Ramonet propón crear un "quinto poder"


Redacción.- Na tarde de onte, Vilalba tivo oportunidade de escoitar as reflexións de Ignacio Ramonet (Redondela, 5 de maio de 1943), xornalista galego establecido en Francia -onde na actualidade dirixe a edición española de Le Monde Diplomatique- e unha das figuras máis importantes do movemento antiglobalización.

Convidado polo xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, Ramonet pronunciou unha conferencia no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba ás 19:30 horas. O tema da mesma foi “A explosión do xornalismo”, que coincide co título do seu último libro, no que reflexiona sobre a prensa escrita nun intre histórico onde o ecosistema mediático mudou a causa da revolución dixital e o desenvolvemento das redes sociais. Na súa intervención, referiuse a moitas cuestións que trata no seu libro, como a endogamia político-mediática, a censura democrática, a morte do “cuarto poder” e o portal Wikileaks que, na súa opinión, foi maltratado polos medios de comunicación. Ramonet defendeu a importancia dos medios na creación da opinión pública. “A miña proposta é a creación dun quinto poder, cuxa función sería denunciar o superpoder dalgúns grandes grupos mediáticos que, en determinadas circunstancias, non só non defenden aos cidadáns senon que actúan na súa contra”, puntualizou.



Hoxe luns terá lugar á mesma hora (19:30 horas) na Libraría Couceiro de Compostela (Praza de Cervantes nº 6) unha sinatura de exemplares de La explosión del periodismo (Madrid, Clave Intelectual, 2011). En ambos actos, Ignacio Ramonet está acompañado polos xornalistas Ramón Chao e Moncho Paz. De feito, a súa presenza en Vilalba forma parte do proceso de reconciliación de Chao co seu pobo natal, onde regresou o pasado mes de abril para participar nun acto de similares características organizado polas mesmas entidades.

Natural de Galicia, Ramonet creceu en Tánxer onde os seus pais, republicanos españois que fuxían de Franco, instaláronse en 1948. Estudou na Universidade de Bordeaux e regresou a Marrocos. En 1972 trasladouse a París, onde se iniciou como xornalista e crítico cinematográfico. É doutor en Semioloxía e Historia da Cultura pola École deas Hautes Études en Sciences Sociais de París e catedrático de Teoría da Comunicación na Universidade Denis-Diderot (París-VII). 

Especialista en xeopolítica e estratexia internacional e tamén consultor da ONU, actualmente imparte clases na Sorbona de París. Dende 1990 ata 2008 foi director da publicación mensual Le Monde Diplomatique e a bimensual Manière de voir. É cofundador da organización non gobernamental Media Watch Global (Observatorio Internacional dos Medios de Comunicación) da que é presidente. 

Un editorial escrito en Le Monde Diplomatique durante 1997 deu lugar á creación de ATTAC, cuxa labor foi dedicar orixinalmente á defensa da taxa Tobin. Na actualidade dedícase á defensa dunha gran variedade de causas da esquerda política e ten como presidente de honra a Ignacio Ramonet. Foi tamén un dos promotores do Foro Social Mundial de Porto Alegre. É Doutor Honoris Causa da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina). Ignacio Ramonet foi galardoado en numerosas ocasións e é autor de varios libros, a maioría traducidos a diversas linguas.

Reportaxe Fotográfica: Paulo Naseiro

28/11/2011

Homenaxe a Xosé Manuel Carballo

Paulo Naseiro.-

Reportaxe fotográfica da homenaxe a Xosé Manuel Carballo Ferreiro celebrada onte en Vilalba pola descuberta do hectómetro literario adicado ao crego e escritor no Paseo dos Soños.

27/11/2011

Luís Soto. A xeira pola unidade galega

V. Outeiro

Edicións Xerais acaba de publicar, entre as súas novidades, a biografía “Luís Soto. A xeira pola unidade galega”. Sobre esta figura polifacética do nacionalismo galego escribiu Xurxo Martínez González. Falamos con el.


Cal foi a motivación para emprender o teu traballo de reconstrución da figura de Luís Soto?
A sintonía e proximidade que sentín con protagonista, creadas por varias persoas como Ferrín, García Crego ou Xosé González (Pepe de Redondela). Estes trataron moito a Soto e animáronme a escribir algo sobre el. A idea inicial era facer un artigo de investigación pero a figura de Soto abranguía demasiados eidos. A súa actividade era digna de ser coñecida e recoñecida. Velaquí o resultado.


Suponse que no momento de comezar coa esculca tiñas algunha idea sobre Soto: deches con algunha sorpresa especial sobre a súa figura?

