Son do Granada

Xulio Xiz.-

As miñas querencias futbolísticas son pouco consistentes e baseadas en temas personais máis ca plenamente deportivas.

De sempre, eu son do Racing Club Vilalbés, ó que coñezo desde que empecei a andar, nos tempos en que don Paco Roca patroneaba aquel club que tantas tardes de gloria nos ten dado ós vilalbeses.

Últimamente son do Club Deportivo Lugo, aínda que non conseguira ascender, que me cae moi ben o seu actual Presidente, e teño superadas vellas liortas derivadas da prohibición no seu día de que as cámaras da primeira televisión de Lugo entrasen no Ángel Carro.

Desde hai uns anos son devoto do Villarreal, porque ten o mellor porteiro do mundo, é de Paradela e é amigo meu. E hónrame ir todos os anos presentar a homenaxe que lle fai a multitudinaria “Peña Diego López”, ó comezo do verán.

E agora, para complicárseme máis a miña vida “deportiva”, tamén son un hincha furibundo do Granada, desde que sei que Fabri é o seu entrenador, e levou ó equipo á primeira división.

Fabri é un bo rapaz que como pecado de xuventude tivo o de ser concelleiro no Concello de Lugo nos anos que eu andiven por alí, e por disensións cos seus compañeiros de partido acabou de membro do goberno municipal. Todos lle queríamos ben, porque Fabri faise querer.

En fin, que eu en deportes teño o corazón partido. Pero como tampouco lle poño moito ímpetu á cuestión vouno levando bastante ben. O fútbol non me produce maiores desvelos, pero cando andan amigos polo medio, animicamente estou onde teño que estar. Estes días, xa digo, son do Granada.

30/06/2011

Curso 'Paisaxes simbólicas' en xullo en Guitiriz

Redacción.-

Do 20 ao 22 de xullo celebrarase na Casa Habanera de Guitiriz (Lugo) o curso "Paisaxes máxicas". Que conta co cofinanciamento do Concello de Guitiriz e un número de 22 horas lectivas. Está dirixido por Roxelio Pérez Moreira e o seu secretario é Francisco Javier López González. Quen teña interese en asistir pode consultar o programa nesta ligazón.

Unha aposta arriscada

Iago Castro.-

O Centro Dramático Galego fai unha aposta arriscada, e iso xa é unha boa nova. Levar á escena un texto complexo como Die Dreigroschenoper, traducido aquí e agora como A Ópera dos Tres Reás, é un exercicio de absoluta madurez e o resultado, desde o punto de vista técnico, ven confirmar o alto nivel da escena galega. Unha boa factura, bastante correcta. Nada menos, nestes tempos de recurtes, pero tampouco nada máis.

Die Dreigroschenoper, Brecht, Weill… palabras maiores. A obra, estreada na Alemaña de Weimar, é un completo disparate pese a que chegou a acadar un carácter case canónico, poñendo no punto de mira á burguesía mediante o recurso de encarnar as súas miserias no lumpen londinense da era victoriana. Asasinos, chulos, putas e mendigos son o trasunto de banqueiros, financeiros e comerciantes, delincuentes legais e amparados polo sistema. A peza require, pois, unha certa lectura canalla e transgresora, máis alá dunha posta en escena formal, e aínda máis nestes tempos de desbaraxuste e indignación.


Poderíase agardar do tándem Tosar-Cadaval un auténtico terramoto escénico, e iso probábelmente é o que ía buscar o público que abarrotou o Auditorio de Galicia os catro días de representación. O certo é que non houbo tal cataclismo. E é certamente desconcertante: Mackie Messer é sen dúbida unha personaxe ben acaída para o de Cospeito quen, porén, ofreceu un protagonista plano, sen matices e sen emoción. Éis a liña xeral desta montaxe. Correcta, traballada, un boa parte musical, fidel ao texto orixinal… pero falta de chispa, unha miga deslabazada… un pouco “tostón”, se me permiten.


Non digo que non haxa que vela, por suposto. Aínda que xirará máis por España (Madrid, Zaragoza, Salamanca, Sagunto, Madrid, Pamplona, As Palmas), hai ocasión para asistir aínda en Ferrol (2 e 3 de xullo), Pontevedra (8 e 9 de xullo), A Coruña (16 e 17 de setembro), Ourense (23 e 24), Vigo (27 e 28) e no Pazo da Cultura de Narón (30 de setembro e 1 de outubro). É unha ocasión única de ver todo un clásico do teatro europeu, aínda que non nunha das súas mellores versións.

29/06/2011

Casas abandonadas

Mario Paz González.-

Un dos mellores momentos do día para gozar dun bo paseo polas rúas de calquera vila ou cidade é, sen dúbida, o das primeiras horas da alba, cando todas as imaxes do mundo circundante manteñen aínda ese fulgor e esa pureza única do auténtico, pero tamén presentan un certo ar de escenografía onírica. Se cadra é así, por ser ese un tempo roubado ao soño, un tempo no que este e a vixilia mestúranse nalgún lugar difuso e profundo do noso cerebro. Tamén é o momento no que un pode ver, con esa exactitude preclara, propia do turista ou do forasteiro, algúns aspectos -que en calquera outra circunstancia non percibiría- do lugar onde vive, ou no que viviu moitos anos, cunha lucidez analítica, poucas veces igualada ao longo do día, cando xa as preocupacións ou as miserias que conforman a rutina cotiá terán contaminado as nosas ideas e o ar mesmo que respiramos, até conseguir paralizar o noso cerebro por completo.

Así, cos farois das rúas xa apagados, paseando baixo un ceo dun azul cada vez máis claro ante unha paisaxe urbana apenas alumada polos refachos dos faros dalgúns automóbiles madrugadores ou polo difuso resplandor das derradeiras estrelas dunha das primeiras noites do verán, un pode contemplar a triste deterioración sufrida ao longo dos anos por algunhas das rúas e por algúns dos edificios que, con todo, fican aínda caprichosamente intocables nos escuros eidos da memoria. Mais agora, un contempla abraiado como moitas das que no seu día foran pequenas casas de pedra abertas e luminosas, cheas de vida e claridade, foron languidecendo co paso do tempo, perdendo a súa sinxela beleza ata converterse en tétricos edificios, pechados baixo sete chaves, moitos deles baleirados de todo, até de andares, pola seu abandono. Deles colgan agora tristes farrapos vexetais asomando polas xanelas ou polas físgoas deixadas entre as pedras das súas paredes. Semellan esqueletos de animais prehistóricos ou caveiras que sorrín ante a súa propia ruína e desolación. Noutros casos esas mesmas edificacións foron substituídas, en tempo non tan lonxano, por outros, supostamente flamantes, edificios, na realidade máis ben grises e un pouco miserables, pasto do utilitarismo, o formigón armado e unha vergoñosa modernidade atemporal, claramente impersonal e, se cadra, un pouco trasnoitada, allea en calquera caso á contorna que os rodea. Dá un pouco de pena ver as vellas casas desdentadas e abandonadas, pero, sen dúbida, dá máis pena aínda contemplar algúns deses novos torreóns con algo de fachendoso e vulgar que as substituiu en tantos casos. Torreóns que foron construídos en plena orxía especulativa das pasadas décadas e que agora, quen sabe se por efecto da crise ou da falta de previsión dos seus construtores, están a piques de correr a mesma sorte que as casas orixinais ás que eliminaron, pois permanecen aínda practicamente baleiros, tamén en ocasións pechados, tamén, en calquera caso, mortos en vida, afeando, como unha aniquiladora e grotesca dentadura imparable, o noso skyline, esa modesta liña do ceo das pequenas vilas e dalgunhas cidades, ameazando a paisaxe sen que nada nin ninguén poida xa remedialo.

Un non deixa de preguntarse pola razón de todo isto. Das casas abandonadas e dos torreóns fantasmagóricos, pero non acaba de atopar unha resposta convincente. Se cadra é difícil dar con ela. Se cadra aínda máis agora que o sol comeza a brillar no alto e un percibe como, igual que lles ocorre aos vampiros, a mente váiselle retardando aos poucos coa luz da mañanciña, co tráfico cada vez máis acusado, coas rúas cada vez máis ateigadas de xente, desa masa informe e compacta, indiferenciada, de traballadores que, como un mesmo, acoden aos seus postos, levados pola vida imparable do novo día que xa se impuxo.

