Revista avozdevilalba.com de novembro


Redacción

Xa se pode descargar o número 18 da revista avozdevilalba.com, que recolle os principais contidos da edición dixital do mes de novembro.

Como de costume, pódese baixar o arquivo .pdf picando na imaxe da esquerda.

30 de nov. de 2009

Galicia na Feira do Libro de Guadalajara

Redacción

Galicia está representada na Feira non só pola mostra da última produción editorial en lingua galega, senón tamén pola intervención directa en actos e reunións de carácter profesional, do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López; o presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso G. Sanmartin; os ilustradores Kiko da Silva e Carlos Portero; e dos escritores Alfredo Conde, Manuel Rivas e Fina Casalderrey, ademais de representantes de varias editoriais. Considérase a FIL como o máis importante evento do libro no continente americano, coa presenza de editoras de 40 países e 600.000 visitantes, dos que 17.000 corresponden ao sector profesional.

A primeira das actividades organizadas celébrase hoxe domingo cando a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura organiza un taller de ilustración e de banda deseñada a cargo de dous dos mellores ilustradores galegos do momento, Kiko Dasilva e Carlos Portela. Ata o día de remate da Feira, o vindeiro 6 de decembro, a delegación galega participará noutras actividades de presentación de libros, lectura de poesía, mesas redondas e encontros profesionais, incluso en sesións de iniciación e animación á lectura con escolares e docentes mexicanos de educación primaria e secundaria.

No decurso desta edición da FIL, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura presentará o proxecto "2010 Ano do Libro e a Lectura"; e proporá que en 2011 a Comunidade galega sexa Convidada de Honra do evento feiral, título reservado para unha rexión ou país seleccionado pola entidade organizadora, que se converte en centro de atención do público profesional e visitante de cada edición. Este ano por primeira vez o convidado estrela é unha cidade, Los Angeles.

A Feira mexicana é unha das principais ferramentas que existen para dar a coñecer no exterior a produción editorial galega, a través dunha plataforma internacional que, desde a súa creación en 1987, se foi convertendo nun dos principais mercados mundiais do libro. Segundo datos da organización, á FIL acode anualmente unha media de 17.000 editores, axentes literarios, tradutores, distribuidores e bibliotecarios, que realizan transaccións comerciais e profesionais por un valor estimado de 16,7 millóns de euros, ao que se suman as vendas ao público visitante, estimadas en 5,3 millóns de euros.

29 de nov. de 2009

A política lingüística da Xunta, cuestionada internacionalmente

Redacción

A Axencia Europea para as linguas Minorizadas –European Bureau for Lesser-Ussed Languages (Eblul)– emitiu onte unha resolución pola que esixe á Xunta de Galicia que remate coas iniciativas que tomou nos últimos meses en contra do idioma galego nos diferentes eidos. Este organismo considera que estas medidas “supoñen unha vulneración de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado español, como o pacto internacional de dereitos civís e políticos ou a carta europea de linguas rexionais ou minoritarias”.

A axencia, promovida polo Parlamento Europeo, ten tamén rango de entidade consultiva desta institución, da ONU e do Consello de Europa. Por iso, considera “de especial gravidade” que o Goberno galego non teña en conta o último ditame do Comité de Expertos do Consello de Europa sobre a situación lingüística de Galicia, emitido a finais do ano pasado. Como dato significativo, sinalar que esta institución, que promove os dereitos humanos e a democracia, consideraba as Galescolas como un “dos proxectos máis aplaudidos” por ser “a única rede de ensino infantil que contemplaba con normalidade o uso do galego”.

A resolución foi aprobada polo comité español do Eblul na reunión que celebrou o xoves en Barcelona. A proposta, realizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, saíu adiante por unanimidade, polo que o presidente da Mesa e representante galego en Barcelona, Carlos Callón, amosouse “moi satisfeito”. Así, lembrou que a resolución “vénse unir a chamadas no mesmo sentido por parte da Real Academia Galega ou do Consello da Cultura Galega, alén do clamor da sociedade”. A resolución da Eblul remata advertindo á Xunta que “trasladará esta situación aos diferentes foros internacionais en que se encontra presente”, no caso de que a política autonómica non experimente variacións.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, defendeuse desas acusacións asegurando que “non hai nin houbo ningunha actuación desprotectora do galego” senón que, co cambio de goberno, houbo “ritmos” e “actuacións” distintas ás do goberno anterior. Lorenzo tamén asegurou que “as Galescolas non están desmanteladas” e que “o goberno galego non incumple ningunha normativa nin tratado internacional”. Por todo iso, o seu departamento chegou a dicir que a axencia para as linguas minorizadas “descoñece a realidade lingüística de Galicia”.

28 de nov. de 2009

O peso da Historia

Mario Paz González

Aos que, coma min, somos afeccionados a ver libros de fotografía gústanos, a miúdo, imaxinar as vidas dos que alí aparecen retratados, especialmente cando se trata de xente anónima, persoas cuxa existencia –no caso de que a foto sexa moi antiga–, se cadra, xa se ten borrado ou esvaecido definitivamente, deixando apenas esa imaxe como único escintileo de inmortalidade.

Neste mes, coa conmemoración do vinte aniversario da caída do Muro de Berlín, púidose ver de novo, reproducida na prensa, unha imaxe que sempre me chamou a atención e me fascinou pola súa indubidable plasticidade. Trátase da famosa foto tomada o 15 de agosto de 1961 polo fotógrafo alemán Peter Leibing na que se pode ver a un soldado, na fronteira entre Berlín Este e Berlín Oeste, que salta sobre un aramado co poderío e a lixeireza propios dun bailarín de ballet clásico, mentres, como nunha coreografía estudada, arroxa o seu rifle ao chan. Hei recoñecer que son este tipo de comparacións as que me fan pensar que todo nesta foto parece dotado desa imaxinaría propia dunha posta en escena: os transeúntes parolando quedamente no fondo que miran con apracible curiosidade; o home do gabán, situado en primeiro plano, que, coma se fose un turista, filma o acontecemento; a caseta que advirte de que alí remata un dos sectores dunha cidade absurdamente dividida… Podería parecer, mesmo, a rodaxe doutra película de tantas sobre a guerra fría que naqueles anos partía Europa.

Agora, ao vela novamente nos medios, non puiden evitar preguntarme que sería daquel home novo, con probabilidade tan común e tan remoto como calquera de nós se non fose polo simple feito de que a acción que protagonizou ese día afastado habería de convertelo nun símbolo máis, entre outros, da fuxida cara a unha ansiada liberdade.

Cómpre aclarar que, do mesmo xeito que "Le Baiser de l'Hotel de Ville" de Robert Doisneau, a fotografía de Leibing tamén estaba, dalgún xeito, preparada, aínda que as circunstancias e posibles consecuencias tráxicas que podía carrexar, non eran en absoluto comparables. Segundo parece, aos tres días do peche da fronteira entre o sector ruso e os outros tres en que se dividía a cidade (americano, británico e francés) o fotógrafo, que por entón traballaba para a axencia de Hamburgo Contiepress, recibiu o aviso de que un soldado do Nationale Volksarmee (Exército Popular Nacional) da RDA, ía saltar o aramado para fuxir escoltado nun furgón da Policía da República Federal. Isto explicaría a súa presenza –do fotógrafo– e a do home co tomavistas agardando para inmortalizar o acontecemento. Pero nunca deixei de preguntarme sobre os motivos que en realidade levaron a Conrad Schumann, así se chamaba o soldado, a saltar o aramado e a miña mente non deixou de bosquexar diversas, sen dúbida vas, hipóteses do que probablemente nunca sucedeu. Talvez porque, tratándose do contexto da guerra fría, as novelas e películas que lin e vin fanme crer en sombríos labirintos de conspiración e de espionaxe. Probablemente non sexa nada diso, pero non podo deixar de pensar que quizais, máis aló do anguria producida polo falla de liberdade, o que puido mover a aquel raparigo de apenas dezanove anos foi un certo desexo de notoriedade, de fuxida da mediocridade común, do destino vulgar e escuro ao que estaría, como dalgunha maneira todos o estamos, tristemente abocado. Fíxome pensar nisto saber que, ao final, pagou un alto prezo pola súa temeridade, por acadar esa precaria liberdade recentemente conquistada. Non só o illamento dos seus, familia e amigos, que non puideron fuxir, senón tamén as dificultades para atopar un traballo estable. En 1989, tras o derrube definitivo do Muro admitiu que o feito de verse a si mesmo coma un fracasado, sen amigos e sen porvir, fíxolle caer na bebida durante unha decena de anos. Con todo, aínda que tamén admitiu que nunca se laiara polo seu salto, en 1999, ao cumprirse os dez anos da unión das dúas Alemanias, suicidouse nun bosque preto do seu domicilio en Kipfenberg (Baviera).

