Demasiado galegos


Iago D. Castro

Cando alguén ten o que se chama "axenda oculta" é moi posíbel que lle acabe traizoando o subconsciente. É difícil manter un discurso público incoherente coas ideas-forza que habitan na(s) neurona(s), e iso parece ser o que lle sucede ultimamente á upeideira Rosa Díez.

A deputada basca veu a Galiza para lembrarlle a Feij009 as súas débedas cos "bilingües" e demais ralea miúda, e soltou, nunha entrevista co Xornal de Galicia, a seguinte pérola, relativa aos "incumprimentos" do Presidente: "Para mí [Feijoo] está siendo demasiado gallego, en el sentido peyorativo del término".

Sentido pexorativo de galego? De que está a falar esta muller? Que ostias é iso de "demasiado gallego"? Tamén se pode ser "demasiado español" ou "demasiado francés"? Évos cousa do subconsciente, meus. Éis aí o programa político de certa ultradereita, herdeira por vía directa do nacional-sindicalismo máis rancio. Ollo, que a cousa manda truco: ao fin, a lingua non é máis ca unha excusa. O que molesta á caverna reaccionaria é a mera existencia da diversidade entre os pobos de España. Feij009, por lóxica, debería ser madrileño castizo e deixarse de caralladas.

Coñas aparte, velaí unha estratexia que, se lles deixamos, irá inevitábelmente a máis. Deixádeme ser pedante e parafrasear a Bertold Brecht: Primeiro viñeron polo noso idioma, pero como non nos importaba unha merda, non fixemos nada... Ao final viñeron por nós, e xa foi demasiado tarde.

31 de out. de 2009

IV edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega

Redacción

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza a IV edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega co patrocinio da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo e a AS-PG, e a colaboración de CIG-Ensino. Será durante os días 30, 31 de outubro e 1 de Novembro no Auditorio da Facultade de Veterinaria da cidade de Lugo. O acto de apertura do congreso foi onte venres 30 de Outubro ás 16.40 h.

Calquera cultura que queira gozar de boa saúde haberá de preocuparse de ter presenza nos distintos ámbitos educativos, para facer chegar a súa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma. Estamos a falar tanto do ensino obrigatorio, xa sexa público ou privado, como das universidades, escolas de música, conservatorios e todos aqueles lugares onde se produce un intercambio de coñecementos. Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos coidamos imprescindible e necesario este proceso de transmisión, que constitúe o principal garante, non soamente da conservación das nosas tradicións, senón da súa utilidade na sociedade actual.

Este IV Congreso pretende ofrecer aos asistentes coñecementos e recursos para o ensino da música tradicional nos diferentes ámbitos educativos, pero sobre todo, pretende concienciar da importancia que ten utilizalos. Porque nos máis novos está o futuro e haberemos de saber como achegarlles tan importante legado para que o recoñezan come seu.

Para máis información: Asociación de Gaiteiros Galegos 986847074-982229966.

As iniciativas de novos dominios presionan á ICANN

Redacción

Durante a súa 36ª reunión internacional pública celebrada esta semana en Seúl, a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN) deu un paso histórico no mundo de Internet coa aprobación dunha vía rápida para incorporar os caracteres non latinos aos dominios de código de país. Porén, ten un importante asunto pendente: o inicio do proceso de creación de novos dominios xenéricos de primeiro nivel.

A ICANN explicou os detalles da última versión da guía para solicitantes de dominios, publicado a primeiros de outubro, cuns requisitos máis estritos que as versións anteriores e que, no caso de disputas entre candidaturas de dominios similares, favorece ás que servirán a comunidades determinadas.Aínda que a este documento supón un pequeno avance no programa , a ICANN quere atar cabos antes de pór en marcha o proceso, e asegurarse de que a chegada de novos dominios non vai ameazar a seguridade de Internet con actividades maliciosas como a ciberocupación e o “phishing”. A principal causa do atraso nos calendarios provisionais é a protección dos propietarios de marcas.

Un grupo de traballo creado pola ICANN para tratar este asunto concreto xa publicou unha serie de informes coas medidas a desenvolver para asegurar esa protección, medidas que non acaban de convencer aos representantes das marcas. No foro público, unha representación de PuntoGal presente no evento instou á ICANN e á comunidade de Internet en xeral a iniciar o programa coa maior brevidade posible para non prexudicar as iniciativas que, como o .gal, levan varios anos traballando nos seus proxectos, agardando poder enviar a súa solicitude. Neste sentido houbo unha total unanimidade no encontro, con numerosos comentarios a favor da axilización do proceso e o establecemento de prazos reais, para poder planificar así o traballo a realizar.

Diversas iniciativas, incluída o PuntoGal, presentaron unha proposta común para avanzar no proceso: abrir unha primeira porta para todos aqueles proxectos que xa teñen os deberes feitos, coa candidatura a punto. A directiva de ICANN, atendendo as propostas presentadas nesta reunión, decidiu estudar un sistema que lle permita axilizar no tempo o proceso de apertura de novos dominios. Nas súas intervencións, PuntoGal salientou que os dominios de tipo cultural e lingüístico non supoñen obstáculos para a seguridade da rede nin para a protección de marcas, como ten demostrado o dominio .cat - para a comunidade cultural e lingüística catalá-, que en máis de tres anos de funcionamento apenas presentou problemas deste tipo, ao establecer as medidas adecuadas para previr posibles ameazas.

Tras falar con membros de diversos comités da ICANN, PuntoGal comprobou que se está consolidando a boa imaxe dos dominios lingüísticos e culturais, en concreto das iniciativas europeas coas que PuntoGal está a traballar conxuntamente para adquirir máis forza ante a ICANN. O novo presidente da ICANN, Rod Beckstrom, coñeceu persoalmente da man de representantes de PuntoGal o proxecto para crear un dominio para a cultura e lingua galega na rede, e animounos a seguir traballando para a consecución do seu obxectivo.

30 de out. de 2009

Simposio “Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea”

Redacción

Os días 3 e 4 de novembro o Consello da Cultura Galega acollerá as priemiras sesións do simposio “Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea”, que coorganiza xunto co Instituto da Lingua Galega e o Departamento de Ciencias da Comunicacìón da Universidade de Santiago. Os relatorios contextualizarán os traballos recollidos no libro “Papés d´emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846″, publicado polo CCG. O simposio continuará os días 5 (Facultade de Ciencias da Comunicación) e 10 e 11 de novembro (Facultade de Filoloxía).

Teatro Ensalle a 105 pasos na sala NASA

Redacción

Teatro Ensalle é sobre todo unha compañía de creación e investigación. Formada en 1995, desde o ano 2003, coa apertura do Teatro Ensalle na cidade de Vigo, está investigando en novas linguaxes e dramaturxias ao servizo da creación. O seu teatro é o resultado do traballo físico e do adestramento continuo. Todos os membros da compañía están en maio ou menor medida involucrados en todas e cada unha das producións e coproducións que Teatro Ensalle leva a cabo. A compañía sempre amosou nas súas montaxes unha preocupación por situacións de abatemento social e por unha visión incisiva das realidades actuais.

Nesta atmósfera de investigación encádrase 105 pasos, que conta co asesoramento doutros creadores como Provisional Danza ou Daniel Abreu. 105 pasos o la mecánica de la carne, desde o punto de vista formal, é un espectáculo multidisciplinar no que se combina a palabra, o movemento e a acción na procura dunha peza non formalmente teatral. Fálase de distancias, da infinita distancia que existe entre o que sofre e o que mira, dos anos que pasan nun segundo cando de súpeto comézase a sofrer e sábese que xa nada será igual, do mirar bovino da xente que mira, a un lado da praza, como outros dan voltas. Os pasos que mide a praza de Mayo de Bos Aires son 105, de aí vén o título da obra. Trátase dun "lugar emblemático no que a realidades paralelas se refire, uns camiñaban en círculo coa súa desgraza ao lombo e outros miraban como espectadores e pensaban que os camiñantes tolearan. Os 105 pasos miden o percorrido máis curto porque foron medidos por un turista europeo ás presas", sinala o texto.

Autor e director: Pedro Fresneda. Elenco artístico: Raquel Hernández e Artús Rei. Escenografía: Teatro Ensalle. Deseño de iluminación: Pedro Fresneda. Vestiario: Teatro Ensalle. Idiomas: Castelán/Galego.


Entradas adiantadas na web da Nasa.

O Consorcio de Santiago

Moncho Paz

O Pelegrín pasou a mellor vida en plena adolescencia. E o único que cantou a elexía foi o ex-conselleiro Vázquez Portomeñe, pai adoptivo da mascota institucional nada en 1993, ano que supuxo o punto de inflexión do despegamento cultural de Santiago, coa organización do proxecto Compostela 93 para a celebración do primeiro Xacobeo de masas. Este evento institucional vencellou a distintas Administracións Públicas -local, autonómica e estatal- co obxectivo común de promocionar a cidade tendo en conta a súa condición de capital de Galicia, e tamén para redescubrir o Camiño de Santiago como base da identidade común europea. A celebración do Ano Xacobeo (1993, 1999, 2004, 2010…) converteuse así no motor de diversos proxectos culturais nos que interviñeron tanto o sector público coma o privado.