A Enciclopedia do Camiño, Premio Apecsa 2011

Redacción.-

A Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago. Dicionario da Cultura Xacobea, editada por Bolanda e dirixida por Manuel F. Rodríguez, recibiu o Premio Internacional 2011 da Asociación de Xornalistas e Estudiosos do Camiño de Santiago (Apecsa). O galardón distingue o mellor traballo de difusión e promoción vinculado ao mundo xacobeo e realizado no ano anterior a cada convocatoria.

O xurado designado pola asociación valorou á hora de elixir a Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago o "alcance do primeiro gran proxecto enciclopédico sobre a cultura xacobea" e "o seu impulso divulgador do coñecemento do fenómeno xacobeo e de proxección de futuro dos Camiños a Santiago".

O xurado fixo mención especial tamén á Guía do Camiño de Santiago no iPhone, de Eroski Consumer "pola importante divulgación do mundo xacobeo nas novas aplicacións tecnolóxicas" e ao proxecto de descubrimento, recuperación e proxección da Flor de Santiago como símbolo xacobeo, de Ruth Varela, Miguel Anxo Fernán Vello e Pablo Carreño.

O premio, sen dotación económica, consiste nunha obra do escultor Luís Loureira e un diploma acreditativo e entregarase no curso dun acto público que se celebrará en próximas datas no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, marco xacobeo por excelencia xa que foi hospital de peregrinos durante séculos.

Editada por Bolanda Edicións e dirixida polo xornalista Manuel F. Rodríguez, máis de sesenta autores, investigadores e especialistas de diferentes nacionalidades participaron na realización deste proxecto editorial, do que o xurado estimou "o seu afán enciclopédico e a súa vocación divulgativa".

Premio Apecsa
Este recoñecemento foi instituido pola Asociación de Xornalistas e Estudiosos do Camiño de Santiago, formada por profesionais da comunicación, escritores e historiadores, para difundir e potenciar todo o referido aos camiños a Santiago e ao universo xacobeo. A xunta directiva decidiu dedicar esta primeira edición a Victor Manuel Vázquez Portomeñe, artífice, como conselleiro da Xunta de Galicia, do Plan Xacobeo 1993, que contribuíu a difundir a gran escala os valores seculares do mundo xacobeo e abriu un camiño continuado en anos posteriores.

Gran acollida da Enciclopedia do Camiño
A obra, da que se venderon miles de exemplares en España, Europa e resto do mundo, non ten precedentes, xa que por primeira vez na historia recóllese o xigantesco patrimonio relacionado co Camiño de Santiago desde un punto de vista europeísta e nunha única obra estruturada alfabeticamente.

Por iso o deán da catedral de Santiago cualificou a obra como "un novo Códice Calixtino" e, do mesmo xeito que o arcebispo de Santiago, destacou o intenso traballo de investigación, tanto á hora de recompilar datos históricos como actuais, e estruturalos de forma que calquera consulta resulta rápida e sinxela. Tamén o Papa Benedito XVI encomiou a Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago tras recibila no Vaticano o pasado mes de outubro de mans do seu director, Manolo Rodríguez, e o seu editor, Antonio Couto.

A Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago reúne en 18 volumes, 3.000 entradas e case 4.000 páxinas, todo o relacionado coa cultura xacobea: personaxes históricos e de lenda, peregrinos, todos os camiños e as súas poboacións, tradicións, así como o inmenso patrimonio que atesouran as diversas rutas e que motiva aos millóns de peregrinos que cada ano realizan esta viaxe física e espiritual convertido xa en Patrimonio da Humanidade.

Adeus, Lili Marleen

Fermín Bouza.-

A tempestade-euro ameaza gravemente á mesma idea de Europa, e comeza a ser pensable non xa unha Europa de dúas velocidades senón unha non-Europa na que a referencia única volve ser Estados Unidos, co factor chinés de fondo. Os movementos sociais de protesta comezan a desbordar á esquerda, á que deixan de votar, e á que acusan de ser de dereita (en realidade a esquerda realmente operante fai o que o Eurogrupo lle pide, como o que ten unha pistola no peito), co que a dereita se apropia de todos os gobernos e poderes e fará a súa santa (en absoluto santa, realmente) vontade, levantada por boa parte deses movementos sociais e os seus engadidos diversos.

Ás veces estes movementos son de rara ideoloxía, ou a teñen en parte dese modo estraño, e parécese algo esa ideoloxía ao discurso histórico do vello fascismo (nin dereita nin esquerda), pero en xeral tiran cara á crítica libertaria aos partidos e aos políticos. Cando se parece ao fascismo ("nin esquerda nin dereita" ou algunha modalidade de "a revolución pendente") e se contrasta coa emerxencia legal da xenofobia (Badalona) e outros trazos daquela época sinistra do século pasado, dá a impresión de que algo similar nos espera e que nos vai pillar sen protección, sen organización e sen nada.

Pero é un pesadelo construído con síntomas illados que non dan para unha síndrome, apenas para pensar e tomar medidas dalgunha especie indicible ou dicible. Todo empezou co illamento da socialdemocracia, como agora, e nesa operación caeron tamén os que a illaron, como é natural, despois foron a por os demais, que di o vello poema narrativo que non é de Brecht, como saben. Pobos e personaxes que apoiaron aquilo pagárono moi caro (non todos) pero que lles quiten o bailado: a cifra real de mortos quizá non baixe dos 70 millóns de cidadáns e soldados pillados naquel conflito.

Non o esquezan. Cando alguén é xenófobo e/ou corrupto e gaña eleccións, e cando algún insensato de esquerda ou de dereita civilizada queda na casa sen votar ou dá o seu voto á dereita menos cívica, aqueles millóns de ollos, ou unha boa parte deles, óllannos desde o fondo do cosmos infinito. Adeus, Lili Marleen.

28/06/2011

Peche do xornal 'Galicia Hoxe'


Redacción.-

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta o peche da versión en papel de Galicia Hoxe, que deixará de estar nos quioscos a partir de mañá como consecuencia, segundo sinalan no seu propio web, da "crise económica e radical recorte das axudas institucionais". Ademais, o CPXG manifesta a súa profunda preocupación polo despedimento dos seus dezanove traballadores.

Como xa ten manifestado a Xunta de Goberno do CPXG en máis dunha ocasión, o peche dun medio de comunicación é unha mala nova para a profesión, pero, nomeadamente, para o conxunto da sociedade, que perde en pluralidade informativa e neste caso, un medio de referencia en galego.

A notificación de despedimento para os 19 traballadores resulta especialmente preocupante e lamentable, dado o feito de que desde xaneiro de 2011 aceptaron un ERE que xa viña mirrando as súas horas de traballo e salario. O CPXG quere, neste sentido, facer un chamamento ás empresas para que se impliquen na defensa dos empregos en condicións laborais dignas nunha situación de crise económica que está a golpear ao sector xornalístico e con especial dureza aos periodistas.

Por outro lado, a referencia do propio medio á "crise económica e recurte das axudas institucionais" como causa da inviabilidade da cabeceira obríganos a lembrarlles ás as institucións galegas que deben velar por un espazo comunicativo plural e defender a presenza nel do idioma galego, tal e como establece o Estatuto de Autonomía no seu artigo 5. (Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa).

Non debemos esquecer que a desaparición da edición en papel de Galicia Hoxe supón a continuación dun proceso de peche de proxectos informativos en galego que contribuíron a creación dun espazo comunicativo propio, como Vieiros, A Nosa Terra ou A Peneira. A cabeceira Galicia Hoxe achegaba dende o ano 2003, información diaria en galego e amosou dende os seus comezos o seu compromiso coa defensa do idioma e a cultura deste país.

Por esta razón, apelamos á responsabilidade da Xunta de Galicia e de todas as administración públicas para que poñan de manifestó o seu compromiso claro e efectivo para que o idioma propio de Galicia non desapareza definitivamente das cabeceiras impresas galegas e que apoien a aqueles medios que contribúen a unha maior pluralidade informativa no mapa mediático galego.

