As revolucións bonitas

Bruno Marcos.-

I
Ante as sucesivas noticias que presentan a democracia como un lugar putrefacto Tunes recupera a beleza natural do espontáneo. A vitalidade da súa mocidade, a pesar da presión medievalizante que sofren nos seus países, regálanos ao resto un xesto exemplar. Queren traballar, opinar, amar, vivir con naturalidade.

Claro que as revoltas desta crise xa crónica haberían de producirse na periferia, nos bordos do primeiro mundo, nos seus arrabaldes, onde o analfabetismo ou a superstición non poden seguir por máis tempo asegurando un muro de contención; pero tamén son unha revolución nosa, un paso cara á humanización dos que deixamos en mans dos seus tiranos que nos obedecen. "Fixemos unha revolución -comenta unha nova enxeñeira tunisiana- que nos custou vítimas e agora quérennola roubar e, ademais, tomarnos por parvos".


II
O guía que tiven en Exipto contaba que a súa nai, con motivo da construción dunha colosal ponte sobre o Nilo, pensaba que utilizarían os ósos dos antigos faraóns que haberían de ser xigantes. O noso guía estudara dúas carreiras universitarias, escribía en varios xornais cairotas e só tiña dous fillos. Con todo deixara de exercer como docente na Universidade porque como guía gañaba tres veces máis. Agora estreméceme pensar con que excitación estará a vivir estes acontecementos e decátome de que encarnaba un cambio co que se pasaba do medievo á modernidade con varios séculos de atraso e nunha soa xeración.

As revolucións espontáneas de Tunes e, agora de Exipto, parecen ser protagonizadas precisamente polos integrantes destas xeracións, mozos urbanos, ilustrados, con acceso á cultura e a información e conectados a Internet.

O caso é que ten que haber moita máis poboación que nas zonas rurais viva aínda, como a nai do meu guía, no analfabetismo e a superstición e que, cando se estableza unha democracia real, o seu voto se cadra se encamiñe cara ao medievo.

31/01/2011

Os gángsters

Mario Paz González.-

Hai xa bastantes anos, nunha feira do libro antigo, merquei todos os fascículos dunha colección titulada “Os gángsters”, que a editorial Sedmay, de Madrid, sacara á luz en 1974. Nela facíase un percorrido, entre minucioso e novelesco, polas vidas nada exemplares dalgúns dos máis reputados (é un dicir) protagonistas da historia do gangsterismo da primeira metade do século XX. Johnny Torrio, Al Capone, Big Jim Colosimo, Arnold Rothsein, Lucky Luciano, Dillinger ou Bonny & Clyde eran algúns deles. No limiar que introducía a obra, os editores tiveron, con todo, a sensata precaución de advertir aos seus posibles lectores da violencia que poderían atopar nas súas páxinas e de que, de ningún xeito, pretenderan facer unha apoloxía da forma de vida destes personaxes, en todo caso trataran de analizar as posibles causas sociais que xeraron aquel fenómeno, “o terreo no cal puido crecer e desenvolverse, e os erros cometidos polos homes encargados de desarticular estas organizacións”.

Non entendo nada de economía. Se cadra porque, como dicía Vicente Risco, os que somos pobres non estamos dotados para comprender unha ciencia tan nebulosa e, engado eu, paradoxalmente inexacta. Non entendo nada de economía e quizais por iso asisto entre resignados boquexos e unha incómoda tensión, ao desfile de novas que, nos últimos tempos, pasan continuamente pola televisión, a radio ou a prensa nas que xa non se fala doutra cousa. Tento lembrar desde cando sucede isto pero teño a estraña sensación de que parece coma se non existise un antes no que se podía disertar alegremente de calquera outro tema, talvez máis banal, pero tamén, a miúdo, máis enriquecedor.

E emporiso, malia ese solemne fastío que me producen estas informacións, non deixo de experimentar un intenso calafrío ao ouvilas ou lelas. Dúbidas sobre as pensións (aínda que a crise demostrase a solidez do sistema público), adiamento indefinido da idade de xubilación, ameazantes anuncios de baixada de soldos e de aumento de horas de traballo, constante crecida do desemprego, anunciada crise das caixas de aforros ou dramáticas historias de familias enteiras endebedadas e arruinadas ás que lles embargaron a vivenda e, case, a alma. E sobre ese fondo apocalíptico, a imaxe daqueles que, aínda sendo os causantes de todo, permanecen imbatibles ou apenas danados, recibindo o respaldo de políticos e institucións.

A miña xeración e as seguintes, nacidas case ao mesmo tempo que a democracia, foron, en comparación coas anteriores, quizais as que tiveron un maior acceso á formación universitaria, pero tamén as que atoparon máis problemas para que iso se traducise nun emprego acorde coas súas capacidades e, xa que logo, nunha vida máis acomodada ou nunha vivenda digna. Na miña manifesta ignorancia sobre cuestións económicas, leo na prensa que moitos mozos titulados poderían emigrar a Centroeuropa na procura dun traballo digno e medito sobre iso ao mesmo tempo que, como os autores daquela colección dos anos setenta, pregúntome sobre as posibles causas deste novo fenómeno. Pregúntome tamén onde foi a parar o diñeiro que en tempos de bonanza puido investirse en investigación e desenvolvemento, garantía para todo crecemento futuro. Quen sabe a resposta, dígome a min mesmo mentres pecho o xornal e miro pola ventá dunha cafetaría dun barrio do arrabalde dunha cidade calquera e, no solpor deste domingo invernal, albisco o cinsento horizonte que me ofrece a imaxe pantasmal e desoladora de incontables ringleiras de edificios deshabitados que se estenden cara ao infinito mostrando nos seus baixos os alegres carteis de múltiples sucursais bancarias.

30/01/2011

Novo Caderno do IESCHA

Redacción.-

O delegado de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, acompañado do presidente do IESCHA, Manuel Santamariña, e varios colaboradores do V Caderno de Estudos Chairegos, participou esta tardiña na Casa de Cultura de Vilalba na presentación dese quinto volume do Caderno de Estudos Chairego, publicación que edita o IESCHA.

A quinta edición desta publicación bianual do Instituto de Estudos Estudos Chairegos (IESCHA) conta con colaboradores como Bernardo García Cendán, responsable do limiar; así como José Luis Novo Cazón, que realizou o texto de investigación “A Chouzana na Lembranza”; Fernando Arribas e José Manuel Blanco Saavedra, que elaboraron “Os cruceiros da Terra Chá (Abadín)”; Orlando Viveiro Veiga, que escribiu “O Caneiro de Santo André” e Vanesa Cotoya Díaz, que creou “A Torre-Fortaleza de Vilalba”. Ademais, este 5º Caderno de Estudos Chairegos contén o pregón do XXXVI Certame Literario-San Ramón 2010, a cargo de José-Luis Novo Cazón; así como poemas da chairega Luz Airado Bello e as fotos das exposicións “Tal como eramos” de Vilalba e Guitiriz.

Antonio Veiga destacou o “gran traballo do Instituto de Estudios Chairegos a prol da recuperación, revitalización e investigación do noso patrimonio cultural, sinal de identidade que nos identifica como pobo”, e engadiu que “a Deputación de Lugo estará sempre axudando a todos aqueles colectivos que, como o IESCHA, traballan para manter vivos unha cultura, un idioma, e todos aqueles elementos culturais que edificaron a nosa historia como pobo e cuxa preservación e valorización resultan fundamentais para manter viva a nosa identidade”.

A Área de Cultura da Deputación colabora, ademais de na publicación deste V Caderno de Estudos Chairegos, no conxunto de actividades culturais que o IESCHA desenvolve ao longo do ano, cumprindo cos obxectivos de facer unha aposta forte polo apoio ao asociacionismo cultural das comarcas lucenses.

Instrumentos na tradición

Redacción.- 

O Consello da Cultura Galega presentou o pasado venres 28 de xaneiro a versión intreractiva multimedia do libro “Os instrumentos musicais na tradición galega”, de Pablo Carpintero. “Trátase dunha aportación singular que ven enriquecer o almacén de datos dixitais que esta institución pon a disposiciòn de todos os interesados a través dos seus webs”, dixo o Presidente Ramón Villares. A obra, que estudia uns 150 instrumentos, aparece enriquecida agora coa incorporación de diferentes sons e vídeos e estará dispoñible no sitio web do Arquivo Sonoro de Galicia: www.consellodacultura.org/asg/instrumentos/

Alfonso Vázquez-Monxardín, Secretario do Arquivo Sonoro de Galicia, destacou a importancia da versión interactiva multimedia do libro “Os instrumentos musicais na tradición galega” e recordou os obxectivos do Arquivo, creado polo Consello da Cultura Galega en 1992 para recompilar, preservar, catalogar e difundir o patrimonio oral e musical de Galicia.

Iván Area Carracedo, profesor de Matemática Aplicada na Universidade de Vigo e coordinador do Proxecto Ronsel, unha iniciativa das tres universidades galegas e da Xunta, para a recuperación e a salvagarda do patrimonio inmaterial, aludiu ao traballo desenvolvido en puco máis de dous anos e agradeceu a colaboración do Consello da Cultura Galega na difusión desta obra. Referiuse a Pablo Carpintero como “un dos doce apóstolos nesta tarefa, un dos maiores expertos mundiais na materia”.

Pablo Carpintero, autor do libro, membro da Comisión Técnica do Arquivo Sonoro de Galicia e integrante da Comisión de Patrimonio Inmaterial da UNESCO, resumiu a estrutura do traballo, “un fito nos estudos da música en Galicia” e unha referencia no mundo “no que atinxe á calidade, á presentación e á sistemática, con vídeos que permiten coñecer, e ensinar, a técnica de execución de cada instrumento”.

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, falou por último da importancia de proxectar cara ó futuro o patrimonio inmaterial e a riqueza cultural de Galicia. “Esta contribución axúdanos a cumprir o mandato de preservar os valores culturais do pobo galego e permítenos ir máis alá poñendo a disposición de todos os nosos recursos”, afirmou logo de se referir ao “almacén de datos dixitais” accesibles a través de www.consellodacultura.org e www.culturagalega.org

Cadernos de comunicación

Redaccion.-

No 61º cabodano da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao saiu á rede "Cadernos de Comunicación e Análise". Cadernos de Comunicación é o primeiro proxecto da Asociación Alba de Groria, unha asociación galega pensada e feita dende a diáspora que comeza as súas actividades neste 2011. Cadernos só responde a unha das moitas necesidades da diáspora galega: información e interrelación. Aínda así, moitos espazos quedan aínda por cubrir.