Foise creando unha imaxe de marca de Compostela como capital cultural internacional. Por unha banda, favoreceuse a recuperación, revalorización e uso do patrimonio histórico e cultural da cidade; e por outra, posibilitouse a construción de novos espazos culturais, xunto coa remodelación de infraestruturas e equipamentos existentes. A partir da década dos 90, Santiago situouse como centro dunha rica vida cultural en detrimento de outras urbes galegas. Deste xeito, implantábase un modelo de intervención cultural no que adquiriron especial protagonismo o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a Universidade e, en menor medida, os axentes privados.

A proxección cultural da capital permitiu a revitalización e organización do Real Padroado da Cidade de Compostela e a creación do seu instrumento executivo para o apoio administrativo e de xestión, o Consorcio de Santiago, que actuou sobre todo como patrocinador de eventos culturais e promoveu o exercicio coordinado das tres Administracións dende o punto de vista cultural.

Hoxe, a situación é moi diferente á que tiñamos hai uns anos, cando Santiago foi Capital Cultural europea. A redución da aportación económica das Administracións -reflectida nos orzamentos para 2010- e as diferencias políticas, fan que o Consorcio teña un protagonismo notablemente inferior ao de etapas anteriores. Parece que na actualidade ninguén repara en que a confrontación de intereses vai en detrimento da promoción de Compostela, como se xa non existiran obxectivos comúns. Sen ánimo de ser agoireiro, paréceme unha mágoa e un mal comezo para o Xacobeo 2010.

29 de out. de 2009

No paseo dos soños

Xulio Xiz

O sábado, 24 de outubro, choveu todo o que había arriba almacenado e algo máis, vindo coincidir precisamente coa homenaxe que no Muíño do Rañego se lle rendeu ó escritor Xavier Puente Docampo, organizado por Xermolos e a Fundación Manuel María.

O caso é que, despois da mesa redonda de homenaxe fomos a inaugurar a estatua de Valdi que acredita esta homenaxe, e gracias que fun de ganchete con Gerardo Criado, o noso Alcalde, que levaba un paraugas da Fundación Terra Chá, que se non a auga vilalbesa houberame posto coma un pito.

Un dos que interviñeron indicou que en Vilalba chovía case sempre, cando non nevaba. E non ousei interrumpilo porque o tempo o sábado púxose a darlle a razón a quen non a ten, que non chove aquí máis ca noutros lados. E cando de Vilalba vin para Lugo, xa hai ben tempo, tiven ocasión de comprobar que falando de fríos e de auga Lugo queda tan ben como Vilalba.

Grans de arroz polo chan evidenciaban que no Muíño do Rañego casan os vilalbeses, e a curiosidade que moitos dos asistentes mostraban polos muíños evidenciaban o acerto do concello vilalbés en ter rescatado este conxunto etnográfico e monumental para garantir o seu futuro.

Ó mellor aínda hai vilalbeses que non saben que o paseo que desde o Rañego ata os Freires se chama “O Paseo dos soños”, e que nel vai colocándose cada ano un “hectómetro literario” en homenaxe a un escritor chairego. Eso a pesar de que, como me dixo o Alcalde, son moitos vilalbeses os que fan este paseo, andando ou correndo, á beira do río, imprescindible xa nestes tempos nos que se valoran – e se precisan – as camiñatas como remedio para coidar da saúde.

Desde o Rañego ata os Freires hai, aproximadamente, tres kilómetros. Contando a ida e a volta, dan para sesenta escritores e sesenta anos, polo que como xa levamos catro comenteille ó alcalde que nos quedan só para cincuenta e seis, tendo que pensar a ver que facemos despois.

De broma ou de veras, quedamos en pensalo, que tampouco se trata de poñerlle límites á Nai Natureza, e cincuenta e seis anos pasan en seguida.

Non son eu quen para recomendarlle ós que esto lean que camiñen polo “Paseo dos soños", que seguro todos o coñecedes mellor ca min, pero é o sitio perfecto para perderse sabendo que un ha encontrarse á ida ou á volta con xente coñecida, con amigos, coa natureza ou consigo mesmo.

Hai xa catro pequenos monumentos colocados que han chamar, sen dúbida, a atención dos camiñantes... Un deles homenaxea a Manuel María, lembrando a publicación da súa obra “Os soños na gaiola”, outro a Paco Martín e o seu libro “Das cousas de Ramón Lamote”. O terceiro é do vilalbés Agustín Fernández Paz, que este sábado tamén estivo no Rañego. E o cuarto e último, polo de agora, é o que destaca “O misterio das badaladas” e toda a obra de Xavier Puente Docampo, que naceu en Rábade, os pais eran da zona de Castro, e conta como ninguén os contos que foron e seguen a ser a alma da nosa terra.

Xa digo que no Rañego, choveu a Deus dar. Pero aínda así resultou un día cheo de calor, luminoso, cheo de esplendor.

E volveu tocar o tamboril un rapaz que se chama Avelino Pousa Antelo, que foi amigo de Castelao, tocou en orquestas, é historia viva de Galicia, ten unha cabeza que pensa clariño, clariño, e anda a celebrar os seus primeiros noventa e seis anos como se fose un mozo de vintetantos.

Como rematar co Facebook dunha vez por todas

Por César Reis

Xa está. Tiña que dicilo, pero por favor que ninguén se alporice agora nin se sinta magoado por ilo. Non me move unha especial xenreira ás chamadas redes sociais. Iso é o que penso. O que ocorre é que teño un grave problema de sincronización coas modas. Déixenme que me aclare. Pero o mellor é que comece polo principio.

A cousa iniciouse hai uns meses. Até entón sucedíame o mesmo que lle ocorre a case todo o mundo, xa saben, abría o correo electrónico e atopábame sepultado baixo aluvións de mensaxes dos meus amigos: reenvíos de powerpoints con chistes ou proclamas cheas de boas vibracións, adobiadas de música chill out, aínda que elaboradas con dubidoso gusto estético; ligazóns a noticias ou vídeos cuxa actualidade esixía unha urxencia tal que, se non se abrían no acto, xa non facían a menor graza a ninguén; unha selección dos vellos e entrañables contos de toda a vida (sobre todo os máis ordinarios e bestas); parvas cadeas que esixían a súa continuación de contado se un non desexaba ser vítima dalgún tipo de maldición de dimensións, cando menos, bíblicas (unha versión moito máis cutre xa se coñecía outrora para o correo ordinario e os mesmos que entón nunca lle deran credibilidade eran os que máis teimaban agora en que se reenviasen) e…, en fin, de cando en vez, se a cousa se terciaba, algunha que outra carta de vellos amigos na que narraban moitas das súas vicisitudes consuetudinarias.

Ante este alude eu adoitaba facer o mesmo que todo o mundo (si, si, non me sinalen co dedo nin miren para outro lado): borraba directamente sen abrilos a inmensa maioría destas mensaxes, reenviaba algunha delas escolléndoa ao chou e contestaba outras con frases o suficientemente neutras (“boíííííísimos, nacho”, “a bomba, meu, a bomba”, “ha, ha, branco e en botella”…), pero que servisen para amosar que, non só os lera, senón que devecía por eles e que os consideraba o summum da orixinalidade e do humor máis vangardista.

O caso é que, como dicía dous parágrafos máis arriba, chegou un día no que, sen aviso previo, deixei de recibir estes mails. De feito hei confesar que, en realidade a esas alturas, xa o miraba con tan pouca asiduidade que non podería xurar que a cousa fose de golpe ou que se producise dun xeito gradual. Nun comezo pensei que se trataría dalgún erro do meu servidor de Internet, pero logo de comprobar que nin a conexión, nin o programa de correo fallaban, comecei a inquietarme. Desesperado collín algunha das mensaxes con parvadas que aínda, afortunadamente, non borrara e reenvieina, primeiro dun xeito totalmente aleatorio, logo a toda a miña lista de direccións. A resposta foi cero, o baleiro. Nada. Nin ese mesmo día (o que viña sendo o máis habitual), nin varias semanas despois obtiven resposta.

A cousa é que por aquel entón andaba eu dándolle voltas á idea de facerme un blogue, por iso de estar na onda e repartir polo mundo gratuitamente as miñas importantes e enxeñosas opinións sobre os temas máis diversos da abondosa actualidade política, económica ou agropecuaria. De xeito tal que un día, falando cun amigo, comenteillo. A súa resposta deixoume bastante perplexo, “para que?”, díxome. “Que sei eu”, respondín non sen certo rubor, “para compartir cos amigos as miñas inquietudes, ou así”. “Os blogues”, aseverou el con firmeza, “sonche xa un xénero defunto e o mesmo ocorre”, continuou sen compaixón, “co correo electrónico, o que tes que facer, meu, é virte para o Facebook, que é onde agora andamos todos”. A xulgar pola súa cara de estupefacción, primeiro, e pola gargallada brutal que me plantou nos fociños, despois, hei de supor que a miña resposta sorprendeuno máis do que eu agardaba: “Face… eeeeeeeehhhhhhhh?”.