27/06/2011

A anarquía é só o comezo

María Xosé Lamas.-

ANARQUISMO.- N. m. Doutrina que preconiza a absoluta liberdade do individuo e da propiedade privada dos bens de produción. Con estas palabras figura a definición deste termo no dicionario. Dende a antigüidade diversos autores trataron dos abusos que podía cometer o estado e da organización dunha sociedade ideal. Lembremos neste senso as achegas de Platón, Campanella, Tomás Moro e, máis tarde Godwin, Proudhon, Bakunin, Réclus,Grave, Kropotkin ou Tolstoi .

Ideas, teorías máis ou menos utópicas  convertidas en ideoloxías, permaneceron, latentes moitas veces, no seo das sociedades dende hai séculos, aflorando por momentos amparadas por tendencias políticas ou sindicais, mais tamén en contra delas. Ás veces esquecemos a súa existencia porque se atopan agochadas baixo o mutismo que xera o estatus social do benestar, da concepción capitalista que asolaga a sociedade actual no “primeiro mundo”.

Cando se veñen abaixo os postulados que sustentan a rede social e racha definitivamente polos nós cal molécula radioactiva, a súa implosión desencadea unha onda expansiva que remove mentes inquedas e inconformistas dispostas para a loita polo cambio. Túnez, Exipto, Libia, Marrocos,… desenvolven os ecos da reforma necesaria. Pero tamén nos estados estábeis dos países na vella Europa, os cidadáns acordan do sono e do letargo. A crise xorde case de súpeto; os reactores económicos  estouran e contaminan aos cidadáns activos removendo conciencias amparadas polo inconformismo e estala a revolución das masas. Unha revolta  incipiente, ás veces improvisada –coma todas as habidas e por haber- pero consciente da necesidade de demoler as estruturas obsoletas, as columnas ríxidas dun Partenón que deixou de ser convertido en ruínas. Mais até construír no seu solar o novo edificio social é preciso tempo. Un tempo sen contratos sociais, sen premisas estruturalistas, sen goberno (coma en Bélxica), anarquista.

Así, moitas das accións do 15M lembran o anarquismo xurdido dende finais do s. XIX ao comezo do s. XX nalgúns países da Europa occidental, mais con certas diferenzas. A principal é que desta volta levan como primeiro apelido o pacifismo. A protesta ante o intervencionismo estatal en todos os ámbitos sociais por parte dos gobernos está a consolidarse en accións pacíficas e reivindicativas que pretenden amosar na praxe a posibilidade de organizarse doutro xeito diferente ao estipulado e ao politicamente correcto.

Non somos máis ca persoas indignadas que pretendemos facernos oír  para que se teñan en conta os nosos postulados, exercendo a liberdade de expresión tan pouco aceptada, aínda que sabida e defendida até pola obsoleta Constitución que nos obriga aos cidadáns do estado español.  Persoas que cansamos de sermos monicreques nas mans de poderes non desexados; que rompemos os fíos e queremos vivir sen as atumes dos réximes alienantes que nos pretenden controlar. SOMOS e ESTAMOS dispostos para a loita social, pola liberdade individual e colectiva, pola cidadanía, fóra de toda consideración de súbditos do capitalismo.

Isto é só o comezo!

Paco Martín, o escritor na súa terra

Alba S. Naseiro.-

O escritor lucense Paco Martín foi homenaxeado hoxe na súa cidade pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) nun emotivo acto no que participaron escritores como Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixás, directivos da AELG, Xabier P. DoCampo, Agustín Fernández Paz, María Pilar García Negro, Marica Campo, Darío Xoán Cabana, Carlos Reigosa ou Lois Diéguez, entre outros moitos, políticos como Xosé Manuel Beiras, así como numerosos lucenses que quixeron unirse á homenaxe.

A xornada comezou coa plantación da árbore simbólica escollida polo escritor, un carballo, e o descubrimento do monolito conmemorativo na Praza da Horta do Seminario. Como anécdota, sinalar que o texto grabado no pedrón, que debería ser un fragmento da obra de Paco Martín, resultou unha proba de maquetación ou, na xerga do deseño gráfico, Lorem Ipsum. O concelleiro Antón Bao, en nome do Concello de Lugo, prometeu que en vindeiros días ficará subsanado este erro. Durante o acto anunciouse que o Concello de Lugo se sumará á homenaxe dándolle o nome de Paco Martín á Biblioteca Municipal da Piringalla.

O autor de Das Cousas de Ramón Lamote lembrou o Lugo da súa nenez, e como ían coller a froita nas hortas existentes no que agora é a Avda. Ramón Ferreiro, onde estaba o antigo cemiterio municipal, e lembrou o misterio que tivo para el aquel lugar en diferentes momentos da súa vida.

A continuación, no salón de plenos do Concello de Lugo o alcalde Xosé López Orozco deu a benvida aos asistentes, e lembrou a fecunda tradición literaria da provincia de Lugo. Alejandro Tobar, antigo alumno e bo amigo de Paco, fixo a laudatio ao homenaxeado na que destacou o seu vínculo coa cidade a través do seu álter ego, Ramón Lamote. Un emocionado Paco Martín recibíu a E de escritor, unha peza do escultor Silverio Rivas, de mans do presidente da AELG.

Os actos remataron cun concorrido xantar de confraternidade no restaurante do hotel Méndez Núñez, lugar simbólico onde en 1918 se reuníu a primeira Asemblea Nazonalista, que contou coa participación dos músicos Mini e Mero.

Con esta homenaxe ao Escritor na súa Terra, que fai a número XVII, a AELG procura un contacto directo co autor, coa súa terra, e cos referentes que enriquecen a súa creación, así como a implicación do homenaxeado na celebración. Constitúe unha encontro popular no que se recoñece o talento de insignes figuras na plenitude da súa carreira literaria, en contraposición ao día das Letras Galegas, que rinde homenaxe a autores desaparecidos. En edicións anteriores, recibiron a E de escritor os vilalbeses Agustín Fernández Paz e Xosé Chao Rego, Xosé Neira Vilas, Manuel María, Bernardino Graña, Uxío Novoneyra, Luz Pozo Garza ou Antón Avilés de Taramancos, entre outros.



Reportaxe gráfica: Paulo Naseiro

25/06/2011

A complexa reforma laboral

Moncho Paz.-

Ás veces unha imaxe vale máis que mil palabras. Refírome ás fotografías de Valeriano Gómez, ministro de Traballo, do pasado mércores no Congreso dos Deputados. O seus xestos (mans á cabeza, movementos de brazos, pensativo e coa ollada perdida) amosaban nerviosismo e preocupación. Foi durante a sesión na que se votaba o decreto de reforma da negociación colectiva, que ao final foi aprobado unicamente cos votos do PSOE, obrigado a conseguir en tempo límite a abstención de PNV e CIU para que o texto saíse adiante sen problemas.

A negociación colectiva era un tema aprazado dende hai case un ano, cando se puxo en marcha a última das reformas laborais aprobadas en democracia, coa dobre finalidade de reactivar o mercado de traballo e evitar o alto custo social derivado da crise. Tramitada como proxecto de lei e, polo tanto, con carácter de provisionalidade e suxeita a emendas e modificacións, a presente reforma laboral deixou temas pendentes de tramitación na súa orixe, como a formación ou a negociación colectiva, que foi aprobada agora.

Esta reforma foi calificada inicialmente de controvertida e insuficiente polos empresarios e de innecesaria polos sindicatos. Unha das principais críticas que recibiu era que penalizaba o contrato temporal e non ofrecía a suficiente flexibilidade para incentivar a contratación de traballadores e profesionais por parte das empresas. A exposición de motivos do real decreto-lei era clara e grandilocuente, pero non acontecía o mesmo co resto do texto, pois non modificaba substancialmente a norma anterior. E o mesmo sucede agora coa negociación colectiva: no preámbulo menciónase a necesidade de que os salarios se vencellen á produtividade, pero non recolle esta idea nos artigos que desenvolven a norma, co cal a recomendación carece de valor xurídico.

Son dos que pensa que as leis deben favorecer o cambio de mentalidade dos cidadáns. E no que se refire a este tema, é preciso mudar radicalmente o modelo das relacións laborais, que rache coa tradicional desconfianza entre empresario e traballador e aposte por un sistema onde se garanta a implicación de todos para retomar o camiño do crecemento. Na maioría das grandes empresas estase a facer dende hai tempo: contempla un componente fixo e outro variable para os soldos e tamén políticas de retribución por obxectivos. En definitiva, un esquema moderno que crea compromiso por ambas as partes e fomenta a motivación profesional.