Alba de Groria non pretende abarcar máis do que poida xestionar o equipo humán que o formamos. Tan só ten por obxectivo aunar forzas no polo galeguista da diáspora para mellorar a comunicación e a realización de actividades co obxectivo de vertebrar, mediante as asociacións de diversa índole, un corpo representativo da realidade da Galicia Exterior.

Tamén o vindeiro día 9 de Febreiro a Asociación Alba de Groria, da man de Silvio Falcón, participará das III Xeiras sobre lingua galega que organizan os Comités da Universidade de Vigo e nas que participará xente da cultura galega como Yolanda Castaño, Teresa Moure, Xesús Ferro Ruibal ou Isabel Risco. Falará dos proxectos da asociación así como dos Cadernos de Comunicación e Análise e da situación da nosa lingua galega máis alá das nosas fronteiras. Silvio Falcón compartirá a palestra "O galego do exterior" coa eurodeputada Ana Miranda. Podedes consultar o programa completo nesta ligazón: http://www.xeiras.info/p/programa-iii-xeiras.html.

Máis información destes e máis proxectos: http://www.albadegroria.com.

As comedias

Xulio Xiz.-

Na actualidade, as administracións rivalizan en organizar actividades culturais e sociais, podendo asistir con relativa asiduidade a actos que ofrecen concellos, deputacións provinciais, Xunta de Galicia ou entidades de aforro, nun abano no que parecen competir por ofrecer espectáculos de calidade sabendo que deste xeito valoraremos máis o traballo e a utilización que fan dos fondos que nós, como contribuíntes, lles facilitamos; e nos casos das entidades de aforro, para conseguir que coidemos que son as entidades perfectas para administrar as nosas finanzas.

Vexo que o meu concello de Vilalba está organizando un ciclo de monólogos no que van participar entre outros o actor Gabino Diego, que seguro van provocar que acudan ó Auditorio vilalbés bo número de espectadores chamados por este novo xénero teatral, de non moi lonxana aparición, que ten as vantaxes do contacto directo co público por parte dos actores, e a necesaria simplicidade e polo tanto reducción de custos que os tempos esixen.

Que lonxanos quedan aqueles tempos que todos os da Porta de Cima, e os da praza, e as rúas inmediatas acudíamos á Praza da Igrexa a ver o que chamabamos “as comedias”!

Como non había medios de comunicación que as anunciaran, os actuantes recorrían as rúas vilalbesas para anunciar a esperada actuación que á noite se ía celebrar nun improvisado palco que tiña diante un amplo espazo que enchíamos coas nosas sillas, co asento que cada un de nós levaba desde a casa para garantir comodidade durante a actuación. E alí, humoristas e cantantes facían as delicias de todos nós, maiores e nenos, inocentes espectadores que nos atopabamos nun séptimo ceo, que nin sabiamos que existía.

Aquelas “comedias” quedaron para min e para os do meu tempo gravadas no máis fondo dos nosos corazóns, e coido que foron elemento decisivo para facernos espectadores sempiternos de todo tipo de espectáculos, festexeiros pasivos de por vida.

Entre as poucas cadeas de televisión que cada día repaso para obter o mais granado da súa programación, teño a que difunde profusamente “El Club de la Comedia”, e alí vexo – moitas veces repetidas- as actuacións dos cómicos de actualidade en todo o Estado.

Pois moi ben están as actuacións en directo, e que en Vilalba se celebre un ciclo de contadores de historias, que veñan poñer un anaco de humor nas tardes vilalbesas.

Agora é o “Club de la Comedia”. En tempos, eran “as comedias”, en plural e en xeral. Tampouco hai tanta diferencia aínda que haxa máis de medio século de distancia.

28/01/2011

A diplomacia segundo Assange

Por César Reis.-

Atribúese a Voltaire o dito aquel de que “cando un diplomático di ‘si’, quere dicir ‘quizais’, cando di ‘quizais’, quere dicir ‘non’ e cando di ‘non’ non é un diplomático”. Intúo que o ilustrado francés amosábase neste aforismo tan cándido e leibniziano como o personaxe do seu coñecido (e atribuído) relato. Ou polo menos, isto é o que se conclúe despois de todo o balbordo levantado polos famosos cables de Wikileaks. A estas alturas o guionista da vida de Assange –porque ninguén dubida que a vida de Assange, igual que a de Belén Esteban, só pode ser froito da mente dalgún enfebrecido guionista– ten que estar a se fregar as mans con satisfacción.

Con todo, somos moitos os que experimentamos certa decepción con todas as revelacións de Wikileaks. Se cadra porque esperabamos que, dun momento a outro, nos dixesen por fin que todas as teorías conspirativas que circulan polo mundo (o virtual e o outro) fosen totalmente certas. Xa saben, iso de que Paul McCartney está morto, Elvis vivo e a aterraxe na lúa foi filmada por Kubrick nun estudo de televisión. Pola contra finalmente, para decepción de non poucos, nada foi como esperabamos. Porque o certo é que para dicir que Estados Unidos teme aos focos yihadistas esparexidos polo mundo, que o Vaticano está formado por un conxunto de avós anacrónicos e provincians, que en Palomares hai plutonio a eito ou que, como todos os ditadores, Chávez é un linguateiro insolente e egocéntrico, para dicir todo isto, para armar tanto ruído baleiro e dar a cambio tan poucas noces non era preciso todo isto.

Aínda que, volvendo ao que apuntabamos máis arriba, podería ser máis rechamante o feito de que os papeis do Departamento de Estado –só o nome parece evocar a obra de Kafka– revelados por Wikileaks puidesen servir para demostrar que as maneiras dos diplomáticos son, se cadra, menos versallescas que nos tempos de Voltaire. Pero, en realidade, nin sequera iso. Xa no século XVI Michel de Montaigne, nun dos seus ensaios, falábanos da falta de sutileza de certos embaixadores capaces de tirarse peidos verbais actuando por conta propia en canto tiñan ocasión, cousa que non deixaba de sorprender ao humanista francés pois consideraba que, máis ben, debería ser o seu oficio “representar fielmente as cousas e de maneira total, tal e como ocorreron, para que a liberdade de ordenar, xulgar e elixir residise no señor” (Essais, XVII).

Mesmo, visto desde dentro do propio mundo da diplomacia, alguén que fora secretario-conselleiro na legación española de Praga nos anos trinta, Francisco Ayala, contaba en Recordos e esquecementos –as memorias dos seus primeiros cen anos de vida– unha anécdota que paga a pena lembrar para ver ata que punto os chismes e a falacia están á orde do día nese mundo de recepcións sobrelevadas con Ferrero Rocher.

En 1963, aos poucos meses do seu regreso a España, foi convidado polo entón ministro de Información e Turismo do Réxime –e que tamén fora diplomático outrora– Manuel Fraga Iribarne. Este quería saber as súas opinións con respecto á situación do país e a súa posible evolución en anos vindeiros. Nun intre da conversación saíu a colación o nome do filósofo Luís Recasens Siches, quen, ao seu regreso a España tras o exilio, diversos avatares levárono, dinos Ayala, “a bicar as alfombras” do Réxime. Intúe o granadino que Manuel Fraga pretendía con isto porlle un exemplo digno de imitación, cousa que a el non lle fixo especial graza. O asunto non pasou de aí, nin se volveu a falar diso cando se atoparon de novo, xa caída a ditadura. Por iso sorprendeulle a indiscreción do ex ministro na súa Memoria breve dunha vida pública, ao sinalar que Ayala “non é unha boa persoa. Impresióname ouvilo falar mal de todo o mundo, mesmo dos seus, por exemplo de Luís Recasens. Xa mo advertiron os compañeiros comúns da Secretaría das Cortes”. Como o propio Ayala aclara, eses “compañeiros comúns” tan dignos de credibilidade para Fraga non eran senón os funcionarios que durante a guerra traizoaran ao goberno oficial republicano.

En fin, cando pase toda esta febre informativa, poderemos dicir que os que entón xa serán –con permiso de Dickens– papeis póstumos do clube Wikileaks servirían para sementar do máis basto amarelamento as páxinas dalgúns dos principais e máis prestixiosos diarios mundiais –The Guardian, El País…–, mais tamén haberá que agradecerlles unha cousa. Se fose calquera de nós o que tivese dito que o Vaticano está formado por un conxunto de velliños anacrónicos e un pouco pailáns, que en Palomares hai plutonio a eito ou que Chávez é un linguateiro insolente e egocéntrico, entón acusaríannos de exercer unha demagoxia sanguenta e un maniqueismo sen límites, amáis de seren uns amantes das teorías conspirativas. Mentres que, se quen enuncia estas verdades como puños é o Departamento de Estado de Washington, se cadra a máis dun lle pode dar por reflexionar sobre esas cuestións. E iso, tendo en conta os tempos de baleiro intelectual que corren, non é pouco.

Aberto do Lacón de Meira

Redacción.-

A Asociación Cultural Eme de Meira vén de organizar, en colaboración coa asociación O Varal, o trofeo de billarda “Aberto do Lacón de Meira”, proba puntuable para a 5ª xornada da Conferencia Norleste Liga Nacional de Billarda (LNB). Este trofeo disputarase o vindeiro sábado 29 de xaneiro, a partir das 15.30 horas na Praza do Convento de Meira (en caso de chuvia persistente trasladarase ao pavillón de deportes municipal).

Confirmada a participación dos mellores equipos da división Norleste da Liga Nacional de Billarda (procedentes de Lugo e A Mariña, posto que a Liga Nacional dispútase agrupando os equipos das diferentes zonas xeográficas para rematar cun aberto playoff final -seguindo un modelo semellante ás ligas de baloncesto, directamente á NBA), agárdase que preto de 50 deportistas se dean cita para disputar o “Trofeo do Lacón de Meira”, que recibe este nome posto que o gañador levará como trofeo un lacón. Hai que salientar que esta proba levanta moita expectación en Meira xa que o ano pasado, primeira vez na historia que Meira acollía unha xornada da LNB, a praza estivo ateigada de xogadores de billarda e veciños e veciñas do pobo que se achegaron a ver o espectáculo da billarda e incluso houbo algúns que se animaron a participar.

Ademais, a asociación Eme de Meira competirá neste aberto, así como tamén outro equipo da zona, o Cadaval de Pacios, que tentarán lograr que o trofeo do lacón quede na casa. Desde a organización agárdase unha masiva presenza de afeccionados porque, ao disputarse o trofeo na modalidade de “aberto”, isto permite que coa única condición dunha inscrición previa gratuíta calquera persoa poida apuntarse e disputar o trofeo.