A miúdo a vida está chea destes paradoxos, existencias de seres anónimos (a intrahistoria unamuniana) que, malia protagonizar feitos heroicos que chegan a adquirir un carácter inequívocamente simbólico, non poden resistir o peso da súa propia lenda. O peso da Historia. Con todo, para nós, pode quedar polo menos o consolo de crer que accións como o salto de Schumann iluminaron a moitos o camiño cara a unha Europa máis libre. Ao ver na televisión as rúas de Berlín, neste novembro de celebración, e a boa parte da súa xente paseando despreocupados baixo os tilos máis aló da Porta de Brandenburgo, podíase sen dúbida sentir, dalgún xeito estraño, a emoción da lembranza por todos aqueles que, como Schumann, achegaron o seu gran de area na loita pola paz. Nas facianas emocionadas percibíase máis que nunca ese aroma de liberdade e ese sentimento único, ese xeito especial de relacionarse co tempo que caracteriza aos habitantes dunha cidade que leva nos seus ombreiros o peso insondable dos terribles acontecementos vividos ao longo do século pasado. Unha cidade na que se mesturan, como outro símbolo máis, a modernidade máis visionaria con esa profunda dignidade do gastado, do que sobreviviu ao paso dos anos, entrelazando así, con harmonía e cautela, un pasado terrible e un futuro, esta vez quizais, esperanzado.

mariopaz@avozdevilalba.com

Imaxe: © Peter Leibing

27 de nov. de 2009

Polafía en Cabreiros, Xermade

Redacción

O sábado, 28 de novembro de 2009, ás 7 da tarde celebrarase unha nova polafía en Cabreiros, no concello de Xermade, organizada pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), patrocinada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo e coa colaboración da Asociación de Veciños de Cabreiros. Nesta ocasión intervirán Isidro Novo, Xavier Blanco e varias veciñas e veciños de Xermade e arredores, para contar e contar, para conversar e escoitar.

As polafías son unha proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións.

A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.

O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.

O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG, na súa Sección de Literatura Oral. As polafías terán unha duración aproximada de arredor de 90 minutos.

Concerto en dúas linguas para dous actores e un músico

Redacción

Mañá sábado 28 de novembro, ás 20:00 h. representarase na Sala SANTART, de Compostela, o espectáculo "Coa palabra na lingua: concerto en dúas linguas para dous actores e un músico", da compañía Teatro Nu. Dous actores (Mónica Camaño e Zé Paredes) de diferentes nacionalidades, diferentes linguas, aínda que unidos por moitas afinidades culturais, constitúe un problema á hora de deseñar un proxecto. Semella que non. A convivencia do galego co portugués parece posíbel, alomenos sobre o escenario como nos demostra este espectáculo. Por iso Teatro Nu, a compañía, procura, nun xénero límite, como é a poesía, o encontro teatral de dúas formas de falar distintas.

A través da discusión de dous actores sobre a súa condición, establécese un diálogo poético co apoio e interacción dun músico, actor tamén. COA PALABRA NA LINGUA, é un percorrido emocional pola poesía, portuguesa e galega, unificadas no acto teatral. Dende os poetas de comezos do século XX ata os de agora, as dúas linguas desfilan musicalmente polo corpo e pola voz dos intérpretes: Fernando Pessoa, Álvaro Cunqueiro, Ary dos Santos, Avilés de Taramancos, Marta Dacosta, Maria Teresa Horta, Chus Pato... Son algunhas das falas posibles neste traballo.

O espectáculo está dirixido por Zé Paredes e conta con escenografía e vestiario de Mónica Camaño. A música orixinal é de Anxo Graña, o deseño gráfico de Olalla Camaño e a fotografía de Xabi Castro.


Reserva a túa entrada dende a web da Sala SANTART: http://www.salasantart.com/
Ou ben chamando aos teléfonos: 981 592 665 / 630 017 268

Músicas galegas de actualidade

Redacción

Desde o 30 de novembro e ata o 4 de decembro de 2009, a AS-PG e a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo organizan un ciclo de confencias e concertos, neste caso centrados nas músicas galegas de actualidade que se van desenvolver entre as 19:30 e as 21:30 horas no Museo Provincial de Lugo.

Consulta o Programa aquí. Para máis información e inscripción pica aquí.

26 de nov. de 2009

Concerto de Eulalia Solé en Lugo

Redacción

O vindeiro 11 de decembro a concertista Eulalia Solé actuará no Círuclo de Belas Artes de Lugo ás 8:30 do serán interpretando pezas de Mozart Schumann e Enrique Granados. A madurez interpretativa de Eulàlia Solé converteuna nunha das pianistas máis consolidadas do panorama musical español. Nada en Barcelona no seo dunha familia de fondo raizame musical, comeza os seus estudos musicais no Conservatorio Superior de Música de Barcelona, onde cursa a especialidade de piano co mestre Pere Vallribera. A súa actividade como intérprete empeza a moi temperá idade. Con tan só 14 anos ofrece o seu primeiro recital de piano e só un ano despois ofrecerá o seu primeiro concerto con orquestra, interpretando as Variacións Sinfónicas de César Frank e o Concerto nº 3 para piano e orquestra de Beethoven. Bolseira polo goberno francés viaxa a París para estudar durante tres anos baixo a dirección de Christiane Sénart, quen exercerá unha notable influencia na súa traxectoria artística.

Tras o seu regreso a Barcelona, cunha técnica máis sólida e unha maior madurez musical, retoma a súa actividade de concertista e participa con gran éxito en varios concursos obtendo, entre outros, o Premio á Mellor Concertista Xuvenil de España, o Primeiro Premio de Mocidades Musicais, o Premio especial no Concurso Internacional de Santa Cruz de Tenerife e o Segundo Premio no Concurso Internacional de Xaén. Durante este período continúa a súa formación con mestres da talla de Alicia de Larrocha e Wilhelm Kempff. Aos 25 anos é bolseira pola pianista italiana María Tipo para estudar un ano en Florencia. Tras diplomarse no Conservatorio Luigi Cherubini desta cidade e xa diplomada en Barcelona volve a París, onde obtén o Diploma Europeo do Conservatoire Européen co Primeiro Premio unánime do xurado.

O inicio da súa carreira internacional comeza o ano 1980 no Carnegie Hall de Nova York, sala na que debutará interpretando as Goyescas de Enrique Selectos. Desde entón realizou un gran número de xiras internacionais (EE.UU., Porto Rico, Francia, Italia, Bélxica e Checoslovaquia, entre outros) ofrecendo recitais de piano só, convidada por grupos de cámara ou por orquestras de recoñecido prestixio.

Igualmente participou nos festivais máis prestixiosos do noso país como o Festival Internacional de Música e Danza de Granada, o Festival Internacional de Música Castell de Peralada, o Festival de Música Contemporánea de Alacante, a Quincena Musical de San Sebastián, o Ciclo Mozart de Barcelona, o Festival de Cadaqués, o Festival de Santas Creus, O Festival Pau Casals o Festival de Música de Vigo e un longo etcétera.

Eulàlia Solé dedicouse coa mesma intensidade á música clásica e á contemporánea, dominando ambos os dous estilos cunha técnica e mestría incuestionable. A súa longa carreira profesional permitiulle posuír un abundante repertorio que percorre desde obras de Bach até obras dalgún dos nosos autores contemporáneos máis destacados, como Tomás Marco, Ramón Barce, Josep Adoitar, Carlos Cruz de Castro e Joan Guinjoan, cuxas obras en moitas ocasións foron estreadas por ela mesma ou lle foron dedicadas especialmente.

Unha mostra de todo iso pode atoparse nas súas gravacións para a radio e a televisión de varios países e na súa discografía, entre a cal destacan As Goyescas de Enrique Selectos editadas por Edisa e Harmonía Mundi (1972), a Obra para piano de Manuel de Falla (1987), editado por etnos, Música per a piano de Josep Adoitar (1993), editado pola Fundació Música Contemporánea ou as Variacións Goldberg, BWV 988 de Bach (2006), editado pola Generatitat de Cataluña.

Un dos momentos máis destacados da súa carreira artística máis recente foi a súa interpretación das Variacións Goldberg de J. S. Bach por encargo do Festival Internacional de Música Castelo de Peralada. O gran éxito de crítica que recibiu permitiulle interpretar esta obra en numerosas ocasións e propiciou que este festival a convidase a tocar de novo, en dous anos consecutivos, os dous libros da clave ben temperado do mesmo autor, o segundo deles coincidindo co Ano Bach.

Na actualidade compaxina a súa carreira de intérprete e concertista cun importante labor como docente. É profesora de piano da Escola Superior de Música de Catalunya (ESMUC) e é convidada a impartir Clases Maxistrais nos principais Conservatorios e Escolas Superiores de Música. Igualmente participa desde hai anos en xurados nacionais e internacionais de interpretación pianística.

