Vídeo da conferencia de Ramón Chao

 
Redacción.-

Ramón Chao regresou a Vilalba. Músico, escritor, xornalista, pai do famoso cantante Manu Chao e irmán do teólogo Xosé Chao Rego, estivo na capital da Terra Cha o pasado venres 15 de abril de 2011 para falar da súa traxectoria vital e a súa experiencia profesional no eido da comunicación, nun acto organizado conxuntamente por A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), que tivo lugar na Casa da Cultura e que foi presentado polo xornalista Moncho Paz, recentemente galardoado co Premio de Xornalismo Johán Carballeira. A conferencia completa foi gravada polo IESCHA. Malia iso, A Voz de Vilalba comprácese en ofrecer aos seus lectores boa parte dela na nosa canle de Youtube.

29/04/2011

Revista de Prensa: GALICIA HOXE

Ramón Chao en Vilalba

Miguel Anxo Fernán Vello.-

Estivo Ramón Chao en Vilalba, capital da Terra Chá, para pronunciar un conferencia, organizada conxuntamente polo Instituto de Estudos Chairegos e polo xornal A Voz de Vilalba, sobre a súa experiencia profesional no eido da comunicación: "De Vilalba a París: unha traxectoria vital". Mais a presenza do xornalista e escritor vilalbés na súa terra, na súa propia vila de nacemento, debe ser contemplada -e cónstame que así se fixo- como un regreso ou como un reencontro, despois de varias décadas de residencia do intelectual chairego na capital francesa e despois, como el mesmo ten recoñecido, de terse afastado fisicamente de Vilalba a raíz da publicación da súa novela autobiográfica El lago de Como, retirada no seu día da única libraría que había en Vilalba coa ameaza ao autor de que nunca se lle ocorrera volver pola vila. Por iso o regreso de Ramón Chao a Vilalba ten agora un certo sabor a concordia e a reintegración, porque, como ben di a poeta María Xosé Lamas, "era xusto e necesario que Vilalba se reconciliara dunha vez por todas con Ramón Chao, e viceversa". Xustas palabras. Mais tamén cómpre lembrarmos aquí aquel vello proverbio irlandés que di que "a casa está onda o corazón", e Ramón Chao, músico mítico, xornalista histórico e mestre literario, tivo e ten para sempre a Vilalba e á Terra Chá no corazón; e agora acompañado, tamén para sempre, polo xornalista Moncho Paz -premio Johán Carballeira de xornalismo por unha entrevista realizada precisamente a Ramón Chao- e polos amigos vilalbeses Manolo Roca Cendán, Castro Santamariña, Felpeto Enríquez e Mario Paz, entre tantos outros. A vila chairega e luguesa está a se configurar nos últimos tempos, sen dúbida, como unha auténtica capital creativa e cultural, e velaí como a presenza benfeitora de Ramón Chao activa forzas e enerxías, porque Vilalba está chamada a ser un gran centro da cultura chairega, luguesa e galega, algo que xa se albisca -eis o traballo que realiza o IESCHA- recén encetada a segunda década do presente século.

Foto: Paulo Naseiro

28/04/2011

TAL representa 'A volta do Parafuso'

Redacción.-

A compañía de teatro Arte Livre presenta unha nova montaxe. A formación que lidera Roberto Cordovani representará 'A volta do parafuso', unha adaptación teatral desta peza de Henry James que está protagonizada por Roberto Cordovani e Eisenhower Moreno. O universo feminino e a represión que a sociedade mantén cara as relacións afectivas entre persoas do mesmo sexo no século XIX centran o argumento desta obra na que se narra a historia dunha muller que vai coidar dunha parella de nenos a unha casa na campiña inglesa e alí vive unha historia de terror e tamén de amor.

A volta do parafuso, de Henry James, é o espectáculo seleccionado para festexar os 25 anos da CIT Arte Livre en terras Galegas, en curta tempada. Despois de ano e medio sen traballaren xuntos, por estaren envolvidos en proxectos individuais, Cordovani e Moreno atópanse novamente, agora como actores, na nova montaxe deste clásico do suspense, para festexaren os 25 anos da chegada da Cia Arte Livre.

Un clasico do suspense de Henry James, o máis sutil prosador norteamericano e tamén o maior estilista de todoso os tempos. Unha historia estraña, misteriosa e diabólica en que, entre outras personaxes, avultan unha preceptora tortúrante, dúas inocentes crianzas mal espertas para a vida e dous aterradores fantasmas.

HORARIOS DE FUNCIÓNS EN VIGO
Rúa Vázquez Varela, 19
Venres e sábados 22 hs
Domingos 21 hs
Reservas: 986 11 44 44
Prezo: 12€

Adeus a Paulo Reis

 Redacción.-

Falece Paulo Reis, codirector e fundador de revístaa DARDO e do centro de exposicións CARPE DIEM-Arte e Pescuda de Lisboa. O crítico e comisario brasileiro Paulo Reis faleceu no Hospital Egas Moniz de Lisboa, cidade onde residía e onde dirixía o espazo CARPE DIEM-Arte e Pescuda, institución vocacionada para a produción e realización de exposicións situada no Palacio do Marquês de Pombal na Rua do Século.

Nacido o 9 de novembro de 1960, Paulo Reis formouse en Comunicación Social e Historia da arte e era professor de Teoría da arte e de Estética en varias universidades. En España foi cofundador e codirector de revístaa DARDO, con David Barro, promovendo tamén exposicións, libros, conferencias e outra serie de iniciativas vinculadas a un traballo de aproximación entre Brasil, Portugal e España. Unha desas iniciativas foi Parangolé. Fragmentos dos 90 en España, Portugal e Brasil, exposición producida polo Museo Patio Herreriano de Valladolid que contou coa participación de 150 artistas, xa sexa con obra en sala ou no tres publicacións editadas ex profeso e que se converteron no principal documento de aproximación en Europa á arte brasileira recente e viceversa.

Nos últimos anos Paulo Reis foi responsable de moitas exposicións en Europa e América Latina, entre elas a organización da última Paralela 2010 de São Paulo, a gran cita de galerías brasileiras; Um Oceano inteiro para nadar (2000) en Culturgest de Lisboa; Fiat Lux no Museo Unión Fenosa-Gas Natural da Coruña (2009); Razón e Sensibilidade (2005) en São Paulo; A palabra e a imaxe na Fundación Luís Seoane da Coruña; así como gran cantidade de mostras individuais de artistas contemporáneos.

Paulo Reis foi director artístico de Cásaa dos Dias dá Água, comisario adxunto do Museo de Arte Moderna de Río de Janeiro e asesor do Museu dá República, tamén de Río de Janeiro. Exerceu como editor asistente do xornal RioArtes, como crítico da revista de arte Manchete e como xornalista do Xornal de Brasil e a Folha de São Paulo.

Admirado e querido por todos os seus compañeiros de profesión, Paulo Reis tornouse, en palabras de António Pinto Riveiro que o convidou á súa primeira exposición en Europa sendo director do Centro Cultural Culturgest, "nun verdadeiro embaixador cultural entre os artistas e os comisarios destes países". O crítico e catedrático da Universidade do Porto, Bernardo Pinto de Almeida sinala que Paulo Reis "foi un amigo de Portugal e dos portugueses e ben merecía unha medalla ao mérito cultural polo moito que fixo pola aproximación con Brasil de tantos artistas portugueses, de quen coidou máis que moitos críticos locais". Para David Barro, o seu amigo e colaborador en moitas inciativas expositivas e editoriais como a revista DARDO, fundada conxuntamente, "Paulo Reis sempre soubo o que quería na vida e sempre soubo quen era; seguramente esa foi o seu maior ensino: a importancia de ser sempre uno mesmo. Para nós en DARDO, Paulo Reis sempre foi a luz capaz de revelalo todo, máxime as cousas máis esenciais da vida".