Recoñezo que son lento. Sempre o fun. A miudo chego tarde a todas partes e, o que é aínda peor, a todas as modas. Cando todos ían ás discotecas cos pelos de cores e de punta e os vaqueiros rotos, eu aínda levaba os meus pantalóns de campá, a camisa con volantes, un fermoso tupé e aquel movemento de cadeiras ao Tony Manero. Tardei varios anos en comprender as gargalladas daqueles pipiolos.

En fin, o meu amigo doeuse de min e permitiume entrar cos seus contrasinais durante un tempo na súa conta de Facebook, así que, de cando en vez, fágoo. Fágoo, pero non interveño, síntome como un voyeur ou, mellor, como un flâneur ou, mellor aínda, como un demiurgo que repara marabillado en como se comportan as súas criaturas cando non son conscientes da súa presenza. O invento non está mal, hei recoñecelo, aúna moitas das calidades do correo electrónico, dos blogues, dos álbumes de fotos on-line… Ollo para os vídeos que poñen uns e outros, leo os seus breves aínda que sisudos monólogos dunha ou dúas liñas, esculco as súas fotos, as súas listas de amigos e si, efectivamente, comprobo que alí tamén están todos os meus, mesmo aqueles que xa non se falaban entre si se teñen incorporado agora ás listas os uns dos outros. Ao ver todo isto, todo ese mundo paralelo, toda esta fervenza, coido que, efectivamente, Facebook corrobora aquela vella teoría de que, entre dúas persoas calquera do mundo, median, como máximo, seis graos de separación. Con todo, a pesares de que o meu amigo me autorizou a facelo no seu nome, cuidome moito, como xa dixen, de intervir. Penso que se o fixese, se cadra podería cambiar o rumbo natural das cousas, o destiño de toda a humanidade, se cadra podería desencadear un efecto bolboreta tal que se producise unha reacción en cadea de proporcións, cando menos, bíblicas que nos arrastrase a todos quen sabe onde. Onde? Mmmh, penso que, talvez, a resposta á miña pregunta poda agardar implícita nela mesma. Miro e non me decido, porque sei que, cando o faga, cando interveña, xa non haberá ninguén para contestar. Os meus amigos, todos, teranse xa mudado ao seguinte invento da Rede ao que eu chegarei, como sempre, tarde.

cesar.reis.alveiros@gmail.com

27 de out. de 2009

A música galega chega ao Womex 2009

Redacción

A música galega estará presente entre os próximos 28 de outubro e 1 de novembro no Womex, a máis importante feira de world music do circuíto internacional, que desenvolverá neses días en Copenhague a súa edición de 2009. Dez empresas discográficas, dúas asociacións profesionais e o apoio institucional da Consellería de Cultura e Turismo mediante a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) despregarán na capital dinamarquesa todo o potencial dos artistas galegos actuais, identificados baixo a marca Galician Tunes, cunha estratexia dirixida fundamentalmente aos mercados europeos e latinoamericanos.

Ao encontro –no que este ano participan 3.000 axentes acreditados procedentes de 90 países– viaxan as compañías Falcatruada, Ouvirmos, Zouma Records, Berrogüetto Producións, Abada, Mare, Articket, Sul Produccións, Nordesía e Lóspregos. As dúas últimas disporán ademais de cadanseu espazo exclusivo. Xunto á representación institucional que encabezará o director da AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero, tamén estarán en Womex integrantes das dúas principais asociacións do sector: AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), en quen recaeu a organización da participación galega no evento.

No Bella Center de Copenhague quedará instalado un amplo stand patrocinado pola AGADIC, desde o que se difundirá a marca Galician Tunes como principal reclamo co que se vén promovendo nos últimos anos o conxunto da música galega actual no exterior. Darase cobertura loxística a todas as empresas desprazadas e prestaranse servizos de tradución e de intermediación comercial.

Ademais do material promocional xenérico e do particular que acheguen as diferentes discográficas, a delegación galega distribuirá en Womex 09 un CD de audio cunha selección de temas interpretados por artistas galegos, tales como bOnOvO, Fía na Roca, Milladoiro, Berrogüetto, Nova Galega de Danza, Rosa Cedrón, Mercedes Peón, Uxía, Fran Pérez "Narf" & Manecas Costa, Hermanos Moreira, Orquestra Vigo 430, ISGA Collective, Donatore di Groove, Xosé Manuel Budiño, Cristina Pato & Mutenrohi ou Anxo Lorenzo. Tamén se inclúe unha promo de varios músicos baixo o título Rumbas, procedente da plataforma Descarga ao Vivo.

Repartirase así mesmo a guía Galician Festivals, que recolle a listaxe de festivais e ciclos de música galegos máis destacados, elaborada especificamente para a promoción internacional e a revista Ao Vivo Música, editada semestralmente pola AGADIC para a promoción dos grupos e solistas participantes na programación da Rede Galega de Música ao Vivo.

A escola de Santaballa


Xulio Xiz

Na visita que hai uns meses fixen á escola da Liga en Santaballa, e da que me impresionou o edificio, entón e sempre, que teño lonxanas querencias por aquela casa monumental, non puidemos acceder a algunhas partes da antiga escola que non reunían as condicións de seguridade requiridas. E visitamos unha aula, a gran sala de actos, pero non o sobrado que estaba en non boa situación.

Pois resulta que a Deputación Provincial de Lugo, a través da vicepresidencia primeira, vai financiar as obras para amañar o tellado por un importe de 57.000€, co que os problemas do magnífico edificio centenario van quedar resoltos. Eu alégrome como sei que se alegra todo Santaballa e todo Vilalba.

Sei do traballo e entusiasmo que teñen posto os componentes do Padroado desta Escola para rescatala como edificio e como lugar de formación, e darlle vida. E moito teñen feito nestes tempos pasados, vindo agora esta obra a coroar tanto esforzo e tanto entusiasmo.

Coa noraboa a todos os santaballeses, e de xeito especial ós amigos que forman o Padroado desta escola, deixo consancia da miña ledicia porque se solucionen os problemas da gran casa da Liga Santaballesa, que na miña nenez era un dos máis importantes e fermosos edificios do mundo.

26 de out. de 2009

Coa que está caendo e a mallar sobre Quique...

Antón Baamonde

Pode consultarse en Vieiros unha entrevista con Henrique Monteagudo.

As súas opinións poden ser compartidas ou non, poden resultar agradables aos ouvidos ou non, pero son as súas opinións e ten todo o dereito a telas.

Non pode entenderse -un queda estupefacto- as reaccións que suscita, o resentimento que xera, os malos humores que provoca.

Por suposto, os seus detractores poden cuestionar o que asevera, pero o que practican é a caza do home. Son axentes provocadores, infatuados dos que ignoramos a súa identidade e que se escudan nela para o insulto e a maledicencia.

Terán un sentido do que significa a liberdade, a boa fe e o respeito aos criterios alleos?.

En qué tipo de Galicia nos propoñen vivir, cales son os seus designios, porque toda a responsabilidade que atribúen con tan grande liberalidade a outros non xera nin unha palabra de auto-reflexión, de indagación sobre o propio fracaso e impotencia?.

Un querido amigo, Rafael Martinez Castro, invirteu desta forma hai anos o coñecido verso de Novoneira “A forza do noso amor non pode ser inútil”: “Tanta inutilidade non pode ser amor”.

25 de out. de 2009

Xavier P. Docampo no Paseo dos Soños

Redacción

O escritor chairego Xavier Puente Docampo foi homenaxeado hoxe coa colocación dun fito conmemorativo da súa obra no Paseo dos Soños do río Madanela, en Vilalba.

O acto, organizado pola Fundación Manuel María e a Asociación Xermolos, contou coa presenza, entre outros, de Agustín Fernández Paz, Antía Otero, Avelino Pousa Antelo, Mercedes Queixas, Xose Cobas ou Fina Casalderrey.

Pódese ver unha completa reportaxe fotográfica dos actos picando na imaxe.


24 de out. de 2009

Programa de Buxiganga para esta fin de semana

Redacción

O proxecto Buxiganga, levado a cabo pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, procura achegar o de teatro e o traballo das agrupacións teatrais aos lucenses. Así, ao terminar o ano, as 15 compañías participantes pecharán o seu circuíto con máis de cen actuacións na provincia desde o seu comezo en xullo ata o remate en decembro. O obxectivo prioritario o traballo no eido do Teatro afeccionado, pois trátase dun proxecto deseñado e pensado para os grupos de teatro afeccionado existentes na provincia. As liñas de traballo e actuación son múltiples, pero nesta primeira xeira púxose en funcionamento unha serie de actuacións dos grupos de teatro baixo a creación dun circuíto teatral.