Participa no sorteo de entradas que realiza ocioenlugo.com

Seisporseis punto de encontro

Redacción

6x6 Punto de encontro é unha proposta interdisciplinar de artistas emerxentes no eido das artes do movemento, do teatro, da plástica…. Tendo coma exio común a palabra. 6x6 Punto de encontro. son 6 espectáculos de 3 creadores para diferentes espacios da casa das palabras. A palabra como nexo, como punto de encontro, entre os creadores e creadoras que se atopan por primeira vez para crear un espectáculo.

6 x6 Punto de encontro é unha intervención destes 18 creadores para un espazo emblemático da cidade: O Verbum, a casa das palabras da Artística Teatro & Danza (Vigo) un espazo adicado ao fomento das artes escénicas,en especial ao teatro e á danza contemporáneas, en Vigo. Xestionado por A Factoria Teatro e Disque Danza, é o seu lugar de traballo, investigación e punto de encontro do seu equipo artístico.

Estas intervencións visibilizaránse os xoves a partires do 29 de outubro ata o 3 de decembro no Verbum, a casa das palabras.

29 Outubro, 20:30 “A palabra Falada” - Anabel Gago / Rocío González / Borja Fernández
12 Novembro, 20:30 “A palabra sonora” - Clara Gayo / Jesús González / Uxía P. Vaello
19 Novembro, 20:30 “A palabra imaxe” - Toni Salgado / Fran Peleteiro / Xosel Díez
26 Novembro, 20:30 “A palabra escrita” - Xesús Valle / Santi Cortegoso / Marián Bañofre
03 Decembro, 20:30 “A palabra signo” - Mónica de Nut / Gena Baamonde / Lops
05 Novembro, 20:30 “A palabra Movemento” - Madamme Celle / Lauren Atanes / Tayone

Información sobre o espectáculo e os creadores que nel interveñen aquí.
Información sobre A Artística aquí.

'Desinformación' de Pascual Serrano

Redacción

A Asociación Cultural Fuco Buxán organiza o venres, 27 de Novembro 2009, ás 20 h. no Campus Universitario de Esteiro - Ferrol a presentación do libro: “DESINFORMACION : Cómo los medios ocultan el mundo”, de Pascual Serrano, con prólogo de Ignacio Ramonet. No acto de presentación participará, ademáis do propio autor, Manuel Rodríguez Carballeira, Presidente da A.C. Fuco Buxán.

Pascual Serrano é fundador de REBELION.ORG (Diario alternativo, en Internet). Membro fundador da Rede de Intelectuais en Defensa da Humanidade. Colabora no diario “Público”, “Le Monde Diplomatique”, “Mundo Obrero” e na revista cultural cubana “La Jiribilla”.

Nesta obra, “Pascual Serrano, cunha incisiva mirada, desentraña o funcionamento dos grandes medios de masas para facernos comprender que a desinformación é unha constante. O que cremos que está sucedendo no mundo é só unha falsa composición ao servizo duns intereses que van, aos poucos, conformando a opinión pública. A obra, ademais, propón técnicas e hábitos de lectura para fomentar unha nova actitude, independente, ante a información e promover así unha cidadanía resistente á manipulación”.

25 de nov. de 2009

"Ás portas de Rinlo", no Museo de Lugo ata o 29 de novembro

Redacción

O próximo domingo, 29 de novembro, ás 14.00 horas clausúrase a exposición fotográfica ÁS PORTAS DE RINLO, de Fernando Páez.
Esta mostra forma parte da iniciativa cidadá “A prol de Rinlo BIC” que promove a difusión, defensa, e conservación dos valores patrimoniais de Rinlo e a súa declaración como Ben de Interese Cultural de Galicia (BIC) na categoría de Lugar Etnográfico.

O catálogo da exposición que publica a Área de Cultura da Deputación de Lugo reúne cincuenta imaxes tomadas por Fernando Paéz os primeiros meses do 2009. Estas fotografías documentan a paisaxe de Rinlo mediante un estudo minucioso das xentes, das casas e do medio buscando unha xenuina comprensión dos códigos estéticos. O fin último é mostrar a beleza do vernáculo e da paisaxe histórica reclamando actuacións que respecten a memoria e manteñan viva a identidade local dos nosos núcleos tradicionais.

Pica aquí para ver o folleto informativo.

Entrada gratuíta
Horario
Luns a venres: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:30 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.

Programación de AchegArte 2009

Redacción

AchegARTE é un evento pensado como espazo de encontro, de intercambio de experiencias e difusión da cultura galega. Unha oportunidade para coñecermos unha mostra da súa ampla oferta cultural. Por iso o vindeiro fin de semana o Palexco e o Kiosco Alfonso acollerán unha cita importante coa cultura galega, AchegARTE: A Cultura que facemos. A cultura que queremos impulsada pola Concellaría de Cultura que dirixe María Xosé Bravo. Nesta cita coa cultura galega poderase gozar do teatro, a música, as artes plásticas, o audiovisual, a danza, a palabra cantada e falada.... mais tamén será o lugar onde mercar libros, música, películas… Ademáis existe a posibilidade de participar en obradoiros de ilustración, de danza, de música, de teatro, de pintura ou maxia, para grandes e pequenos.

A convocatoria de Achegarte partiu dun colectivo de persoas que reclamou da Consellería de Cultura Concello da Coruña a reedición do Culturgal, un acontecemento que reuniu o ano pasado a miles de persoas na cidade arredor das distintas manifestacións da cultura galega. A partir de aí, a Concellaría de Cultura fíxose eco desta iniciativa colectiva e desinteresada, achegando o seu apoio e sumando tamén o da Área de Promoción Económica da Vicepresidencia da Deputación para facermos realidade esta sugestiva proposta. “Unha iniciativa importante para dar visibilidade á nosa cultura, para difundila e sobre todo para demostrar que ten un peso decisivo na economía do país” tal e como destacou a Concelleira de Cultura “porque a cultura xera riqueza e emprego e porque o investimento en cultura é sempre rendíbel a longo prazo”. Nesta feira/festa da cultura ao longo da fin de semana haberá espazo para as artes escénicas, as artes visuais, a música, o libro, o audiovisual, a danza e os servizos socioculturais.

Bota unha ollada ao programa completo.

Outros xeitos de aprender


Xulio Xiz

Non poido evitar que os meus estudios de Maxisterio me inclinen a prestar especial atención ó mundo do ensino, e unha foto de hai tempo desperta a miña lembranza, xa que nela aparecen os mestres das antigas escolas do Campo da Feira, que os maiores de Vilalba coñecimos e tratamos.
Hoxe, que calquera centro educativo ten vinte ou trinta profesores, podemos lembrar aqueles seis históricos, que gobernaban as ducias de rapaces que estudiaban nas escolas siutadas no lugar que hoxe ocupa a casa do Concello.

Tres homes e tres mulleres... Nos homes, Celestino Álvarez, co que eu fixen as prácticas de maxisterio; Felix Marín, que foi meu profesor de debuxo na Academia, e Lorenzo Mateos. Nas mulleres, Engracia Vérez, que daquela non sabiamos era inspirada poeta; Concha Ocampo, filla do “vello barbas” –eu sería andando o tempo en Lugo compañeiro da súa irmá Camila – e Pepucha Leira, a nai e avóa dos vilalbeses García Leira.

Agora menciónoos sen tratamento, pero daquela ninguén ousaría apeárllelo, e na miña conciencia quedan nomeados como don Celestino, Don Felix e Don Lorenzo; doña Engracia,doña Concha e Doña Pepucha, os seis catalizadores culturais que posibilitaron que centos de vilalbeses se achegaran ó mundo da cultura. A educación en Vilalba en tempos estaba representada por estes seis profesores, as escolas de Doña Amelia e Doña Sagrario, e a Academia Santa María. E a pasantía de Don Juan, que por outra parte era o Xefe de Telégrafos.

Frente a aquel ensino que na actualidade só lembramos os máis veteranos, outros xeitos, outros tempos. E deles, chamoume a atención un taller celebrado no museo vilalbés para aprender a facer lucernas, candiles lles chamaríamos propiamente, dos tempos de Roma. Os románs, os nosos devanceiros, alumaban as súas casas na noite con “lucernas”, lámparas de aceite, feitas a molde con finas cerámicas, decoradas con motivos vexetais, mitolóxicos ou eróticos.

Nun curso celebrado no Museo Arqueolóxico vilalbés, os alumnos a partir dun molde construíron lucernas para aprender como era o procedemento seguido noutrora. Utilizaron escaiola e barro para o molde, barro para a peza, que logo coceron nun forno para que quedase dura e impermeable, fermosa e presentable xa que non está chamada a ter a función de iluminar, senón somente ornamental.

