e lle deu un grande pulo ao deporte de discapacitados. Pero o que xa non ten creto ningún é a falta de fondos económicos e ampararse na crise para deixar de apoiar os partidos que xogaba a selección galega de fútbol.


A Xunta que preside Núñez Feijóo apoiou o deporte privado con patrocinios baixo unha marca de todos coñecida. Do mesmo xeito, tamén debemos recibir explicacións das achegas públicas a xornadas para fomentar o castelán de Galicia Bilingüe e a sinatura de convenios de colaboración coa Universidade Católica de Salamanca, próxima á perigosísima seita do Opus Dei. Isto último ratificado polo Instituto Alemán de Axuda ao Sectario. Aí tiráronse moitos cartos de todos os galegos e a crise parece que non lle afectou para nada ao establecemento deses concertos, alleos a Galicia e totalmente impopulares.


Agora ben, considero que é unha burla a un país enteiro poñer a escusa de falta de cartos e o desinterese dos clubs por un partido de fútbol, que no caso dos xogadores de alto nivel non suporá nada. Sen embargo, para quen era verdadeiramente importante é para as mozas galegas que xogan ao fútbol. Coa supresión dese evento, a elas, que son as máis prexudicadas, quítanselles eses instantes de gloria que unha vez ao ano lles concedía a afección galega.


Para rematar, con ese partido non se cuestionaba a unidade de España nin era unha apoloxía do separatismo. A el acudía xente que nada tiña que ver coa política nin con ningún partido, agás co de fútbol. A meirande parte dos seareiros que ían ver a selección galega facíano coa intención de divertirse e pasalo ben, unha das funcións do deporte. A súa supresión non é un atentado contra as esencias de Galicia, pero si ao sentido do humor.

Clausura do X Congreso Internacional de Semiótica

Redacción

Onte rematou n'A Coruña a décima edición do Congreso de Semiótica que se viña celebrando desde o pasado día 22. O evento contou coa presenza de 2.500 asistentes, así como dun centenar de intelectuais e semiólogos de talla internacional e unha decena de figuras de primeirísimo nivel nesta especialidade científica procedentes de mais de 60 países. Ademáis, como estrela invitada na edición deste ano estivo o escritor anglo-indio Salman Rushdie.

Este importante congreso conmemorou o 40 aniversario da fundación da International Association for Semiotic Studies/Association Internationale de Sémiotique (IASS/AIS),fundada en París por Roman Jakobson, André Martinet, Roland Barthes, Algirdas Julien Greimas e Umberto Eco, entre outros, en 1969. Ademais, a cidade da Coruña convertiuse no gran foro mundial no só da Semiótica, senón tamén da Comunicación e da Cultura.

A conmemoración deste feito enriqueceu o congreso deste ano no que A Coruña convertiuse no gran foro mundial da semiótica, comunicación e cultura. Para acoller toda esta afluencia de persoal, o congreso desenrolouse en dúas facultades veciñas no Campus de Elviña, a Facultade de Socioloxía e a Facultade de Dereito.


Pódese visitar a web do evento picando aquí.

27 de set. de 2009

O río que nos leva

Xosé Manuel Pacho

Polo río que nos leva sigo afondando no universo Bolaño, e fico cada vez máis engaiolado por 2666, a verdade é que é unha obra xenial e toda unha aprendizaxe sobre a creación. Vou volver ler Moby Dick para estudar a súa construción narrativa, lémbrame a iso.

O amigo Rubén apuntou un detalle tremendamente interesante para a creación: a visión que ten o lector é de atrás para adiante. Porén, o creador non ten porque construir a historia de atrás para adiante, pode mesmo facelo ao revés. Semella unha obviedade porque segundo el, eu fágoo así, pero non tiña conciencia. Noutras palabras, dinme que un amigo meu foi afillado de Benedetti, porque os pais emigraran alí, e coñecéronse por un irmán del fixeron boas migas e iso, padriño-afillado.

A historia dun home que se vai da Galiza por necesidade e porque quería casar cunha prima carnal, de xeito que se foron xuntos e casáronse en Uruguay e tivo que escapar a Venezuela durante a ditadura e fíxose amigo de Benedetti, e coñeceu a H. Chavez cando tiña 20 anos en Venezuela porque eran veciños. Casáronse polo civil e volveron pero como era o ano 74, só se recoñecían os matrimonios relixiosos... Unha historia increíbel. Contada así vai por camiños descoñecidos salvo para o que a conta que sabe moi ben por onde vai ir.

Así Bolaño vai levando ao lector por camiños que semellan alonxados e que converxen de xeito xenial. Que grande romancista.

Entrementres cae outra Constitución a de Sri Lanka e cánsome de traducir do inglés para aprender que se fan as cousas ben en calquera lugar do mundo. Crúzase o despacho e as súas grandes miúdezas e o traballo sobre Vicente Risco e as Vangardas que xa me está levando máis tempo do debido. Pero é que Risco é tan interesante.

Haberá a día de hoxe no noso universo cultural algún Risco, algún Castelao? Rosalías xa se sabe que non aínda que a moitas tentan parecelo. Fáltalles a esencia, o desacougo, a instalación cultural, a humildade de saberse como Kafka, como o propio bolaño, insignificantes. Se cadra hai algunha Rosalía agochada. O futuro haberá de descubrila, o futuro que nos leva...

Imaxe: MXM

26 de set. de 2009

Cabozo.com estrea nova versión

Redacción

Dende o pasado 11 de setembro, a rede social galega Cabozo.com, creada polo viveirense Antonio Mariño coa colaboración do tamén viveirense Ánxel Folgueira, pon a disposición dos internautas galegos unha nova versión da popular rede social.

A principal novidade desta nova versión é o redeseño total da estrutura da Web para dotar a Cabozo dunha nova interface, máis intuitiva e ordenada, ademais de achegar novas ferramentas e utilidades aos seus usuarios.

Esta nova versión entrou en funcionamento o mesmo día no que, a cada día máis popular rede social galega, superaba os 1.100 usuarios rexistrados nos pouco máis de 7 meses que leva a disposición dos internautas.