Máis non é só esta a única liña de traballo que marcamos desde a Área de Cultura da Deputación no eido do teatro afeccionado, senón que a formación dos formadores vai ser un dos eixos básicos dentro do proxecto teatral Buxiganga

Para esta fin de semana o programa é o seguinte:
SÁBADO 24 OUTUBRO
HORA: 20:00 horas
LUGAR: Casa da Cultura (O Vicedo)
ASUNTO: Representación da obra “O Velorio de Xan Perolo” da man do grupo de teatro Axóuxeres

HORA: 20:00 horas
LUGAR: Centro Xuvenil e da Terceira Idade (Alfoz)
ASUNTO: Representación da obra “Desde O Porto a San Ciprián” da man do grupo de teatro Ardora

HORA: 20:00 horas
LUGAR: Recinto feiral (Lourenzá)
ASUNTO: Representación da obra “Un mal día” da man do grupo de teatro Raiolas

HORA: 20:00 horas
LUGAR: Centro Sociocultural (Bóveda)
ASUNTO: Representación da obra “Hamlet” da man da Asociación Cultural Falcatrueiros

DOMINGO 25 DE OUTUBRO
HORA: 18:00 horas
LUGAR: Casa do Concello (Carballedo)
ASUNTO: Representación da obra “O Velorio de Xan Perolo” da man do grupo de teatro Axóuxeres


Pica aquí para ver a programación completa (de xullo a decembro) de Buxiganga.

23 de out. de 2009

Ramón Villares dará conferencias nas universidades de Nova York e Stanford-California

Redacción

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, viaxa hoxe aos Estados Unidos para pronunciar conferencias na City University of New York e na Stanford University de Palo Alto-California, os días 23 e 29 de outubro, respectivamente. A primeira conferencia será impartida o día 23 de outubro no Graduate Center da City University of New York e versará sobre “A cultura galega e o exilio republicano (Bos Aires e Nova York)”.

A segunda conferencia, prevista para o 29 de outubro na Stanford University, de Palo Alto-California, abordará o tema “Galicia, unha nación cultural”. Será unha reflexión sobre o proceso histórico que posibilitou a construcción de Galicia como nación-cultura no espazo europeo e na súa relación con América.

Ramón Villares é catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e ten reflexionado públicamente sobre estas cuestións en numerosas conferencias, ensaios e libros. Entre as súas obras, máis de setenta, destacan: La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, (1982), Foros, frades e fidalgos, Estudos de historia social de Galicia, (1982), Galicia. A Historia, (1984) (con versión en lingua española e portuguesa), Figuras da nación, (1997), El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX, (2001) (en colaboración con Antón Bahomonde) e Historia de Galicia (2004).

Tamén foi editor de libros como Donos de seu, (1988) e de Señores y campesinos en la península ibérica, siglos XVIII-XX, (1991) (en colaboración con Pegerto Saavedra).
Xunto con Josep Fontana dirixe actualmente a Historia de España (Editorial Crítica-Marcial Pons) que consta de doce volumes, dos que oito xa viron a luz.

A AELG organiza unha polafía en Figueirido

Redacción

O sábado día 24 de outubro, ás 18,00 horas, vaise celebrar unha Polafía en Figueirido (Concello de Vilaboa), organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo e a colaboración do Concello de Vilaboa e a Asociación Cultural Os Chichisos. Inservirán na Polafía: Felicia Insuela, Dolores Pereira, Marcial Cortegoso, Solita Pazos, Lino Lage, Rosario García, Pablo Carro, Carmen Neira, Alberto Gulías e o poeta Isidro Novo.

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións.

A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o rescatar do esquecemento e poñer en valor o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego.

O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.

O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; e dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores… etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, neste caso en Figueirido, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.

O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG, na súa Sección de Literatura Oral. As polafías terán unha duración aproximada de arredor de 90 minutos.

22 de out. de 2009

Faleceu a escritora galega Anisia Miranda

Redacción

A escritora cubana, filla de galegos, vivía dende hai quince anos en Gres, Vila de Cruces, co seu marido Xosé Neira Vilas. O enterro celebrarase mañán venres en Gres na estrita intimidade por vontade expresa da familia.

Anisia Miranda nacera en Ciego de Avila (Cuba) o 30 de decembro de 1932. Era filla de emigrantes ourensáns. Estudiou Maxisterio e Xornalismo na Habana. Por razóns familiais, no 1953 trasladouse cos pais a Bos Aires. Alí ampliou os seus estudios, e coñeceu a Xosé Neira Vilas. Casaron en 1957, ano no que fundaron "Follas Novas", distribuidora do libro galego en América, que despois foi tamén editorial.

Desde o comezo vencellouse á cultura galega. Asistiu as clases patrocinadas pala Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA) que dictaban Ramón de Valenzuela, Xeografia Galega; Alberto Vilanova, Historia de Galicia; Rafael Dieste, Literatura Galega; Eduardo Blanco Amor, Idioma Galego; Antonio Baltar, Economía de Galicia.

Traduciu ó galego poemas de autores latinoamericanos: José Martí, Rubén Darío, Amado Nervo, e ó norteamericano Walt Whitman. Todas foron aparecendo en publicacións galegas de Bos Aires.
Voltou a Cuba co seu home, en 1961. Traballou con Alejo Carpentier na redacción da revista Pueblo y cultura, e mais tarde como coordinadora nacional de edicións de libros para nenos e adolescentes, ademais de levar a administración da editorial por un tempo.

Desempeñouse como xefa de redacción do semanario infantil Pionero. Foi cofundadora e xefa de redacción das revistas para nenos "Zunzun" e "Bijirita". Colaborou en varias publicacións periódicas, dirixiu un programa de radio, actuou como xurado en diversos concursos. No eido da creación literaria é autora de obras de poesía, narrativa, teatro, viaxes e biografía. En teatro e narrativa obtivo importantes premios en Cuba, entre os que salientan tres premios "La Edad de Oro", teatro para nenos e adolescentes; e o Premio Nacional "Ismaelillo" de la Unión de Escritores e Artistas de Cuba.

Dalgúns dos seus libros lévanse publicados centos de milleiros de exemplares, en Cuba. Parte da súa obra está traducida ao eslovaco. Obtivo a medalla Raul Gómez García da Unión de Escritores e Artistas de Cuba.Tamén ten a medalla poIa Cultura Nacional, do Ministerio de Cultura de Cuba. Foille conferida a medalla Ho Chi Minh e a Orden da Amizade otorgada polo Consello de Ministros de Viet Nam, polo seu traballo de solidariedade con aquel país. En 1992 radicouse co seu marido Neira Vilas en Galicia, onde exercía como vicepresidenta da Fundación Xosé Neira Vilas.

Once finalistas optan ao I Premio de Opinión "Borobó"


Redacción

Un total de cincoenta e un orixinais concorreron ao I Premio Raimundo García Domínguez, “Borobó”, que se fallará o vindeiro sábado, día 24, no decurso do “Certame e Xornada sobre Periodismo de Opinión”, que organiza a Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC), en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia.

O xurado, integrado por seis xornalistas de recoñecido prestixio, emitiu as primeiras cualificacións sobre os artigos presentados e, sumadas as puntuacións que outorgou a cada traballo, quedan como once finalistas os seguintes títulos e lemas: “Borobó despedido”, “Borobó contra Wallace Souza”, “Ollos, línguas, corazóns”, “Pecados modernos”, “De contactos”, “Carta do Alén”, “Anacos de Compostela”, “A lección do mestre”, “Columnas en cursiva”, “Galeguiñismo” e “Polo camiño con Juliette Gréco”.

Non obstante, ata a clausura da Xornada, que se celebrará na sede compostelán da Fundación Caixa Galicia, en Rúa do Vilar nº 19, non se coñecerá o gañador do “I Premio Borobó”, dotado con catro mil euros e unha peza que representa una “Pluma de Ouro”, nin se saberá os que van obter as plumas de Prata e Bronce, como primeiro e segundo accésit, respectivamente.

Segundo o coordinador do certame, Benxamín Vázquez, “é importante o número de traballos que concorreron dentro do prazo previsto; pero, sobre todo, sorprende a súa calidade, ata o punto que ao xurado non lle será fácil decidir cál dos once finalistas conseguira o primeiro premio e, por suposto, non dispoñemos de cinco plumas de ouro, nin cheques de 4000 € para cada un”.

A Xornada sobre Periodismo de Opinión comezará as once da mañá cunha mesa redonda en lembranza de Raimundo García Domínguez, “Borobó”, na que intervirán o coordinador do Certame Benxamín Vázquez, o reporteiro gráfico da Xeración de La Noche Emilio Lavandeira Prieto, o tamén xornalista e fillo do homenaxeado Raimundo García Paz e o presidente da APSC Luís Menéndez.

De seguido participarán como poñentes sobre “Periodismo de opinión, hoxe” Xavier Navaza, redactor de El Correo Gallego; Xosé Luís Barreiro Rivas, columnista de La Voz de Galicia; Magis Iglesias, cronista parlamentaria en Madrid e presidenta da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), e César Antonio Molina, profesor de Xornalismo na Universidad Carlos III e ex-ministro de Cultura.