Pero para apreciar a evolución nada mellor que saber que na comarca, no rural, preto de Vilalba, temos ata 120 estudiantes ós que se lles da en chamar “señor”, que agora fuximos do apelativo “vellos”, cursando estudios na Universidade Nacional de Educación a Distancia, cunha idade media de setenta anos, que con entusiasmo se dedican agora –nunca é tarde-, a cursar estudios universitarios polo puro placer de estudiar e formarse. Estudian carreiras relacionadas coa saúde, o medio ambiente, a historia da arte, o dereito.. estudian con entusiasmo como se de estudiar dependera o seu futuro, o seu presente.

E así temos este abano, entre aquel estudio primitivo, básico, necesario para enfrontarse a un futuro difícil ata este aprender por aprender, non utilitario senón por puro disfrute, que pasa por aprender a facer candiles romanos, ou ir estudiar á universidade cando nada nos ata ó mundo laboral e somos libres como o vento.

Decididamente este mundo ten cambiado nas últimas décadas de xeito ben radical. E polo que comprobamos, para ben. Seguirá a haber problemas, que os haberá sempre. Pero esto de valorar a cultura ata o extremo de disfrutar aprendendo polo puro placer de aprender é un concepto novo no que temos que recrearnos aínda moito máis.

24 de nov. de 2009

Oitava edición dos Premios Mestre Mateo


Redacción

As empresas produtoras e os profesionais do audiovisual galego poden presentar xa os seus traballos para optar aos premios Mestre Mateo 09 convocados pola Academia Galega do Audiovisual. O prazo de recepción de candidaturas pecha o día 16 de decembro e, unha vez rematado o proceso de votación dos nomeados terá lugar a tradicional Gala dos Premios, entre os meses de abril e maio de 2010. A Academia mantén as 26 categorías do ano pasado, polo que poden aspirar a estes galardóns as longametraxes, películas, series e programas para televisión, documentais, curtametraxes de ficción e animación, obras experimentais, obras publicitarias e obras interactivas así como os profesionais que participen nestas producións -agás nas curtametraxes, obras experimentais, publicitarias e interactivas- e que cumpran os requisitos das categorías específicas.

Segundo sinalan as condicións de admisión, as longametraxes -producións cinematográficas de duración superior a 60 minutos-deben ter sido estreadas en salas comerciais ou festivais cinematográficos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2009, e cumprir calquera dos seguintes requisitos: que a versión orixinal sexa en lingua galega ou que, como mínimo, o 25 % da produción corresponda a unha ou varias produtoras con domicilio social en Galicia, ou que o 50 % do equipo técnico e artístico sexa galego ou residente en Galicia. No caso específico das longametraxes, tamén poderán sumar o 25 % en conxunto o equipo técnico e artístico, sempre que unha das autorías sexa galega (director, guionista ou autor da música orixinal). Para contar todas estas porcentaxes non se terán en conta aos meritorios nin aos bolseiros. As condicións para os demais formatos son semellantes ás das longametraxes.

As candidaturas dos Premios Mestre Mateo poderán ser presentadas polas entidades con dereitos sobre a obra correspondente ou por calquera académico con dereito a voto. As categorías son: Longametraxe, Película para TV, Programa de TV, Serie de TV, Documental, Obra Experimental, Obra Interactiva, Obra Publicitaria, Curtametraxe de Ficción, Curtametraxe de Animación, Dirección de Produción, Dirección de Fotografía, Maquillaxe e Perruquería, Deseño de Vestiario, Dirección Artística, Montaxe, Son, Guión, Música Orixinal, Dirección, Realización, Comunicador de TV, Interpretación Masculina Protagonista, Interpretación Feminina Protagonista, Interpretación Masculina de Reparto, Interpretación Feminina de Reparto. Como en anteriores edicións, haberá Premios Honoríficos, a criterio da Xunta Directiva da Academia tanto na súa designación como denominación.

Europa (in)nova


Moncho Paz

A investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación son alicerces fundamentais para a evolución dunha sociedade moderna. Pero todos os actores que participan na función innovadora -Administracións Públicas, empresas, universidades e investigadores- admiten que este ano supón un paso atrás no camiño da I+D+i. Como principal causa, o contorno económico desfavorable derivado da crise, que racha coa liña evolutiva que tivo a economía ata 2007, con taxas de crecemento do PIB superiores ao tres por cento anual.

Neste marco, a semana pasada asistiamos á renovación da presidencia do Consello de Europa e tamén da autoridade responsable da política exterior comunitaria. O baixo perfil dos elixidos -o belga Herman Van Rompuy e a británica Catherine Ashton- non espertou precisamente ilusión, e todo apunta a que os verdadeiros favorecidos con este cambio son Francia e Alemaña.

Estamos, pois, ante un panorama difícil para a construción do Espazo Europeo de Investigación, que precisa da participación tecnolóxica de todos os estados da UE, sen necesidade de entrar de novo nunha carreira de dúas velocidades. Agora deberán esforzarse máis para ser membros de pleno dereito nesta iniciativa común, como fixeron no seu día para integrarse no Espazo Europeo de Educación Superior, o mal denominado “proceso de Boloña”.

Revista de prensa: EL CORREO GALLEGO

Visionarios e culturetas

Antón Cendán Fraga

Se Fraga Iribarne foi un visionario cando ideou a construción da Cidade da Cultura, ó político vilalbés comezaban a fallarlle as súas capacidades de visión. Pero, por desgraza daquela non tivo ningún asesor próximo que o iluminase dun xeito idóneo. Calquera cousa que opinaba, xa non que lle propuxese a oposición política, parecía vir do bando do demo, por máis que tivese razóns suficientes para levaba a cabo. Unha década despois daquel despropósito denominado Cidade da Cultura, o actual responsable da Consellería á que pertence tan macabra obra non só se lle ocorre chamarlle visionario a Fraga, senón que culpa a Ánxela Bugallo de parte dos despropósitos, cando a anterior titular do departamento que agora ocupa Roberto Varela encontrouse cunha auténtica desfeita, difícil de reverter en catro anos.

En 1999, Xesús Pérez Varela cifraba en pouco máis de seis millóns euros o custo da obra. Pero, Pilar García Negro cifrábao por enriba dos 150 millóns. Daquela, á política nacionalista díxoselle de todo, pero ningunha razón convincente. Aí están as hemerotecas ás que me remito. Lembro que até se lle reprochaba a súa pertenza á UPG, cando falaba destes asuntos dos que, por desgraza para todos os galegos, o tempo rematoulle dando toda a razón.

Evidentemente o escaso período de tempo que leva Varela en Cultura sería insuficiente para calibrar a súa capacidade á fronte desta Consellería, pero hai algo que chama poderosamente a atención na súa forma de actuar e non é outra que as súas disparatadas descualificacións á política cultural do anterior Goberno. Entendo que ao non residir practicamente nunca en Galicia, descoñeza a intensa actividade que levou adiante Ánxela Bugallo, con cuestións aparentemente sinxelas, pero que ninguén apostara por eles. Só por citarlle algunhas para que o señor Varela saiba como enfocar a súa política, cabe lembrarlle que impulsou internacionalmente o libro galego, así coma o patrimonio histórico rural do país, o cal se cadra descoñece por vivir tanto tempo en Nova York.

Cando leva sete meses a fronte dun departamento cultural, o mellor que podía facer Roberto Varela e continuar algúns dos aspectos emprendidos pola súa antecesora, deixar de lado tanto culturetismo universalista que vendeu na súa toma de posesión e achegarse á realidade galega, a que verdadeiramente nos importa, e de paso buscarlle unha saída a unha obra que hipotecou a este país, que por certo foi idea de quen el chama visionario e non de Ánxela Bugallo.

23 de nov. de 2009

A ONU advirte que a fenda dixital crece


Redacción

Durante as sesións do Foro de Gobernanza de Internet da ONU na localidade exipcia de Sharm o Sheij, analizáronse esta semana distintos aspectos da situación na rede. Baixo o título "A Gobernanza de Internet: crear oportunidades para todos", representantes de diversos organismos e empresas analizaron temas como a seguridade, a apertura, a privacidade, o acceso, a diversidade ou a xestión dos recursos críticos na rede, informa a axencia EFE.
No seu discurso de apertura, o subsecretario xeral da ONU para Asuntos Económicos e Sociais, Sha Sukang, chamou a atención sobre a fenda dixital que divide a aqueles con acceso a Internet cos que non poden acceder á rede. "A fenda é ampla, especialmente para millóns de africanos e árabes. En 2005, 50% das persoas de países desenvolvidos tiñan acceso a Internet, fronte ao 9% das dos países en desenvolvemento". Hoxe, en 2009, o 70% da poboación do chamado primeiro mundo ten Internet, fronte ao 17% das persoas dos países en vías de desenvolvemento, explicou.