Desde aquí, queremos animar ás persoas a participar, ou cando menos a presenciar, o Trofeo de Billarda do Lacón de Meira, unha competición organizada por Eme de Meira e O Varal na procura de recuperar e manter os deportes e xogos tradicionais galegos.

Destruír unha lingua (Zimmermann)

Fermín Bouza.-

O filólogo romanista Klaus Zimmermann, con moitas publicacións de temática próxima á tese aquí citada, dirixiu esa tese de Zuzana Pesselova (Auswirkungen der neueren galicischen Sprachpolitik im Kontext des galicischen Weltbildes: As consecuencias da política lingüística galega recente no contexto da cosmovisión galega) sobre as consecuencias destrutivas das políticas do goberno galego actual, do mesmo partido cuxos senadores galegos (senadores do PP de Galicia) opuxéronse ao uso do galego e demais linguas cooficiais no senado, en liña cos grandes saurios mediáticos e ideolóxicos que xestionan a herdanza simbólica franquista neste territorio da linguaxe e noutros desa especie.

Non fai falta ser nacionalista nalgún dos mil contidos deste concepto para considerar democraticamente normal que nun país se falen as súas linguas, con máis razón no Senado, cámara que se nos presentou como territorial. A tese da Pesselova, que non lin pero que algún día lerei e comentareina con maior coñecemento de causa, di, segundo o cronista, que a política de Feijóo é o perfecto exemplo da estratexia ideal para acabar cunha lingua, aínda no caso de que o presidente autonómico e os seus asesores nestas cuestións ignoren as consecuencias reais dos seus actos lexislativos. Nunca me coubo dúbida, e por iso sumeime á marea de cambio sobre a lingua en Galicia, e por iso creo que esa loita apenas comezou. Por iso creo, tamén, sen mitificar a nada nin a ninguén, que en 2013 os partidos de progreso deben recuperar o goberno autónomo. Esa é unha condición necesaria, pero non suficiente, da revitalización do galego.

27/01/2011

I Edición de Catering Entrevista

Redacción.-

A empresa galega dedicada ao sector da hostalaría Airas Catering presentou esta mañá a primeira edición de "Catering Entrevista", unha iniciativa dirixida a axudar aos desempregados na súa procura de emprego, convidando o empresario a unha comida. O desempregado poderá convidar ao seu futuro xefe a comer de forma gratuíta; para presentar o seu curriculum dunha maneira diferente e personalizada no mundo laboral.

En palabras de Xavier Freire, Administrador de Airas Catering, grazas a Catering Entrevista a candidatura do desempregado preséntase de maneira máis apetecible, personalizada e orixinal. No marco da actual crise económica e tomando como referencia uno dos seus efectos máis negativos e de maior impacto social, o desemprego, Airas Catering mostra o seu compromiso coa sociedade a través do concurso "Catering-Entrevista", que busca ofrecer unha oportunidade laboral a todos os desempregados.

Na primeira edición do concurso "Catering Entrevista" poderá participar calquera persoa demandante de emprego (inscrita no INEM) que sexa residente en España e cunha idade superior aos 18 anos. O aspirante poderá enviar invitacións de Catering Entrevista ás empresas coas que queira conseguir unha entrevista de traballo. As invitacións atópanse no blog cateringentrevista.blogspot.com e páxina de Facebook Catering Entrevista. As empresas ás que se envíe a invitación deberán estar situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Premiaranse os primeiros 25 desempregados que consigan unha entrevista. Cada gañador ten dereito a un Catering Entrevista, o cal se desenvolverá na mesma empresa onde se concedeu a entrevista. O Catering Entrevista irase outorgando a medida que os aspirantes vaian conseguindo o seu Catering Entrevista. Unha vez que se consiga o Catering Entrevista, deberá comunicalo á seguinte dirección de correo electrónico: cateringentrevista@gmail.com.

Os datos dos gañadores iranse publicando no blog cateringentrevista.blogspot.com, páxina de Facebook e Twitter @catentrevista. Airas Catering desprazarase até a dirección da empresa e acompañará a cada aspirante até o interior da mesma para presentar o Catering. Finalizado o Catering Entrevista, Airas Catering encargarase da limpeza e recollida do Catering. As invitacións de Catering Entrevista, única e exclusivamente, enviaranse a empresas que estean situadas na Comunidade Autónoma de Galicia. O Catering Entrevista desenvolverase dentro da empresa onde se concedeu a entrevista. O prazo da Primeira Edición de Catering Entrevista queda aberto desde a publicación desta convocatoria e pecharase, sen prórroga, ás 14 horas do día 31 de Marzo de 2010.

Airas Catering pertence ao grupo de empresas Freire Mozo S.L, empresa de hostalaría fundada en 1993 que ten a súa sede social en Santiago de Compostela. Desde o ano 2008 a empresa dá un salto cualitativo dentro da liña de negocio do catering coa creación de Airas Catering. Na actualidade, ofrece os servizos de catering a quince centros de educación infantil dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e desenvolve unha intensa actividade na liña de catering a empresas, institucións e eventos.

A ferida de comprender, de Baldo Ramos

Redacción.-

Mañá xoves 27 de xaneiro preséntase en Santiago de Compostela o último libro do poeta e artista plástico de Celanova Baldo Ramos titulado A ferida de comprender e editado por Libros da Frouma. O lugar de presentación é a Biblioteca Pública Ánxel Casal ás 20 horas, e como clausura da exposición "Os ollos das palabras", que o autor ten este mes no salón de actos desta biblioteca. A exposición amosa os denominados libros de artista do autor como ‘Ut pictura poesis’, ‘As follas da memoria’, ‘Monólogo do calígrafo’ (2007), ‘Signos de cinza’.

Poeta e artista plástico, Ramos investiga esencialmente na súa obra os espazos que comparten poesía e pintura. Como artista, utiliza o soporte papel para expor o diálogo entre a imaxe e a palabra, creando obras de arte nas que o texto se converte nun elemento pictórico máis e onde non importa o contido, senón a función visual no conxunto da obra.

Publicou os seguintes libros de poesía: ‘Raizames’, (Follas Novas, Santiago, 2001), ‘A árbore da cegueira’ (Espiral Maior, A Coruña, 2002), ‘Los ojos de las palabras’ (Fundación María del Villar Berruezo, Tafalla, 2002), ‘El sueño del murciélago’ (Pre-textos, Valencia, 2003), ‘Escura e transparente’ (3C3 Editores, Santiago, 2003) ou 'Diario de una despedida' (Amarú Ediciones, Salamanca) ou Palabras para un baleiro (Espiral Maior, 2009) que gañou en 2009 o Premio Fiz Vergara Vilariño.

A súa poesía tamén está recollida en diferentes edicións colectivas, entre as que destacan ‘Poetas del 2004’ (Instituto de Cultura Peruana, Miami, 2005), ‘Antología de Joven Poesía Gallega’ (Enfocarte.com, en la Red) ou ‘Certame de Poesía Rosalía de Castro, 1992-1996’ (Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, 2000). Polo que respecta á súa obra pictórica, foi amosada en diferentes galerías do noso país e serviu para ilustrar numerosos libros e revistas. Ramos recibiu, entre outros, os premios Arcipreste de Hita, María del Villar Berruezo, Ayuntamiento de Carral, Rosalía de Castro, Ciudad de Tobarra, Celso Emilio Ferreiro e recentemente foi galardoado co accésit do IV Certame de Poesía Iberoamericana Víctor Jara.

26/01/2011

Caderno de Estudos Chairegos

Redacción.-

O vindeiro venres, día 28 de xaneiro, na Casa da Cultura de Vilalba, a partir das 20,30, o Instituto de Estudios Chairegos presentará o número cinco da publicación bianual, Caderno de Estudos Chairegos. Nesta entrega insírense un prólogo de Bernardo García Cendán, artigos de investigación de José-Luis Novo Cazón, Fernando Arribas, José Manuel Blanco e Mario Saavedra, Orlando Viveiro Veiga ou Vanesa Cotoya Díaz. Tamén varias recensión de obras de diversos autores, así como poemas de Luz Airado Bello e as fotos para o recordo da V Exposición, Vilalba e da I Exposición, Guitiriz.

O poeta pastor e Lorca

Bruno Marcos.-

Desde que se desataron as galas do ano miguelhernandiano non deixou de aparecer un asunto que, aínda que parece baladí, é repetido con insistencia. Trátase do desencontro de Miguel Hernández con Federico García Lorca. Nada se xoga a historia da literatura hispánica en desentrañar as reviravoltas desta malograda relación pero esperta a curiosidade. Seguramente o que atrae a atención é contemplar a ruptura do monolitismo que se construíu sobre a intelectualidade antifranquista.

Non foi tan idílica a relación de Miguel coa xeración do 27 como se viña crendo. É coñecido o apoio que lle prestaron Vicente Aleixandre ou Pablo Neruda e é sabida a alerxia que causaba o cabreiro a Lorca ou a Cernuda. Tamén se di que rifou con Alberti e María Teresa León ao berro de «Aquí hai moita puta e moito fillo de puta» porque estes espantaban os medos da guerra con grandes festas de disfraces nun palacio incautado. O mesmo Rafael relataba nas súas memorias, La arboleda perdida, aquilo que debeu irritar a sensibilidade do poeta pastor e soldado: «disfrazados cos moitos fantásticos traxes que gardaban os marqueses de Heredia-Spínola nuns vellos armarios arrumbados no terceiro piso. Quen poderá esquecer a Luís Cernuda, vestido de cabaleiro calatravo; ao poeta negro Langston Hughes, con traxe e corida capa de rei negro; a León Felipe con gorro e uniforme de Gran Duque Nicolás, etcétera... Mentres, chovían os obuses sobre o Madrid ás escuras dunha noite calquera de tenaz defensa».

O certo é que Lorca sae malparado sempre deste preito que merecería ser estudado con máis detemento. É de supor que a Federico, doce anos maior que Miguel, chegábanlle poetas provincians, e mesmo rústicos como este, con bastante frecuencia solicitando a súa atención; pero o que sorprende é a agresividade coa que o de Orihuela se dirixía ao de Granada. Desgustado pola nula repercusión do seu primeiro libro de poesía, Perito en lunas , Miguel Hernández escribe a Lorca: «Pensei ante o seu silencio, que vostede me tomou o pelo ao andaluz en Murcia -lembra?-..., que para vostede fomos, ou fun, o que lembro que nos dixo cando lle preguntamos quen era un que lle saudou. «Ese -dixo-, un deses dos de: adeus!, cando lles vemos. (...). Perdóeme. Pero quedouse todo: prensa, poetas, amigos, tan silencioso ante o meu libro, tan encomiado -non mentirosamente, como dixo- por vostede a tarde aquela murciana, que maldixen as putas horas e malas en que dei a ler un verso a ninguén».