Homenaxe a Martín Seco Cendán

Redacción.-

A mañá do sábado 30 de abril, terán lugar os actos na memoria do finado político vilalbés Martin Seco Cendán que organizan o Foro Vilalbes de Debate e Cooperación e o Concello de Vilalba. Os actos comezarán ás 12 da mañá na rúa Mato Vizoso, na casa onde naceu Martín Seco Cendán, onde actualmente ten parte das instalacións o “Mesón do Campo”. Alí se levará a cabo o acto institucional onde tomarán a palabra Margarita de Vicente Mato, secretaria do Foro Vilalbés de Debate e Cooperación, e Xerardo Criado Guizán, alcalde de Vilalba.

Posteriormente o alcalde procederá a descubrir a placa que o Concello coloca na casa onde naceu o homenaxeado para o recordo dos seus veciños, colocación que estará amenizada con música tradicional galega. Os actos continuarán no contorno do Muíño do Rañego, no lugar onde a familia de Martín Seco Cendán ten prantado un Carballo na sua memoria. Alí o Vicepresidente do Foro Vilalbés de Debate e Cooperación, Suso Trastoy, descubrirá o monolito que esta organización encargou con fondos recollidos de doazóns de particulares da nosa vila e que se grabou cunha dedicatoria e unha poesía na memoria deste político socialista vilalbés. Unha vez descuberto o monolito, tomarán a palabra os profesores vilalbeses Bernardo García Cendán, sociólogo e escritor, Manolo Roca Cendán, economista e escritor, e Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura.

27/04/2011

25 de abril: o estado a que chegámos

Iago Castro.-

Meus senhores, como todos sabem, há diversas modalidades de Estado. Os estados sociais, os corporativos e o estado a que chegámos. Ora, nesta noite solene, vamos acabar com o estado a que chegámos!  O xoven capitán Fernando José Salgueiro Maia arengaba deste xeito chosco aos 240 soldados da Escola Prática de Cavalaría, en Santarem na madrugada do 25 de abril de 1974, antes de emprender unha incerta marcha cara a Lisbos á fronte dunha columna de blindados prácticamente inservibles.

Salgueiro Maia, case ao seu pesar, foi o protagonista mediático da Revolução dos Cravos. El ocupou o Terreiro do Paço, sé dos ministerios, e sitiou o cuartel da GNR no Largo do Carmo, o último refuxio do dictador, Marcello Caetano, cuxa rendición puxo fin ao rexime que dominou Portugal durante corenta e un anos. Quedou no imaxinario popular como o heroe, de altofalante na man, daquel día inzado de comportamentos heroicos.

O cancro levou ao Salgueiro Maia aos seus 47 anos, sendo maior do exército portugués, despois de ter rexeitado ser membro do Conselho da Revolução, agregado militar na embaixada que escollera, governador civil de Santarém ou pertencer à casa Militar da Presidência da República. Ao seu enterro en Castelo de Vide asistiron os catro primeiros presidentes do Portugal post-revolucionario: Spínola, Costa Gomes, Ramalho Eanes e Mário Soares. Se cadra, con el estaban a botar terra á propia Revolução.

Hoxe celebraba o país irmán o 37º aniversario do 25 de abril no medio dun clima de pesimismo causado pola incerta situación económica, financeira e política. Otelo Saraiva de Carvalho, o cerebro da Revolução desde o posto de comando da Pontinha, di que se soubese como o país ia ficar non tinha feito o 25 de abril. Outro dos capitáns de abril, Vasco Lourenço, lamentou que o país estea “longe dos ideais” da revolución, e advirte que os portugueses deben votar nas vindeiras lexislativas para que as decisións non sexan "tomadas por meia dúzia".

74 mozos e mozas nados despois de 1974 veñen de publicar un manifesto no que reivindican a defensa da dignidade cidadá, en forma de traballo ben remunerado, acceso á vivenda e posibilidade de construír unha familia e unha carreira. Case catro décadas despois de reclamar a liberdade, aínda estamos a pedir unhas condicións de vida dignas. Fraco progreso.

O Portugal que en 1974, da man dos capitáns de abril, deu unha lección ao mundo, se cadra está a xestar outra revolução, a da geração à rasca, disconforme coa marcha atrás do estado do benestar, coa precarización das condicións de vida e traballo e máis co dominio que as instancias económicas e financeiras están a exercer nas nosas cada vez menos democracias (a democracia, non debemos esquecelo, é o goberno do pobo). Unha xeración disconforme, en fin, co estado a que chegámos. Non convén perder de vista a Portugal.

25/04/2011

XVI Premio Ánxel Casal

Redacción.-

Hoxe déronse a coñecer os premios da XVI edición do concurso literario Ánxel Casal, que recaeron en alumnos de colexios e institutos de Santiago, Noia, Boiro e Vilalba. En total presentáronse case 40 traballos chegados de toda Galicia. A vilalbesa Alba Naseiro obtivo o segundo premio na modalidade de narrativa.

Na modalidade de poesía, o primeiro premio recaeu en Ismael Ramos Castelo, do I.E.S Virxe do Mar, de Noia, polo traballo "Casa Tomada". Segundo o xurado, "hai que destacar o traballo na arquitectura do poemario constituído por catro partes e un post scriptum. É interesante o diálogo entre as citas, dunha estirpe de escritoras moi concreta, e a aportación do autor.. Ademais debe salientarse a tensión reservada para o derradeiro verso, na súa precisión e no coidado da palabra".

O traballo presentado por Elena Salgueiro Golán, do IES Antón Fraguas., de Santiago de Compostela, co título "O transitorio das palabras" foi merecente segundo o xurado do segundo premio xa que "quere chamar a atención sobre o traballo desenvolvido coa linguaxe, e a utilización do espacio do poema poñendo a proba a sintaxe. É interesante, así mesmo, o tratamento da palabra en relación ao silencio e a contención como fórmula que resolve o desencontro no acto poético".

No apartado de Teatro, a gañadora foi Concepció Rubert Castro, do Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, polo traballo "Eros & Psique". O comentario dos expertos destaca a singularidade do tema abordado que actualiza o mito clásico de Eros e Afrodita levando o conflito ao tempo actual. Salienta así mesmo a fluidez da escrita e a estrutura dramática moi coidada, tanto nas acoutacións como no desenvolvemento dunha peza concibida para ser representada. O segundo premio declarouse deserto.

En canto aos traballos presentados na modalidade de Conto, Lucía Laíño Lojo, do IES A Cachada., de Boiro, acadou o primeiro premio coa obra SMP15. Para o xurado, estamos ante un conto que non e conto, que é unha novela, que engaiola pola ambición da narradora de contalo todo, cunha estructura orixinal, actual e cun elemento fantástico moi ben introducido no mundo real. En segundo posto quedou Alba Sofía Naseiro Lamas, do IES Basanta Silva de Vilalba e colaboradora d´A Voz de Vilalba, co título "Os ollos da pantasma", un relato de pautas, de estilo clásico, con clara inspiración gótica e vitoriana, apuntando unha linguaxe imitadora da novela do XIX.

Clausura

Bruno Marcos.-

A sociedade quere que a cidade sexa invadida estes días cos loitos da semana santa en lugar de celebrar, simplemente, a chegada da primavera como os pagáns que xa somos. Hoxe, ao baixar unha das moitas procesións pola rúa na que houben de pararme, unha cousa inesperada e moi fermosa tivo lugar.

Ao alcanzar a reixa dun convento de clausura o paso da dolorosa detívose e creouse o silencio. As portas abríronse soas para amosar a umbría do vello zaguán e del xurdiron as voces das monxas inda que non se vía a ninguén. Mentres os seus cantos alcanzaban a rúa paralizada podíase imaxinar a aquelas mulleres que sabemos pálidas e case todas anciás como mozas e belas ás que un tenorio calquera debería raptar para colmalas de amores. Eran, a procesión parada, o silencio sobrevindo e as delicadas voces das monxas de clausura ás que non se podía ver unha vivencia de gran fermosura.