Rock in the way

Redacción.-

O festival ‘Rock in Way Estrella Galicia’ desenvolverase en Santiago os días 9 e 10 de setembro con vinte grupos diferentes. Rock in Way permitirá que bandas galegas compartan cartel con artistas consagrados coma os americanos The Offspring, os británicos Toy Dolls, os franceses Rinôçerôse, os arxentinos Las Pelotas e grandes nomes do panorama nacional como Delorean, Söber, Tote King ou Muchachito Bombo Infierno.

Nesta primeira edición, o festival contará con dous escenarios, o Escenario Principal e o Escenario de Galicia, un número aproximado de 20 bandas, cun cartel encabezado por The Offspring, unha ampla presenza de grupos internacionais, e un peso decisivo das bandas galegas. A programación irá máis aló do musical, con cinema, talleres de diversos tipos e unha atractiva oferta de actividades de ocio e aventura.

The Offspring son Dexter Holland (voces, guitarra), Noodles (guitarra), Greg K (baixo) e Pete Parada (batería). A formación xorde cando, en 1984, Dexter e Greg, amigos da escola secundaria, deciden formar unha banda en Garden Grove, California. O disco Smash (1994)deulles a fama, o prestixio internacional e os seus primeiros grandes éxitos. Con Americana (1998) venderon 13 millóns de discos en todo o mundo. O seu último álbum, Rise and Fall, Rage and Grace (2008) demostra que seguen en forma e son unha das referencias do rock máis próximo ao punk dos 90 ata hoxe. En total The Offspring publicou oito álbums, realizou máis de mil concertos en todo efabricou hits incombustibles como ‘Self Esteem’, ‘Come Out And Play (Keep´Em Separated)’, ‘The Kids Aren´t Alright’, ‘Hammerhead?’ Ou o recente ‘You´re Gonna Go Far, Kid’, entre moitos outros. O seu característico son e a súa vitalidade converteron a The Offspring nunha banda internacional de culto que conta con millóns de acérrimos seguidores.

Como cabezas de cartel, acompañando a The Offspring, estarán os británicos Toy Dolls e os franceses Rinôçerôse. Toy Dolls é un dos grandes grupos británitos de punk rock dos 80. En 32 anos de traxectoria o trío fíxose cunha recua de admiradores en Europa, Estados Unidos e Xapón. Despois de visitar ducias de países nos últimos anos, en 2011 só farán dous concertos, e un deles será o de Rock in Way Estrella Galicia. Por outra banda, rock, música electrónica e dance cítanse na música de Rinôçérôse, un dúo francés que traslada ao escenario a enerxía sonora dos seus discos. Estes nomes de relevo estarán acompañados por Las Pelotas, un dos grupos máis coñecidos e respectados de Arxentina, e grandes nomes do panorama nacional como Muchachito Bombo Infierno co seu son optimista a base de ritmos de ventos, percusións, teclados e guitarras rumberas; Sôber, un dos nomes propios do rock e o metal alternativos en España; ou Delorean, coa súa música de baile pinchada polos djs máis reputados do mundo. No que respecta aos grupos galegos destaca Triángulo de Amor Bizarro, no que se mesturan sons shoegaze, punk, pop, distorsións para o eloxio do público e da crítica e outros grupos como Niño y Pistola, The Blows, Igloo, Dirty Socks, Los Chavales, Novedades Carminha, Riff Raff ou TeMazo Showcase.

Venda de entradas e desconto para peregrinos
As entradas sairán á venda a partir do martes 28 de xuño. Os 5.000 primeiros abonos de dous días terán un prezo de 29 euros máis gastos de xestión, nunha oferta que se estenderá ata o 17 de xullo ou esgotar existencias. Un acordo con Hotel Ciudad de Vacaciones Monte do Gozo permitirá aos que adquiran abonos reservar aloxamento con prezos especiais no albergue e o hotel situados ao lado do recinto dos concertos.

Para premiar a aqueles que decidan facer o Camiño de Santiago e asistir a Rock in Way Estrella Galicia, haberá unha rebaixa do 10% no prezo do abono para os peregrinos que conseguirán a compostela nos últimos 30 días antes de mercar o abono. Os que queiran beneficiarse desta oferta terán que adquirilo en A Reixa Tenda, punto de venda en Santiago, onde presentarán a compostela e entregarán unha fotocopia.


Os puntos de venda serán os seguintes:
- Ticketmaster: www.ticketmaster.es
- Novacaixagalicia: 902 43 44 43, www.novacaixagalicia.es, www.servinova.com
- A Reixa Tenda (Santiago) Pub A Reixa (Santiago).
- Discos Portobello (A Coruña).
- Discos Elepé (Vigo)
- Peggy Records (Ourense).
- Don Disco (Lugo)
- Hiper Froiz (Pontevedra).

24/06/2011

Typewriter. A historia escrita a máquina

Redacción.-

En plena era dixital, as máquinas de escribir pasaron a ser case reliquias que nos retrotraen a épocas máis románticas nas que literatos, guionistas, xornalistas ou oficinistas traballaban entre carretes de cinta, líquido corrector e o entrañable son que se producía ao teclear nas súas inseparables máquinas, cos dedos manchados de tinta. Agora, convidámosvos a reflexionar sobre cal foi o papel da máquina de escribir na configuración da nosa historia contemporánea e de como a súa evolución naceu da necesidade de comunicación do ser humano.

Esta exposición é unha homenaxe á radicalidade e eficiencia que achegou a máquina de escribir na aceleración do ritmo das comunicacións e as relacións sociais e que supuxo unha revolución para o mundo gráfico e profesional en xeral.

A Colección Sirvent, de onde provén este significativo legado que expomos, dispón dunhas 3.500 máquinas de escribir, das cales 2.500 están preparadas para o seu normal funcionamento grazas a unha restauración moi rigorosa. Para esta exposición seleccionáronse máis de 120 unidades que representan o máis destacado da historia universal das máquinas de escribir. A mostra complétase con algunhas intervencións site-specific de artistas contemporáneos, unha significativa selección de carteis publicitarios, caixas orixinais de cintas de escritura e outros instrumentos, tales como protectores de cheques, afialapis, fotografías e métodos curiosos de mecanografía.

Propomos un percorrido cronolóxico que comeza coa emblemática Sholes & Glidden (1873), coñecida mundialmente como The Typewriter. Foi a primeira máquina de escribir producida comercialmente e que traballaba unicamente con maiúsculas, unha ferramenta que se subministraba cunha mesa que nos lembra as das máquinas de coser, así como a súa primeira decoración. Outras como a Crandall-New Modell (1884) descóbrennos decoracións en ouro e nácara, e empregan un cilindro impresor en vertical.

Tamén atopamos teclados, anagramas e máquinas americanas con marca e teclado ruso, como a clásica Underwood n.º 5 (1901).

Curiosas son tamén outras máquinas como a alemá Thürey (1909), que se asemella a un instrumento musical e da que só se coñecen cinco en todo o mundo, porque foi de escasa fabricación; a Brooks (1887), que imprime de atrás cara a adiante; a Polygraph (1903), unha das máis buscadas por coleccionistas de todo o mundo e que en teclado curvo só se fabricou no modelo aquí presentado; a ODELL (1888), de base redonda, cuxo primeiro modelo que presentamos é o único que se fabricou con catro pés con forma de garra ou a Columbia (1885), que utilizou un sistema de espazado proporcional que establecía o espazo segundo o tamaño da letra.

Aquí encontramos máquinas de escribir normais, de escribir música, de taquigrafía (estenotipias), de escritura en braille, de escribir sobre superficies planas, de xoguete, de escritura encriptada para espías, de abecedario xaponés ou árabe, máquinas con símbolos da S.S. etc. Todo para entender, ilustrar e contextualizar a evolución do procedemento mecánico da escritura, partindo de que a máquina de escribir lles outorgou un carácter máis oficial e rigoroso aos escritos, ao tempo que supuxo tamén un paso importante para o ingreso masivo da muller no mundo laboral, como dactilógrafa.