Grazas ás numerosas achegas, suxestións e consellos recibidos por moitos dos usuarios rexistrados na Web podemos dicir que esta rede galega é, a día de hoxe, capaz de competir coas \\\"grandes\\\" Facebook, Tuenti, Twitter, etc. co valor engadido de ser unha rede social galega, creada por galegos e, como non, integramente redactada en galego.


PRINCIPAIS NOVIDADES DESTA NOVA VERSIÓN:
- Redeseño por completo da estrutura principal da Web para facilitar o uso e desfrute das moitas e novas utilidades que ofrece aos seus usuarios.
- Acceso directo ao noso espazo persoal (Taboleiro) dende o cal poderemos acceder, a través dun sinxelo e cómodo menú de pestanas, ás principais ferramentas de Cabozo.
- Agora, para facilitar o manexo da Web, o primeiro que verán os novos usuarios ao entrar en Cabozo serán dous video titoriais onde se explica, de forma xeral, o funcionamento da Web.
- Cabozadas: Novo servizo de micro-blogging (mensaxes curtas de non máis de 140 carácteres) onde poderemos manter conversacións ao mesmo tempo con todos os usuarios da Web en tempo real. Unha das novidades mellor acollidas polos usuarios de Cabozo.
- Lox: Novo sistema de avisos automáticos para estar ao tanto de todo o que sucede na Web e das actualizacións dos usuarios que seguimos.
- Novas: Novo servizo onde poderemos ver as noticias dos principais medios de comunicación galegos e non galegos. Ademais engádese unha ferramenta a través da cal se poden contrastar estas noticias co publicado noutros medios de comunicación. Estas noticias poderán ser enviadas sen saír de Cabozo a Chuza.org.
- Agora tamén podes coñecer o tempo que vai facer na túa localidade sen saír de Cabozo.
- Notas: novo espazo persoal onde gardar as nosas anotacións persoais de forma privada.
- Coa nova versión ofrécese a posibilidade de conectarse a través de Cabozo á Web galega Lareta.net (Microbloguexo dende Galiza).
- Novo perfil de usuario que introduce unha ferramenta que nos avisa daqueles usuarios con gustos similares aos nosos. Ademais facilítase o código para enlazar ao noso perfil en Cabozo dende outras Webs, Blogs, Foros, etc.
- Posibilidade de crear álbums persoais públicos ou privados.
- Posibilidade de enviar convites dende Cabozo a aqueles colegas que aínda non son usuarios da Web.
- Nova ferramenta para buscar usuarios na Web.
- Ranking dos usuarios de Cabozo máis activos.
- Usuario do mes (entrevista incluída)
- Xogos. Agora en Cabozo poderás xogar a algúns dos xogos máis populares como o Tetris, Solitario, Xadrez, Conecta 4, Bomb Jack, Bouncing Balls, Sudoku, Damas, Black Jack, Pang, Mini Golf ou Snow Trouble.
- Novo reprodutor dos videos de YouTube subidos aos distintos grupos e posibilidade de descarga directa destes.

Ademais de todas estas novidades os usuarios poderán seguir gozando de todas as posibilidades que xa ofrecía Cabozo.com antes desta nova versión como a creación de grupos públicos ou privados, unirse aos máis de 100 grupos xa existentes na Web e demais.


Se queren coñecer con máis detalle as melloras achegadas nesta nova versión e poder ver algunhas capturas (imaxes) destas, pique sobre este enlace:
http://www.cabozo.com/respostasext.php?grupo=TopCabozo&id=49

Pique sobre o noso enderezo Web e empeze a gozar da nova dimensión de Cabozo.com!!!




25 de set. de 2009

Multiusos Oddity

Moncho Paz

Antes de ser pai, o mes de setembro estaba asociado ás vacacións na lonxanía, á necesaria escapada para renovarse, ao punto final do verán. Agora significa o retorno ao traballo, con depresión post-vacacional incluida, e tamén a volta ao cole dos raparigos, que teñen que facer un esforzo para recuperar a rutina do curso académico e atoparse de novo cos seus compañeiros. E aos pais tócanos afrontar unha importante partida de gastos derivada do regreso ás aulas, que este ano viuse incrementada polo confusionismo xerado pola Consellería de Educación, coa supresión da gratuidade universal dos libros de texto, e a polémica informativa da ministra Jiménez sobre os protocolos de actuación coa gripe A. Con todo isto non podo evitar sentirme coma Tom, aquel astronauta deprimido de Space Oddity, a famosa canción que compuxo David Bowie hai corenta anos, mentres o home pisaba a lúa e eu estaba a piques de chegar a este mundo.

Ao marxe do retorno á actividade escolar, setembro é tamén o mes da planificación: actividades extraescolares para os fillos e promesas de rachar co sedentarismo para os pais. Unha data chea de boas intencións, como acontece con xaneiro e os plantexamentos de todos os anos. A estas alturas da miña vida, xa non teño moitas dúbidas sobre o predecibles que somos os seres humanos. Cóntolles todo isto para que entendan unha situación que me aconteceu esta semana en Compostela e que me fixo matinar se estou no século XXI, sigo ancorado no XX ou, polo meu idealismo, merezo pertencer ao XIX.

A partir das oito da mañá do martes abríase o proceso de inscrición nos cursos de natación que cada ano se imparten nas piscinas do Multiusos Fontes do Sar da nosa cidade. A véspera dirixínme a solicitar a información pertinente e os impresos, tanto para adultos como para nenos. A primeira sorpresa leveina cando me aconsellaron que fixese acto de presenza alomenos cunha hora de antelación –o día dos adultos– e “bastante antes” o día dos rapaces. Como en anos anteriores intentara sen éxito inscribirme por Internet –a páxina quedaba colapsada con bastante frecuencia- armeime de valor e deiteime unha miguiña antes do previsto para facilitar o madrugón. O primeiro día da cola decidín ir acompañado de El gaucho insufrible, colección de relatos de Roberto Bolaño, para facer máis curta a espera.