E, cómpre pensar, toda esa escenografía levada ao extremo para conmover de nada, para que todo sexa igual, unha representación onde a posible beleza que se desliza é unha hemorraxia do reprimido: a vida desas mulleres soterrada entre peredes ou, mesmo, a morte inxusta dese home novo chamado Xesús.

23/04/2011

Xosé Manuel Pacho, V Premio do Diario Cultural

Redacción.-

O vindeiro 3 de maio dentro do espazo radioescénico que se desenvolverá no Salón Teatro de Santiago Xosé Manuel Pacho Blanco recibirá o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico da Radio Galega convocado co patrocinio da Agadic e a colaboración do Centro Dramático Galego. A obra, "Paraíso", ateigada de subversións, foi premiada nas súas dúas categorías, ao recibir por unanimidade o do xurado e sumar o maior número de votos emitidos polo público, polo que puido pendurar tamén o galardón da audiencia.

O texto e a dramatización da obra serán editados por Xerais nun libro-cd xunto aos outros tres títulos finalistas, que nesta edición do premio foron: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira; Carne de canón, de Rebeca Montero, e Señora Carme, de Manuel Román.

Avogado e profesor na Universidade de Vigo, gañador no 2007 do Premio de Narrativa Torrente Ballester coa súa primeira novela A choiva do mundo e colaborador habitual de A Voz de Vilalba, o autor ourensán escribiu un original texto no que o Rei de España fina esganado nun Ferrari Testarossa, hai teletipos que sazonan o drama en Hertzs ou abusos de poder dun xerifalte da comunicación, entre outras cousas.

22/04/2011

IV Ciclo de Teatro Comunitario

Redacción.-

A través desta iniciativa, organizada conxuntamente póla Comisión Cultural e de Normalización Lingüística, o grupo de teatro da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, e a colaboración de varias entidades, entre elas o Ceesg, pretende crear un encontro no que achegarse á manifestación teatral de diferentes grupos que desenvolven a súa actividade nas vilas e aldeas de Galicia, e reflexionar sobre o significado do teatro na vida asociativa e comunitaria nas nosas vilas.

Non só se poderá gozar do teatro, coa representación de varias obras, senón que tamén se cerará un espazo formativo no que reflexionar, entre outras cousas, sobre o teatro desde o punto de vista educativo.

O ciclo de teatro desenvolverase os días 3, 4, 5 e 12 de maio no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago (Campus Norte). A actividade é gratuíta.

Pódese ver o folleto coa programación aquí.

Badaladas

Alba Sofía Naseiro.- 

Doce. Once. Dez. As copas de cava alzadas cara a luz. Nove. Oito. Sete. Roupa negra e vermella, con enormes xoias de ouro e xemas variadas. Seis. Cinco. Catro. O vello reloxo da parede, cos seus números romanos pintados en cor dourada.

Tres...

Desexos de fortuna, amor e liberdade.

Dous...

Aprausos adiantados na noitevella romana. Sen uvas nin lentellas; só glamour.

Un...

Un son mecánico, metálico e curto producido pola fricción dunha afiada lámina entre as costelas dunha muller.

Sangue. O chan de mármore negro tintado de vermello, como o seu rubio cabelo, polo sangue novo daquela muller.

Un ano novo comezado cunha traxedia... na gran obra da vida. O causante, impune; o son metálico, enmudecido polos berros de alegría e esperanza. Risas convertidas en pranto. Pranto no teatro romano; pranto na traxedia da morte, seguido dos aprausos do único espectador: o universo.

21/04/2011

Presentación de Buxiganga 2011

Redacción.-

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, acompañado de Paloma Lugilde, membro do grupo de teatro do Consello de Cultura da Deputación, presentou antonte pola mañá no Pazo de San Marcos o conxunto das actividades formativas en materia de teatro que se desenvolven ao amparo do proxecto Buxiganga. Trátase dun conxunto de cursos para actores e actrices sobre diversos aspectos específicos do teatro que se desenvolverán entre os meses de maio e novembro. A presentación dos cursos de teatro tivo lugar nos xardíns da Deputación, onde os rapaces e rapazas do grupo Upiaska da escola de Arte e Lecer de Fingoi representaron fragmentos da peza “Os miserables”, a xeito de introdución da rolda de prensa.

Tal e como sinalou Antón Bao, “Buxiganga é un proxecto teatral global, que non soamente ten circuítos de representacións teatrais, e como tal hoxe presentamos un ano máis unha ramificación do proxecto, un programa formativo para os actores e actrices tanto profesionais como afeccionados da provincia que é o segundo ano que se realiza”. Antón Bao sinalou como un dos grandes éxitos de Buxiganga “a creación de novos grupos, pasando a integrar o circuíto Buxiganga 22 grupos onde había 12 grupos de teatro cando comezou”. Segundo sinalou Bao, os cursos van estar “impartidos por recoñecidos profesionais nas diferentes especialidades teatrais da nosa comunidade, persoas de recoñecido prestixio a nivel nacional como Jorge Coira, o cal felicitamos publicamente polo éxito acadado por “18 comidas” nos XI Premios Mestre Mateo concedidos pola Academia do Audiovisual Galego, nos que gañou sete premios entre eles os de Dirección, mellor longametraxe e guión. E ademais de Jorge Coira teremos entre nós a importantes membros das mellores compañías do teatro galego”.

Paloma Lugilde entrou a detallar os diferentes cursos que se van a ofertar entre maio e novembro, e animou aos actores e actrices a apuntarse canto antes xa que son cursos que teñen un custe de matrícula moi baixo (10 euros para actores e actrices de grupos de teatro dentro do circuíto Buxiganga e 20 euros en xeral) e unha gran demanda xa que son impartidos por profesionais moi recoñecidos.

Jesús de Paz Cabo

Xulio Xiz.-

Era vilalbés coma min, e o seu irmán José formaba imprescindible parte da Academia Santa María, onde eu estudiei. "O Paz" que coñecín primeiro, na Academia poñía orden, daba vida á primeira calefacción que coñecín, humanizaba aquel gran edificio no que tanto aprendimos e tanto vivimos.

Ó chegar a Lugo, hai corenta e sete anos, coñecín a este "Paz", e fomos amigos desde o primeiro momento. Traballabamos na antiga Delegación de Información y Turismo. Para min, era o primeiro achegamento ó mundo do traballo. Para Paz era o penúltimo, que tiña longa experiencia no mundo comercial e administrativo.

Tomábamos xuntos o café matinal. Eu, con dezasete anos; el con corenta e oito. E se algo aprendín naqueles tempos foron importantísimas leccións de vida deste Paz forte de corpo e espírito, sereno e serio, pai de numerosa familia, que sempre me tratou como un igual, que me axudou a abrir os ollos á realidade do mundo, que me enseñou a ver con ollos vivos o que pasaba arredor de nós.

Para "O Paz" non sería este o último posto de traballo, que pasaría logo á Administración de Xustiza onde foi concienzudo e escrupuloso funcionario. Traballara durante moitos anos no sector dos "coloniales", pero o que daquela aínda non se chamaba Ere deixouno sen traballo na que daquela coidabamos idade avanzada. Quedáballe preto dun cuarto de século de vida activa.

A semana pasada, eu estaba ausente, díxonos adeus caladamente. E xa que non puiden despedirme del, deixo constancia nestas liñas do pasamento dun gran traballador, dunha magnífica persoa e dun entrañable amigo.

(Na foto, Jesús de Paz Cabo é o primeiro á dereita).

20/04/2011

Semana Santa preelectoral

Fermín Bouza.- 

Esta tarde Antón Baamonde e o que subscribe estivemos en Pontedeume convidados polos comunicólogos políticos e amigos Carlos Correa, Carlos Abella e Boris Gayoso, na presentación do candidato socialista á alcaldía de Pontedeume, Bernardo Fernández, un excelente candidato. No acto Antón e eu falamos, a modo de mesa redonda, sobre a situación política galega.