A exposición complétase coa intervención de catro artistas contemporáneos: tres españois, Misha Bies Golas, Jorge Perianes e Ignacio Uriarte, e o portugués José Lourenço.

Typewriter. A historia escrita a máquina é, en definitiva, unha fascinante historia sobre a evolución do procedemento mecánico da escritura.

Comisarios: David Barro e Alfredo Sirvent
Organiza: Cidade da Cultura de Galicia
24/06/2011
09/10/2011

De 8:00 a 14:30 h e de 16:00 a 20:00 h.

23/06/2011

Candidatura de Punto Gal para 2012

Redacción.-

A Asociación Puntogal é prudente respecto aos prazos anunciados pola ICANN, pero xa traballa para ter lista a súa proposta a inicios do próximo ano.

A ICANN, o ente que organiza as direccións de internet, aprobou este luns o lanzamento do proceso de candidaturas para novos dominios. Isto significa que probablemente o Puntogal (.gal), o dominio para a lingua e cultura galega, poderá presentarse a exame no primeiro cuadrimestre de 2012.

“Este é un dos maiores cambios da historia de internet” declarou hoxe o presidente da ICANN Rod Beckstrom na inauguración da 41º Reunión Pública da corporación en Singapur. Beckstrom destacou que a “histórica resolución” convirte a este encontro nunha “reunión especial”, pois a ICANN leva redactando as regras que rexerán estes exames dende 2005.

A ICANN aprobou que “o prazo para a presentación de candidaturas abrirá o 12 de xaneiro de 2012 e pechará o 12 de abril de 2012”. A Asociación Puntogal prevé remitir a candidatura para o .gal nese período.

Prudencia respecto ás datas

O proceso de novas candidaturas xa comezou co lanzamento da campaña de comunicación da ICANN hoxe mesmo nunha rolda de prensa posterior a aprobación a resolución.

En todo caso, a Asociación Puntogal quere ser moi prudente respecto aos prazos publicados pola ICANN. Esta institución ten un amplo historial de non ser quen de cumprir as súas propias datas para o lanzamento de novos dominios xenéricos de primeiro nivel (GTLDs en inglés). A resolución aprobada hoxe en Singapur marca un antes e un despois. Por vez primeira fixa un día concreto para remitir candidaturas. Con todo, a experiencia apunta que é imposible asegurar ao 100% que a ICANN cumpra o calendario votado hoxe.

A Asociación Puntogal leva anos traballando para poder cumprir os duros requisitos técnicos, económicos e de representación da comunidade que esixe a ICANN. Puntogal aproveitará os meses que quedan para a apertura de candidaturas para completar este traballo, comezado en 2006, e así poder superar o difícil exame da ICANN.

Quen apoia e para que servirá o Puntogal?

Puntogal agradece especialmente o apoio das máis de 12.000 persoas que xa asinaron a prol dun identificador propio para a lingua galega.

A Asociación está formada por 108 entidades, entre outras, as tres universidades galegas, a Real Academia e o Consello da Cultura. Dende o comezo o .gal conta co soporte da Xunta de Galicia e tamén recibiu o apoio dos tres grupos do Parlamento de Galicia.

De lograr o novo dominio, a lingua galega disporía dun identificador de seu no primeiro nivel das direccións de internet. O .gal permitiría localizar máis doadamente as páxinas web escritas na nosa lingua, contribuíndo ao aumento da presencia do galego no ciberespazo, como xa logrou o .cat coa lingua e cultura cataláns. Igualmente, servirá como vínculo con todos os galegos da emigración.

A última ronda de candidaturas para dominios xenéricos foi en 2004. Na actualidade existen 22 dominios xenéricos de primeiro nivel (.com, .org, etc.) dos cales só hai un, o .cat, para unha comunidade lingüística.

21/06/2011

De caixa a banco

Fermín Bouza.-

A bancarización de Novacaixagalicia, vía única de salvación nas actuais condicións económicas do mundo, de Europa, do Reino de España, de Galicia e das propias caixas precedentes, é unha boa noticia para empezar a respirar na miña terra. E será un bo investimento cara ao futuro. Falta agora que a chamada clase política se poña á altura das circunstancias e estimule tamén a esas novas clases medias, motor da dinámica urbana, para que reinicien o consumo e a esperanza.

Sobran discursos estáticos e envellecidos pola dereita e pola esquerda. É a hora de crear esa vasta rede empresarial de pequenas e medianas empresas que operen como rede de seguridade económica e de punto de apoio e de partida de novas grandes empresas (a historia de Zara como un dos modelos máis suxestivos). O modelo vasco é excelente, e explica por se mesmo esa fortaleza económica de Euskadi. Cara aí hai que camiñar rápido e sen medo, saltando se é necesario por encima dos costumes económicos obsoletas das vellas clases medias (unha rémora para nós) e articulando acordos viables entre empresarios e sindicatos, uns e outros ao servizo dun país que se xoga a súa existencia como tal nos próximos anos.

E todo iso coa súa lingua e a súa vontade de ser ela mesma como país. Galicia, pois, como tarefa, no día en que Castelán ascende ao temón de Novacaixagalicia Banco S.A.

19/06/2011

XI Ruta Chairega

Redacción.-

O Instituto de Estudios Chairegos, como vén sendo habitual dende a súa fundación, organiza a tradicional Ruta Chairega, que este ano alcanza xa a súa undécima edición.

Celebrarase o domingo, día 19 de xuño, percorrendo, nesta ocasión, terras de A Pastoriza, pola ruta CAMIÑOS DO MIÑO, que remata en FONMIÑÁ. A distancia total será de 15 km, aproximadamente.
Durante o percorrido da ruta, poderemos apreciar as fermosas paisaxes de Anllo, Baltar –coa súa prai fluvial-, o Castro de Sáa, Crecente e, ao remate, Fonmiñá.

Ao finalizar a ruta, haberá que repoñer forzas coa comida que se realizará nesta ocasión no restaurante Casa Horacio, do Chao de Pousadoiro.

A cuota que haberá que pagar será de 25 € por adulto e 5 € por menor acompañado (inclúe a comida e o autobús).

O traslado dos participantes nesta ruta farase en autobús dende Vilalba deica o inicio da ruta, na Pastoriza, saíndo das inmediacións da Pravia (Casa da Cultura) ás 9,30 horas e retornando pola tardiña.

Os/as interesados/as poden apuntarse contactando con algunha das persoas integrantes da Xunta Directiva do IESCHA.

17/06/2011

Ópera dos tres reás para San Xoan

Redacción.-

A ópera dos tres reás é o espectáculo da temporada por moitos motivos (o tándem Tosar-Quico Cadaval, gran formato, longa duración…) e xa ten data de estrea. Será na noite de San Xoán, o 23 de xuño, cando se presente a popular obra de Bertolt Brecht e Kurt Weill, baixo a dirección escénica de Quico Cadaval. Un espectáculo que contará con 17 intérpretes en escena (escollidos por convocatoria pública) entre actores-cantantes (Luis Tosar, Begoña Santalices, Marcos Orsi, Muriel Sánchez, Mónica de Nut, César Goldi, Alba Messa, Víctor L. Mosqueira, Marta Pazos, Francisco Pérez "Narf" e Sergio Zearreta) e músicos (Pablo Castaño, Andrew Macneill, Adrián Viñas Alonso, Paco Dicenta, Vadzim Yuknevich e David Rodríguez Rial). O director musical será o galego Diego García Rodríguez, quen chega de traballar no Teatro Real como director asistente de Josep Pons en The turn of the screw e de Paul Daniel en Król Roger.

15/06/2011

Exodo, diario de una refugiada española

Paulo Naseiro.-

Caravanas de hombres, de mujeres y de niños. De soldados dispersos y campesinos fugitivos. Apenas nadie habla, si no es para quejarse de cansancio o para animar a proseguir esa ruta que no parece tener fin. Las pupilas se cansan, y hasta el alma, de esta emocionante visión del éxodo, de tanto contemplar –unos a otros- la marcha hacia nuevos horizontes.