"Cuestións sobre como integrar a todos, mellorar o acceso nas diferentes linguas, isto é o que debemos axustar especialmente de cara aos obxectivos do milenio da ONU para 2015"", engadiu. Pola súa banda, un dos fundadores do portal Yahoo!, Jerry Yang, subliñou a capacidade da rede por comunicar ás comunidades do mundo grazas a "a súa apertura, liberdade de expresión e capacidade de xerar a participación de todos".

O Foro de Gobernanza de Internet foi creado no seo da ONU con motivo do Cumio Mundial da Sociedade da Información en 2005. O encontro de Exipto é o cuarto, logo dos celebrados en Atenas (Grecia), Río de Janeiro (Brasil) e Hyderabad (India). Reporteiros sen Fronteiras criticou que se celebre en Exipto por considerar que se trata dun país onde a liberdade en Internet non está garantida.

Unha era de ansiedade

Antón Baamonde

Tal vez se trate de puro azar, pero boa parte dos libros que lin nas últimas semanas tratan de épocas de tránsito. Ese é o caso do texto de Paul Veyne “El sueño de Constantino” (Paidós, 2008) unha estraña reflexión do historiador ao que se tende a asociar con Michel Foucault acerca do fin do imperio pagán e o comezo do cristianismo. Compreino porque sempre me pareceu un misterio inexplicable como aquela pequena seita de vangarda chegou a converterse nunha relixión de tan enormes dimensións. Dende logo, o papel de Constantino queda fora de toda dúbida, así como descartadas as interpretacións que tenden a ver no emperador unha asunción puramente pragmática do cristianismo como elemento de impulso da moral das tropas cristiáns.

Antes fora á procura de respostas nun pequeno libro de E. R. Dodds “Pagan and Christian in an Age of Anxiety” que me fora suxerido pola latinista Helena de Carlos e no que, se a memoria, non me falla, o erudito inglés mencionaba a importancia das viúvas da aristocracia romana na súa difusión nas primeiras décadas do primeiro milenio. Unha rara curiosidade desas que alimentan o meu corazón de diletante. As cousas que damos por sentadas e das que temos lido toda a vida presentan sempre facetas enigmáticas que ás veces enraízan en cadros dun costumismo que desarma arquitecturas teóricas moi sofisticadas.

Un certo interese novelístico ten “La caída de Constantinopla”, de Sir Steve Runciman, publicado en coidada edición na editorial Reino de Redonda. Os últimos días de Bizancio, como a cidade caeu baixo a presión da impoñente artillería do exército turco, consagrando así a derrota dos cristiáns e o comezo do control do mediterráneo polo novo poder emerxente, son narrados con notable mestría e un sentido da concreción que envexaría sen dúbida don Álvaro Cunqueiro. Mehmet o Conquistador álzase como un deses grandes líderes movidos por unha determinación e unha visión estratéxica que asombra mesmo nestes anos nos que os novos imperios exercitan sen grande éxito os seus xogos de guerra en xeografías inhóspitas. Afganistán, que foi denominada a zona do “The Great Game” entre rusos, británicos e indios no século XIX segue constituíndo unha muralla de valor e coraxe tan primitivos como os que Tolstoi relata na súa pequena gran novela Hadjí Murat.

En “Imperios del mundo Atlántico” (Taurus, 2006) obra debida a John Elliot, o historiador e Ur-hipanista formado á sombra do insigne Vicens Vives (e autor da máis fenomenal análise do tempo daquel grande estratego fundador da España centralizada e centralista, o Conde Duque de Olivares ) podemos contemplar a fenomenal globalización que eses dous imperios provocaron, causando fracturas nas grandes masas tectónicas da historia que aínda teñen réplicas contemporáneas. A comparativa entre ambos imperios é todo un epítome das diversas formas de colonialismo, de todos modos non tan distintos como a persistente misión cristianizadora da Monarquía que foi o verdadeiro baluarte da Contrarreforma e o recoñecido espírito comercial inglés, decidido por un empirismo pronto a ser defendido polas armas poderías suxerir. Dende logo, está claro que eles souberon seguir mantendo unha boa relación coas súas colonias despois da independencia, cousa que o infatuado orgullo español prohibiuse a si mesmo ata o recente período de Felipe González, en que tivo lugar a segunda onda expansiva de España no novo continente.

Dun tránsito ben diferente trata “El ruído eterno” (Seix Barral, 2009), unha historia da música culta do século XX escrita por Alex Ross, crítico do New York Times, que conseguiu elaborar unha obra de referencia sobre un período que se abre coa crise da tonalidade e acaba cunha mêlée na que non se sabe si todos os gatos son pardos, ou se subimos ou baixamos. Dende logo, calquera pode lembrar -eu mesmo podo facelo retrotraéndome á miña adolescencia- os tempos en que había un canon ben establecido que, a partires dos anos setenta, coa crise das vangardas, estoupou. En literatura iso quería dicir Kafka, Proust, Joyce, pero en música posiblemente nesa época a confusión xa estaba instalada. Non é necesario rebaixarse á demagoxia de citar os famosos 4´33¨ de John Cage, a obra na que só podemos aprender a escoitar o silencio, para subliñar que a cultura pop estaba cambiando rapidamente todas as formas da percepción.

A crise do modernismo empata con todas as crises do século XX pero, na versión máis estendida, non é máis que o son do olifante que decreta a retirada da cultura apolínea ante o reforzado vigor das hostes dionisíacas. A música pop , en todas as súas variantes gañou a batalla da sensibilidade e do gusto, relegando á música culta a unha antiquité tan exquisita como cadavérica. De como a composición xa non é o que era da conta Ross ao narrar como Philip Glass gañouse a vida conducindo taxis e montando con Reich unha empresa de mudanzas. “Os dous minimalistas subían e baixaban mobles polas estreitas escaleiras dos edificios sen ascensor de Nova York. Glass traballou tamén como fontaneiro e un día instalou un lavalouzas no apartamento do crítico Robert Hughes, que non podía entender como o compositor laureado do Soho estaba arrastrándose polo chan da súa cociña”.

Mentres as fans como modernas sacerdotisas de Eleusis entran en psicodélicas formas de éxtase (aínda que rara vez pola cebada de Démeter) os seus colegas masculinos ambicionan converterse en súper estrelas do pop da man de calquera multinacional. Son rapaces saturados, como estamos todos despois de sendas e prolongadas formas de exposición a montañas de información irrelevante. Tal vez por iso houbo un tempo, coincidente no tempo cunha expansión do consumo nos USA, en que unha xeración decidiu practicar o que Kenenth Rexroth o poeta da xeración Beat denominou “Desconexión” (Pepitas de Calabaza, 2009). Coma naquel tempo abundan hoxe os que xa non están en condicións de crer nin unha miga máis da mentira social. Quen pode facelo..

Tal vez estamos no que o filósofo alemán Karl Jaspers denominou “tempo eixe”. As relixións están nunha fase de exposición a novos sincretismos. A semana pasada puidemos saber da ordenación como bispo da igrexa luterana de Suecia dunha lesbiana, casada con outra lesbiana, e cun fillo adoptado de tres anos. A decadencia do catolicismo e a fusión de individualismo e relixiosidade pode dar lugar a novas sínteses para asombro de Rouco Varela. É sobre todo no ámbito do protestantismo onde é posible detectar maior audacia.

Pero a crise das Igrexas en Occidente clonase coa crise da República. A profecía pos-moderna da caída dos grandes relatos resultou ser non unha profecía, senón unha constatación. A política contemporánea atravesa unha fase de ausencia de proxecto e de esperanza que ameaza con abrir a porta a populismos plutocráticos, ao estilo ruso. Os USA están ao comezo do seu declive, como moi ben o mostrou Paul Kennedy, e non sabemos en qué derivara un mundo multipolar, sen a sombra omnipresente da Nova Roma. Tal vez a intención de Elliott foi dar pautas da conduta do declinar dos imperios.

E a cultura? A cultura na sociedades contemporáneas é o substitutivo do que no pasado foron as relixións, primeiro, e as ideoloxías, despois. Nos suplementos dos diarios, coa súa inacabable lista de obxectos de regalo, poden lerse as tendencias de fondo de vidas que se compoñen a si mesmas con maior rigor que unha obra de Alban Berg. A nosa é unha época de ansiedades narcisistas e de estetización da existencia. Non son as catedrais, nin os edificios públicos os que expresan a verdade do noso tempo. Aí está a Cidade da Cultura, esa balea e precioso obxecto dos exorcismos e chantaxes locais, significando a nosa problemática inserción na modernidade.