»Vostede sabe ben que neste libro meu hai cousas que se superan dificilmente e que é un libro de formas resucitadas, renovadas, que é un primeiro libro e encerra nas súas entrañas máis personalidade, máis valentía, máis collóns -"a pesar do seu aire falso de Góngora"- que todos os de case todos os poetas consagrados, aos que se, se lles quitasen a firma, confundiríaselles a voz (...).»

A resposta de Federico foi: «Lémbrome moito de ti porque sei que sofres con esas xentes marráns que che rodean e sinto mágoa de ver a túa forza vital e luminosa pechada no curral dándose labazadas polas paredes. Pero así aprendes. Así aprenderás a superarte nesa terrible aprendizaxe que che está dando a vida. O teu libro está no silencio, como todos os primeiros libros, como o meu primeiro libro, que tanto encanto e tanta forza tiña. Escribe, le, estuda. LOITA! Non sexas vaidoso da túa obra. O teu libro é forte, ten moitas cousas de interese e revela aos bos ollos paixón de home, pero non ten máis collóns, como ti dis, que os de case todos os poetas consagrados. Acouga. Hoxe faise en España a máis fermosa poesía de Europa. Pero por outra banda a xente é inxusta. Non se merece Perito en lunas ese silencio estúpido, non. Merece a atención e o estímulo e o amor dos bos. Ese telo e teralo porque tes o sangue de poeta, e até cando na túa carta protestas tes no medio de cousas brutais (que me gustan) a tenrura do teu luminoso e atormentado corazón.

Eu querería que puideras superarte da obsesión, desa obsesión de poeta incomprendido, por outra obsesión máis xenerosa política e poética.»

Diferenza de caracteres
Basta ler estas dúas cartas para entender a diferenza dos caracteres dos nosos poetas. A Miguel Hernández urxíalle todo, saír da súa casa, gañar diñeiro, ser protexido e tutelado, salvado do seu mundo, o cal, con todo, usufructuaba con certo exotismo non exento de algo de cinismo. Lorca fala desde a sensatez e en perspectiva, con sinceridade e sen belixerancia para indicar ao outro que a arte non é unha carreira.

Miguel Hernández contesta a Lorca cunha carta cargada de insolencia: «Dispensa, Lorca, amigo, calorré de nacemento, que deixase, tanta!, anchura de tempo entre a túa carta e esta. O diñeiro faltoume, o traballo ocupado, abril, maio, fútbol e muller, esgotado, distraído (...). Tanto aprendo aquí, que creo que até estou a aprender a deixar de ser poeta. Non podo ler por non ter libros, escribir por non ler, estudar por non ler tamén, loitar porque o meu inimigo é a miña arma: a miña poesía.»

»Que non sexa vaidoso da miña obra? Non é vaidade, amigo Federico Lorca: é orgullo malferido. Grazas polo teu desexo de que a miña obsesión de poeta incomprendido sexa separada de min. Aínda non viña a túa carta polo camiño cando xa me divorciou dela. Son sen ser nada comunista e fascista.»

A partir desta carta Federico deu por resolta a relación. Non quixo ser comprensivo co mozo vehemente que lle reprochaba que as súas boas palabras fosen mentiras corteses e atrevíase a aludir ao estereotipo do xitano para referirse a el.

Cítase o veto que o granadino puxo ao oriolano nunha reunión en casa de Aleixandre. «Federico chamoume a primeiros de xullo para dicirme que viña lerme a súa última obra, La casa de Bernarda Alba . Eu, como sempre, esperábao con gusto. Pero el, ao decatarse de que estaba comigo Miguel Hernández, ao cal non lle tiña moita simpatía, dixo que con Miguel alí el non viría. «Entón, que podo facer eu», díxenlle. «Bótao», contestou secamente Federico. Naturalmente non botei a Miguel, e Federico non veu, a pesar das miñas insistencias».

Capacidade cegadora
O de Orihuela viña dar voz ao pobo desde o pobo e posuía unha capacidade cegadora coa cal se apropiou da linguaxe que de cando en cando pertencera á súa clase social. Lorca, con todo, representaba ao señorito andaluz que fai versos marabillosamente cuxo compromiso social non deixa de ter o ar condescendente da caridade. Con todo, isto vén a servir forzadamente un encontrón social entre dous dos mellores poetas da nosa lírica onde, seguramente, houbo tan só un choque de caracteres. Doutra banda dá a sensación de que se chegou a un momento no que Hernández só puidese crecer a expensas de Lorca, en demérito del. Para favorecer este enfrontamento de clases rebáixase a importancia que na vida do poeta pastor de cabras teñen as clases medias ou altas. A burguesía intelectual educoulno e acolleuno e, máis tarde, o dereitista Cossío foi o seu principal defensor na prisión. A educación nos xesuítas, as lecturas da biblioteca do bispo Almarcha, a estreita relación intelectual con Ramón Sijé son case sempre analizados como un obstáculo na súa traxectoria; con todo, pásase no bico dos pés sobre o feito de que o seu pai, pertencente ao pobo idealizado, é quen lle prohibiu os libros, quen non foi a visitalo nin unha soa vez ao cárcere e quen, ao recibir a noticia da súa morte, contestou: «El buscouno».

As diferenzas entre Lorca e Miguel Hernández teñen simplemente unha dimensión anecdótica. A relación entre eles non quita nin pon nada e a realidade é que, no substancial, uníalles a orixe rural e o desexo de axuntar a alta cultura coa cultura popular á vez que consideraban ambos fundamental facela chegar ao pobo e defender a liberdade.

Non en balde escribiu Miguel a conmovedora Elexía primeira á morte de Lorca con versos tan fondamente fermosos como estes: «Primo de las manzanas, / no podrá con tu savia la carcoma, / no podrá con tu muerte la lengua del gusano, / y para dar salud fiera a su poma / elegirá tus huesos el manzano. / Cegado el manantial de tu saliva, / hijo de la paloma, / nieto del ruiseñor y de la oliva: / serás, mientras la tierra vaya y vuelva, / esposo siempre de la siempreviva, / estiércol padre de la madreselva.»

25/01/2011

2011: Ano Cunqueiro

Redacción.-

O Ano Cunqueiro empezou o pasado 17 de xaneiro coa presentación pública do programa de actividades conmemorativas do centenario do escritor (1911-1981), que se iniciarán en Vigo en febreiro e rematarán en Mondoñedo a finais de decembro. Un calendario de actos, entre os que destacan unha exposición itinerante, un congreso internacional e dez faladoiros, coordinados desde o Consello da Cultura Galega por Henrique Monteagudo nunha comisión inter-institucional integrada pola Consellería de Cultura, os concellos de Mondoñedo e Vigo, as universidades galegas e a Real Academia Galega.

Os representantes das institucións estiveron no acto celebrado na Biblioteca do Consello da Cultura Galega baixo a presidencia do seu titular, Ramón Villares, e do Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Roberto Varela, quenes expresaron o desexo de que o “Ano Cunqueiro” sirva para coñecer máis e mellor, dentro e fóra de Galicia, a obra do xenial escritor. Villares lembrou que a exposición daráse a coñecer tamén a través dos centros do Instituto Cervantes co que o Consello da Cultura asinou en novembro un protocolo de colaboración.

As actividades do programa “2011, Ano Cunqueiro” comezarán de feito nas rúas de Vigo o próximo 21 de febreiro. As obras do escritor sairán á rúa e os seus textos viaxarán nos autobuses da cidade na que pasou boa parte da súa vida. Xulio Calviño, concelleiro de Seguridade, tráfico e transportes, explicou que o acto central, no que intervirá Luís Emilio Batallán, terá lugar o 26 de febreiro no Centro Cultural de Novacaixagalicia.

Os vicerrectores de Cultura das universidades da Coruña e Santiago, Luís Caparrós e Javier Garbayo, respectivamente, aludiron ao congreso internacional “Mil e un Cunqueiros” organizado polo Consello da Cultura e as tres universidades galegas para o mes de outubro. Non acudiu ao acto o representante da Universidade de Vigo.

Manuel González, en representación da Real Academia Galega, aludiu áo acto que o 16 de abril rememorará no Seminario de Mondoñedo o ingreso de Álvaro Cunqueiro na institución e a resposta de Francisco Fernández del Riego, recentemente desaparecido. Cunqueiro fora proposto por Ramón Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño, Ricardo Carballo Calero e Domingo García Sabell.

O alcalde de Mondoñedo, Manuel Orlando González Cruz, afirmou que o programa era especialmente importante para a cidade que viu nacer a Cunqueiro e na que repousa definitivamente. Anunciou a creación dun centro cultural dedicado aos mindonienses ilustres co autor de “Merlín e familia” á fronte.

O Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Roberto Varela, agradeceu o traballo do Consello da Cultura Galega e das institucións integrantes da Comisión promotora e anunciou o propósito de difundir a obra cunqueiriana a través dos centros dependentes do Ministerio de Asuntos Exteriores. Subliñou asemade a importancia de acoller algúns dos actos previstos na Cidade da Cultura recén inaugurada. O primeiro no ciclo “Sábados de autor” o 2 de abril. Xunto co Conselleiro acudiu á presentación do programa o Director xeral de promoción e difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez.

PROGRAMA “2011, ANO CUNQUEIRO”
O programa de actividades ‘2011, Ano Cunqueiro’, recolle actividades organizadas ou patrocinadas polo Consello da Cultura Galega, a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, as Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, a Real Academia Galega e mailos Concellos de Vigo e Mondoñedo.

Tamén colaboran a Deputación de Lugo, a Escola Superior de Arte Dramática, a Fundación Cidade da Cultura, a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales e a Axencia Galega de Industrias Culturais.

Febreiro, 21-26. Vigo. Actividades de rúa en colaboración coa Asociaciòn Cultural Casco Vello, de Vigo e lecturas dramatizadas coa Escola Superior de Arte Dramática.

Marzo – abril, Santiago. Inauguración da Exposición sobre Cunqueiro en Santiago de Compostela, Casa da Parra. Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. Recital poético-musical de Amancio Prada en Santiago de Compostela (Axencia Galega de Industrias Culturais-AGADIC-Consellería de Cultura- Xunta de Galicia).

• Abril, 2. Santiago. Acto literario “Cunqueiro, a maxia da palabra”, con Quico Cadaval e Cándido Pazó, no ciclo ‘Galicia, ceo das letras / Sábados de autor’, organizado pola Fundación Cidade da Cultura / Xunta de Galicia.