A fila de interesados en mellorar a nosa técnica de natación a baixo prezo era longa, igual que a espera, e lembroume a vinte anos atráis, cando se produxo a caída do muro de Berlín e tiven que viaxar a Cuba cun grupo de xornalistas para ver como afectaba este feito histórico aos habitantes da illa caribeña; estando en La Habana unha tarde de moita calor, decidimos mercar un xelado na famosa Copelia. Estivemos agardando dúas horas para degustar o sorbete, nunca cola de persoas que daba medo, con curvas e todo. Situacións surrealistas que nos depara a vida, pero das que podemos aprender algo: non sei se repetirei a experiencia.

24 de set. de 2009

Fracaso na diagnose

Antón Baamonde

Semella evidente -salvo que Deus ou un xiro do tempo o remedien- que o galego tenderá a empequenecerse, a converterse nunha sorte de patois do castelán, a ter usos sociais cada vez máis restrinxidos e a ser falado por unha porcentaxe de poboación máis minoritaria.

É unha tendencia de fondo que de ningún modo se reduce á política de liquidación do galego actualmente en curso, nin tan sequera á política en xeral. Un pode razoar que o goberno galego realmente nunca puxo en práctica unha política ambiciosa -ou simplemente unha política- de normalización lingüística, ou incidir no pacovazquismo lingüístico que tanto dano fixo ou pode afirmar, con Xosé Manuel Sarille, que tampouco fixeron reais políticas de normalización os concellos de maioría nacionalista… As posibilidades que se ofrecen nesa dirección son múltiples pero, en todo caso, conducen a un punto: a constatar o aparente fracaso da política -tamén da política de oposición ás políticas oficiais- para mudar esa corrente.

Parte do fracaso ten que ver coa propia importancia conferida ao aspecto legal, con evidente desprezo dos procesos sociais. Hai un fracaso na diagnose do fenómeno que se corresponde co fracaso dos medios para evitar que se reproduza.

En particular, formulado como pregunta: como pode evitarse a defección da clase media urbana -a que o é, a que cre selo e a que quere selo- do uso do galego? Responder a este pregunta abriría, polo menos, un sentido do desexable e do factible.

Cartas a Anton

Bernardo García Cendán

Lugo, 18 setembro do 2009

Meu amigo Antón:

Xa ves, meu petrucio, todo volve: os nenos á escola e nós ás nosas cartas. Unha nova xeira que eu non agardaba porque, aló polo mes de xullo, dixéchesme de xeito imperativo que non estabas disposto a seguir sendo o destinatario destas cartas. E, claro, sen a túa colaboración, non me pagaba a pena seguir. Os teus motivos para tal decisión resultábanme moi comprensibles e, por iso, non perdín un minuto en tratar de te convencer. Eu ben sabía que ti andabas coa mosca tras da orella porque sospeitabas, con razón, que máis dun dos teus veciños xa descubriran a túa identidade, e ti non queres de ningún xeito mostrar en público a túa faciana retranqueira. Es deses que arrebolan a pedra pero esconde a man. Sempre pasaches por ser home de orde, moi fiable para os que mandan, un xanciño disciplinado.

Non hai moitos días, un mestre que nos honra coa súa amizade comentábanos que moitos pais de alumnos, presuntos votantes peperos, cansáronse de rosmar polo baixo por teren que pagar os libros de texto, pero de ningún xeito quixeron manifestar publicamente as súas queixas. Ti non fixeches ningún comentario, de xeito que o amigo mestre olloume maliciosamente mentres me comentaba con disimulo: este é dos que gobernan, non?. Non, respondín, pero non quere que se lle note. Expliqueille que ti es dos que votan a quen lles peta, ou a ninguén, pero tes moito siso para o disimulo e para que non se che pechen as portas do concello, non vaia ser que perdas supostos privilexios. Aínda non hai tantos meses que che botaron chapapote no teu curral e puxéronche un punto de luz na porta da casa, cousa que, polo visto, non lles fan aos que non son da súa corda.

E tampouco é que sexas moi revoltoso, non. Eu sei moi ben de que pé coxeas e que, aínda sendo conservador, non gustas de comulgar con rodas de muíño, pero a xente pensa que o fas. O cura da túa parroquia, ignorando ser ti o receptor das miñas cartas, dicíame estoutro día que non eras un beato, pero si un home de fiar en cuestións parroquiais, e eu ríame polo baixo porque sei moi ben que non es precisamente dos máis adictos. Es un túzaro retranqueiro, un suíña, que sabe quedar moi ben: do pouco que atendes na prédica sempre has sacar unha frase ou dúas que che permita o comentario irónico coa xente da túa confianza. E o cura, pobre, confiando nos teus eloxios.

En fin, o caso é que, segundo me dixeches, non querías máis cartas porque colliches medo de que descubriran a realidade do teu xogo. Así que eu xa non pensaba proseguir esta correspondencia. Pero aconteceu algo inesperado. Foi na terraza do Peón o día de San Ramón, en plena festa. Achegóusenos unha rapaciña que eu xa non recoñecía, porque hai moito tempo que falta da vila e anda por Andalucía. Ti tampouco sabías dela nin ela reparou en quen sería aquel home revellido que estaba na miña compaña. O caso é que esa moza, chamada Maripili, contounos, en perfecto galego, que aló en Málaga non deixaba de ler por Internet as nosas cartas, e díxonos que as agradecía. Eu tamén lle agradecín tanto a deferencia de que nos lera como que o fixera tan gustosamente na nosa lingua, pero a miña principal sorpresa deste encontro foi que, de súpeto, ti, Antón, mudaches de opinión e manifestáchesme o desexo de continuar co mesmo xogo de carteo, por máis que puideras ser descuberto. O teu razoamento era que se alguén, estando tan lonxe, chegaba a saber cousas da vila grazas a nós, ben pagaba a pena seguirmos co asunto. Eu ben entendín que o que ti queres é que alguén dea a coñecer as túas teimas sen que se saiba que son túas. E aquí estamos: ti es a gorxa profunda e eu conformareime con ser a boca de ganso.