22 de nov. de 2009

Mostra 'O home e as súas crenzas' de Sabine Weiss

Redacción

O martes 17 de novembro presentouse en Compostela a mostra "O home e as súa crenzas", da fotógrafa suíza afincada en París Sabine Weiss. A mostra está formada por un total de 60 fotografías en branco e negro que reflicten o momento transcendental de diálogo entre o home e a divinidade e permanecerá ata o vindeiro 15 de febreiro no Museo das Peregrinacións. O evento está promovido en colaboración coa empresa cultural di CHromA, na que a considerada grande mestra da fotografía humanista amosa o momento transcendental do diálogo entre a persoa e a divindade a través de 60 imaxes en branco e negro.

Este traballo é unha escolma das mellores imaxes realizadas por Sabine Weiss sobre o tema da relixión, a fe e a expresión e o comportamento humano ante as deidades. Supón o froito de varias décadas de traballo realizado en localizacións de todo o mundo, onde Weiss busca o significado de Deus, non tanto na súa forma divina como na súa representación máis próxima e sobre todo a súa faceta máis humana. A fotógrafa Sabine Weiss xira a súa cámara cara o home que reza, o que comulga, o que medita e cara eses ambientes onde se realiza esa actitude comunicativa que va máis aló, ben sexan catedrais, Cristos ou aeroportos. A exposición é unha selección multiétnica e multiconfesional, procurando captar ese momento no que o ser humano se presenta desprovisto dos prexuízos.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago ten previsto organizar actividades didácticas dirixidas principalmente ao público escolar nas que se afondará no significado da exposición. Do mesmo xeito, organizarase un servizo gratuíto de visitas comentadas para adultos.

Nada en 1924 –Saint-Gingolph (Suíza)-, Sabine Weiss, "Fotógrafa da luz e da tenrura", pronto conxeniou cos grandes fotógrafos do seu tempo como Robert Doisneau. Con só 22 anos marchou a París onde descubriu a súa vocación fotográfica no estudio de moda Willy Maywald e comeza inmortalizando as rúas e a vida cotiá da cidade parisina, como os seus compañeiros de axencia: Cartier Bresson, Brassaï ou Willy Ronis. Entre os anos 50 e 60 traballou para a revista Vogue en numerosas reportaxes de moda e retratos de personalidades e para a prensa americana, sempre ligada ao grupo de fotógrafos "humanistas".

A súa obra, centrada nos últimos anos no branco e negro, ten como foco de interese a relixión, o teatro, os nenos ou os artistas. Nos seus arquivos a xente anónima mestúrase coas estrelas famosas e foi solicitada polas grandes revistas francesas e americanas. Ante a súa cámara posaron entre outros: Joan Miró, Fernand Leger, Marc Chagall, André Breton ou Giacometti. En 1987 foi nomeada Cabaleiro das Artes e das Letras de Francia.

Sabine Weiss espuxo no MoMA de Nova York, no Art Institute de Chicago, no museo de l´Elysée, Lausanne e na Mansion Européenne de la Photographie en París. Entre numerosas publicacións cabe destacar "Intimes Convicticons" 1989 e "Sabine Weiss" 2003.

Proposta institucional sobre a lingua do CCG

Redacción
O Consello da Cultura Galega (CCG) deu a coñecer onte unha Proposta institucional sobre a Lingua Galega ao Parlamento de Galicia, aprobada polo Plenario da institución. O documento foi presentado nunha rolda de prensa polo presidente, Ramón Villares, o secretario, Henrique Monteagudo, e o coordinador da Seccción de Lingua, Literatura e Comunicación, Vítor Freixanes.

Pouco antes Ramón Villares fixera entrega da proposta á Presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e remitira tamén o documento aos grupos parlamentarios. O CCG propón ao Parlamento que promovoa “a constitución dunha Comisiòn Parlamentaria que, oídas as institucións, colectivos e expertos que considere oportuno convocar, elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística”.

O texto chama ao consenso social e político arredor da lingua, e convida ao Goberno da Xunta a non tomar medidas "que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego como lingua propia de Galicia, co obxectivo de situalo en pé de igualdade co castelán". Tamén asevera que as liñas mestras da política lingüística en Galicia, e "calquera modificación subsantiva da normativa legal vixente, deben ser arroupadas por un amplo consenso político, social e institucional".

Asemade, indica que "o funcionariado e o conxunto das institucións e servizos públicos deben estar suxeitos a especiais obrigas de capacitación e de uso do galego, en función dos dereitos que os cidadáns (os galegofalantes igual ca os castelanfalantes) teñen recoñecidos". En palabras de Ramón Villares, "é un texto moi respectuoso institucionalmente, pero firme".

21 de nov. de 2009

IV Encontro de novos escritor@s

Redacción

Desde onte venres 20 e ata hoxe sábado 21 o Castelo de Santa Cruz (Oleiros) acolle o IV Encontro de Novos Escritor@s que, baixo o epígrafe Eu ou Nós, organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Eu ou Nós?, é unha oportunidade para se encontrar e coñecer cales son as necesidades, proxectos e expectativas que dentro da nosa literatura teñen @s nov@s creadores/as, pois, se ben na actualidade vivimos en sociedades onde a liña que separa o Eu do Nós é cada vez máis grosa, non esquecemos que a palabra segue a ser signo referente á hora de enmarcar a nosa identidade.

O encontro comezou o venres ás cinco da tarde cunha mesa redonda sobre literatura autoreferenciada, na que participarán Iolanda Zúñiga, Inma López Silva e Alberto Lema, coa coordinación de María Xesús Nogueira. Celebrouse logo, contra as sete do serán, outra mesa sobre poesía, con intervencións de Alicia Fernández, Andrea Núñez e Gonzalo Hermo, coordinados por Elvira Riveiro Tobío.

Hoxe sábado 21 terá lugar unha primeira mesa sobre o libro de autor con Carlos Vinagre, Baldo Ramos e Uqui Permui, mesa que estará coordinada por Antía Otero, e unha segunda sobre O peso da nación coordinada por Francisco Castro, na que estarán presentes María Lado, Estíbaliz Espinosa e Séchu Sende. O IV Encontro de Novos Escritores clausurarase na Fundación Luis Seoane da Coruña, as 18,00 horas con entrada libre, cun recital poético musical con Eduardo Estévez, Alicia Fernández, Antía Otero, Mario Regueira e Elvira Riveiro, co Colectivo Oruga.

Consulta o programa aquí

A AELG apoia a Xavier Alcalá

Redacción

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) amosou o seu apoio ao autor galego Xavier Alcalá, membro da asociación, non só moralmente, senón poñendo a súa disposición os servizos xurídicos da AELG e os despachos xurídicos especializados da Federación Galeusca en relación coa demanda de propiedade intelectual presentada por Xavier Alcalá pola expresión Contra o vento, que dá titulo á obra coa que a escritora Ángeles Caso gañou a última edición do Premio Planeta. Asemade, o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o poeta Cesáreo Sánchez, establecerá contacto coa Editorial Planeta, tendente a propiciar un entendemento entre ambas as dúas partes.

Revista de prensa: EL PAÍS

A lingua inútil

Manuel Rivas


Equivócase vostede, señor titular do xulgado número 6 de Alcorcón, ao proclamar a carencia de "utilidade pública" do idioma galego. Nunha caricatura de Castelao, un campesiño di: "Deus nos libre da Xustiza!". Quizais estaba a pensar en vostede, señor xuíz. Fíxese que útiles e previsoras son as linguas "subalternas".

Fíxese si son previsoras que nos contos galegos de Álvaro Cunqueiro hai personaxes que como último desexo piden que no cadaleito, ademais da Biblia, lles metan o Código Civil por se teñen que pleitear na outra vida. Á vista de como reculan os tempos, adiántome a pedir para a postrer viaxe un exemplar da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, ademais da Constitución española (subliñado o artigo 3º, apartado 2) por se o barqueiro Caronte se pon pesado, dispensando, e me nega a "utilidade pública do galego" no Máis Aló, seguindo a doutrina da súa señoría.

Xa que estamos coa verdade narrativa dos contos e as últimas vontades, permítame unha breve historia. Un ancián campesiño manda chamar ao notario para facer o testamento definitivo. Di: "Da terra, deixo un terzo para Ramón, un terzo para María, un terzo para Concha, un terzo para Manuel, outro terzo para Andrés..." O notario interrómpeo: "Pero, non serán moitos terzos?" E o campesiño responde: "Non sabe vostede o grande que é a terra!" Pois coas linguas ocorre algo parecido. Que hai sitio para todas. Que non pesan na cabeza. Que non hai lingua inútil.

Inútiles, inútiles non lle somos, señor xuíz. Hai moitas persoas que nos comunicamos normalmente en galego e non nos consideramos do todo inútiles. Como ocorre mesmo na xudicatura, uns somos menos útiles que outros, facemos o que podemos, pero respectamos. Iso si, temos unha educación mínima do respecto. Os nosos pais arroláronnos, criáronnos e contáronnos contos en galego para espantar o medo. E non eran uns inútiles, créame. Grazas a eles, non lle teño medo, señor xuíz.