Puro Cora, unha biografía posible

Mario Paz González

Todo home é froito dun tempo, mais existen casos nos que esta certeza que ninguén ignora ven sendo máis evidente que noutros. O de Purificación de Cora y Más-Villafuerte ben podería ser un deles. A mención do seu nome achéganos a esa dobre vertente de, por unha banda, Gobernador Civil na España da Restauración, como activo militante dun liberalismo finisecular de estirpe monterista (por Montero Ríos) que hoxe nos resulta tan lonxano, e, por outro, a de fundador do diario lugués El Progreso. Ambas as dúas poderían ser etiquetas máis que suficientes para encher dúas liñas dunha campa de xeito ben cumprido. A primeira é, se cadra, máis agardable, pois a dedicación á vida pública e o desempeño de importantes postos na Administración era, naquel entón, o destino de moitos homes da súa condición que adoitaban non saírse moito dun guión escrito de antemán nun mundo onde a mobilidade social estaba sometida a unha rixidez que era o signo dos tempos. A segunda resulta máis sorprendente, se ben non deixa de ser certo que moitos xornais da época (e talvez aínda hoxe) xurdían como medio de expresión dunha tendencia política, ao servizo interesado dos seus fundadores.

Purificación de Cora y Más-Villafuerte naceu no pazo de Gradaílle da parroquia de Santa Cruz, no concello do Valadouro, o 2 de febreiro de 1858. Tras unha nenez no norte da provincia (o Valadouro, Viveiro ou Mondoñedo) a familia aséntase en Lugo. Logo duns anos de formación en Valladolid, onde coñece á súa dona Teresa Sabater Becerra, ingresa en 1881 como oficial de quinta clase da Facenda Pública. Iníciase, xa que logo, o limiar dunha andaina política que lle fai asumir unha morea de cargos na Coruña e Lugo, cidade na que a súa temperá inquietude o levará do Concello á Deputación. Os acontecementos familiares, uns ledos e outros luctuosos, enchen estes anos coma retallos dunha vida. Entre os primeiros, o nacemento dunha abundante prole. Dos segundos, quizais o máis terrible fora a morte da súa dona, aínda nova, en 1902, agre experiencia superada co apoio familiar e unha constante e vital actividade que o leva a implicarse máis, se cadra, no ambiente lugués como parte da xunta de goberno da Caixa de Aforros e Monte de Piedade, ou presidente do Casino de Cabaleiros e máis do Círculo de Belas Artes. Da man dos vaivéns propios do turnismo da Restauración, exercerá de Gobernador Civil de xeito discontinuo. Primeiro en Albacete, entre 1905 e 1907, período no que Montero Ríos preside o Consello de Ministros. Logo, co retorno en 1909 dos liberais ao poder, de novo en Albacete, pero tamén en Cidade Real e Cuenca. E mesmo, entre 1921 e 1927, ocupa en Córdoba a xefatura da Delegación de Facenda. Pero será no regreso a Lugo, nunha paréntese coincidente coa chegada do conservador Maura ao goberno, cando, xunto co avogado Fernando Pardo Suárez, proxecte o que será a cerna da súa biografía, a fundación dun xornal, “un instrumento que lle permita tomar partido nas liortas internas dos liberais lucenses”.

Nace así, no ano 1908 e ao abeiro da “lei Sagasta” de 1883, El Progreso, nun tempo no que existían en Lugo outros tres xornais aos que sobrevivirá o de don Puro, quen foi capaz (velaí o seu grande mérito) de albiscar os cambiantes gustos e tendencias dunha época inzada de convulsións na que a prensa ideolóxica ou de partido ía, como nos lembra o seu biógrafo Nicolás Vidal, “dando paso a un xornalismo de fasquía empresarial, como o que hoxe coñecemos”. Tamén, grazas ao desenvolvemento de novas estratexias fronte a uns competidores que se foron ensumindo pouco a pouco ata desaparecer: incluír máis ilustracións, adiantar a hora de saída, duplicar a edición diaria no período da Gran Guerra... Cómpre dicir que naquel primeiro terzo do século XX o descenso do analfabetismo permitiu a creación de moitas cabeceiras como, só en Lugo, El Regional, La Idea Moderna e o conservador El Norte de Galicia, sen contar algúns de antes e despois de 1908, entre eles o reaccionario La Voz de la Verdad, os republicanos Alborada e Vanguardia Gallega ou, sobre todo, semanarios e revistas xurdidos, uns e outras, nas décadas que seguiron, case sempre cun carácter cultural como ¡Ahora! (que cambiará nos anos trinta o seu nome polo de Guión), Yunque, La República... Entre todas elas destacaría Ronsel, dirixida por Evaristo Correa Calderón, e que contaba entre os seus colaboradores con Luís Pimentel, Manuel Antonio, Gómez de la Serna, Villar Ponte, Guillermo de Torre ou Castelao, entre outros.

Pero de todo isto e máis (como a traxectoria posterior do xornal), condimentado con algunha que outra anécdota (impagable algunha dos anos da guerra), dase boa conta nesta biografía escrita por Nicolás Vidal e que recibiu o “XXII Premio Literario Ánxel Fole” en 2008. Ao lela é doado comprobar como a singradura vital do seu fundador e a evolución do xornal están indisolublemente unidas entre si, pero tamén coa época que lles tocou en sorte, eses case corenta anos que transcorren desde a fundación de El Progreso até a morte de don Puro. Serán anos nos que, segundo Vidal, van “transcorrer unha serie de acontecementos que mudarán, en sucesión vertixinosa, o escenario político dun país en estado de efervescencia social”. Cóntasenos todo isto ademáis cunha narración de corte ensaístico de pulso firme, que consegue engaiolar sen esforzo ao lector. Se a elo engadimos o feito de seguir unha precisa e ampla documentación (como revelan as discretas citas ao pé de páxina e a abundante bibliografía final), temos dúas virtudes moi de agradecer nesta obra pois, como sinala Armando Requeixo no limiar, axúntanse nela “os coñecementos que se derivan da praxe xornalística e da teoría historiográfica, territorios ambos os dous nos que el [o autor] se move con demostrada competencia”. O libro, que inclúe abondosas fotografías na súa maioría do arquivo familiar dos Cora, non é só a historia do biografiado, senón que nel Nicolás Vidal vai tamén desenleando paseniñamente o nobelo dun lugar e dunha época, facendo un axustado percorrido por un mundo que ás veces semella tan lonxano, pero que, sorprendentemente, non deixa de atoparse, ao mesmo tempo, aínda tan perto de nós e mesmo da nosa realidade cotián.


mariopaz@avozdevilalba.com



Purificación de Cora y Más-Villafuerte,
da prensa de partido ao xornalismo como empresa.
Nicolás Vidal
Lugo: Fundación Caixa Galicia. 2009.
186 pp.


O acto de presentación do libro terá lugar hoxe
ás 20:00h. na sé da Fundación Caixa Galicia de Lugo,
na Praza de Santa María S/n. e contará coa presenza de
Xosé de Cora, Blanca Montenegro e o propio autor,
Nicolás Vidal, entre outros.

21 de out. de 2009

IV Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega

Redacción

Hoxe ás 11.30 h. tivo lugar no salón de Actos da Deputación de Lugo a presentación da IV edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega que contou coa presenza de Antón Bao Abelleira, vicepresidente da Deputación de Lugo, Xoán Manuel Tubío Fernández, secretario Asociación Gaiteiros Galegos, Antón Castro, representate da CIG Ensino e Xoán Costa, presidente da Asociación Socio-pedagóxica Galega (AS-PG).

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza a IV edición do Congreso de ensinantes de música tradicional galega co patrocinio da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo e a AS-PG, e a colaboración de CIG-Ensino. Será durante os días 30, 31 de outubro e 1 de Novembro no Auditorio da Facultade de Veterinaria da cidade de Lugo.

Tras levar varios anos celebrándose en Santiago de Compostela, o congreso trasladase en esta edición a Lugo por diferentes motivos: O principal é o silencio da consellería de cultura da Xunta de Galicia, que nun primeiro momento mostrou vontade de colaboración coa AGG en actividades como a que estamos a organizar, pero que logo, e a día de hoxe, non concretou en modo algún nin respondeu ás continuas chamadas realizadas para interesarnos pola súa postura a este respecto. Como consecuencia disto, e ante unha evidente falta de compromiso por parte da consellería decidiuse buscar alternativas de patrocinio.

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) propúxonos a posibilidade de facer o noso Congreso en Lugo, dentro do marco dunhas xornadas que esta asociación organiza na cidade en colaboración coa Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.

Calquera cultura que queira gozar de boa saúde haberá de preocuparse de ter presenza nos distintos ámbitos educativos, para facer chegar a súa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma. Estamos a falar tanto do ensino obrigatorio, xa sexa público ou privado, como das universidades, escolas de música, conservatorios e todos aqueles lugares onde se produce un intercambio de coñecementos. Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos coidamos imprescindible e necesario este proceso de transmisión, que constitúe o principal garante, non soamente da conservación das nosas tradicións, senón da súa utilidade na sociedade actual.