• Abril, 16. Mondoñedo. Acto público en conmemoración ingreso de Álvaro Cunqueiro na Real Academia Galega. Organiza a RAG, coa colaboración do Concello de Mondoñedo. Salón de actos do Seminario de Mondoñedo.

• Maio – decembro. A exposición sobre Cunqueiro, inaugurada en Santiago de Compostela, itinerará por Lugo (maio-xuño), Ourense (xullo), Mondoñedo (agosto), A Coruña (setembro), Pontevedra (outubro), Ferrol (outubro-novembro) e Vigo (novembro-xaneiro 2011). Organiza Consellería de Cultura – Xunta de Galicia.

En paralelo coa exposición, o Consello da Cultura Galega organiza Faladoiros en cada unha das cidades nas que poderá verse a Exposición, sobre diferentes aspectos da obra de Cunqueiro.
• Programa previsto dos Faladoiros:
-A obra poética de Álvaro Cunqueiro. Santiago, abril
-A cultura popular na obra de Álvaro Cunqueiro. Lugo, xuño
-Álvaro Cunqueiro no galeguismo. Ourense, xullo
-Boticas, menciña e maxia. Mondoñedo, agosto
-A obra dramática de Álvaro Cunqueiro. A Coruña, setembro
-Os intelectuais galegos e o franquismo. Pontevedra, outubro
-O mundo céltico e bretón na obra de Álvaro Cunqueiro. Ferrol, novembro
-Álvaro Cunqueiro, xornalista. Vigo, decembro

• Xuño, 15. Santiago de Compostela. Recital poético, lectura de poemas de Álvaro Cunqueiro, coordinado por Luís González Tosar e organizado polo Consello da Cultura Galega.
• Setembro, 28 – outubro, 1. A Coruña, Santiago e Vigo. Congreso Internacional ‘Mil e un Cunqueiros’, organizado polo Consello da Cultura Galega e as Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Como conferencias plenarias están previstas as intervencións de César Antonio Molina, John Rutherford e Xosé Luís Méndez Ferrín.

• Decembro, 22. Mondoñedo. Clausura do ano. A Maxia das Palabras. Actos de animación cultural polas rúas de Mondoñedo (Maxia, contacontos, recitais poéticos). Organiza Concello de Mondoñedo, coa colaboración da Deputación de Lugo.

OUTRAS ACTIVIDADES PREVISTAS
• Roteiro cunqueiriano. Elaborado polo portal www.culturagalega.org
(Consello da Cultura Galega).
• O incerto señor don Hamlet, posta en escena de ‘Sarabela Teatro’, co patrocinio da AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) – Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. A montaxe estará na Rede Galega de Teatro.
• Filme documentario patrocinado pola a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, baixo a dirección de Antón Reixa.
• Actos literarios en Madrid e Barcelona, organizados polo Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, coa coordenación de Carlos González-Reigosa (Madrid) e Basilio Losada (Barcelona).
• Difusión dunha versión reducida da Exposición nalgúns centros do Instituto Cervantes, en virtude do convenio asinado en novembro entre esta institución e o Consello da Cultura Galega.
• Exposición sobre Cunqueiro e a gastronomía, organizada pola Fundación Cidade da Cultura.

24/01/2011

Galicia en Fitur 2011

Redacción.-

O stand institucional de Galicia, instalado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura e Turismo, Secretaría Xeral para o Turismo e Turgalicia, na Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR, recibíu a visita de 70.000 persoas entre profesionais do sector turístico nacional e internacional e público xeral ao longo dos días 19, 20, 21, 22 e 23 de xaneiro.

Foron cinco días de feira nos que o recinto institucional para a promoción do Turismo de Galicia, nun dos certames máis importantes do mundo, actuou como escaparate dos valores e dos produtos turísticos galegos, tanto para a súa comercialización entre o sector empresarial, os tres primeiros días, como para a promoción entre o público xeral, esta fin de semana. O deseño do stand centrouse este ano na difusión da primeira marca do Turismo galego, Galicia, gárdasme o segredo, a Cidade da Cultura de Galicia e o 800 aniversario da Catedral de Santiago de Compostela.

Durante esta edición de FITUR, o recinto institucional galego foi visitado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e acolleu 18 presentacións de destinos e produtos turísticos galegos, ás que asisitiron máis de 1.000 persoas relacionadas coa comercialización turística. A maioría destas presentacións estiveron presididas polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo.

gardasmeosegredo.com
Nesta edición de FITUR, a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo e Turgalicia, instalou unha web para promocionar a participación galega na feira a través de Internet.

Esta iniciativa, editada nas linguas galega, castelá e inglesa, permitíu seguir en directo todas as actividades que se desenvolveron no stand institucional de Galicia, ademais de baixar contidos específicos do Turismo galego.

Esta web, tense convertido, logo de dous anos, nunha ferramenta fundamental para a promoción do Turismo galego unha vez que comeza o ano para anunciar as novedades turísticas galegas que se poderán atopar os visitantes.

Unha proba do éxito desta iniciativa web foi o número de visitantes que accederon a ela durante os días de feira, superiores a 30.000.

Vive Galicia
Unha das presentacións máis importantes que tivo luagr en FITUR 2011 foi a do programa de paquetes turísticos Vive Galicia 2011, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Turismo e Turgalicia.

Ademais da existosa presentación aos operadores turísticos desenvolvida o xoves 20 de xaneiro na sala de actos do stand de Galicia, por parte da secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, Turgalicia puxo en marcha un concurso o venres 21 a través da rede social Facebook, polo que, ata o día 24 todos aqueles que suban unha fotografía turística, a modo de segredo persoal sobre Galicia que se quere compartir, poderán recibir un dos de cinco programas Vive Galicia, ás imaxes segredas máis votadas.

Así, ata hoxe xa tiñan participado máis de 1.200 persoas nesta promoción turística en redes sociais.

Material de promoción
Por outra parte, ao longo destes días de feira, nos mostradores do stand insitucional de Galicia, distribuíronse máis de 150.000 folletos e outro material de promoción turística, tanto achegado por Turgalicia, como polos 16 coexpositores que participaron en FITUR dentro do stand institucional de Galicia.

Ademais, os stand galego incluíu tres actividades audiovisuais interactivas nas que puido participar o público, moi interesado por descubrir os recantos da Cidade da Cultura de Galicia ou a Catedral de Santiago, así como participar na captura de percebes nos cantís de Aguiño o visitar verticalmente os canóns do Sil na Ribeira Sacra.

Deste xeito a oferta turística de Galicia promocionouse de xeito conxunto a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia e das entidades de promoción Deputación da Coruña, Padroado de Turismo da provincia de Lugo, Padroado provincial de Turismo de Ourense, Turismo Rías Baixas, Mancomunidade de municipios Ría de Arousa-zona norte, Asociación de desenvolvemento turístico da Mariña lucense, Mancomunidade de municipios da Terra Chá, Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Mancomunidade Terras de Pontevedra, Turismo da Coruña, Concello de Ferrol, Turismo de Santiago, Concello de Lugo, Turismo de Ourense, Turismo de Pontevedra e Turismo de Lugo.

Cos pés no chan

Xulio Xiz.-
 
Cavilo ás veces nas historias que os lugares onde vivimos nos contarían se, como aquel programa da vella televisión, as pedras falaran. Se, por exemplo, a casa onde vivimos puidera falar e nos contara historias que pasaron noutro tempo. Ou poder coñecer o que había hai centos de anos no lugar onde nós vivimos, quen posuíu aquelas terras, como se transmitiron as propiedades... Como, por exemplo, unha persoa pode ser propietaria dun monte no que aparece un castro que evidencia que hai dous mil anos alí viviron persoas que tiñan por súa aquela terra.

Se as pedras falaran, na miña rúa da Porta de Cima poderían contarnos que en tempos alí estaba a porta –suponse que a máis alta- do recinto do castelo, por onde entrarían e sairían os homes de armas a patrullar os contornos.

Se fosemos quen de entender o que nos di a terra que pisamos, iríamos lembrando xentes e feitos, coñeríamos as verdades da historia descoñecida, saberiamos de xentes que viviron nos mesmos lugares, sentiron as mesmas angurias e os mesmos placeres que nós, pero dos que non sabemos absolutamente nada.

E sabendo deles ou non, entrando ou non nese coñecemento, temos que aceptar que todos nós – aínda os máis eruditos e investigadores do pasado- somos auténticamente forasteiros na terra que habitamos, ignorando todo o que aquí pasou; todos os que por aquí pasaron.

Peor aínda, se pensamos exclusivamente no aspecto físico da cuestión, mesmo non sabemos o que hai por debaixo nosa, baixo das nosas casas, baixo das rúas que pisamos, no profundo do noso chan.

Valla como exemplo o sucedido aló polo Courel, onde unha finca desapareceu facéndose un burato de trinta metros de fondo ó derrumbarse unha cova que se foi producindo século a século polas correntes que hai no sochán. Que agora hai aparatos que descobren o que hai baixo os nosos pés, pero quen é capaz de poñerse a pescudar no mundo de abaixo cando tanto hai que ver e descubrir no mundo que está ó noso nivel físico?.

O mundo das profundidades ségueme intrigando, como intrigaban ós nosos devanceiros os tesouros ocultos, as mámoas, e calquera accidente do terreo. Pero en tanto o chan non se mova, deixémolo estar.

Seguirá intrigándome como domesticamos a natureza, como nos apropiamos dela, e como pode evolucionar unha superficie no decurso do tempo ata chegar ás nosas mans. Antes, era puro dereito de conquista dos señores feudais, e estes repartían logo as propiedades entre os seus seguidores. Agora, aparentemente, todo é máis legal e igualitario.

Pero é unha lástima que as pedras non falen para contarnos cousas. Aínda que, ó mellor, é unha sorte que as pedras non falen, porque poderían contar moitas cousas que non nos ían gostar.

22/01/2011

Aznar e as autonomías

Moncho Paz.-

En ningunha lexislatura tiveron tanto protagonismo os ex presidentes como na actual. No caso de Felipe González, a maioría das súas aparicións foron para arroupar a Zapatero, cuxo liderado segue en caída libre na totalidade das enquisas. E no que respecta a José María Aznar, as súas intervencións foron, sobre todo, para proporcionarlle dores de cabeza a Rajoy; a última, cando expresou a súa opinión sobre a sostibilidade do Estado das autonomías nestes intres de recesión económica.