Na súa Tese sobre o concepto da Historia, di Walter Benjamin: "Non hai ningún documento da civilización que non sexa ao mesmo tempo un documento de barbarie". Eu antes non entendía moi ben esta frase, xúrollo, pero aclaráronseme de súpeto as ideas, como por un raio, despois de ler o seu fundamento "lingüístico" para negar o traslado escolar a Vigo dunhas nenas no auto tramitado nun caso de divorcio. Nese aspecto, o documento non resiste o principio de realidade. En Galicia, as nenas non só aprenderían galego, senón que poderían enriquecer o seu castelán coas "marabillosas curvas" que Unamuno admiraba en Valle-Inclán.

Non vou falarlle agora de Alfonso X o Sabio, nin de Rosalía de Castro, nin do tronco común galaico-portugués, patrimonio lingüístico que nos permite comunicarnos con millóns de persoas no mundo, desde Brasil ao Timor Oriental. Como ademais temos a sorte de compartir o castelán, vexa vostede, señor xuíz, que non imos tan mal pertrechados, sempre, claro, que aos nenos non lles amputen a lingua "inútil". Creo que o que procede neste momento é ir ao argumento protoecolóxico enunciado por Julio Camba. Segundo demostrou nun irónico artigo, o galego é un idioma moi apto para falar non só entre as persoas senón tamén con todo tipo de animais. Fíxese vostede si será útil!

EL PAÍS (19-XI-2009)

A AELG organiza unha polafía en Neda

Redacción

O sábado día 21 de novembro, ás 19,00 horas, vaise celebrar unha Polafía nas Casas das Palmeiras de Neda, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo e a colaboración do Concello e a Casa da Cultura de Neda. Baixo o epígrafe Historias arredor do lume, a Polafía de Neda contará coa participación das veciñas e veciños de Neda, que contarán… cantarán… e conversarán… O poeta Isidro Novo levará a cabo unha lectura de rimas populares, e Antonio Reigosa falará das lendas do lugar. Na actividade, de entrada libre, actuará o grupo musical “Zoar do vento”.

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións.

A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o rescatar do esquecemento e poñer en valor o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego.

O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.

O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; e dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores… etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, neste caso en Neda, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.

O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG, na súa Sección de Literatura Oral. As polafías teñen unha duración aproximada de arredor de 90 minutos.

20 de nov. de 2009

Entrega dos Premios Lucus Augusti de Fotografía

Redacción

Durante este mércores 18 de novembro, xornada de deliberación dos galardóns Lucus Augusti de Fotografía Profesional, que organiza anualmente a Asociación de Fotógrafos Profesionais de Lugo, e que tivo lugar na Casa Grande de Nadela, o xurado do certame, integrado polos fotógrafos Jorge Alonso Molina, Claudio do Cal e Jacobo Gayo, elixiu de entre as 38 imaxes finalistas a mellor de todas elas nas categorías “Voda”, “Retrato”, “Publicidade/Moda” e “Premio Popular”. O conxunto de fotografías seleccionadas para a fase final do concurso puidose visitar na galería lucense Amararte ata o xoves 19 de novembro.

Segundo os datos manexados pola Asociación de Fotógrafos Profesionais de Lugo nesta segunda edición participaron un bo número de profesionais do medio procedentes de toda España presentando un total de 190 imaxes. Os galardóns foron elaborados polo alumno da Escola de Artes Ramón Falcón, Pablo Mazoy Fernández, quen gañou un concurso proposto polo propio centro docente para facerse cargo do deseño das estatuíñas para conmemorar esta segunda edición dos premios Lucus Augusti de Fotografía Profesional.

No acto de entrega de premios estiveron presentes 0 vicepresidente da Deputación, Antón Bao, , xunto co alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, e a directora da Escola de Artes Ramón Falcón, Esther Muñoz Mella.

Os gañadores foron Juan José González Vega (retrato), Jorge Miguel Jaime Báez (reportaxe social de voda), Enrique Truchuelo Ramírez (reportaxe industrial e publicidade), Jesús M. Muel de Dios (libre creación) e Juan José e Pablo González Vega (premio votación popular).

Novo número de Audiovisual Galego

Redacción
Onte, 19 de novembro, comezou a distribución do noveno número da revista do Audiovisual Galego (AG), unha publicación que leva máis de dous anos informando de todo o que acontece nun sector que cada vez ten máis importancia na Comunidade malia que a crise tamén está a afectarlle. Así o recoñece o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, nunha entrevista na que asegura que “Galicia poderá ser de novo un referente audiovisual” aínda que para iso haberá que “reformular moitas cousas”. Tamén falou o secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia da implantación da TDT, da que dixo que “vai supor un esforzo inmenso pero tamén unha gran satisfacción, porque partimos da nada e cumpriremos os prazos previstos”. Cabaleiro di que a política audiovisual institucional dos últimos anos “foi un despropósito, sobre todo en canto a xestión” de aí a promesa de Núñez Feijóo de fusionar todo o relativo a este sector nun só departamento algo que se fará efectivo nas “próximas semanas”.

Pero ademais o número 9 de AG recolle outras conversas, como a mantida cos actores Tristán Ulloa, María Bouzas, Xabier Estévez ou Hugo Silva, quen estreará moi pronto a súa última produción galega tras a exitosa Agallas. O novo filme do autor, La sinapsis del Códice, está dirixida polo galego Pablo Iglesias e conta cun elenco de luxo encabezado, ademais de polo propio Hugo Silva, por Sara Casasnovas, Miguel de Lira, Sergio Pazos ou Tessa Bergmeier.

Pero esta non é a única produción de temática xacobea que está en marcha. Tal como se pode observar na publicación, son moitos os traballos audiovisuais postos en marcha con motivo do Xacobeo 2010, sendo a principal a que ocupa a portada da revista: a rodaxe de The Way, a película que protagoniza Martin Sheen e dirixe o seu fillo Emilio Estévez.

A sección A fondo está adicada neste número aos novos creadores. Para iso José Manuel Sande reuniu a algúns dos autores que realizaron as propostas máis singulares e interesantes dos últimos anos, como Alberte Pagán, Martin Pawley e Ángel Santos a quen precisamente Cineuropa vén de dedicarlle un especial coa proxección de varios traballos seus.

Como é habitual tamén hai un espazo para os festivais máis relevantes do momento. Coñecidos críticos cinematográficos como José Luis Losa, Jaime Pena ou Miguel Anxo Fernández desvelan as interioridades dos certames de Sitges, San Sebastián ou Valladolid, sen esquecer as grandes citas galegas: Amal, Ourense e Cineuropa. Sobre festivais escribe tamén o director Ángel de la Cruz, quen se centra en dúas citas destacadas do país veciño: Portocine e Fantasporto.

A revista complétase coas seccións habituais adicadas ás curtas, ás novas de actualidade, formación, cineclubes, reportaxes e as colaboracións de destacadas personalidades do sector audiovisual e cultural galegos, como Martin Pawley, David Rubín, Alberto Pena, Xosé Enrique Acuña ou Alberte Pagán.

Entrar en Vilalba


Xulio Xiz

Parece que falar de comunicacións por estrada en Vilalba, na actualidade, non podería ser doutra maneira que de loubanza pola situación actual e as perspectivas de futuro, pero sempre hai motivos de queixa ou reivindicación, porque todo é mellorable.

Certo que se mellorou a estrada que desde Lugo vai por Rábade, que a media circunvalación desde as Sete Pontes ó Rañego significa un importante avance, e que as novas vías que se están construíndo van significar a impulsión definitiva de Vilalba como nudo de comunicacións, pero todo eso pódese perfeccionar.

Un dos aspectos a considerar é ese acceso directo desde a Autovía A8 e a vía rápida Ferrol-Vilalba ata o polígono industrial de Vilalba, pedida polos industriais do polígono, esixida polo Concello, e que se retrasa inexplicablemente. Se se quere “vender” Vilalba como lugar idóneo para a instalación de empresas non se pode regatear por máis tempo esta unión que poñería colofón perfecto ó entronque de Vilalba coas dúas grandes vías de comunicación que a van enlazar con todo o mundo. Esto, polo que se refire á comunicación en termos absolutos, e con visión de futuro.

Pero hai outro aspecto máis puntual, máis urxente, e que supoño constituirá ocasión diaria de perigo. Refírome á entrada en Vilalba pola Magdalena, desde a autovía, que parece calquera cousa menos un acceso á una Autovía aínda que estea en construcción.

A pasada semana, vindo de viaxe, advertín ó conductor ó que acompañaba, que iamos sair da Autovía pola saída que mellor nos levaba directamente ó centro do pobo para seguir viaxe a Meira. Tamén lle indiquei que tivera moito cuidado ó achegarnos á Magdalena.