Este IV Congreso pretende ofrecer aos asistentes coñecementos e recursos para o ensino da música tradicional nos diferentes ámbitos educativos, pero sobre todo, pretende concienciar da importancia que ten utilizalos. Porque nos máis novos está o futuro e haberemos de saber como achegarlles tan importante legado para que o recoñezan come seu.

Asociación de Gaiteiros Galegos: 986847074 – 982229966

Magosto popular en Meira

Redacción

A Asociación Cultural Eme de Meira organiza de novo este ano o tradicional magosto popular na Praza do Convento da vila. A asociación asará o vindeiro sábado entre 50 e 100 kg de castañas para todas as persoas que se acheguen aos galpóns da Praza do Convento, que tamén poderán bailar coa mellor música tradicional da man do grupo Os Minhotos, cuxa actuación foi sufragada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. Para rematar, farase o esconxuro da queimada para purificar con augardente do país as almas dos alí presentes. A AC. Eme de Meira volve a organizar o magosto neste particular enclave, a carón do mosteiro cisterciense símbolo, xunto co Pedregal de Irimia, da vila, pola excelente acollida que esta actividade tivo o ano pasado.

O presidente de Eme de Meira, Nacho Eiros, salientou que “facer o magosto nos galpóns do Convento posibilita que a xente acuda aínda que chova, ao ser un recinto cuberto e moi recollido, para compartir animadas conversas mentres se comen as castañas asadas”. Ademais, Nacho Eiros salientou que a Asociación repite o magosto “porque a implicación veciñal é total, polo que desde Eme de Meira non podemos ter máis que palabras de agradecemento a todas e todos os veciños do Convento que sempre están dispostos a botar unha man no que faga falta”.

Do mesmo xeito, desde Eme de Meira quíxose agradecer o continuo apoio dunha institución como a Deputación de Lugo, que a través da súa Área de Cultura non só sufragou a actuación musical deste magosto, senón que apoiou á asociación meirega en múltiples actividades que leva realizado ao longo do ano. Grazas a este respaldo, Eme de Meira converteuse aos dous anos da súa existencia nun colectivo cultural de referencia na comarca, xa non só por achegarse nese breve período a un cento de socios e socias, senón polo número e o éxito das actividades que organiza, desde o campamento urbano para nenas e nenos ata a mostra de cine meirego ou os festivais Expresións Espontáneas.

Eme de Meira conta tamén en ocasións co apoio do Concello de Meira para a organización das súas actividades e, segundo expuxo o presidente da asociación, Nacho Eiros, “agardamos que o Concello teña en conta o gran traballo cultural que Eme de Meira está a realizar na vila desde a súa posta en marcha e que apoie como se merece este proxecto cultural patrimonio de todos e todas os meiregos, veciños e veciñas da comarca e xente de todos os lugares que participa tamén das actividades”.

Estreos para hoxe na Feira das Artes Escénicas

Redacción

As compañías galegas Galitoon, con Rosalía, a pulga que escribía, e Mofa e Befa, con Shakespeare para ignorantes, protagonizarán hoxe as dúas estreas absolutas da Feira Galega das Artes Escénicas 2009, nunha terceira xornada de actividade artística e comercial na que Berrobambán Teatro, Teatro do Morcego e Quique Peón exhibirán tamén os seus últimos espectáculos. A AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo organiza esta décimo sétima edición do evento, que se desenvolve ata o vindeiro venres 23 en cinco espazos de Santiago e á que asisten máis de 130 programadores, distribuidores e produtores de toda a Península.

A primeira das estreas programadas terá lugar ás 12.00 horas no teatro da ARTeria Noroeste, onde Galitoon presentará a súa nova produción de teatro de monicreques: Rosalía, a pulga que escribía. Pensado para un público infantil de entre 3 e 7 anos, o espectáculo cóntanos a historia da pulga que lle dá título e de Bruno, o canguro-carteiro que se encarga de entregar as cartas que a pequena Rosalía escribe cada día, así como de lérllelas aos seus destinatarios. Andrea Mayer é a autora desta obra, que dirixe xunto a Santiago Alonso e Luis Miguel Rodríguez, mentres que Raquel Queizás e Óscar Ferreira son os encargados de dar vida aos diferentes monecos.

A Sala Nasa acollerá, a partir das 19.00 horas, a segunda das estreas que ofrece este ano a Feira Galega das Artes Escénicas: Shakespeare para ignorantes, da compañía compostelá Mofa e Befa. Quico Cadaval dirixe este espectáculo e, xunto a Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, pon de novo en marcha a "despiadada máquina cómica" de Mofa e Befa para levar ao primeiro plano as escenas do gran dramaturgo británico máis ignoradas polo público actual. Así, os personaxes secundarios das obras de Shakespeare –asasinos, xuíces, bufóns, cornudos, delatores, etc.– pasan aquí a ter todo o protagonismo.

Esta terceira xornada de Feira dará comezo ás 10.30 horas na sala Mozart do Auditorio de Galicia con Bicharada, a última produción para público infantil da compañía Berrobambán. Baixo a dirección de Evaristo Calvo, os actores Chiqui Pereira, Paula Carballeira e Anabell Gago interpretan a araña, a formiga e o misterioso escaravello que interrompe a vida tranquila das dúas primeiras.

Teatro do Morcego, que se estrea este ano como compañía residente do Concello de Narón, presenta nesta edición da Feira Kvetch, unha comedia americana sobre a ansiedade, montaxe coa que conmemora os seus 20 anos de traxectoria artística. Álvaro Lanvin, da compañía madrileña Teatro Meridional, dirixiu esta obra do británico Steven Berkoff sobre os medos, frustracións e estrés cotiáns, que poñen en escena Celso Parada, Mónica Caamaño, Miguel Pernas, Dorotea Bárcena e Mundo Villalustre. A cita será ás 21.00 horas no Teatro Principal.

O cartel de exhibición de hoxe concluirá ás 23.30 horas no Salón Teatro con Ovay, o espectáculo co que o investigador, bailarín e coreógrafo coruñés Quique Peón inicia una nova etapa artística á fronte da súa propia compañía. Acompañado polos músicos Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero, Peón interpreta un solo de danza no que conxuga os movementos tradicionais coas formas contemporáneas. Ademais dos profesionais acreditados, o público xeral poderá acceder de balde tanto a esta montaxe como á de Teatro do Morcego, sempre en función do aforo dispoñible. Os despachos de billetes abrirán unha hora antes do inicio dos espectáculos.

Canto ao programa paralelo, a compañía Neodans ofrecerá o terceiro dos showcases de danza no que, baixo o título Nozomi, presenta unha das pezas que integran a montaxe Sólodos. Erick Jiménez e Maruxa Salas asinan a coreografía, que os bailaríns Miguel Ángel Ponte e Carmela García executarán ás 13.00 horas no adro da ARTeria Noroeste.

"Cara ás novas programacións. Determinantes e métodos para a incorporación dos formatos escénicos actuais" é o título da segunda das mesas de debate desta edición, na que intervirán como relatores Lola Correa, directora artística do Festival ALT de Vigo; Mateo Feijóo, director do Teatro de La Laboral de Xixón; e Pepe Vélez, director artístico de Teatros de Cádiz. Arantza Villar, actriz dos grupos Nut Teatro e Chévere, moderará este foro que dará comezo ás 16.00 h na sala circular do Auditorio de Galicia.

Tamén no Auditorio permanecerá aberta, en horario de 10.00 a 13.30 e de 15.30 a 18.00 horas, a zona de mercado na que están instalados un total de 16 stands de asociación e empresas escénicas.

O Alzheimer e outras demencias en Galicia

Redacción

O vindeiro mércores, 21 de outubro, vaise presentar ás 19:30 na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela, o libro 'O Alzheimer e outras demencias en Galicia. Unha visión interdisciplinaria', nun acto no que estarán presentes o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación de Santiago e coordinanador da obra, Xesús Rodríguez Rodríguez; a presidenta da Asociación de Familiares Doentes de Alzhéimer de Lugo (AFALU), Carmen Pena Ledo; a presidenta da Asociación Galega para a axuda dos enfermos de Alzheimer (AGADEA); e o director de publicacións de Toxoutos, David González Couso.

A obra, que ten entre os seus obxectivos servir de utilidade tanto para investigadores como para coidadores, inclúe unha guía sobre o actual estado das investigacións sobre esta enfermidade e tamén ofrece informacións e suxestións fundamentais para as persoas que atenden aos enfermos de Alzhéimer.

Para axudar aos afectados e os seus familiares, 'Ou Alzhéimer e outras demencias en Galicia' condensa diferentes recursos repartidos en diferentes perspectivas, como a política, educativa, médica, infraestructural, terapéutica, psicolóxica, legal ou social. O alzhéimer afecta a máis de 25.000 persoas en Galicia.

O libro está dividido en catro bloques temáticos que abordan os múltiples problemas e situacións derivadas desta enfermidade e outras demencias, así como as diversas e innovadoras estratexias desde as que facer fronte e dar cumprida resposta aos innumerables interrogantes e constantes esixencias que se derivan destas doenzas.