E de que imos falar neste primeiro día, pregunteiche onte mesmo. E ti, copiando aos vellos Tip y Coll, respondiches axiña: falaremos do goberno. Do goberno municipal, entendín eu, porque ben sabía que andabas alporizado polos xeitos autoritarios que, segundo me explicaches, empregou o alcalde para desfacer uns xardíns ao carón dunhas vivendas en Guadalupe. Eu non sei o que houbo, pero teño constancia de que o noso gobernante prometeulle solemnemente á Virxe dos Remedios en Mondoñedo que promovería o diálogo, e penso eu que non temos por que desconfiar das súas promesas, non cres?

En resumo, ti animácheste a seguir con esta leria e eu non ousei negar a nosa participación á simpatía de Carme, a rapaciña da emisora que promoveu esta correspondencia entre nó-los dous.

E, para comezar, xa vai dabondo. Cóidate e que Deus nos dea saúde e humor. Humor tamén e saúde para quen nos lea. Unha aperta

Bernardo

23 de set. de 2009

A Academia de Vilalba


Xulio Xiz

Sinto non terme enterado previamente de que alumnos da antiga “Academia Santa María” se ían reunir nun xantar e logo facer unha foto diante da casona que foi sede da Academia, porque me houbese gustado asistir.

Levo dito e escrito varias veces que cumpría facer unha xuntanza de antigos alumnos desta meritoria academia, para vernos as caras medio século despois e ver como a traxectoria de cada quen se veu influída polo papel que a Academia tivo na nosa formación.

Eu polo menos sempre acreditarei o meu agradecemento e devoción por aquela iniciativa que conseguiu para Vilalba unha formación imprescindible, e conseguíu que – a falta dun instituto naqueles anos cincuenta e sesenta- os rapaces e rapaces de Vilalba puidesemos estudiar desde a casa e virnos examinar a Lugo como alaumnos libres nunhas condicións de formación excelentes.

Nos Institutos lucenses, os estudiantes de vilalbeses tiñamos sona de moi ben preparados. E dos que a Lugo acudiamos, de toda a provincia os mellores segundo se comentaba eramos os da Academia Muinelo de Taboada, o Colexio da Asunción de Sarria, e os da Academia de Vilalba.

A Academia que eu lembro – do ano cincuenta e sete ó sesenta e catro – estaba dirixida por don Adolfo Pato Bernárdez, ferrolano, párroco vilalbés, que ademáis daba clase de relixión. Estaban Dona Carmen Peña, que daba Física e Química. Don Antonio Eimil, que me deu Agricultura e non lembro que outras asignaturas. Don Francisco, para historia e xeografía. Don Daniel Ferreiro, con lengua, francés, e non sei cantas cousas máis, para min o mellor que lembro. Dona Chari, a súa muller, coido que a única supervivinte daquel electo formativo. E Don Cándido Cascudo, que moi axiña se veu dar clase ó Instituto de Lugo. A todos os menciono co “Don”, porque así están na miña lembranza. Daquela o ensino era cousa seria, e así era entendido por todos.

E estaba o Paz, Antonio Paz Cabo, que era o bedel pero tamén controlador de presencias e comportamentos, alimentación dunha calefacción imposible que contaba cunha estufa no piso e unha lareira no baixo, sempre no inverno acesas con leña partida polo Paz na mesma academia.

Por alí pasamos os vilalbeses que hoxe pasen do medio século, que non tiñamos posibles para ir máis lonxe a estudiar. Por eso, ten que haber por Vilalba ou por fóra, coma min, alomenos un par de centos de antigos alumnos cos que sempre será xeitoso poder falar aínda que só sexa para comprobar que a nosa memoria segue a estar viva.

Eu agardo que esas xuntanzas de antigos alumnos da Academia sigan a celebrarse con periodicidade anual, e nos dean oportunidade a outros de incorporarnos para ir incrementando o número de asistentes. Que coido temos moito do que falar, moito que lembrar e moitas cousas que poñer ó día.

En fin, que moi ben eso de xuntarse os antigos membros de calquera colectividade, que os lazos que se establecen nas primeiras idades son os máis duradeiros, e asoman con calquera motivo aínda que pensemos que están soterrados por milleiros de acontecementos.

Se volve a celebrarse e me avisan con tempo, asistirei moi gostoso para ver e falar cos antigos compañeiros da meritoria e histórica Academia vilalbesa de Santa María.

Humor

II Ruta por Galicia adiante

Redacción

O Instituto de Estudios Chairegos organiza para o vindeiro domingo, día 27 de setembro, a II Ruta “Por Galicia adiante - Andando a Terra”: Praia do Trece-Cabo Vilán, na comarca de Camariñas.

As persoas que participen nesta II RUTA, poderán contemplar as fermosas paisaxes que ofrece esta zona da Costa da Morte.

A saída do autobús hacia Camariñas, realizarase dende as inmediacións da Casa da Cultura, e está programada para as 8.30 horas do domingo 27 de setembro.

A comida realizarase nun restaurante da zona.

O custo por participante fixouse en 25 €, para os/as socios/as do IESCHA, e 35 € para os non socios (inclúe comida e autobús). Os nenos e nenas menores de 16 anos pagarán 5 €.

As persoas interesadas en participar ou informarse da Ruta poderán facelo nos teléfonos: 639-246459 // 651-361628, ou comunicalo directamente a calquera membro da Xunta Directiva.




Pica nas imaxes para ver a descripción da actividade



Comezamos a andar: Obxectivo 2013

Fermín Bouza

O 17 de Outubro, e no Teatro Principal de Santiago, xentes da cultura e da política, dos sindicatos e de diversa representación, botarán a andar un camiño de plena recuperación do galego, a nosa lingua propia que nos foron subtraendo, limitando, dezmando, debilitando. É un camiño transpolítico, o camiño de todos e de ninguén, o camiño do encontro cara ás grandes maiorías sociais que están ou volverán estar na nosa lingua. Desde o interior dun pesadelo que pretende acabar con ela, entre outros acabamentos, o acto do 17 de Outubro, de contido non partidario, pero político no máis profundo e cívico sentido da palabra, é un punto de inflexión e de arranque. Aí cabe todo o mundo, pero penso agora, sobre todo, os que o un de marzo non foron a votar: eles deben ser a imaxe da nova conciencia colectiva e integradora cara á que camiñamos e na que nos imos atopar todos cara a un proxecto común de dignidade e progreso sen renunciar ao que somos como país, á nosa lingua, ás nosas costas, á nosa integridade básica xeográfica e cultural. Desde esa nova conciencia, haberá que pedir aos partidos políticos unha dose aínda maior de sentido común e de acción necesaria e eficiente ao servizo do país.