Con aviso e todo, o conductor levou un susto cando de repente a vía de acceso a Vilalba se transformou nunha estreita corredoira –asfaltada, eso sí- na que todas as precaucións son poucas, cun paso que resulta estreito aínda que non veña ninguén enfrente. Como será este acceso, que está prohibido que pasen por el os vehículos pesados, que por alí non poden chegar á autovía.

Son cousas de palacio que por agora impiden o derrubo dunha casa existente nese cruce, xa expropiada e desocupada por certo. Este acceso da autovía faise a través da estrada que de Vilalba vai a Momán, da que é titular a Deputación Provincial, e que no tramo urbano recorre as rúas de Betanzos, a Ferrería e o Rolo. Polo que parece, non hai conflicto de competencias, e o concello de Vilalba ten a mellor das disposicións para facerse cargo das rúas que son estrada sempre que o organismo provincial bote unha man nas obras.

En fin, que as institucións terán que poñerse de acordo para axilizar os temas, pero é moito mellor que se tome cartas no asunto antes de ter que lamentar danos irreparables... Dito na fala coloquial, “é moito mellor que amañen o tema antes de que pase unha desgracia”.

O tema é urxente, por todos. Polos de fóra, que se atopen de repente cunha situación de perigo coa que non contan. Polos vilalbeses, porque non hai dereito a seguir sufrindo unha situación así.

19 de nov. de 2009

Adiante co ensino en galego


Francisco López

Dende abril do 2009 estase a crear un movemento de apoio efectivo ao ensino en galego, que co nome Galiza co Galego pretende que se poida exercer o dereito ao ensino no noso idioma. As persoas que desexamos que na Galiza se ensine en galego, non queremos que os poderes públicos ou as decisións dos partidos políticos e medios de presión- nos concedan un dereito que xa é innato á nosa condición como galegos, cal é o uso e aprendizaxe na nosa lingua.

Dende movemento Galiza co Galego apoiamos as mobilizacións da cidadanía en defensa do noso idioma e dos nosos dereitos como pobo, e con tal motivo acudimos ás manifestacións dos pasados 17 de maio e 18 de outubro.

O 17 de maio este movemento constituiu unha xestora aberta e dende aquela lévanse sumados á iniciativa de Galiza co Galego (para a creación dunha rede popular de ensino en galego) moitos apoios que, ao día de hoxe, son máis de 750 persoas. Para facer posible a idea de Galiza co Galego e lograr o apoio social e económico para a Rede Popular de Ensino en Galego, a xestora entendeu necesario constituírse en asociación.

Por elo, o sábado 5 de decembro, as seis e media, no Centro Cívico Municipal de Castrillón no Concello de A Coruña, (situado na Praza Pablo Iglesias) vai facer o seu acto fundacional a Comisión Promotora de ensino Galiza co Galego. Queremos xuntar os esforzos da cidadanía para facer efectivo o ensino no noso idioma. Un ensino laico, de calidade, plural, democrático e ao servizo da sociedade, independentemente das decisións políticas. Ao devendito acto están convidadas todas aquelas persoas que defendan a lingua e o ensino en galego.

Suite Voltaire, de Bruno Marcos

Redacción

A Junta de Castilla e León acaba de editar nun luxoso volume Suite Voltaire, un novo libro de Bruno Marcos que contén o diario literario deste autor correspondente ao ano 2007 e que foi aparecendo, en forma de blogue, en Internet durante aquel ano. O libro inclúe ademáis a serie de debuxos que dá título ao conxunto. A noticia é relevante para nós pois Bruno Marcos é un dos colaboradores habituais deste medio.

Bruno Marcos naceu en San Sebastián en 1970 e reside en León. É licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e combina a actividade no campo das artes plásticas coa literatura e a docencia. Realizou numerosas exposicións en España, Portugal, Italia e Nova York. Colabora habitualmente no suplemento cultural "Filandón" do Diario de León e, ademais de textos e artigos, ten publicado obra poética Libro das Enumeracións (1996), ensaio de estética Morte da arte (1997), as novelas O máis profundo é a pel (2002) e A festa do fin do mundo (2004), así como os diarios Nevermore (2007) e o actual Suite Voltaire (2009). Foi incluído nas antoloxías Poesía Pasión e Diez Nuevas Voces.

Alén diso, recibiu varios premios como os de "Arte Nova de Castela e León", o de "Creación Literaria" do Ministerio de Cultura, "Letras Novas de Castela e León" e o de "Creación Literaria" do Instituto Leonés de Cultura e Prol-arte de Castela e León.

18 de nov. de 2009

Memorias de Teodulfo Lagunero

Redacción

Organizado pola A.C. Fuco Buxán, o luns 23 de Novembro ás 20 h. na Galería Sargadelos de Ferrol terá lugar a presentación do libro “La extraordinaria vida de un hombre extraordinario”, Memorias de Teodulfo Lagunero que está prologado por Almudena Grandes. No acto de presentación interveñen: Rafael Pillado (vicepresidente da AC. Fuco Buxán) e o propio autor.

Teodulfo, que vivíu de neno a guerra civil, desde o bando dos vencidos, pertencendo a unha familia de represaliados, sufriu cárcere durante o franquismo. Avogado, Catedrático de Dereito Mercantil, Empresario e millonario, ingresou no Partido Comunista en 1968, financiándoo xenerosamente e servíndolle de enlace con numerosas figuras políticas da transición.

Entre as súas numerosísimas vivencias: a viaxe con Carrillo, no seu propio coche, de París a Madrid, ou a súa relación con personalidades da vida intelectual e política, como Alberti e Teresa León, Neruda, Pasionaria, Xastre, Antonio Gala, Joan Baez, Marcos Ana, Delibes, etc. Todo isto e moito máis nas Memorias que agora nos presenta.

A Razón Xurídica e a Lingua Galega


Fermín Bouza

O Tribunal Supremo emitiu unha sentenza histórica na liña en que moitos xuristas, moitos cidadáns e eu mesmo nos meus artigos, supuxeramos: a escusa para que os nenos non desen nada en galego e converteran a lingua nun cacharro inservible, era que "os pais teñen o dereito a elixir a lingua en que serán educados os seus fillos". Todo iso acompañado dun redobre de tambores sobre imposicións e ditaduras, moi do gusto de xentes crispadas e crispantes. Sobre este sofisma xurídico, que dicía apoiarse na Constitución (o dereito da cidadanía a falar en español, trasladado ao ensino nas comunidades autónomas con lingua propia, segundo os seus estatutos) algúns pais, sempre minoritarios, e algunhas organizacións non representativas de sectores sociais maioritarios, pero con indubidable e suficiente respaldo como para boicotear, de feito, calquera intento de que os novos estudantes aprendesen unha parte (o 50%) das súas materias en galego, dedicaron as súas enerxías a falar de "imposición" e a negar, de feito e de dereito, a mesma Constitución, que en ningún caso pode garantir algo tan disparatado como que os pais elixan a lingua dos seus fillos.

Tal cousa sería universal, porque non pode haber dereitos "ad hoc" para un grupo de persoas e os mesmos dereitos negarllos aos demais. Cun desprezo cara á lingua propia da súa terra de orixe ou adopción digno de mentes escasas e autoritarias, algúns dos líderes deses movementos contestaban a isto cousas como que "o galego non é o noso problema". Pero xuridicamente non é posible asignar dereitos desa forma limitada e os demais, nós, mirando como os gozan. Se os pais escollen (nunca o fixeron: o estado díxolles cal era a súa lingua, sen opcións), os pais galego-falantes tamén o farán, aquí e en Murcia, se é preciso. Os dereitos (esa clase de dereitos xenéricos sobre cousas xenéricas que a todos afectan) son para todos ou non son.

Ou sexa que se abre xa o camiño da racionalidade nos lugares en que se comparte un tempo para ambas as linguas e que aínda non están na inmersión lingüística, ben porque non é necesaria ben porque non é posible aínda que fose necesaria. Pódese compartir o tempo, pero nin se debe nin se pode (é practicamente imposible) dividir á comunidade estudantil e duplicar o sistema de ensino. Algúns deben cambiar as súas obsesións lingüisticamente antigalegas por formulacións racionais das que podamos falar e debater. E inclúo ao actual goberno da Xunta neste xénero de tribos que hoxe recibiron unha dura lección xurídica e democrática. Nin o sector máis ultra dos xuíces, ou máis ignorante, que todo anda mesturado, poderá seguir sentenciando bobadas anticonstitucionais como a que hoxe elabora unha sentenza directamente contra o galego, unha lingua que é impedimento para a normalidade social dunha divorciada e idioma inservible, ao parecer.

Os estúpidos non ofenden, pero dan un traballo inútil e fannos perder o tempo. A Caverna en sentido estrito sabemos onde está e que pés xurídicos ten: eses, exactamente.