Os diferentes capítulos ofrecen unha recompilación ampla de recursos que permiten tratar este problema desde diferentes perspectivas -política, educativa, médica, infraestructural, terapéutica, psicolóxica, legal ou social-. Entre outros aspectos, destaca o tratamento médico da enfermidade como parte integrante dunha atención interdisciplinaria para mellorar os resultados farmacolóxicos e a vida dos pacientes, así como dos seus coidadores.

20 de out. de 2009

Premios de Teatro da Agadic 2009

Redacción

Manuel Lourenzo, coa obra Flores de Dunsinane, é o gañador da edición 2009 do Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, galardón que recibiu onte pola mañá de mans do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, no acto de apertura da XVII Feira Galega das Artes Escénicas. Coincidindo coa inauguración do evento, que se desenvolve ata o vindeiro venres en cinco espazos de Santiago, déronse a coñecer así mesmo os nomes dos autores recoñecidos este ano co resto dos premios literarios que convoca a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais): Xosé A. Neira Cruz alzouse co Manuel María de Literatura Dramática Infantil polo texto Sopa de xarope de amora, mentres que o Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques recaeu en Ignacio Vilariño por Auga que non vas beber..., na modalidade para adultos, e en Begoña García por Bon appétit, na categoría de teatro para rapaces.

Roberto Varela presidiu este acto de entrega de premios, no que a presidenta do xurado, Blanca Ana Roig, desvelou o nome dos catro autores galardoados, que percibirán unha dotación económica de 6.000 € cada un. Ademais, segundo establecen as bases, os textos poderán ser publicados pola AGADIC nalgunha das coleccións dramáticas que mantén abertas en colaboración con diferentes editoriais galegas.

Recoñecemento a un dos grandes do teatro galego
Coa concesión do XVIII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais á obra Flores de Dunsinane, distínguese a un dos grandes nomes da nosa escena, Manuel Lourenzo, quen suma así o galardón de máis longa traxectoria no ámbito teatral galego á súa ampla nómina de recoñecementos públicos como dramaturgo, director e actor.

O xurado destacou do texto gañador o seu ritmo, así como "o emprego dunha linguaxe rica, poética e expresiva dramaticamente". En Flores de Dunsinane, Lourenzo reinterpreta o Macbeth de Shakespeare, centrando o argumento en Fleance, fillo de Banquo. O compañeiro de armas de Macbeth, a quen este mandara asasinar, emprega a súa astucia para chegar a rei de Escocia e agora, vello e moribundo, recibe a visita dos seus antecesores, os Macbeth, cos que revive o reinado sanguento destes.

Manuel Lourenzo é o autor de medio centenar de obras dramáticas, entre as que se atopan Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, As criadas, Defensa de Helena, Electra, Últimas faíscas de setembro, Veladas indecentes e Insomnes. Ademais, entre os seus últimos traballos como director teatral destacan os realizados para a súa compañía Casahamlet: Contos troianos (2007), O arame (2008) e Nocturno Poe (2009). Este mesmo ano, e como dramaturgo residente do Centro Dramático Galego, asinou As dunas, espectáculo que a compañía pública estreou baixo a dirección de Quico Cadaval.

Comedia áxil e personaxes estrambóticos
O IV Manuel María de Literatura Dramática Infantil foi para Sopa de xarope de amora, de Xosé A. Neira Cruz, quen obtén por segundo ano consecutivo un dos premios literarios convocados pola AGADIC, despois de que a súa obra O punto da escarola fora recoñecida en 2008 co Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques na modalidade de teatro para rapaces.

Sopa de xarope de amora é, segundo o ditame do xurado, "unha comedia áxil e divertida, protagonizada por personaxes estrambóticos que actualizan algúns dos tradicionais contos de fadas creando unha atmosfera que estimula a imaxinación". No fallo destácase, así mesmo, a boa resolución dramática tanto dos personaxes coma dos escenarios onde se desenvolve a acción.

Xornalista, profesor universitario e autor especializado en literatura infantil, Neira Cruz presenta nesta obra as peripecias do doutor Amorodo, científico ao servizo das casas reais, que vive completamente namorado de dona Chismunda. O humor, a parodia das linguaxes teatrais e televisivas e a crítica aos poderes establecidos están presentes ao longo de toda a historia.

Musical satírico para marionetas
Canto ao VII Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, Auga que non vas beber..., de Igancio Vilariño Sanmartín, foi a obra galardoada na categoría de teatro para adultos. Neste caso, o xurado valorou a axilidade e a ironía dun texto que "entronca co teatro de Cachiporra na tradición de Barriga Verde, Blanco Amor e Dieste".

Cunha ampla traxectoria profesional no ámbito do teatro de monicreques, na actualidade Vilariño dirixe a compañía Fantoches Baj. En Auga que non vas beber..., constrúe un "musical satírico para marionetas" que, inspirado na tradición oral anticlerical ibérica, conta os amoríos do Padre Damián, párroco de Agolada.

Na modalidade de teatro para rapaces, o Barriga Verde recaeu en Begoña García con Bon appétit, que o xurado define como "unha peza de estrutura clásica que ofrece un canto á gastronomía", na que están "moi ben aderezados" os ingredientes dramáticos e culinarios, ademais de adaptarse perfectamente ao teatro de monicreques.

Actriz e autora teatral, nos últimos anos Begoña García centrouse na escrita de guións audiovisuais e de textos para a escena e para a radio. O ano pasado alzouse co galardón do xurado do II Premio de Diario Cultural de Teatro Radiofónico, convocado pola Radio Galega e o Centro Dramático Galego.

As catro obras gañadoras foron elixidas de entre o total de 41 orixinais que optaban este ano aos premios literarios convocados pola AGADIC: 21 ao Álvaro Cunqueiro, 10 ao Manuel María e outros 10 ao Barriga Verde (6 na modalidade de teatro para rapaces e 4 na de teatro para adultos). Ademais de por Blanca Ana Roig, como presidenta, o xurado da edición 2009 estivo integrado por Xosé Ramón Fandiño, Eduardo Alonso, Teresa González Costa, Jorge Rey e Gustavo Pernas Cora como vogais.

O CPXG rexeita as presións que sufriu un informador da TVG na manifestación a prol da lingua

Redacción

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) rexeitou hoxe publicamente a actitude dalgunhas persoas que acudiron á manifestación convocada por Queremos Galego en Compostela e que increparon ao informador da TVG mentres cubría a mobilización en directo. A Xunta de Goberno do CPXG entende que estas accións son presións contra os xornalistas, inadmisibles para o normal desenvolvemento do seu traballo, e lembra aos participantes que o informador traslada á opinión pública feitos, datos e declaracións a través dun medio, independentemente de que comparta ou non a súa liña editorial.


O Colexio de Xornalistas agarda que os responsables de Queremos Galego trasladen estas ideas entre os seus convocados en vindeiras mobilizacións, se as houbese, e valora positivamente a actitude daqueles representantes da organización que pediron calma e saíron en defensa dos traballadores dos medios públicos.

19 de out. de 2009

A nova cociña galega

Xosé Manuel Pacho

Coido que a cociña é outro xeito de cultura, o por mellor dixer, forma parte da cultura. Neste senso Galiza ten moito que camiñar. Os novos cociñeiros galegos agrupado no Grupo Nove amósannos que algo se move na cociña galega. De feito nunca houbo tantos restaurantes con estrelas Michelin. E hoxe estiven nun xantar onde por primeira vez na historia da cociña galega, plantexábase unha nova reformulación do cocido galego. Para os escépticos que se volven tolos coas propostas de Adriá en Catalunya ou de Aduriz en Euzkadi, hei de dicirlles que tamén neste campo os galegos son, somos, vangarda. Hoxe Javier do Restaurante A Rexidora en Ourense fixo esta proposta de novo cocido galego, cun fondo respecto ao noso, aos nosos ingredientes, pero repensado. Para os que non o coñezan e pensen que é un chainas, dicirlles que ten unha estrela michelín e está entre os 100 mellores restaurantes do Estado.

É un gusto ver como pese a todos os pesares, seguimos a avanzar. Parabéns e seguir adiante.

Unha reflexión que quero anotar. Tense discutido moito sobre o nobel da paz para Obama. Eu son dos que pensa que é fundamental marcar unha liña, e para min Obama ten máis méritos que Al Gore. Aínda que recoñezo que aínda está por ver o que fai materialmente o presidente dos USA. Se cadra todos nos estamos deixando levar pola ilusión.

Os do comité do Nobel son como os do Príncipe de Asturias, uns oportunistas. De feito, quero lembrar que Sir Winston Churchill levou o Nobel. De que alguén preguntará?

Admítense apostas.

tic tac, tic tac...

Galicia posiciónase como sede da Axencia Estatal de Radiocomunicacións


Redacción

A Comisión de Industria do Congreso dos Deputados aprobou o pasado xoves día 15 –por unha iniciativa do deputado do BNG, Francisco Jorquera– instar ao Goberno "a estudar a posibilidade de ubicar en Galicia a futura Axencia Estatal de Radiocomunicacións, xa que a Comisión de Industria valora que "Galicia reúne as condicións idóneas para ser sede desta Axencia". En aras ao acordo unánime, Jorquera aceptou transacionar un acordo co grupo socialista aínda que "o BNG contaba co respaldo do resto dos grupos para sacar a nosa proposición adiante nos seus xustos termos". O acordo recibiu 36 votos a favor e 2 abstencións (CIU).