22 de set. de 2009

Centenario da "Unión Villalbesa y su comarca"

Redacción

Segundo informa o xornal dixital Galicia en el Mundo, a través do seu correspondente n´A Habana, Feliberto Carrié, os socios da "Unión Villalbesa y su comarca" reuníronse no Pazo do Centro Galego nunha comida para conmemorar o primeiro centenario da sociedade, creada en agosto de 1909.

Os asistentes, tanto persoas orixinarias da nosa bisbarra como descendentes nados en Cuba, foron na súa maioría persoas de avanzada idade e, dada a precaria situación económica da asociación, aportaron cada un as viandas precisas para a celebración.

Carlos Purriños, presidente da Unión, salientou a necesidade de conseguir novos asociados para mantela con actividade.

Durante o acto entregáronse diplomas de honra a Maria B. Prieto, Juan A. Águila, Manuel Soto, Antonio Tenreiro, María Mora, Rosa González, Ana Río, Manuel Curbelo, Félix Artola, Lidia López, Francisco López, María Paradela, María Ferrara, Emelina Hernández e Clara López.

A cidade dos ananos


Moncho Paz

O recente nomeamento da nova xerente da Cidade da Cultura (CdC), Silvia Domínguez, inaugura a terceira entrega dun culebrón en prime time que xa leva dez anos na voráxine da polémica. Algúns concellos sempre criticaron este proxecto por consideralo unha obra faraónica e un malgasto atribuído a un desexo persoal do Goberno Fraga. Porén, dende o Concello de Santiago –gobernado por socialistas e nacionalistas– apoiouse a iniciativa ante os efectos positivos que supostamente tería para a capital galega.

De feito, a fase inicial das obras reportou millóns de euros en licenzas municipais e imposto de construción. A comezos de 2000, o entón conselleiro Pérez Varela referíase ao proxecto nestes termos: “O Guggenheim é un edificio fenomenal, do século pasado, e a CdC é o primeiro do novo século e milenio que vai haber en Europa, coa sinatura dun arquitecto co prestixio de Eisenman, e iso é grande para Galicia. Durante catro ou cinco anos vai ser o edificio máis emblemático do mundo”. Xa pasou ese tempo a segue a indefinición; a grande diferenza é que o Museo Guggenheim de Bilbao é un exemplo de investimento público rendabilizado, mentres o complexo do Monte Gaiás navega nunha tempestade de incertidume e de gastos desproporcionados. Unha situación que alguén debería explicar con detalle nestes tempos de crise.

Aínda que o proxecto incluía novas ofertas culturais –biblioteca, hemeroteca, museo da historia e das comunicacións– o certo é que se duplicaban algúns servizos, como o novo auditorio e o pazo da ópera. Dende o Goberno Fraga sempre se rebatiron estas críticas co argumento de que o fin último que inspiraba a CdC era facer de Compostela “unha cidade única que atope a súa expresión máis elevada neste proxecto e a faga merecedora dun recoñecemento internacional”.

Pouco despois saltou a polémica pola falla de contidos. Aínda que durante anos varios comités de expertos traballaron na súa elaboración, a realidade é que a opinión pública descoñece as súas conclusións; non se soubo comunicar adecuadamente á sociedade. E todo isto en vésperas do Xacobeo 2010. Galicia non se merece máis actuacións en función da improvisación, senon que se aposte por “unha cultura de base, non de fachada”, parafraseando a Freixanes. Menos mal que agora o conselleiro Roberto Varela recoñece que “temos que traballar en función da crise”. Agardamos que estas verbas non caian de novo en saco roto.

21 de set. de 2009

Rede de 'Vilas Literarias'

Redacción

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, creará un produto turístico cultural que sirva de base para dar a coñecer as vilas literarias de Galicia entre os propios galegos e os visitantes de fóra. A iniciativa consiste no deseño de itinerarios turísticos por diferentes vilas galegas recoñecidas tomando como punto de partida a literatura dos autores que naceran nelas ou estean vencellados biograficamente a elas para descubrir despois outros moitos aspectos culturais, patrimoniais ou naturais das súas zonas de influencia.

O anuncio desta iniciativa foi realizado hoxe polo conselleiro de Cultura e Turismo en Vilanova de Arousa, onde embarcou en catamarán para realizar a Ruta Xacobea Marítima e coñecer de primeira man as posibilidades da Ruta dos Escritores, que une as localidades vinculadas á vida e á obra de Camilo José Cela (Iria Flavia), de Rosalía de Castro (Padrón) e Ramón María del Valle Inclán (Vilanova de Arousa). Neste acto de promoción dos produtos turísticos da ría de Arousa, o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán Hermida, os representantes das fundacións Camilo José Cela, Padroado Rosalía de Castro e Ruta do Mar de Arousa e Ulla ademais doutras autoridades locales, que navegaron ata Padrón, seguindo o recorrido do corpo do Apóstolo fai vinte séculos,

Roberto Varela explicou que as vilas que se acollan a iniciativa vilas literarias, cuxa elección se acordará con profesionais do sector da cultura de Galicia, deberán cumprir unha serie de requisitos ou condicións entre os que destacan que a súa poboación teña a configuración urbana e o recoñecemento de vila; que esta sexa lugar de nacemento de máis dun escritor comunmente recoñecido na historia da literatura galega ou que se lle dedicara o Día das Letras Galegas. Tamén se valorará que o lugar conte con algún roteiro recoñecido, rural ou urbano, relacionado cos escritores da súa terra, entre outros aspectos.

As vilas participantes no proxecto deberán facer unha solicitude formal e presentar uns avais de actividades literarias, lúdicas ou turísticas como base fundamental para incluír na oferta turística que se ofrecerá aos visitantes.