En vésperas da pasada Noiteboa desexoulle Bo Nadal a Mariano cun agasallo moi especial: o novo informe FAES, no que advertía dos riscos das cesións competenciais ás autonomías. E agora, poucos días antes da Convención do PP en Sevilla -que está a celebrarse ao longo desta fin de semana- arremetía novamente contra o papel das Comunidades, alegando a inviabilidade do seu financiamento.

Unha cousa é controlar e racionalizar o gasto, evitando a duplicidade de competencias, pero outra ben diferente é o recorte que plantexa Aznar cun discurso demagogo e oportunista. Todos coñecemos a súa nula memoria histórica. Por iso hai que lembrarlle que as comunidades autónomas son unha solución e non un problema, e así se reflicte no título VIII da Constitución e nos correspondentes Estatutos de Autonomía. A recentralización é, pois, innecesaria e ilegal.

Na páxina web dos populares díse que “a nosa estrutura territorial non pode ser un lastre para os españois á hora de remontar a crise económica”, pero seguimos sen coñecer con detalle qué medidas propoñen para solucionar este suposto problema. Suxiro que un bo comezo podería ser a reforma da Constitución para suprimir dunha vez por todas as deputacións provinciais, unhas entidades obsoletas e decimonónicas con pouca utilidade práctica, agás para dar traballo aos amigos dos seus responsables políticos e favorecer redes clientelares. Paralelamente a esta medida deberíase potenciar o papel das comarcas e iniciar un proceso progresivo de fusión de concellos para garantir eficacia e transparencia na xestión cotián coa cidadanía. E para rematar, poderíamos eliminar tamén a maioría das empresas públicas, que moitas veces supoñen unha auténtica Administración paralela.

As linguas dos Bárbaros

Fermín Bouza.-

Se vostedes non sabían como é o centro do Reino agora xa o saben. Que algúns socialistas soltos como Guerra ou Bono (aínda que este elixiu a vía do silenzo insinuante) preferiran negarnos o dereito a falar a nosa lingua na cámara territorial(?), aínda que o seu partido si acepte ese dereito, indícanos até que punto ás veces parece que estamos fóra da casa cando cruzamos o Macizo Galaico.

Se isto pensa xente do PSOE que non pensarán os do PP? Dínnolo nos medios e deben lelos. Todo iso fálanos da dificultade estrutural deste Reino, aínda hoxe, e até que punto non está resolta a integración das nacionalidades neste Reino de España, no que non se considera ás nosas linguas nin como "linguas españolas" no sentido operativo e pragmático, apenas as tratan ás veces con retórica "buenista" que axiña pasa a "malista" en canto te moves un pouco da idea, xeralmente ahistórica e imposible, do que sexa España ou o Reino de España.

Toda a vontade de integración neste Reino, gardando así a súa integridade e a súa existencia, pero a cambio do noso pleno recoñecemento, estrélase contra eses abusos e vólvenos a situar nunha especie de parafranquismo que é insustentable a medio prazo.

Non é agradable pelexar polo obvio, e é hora xa de que rematen estas cousas ridículas que acaban, como en Madrid ao redor do tema das linguas, desprezando a esas linguas de forma explícita, e tamén aos nosos países, na crenza de que xamais poderiamos safarnos de todo iso. No que a min respecta, que non son persoa especialmente conflitiva neste punto do aquí exposto, debo dicir que me sinto cada día máis molesto con todo iso. É unha sensación xeneralizada entre xente da miña contorna da capital.

21/01/2011

Unha poética dos anxos

Redacción.-

Esta antoloxía, La luz escondida (Una poética de los Ángeles), con edición ao coidado de José Antonio Conde e Raúl Herrero -e que inclúe un texto do noso colaborador Bruno Marcos- recolle a tradición e a vangarda, o escuro, o esperado e o místico e nesta diversidade reside o seu maior atractivo. Aquí prevalece a esencia xerminativa da palabra como actitude fronte o silencio. Edificar textualmente un símbolo constitúe unha entrega que incorpora á metáfora estéticas moi diferenciadas e que responde á pluralidade formal de arquetipos e ideas no inconsciente. De aí xorde unha carnalidade verbal que dá corpo a criaturas de luz e coñecemento, que transcenden o significado, establecéndose unha correspondencia coa imaxe para ser fragmentos de transparencia ou soño, de invocación ou tránsito.
Como toda antoloxía a presente precisou duns límites para que o tamaño resultase manexable. Nada máis lonxe da intención dos editores que establecer un canon literario, nin de ningún outro tipo. As regras pactadas entre ambos os antólogos foron as seguintes: autores españois nados a partir de 1919 e que, ao tratarse dunha antoloxía temática, os textos incluídos gozasen dunha relación co asunto tratado.

Autores incluidos: Mariano Esquillor, Manuel Pacheco, Miguel Labordeta, Gabino Alejandro Carriedo, Manuel Álvarez Ortega, Antonio Fernández Molina, Fernando Ferreró, Fernando Arrabal, Francisco Brines, Mario Ángel Marrodán, Roberto Goa, Emilio Gastón, Josep Soler, Ángel Sevilla Panadero, Francisco Álvarez Velasco, José María Barceló, Antonio Carvajal, Alfonso López Gradolí, Fernando Burbano, Dante Bertini, Domingo F. Faílde, Ángel Guinda, José María de Montells, Luis Alberto de Cuenca, José Luis Aledre Cudós, Miguel Ángel Bonhome, Emilio Pedro Gómez, Dolors Alberola, Manuel Martínez Forega, Juana J. Marín Saura, Xulio López Valcárcel, Joaquín Sánchez Vallés, Mariano Castro, Ricardo Fernández Moreno, Emilio Amor Alonso, Fernando de Villena, Ángela Ibáñez, Juan Carlos Mestre, Rosa Lentini, José Fernando Sánchez Ruyz, Fernando Sarría, Enrique Villagrasa, Magdalena Lasala, María Ángeles Lence Guilabert, Fernando Sanmartín, Alejandro J. Ratia, María Dolores Bernal, Martín Marcos, María Pilar Martínez Barca, Alfredo Saldaña, Gabriel Sopeña, Ramón Bascuña, Juan Antonio Tello, Javier García Rodríguez, Agustín Calvo Galán, Miguel Ángel Ortiz Alvero, María Paz Moreno, Bruno Marcos, Joan Pere Gil Bonfill, David Mayor, Rafael-José Díaz, Alicia Silvestre, Jesús Soria Caro, Iván Humanes Bespín, Christian Tubau Arjona, Ignacio Escuín, Javier Gil Martín, Diana Varela Puñal, Nuria Rovira Ayuso, Lara Osorio Aguilera y Almudena Vidorreta.

20/01/2011

Humor

17/01/2011

Presentouse "Autonomía e modernidade"

Redacción

O pasado venres 14 de xaneiro tivo lugar ás 20:30, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro Autonomía e Modernidade en Galicia, nun acto organizado polo Foro Vilabés de Debate e Cooperación "Martín A. Seco Cendán". O volume, coordinado por Ceferino Díaz, conta coa participación de 25 personaxes con artigos que nos aportan a súa visión do período autonómico actual en diversas temáticas. Este acto foi presentado por Martín Seco García, Presidente do Foro, e contou coa presencia de varios participantes de diversas ideoloxías políticas, que aportaron un grado de controversia e de debate ideolóxico a esta presentación. Entre eles, Agustín Baamonde, Antón Baamonde, Francisco Sineiro e o propio Ceferino Díaz que ilustraron o acto coa sua visión do período autonómico actual e as suas opinións sobre este libro.

16/01/2011

Revista de prensa: El País

O Purgatorio e a Cidade da Cultura

Manuel Rivas.-

Nun relato verídico que lle oín a Ferrín, aparecía un personaxe irlandés que se declaraba "ateo católico". Segundo este home, en Irlanda, malia as aparencias, haber había ateos, o que pasa é que estaban divididos. Uns eran ateos católicos e outros ateos protestantes. Tamén eu me sentín "ateo católico" o outro día, cando se deu a coñecer a noticia de que o papa de Roma declaraba lugar inexistente, ou non-lugar, o Purgatorio.

Xa o anterior pontífice comezara a poñer a proba o meu ateísmo cando quitou do mapa o Inferno. Eu ser sería ateo, mais sempre crin nesa xustiza psicoxeográfica de que enriba estaba o Ceo, o Inferno abaixo e no medio ese inmenso predio das ánimas en pena que era o Purgatorio. Daquela, algo se remexeu nos meus adentros. Talvez era o Decaído (non hai que chamar ao maléfico polo nome) adoecido por perder unha propiedade inmoble. Mais eu penso que, en realidade, o que se revolvía era o católico que vai en min. E que fai un católico sen Inferno? Pois ir tirando. Mais, que fai un católico galego sen Purgatorio?

Menos mal que temos a Cidade da Cultura!

Levamos máis dunha década discutindo o que é ou puidera ser o monumental e enigmático alpendre que se ergue en Gaiás, mais agora, por fin, comezamos a ver na espesura. É moi significativo que Bieito XVI anunciase o esvaecemento do Purgatorio tal como o coñecíamos xusto o día en que se inauguraba a primeira fase da Cidade da Cultura. O que se produciu non foi unha desaparición, senón unha translación. A teoloxía tiña máis ou menos claro o que o purgatorio significaba: un proceso de expiación. Mais o que había era un problema de localización. A cuestión catastral. Onde era que o Purgatorio estaba? U-lo Purgatorio?

Dicía Valle-Inclán que Galicia seguía a existir por mor de "poetas soñadores". Eses soñadores sempre viron Galicia como un paraíso a construír. Un paraíso posíbel na terra. De aí que Castelao falase da "cidade xardín", co que amosaba un sentido bíblico e práctico a un tempo. A utopía agrarista en fusión co novo urbanismo humanista que puxo en marcha Ebenezer Howard coa súa obra Tomorrow [Mañá: un paso pacífico cara a unha reforma real]. Ese urbanismo que se levou á práctica, por exemplo, no espazo do Campo de Marte da Coruña, por iniciativa do concelleiro socialista Ramón Maseda, asasinado polo fascismo en 1936.

Lois Pereiro é valorado pola súa poesía, mais tamén escribiu unha novela que apareceu na revista Luzes de Galiza e que está a piques de ser reeditada e será unha descuberta para os novos lectores: Náufragos do paradiso. Velaí a precisión! Esa suma de paraíso e naufraxio.