Entre Galicia e o conxunto do Reino de España hai certas diferenzas estables nos fondos cognitivos das enquisas (actitudes, crenzas, ...). Neste momento, Galicia é un dos lugares nos que a atribución de responsabilidade pola crise ao PSOE parece menor e onde é posible que a fronte de progreso entre PSdG, BNG e outros (Esquerda Unida, en particular) poida conservar o sete alcaldías das principais cidades (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol) e das grandes vilas como Vilagarcía e outras. Tamén en moitas vilas medias (Pontedeume, no noso caso) e pequenas, a maioría de progreso conservaría ou recuperaría alcaldía con moita probabilidade.

En encontros como o que hoxe tivemos Antón e eu xorden moitos temas relevantes, e deles irei falando, pero o máis relevante hoxe eran os desexos e a forza da xente de progreso por reducir ao mínimo os efectos da crise na política e mostrar a viabilidade e a necesidade deses gobernos locais de progreso. Outra cousa sería un camiño peor, unha especie de duplicación política da crise económica. Por aí irei.

19/04/2011

Iria Fernández presenta "Flores da Galvana"


Redacción.-

Iria Fernández Crespo presentou onte na libraría Couceiro de Compostela o seu primeiro libro de poesía, titulado Flores da Galvana e editado por Espiral Maior. “Estes versos teñen cinco ou dez sentidos que se r­eúnen nun mesmo: a luz do pensamento crítico”, dixo a autora, quen ao tempo sinalou as rúas de Barcelona, os Ancares ou o Courel no outono como os espazos esenciais para entender este libro.

A poeta estivo acompañada polo seu editor, Miguel Anxo Fernán Vello, e o escritor Ramón Chao Rego. O responsable de Espiral Maior, Fernán Vello, destacou a calidade do libro de Fernández Crespo e falou da súa proxección de futuro, “pois é unha poesía que ten unhas características insólitas, chea de frescura e cunha gran vontade rebelde”.

O libro de Iria da Galvana conta cun limiar de Chao, que onte acompañaba á poeta. O escritor lembrou que “estes poemas chegáronme un día de súpeto por correo electrónico” e destacou a súa calidade literaria. De feito, Chao referiuse a eles en Le Monde Diplomatique: “Lonxe de respectar a cronologia de composición dos poemas, a autora infunde en cada un deles o xerme obrigatorio no lugar exacto para que a suma de palabras chegue a formar unha arquitectura inesperada. Porque o sorprendente é que cada verso, cada poema posúe unha entidade per se, tan valiosa e insólita como a do conxunto final. En cada poema atopamos a Iria en miniatura para chegar a ela, enterita, ao cabo de varias lecturas”.

Con este libro, Iria Fernández estréase na literatura. Nada en Barcelona en 1982, estudou Socioloxía e Ciencias Política na Universidade Autónoma de Barcelona e Filoloxía pola UNED. Dende moi nova colabora na Asociación Rosalía de Castro de Cornellà e realizou estudos de piano e canto en Cataluña.

Un posible Chao

Mario Paz González.-

Releo Un posible Onetti, de Ramón Chao. Ergo os ollos da páxina e albisco, a través dos vidros da fiestra, as torres dunha catedral gótica cos seus pináculos e os seus arbotantes, coas súas gárgolas e as súas vidrieiras. Penso nunha frase das Memorias de ultratumba de Chateaubriand, aquilo de que –cito de memoria– hai homes que pasan a vida satisfeitos de ver sempre o mesmo campanario, mais hai outros que, como el, aínda non atoparon o campanario que os acompañe na derradeira ollada. Penso entón en Ramón Chao.

O xornalista e escritor chairego estivo hai uns días dando unha conferencia en Vilalba. Alí, na Casa da Cultura, foi desgranando paseniñamente, ao longo de hora e media, a súa traxectoria vital e profesional ante un abondoso auditorio ávido de escoitar, da man do propio protagonista, algunhas das súas andanzas en Radio France ou na revista Triunfo. Tamén as historias das que xurdiron algúns dos seus libros de ficción, como O camiño de Prisciliano; de ensaio xornalístico, como Después de Franco, España; ou de entrevistas a Alejo Carpentier e ao seu prezado Onetti. De todas as cuestións que abordou, adobiadas de enxeñosas anécdotas propias do narrador de caste que é, penso que hai dúas que paga a pena lembrar.

A primeira foi unha defensa da literatura e, asemade, de parte da súa producción –como a novela El lago de Como– ambientada nese territorio mítico e persoal de Irimia ou Reigada, inspirado na Chaira, que ben podería lembrarnos aos Yoknapatawpha, Macondo, Castroforte do Baralla ou tantos outros. Neste senso reivindicou, a importancia da ficción novelesca e como toda obra literaria, por moito que poida basearse en feitos reais, sempre é falaz, pois leva implícito na súa propia definición o selo indiscutible da mentira. Aceptado isto é preciso, para nós como lectores, comprender ese xeito no que o autor pode valerse de calquera recurso, de calquer aportación que, inda que proveña dunha suposta realidade, intégrase sempre na ficción, cobra un sentido novo nela e forma parte da grande mentira que esta é.

A segunda cuestión que eu destacaría é a que atinxe á importancia, na formación intelectual de calquera, diso tan difícil de atopar que é a lectura libre de prexuizos. Recordaba Ramón Chao a ocasión na que lle confesou a Cunqueiro o xeito no que as ladaíñas dun pseudomarxismo ceñudo tan de moda naquel tempo se interpuxeron entre eles. Chao tiña nunha lista negra ao mindoniense polos seu precoces vencellos políticos ata que se decatou da enormidade dunha obra literaria que ficaba, e fica aínda hoxe, por riba de calquera outra apreciación. Deberían considerar isto, se cadra, aqueles que se deixan levar polos prexuizos ante a producción de Risco, Borges, D’Annunzio, Torrente Ballester, Vargas Llosa, Chateaubriand ou, mesmo, Céline. Este foi alguén absolutamente despreciable como persoa, mais tamén penso que a súa Viaxe á fin da noite é unha obra literaria maxistral.

En realidade dixen dúas, inda así coido que serían moitas máis as cuestións salientables de todo canto contou Ramón Chao, mais, talvez, cómpre resaltar unha terceira. Refírome á importancia que deu ás orixes, ao eterno retorno a elas. Non sei cal será o campanario que albisque ao ollar a inmensidade desde a súa fiestra. Se cadra o de Notre Dame, se cadra o de Saint-Sulpice ou o de Saint-Germain-des-Prés. Só sei que, do mesmo xeito que me ocorre a min, cando o mire, nel sempre estará vendo, baixo o fermoso ceo de pizarra de París, as torres da igrexa de Vilalba.

VII Xornadas Interxeracionais Rurais

Redacción.-

A Asociación de Veciños de Cabreiros, o Concello de Xermade e a Universidade de Santiago de Compostela organizan as VII Xornadas Interxeracionais Rurais. Aprendendo cos nosos maiores, que se celebrarán os días 28 de maio, 4 e 11 de xuño. Coma sempre, estas xornadas intentan tocar distintas áreas tanto de saúde, coma de cultura, ocio... facendo estes días o máis completos posible, atendendo diversos temas de interese tanto para a xuventude coma para as persoas maiores.

Un dos obxectivos destas xornadas é precisamente que sexan interxeracionais e que nunha mesma actividade poidan compartir tempos, historias, experiencias... persoas de diferentes idades e xeracións.

O sábado 28 de maio contarase con Marcial Gondar, Catedrático de Antropoloxía Social na Universidade de Santiago, e membro da Sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do Patronato do Museo do Pobo Galego, para falarnos da Santa Compaña.

A continuación será presentado un Video-Homenaxe ás Escolas Rurais, onde participan entre outros nenos e nenas do Concello de Xermade, facendo de pequenos actores e actrices e amosando a realidade que vivían as nosas xeracións anteriores no mundo das escolas no medio rural.