Padrón, Ponteceso, Mondoñedo, Celanova, Cambados, Rianxo ou Vilanova de Arousa son algunha dos principais lugares que formarán parte do elenco de vilas literarias que promoverá a Secretaría Xeral de Turismo. O berce de nacemento de escritores como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Álvaro Cunqueiro, Manuel Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Castelao ou Valle Inclán servirán como reclamo para coñecer comarcas enteiras de Galicia, cuxos recursos turísticos moitas veces non están aínda suficientemente promocionados.

20 de set. de 2009

Montmartre

Bruno Marcos

Entre unhas casetas que provocaban arrepío cos seus madeiros e metais deslustrados e valorecidos había unha que expoñía, en pequenas caixas dun cartón grisallo, tarxetas postais de todo tipo, todas elas vellas. A maioría eran fotografías de monumentos ou panorámicas de cidades que, como é de agardar, amosaban o mellor de cada lugar. De entre aquelas que pasaron polas miñas mans escollín a máis rancia e poeirenta. Tratábase dunha paisaxe mariña en branco e negro, sobre un papel que amarelaba voltándose romo nos recantos. Víase nel un ceo de borrasca e uns arrecifes saudosos flaxelados pola brancura das ondas. O estraño era que, entre tal mareira, unhas gaivotas pequerrechas voaban e pousábanse nas rocas. Case todas, observadas coa lupa, ficaban quedas coma se non lles importase a galerna. Asinaba o cadro un tal Amier, ou Remier, Kreme.

Ao reverso a impresión da postal estaba do revés, o de arriba para abaixo e o de abaixo para arriba. María escribía desde Badalona a Angeline Gurmané do Boulevard Sebastopol, número 127, de París, France. Cunha letra de pluma estilográfica perfectamente inclinada e rizada nos seus extremos, contáballe, en catalán, pouca cousa, que xa lle escribiría máis adiante máis longamente, cando chegase a Girona. No selo aparecía o retrato dun Alfonso XIII aínda neno. Precisamente nese ano no que a postal viaxaba ao Boulevard Sebastopol o rei, xa non tan infante, desposábase, non sen antes recibir un ramo de flores cunha bomba no seu interior ao paso da carroza nupcial da man dun tal Mateo Morral. Un caso raro de anarquista asasino e algo refinado, un pouco intelectual. Seica debeu pasearse polos faladoiros do Madrid literario antes de intentar o rexicídio co que, logo, ía sementar o pánico entre aqueles literatos que entón o frecuentaron. Contan, tanto Ramón Gómez de la Serna como Baroja, que, en certa ocasión no café, o pintor Leandro Oroz asegurou que ser anarquista curábase cando se tiñan máis de cinco pesos, ao que o devandito Mateo contestou: “Pois saiba vostede que eu teño máis de cinco pesos e son anarquista”. O caso é que aquela postaliña fixo, en 1906, o mesmo viaxe que calquera literato modernista soñaría emprender ao centro mundial da bohemia. É difícil visitar París e non cruzar sen querer polo Boulevard Sebastopol. É unha das avenidas principais que desemboca no río Sena á altura da Ile de la Cité e, xa que logo, nos arredores da catedral de Notre Dame.

O vendedor, que contaba cunha flamante cabeza incendiada de canas e cruzada de engurras, quixo interrogarme pola adquisición e xesticulaba un tanto irado desde o interior da súa garita que se abría ao Sena por unha fiestra angosta e horizontal. Insistía en coñecer o motivo da miña compra. Como eu ignoraba os criterios que dan prezo a eses coleccionismos non sabía que responder. El insinuou que só podía terme fixado na pintura pero corrixino engadindo que o que me chamara a atención era o ano. Un pouco insatisfeito quedou gaguexando a sospeita de que me entregou por pouco algo cuxa valía a el escapábaselle.

Con aquela imaxe na miña propiedade rubín a Montmartre. Esa zona de empinadas costas, onde o urbanismo napoleónico deixa lugar ás casiñas nas que tantos bohemios chegaron para atopar unha depreciación que lles ía permitir vivir sen traballar. Deambulei ata atopar Lapin Agile, o cabaret máis antigo de París que, en orixe, chamouse O Cabaret dos Asasinos e, logo, O Coello Áxil, aquel que, como se vía na pintura da súa fachada, escapara de ires ao pucheiro no derradeiro instante. Lapin Agile acolleu entre as súas paredes a líderes das vangardas como Apollinaire, Modigliani ou Picasso, o Picasso pobre. Parece que doen os ollos ao ler isto, que Picasso un día poidese ser pobre. Se cadra foi el un Lapin Agile, o máis áxil de todos ao fuxir desa cazarola do fracaso que ia engulir a tantos artistas que, como el, habitaron os sobrados de París, os mesmos sobrados dos que me alertou a miña nai desde que soubo que quería adicarme á arte.

O certo é que semellaban moi fermosos eses lugares, atraíanme eses desváns desde a rúa. Baixo o pano do seu tellado inclinado de lousa negra e a súa lucerna con ás, a miña imaxinación fiaba, mentres camiñaba, historias de amor e artistas que vivían á marxe da realidade. Ao contemplalas asaltábanme fantasías sobre as outras vidas miñas que se puideron ter dado nas súas entrañas. Izadas en edificios elegantes de cubertas semellantes a un chapeu escuro coa súa á volta, ollábanme por Montmartre, polo Boulevard Sebastopol e por outros moitos boulevares.

“Si” pensaba mentres camiñaba “as escenas de ‘La Bohéme’ inspirábanse nalgunhas experiencias da mocidade de Puccini e, sobre todo, nas páxinas escritas por Murger sobre a súa propia vida, mais non será que todas esas ensoñacións non foron outra cousa que experiencias reais, vidas miserentas pero apaixonadas, vidas de seres irreais que foron reais?”. Asaltábame entón unha certa congoxa de realismo, do inmediato: “A ficción”, díxenme, “é unha colosal mentira que se sostén por un silandeiro consenso. Todo é autobiografía”.