Silvia Mistral, ou Hortensia Blanch Pita, é unha das primeiras voces que narra o cruel destino dos exiliados españois no seu libro Éxodo, Diario de una refugiada española, publicado en México en 1940, e que constitúe un dos máis importantes relatos do exilio. Prologado polo poeta León Felipe, o texto narra en primeira persoa os anos da guerra en Barcelona, a súa saída cara a Francia, a infame acollida das autoridades galas aos exilados españois, e a viaxe a México a bordo do buque Ipanema.

Andiven detrás deste libro hai tempo, sen éxito, xa que só viu algunhas pequenas edicións no país que acolleu á súa autora, e non foi até moi recentemente que Icaria Editorial deu á luz a primeira edición española. Este sábado, o diario Público na súa imprescindible colección Biblioteca de la República ofreceuno ao prezo popular de 1 euro.

Manolo Roca xa daba en 2008 nas páxinas deste xornal noticia da escritora Silvia Mistral, que naceu na Habana en 1914, filla de pai catalán e nai galega. Pasou algúns anos da súa infancia na terra natal de súa nai, en Vilalba, e en 1926 retornou a Cuba coa súa familia.

En 1931, tras a proclamación da II República, a familia volveu a España, obrigada pola ditadura de Gerardo Machado. En Barcelona traballa nun laboratorio químico, e moi nova  comezou a publicar textos nos suplementos literarios dos xornais Las Noticias e El Día Gráfico. Adicada á crítica cinematográfica nas revistas Popular Film, Films Selectos e Proyector,  en xullo de 1936 fíxose cargo da sección de publicidade da Paramount, que dirixira a escritora galega María Luz Morales. Durante a guerra, publica crónicas do conflito no xornal La Vanguardia.

Exiliada en Francia, e posteriormente en México, onde puido reunirse co seu compañeiro, Ricardo Mestre. No país norteamericano continuou a súa actividade como escritora, incluíndo o seu papel como crítica de cinema en revistas como Arte y plata.Tamén escribiu contos para a revista Aventura, e foi autora de novelas rosa como Violetas imperiales. Outras obras desta autora foron: Madréporas, con ilustracións de Ramón Gaya; La cola de la sirena, El niño de la banda e La cenicienta china. Foi columnista habitual do importante xornal capitalino Excelsior. Finou en México D.F. en agosto de 2004.


Éxodo. Diario de una refugiada española
Silvia Mistral
Edición a cargo de José Colmeiro
ISBN 978-84-9888-062-5
Icaria Editorial, 2009

Edición do diario Público:
ISBN 84 437008 877129
Diario Público, 2011
Teléfono de números atrasados: 902 012 031

12/06/2011

Festas pagáns

María Xosé Lamas.-

Convencións  políticas partidistas e partidarias, actos de apoio a asociacións benéficas, participacións en manifestacións sociais, congresos de asociacións deportivas,…. semella, a ollos de catro “mentes pensantes”, que son delirios fanáticos de masas informes e manipuladas.

Non é tanto así. Hai “mentes pensantes” que son capaces de diversificar o seu labor e considerar o feito social tan importante coma o individual. Somos animais políticos e non o podemos esquecer. A nosa existencia depende da sociedade na que estamos incardinados e aceptar esta premisa está precisamente vinculado á capacidade que cada persoa ten como axente da sociedade na que vive.

Esta fin de semana celebrouse en Vilalba o Congreso das Peñas Barcelonistas de Galiza, organizado pola deste pobo. Nos seus actos participaron non só persoas con carné do Barça, senón simpatizantes e incluso xente allea a un deporte de masas como é considerado o fútbol. Persoas que, máis alá de fanatismos, están vinculadas á vida sociocultural da nosa vila, que participan en actos sociais ou culturais de todo tipo, como se ten demostrado nestes días, pois moitos vilalbeses e vilalbesas que acudiron o venres ao recital musical de fin de curso do Conservatorio, coincidiron onte na estrea da peza da Escola de Teatro de Vilalba e hoxe nos actos de celebración dos éxitos do Fútbol Club Barcelona.

Abonda xa de etiquetas, de encadres definidores de tendencias, de carnés determinantes… non precisamos deles. Pola contra, para facer Pobo, con maiúsculas, hai que xuntarse baixo calquera circunstancia, ao abeiro de calquera contexto que abranga á cidadanía en minoría ou maioría cos seus gustos, tendencias ou ideoloxías persoais e intransferíbeis.

Cando sexamos capaces de aceptar as diversas manifestacións socias do noso pobo, seremos quen de respectar a liberdade persoal de todos e cada un de nós e tamén dignos de considerarnos cidadáns.
Participemos, pois, nas festas pagáns. Delas será o reino dos ceos!

Continuidade e cambio

Moncho Paz.-

Tras varios domingos convulsos para o socialismo ibérico –coa debacle electoral en España e a estrepitosa derrota de Sócrates en Portugal– chega o momento da reflexión. Ou polo menos debería ser así; pero teño a sensación de que aínda non se fixo unha análise pormenorizada das causas do acontecido, nin tampouco se asumiron as responsabilidades correspondentes, que sería a consecuencia derivada deses fracasos. Por exemplo, no caso da provincia da Coruña non se produxo a necesaria renovación e Salvador Fernández Moreda continúa ao fronte do PSdeG, a pesar da perda da alcaldía herculina, xunto á de Ferrol e previsiblemente a de Compostela, ademais da saída da Deputación. É dicir, nin cambio de persoas nin xiro ideolóxico para recuperar a confianza dos cidadáns; deste xeito será moi difícil conectar de novo coa sociedade. Ou non?

E así aterramos no gran día das corporacións locais que xurdiron das eleccións do 22-M, pois hoxe serán elexidos os novos (e vellos) alcaldes na maioría das vilas e cidades. Unha xornada de cambio ou continuidade, segundo cada caso, agás en Compostela, onde o traspaso de poderes no Concello queda aparcado ata que se resolva o contencioso electoral presentado por nacionalistas e socialistas, mantendo a incertidume dos cidadáns.

Precisamente as palabras “continuidade” e “cambio” foron as empregadas esta semana por Rubalcaba, ou simplemente Alfredo, como quere ser coñecido a partir de agora o vicepresidente primeiro e ministro do Interior. Con estes termos referíase a unha “nova oferta electoral” para conseguir un proxecto renovado, atractivo para a cidadanía e que dea resposta ás actuais demandas sociais. Pero vaino ter bastante difícil, pois “vender” ese proxecto pasa por deixar os cargos no Goberno e adicarse en exclusiva a elaborar unha alternativa que convenza a propios e indecisos. Basta con fixarse nas últimas enquisas sobre intención de voto publicadas por dous xornais madrileños de distinta tendencia: coinciden en que o PP saca nestes intres máis de 13 puntos ao PSOE. Un dato significativo e preocupante, non creen?

Cun escenario tan pouco esperanzador, coido que o abandono de cargos por parte de Alfredo debe producirse despóis do vindeiro debate sobre o estado da nación, a finais de xuño, e antes da Conferencia Política do PSOE, prevista para setembro. E adicar os meses estivais e reflexionar e deseñar estratexias para crear novas expectativas e xerar ilusión.

11/06/2011

Escritor@s polo territorio

Redacción.-

Escritor@s polo Territorio é o nome da xornada que organiza para o vindeiro sábado 11 a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia no Salón de Actos da Deputación de Lugo. A literatura oral e a súa relación co territorio, a toponimia, as mudanzas no emprego das cidades a través da narrativa e as relacións entre o contorno e a propia actividade creativa son as cuestións que se tratarán en cadansúa mesa redonda. Entre outros, participan no encontro creadores como Paco Martín, Pilar García Negro, María Reimóndez, Gonzalo Navaza ou Isidro Novo entre outros.