Continuando co traballo sobre migración comezado na edición anterior, este ano irase un pouco máis alá. Por un lado informando sobre os recursos asistenciais e xurídicos aos que poden recorrer as persoas inmigrantes e por outro ter unha fermosa conversa con persoas do concello que se viron obrigadas a emigrar e que retornaron máis tarde.

O día 4, a mañá estará dedicada á saúde. Por un lado, o psicólogo Fernando Lino Vázquez, ilustrará sobre a depresión nas persoas maiores, e por outra banda, falarase dun tema aínda tabú na nosa sociedade como o da sexualidade, facendo un percorrido da mesma desde a nenez ata a vellez.

A tarde dedicarase aos xogos populares e tradicionais, onde poderán participar todos os centros educativos que o desexen; haberá un grupo de persoas voluntarias, mozas e mozos do Concello e outros limítrofes que ano tras ano colaboran con na organización desta actividade; haberá xogos para nenos/as e persoas adultas... ademais dun obradoiro de xoguetes tradicionais onde Manuel García ensinará a facer diferentes xoguetes coas nosas mans (o ano pasado foi todo un éxito).

Por último, o día 11 de xuño farase unha viaxe a Friol (imprescindible anotarse para poder alugar bus, xantar...).

A inscrición ás Xornadas, que teñen recoñecido un crédito de libre configuración, é gratuíta e aberta no senso de que se pode asistir a unha soa das actividades ou a todas.

Martín Seco nas listas electorais de Arteixo

Redacción.-

O pasado venres 15 de Abril, a alcaldesa de Arteixo, Pilar Souto, fixo público aos medios de comunicación que o número dous da candidatura do PSdeG-PSOE en Arteixo, despois dela mesma, sería Martín Seco García, vilalbés de 34 anos que vive no Alto de Arteixo e traballa na Refinería de Repsol Petróleo.

O propio Martín declarou que despois de xa varios anos de traballo conxunto con todos os medios de comunicación da Terra Chá, desexa transmitir a enorme felicidade que sinte por voltar a ter ilusión por facer política e facelo cun grupo da calidade ética e programática que ten a agrupación socialista de Arteixo e en especial a sua alcaldesa Pilar Souto.

Moncho Paz recolle o Premio Johán Carballeira


Redacción.-

O salón de plenos do Concello de Bueu rexistrou onte un cheo absoluto durante o acto de entrega dos premios Johán Carballeira de xornalismo e poesía, que tivo lugar ás 12 da mañá. Os galardonados deste ano foron Moncho Paz e Carlos Solla, respectivamente, aínda que boa parte do protagonismo foi para o escritor, xornalista e músico Ramón Chao, que veu dende París para acompañar a Moncho Paz nunha emotiva xornada na que se lembrou a figura de Xosé Francisco Gómez de la Cueva, o xornalista e alcalde de Bueu que se fixo chamar Johán Carballeira dende que comezou a escribir en El Pueblo Gallego e que foi fusilado en 1937.

Os premios Johán Carballeira acumulan catorce edicións no seu certame poético e oito no de xornalismo, unha traxectoria e un percorrido que os consolida como unha cita de prestixio. "Éste é un galardón especial polo que supón a figura de Johán Carballeira dentro do xornalismo e da poesía no século XX, un home comprometido con Galicia e a cultura", asegurou onte durante a súa intervención Moncho Paz, que gañou o premio de xornalismo cunha entrevista a Ramón Chao, titulada “Entrei en Radio France porque falaba galego”, realizada o ano pasado en París e publicada en distintos medios, entre eles A Voz de Vilalba. O outro premiado desta nova edición dos Johán Carballeira foi o poeta Carlos Solla, que lle desexou a este certame "mil primaveras máis".

A presenza no acto de Ramón Chao foi saudada con entusiasmo polo Concello de Bueu, representado polo alcalde Félix Juncal e varios concelleiros, e pola Asociación Amigos de Johán Carballeira, presidida por Manuel A. Mosteiro. Ambos solicitaron a Ramón Chao que sexa o padrino das futuras edicións do premio de xornalismo, unha petición que o escritor chairego aceptou encantado. O vindeiro ano estará de novo en Bueu con Moncho Paz, que formará parte do xurado da IX edición.



Na imaxe, Carlos Solla, Ramón Chao e Moncho Paz
(Foto: Paco Rego)

17/04/2011

Era xusto e necesario

María Xosé Lamas.-

Que fermosas as reconciliacións cando son de veras!

Cheguei á Casa da Cultura ás oito e cuarto e atopei co amigo Moncho Paz acompañado por Ramón Chao que sentado ao ordenador tentaba escribir uns correos, mais sen éxito; era interrompido constantemente por vilalbeses asistentes á conferencia que querían saudalo e dárselle a coñecer. Un auténtico “bicamáns” improvisado. Ao remate, entregueille os meus tres libros –previamente prometidos- con dedicatoria autógrafa e, moi xentilmente, ofreceume pasar diante escada arriba. Chegada ao salón de actos, saudei antes de sentarme á xente máis próxima, entre eles a dona Remedios Chao, irmá do conferenciante e a quen me une un fondo afecto.

Non sei se o resto dos asistentes tiña, coma min, as suficientes pezas do crebacabezas para entender as súas referencias a anécdotas e persoeiros cos que se relacionou ao longo da súa vida, pola que transitou, segundo as súas propias palabras, sempre agarimado “pola sorte”.

Non sei se os vilalbeses que convocou a súa presenza leran, coma min, a súa obra. Era necesario para acoller o seu discurso e darlle o importante significado que tiñan as súas referencias a ela.

Recoñecer Reigada ou Irimia como Vilalba é máis complicado que decatarse de que a Vetusta da Rexenta de Clarín se corresponde con Oviedo. Ou non? Os seus lectores sabemos que nas súas obras está presente toda a Terra Cha en xeral, e Vilalba en particular, baixo diferentes denominacións. Pero o pobo, a súa tribo –en palabras de Manuel María- está presente, sempre presente. “Nunca me fun de Vilalba” eran algunhas das súas palabras de inicio. E non, certamente, porque Vilalba lévaa dentro, tatuada no corazón e moito máis fortemente e mellor debuxada que calquera de cantas tatuaxes que sobre as súas obras adobían a súa pel.

Era xusto e necesario que Vilalba se reconciliara de unha vez por todas con Ramón Chao Rego, e viceversa. Tan xusto e necesario coma no seu momento o foi con Pepe Chao, ao celebrar a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) o “Día do escritor na súa terra” neste pobo que o tiña esquecido ou, cando menos, lixeiramente afastado da páxina dos seus persoeiros honrados, prezados e recoñecidos.

Un dos nosos históricos universais estivo onte a compartir con nós uns intres inesquecíbeis.

Grazas, Ramón Chao, pola túa xenerosidade!

O regreso de Ramón Chao


Moncho Paz.-
Fotos: Paulo Naseiro.-

Ramón Chao regresou onte a Vilalba. Músico, escritor, xornalista, pai do famoso cantante Manu Chao e irmán do teólogo Xosé Chao Rego, estivo na capital da Terra Cha para falar da súa traxectoria vital e da súa experiencia profesional no eido da comunicación, nun acto organizado conxuntamente por A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos.

Nado en 1935, Chao criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais na vila luguesa, onde adoitaban parar -de paso pola Chaira- persoeiros como Xosé María Castroviejo, Cunqueiro ou Celso Emilio. Sendo un raparigo trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato; e de Madrid foise a París cando contaba vinte anos, cunha bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un colaborador que soubese español, portugués e música, e ao falar ben o galego dixen que era portugués”. Agora regresa a Galicia para reivindicar a importancia do noso idioma nun momento especialmente crítico para o proceso de normalización lingüística. Nun exercicio de coherencia; non esquezamos que na súa etapa profesional en Radio France dirixiu emisións radiofónicas en galego, que no seu día foron prohibidas por Franco.