Imaxe: MXM

18 de set. de 2009

'Xoias Tradicionais no Museo Provincial de Lugo'

Redacción

Máis de 500 pezas, moitas delas inéditas, conforman este proxecto expositivo, “Xoias Tradicionais no Museo Provincial de Lugo”. Un proxecto de gran interese histórico e cultural que se poderá visitar na Sala de Exposicións do museo lucense ata o vindeiro 15 de novembro. Un documental titulado “A Ourivería na pintura e na fotografía” servirá de apoio visual permanente para unha mellor asimilación e compresión da transcendencia destas xoias. Coa apertura ao público desta mostra, o Museo Provincial de Lugo e a Deputación, a través da súa Área de Cultura, pretenden poñer a disposición da sociedade unha colección de xoias que forma parte dos fondos propios desta galería e que nunca foron expostos ao público na súa totalidade.

Alén disto, como ocorre en cada unha das mostras que acolle este espazo, realizouse un minucioso catálogo que nace coas arelas de converterse nun elemento máis de difusión do rico e amplo patrimonio existente nas distintas comarcas lucenses. Así pois, esta publicación está dirixida aos afeccionados a arte en xeral, e aos estudosos das xoias decorativas en particular.

A mostra foi inaugurada o pasado xoves polo vicepresidente da Deputación, Antón Bao, acompañado pola directora da citada galería, Aurelia Balseiro, e a comisaria da mostra, María del Rosario Fernández González. A maiores da súa riqueza artística e da súa variedade tipolóxica e funcional, a exposición ten moitos outros valores que se refiren a importantísimos aspectos do noso patrimonio cultural tradicional que quedan perfectamente reflectidos en cada unha destas pezas. Está composta por 554 pezas datadas entre os séculos XVI e XX e agrupadas en dúas categorías ben diferenciadas: a ourivería devocional -na que destaca un rico conxunto de relicarios, escapularios, medallas ou cruces- e a civil –integrada principalmente por xoias de loito-. Tamén se amosan diversos broches entre os que cómpre citar os chamados sapos, pendentes, pulseiras ou forcas para o cabelo.

O Museo Provincial de Lugo programou, de xeito complementario á mostra Xoias Tradicionais, dous obradoiros: “A Maxia dos Ourives” e “O Museo invítate a…Adornos para agradar, para gustar…”. O primeiro deles desenvolverase en dúas quendas, a primeira dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 8 anos -19 e 26 de setembro e o 17 de outubro- e a segunda orientada aos rapaces e rapazas de entre 9 e 13 anos -24 e 31 de outubro e o 14 de novembro- en horario de mañá, dende as 11:30 ata as 13:30 horas. O segundo dos talleres de creación artística, impartido tamén por Laura Fernández Morán, desenvolverase o 7 de novembro ás 12:30 horas.

A oferta proposta polo museo complétase con catro visitas guiadas dirixidas ao público en xeral a cargo da comisaria da mostra, María del Rosario Fernández González, o 22 de setembro, 20 de outubro e 10 de novembro ás 19:30 horas. Os centros de ensino primario, secundario, bacharelato ou ciclos formativos que estean interesados en realizar unha visita comentada terán que concertar unha cita previa co Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo.

Creación e neovangardas (1945-1980) no CGAC

Redacción

Coa actividade "Creación e neovangardas (1945-1980)," que se celebrará entre o 29 setembro e o 26 xaneiro de 2010, o CGAC dá continuidade ao programa de formación Aproximación á creación, dirixido por María Álvarez Cebrián, que o pasado curso se centrou no estudo das denominadas vangardas históricas desde 1900 a 1945.A coordinación do mesmo correrá a cargo de Virginia Villa.

O cambio de capitalidade cultural de París a Nova York inaugura, tras a segunda guerra mundial, un novo período para a historia da arte contemporánea. A partir de entón xorden movementos artísticos renovadores tanto nos Estados Unidos como en Europa. Herdeiros daquela primeira vangarda histórica, a chamada segunda vangarda ou neovangarda reformulará o papel da arte para enriquecelo a través de novas prácticas artísticas. A partir destas propostas –desde o expresionismo abstracto americano e o informalismo até a pop art, pasando pola arte povera, a land art, a arte de acción ou a arte conceptual– iníciase un cambio no campo da experiencia creativa e no da percepción artística: prodúcese unha redefinición da natureza da arte e do papel do público, o cal comeza a ser xa parte activa da obra.

Co propósito de seguir formando os participantes nos conceptos clave da creación contemporánea, nos movementos, autores e obras que foron consolidando os cambios e os comportamentos artísticos actuais e fundamentais da historia da arte, esta nova edición titulada Creación e neovangarda (1945-1980), dedicará a súa atención á revisión histórica das prácticas e teorías artísticas contemporáneas no período que vai desde a fin da segunda guerra mundial até os anos oitenta.


Humor

17 de set. de 2009

Ramón Villares opina

Redacción

O máximo dirixente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, aliñouse publicamente coas demandas do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro, cando sinalaba hai dúas semanas que os plans lingüísticos da Xunta están a fomentar a crispación política e social.

As declaracións de Villares tiveron lugar no acto de presentación das xornadas 'Lingua, sociedade e política en Galicia', que o Consello desenvolverá en Compostela ao longo dos vindeiros meses para analizar a "amplitude, intensidade e relevancia política" que está a adquirir a "controversia" no tema da lingua.

En resposta a varias preguntas de xornalistas asistentes ao devandito acto, aludiu á súa condición de membro da RAG e tamén afirmou que "todo o que di" o máximo dirixente da institución "representa o sentir xeral" dos seus membros e, polo tanto, apunta, "asino todo o que di o meu presidente" sobre o idioma.

Villares desbotou concretar a postura oficial do CCG sobre este conflito, aínda que ironizou co tema: "supoño que, como membros do Consello, asumen o que di o presidente do Consello". Nun contexto no que o presidente do Consello lembra que un dos "mandatos fundacionais" da institución é "preservar os valores culturais do pobo galego", Villares realiza ademais un chamamento ao conxunto do arco parlamentario do país.