O deputado do BNG subliñou a necesidade dun modelo descentralizado na ubicación das axencias estatais, "de feito o mesmo Goberno asuma compromisos neste sentido que é hora de que se fagan efectivos". Ademais, considerou que "as rexións obxectivo de converxencia, como é o caso de Galicia, deben ser unha prioridade". Nesta liña, puxo de manifesto as razóns da idoneidade de Galicia como sede da Axencia Estatal de Radiocomunicacións. "A nosa aspiración conta cun amplo consenso político compartido por institucións galegas como universidades, centros tecnolóxicos, empresas e colexios profesionais".

Despois de ofrecer datos do volume de negocio que move a industria das telecomunicacións en Galicia, Jorquera mesmo enfatizou, as características da orografía galega "que tantas veces se alude para xustificar retrasos na execución de infraestruturas, neste caso aporta valor engadido a esta candidatura, pois é idónea para todo tipo de probas e estudos", apuntou o deputado.

Revista de Prensa: EL CORREO GALLEGO

Claro que queremos galego !

Antonio Cendán Fraga

Pois claro que queremos galego! E non só iso tamén lle queremos ao galego, é dicir a nosa fala. Convidamos a todos, sexan de dereitas, centro ou esquerdas, aos ácratas tamén, e aos que non saben de que vai a festa que tamén se sumen a ela. Do mesmo xeito, as plataformas que odian a nosa fala, entre elas Galicia Bilingüe, a que fagan un esforzo e lle dean bicos a fala rosaliana. Convidamos tamén a eses catro conselleiros que o descoñecen a que aprendan un novo idioma, que pode ser moi útil en 2016 nas Olimpíadas de Rio de Janeiro, ou dous anos despois cando supostamente se celebre o Campionato Mundial de Gútbol en terras hispano-lusas. Vaia se o galego ten utilidade. Máis da que pensar. Por iso: Queremos galego e querémoslle ao galego e tamén a esas terras conveciñas de Asturias e León nas que tamén se fala a lingua na que escribiron Curros, Otero Pedrayo, Vicente Risco e tantos outros.

Convidamos tamén a eses catro ministros do Goberno central, entre eles Helena Salgado, a que ademais de exercer de galegos, expresión que nunca comprenderei o que significa, a que o divulguen, que falen cando menos nos corredores dos Consellos ministeriais e tamén nos do Congreso dos Deputados, onde o único que o falou foi curiosamente un catalán, Xosé Lois (Josep Lluís) Carod Rovira. Instamos tamén os nosos deputados, de calquera dos tres partidos a que fagan un uso ostentoso da nosa lingua, e logo que nos falen, en galego, das consecuencias que ten. Animamos tamén a Carlos Negreira a que lle chame Coruña a súa cidade, sen o "L" ou tamén sen o "A", como fan a meirande parte dos seus paisanos cando falan.

Fagamos tamén un chamamento a eses que fan vitimismo dicindo que o que está en perigo é o castelán, que acusan aos outros de violentos cando eles supostamente levaron algún que outro acto de salvaxismo en contra de persoas que non pensaban coma eles. Únanse tamén que o galego é un idioma amigo. Se se lle quere non hai porque terlle medo. Non é ningún lobo asasino nin nada que se lle pareza. Estendamos tamén a chamada aos responsábeis dos medios de información públicos e privados galegos para que neles se mellore o gran vehículo de comunicación que temos en común todos os que nos tocou vivir nesta terra a que tanto lle queremos e polo tanto tamén amamos a súa fala primixenia.

Por razóns que resultan obvias comecei escribindo este artigo con bo humor e sen ánimo de ofender a ninguén, precisamente porque a miña fala é unha cousa moi seria, tanto que me dá algo de medo que se teñan que formar plataformas para salvalo, aínda que lles dou a benvida coma non podía ser doutro xeito. Poren, a certeza de que se quere acabar cun idioma, algo que comparto plenamente cos impulsores de Queremos Galego, levou a esta marabillosa xente a ter que conformar un ente no que non se discrimina a ninguén por razóns ideolóxicas ou calquera outra. Se a nosa lingua tivese un desenvolvemento normal, estas entidades non terían razón de ser.

Rebelión cívica en Compostela a prol do galego


Manuel París

Galicia rebelouse civicamente hoxe en Compostela a prol do noso idioma. A manifestación convocada pola plataforma cidadá “Queremos Galego” conseguiu reunir a máis de 50.000 personas na capital de Galicia, que acudiron dende distintos puntos do país para reivindicar o dereito a vivir en galego e criticar a política lingüística do actual Goberno da Xunta.

Tamén estiveron presentes representantes de movementos cívicos de El Bierzo do Valle del Jálama (Extremadura), ademais de recibirse numerosas adhesións de apoio dende colectivos da emigración en Arxentina e Cuba. "Somos galegos e temos dereito" e "Na Galiza, en Galego" foron algunhas das consignas coreadas pola xente dende a Alameda até a emblemática Praza da Quintana, que se baleirou e encheu por completo en dúas ocasións.

Os dous partidos da oposición contaron cunha ampla representación, tanto de dirixentes coma de militantes. Por parte do BNG acudiu a practica totalidade da cúpula, encabezados polo voceiro Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich, Teresa Táboas, Francisco Jorquera e o resto a Executiva Nacional. Pola súa banda, o PSdeG-PSOE estivo representado polo Secretario Xeral, Manuel Vázquez, que estivo acompañado polo ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, e os deputados Francisco Cerviño, Xaquín Fernández Leiceaga, Beatriz Sestayo e Ceferino Díaz. Tamén acudiu o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. Asemade, houbo representacións de outras forzas políticas como Esquerda Unida, Terra Galega e o 'popular' Rafael Cuíña, fillo do finado Xosé Cuíña Crespo.

Do eido da cultura participaron Avelino Pousa Antelo –que agardaba no palco da Quintana a chegada dos manifestantes-, Teresa Moure, Césareo Sánchez Iglesias, Mini e Mero, Víctor Freixanes, Manuel Rivas, Xurxo Lobato, Bernardino Graña, Andrés Torres Queiruga, Susana Seivane, Manuel Lourenzo e Xurxo Souto, entre outros.

Pica na imaxe para ver a reportaxe fotográfica da xornada. Fotos de Paulo Naseiro.

18 de out. de 2009

As bicocas de San Caetano

Moncho Paz

O meu amigo Iago está interesado en cambiar de coche; precisa un vehículo con maiores prestacións que o seu compacto deportivo. Como é pai de tres fillos –dous maiores e un meniño– pensa na posibilidade de mercar un automóbil máis potente e seguro, sobre todo nos desprazamentos longos. E por fin atopou unha boa oportunidade; pero terá que madrugar se ao final decide considerala. Hoxe sábado, ás nove da mañá, nas instalacións de San Caetano, terá lugar a poxa de vinte coches Audi de alta gama, con prezos que van dende os 9.140 euros dun A8 de 2000 –motor diésel– até os 38.890 € do mesmo modelo de 2005 en versión gasolina. Fóra de dous, o resto son vehículos “de época”, é dicir, da etapa final de Fraga como presidente da Xunta.

Afortunadamente para Iago, entre a variada oferta non se atopa ningún coche blindado. “Mellor, así non terei que gastar moito en pneumáticos”, recoñece. Convencido da magnífica ocasión, non dubidou en chamar ao teléfono de contacto indicado na convocatoria do alleamento publicada no Diario Oficial de Galicia. Alén do aparello, un amable interlocutor describiulle con detalle as características técnicas e o equipamento dos vehículos, animándolle a aproveitar esta singular oportunidade. Iago estaba case convencido –e a piques de facilitar os seus datos persoais para concertar a cita previa– cando, de súpeto, decatouse de que aínda tiña no tinteiro un par de aclaracións importantes.

A primeira: - Gustaríame facer unha proba de estrada antes de participar na poxa. Resposta: - Vostede pode vir cando queira a ver o vehículo, pero lamento comunicarlle de que a proba que solicita non vai ser posible porque na Consellería non queren que os coches circulen por aí. Conclusión de Iago: non o entendo, sempre que merquei un automóbil, tanto nun concesionario oficial como a un particular, non atopei impedimentos de proba.

E a segunda: - Por certo, quixera saber que garantía ofrecen. Resposta: - Aquí as únicas garantías son o historial de avarías e o libro de mantemento, no que vostede pode comprobar que as revisións foron realizadas segundo os requisitos técnicos da marca; de feito, todo o mundo que pasou a ver os vehículos sorprendeuse do seu magnífico estado de conservación. Conclusión de Iago: en calquera operación de compravenda, o vendedor ofrece unha garantía mínima dun ano. Finalmente, o meu amigo non irá hoxe á poxa e sopesa se acudir ao Instituto Galego de Consumo.

17 de out. de 2009