Chao é un xornalista multidisciplinar. En 1975 Luis Seoane comparábao con figuras como Julio Camba, Lustres Rivas ou Johán Carballeira. Por aquela época era correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida durante case dúas décadas por outro xornalista galego, Ignacio Ramonet.

Este chairego universal conta no seu haber con máis de dez libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. Agora Ramón Chao visita a súa terra natal para lembrar a algúns desarraigados que coidar o idioma é algo esencial para preservar a nosa identidade como pobo.

16/04/2011

XIII Encontros para a Normalización Lingüística

Redacción.-

Os XIII Encontros para a Normalización Lingüística terán lugar o 28 e 29 de abril na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. Organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega, ocuparanse de temas como lingua e mocidade, a promoción do galego como política pública e o impulso do idioma no ámbito municipal ou na administración de xustiza.

No espazo complementario “Proxecta” presentarán unha historia gráfica da normalización lingüística. Coordinados por Susana Mayo e Henrique Monteagudo, contan coa colaboración da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras da Normalización da Lingua e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Pode descargar o programa en PDF en:
http://consellodacultura.org/files/2011/03/programa_xiii_encontros.pdf
Inscrición en: http://consellodacultura.org/?page_id=3277
Máis información en:
www.consellodacultura.org
www.consellodacultura.org/arquivos/cdsg/
T: 981 564 765
F: 981 582 985

15/04/2011

Conferencia do Doutor Barraquer

Redacción.-

A Fundación A Rosaleda continuou o ciclo Martes Clínicos coa intervención do Dr. Joaquín Barraquer, catedrático de Cirurxía ocular, director do Centro de Oftalmoloxía Barraquer e presidente do Instituto Barraquer. O reputado oftalmólogo impartiu unha conferencia titulada "Cirurxía ocular: catarata e queratoplastia" á que asistiron destacados oftalmólogos galegos como os doutores Fandiño, Pacheco, Moreiras, Elio Díez Feijóo, Jacobo Torreiro, Llorente, etc., ademais dos alumnos matriculados no curso, máis de 150 estudantes de Medicina da Universidade de Santiago.

Tampouco faltou o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal. O relator foi presentado polo presidente da Fundación A Rosaleda, Xerardo Fernández Albor, quen o definiu como "mestre de mestres" e destacou a relevancia dos avances aplicados polo Dr. Joaquín Barraquer. Pola súa banda o Dr. Sánchez Salorio lembrou que o relator pertence "a esa estirpe de persoas que moi pronto teñen claro para que están predestinadas" debido á súa pertenza a "unha saga" que entendía a cirurxía "como xeometría". "Ademais de eficacia hai un gusto pola beleza", sinalou o profesor Salorio á vez que agradeceu a presenza do Dr. Barraquer.

O relator tamén agradeceu a invitación para volver a Santiago a explicar os últimos avances en cirurxía ocular. Apoiado nun didáctico vídeo o profesor foi explicando a evolución das intervencións oculares nas últimas décadas e como se foron superando os problemas iniciais até conseguir chegar ás técnicas actuais, nas que a clínica Barraquer é un referente mundial.

Joaquín Barraquer Moner (Barcelona, 1927) é fillo do profesor Ignacio Barraquer e neto de José Antonio Barraquer Roviralta, primeiro catedrático de Oftalmoloxía e pioneiro no ensino práctico da Oftalmoloxía en España. Estudou Medicina na Universidade de Barcelona e en 1970 foi nomeado catedrático de Cirurxía ocular da Universidade Autónoma de Barcelona. É "Doutor Honoris Causa" e profesor honorario de 11 universidades e recibiu múltiples distincións científicas e premios nacionais e estranxeiros, entre eles a "1999 APAO José Rizal Gold Medal", a Medalla de Ouro "Alfonso Motolese 2000", a "Gold Medal of Merit of the Republic of Libanon"(2007).

Presidente da Sociedade Española de Oftalmoloxía (2007-2011), membro de Honra, Honorario ou de Mérito de 39 asociacións científicas e numerario doutras 52, participou de forma activa en máis de 500 congresos e reunións científicas en todo o mundo. Entre as súas publicacións figuran máis de 400 artigos, varios libros, recompilacións, monografías e un CD-ROM que recibiu o Premio Möbius 1997, na categoría "Ciencia".

É cirurxián-director do Centro de Oftalmoloxía Barraquer e director dos cursos de formación de postgraduado en Oftalmoloxía do Instituto Barraquer, que preside. En 2003 promoveu a Fundación Barraquer para impulsar a oftalmoloxía realizando expedicións oftalmológicas humanitarias a países en vías de desenvolvemento. Desde o punto de vista clínico, o labor do profesor Barraquer céntrase principalmente en catro campos: os transplantes de córnea, e a cirurxía da catarata, do glaucoma e da miopía.

14/04/2011

Incendio en Outeiro de Rei

Redacción.-

O BNG, a través do deputado no Parlamento Galego, o lucense Fernando Blanco, e da deputada Tereixa Paz, esixe explicacións á Xunta de Galiza e, nomeadamente, á Consellaría do Medio Rural, sobre as circunstancias e condicións baixo as que se produciu o incendio forestal que queimou o pasado 8 de abril ao redor de 50 hectáreas de terreo en Outeiro de Rei. Para isto, ambos os dous deputados asinaron e presentaron esta mesma mañá unha serie de preguntas dirixidas á Consellaría do Medio rural, instándoa a que responda sobre diferentes aspectos que rodearon ao lume forestal de Outeiro de Rei e que están pouco esclarecidos.

Tal e como sinala o BNG, desde un primeiro momento as hipóteses indicaban que o lume de Outeiro de Rei viñera motivado polo escape dunha queima controlada que se estaba a realizar. De feito, a propia Consellaría do Medio Rural indicou que abrira unha investigación ao respecto nesta dirección. De confirmarse este suposto, o BNG considera que a Consellaría do Medio Rural incorrería nunha clara neglixencia ao autorizar unha queima nun dos días nos que Galiza estaba baixo influencia dunha vaga de calor, porque hai que ter en conta que na data na que se sufriu o incendio en Outeiro de Rei o noso país estaba a sufrir por terceiro día consecutivo unha situación meteorolóxica de temperaturas extremas, xa anunciada e previda polas axencias de meteoroloxía.

Neste sentido, o BNG quere facer fincapé en que nestas circunstancias é imprescindíbel chegar a coñecer e aclarar cal foi a situación exacta a través da que se motivou o lume forestal para determinar posíbeis erros ou deficiencias nos protocolos de actuación cos que opera a Consellaría do Medio Rural.

Por todos estes motivos, o BNG esixe á Xunta de Galiza que responda sobre as circunstancias nas que se produciu o lume forestal e que explique se os datos dos que dispón permiten asegurar que a orixe do lume estivo no escape dunha queima controlada. No caso de darse esta actuación, o BNG reclama que a Consellaría do Medio Rural explique se chegaron a considerarse as circunstancias meteorolóxicas especiais deses días e se, pese a isto, as condicións de seguridade eran as óptimas para autorizar a queima. Polo tanto, a Consellaría do Medio Rural deberá responder sobre cales foron os motivos que non a levaron a acordar a suspensión das queimas controladas até onte, 11 de abril.

12/04/2011

Ramón Chao en Vilalba o 15 de abril

Redacción.-

Ramón Chao regresa a Vilalba. Músico, escritor, xornalista, pai do famoso cantante Manu Chao e irmán do teólogo Xosé Chao Rego, estará na capital da Terra Cha o vindeiro venres 15 de abril. Será para falar sobre a súa traxectoria vital e a súa experiencia profesional no eido da comunicación, nun acto organizado conxuntamente por A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), que terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura.

O conferenciante será presentado polo xornalista Moncho Paz, recentemente galardoado co Premio de Xornalismo Johán Carballeira por unha entrevista a Ramón Chao, realizada o ano pasado en París e publicada en distintos medios.

Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban parar, de paso pola nosa vila, Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro. Sendo bolseiro polo Concello de Vilalba e e pola Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos, cunha bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera música e portugués”.

En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas en galego, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet.

Conta no seu haber con máis de dez libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008.

11/04/2011

Carta de Prolingua ao Presidente da Xunta

Redacción.-

A plataforma apartidaria pola defensa da lingua galega ProLingua convocou onte sábado 9 de abril, ás 12,30 no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, unha rolda de prensa na que deu conta da entrega dunha carta dirixida ao Presidente da Xunta co obxectivo de lle demandar un compromiso definitivo coa Lei de Normalización Lingüística antes da celebración das eleccións municipais e da conseguinte campaña electoral.

A carta pódese ler na páxina web de Prolingua.

10/04/2011

Que me poño hoxe?

María Xosé Lamas.-

Só é unha pregunta produto do consumismo. De seguro que nin o Golpe, nin a súa dona Remedios, se farían nunca tal interrogante. A eles tocoulles vivir a maior parte da súa existencia na posguerra e nas etapas máis duras da ditadura, só ao remate albiscaron o incipiente rexurdimento da vida no país, e pouco máis que a transición democrática.

O certo é que non sabemos na actualidade o privilexiados que somos posuíndo escollas, incluso deste xénero, aínda que esteamos pasando unha “grave crise económica”.

Cando chegaba a Cas Paredes calquera día, festivo ou non, atopaba a meus tíos vestidos de calquera xeito. Abondaba con ter o corpo cuberto e preservado das inclemencias do tempo. Ás veces da roupa que vestían non se sabía cal era a súa orixe, de tantos remendos como tiña. De nena teño xogado con miña irmá Elsa a adiviñar cal era a peza orixinal dos pantalóns do tío Xosé ou das zapatillas ou o mantelo da tía Remedios. Eles estaban afeitos a pasar por malos tempos. Tempos nos que había que aproveitar todo até o máis mínimo elemento, tanto da roupa como dos utensilios cotiáns.

No “arrimado” da casa había unha especie de obradoiro no que o Golpe almacenaba toda sorte de materiais susceptíbeis de seren utilizados. Hoxe diríamos del que tería Síndrome de Dióxenes, pero non é certo. El só pretendía aproveitar canto caía nas súas mans: paraugas vellos ( para gardar cando menos as varillas), arames e ferros, teas, fíos de cobre, toros de madeira de buxo, de bidueiro, de carballo,… latas, envases, e un longo etcétera de materia prima para as súas realizacións manuais. Non en van acudían todos os veciños a el para que procedera a reparar o que estaba danado. Era o que arranxaba o habido e por haber que non estaba en condicións de uso.

A tía Remedios non ficaba atrás cos seus remendos. Non había peza que se lle resistira coa súa máquina de coser de Singer de manivela, que aínda está no cuarto agardando por quen lle bote unha pinga de aceite e a poña en funcionamento.

Non coidades que estamos un pouco botados a vicio? “Que me poño hoxe?”

Zapatero expiatorio

Bruno Marcos.-

É posible que Zapatero non estivese preparado no seu momento para asumir unha responsabilidade tan grande como a de ser presidente dun país como España e é posible que cometese moitos erros pero soubo, nos últimos tempos, amosar, non só a falta de patriotismo de boa parte da oposición política, senón tamén dunha prensa  chea de lama,  porca e podre na que, coa lanterna de Diógenes, atopariamos moi poucos homes.

O que tivemos que ouvir foi moi deprimente: Moitos quixeron mesmo facer boa a guerra de Iraq á conta da de Libia, un xornalista retinguido atreveuse a outra noite a comparar a sucesión na persoa de Rubalcaba coa de Gadafi polo seu fillo, e así tolemias sen conto...

É evidente que aos do PP úrxelles convocar eleccións agora que saben que as gañarían, e non dentro dun ano, cando probablemente a economía, xa llo sopraron,  vai repuntar. Se a emerxencia nacional é tan seria por que non expoñen unha moción de censura?

Zapatero ofreceuse como chibo expiatorio, un último xesto de valentía que non se lle vai perdoar nun país de caníbais no que aos que son erguidos pola masa convérteselles aos poucos no pallaso das labazadas, no monicreque da feira sobre o que descargar a propia frustración e a ansiedade.

Semella que o recurso dunha pantasmagórica psicoloxía social nacional anda a pasar por combater a frustración individual e a amargura derrubando a todo aquel que acada notoriedade.

07/04/2011

Revista avozdevilalba.com de marzo



Redacción.-

Como é habitual neste medio, xa se pode descargar a revista avozdevilalba.com correspondente ao mes de marzo de 2011 en formato pdf. Para elo, basta con  picar na imaxe da esquerda ou consultar a nosa Hemeroteca. Lembren que estamos á súa disposición para atender calquera suxestión de mellora, que será ben recibida no correo electrónico: redaccion@avozdevilalba.com. Grazas de anteman pola súa colaboración.

05/04/2011

O cuarto de Giovanni

Redacción.-

Atendendo a pedidos, retorna ao escenário do Teatro Arte Livre, no próximo venres día 08 de Abril as 22h., a obra polémica do escritor Norteamericano James Baldwin, presentando o actor vigués Cristian Romero no papel de Giovanni. Na obra participan tamén Roberto Cordovani, Cristian Romero, Bruno Portela e Andrea Nespereira.

Ambientada na boémia París dos anos 50, O Cuarto de Giovanni ten como tema principal o espertar dun home ante a súa verdadeira natureza homosexual. David (Roberto Cordovani), un americano que vive en París coñece Giovanni (Cristian Romero), un fermoso italiano, nun bar gay. Seducido e alcoholizado, David acepta pasar a noite con Giovanni. E esa noite se prolonga ata converterse en tres meses de paixón no Cuarto de Giovanni onde o mozo americano buscará refuxio e atoparás amor.

Incapaz de afrontar a nova vida que se abre ante el, e o seu amor por Giovanni, David foxe cobardemente cando a súa moza Hella (Andrea Nespereira) regresa a París. Nesta historia, Baldwin integra o desexo nunha trama que desenvolve o "problema" da homosexualidade en esquemas culturais máis amplos. "A emoción é o máis importante no espectáculo, e o prexuízo que existe entre os homosexuais", afirma o produtor e actor Bruno Portela.

Montaxe ten estética minimalista, utilizando o mínimo de elementos. Cordovani asina luz, son e vestiario. A luz traballa con recortes cinematográficos. Os figurinos presentan pezas dos anos 50. A banda sonora é marcada con son dunha máquina de escribir e presenta música contemporánea.

Teatro Arte Livre
Reservas:10€ 986 114 444 (informar que recibiu este e-mail na hora da reserva)
En Taquilla: 12€(abre 30 minutos antes de empezar a función)
Venres e Sábados: 22h
Domingos: 20h

Obras son amores

Moncho Paz.-

Lembro ben aqueles anos oitenta, nos albores da democracia, cando viviamos as campañas electorais con expectación. O seu comezo era sinónimo de pegada de cartaces a cotío, bolígrafos con siglas de todas as cores, coches con megafonía a todas horas e miles de adhesivos e folletos espallados polas rúas. A propaganda era absolutamente invasiva. E xa non falemos das inauguracións, apertura de pistas no rural, iluminación de barrios, asfaltado de camiños, beirarrúas novas, remodelación de prazas e zonas recreativas con piscinas.

A maioría destas medidas coincidían en período electoral e respirábase un auténtico espírito reformista (de reformas) en aras do ben común (por non dicir outra cousa). E tampouco esquezo a lenda da famosa axenda de don Paco, aquel político que exercía o poder na provincia onde nunca se poñía o sol. Percorría vilas e aldeas saudando aos paisanos, interesándose polos seus fillos e tamén polas recolleitas (de votos, claro). E que ninguén se preocupase por nada, pois o día das eleccións xa pasaría a buscalos o autobús. Non trascorreu tanto tempo, pero a memoria é feble. O outro día un vello compañeiro da escola referíase con nostalxia a aquela época, apelando a un galeguismo de pastel que pouco –ou máis ben nada– tiña que ver coa modernidade que outros defendiamos para que Galicia superase o atraso económico. Algo melloramos dende entón; bastante, diría eu. Agora as campañas son máis cívicas, alomenos no que se refire á limpeza das vilas e cidades.