Consultar o programa

09/06/2011

Musical Infantil: Un día de Formiga

Redacción.-

O Musical Infantil, Un día de Formiga, da Triloxía Musical para toda a familia, do autor e director teatral Eisenhower Moreno e Produción de Leandro Costa, estrea este sábado ás 19:00 h, no Teatro Arte Livre, dando inicio a programación especial primavera verán 2011, para toda a familia. “Un horario e unha obra pensada para que os grandes, os medios e os pequeno, de 0 á 1000 anos, poidan encontrarse, divertise e reflectir xuntos. Porque nesta fraga máxica, escondida en algún lugar no detrás do arco da vella, todo pode acontecer. Abran os ollos porque coa imaxinación pódese ver todo é só querer. É o momento para mergullar nun mundo que foxe do duelo cliché do ben e do mal para vivir de xeito lúdico, poético, musical e co bo humor, as emocións, sentimentos, desexos e desventura que envolven o día a día dos personaxes do musical “Un día de Formiga”. Cando eu era neno os libros, os coloridos discos e as historias eran amigos fieis para viaxar polo mundo da imaxinación. E fábula da “ Formiga e as Neve”, era un dos que mais me emocionaban. En homenaxe aqueles áureos e pola forza e contemporaneidade da historia que fixen real este proxecto. Conta o director.

Os debuxos animados son inspiración para aposta en escena que é acompañada por efectos sonoros, visuais, figurinos que usan e abusan do colorido e da imaxinación e números musicais embaladas por divertidas cancións.

O Conto
Era unha vez Historildo un auténtico contador de historias que desexaba embarcar nunha fascinante aventura de conquistar novos mundos coas súas historias. Nesas andanzas Historildo encontra a Formiceira, a formiguiña doceira, que naquel día, estaba rematando de facer os doces do aniversario do León, cando faltou azucre. Inmediatamente a formiguiña sae en busca do azucre, cando é sorprendida por unha tempestade de neve. A partir dese momento a formiga se envolve en inusitadas situacións e cos mais dispares personaxes que marcarán todo a historia súa vida.

OS NÚMEROS
22 – COREOGRAFIAS, 12- CANCIÓNS EXCUTADAS EN DIRECTO, 122- EFECTOS DE LUZ, BANDA SONORA CON 46 TRACKS, 5 VIDEOS, son os números que acompañan.

SÁBADOS E DOMINGOS 19 H
10 euros (En taquilla)
8 euros (Reserva anticipada)


Companhia Internacional Teatro Repertório Arte Livre
Rúa Vázquez Varela, 19 - Vigo, España
(+34) 986 662 413 / 673 218 410 / 986 11 44 44
Web: http://citartelivre.blogspot.com/

Boa viaxe, Xurxo

Fermín Bouza.-

Morreu Jorge Semprún, toda unha vida unido ao seu tempo, desde a loita pola dignidade contra o fascismo e contra o estalinismo a unha vellez lúcida e aberta no campo da xestión cultural e da axitación libertaria. Foi unha xeración especial e xenerosa de antifascistas aos que debemos a permanencia dese espírito na noite franquista que agora evoca o dicionario da RAH ou o xenófobo ese que aspira a acabar cos diferentes polo feito de selo: os nazis tampouco o perdoaron a el, ten un certo aire xudeu, ou quizá mouro, ou quizá simplemente español ou catalán ou do Machu Picchu.

Por aí andaba Semprún, nos campos de exterminio daqueles nos que os nosos franquistas ou franco-fascistas do 36 foron a inspirarse. A súa biografía vén en toda a prensa, non a vou pór aquí. En Semprún despedimos á intelixencia e á coherencia do mellor dunha xeración de crentes na igualdade humana. Un absurdo, como se sabe. Non tiveron un grande éxito nese sentido: o bo é o que finalmente prosperou, esta inmensa felicidade das crises, a pirataría financeira e o paro cíclico. A competencia a matar e o discurso sereno e obxectivo de Aznar ou Rajoy. Boa viaxe Jorge, vémonos alá .

08/06/2011

Revista de Prensa: EL CORREO GALLEGO

Os resultados electorais en Lugo

Antonio Cendán Fraga.-

DÚAS semanas despois dos comicios locais, aínda colea algún aspecto puramente electoral que non deixa de ser sorprendente, sendo un dos casos máis insólitos o novo escenario que se abre na Deputación de Lugo en canto o repartimento dos seus deputados. Na provincia luguesa o partido máis votado foi o PP, co 47 por cento dos sufraxios, seguido do PSdeG con algo máis do 31 e o BNG que superou lixeiramente o 14. A restante porcentaxe foi parar a distintas formacións que non estarán presentes na Corporación Provincial do nordeste.

Non podemos testemuñar con total certeza se alguén fixo ou non unha análise do ocorrido en Lugo, onde socialistas e nacionalistas cunha porcentaxe de votos conxunta inferior en dous puntos en toda a provincia vaian ter maioría absoluta no órgano de goberno provincial. Do mesmo xeito, e por pura lóxica, PSOE e BNG sumaron 3.200 votos menos que o PP, e aínda así os dous grupos teñan 13 dos 25 deputados provinciais electos.

O paradoxo desta curiosa representación política obedece ao anticuado sistema de repartimento de deputados provinciais que se segue a facer por partidos xudiciais, xurdidos da lexislación de 1834. Na provincia de Lugo, todas as súas cabeceiras de partido teñen unha cifra par de deputados, agás A Fonsagrada, onde só se elixe un representante. Nesta demarcación, que está a ser clave para a Deputación lucense, a formación máis votada é a que se leva o deputado en xogo. Neste caso foi para os socialistas, que conseguiron ese escano con pouco máis do 46 por cento dos sufraxios. Pero pola contra, noutros tres partidos xudiciais, Vilalba, Chantada e Monforte, elíxense dous deputados, que debido ao actual sistema electoral case sempre se reparten entre os dous partidos que máis votos acaden. Así, na Terra Chá tanto socialistas coma populares terán cadanseu deputado, malia que o PP superara o 55 por cento dos votos e o PSdeG obtivese só a metade dos sufraxios acadados polos populares. Evidentemente, se cadra, é un caso único no Estado español, pero que debería servir de chamada a reflexión sobre a vixencia das actuais circunscricións electorais que, con todos os respectos, non son as máis axeitadas. Aínda que xa se dera un caso semellante nas eleccións vascas de 1986 e nas catalás de 1999, nas que forzas con máis votos tiveron menos escanos, o que nunca sucedera é que un partido coa práctica maioría absoluta dos votos dun mesmo contorno político xeográfico se vexa relegado a estar na oposición.

© El Correo Gallego (6 de xuño de 2011)

Xosé Fernández Ferreiro na RAG

Redacción.-

O plenario da Real Academia que se celebrou o pasado sábado acordou aprobar o ingreso do escritor Xosé Fernández Ferreiro como novo membro numerario da institución. Fernández Ferreiro ocupará a vacante provocada polo recente falecemento de Francisco Fernández del Riego. O novo académico ten unha longa carreira literaria con obras como Morrer en castrelo de Miño ou A morte de Frank González e foi recoñecido con galardóns como o Xerais de Narrativa ou o Losada Diéguez. A elección de Fernández Ferreiro prodúcese do medio de reclamacións dunha maior presenza de mulleres na RAG por parte de iniciativas como O xogo das cadeiras que xa publicou unha nota de protesta pola aposta da RAG a prol dun home.

07/06/2011

2011 Ano da Música de Galicia

Redacción.-

A música é unha linguaxe universal tan antiga como o propio ser humano, e constitúe tamén unhas das manifestacións culturais máis enraizadas de Galicia. Ao longo da historia do noso país, esta arte, no seu infinito número de posibilidades e variedades, ten agromado con forza e convertido aos galegos en mestres da expresión musical. Na súa calidade de disciplina transversal, a música impregna a vida cotiá de todos os galegos e acompáñanos, consciente e inconscientemente, en todas as nosas actividades.

A declaración de 2011 como Ano da Música por parte da Xunta de Galicia responde ao propósito de render unha homenaxe á nosa música e á nosa industria musical, e recoñecer o carácter estratéxico do sector dentro da cultura e da economía galega. O obxectivo último é poñer en valor a música de Galicia, e plasmar a importancia que ten para o desenvolvemento da cultura propia e o pulo que supón para as nosas industrias culturais. Os músicos galegos son sobranceiros embaixadores de Galicia e contribúen de xeito inestimable á promoción e divulgación da nosa cultura dentro e fóra das nosas fronteiras. O Ano da Música é un acto de xustiza e de agradecemento polo seu labor.