Mais dende outra perspectiva, a do conservadorismo, Galicia foi vista como un inmenso Purgatorio, poboada por ánimas en pena. Vivas ou mortas, pero en pena. A purificarse eternamente polo auga e o lume. Ese é o espazo que máis se repite na iconografía relixiosa. Poucas veces vemos a representación do paraíso. E se o vemos é como un territorio do pecado. Adán e Eva a tapar as vergoñas, abraiados. Por sorte, o mestre Mateo debía ter moito de soñador e o Pórtico da Gloria, na que están todos os mundos, é unha obra de elevación da ollada que culmina no Xerusalén celeste.

Mais, as cousas como son, a Xerusalén nunca demos chegado. O Coche de Liña da Historia non fixo outra cousa que dar voltas polo Purgatorio. Así que non me estraña que acabemos tendo a sede, o centro. O copyright. Agora entendemos o segredo do Gaiás. Alguén estaba no segredo. O ex conselleiro Pérez Varela, seguro. Pero despois de Carmiña Burana, non ía ir por aí pregoando aos catro ventos: "A Xunta de Galicia vai construír o Purgatorio!".

Haberá quen pense que falo en metáfora. Pois eses que lean A Divina Comedia. Alí, por suposto, cóntase que o Purgatorio ten o xeito dun monte. Cuspidiño ao Gaiás. A gran poesía sempre transmite información básica e profética. E o Dante Alighieri conta nesta obra, cando describe o Purgatorio, mesmo os materiais que vai utilizar Peter Eisenman para a obra: o mármore, a pedra negra (lousa) e a rocha vermella. Sigamos. O Purgatorio, segundo Dante, ten sete ondas, chanzos ou cornixas. Xusto o que deseñou Eisenman. Nesas cornixas o poeta, en compaña de Virxilio, vai encontrando parroquias de xente, con diversas mágoas, dende a soberbia até a preguiza. Aínda que a peor pena do Purgatorio é a chamada Pena de Sentido. Esa é a grande pena da política. As cousas que non teñen sentido.

O problema da Cidade da Cultura non é que estea ben ou que estea mal. Non é que sexa bonita ou fea. Que chame a atención ou que pase máis ben inadvertida. O problema é que ten a Pena de Sentido. É dicir, non ten sentido. O seu sentido agora é a Cousa que Non Ten Sentido. A ver se por aí achamos un sentido.

Á saída do Purgatorio, de Gaiás, Dante pilla a porta do paraíso terrestre, lixeiriño, para Santiago. Esa é a verdadeira cidade da cultura. A Compostela que se ve dende Gaiás, e non ao revés. Alí, Dante sabe que encontrará o Pórtico da Gloria. E á mesmísima Beatriz tomando un café no Derby.

15/01/2011

Humor

12/01/2011

O país da auga

Xulio Xiz.-

Hai anos falouse de Galicia como "o país dos mil ríos" nun slogan que recoñecía unha realidade fluvial aproveitándoa para atopar unha definición do país, cando menos, chamativa.

Agora fálase do "País da auga", tendo en conta non só as augas dos dous mares que nos bañan senon as mesmas dos ríos que irrigan todo o territorio, as dos mananciais diversos, e mesmo as augas caldas ou medicinais, que posuímos en Lugo, Céltigos e Guitiriz, e as lagoas do Ollo, Caque ou Cospeito, con encanto e misterios milenarios.

Pero o auténtico país "da auga", pasando ó terreo real e diario, tiñámolo na semana pasada en moi amplas zonas da Terra Chá, sulagadas pola choiva.

O día de Reis estaba programado un acto en Castro de Rei que ía celebrarse no Teleclub da vila, para lembrar que hai arredor de trinta anos en Castro, Carballo e un grupo de mozos fixeron historia a través do teatro, con obras como "Bo Nadal", "Vaise Pechar unha casa máis" ou "Recobrou o sorriso o Eleuterio", das que Xosé Manuel é autor. E alí íamos xuntarnos os que fomos protagonistas ou testemuñas daquela importante xeira cultural.

En canto saín de Lugo e entrei na Terra Chá, por Rozas, empecei a ver auga a Deus dar. A que caía do ceo e a que xa estaba no chan. Fincas nas que só sobresaían da auga os cañotos do maiz, prados que eran pequenos mares, regatos improvisados que desaugaban na estrada... Todo era auga. Pois si que estamos no país da auga¡, pensei.

E ó chegar a Castro de Rei, o que era previsible. O Teleclub que está instalado no medio duns prados, subido a uns piares, era unha auténtica illa na que non se podía entrar se non era en barca.

Os actos tiveron que ser trasladados á igrexa parroquial, que está no máis alto do pobo, antigo castro, coa que a auga non puido. E alí, co permiso do crego, Xosé Manuel Carballo, houbo cultos civís ou seglares, ou como se lles queira chamar: Os valuros tocaron unha boa chea de pezas, representouse a obra "Recobrou o sorriso o Eleuterio", recitou poemas do Nadal o poeta chairego Xosé Otero Canto, proxectouse unha filmación histórica de hai 27 anos de "Bo Nadal", e entregouse a todos os que tivemos algo que ver daquela con esta iniciativa unha copia en DVD da gravación.

A igrexa estaba ateigada, con xente fora con paraugas abertos, que non deixou de chover en toda a tarde, e o país da auga foi durante esta tarde en Castro de Rei o país do teatro e do Nadal, que tamén é algo do que se pode presumir en Castro de Rei onde hai xa trinta e catro anos representaron teatralmente "Non chores, Sabeliña" de Xosé Trapero Pardo.

Díxeno alí e repito aquí, agora. Da gusto cumprir anos para poder lembrar cousas gratas ó cabo do tempo. Da gusto comprobar que pasaron trinta anos daquela aventura teatral en Castro de Rei, que moitos dos que daquela actuaban seguen actuando, e de que todos os que participamos en algo e fomos testemuñas seguimos sendo uns rapaces, por dentro. E damos por bos os anos transcurridos comprobando que todos seguimos mantendo acesa a ilusión que entón nos movía.

11/01/2011

O Mago Teto actuará en Meira o sábado

Redacción.-

O vindeiro sábado, día 15 de xaneiro ás 19:30 horas, será o Mago Teto quen proporá un novidoso espectáculo de maxia, cos trucos máis apaixoantes que se poden ver hoxe en día na maxia galega. Ademais, o público meirego tamén terá ocasión de ver, xunto ao mago Teto, a Carmen Conde, quen representará un espectáculo cómico chamado “As bonecas rusas”, xa que igual que as matrioshkas, cada vez que se destapa unha das personaxes que hai en escena, inmediatamente sae outra do seu interior. Por iso, desfilarán polo escenario da Casa da Cultura de Meira: Carapuchiña, Brancaneves e Borralliña (Ceninicienta) xogando co rexistro vocal e social, os acentos, os cambios de vestiario sen saír da escena e, por suposto, a música. Eme de Meira organiza esta programación de Nadal axudada pola subvención da Área de Cultura da Deputación de Lugo, así como o Concello de Meira, que cede as instalacións da Casa da Cultura.

Autonomía e Modernidade

Redacción.-

O vindeiro venres 14 de Xaneiro, ás 20:30 na Casa da Cultura de Vilalba, o Foro Vilabés de Debate e Cooperación "Martín A. Seco Cendán" levará a cabo a presentación do libro Autonomía e Modernidade en Galicia. Este libro foi coordinado polo coñecido profesor galeguista e parlamentario socialista Ceferino Díaz e conta coa participación de numerosos personaxes que nos ilustran sobre diferentes materias no desenrolo destes últimos 25 anos de Autonomía de Galicia. Este libro xunto co anterior publicado por Ceferino Díaz, "A esforza conquista da autonomía", pecha unha importante serie de publicacións imprescindibles para entender a actual historia do noso país e o proceso autonómico visto dende o punto de vista dun histórico militante do galeguismo e socialismo deste país pero aberto a outras posicións diferentes a súa.

O acto contará coa presenza e intervención de varios amigos do Foro, nun intento de mostrar a pluralidade de opinión políticas. A presentación do acto correrá a cabo do ex-alcalde de Vilalba e parlamentario galego polo PP, Agustín Baamonde. Intervirán os participantes na elaboración do libro: o profesor e ensaista vilalbés, Antón Baamonde e o profesor e ex-Conselleiro de Agricultura da Xunta de Galicia polo PSdeG-PSOE, Francisco Sineiro. Pechará o acto o coordinador do volume, o propio Ceferino Díaz.

10/01/2011

Aberto o prazo de matrícula na Uned Senior

Redacción.-

As persoas maiores de 55 anos que queiran acceder a unha formación universitaria poderano facer a través do novo curso que a UNED Sénior de Xestoso-Cambás, Xermade,Irixoa,Guitiriz e Paderne está a proxectar para o vindeiro mes de Febreiro. O período de inscrición comenza hoxe e até completar as prazas ofertadas. O o comezo das clases previsto para o 2º cuatrimestre será a finais de febreiro. Un total de 135 alumnos acoden regularmente ás clases e agárdase que o número de participantes para 2º cuatrimestre se manteña ou incluso aumente.

Os que queiran acceder aos cursos non teñen que cumprir requisito algún en canto a nivel educativo, xa que a inscrición pode facerse con independencia da formación académica que posúan.

As materias que se impartirán serán nutrición e diétetica, actividade física e incidencia na saúde, ambalasdúas impartidas polo Doutor Marcelino Mosquera; historia da gastronomia galega e visitas por toda Galicia, a cargo de Felipe Senén; informática 1 e 2, nas que se tratará o funcionamento de Internet, o correo electrónico e o tratamento da imaxe; e música.

Cada unha das materias ten 30 horas lectivas e o seu prezo depedende do convenio existente con cada concello. Para poder formalizar a matrícula pode acudirse directamente ao Centro Asociado da Uned d´A Coruña ou por medio deste enderezo web

09/01/2011

A avaliación dos materiais

Redacción.-

Organizado polo Grupo Cavila (NEG) e Dpto. de Didáctica e Org. Escolar (USC) e dirixido ao profesorado dos diferentes niveis do ensino público e privado (Infantil, Primaria, Secundaria e Formación Profesional), celébrase entre o 11 e o 12 de marzo de 2011 o Seminario-Obradoiro: "A avaliación dos materiais didácticos en soporte impreso e dixital". Este seminario ten unha intencionalidade práctica, na que buscamos proporcionar ao profesorado criterios que lle axuden a seleccionar e avaliar os recursos educativos tanto en soporte impreso e dixital.

A actividade ofrece aos profesores diferentes propostas e modelos de avaliación que lles axuden a analizar e seleccionar os diferentes tipos de materiais (libros de texto, guías didácticas, Cds, Webs, videoxogos, etc.). As diferentes propostas de avaliación deste seminario axudarán a analizar os diferentes materiais didácticos dos que dispoñemos nos centros educativos dende diferentes perspectivas e ámbitos.