A prohibición da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, que endurece e limita a actividade política en precampaña, chega nun bo momento: ao referirse a “calquera acto de inauguración de obras ou de servizos públicos”, leva o apelido da transparencia. O frenesí de visitas a obras e colocación de primeiras pedras non é de agora, senón que sempre foi un recurso habitual dos políticos no Estado español. E de maneira moi especial nos comicios municipais, a pesar de que sexan estratexias tan obvias e oportunistas que supoñan un insulto á intelixencia dos cidadáns. Habería que dar un paso máis, impedindo aos representantes electos –con suposta vocación de servizo público– utilizar os seus cargos para favorecer intereses de partido. Porque as regras do xogo deberían respectarse sempre, e non de xeito exclusivo en período electoral.

02/04/2011

Xosé Luís Regueira na RAG

Redacción.-

O plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou nomear este venres académico ao filólogo e lingüista Xosé Luís Regueira Fernández, que ocupará a vacante producida tras o falecemento da académica numeraria Olga Galego Domínguez. Na mesma sesión do plenario da RAG acordouse o nomeamento da xornalista e profesora da Universidade de Buenos Aires (UBA) Débora Campos Vázquez, como académica correspondente.

Xosé Luís Regueira Fernández (nacido en Goiriz, Vilalba, en 1958) é un destacado investigador no ámbito dos estudos fonéticos, gramaticais e onomásticos da lingua galega, cun "merecido recoñecemento na lingüística internacional e membro da International Phonetics Association e da Asociación Internacional de Estudos Galegos, entre outras, segundo destaca a RAG na súa nota oficial.

Pola súa banda, Débora Campos Vázquez (Buenos Aires, 1973) é filla de galegos e naceu no Centro Galego de Buenos Aires. Licenciouse en Ciencias da Comunicación na facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Buenos Aires (UBA). É directora do blog "Fíos invisibles".

O académico electo Xosé Luís Regueira era xa, desde 2002, correspondente da RAG, cuxa revista 'Cadernos de lingua' coordina desde 1990. Foi director do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago.

'Identitas', do Colectivo Artístico 20 65

Redacción.-

Hoxe sábado 2 de abril terá lugar, ás 20 h. no Auditorio Municipal de Vilalba, a presentación da exposición do Colectivo Artístico 20 65 e estará aberta ata o 30 de abril en horario de apertura do Auditorio. Este grupo fórmase a partir da realización do Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea, organizado polo Departamento de Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia e pertencente a Universidade de Santiago de Compostela, durante o curso académico 2009/2010 e en colaboración co Cgac.

Constituído por nove mulleres cunha formación heteroxénea e procedentes de distintos ámbitos do coñecemento, coinciden na arte. Na mostra do Colectivo Identitas será posible ver propostas de fotografía, audiovisuais, pintura, gravado, escultura, instalación... que xiran arredor da visión que as distintas creadoras teñen do concepto identidade. Un constante constituírse no tempo e en diálogo cos outros, coas circunstancias externas e co propio interior, un recordo, unha experiencia ou unha fisura, un afincamento xeográfico, de procendencia e orixe., unha dualidade, un desdobramento, ou un camiño aberto en múltiples direccións… son algúns dos aspectos a través dos cales abordan este punto de partida no comezo da súa andaina artística.

A identidade remite a unha dualidade de trazos; por unha parte están aquelas características que fan a un individuo único, distinto dos demais, e por outra as liñas definitorias que se comparten no colectivo no que se integra. Tal como dicía Wittgenstein “A implica Non-A”; o mesmo que reside baixo a moi citada “Rose is a rose is a rose” escrita pola man de Gertrude Stein no seu poema Sacred Emily, que non facía outra cousa que falar do concepto da identidade, “as cousas son o que son”.

20º65 (20º C / 65% de humidade, condicións óptimas para a conservación dunha obra de arte) preséntase publicamente como colectivo, e amósase sinxelamente como o que é: un grupo de identidades totalmente distintas baixo intereses comúns; constituímonos coma unha suma de individualidades que mediante a intensa colaboración entre as mesmas, argallamos un substrato artístico no que comezar a sementar novos proxectos.

Esta primeira exposición do colectivo, IDENTITAS toma a identidade como liña temática, unha identidade que é dialóxica, un constante construírse no tempo e en diálogo cos outros, coas circunstancias externas e co propio interior. Identidade como recordo, como experiencia, como fisura, como destrución e reiterada reconstrución. Identidade como afincamento xeográfico, como procedencia, como orixe. Identidade como dualidade, como desdobramento, como un camiño aberto a múltiples direccións, como imaxe no espello, un símbolo da conciencia, un eco da realidade.
Colectivo 20º65
BEATRIZ SUÁREZ SAÁ
SILVIA CAPELO
PAULA CABALEIRO
LIDIA COSTA
CAROLINA CALUORI
PAZ VICENTE
BASILISA FIESTRAS
MAGATZEM 909 MC
CARMEN CABANEIRO

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

David Otero.-

Os libros son medios para facer lectura. Son soporte de moitas cousas xa de primeiras… interesantes. Logo estas cousas poden volverse  marabillosas ou non tanto, pois iso xa depende de ti lectora ou de ti lector.

Ti farás – debes facer - lectura . Lectura túa. E facela  co que che dá o libro. E tamén co que ti deas. Debes ser xeneroso sen calotes, nin trampas.

Pola lectura, ese facer tan enormemente interesante, que lle gusta a bastantes, ti es dono de ti e tamén faste dono do texto. Fabricas á man, en exercício de pensamento, a túa lectura que podes compartir ou non, pero que é a túa e que por iso mesmo ese feito resultante e bonito, LER, debes realizalo con sumo gusto, con alegría, activamente e creativamente, poñendo todo da túa parte, pensándote, léndote, e collendo tamén do que che ofrecen xentes que te aprezan e que queren que a túa lectura sexa de proveito, de bo apaño, viva, activa, creativa, persoal.

Na lectura, no soporte do libro, ti podes bordar teas de primorosas ideas e palabras, de textos con valor inmenso, cos que te vestir e ir de campar bonito pola túa vida e pola que saborexas cos demais.
E por iso diremos que os LIBROS conteñen os desexos dos pobos, das persoas, das lectoras e dos lectores.

Os libros conteñen zumes do crear e do pensar que todos podemos degustar e gustar – LER- a grolos de fantasía e ilusións sempre animados a tope desde quen fomos, somos e queremos ser.
Os libros son un exemplo da riqueza dos pobos, do teu pobo, do noso pobo.

OS LIBROS SON QUEN AXUDAN A QUE OS POBOS REFORCEN A SÚA DIGNIDADE DESDE O SEU IDIOMA, DESDE A SÚA CULTURA, DESDE A FRESCURA DA SÚA IDENTIDADE, DESDE OS SEUS FONDOS DESEXOS DE SENTÍRENSE ACTIVADOS PARA COMPARTIR, PARA CONVIVIR, EN LIBERDADE, CREATIVAMENTE, NA ALEGRÍA DO ORGULLO DE VIVIR.

POLA LECTURA – LENDO A VIVIR CON MIRADAS NOSAS NOS LIBROS DE CULTURA E DE LITERATURA- SENTIMOS TAMÉN POLAS AXUDAS E PISTAS DAS ESCRITORAS E DOS ESCRITORES AS MENSAXES LIMPAS DE TANTOS AMORES NESE TESOURO DE LETRAS E PALABRAS , A LINGUA NOSA, QUE NOS SEDUCE.

david otero- lecto-escritor

01/04/2011