Para celebrar e dar realce a este Ano da Música, a Consellería de Cultura e Turismo ten preparada unha programación que superará amplamente os mil actos e na que estarán representadas todas as expresións e todos os estilos, dende a música de base e de inspiración popular ata as propostas máis anovadoras e vangardistas. Dende a Xunta de Galicia invítase a todos os galegos e galegas a tomar parte nas actividades programadas no Ano da Música de Galicia e contribuír deste modo ao recoñecemento unánime á nosa música, aos nosos músicos e á nosa industria musical.

06/06/2011

Paz Andrade para as Letras Galegas 2012

Redacción.-

A polifacética traxectoria de Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987) valeulle onte ser elixido pola Real Academia Galega como a figura á que se lle dedicará o Día dás Letras Galegas de 2012.

Valentín Paz Andrade licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1921 e foi durante a súa etapa de estudante cando se achegou ao movemento galeguista, participando na II Asemblea Nacionalista de Santiago de Compostela (1919). Era director do xornal 'Galicia' en 1926 cando foi pechado pola ditadura de Primo de Rivera.

Presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 xunto con Castelao e Cabanillas, colaborador da redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia presentado polo Seminario de Estudos Galegos (1931) e membro activo do Partido Galeguista, do que foi nomeado secretario en 1934.

Durante a Guerra Civil axudou a fuxir e defendeu a moitos intelectuais galeguistas e, por causa da súa actividade política e da publicación dalgúns artigos foi detido en diversas ocasións.

As súas colaboracións foron frecuentes nos xornais 'O Pobo Galego', 'Faro de Vigo' e 'A Noite', onde aparecían asinadas con pseudónimos como M., Xan Quinto e Mareiro. Desde 1945, xuntábase para falar e debater no café Alameda de Vigo con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del Riego ou os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez.

O progreso e o avance de Galicia está presente na súa obra, exemplo diso son 'Galicia como Tarefa' (1959), 'A anunciación de Valle-Inclán' 1967), 'A marginacíón de Galicia' (1970), 'Castelao na luz e na sombra' (1982), 'Galiza lavra a sua imagem' (1985).

Na súa faceta poética, a Real Academia Galega (RAG) destaca as achegas realizadas desde 'Soldado dá morte' (1921), 'Pranto matricial' (1954), 'Sementeira do vento' (1968), 'Cen chaves de sombra' (1979) ou 'Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo' (1985).

Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1964 e numerario a partir de 1978, cando deu lectura ao preceptivo discurso que titulou 'A galecidade na obra de Guimaraes Rosa', e que foi respondido en nome da institución por Álvaro Cunqueiro.

Queridos mestres, dous puntos

María Xosé Lamas.-

Achégovos esta carta, aínda que sei que non a agardades, porque quero ser xusta e agradecervos a vosa dedicación, atencións, formación e ensinanza, sen as cales non sería hoxe o que son: unha persoa.
Vós sodes das últimas xeracións de mestres que vivistes a profesión con dificultades, gañando catro perras gordas e en lugares de “difícil desempeño” , onde á precariedade de medios había que xunguir moitas veces a distancia e a soidade.

Sodes dos que ensinastes nas vetustas unitarias, moitas delas escolas habaneiras, construídas ao pé das igrexas e dos adros, pero afastadas anos luz entre elas, incomunicadas, só malamente cunha administración vertical a través de oficios con póliza. Illadas e masificadas con oitenta almas ás que atender.

Sodes dos que tiveron aínda que renunciar á súa ideoloxía para poder traballar dentro dun sistema educativo que instruía máis que formaba e que adoutrinaba máis que ensinaba. E, a pesar das circunstancias, fostes capaces de adecuarvos a todas as reformas institucionais habidas e por haber de xeito eficaz e operativo, reciclando saberes e adoptando metodoloxías vinculadas ao veloz desenvolvemento tecnolóxico.
Sodes dos que asumistes o novo papel da escola como axente socializador por excelencia que antes sustentaban as familias, sen queixas, como feito necesario, pensando máis no alumnado que en vós mesmos, substitutos dos pais en tantas ocasións e aspectos.

Sodes os que primeiro deixastes de transmitir vellos coñecementos que perpetúan a sociedade usando didácticas para innovala, formando espíritos críticos e creativos, ofrecendo os instrumentos necesarios para a autoaprendizaxe, a autoestima e a formación de tantas personalidades como individuos.

Grazas, pois, Juan Carlos, Olga, Ines, Tino, Isabel, Mati e Chema por todo o antedito e moito máis ao que non aludo, pero que tantos e tantas apreciamos como alumnos/as e compañeiros/as. Podedes sentirvos orgullosos/as da vosa andaina profesional e vital.

Apertas!

05/06/2011

Revista avozdevilalba.com de maio

Redacción.-

Como é habitual neste medio, xa se pode descargar a revista avozdevilalba.com correspondente ao mes de maio de 2011 en formato pdf. Para elo, basta con picar na imaxe da esquerda ou consultar a nosa Hemeroteca. Lembren que estamos á súa disposición para atender calquera suxestión de mellora, que será ben recibida no correo electrónico: redaccion@avozdevilalba.com. Grazas de anteman pola súa colaboración.

02/06/2011

Poetas

María Xosé Lamas.-

Dedicado a Rafa Yáñez

Din as profanas linguas que na Chaira se dás un couce a unha pedra,  saen ducias de poetas coma se de  coscos ou formigas se tratara. Dino con certo desprezo, xa que somos considerados uns “iluminados” cuxa obra carece de significado e importancia e non serve na praxe para nada, curiosamente alimentando o paradoxo dunha opera non operativa.

Dende que a nosa lingua recuperou a súa literatura, moita xente, minimamente instruída na maioría dos casos, utilizouna para producir arte coma os pintores as cores ou os escultores as diferentes materias. Non podemos esquecer que de todos os xéneros literarios é precisamente a poesía a que cumpre por excelencia a función estética da linguaxe.

Os e as poetas somos persoas sensíbeis, é certo, pero tamén comprometidos dende o punto de vista social e cultural. A parte da estética, a poesía serviu en moitas ocasións para reivindicar dereitos e denunciar feitos sociais reprobábeis que doutro xeito ficarían agochados. Se ollamos de preto a obra literaria de calquera poeta, decatámonos de que nalgunha época do seu percorrido escribiu poesía social, aínda que o seu estilo particular e a temática na que se encadre dita obra diste de ser cualificada por enteiro con este adxectivo.

Doutra banda, e deixando a parte a música instrumental como medio de comunicación ou feito ritual nas súas orixes, as súas primeiras manifestacións foron vocais. As cantigas, tanto profanas coma relixiosas, precisaban de letra. Unha letra que contara e cantara sentimentos e feitos acontecidos saída da verba do poeta, aínda que se chamara trobeiro, trovador ou meistersinger. Así, podemos afirmar que a música a través da súa historia fixo uso da arte poética para o seu desenvolvemento até os nosos días.

Todo o devandito xustifica a importancia da poesía e dos poetas, aínda que ignorásemos outras múltiples razóns que só recalcarían a necesidade da súa existencia.

Por que a Terra Cha é tan prolífica en poetas? Non o é moito máis que outras comarcas do país. Acaso teñamos a avantaxe de que dende sempre houbo xentes preocupadas pola cultura que indagaron sobre a vida e obra dos poetas e as sacaron á luz conservándoas vivas para o seu coñecemento e recoñecemento. Acaso porque os medios de comunicación, comarcais sobre todo, das distintas épocas sempre estiveron abertos aos poetas e foron receptores e emisores da súa obra. Como exemplo, mencionar a prensa de Vilalba de comezos do século XX ou xa máis recentemente revistas escolares, cadernos e revistas do IESCHA,  a revista poética de Xistral,  Terra Cha.Xa, incluso medios dixitais de fervorosa actualidade como A Voz de Vilalba ou Galicia dixital, sen esquecer as distintas asociacións culturais da nosa bisbarra. Agardemos que no futuro  sigamos a contar con todos eles, persoas e medios, para seguir agasallando aos lectores coas nosas creacións artísticas.

Nestes días o IESCHA vai presentar un poemario, Da Chá ao lonxe… de RafaYañez, un dos poetas  máis novos da actualidade literaria chairega e galega. Dende este artigo, a el dedicado, convídovos a asistir ao acto que terá lugar o venres día 3 de xuño ás 20:30 horas no Centro Cultural ….e non esquezades que os  e as poetas somos necesarios!

01/06/2011