A avaliación dos materiais didácticos axudaranos a seleccionar e elaborar materiais máis coherentes cun modelo e proxecto de escola. Así mesmo, serviranos para axudar a facer un uso máis coherente e crítico dos materiais en relación cos proxectos educativos e curriculares de centro. A avaliación axudaranos tamén a repensar o significado dos materiais didácticos nos diferentes momentos do curso e coñecer cales son as consecuencias que se derivan na práctica do uso que se realice dos mesmos.

Máis información na web da Nova Escola Galega: www.nova-escola-galega.org

Novo número da RGE

Redacción.-

Publícase un novo número da Revista Galega de Educación, adicado ás bibliotecas escolares porque, como din na presentación do mesmo Cristina Novoa Fernández ePilar Sampedro Martínez, coordinadoras do monográfico: "A institución educativa non pode dar as costas á sociedade da información, senón facer fronte aos retos que esta presenta, preparando o alumnado para o traballo con diferentes fontes de documentación en soportes múltiples e para unha autonomía na aprendizaxe ao longo de toda a vida. De aí a importancia das bibliotecas escolares."

A RGE comezou a editarse en 1986 cunha periodicidade trimestral, promovida por Nova Escola Galega e editada por Edicións Xerais de Galicia. A finais de 1988 chegaba aos 800 subscritores/as,cunha difusión de 1.400 exemplares en cada número.

Pero a partir do ano 1997, algúns problemas, en particular ligados á produción editorial, fixeron entrar en crise todo o proceso de elaboración da revista -redacción, produción e difusión-. Así, en maio do ano 2000, a situación vese sometida a unha revisión, xa iniciada con algunha anterioridade, no seo de Nova Escola Galega, a resultas da cal se decide interromper provisionalmente a edición, cando se levaban editados 33 números e a publicación gozaba dun ampla difusión e recoñecemento profesional e social.

A RGE, que iniciou a fins do 2005 a súa segunda etapa -de periodicidade cuadrimestral-, defínese como unha publicación pedagóxica, en lingua galega, dirixida ao profesorado e, en xeral, aos educadores/as e técnicos/as da educación en Galicia; plural e construída desde as posicións de reforma democrática da educación, ao servizo dunha sociedade solidaria, libre e cultural e lingüisticamente normalizada, posicións todas elas preconizadas polo conxunto de Movementos de Renovación Pedagóxica, e singularmente por Nova Escola Galega.

A RGE pretende tamén contribuír a articular e a ofrecer instrumentos de expresión e comunicación escrita ao conxunto de sectores profesionais e sociais que postulan orientacións e supostos construídos ao amparo do modelo de Escola Pública. Pretende axudar, por tanto, a impulsar un clima e unha mentalidade pedagóxicos propicios -desde a perspectiva teórica, didáctica e metodolóxica- para acadar un sistema educativo público, galego, renovado e democrático.

A hora Rubalcaba

Moncho Paz.-

É un vello coñecido dos que participamos nos movementos estudantís dos anos oitenta, cando sorprendeu pola súa capacidade negociadora. Tamén é un dos perfís políticos do actual Goberno que saiu mellor valorado tras as filtracións de Wikileaks, polas que puidemos saber que en Washington considérano un dirixente “capaz e serio”. A oposición refírese a el de xeito obsesivo, con alusións a tempos pasados. E para moitos membros do seu partido e boa parte do electorado é o candidato perfecto para suceder ao actual presidente. Estou a falar de Alfredo Pérez Rubalcaba.

A poucos meses das eleccións municipais e autonómicas nalgunhas comunidades, aflora o medo escénico no socialismo español. As consecuencias da crise económica e a falla de confianza dos cidadáns prognostican un cambio de tendencia que, de confirmarse, levaría á perda do poder en varias autonomías e tamén en importantes núcleos urbanos. Mentres varios líderes non dubidan en amosar a súa predilección por Rubalcaba, Zapatero insiste en que “agora non toca” falar de sucesión. Porén, hai evidentes motivos de preocupación, especialmente pola crenza de que as eleccións de maio serán unha especie de xuízo social a ZP pola xestión da crise.

En condicións normais, sen un proceso electoral polo medio e a pouco máis dun ano das lexislativas, quizais non tocaría falar de sucesión; pero na situación actual sería un grave erro non facelo. Se Zapatero foi designado oficialmente candidato dous anos antes das eleccións de 2004, nas circunstancias presentes debería confirmar xa a súa intención de repetir ou abrir o proceso para a designación dun novo candidato, se é posible antes de que remate o primeiro trimestre de 2011. Demorar este anuncio ata a celebración dos comicios é unha grave equivocación e unha falla de visión estratéxica que pode traer terribles consecuencias para o PSOE.

En moitos círculos fálase da soedade do presidente, quen hai poucos meses dicía que só unha miragre podería permitir que o PP vencera en Andalucía; pero a última sondaxe do Barómetro andaluz indica un cambio de tendencia que levaría aos populares a conseguir, por vez primeira, o Goberno desa comunidade autónoma. Chega, pois, a hora Rubalcaba. Agora ou nunca.

08/01/2011

Hoxe en Meira, 'Ao ritmo da maxia'

Redacción

A Asociación Cultural Eme de Meira pon en marcha, como desde hai xa dous anos, as actividades de Nadal para público infantil e todos os públicos. Neste terceiro ano, os sábados 8 e 15 de xaneiro acollerán espectáculos máxicos para todos os públicos con entrada gratuíta. Hoxe sábado 8 de xaneiro, ás 19:30h., celébrase na Casa da Cultura de Meira (Lugo) o espectáculo "Ao ritmo da maxia", unha proposta artística na que se combinan varios aspectos da maxia con música en directo para dar entretemento e diversión nun formato orixinal. Nesta ocasión poderase ver a maxia de Chrystyan Magic ambientada polo grupo do baixista Álvaro Muras. O grupo está formado pola batería Marcos Pazo, o baixo de Álvaro Muras e de Xullo Cuns á guitarra; desenvolvendo en escena un repertorio variado de estilos á vez que segundo a interactividade do mago co púbico poden xurdir diversas improvisacións.

Festival de Polifonía e Panxoliñas de Vilalba

Redacción

O Festival de Polifonía e Panxoliñas de Vilalba acadou coa edición de este ano, celebrada o pasado xoves 6 de xaneiro, o seu vixésimo quinto aniversario, converténdose en tradición do Día de Reis na capital chairega. Organizado pola Polifónica Vilalbesa, coa colaboración do Concello de Vilalba e a Federación Coral Galega, congregou a numeroso público no Auditorio Municipal “Carmen Estévez”. Nesta edición participaron as corais A Pombiña, de Pedroso (Narón), Francisco Añón, de Outes, e as corais de Vilalba Luar e a Polifónica Vilalbesa, que pechou o concerto.

Ao final do mesmo, o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, e o presidente da Polifónica Vilalbesa, Alfonso Baamonde, entregaron uns obsequios recordatorios do evento ós responsables das corais participantes. Todos os coralistas finalizaron a velada cunha cea no Hostal Terra Cha da capital chairega.

Para Daniel

David Otero.-*

Velaí que polo ando amargo do noso pobo do galego neste xaneiro, entre brétemas, humidades e outras lindezas, imos cohabitando (din os meus de cerca “ ímola virando”) para sufrir un ben de calafríos e suores saídos de chulerías, decretos, leis, asemade de desánimos e resignacións. Velaí que desa maneira do silencio facemos un olvido xigante, comunal e doloroso, e así no escoite de triunfalismos estúpidos (e mesmo nalgúns casos invocando modernidades sen baseamento algún ou liberdades indescifrables que nos poñen dos nervios) pasamos por alto, así… ao chulo, o recordo que debese ser colectivo e popular (sentido e auténtico) , tan obrigado, a Daniel de Rianxo e Castelao de Galiza. Aínda que convén clarexar que do primeiro chamo, o de Daniel de Rianxo como así o facía Manuel María, ese non caerá en olvido, pois desde o chamo a Galiza do BNG moitas galegas e moitos galegos concorrerán na vila berce do noso referente nacional; o cal, especialmente e sen poñer a ninguén de lado; xunto con Alexandre Bóveda constitúen os nomes que , de sentilos a verdade, a nosa determinación percorrería a toda tensión polos nosos corpos aflorando indiscutible a nosa forte identidade, pois non se pode falar de Galiza e nin mesmo desta autonomía tan anana e cutre , recortada a odio manifesto e malas ideas que sufrimos, sen invocar , repito que moi en especial, en alto, claro e a exemplo os nomes de Castelao e Bóveda.

O día sete deste xaneiro que xa vai a medre cúmprense sesenta e un anos da morte de Daniel Castelao e este noso pobo do galego, as súas institucións responsables de o gobernar e un bo monto de colectivos, non deberían deixar pasar por alto este recordo (que así sería a testemuña dunha animosa celebración) para cumprir coa obriga política e moral (popular) de difundir (que sería recoñecer) a figura e obra de Daniel.

Tamén ben podería ser esta a data da vella aspiración , pero hai que seguir a agardar, a propícia para establecer de vez os espazos de propiedade civil e popular ( poño por caso un e irrenunciable o do Panteón de Galegos Ilustres, onde alí sentíndonos donos, partícipes dos nosos bens, darmos honra aos nosos esgrevios, tan responsables, homes e mulleres que nos precederon e que nos aportaron os baseamentos, os argumentos fundamentais, non sen dolor, nin sufrimento, roubándolles a vida, que nos definen e determinan , para a mans comunais e no orgullo da humildade do que somos, poder declararnos a todo sentir: GALEGAS E GALEGOS ).

Danos dolor, mágoa e carraxe, pero ollo que tamén debese ser un estímulo a traballar por mellores tempos e logros, esta falla de responsabilidade institucional e corporativa a de non abrir a Galiza, ao noso pobo do galego, a figura de Daniel Castelao e así fundamentalmente a ando comprensivo entender ( e descubrir felizmente) que somos membros de pobo e nación a irmos e agardando a verdadeira consolidación de sermos nós. E así a cada paso de progreso nunca termos que negar a ninguén, xa que canto máis nós… máis recoñecemento aos outros e niso respecto pleno.

Os tempos aínda non son chegados, andan a mal ir e vir, pero seguiremos a compás de traballo e responsabilidades na nosa construcción de pobo de noso. Iso sen dúbida no referente de Castelao e a toda voz afirmando: SEMPRE EN GALIZA.

*Da reitora da Fundación Castelao

07/01/2011