Partindo da premisa de que, entre as súas funcións, non está "dicirlles aos políticos o que teñen que facer", o titular do CCG laiouse da "controversia política" que, ao seu xuízo, existe na actualidade en torno ao idioma, un fenómeno que, ao contrario que "o debate" sobre a lingua galega, "non é positivo".

Scandal presenta hoxe o seu novo disco

Redacción

Scandal presenta o seu último disco "Time for Heroes", recén saído da factoría Sterling Sound de Nueva York da man de Steve Fallone (The Strokes, Yo la tengo...) o vindeiro día 17 de setembro no Forum Celticum (O Burgo, A Coruña) ás 23 horas. A entrada ao evento será gratuita.

O proxecto Scandal naceu en decembro do 2001. Luís Quintana (guitarra) e Sandra Candal (voz), tras as súas respectivas experiencias noutras bandas, deciden xuntarse e gravar 9 temas que darán lugar ao seu primeiro LP “Famous after death”. O proxecto autoeditado grávase nos estudos Bonham, baixo a batuta de José Bonham, quen ademais colabora na produción e toca a batería en todos os temas.

O disco tivo unha boa acollida de parte do público, xa que en poucas semanas vendéronse algo máis de 200 copias. Isto motivou que a xente quixese ver a Scandal tocar en directo. Mesmo foron convidados a colaborar en proxectos como o Festival Cabo Sam Lourenzo na Sala Nasa de Santiago, pero na realidade, Scandal non existía como banda.

Nese momento xorde a inquietude de converter a Scandal nun grupo estable. O guitarrista David Pazos foi a primeira incorporación, quen grazas ás súas influencias conseguiu matizar e reforzar o son da formación a base de talento. A banda viraría ao longo dos dous anos seguintes por todo o territorio galego en formato acústico, así como na súa contundente formación eléctrica.

O éxito desta xira motivou que os integrantes de Scandal decidísense a gravar o seu segundo traballo. O que sería o segundo disco, por distintos motivos quedou reducido a un EP de catro cancións titulado “Scandal still kickin”. A inclusión, a mediados de 2008, de Ale Cambón (baixista) e Bruno Couceiro (batería) permite a Scandal pecharse no estudo a preparar a gravación do que será o seu terceiro traballo, "Time For Heroes".

As diversas influencias dos membros dan lugar a unha fusión espontánea de música que, en directo combina sutileza con potencia. A solidez da formación rítmica combínase coa sutileza da lead, que xunto a unha voz desgarrada e doce se misturan para dar lugar ao que é Scandal. Un pop-rock infestado de enerxía e cheo de matices, aderezado coa dozura da variedade idiomática que permiten, desde Galicia, viaxar polo mundo sen moverse dos altofalantes.

A banda representa a nova Galicia do século XXI que alaga coa súa cultura a outros países e ao mesmo tempo bebe de fontes internacionais. Un produto galego actual e fresco cun toque multicultural e cosmopolita.

Pódese escoitar un adianto dalgún dos 12 temas que o compoñen en www.scandalband.com. Trátase de Pop-rock fresco e enerxético "made in Galicia". Avalados por sete anos de traxectoria. Seleccionados por Nsaio non Camiño (Ruta Xacobea) 2009. (www.nsaio.org). Máis información sobre a banda; www.scandalband.com Descargas de música, fotos e dossier; www.scandalband.com/prensa. Contacto: skandal00@yahoo.es ; 692956878

As campás da igrexa de Vilalba


Xulio Xiz

Foi Rosalía quen deixou para a historia a lembranza das “Campanas de Bastabales”, que a facían morrer de soidades ó escoitalas tocar. É María Manuela quen canta ás “Campás de Betanzos” que están “case sempre chorando / case sempre tristeiras”.

Eu teño marcados a lume na miña alma os sons das campás da igrexa de Santa María de Vilalba, que entraban na miña casa da Porta de Cima como disparos.

As campás tocaban as horas, os cuartos e as medias. As campás chamaban á misa, e cando soaban a rebato era sinal de que un incendio arrasaba algunha casa do pobo e había que acudir a axudar no que se puidese.

Pero o que maior atención despertaba era o toque de difuntos... Porque sabendo que alguén estaba enfermo, a campá viña dicirnos ós veciños que alguén nos abandoara definitivamente.

Non sei quen me ensinou a linguaxe da campá... Todos os vilalbeses daquel tempo sabíamos que se a campá daba tres toques, era que morrera un home. Se daba dous, unha muller. Se daba un só toque, morrera un neno ou nena, que nesto non había distingos. En definitiva, un anxo, deses que se levaban en caixiña branca e detrás ía tocando un grupo de gaiteiros.

Se daba catro toques, era que morrera un crego. Se daba cinco, o Bispo. E se daba seis, o Papa. Non sei se sigue vixente o sistema, pero a campá da igrexa equivalía a un diario falado dunha emisora de radio, das que daquela se collían en Vilalba bastante malamente.

Outras campás se oían en Vilalba, pero de lonxe. En concreto, as de Mourence que tocaban aló enfronte da miña casa, pasado o río. Outras, que xa non se oían aquí, tiñan – ou supoñíase- determinadas virtudes, e algunha había que tocando cando se aproximaba unha tormenta, esta quedaba desfeita co que non peligraba nin a colleita nin as persoas.

Agora, por Galicia adiante, están electrificando e automatizando o sistema, de maneira que as campás soan sen que ninguén as toque. Elimínase o elemento humano, e unha sinxela programación automatiza un proceso que xa non será o mesmo aínda que o sistema siga a funcionar con total perfección.

Cando vou por Vilalba, escoito os toques da campá da igrexa, e coido comprobar que o seu son segue a gobernar a vida vilalbesa. Que unha vila chega onde chega a súa campá, aínda que o alcance dependa de onde sopre o aire.

A campá é o primeiro medio de difusión que houbo na nosa terra. E en moitos aspectos, e para moita xente, ségueo a ser. Aínda que a automatización lle quite personalidade e gracia. Mentras soan as campás, aínda temos cada día alguén que nos diga desde lonxe “levántate, e anda”.

En fin: Que cando vou a Vilalba sempre hai algún elemento que desperta a miña nostalxia.

16 de set. de 2009