Polo xeral sábense tres cousas: que acompañou a Castelao por Cuba e Estados Unidos; que participou na fundación da UPG e que dirixiu Vieiros. Non son actividades banais.
Porén, Soto despregara unha tarefa monumental dende os tempos da República até o exilio en México. Aparece como unha das figuras máis dinámicas, con distintas responsabilidades políticas, sociais ou culturais. Citemos algunhas: dirixente da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO), director de Nueva Galicia, membro da dirección do PCE en México, secretario xeral da Comisión Galega do PCE, delegado da Internacional de Traballadores do Ensino, redactor de España Popular e Nuestra Bandera, dirixente da Alianza Nazonal Galega, director de Vieiros, secretario xeral do Padroado da Cultura Galega, fundador da UPG e do PGP etc.
Parece difícil soster que Luís Soto foi un home de segunda fila. El foi un motor de explosión en múltiples iniciativas.


Que destacarías da personalidade política de Luís Soto?

A coherencia e firmeza nos principios nos intres bos e malos. Soto sentiuse identificado coa liña do frentepopulismo e con esa idea morreu. Foi un dos responsábeis de integrar a ATEO na UXT dentro da liña deseñada polo PCE naquela altura. Na guerra civil potencia xunto a Castelao a Solidariedade Galega Antifeixista. No exilio aínda é máis clara esta postura. Mais sempre quixo engadir un matiz: as novas estruturas debían posuír autonomía. Se o PCE potenciaba a XSUN pois Soto potenciaba a Comisión Galega de Axuda á XSUN, por exemplo.
A súa gran teima foi a creación dun partido de orientación comunista ao servizo da nación galega. Eis a súa gran contribución política. Acadou o obxectivo co nacemento da UPG.


Sindicalismo, política, cultura... Podemos definir a Soto como un home total?
Pouco lle quedou por facer a Soto. O seu dinamismo e dispoñibilidade para a loita é digna de imitar. Malia as doenzas que sufría, que ás veces o tiñan encamado meses enteiros, non o afastaban do compromiso activo. Soto non era un militante pasivo, un que está por estar, que pasa por alí para ter un carné. Non hai actividade do exilio galego en México onde non estea Soto e fose sindical, política, cultural ou internacional.

Non pensas que Luís Soto sería merecente dunha maior atención por parte das e dos nosos historiadores?

Sen dúbida porque Soto ofrece un guión diferente para interpretar, por exemplo, o exilio galego. Polo xeral séguese, máis ou menos, o discurso oficial do exilio de Bos Aires. Soto foi crítico co Consello de Galiza no seu nacemento malia a amizade con Castelao, que manterían deica a morte do rianxeiro. Porque a vida de Luís Soto permítenos seguir a defensa da liberdade de Galiza dende unha interpretación marxista. Facer unha historia do nacionalismo non é cinguirse ao Partido Galeguista, a Castelao ou a Ramón Piñeiro. O nacemento da UPG, por exemplo, debe ser posto á luz da tarefa de Soto por teorizar un nacionalismo de práctica marxista.
O fondo privado de Soto foi entregado en 1993 , grazas á mediación de Elixio Villaverde García. Toda esa inxente documentación (até 18 caixas) debeu ter maior atención á hora de escribir a nosa historia.


Tampouco o mundo do nacionalismo político parece prestar a atención debida ao noso personaxe...

Luís Soto foi esquecido porque formou parte dos vencidos. Non só os da guerra civil senón os da historia moderna do nacionalismo galego. Se Soto decidise continuar na UPG tras o conflito de 1976 entón este libro xa se tería publicado.
Un dirixente como foi Soto debía aparecer no discurso do nacionalismo de esquerdas. Seguramente foi o primeiro gran ideólogo dun nacionalismo de orientación marxista. Está detrás do primeiro xornal comunista monolingüe en galego. Os seus traballos teóricos están no Arquivo Provincial de Ourense. Ninguén pode dubidar de que era a persoa máis formada das que fundaron a UPG. Soto viña da dirección do PCE; da executiva da Federación de Ensino da UXT durante a guerra; viña de liderar a corrente interna dos comunistas galegos que quería un PCG; tiña un vasto coñecemento da cultura galega e da teoría marxista-leninista etc.


Que outras figuras ou acontecementos da historia de Galicia pensas serían merecentes dun mellor estudo e proxección?
Tense traballado arreo nos libros de memoria e biografías. En poucos anos apareceron cousas sobre Xoán Xesús González, Víctor Fraiz, Benigno Álvarez ou mesmo Placeres Castellanos, por citar algúns que tiveron relación con Soto. Hai anacos da historia que contan con importantes investigacións (o que máis, seguramente, o período bélico do 36). Mais hai outros tramos en claroescuros como boa parte do XIX galego (salvando as achegas de Barreiro Fernández para a francesada e o levantamento de 1846) ou a historia máis recente do nacionalismo.
Considero, entre outros, que os episodios acontecidos na UPG deberían ser contados dende a óptica dos que foron expulsados deste partido. Non só dende o feito puntual senón tamén dende o ideolóxico. Cito os sucesos de 1976 ou a escisión da que naceu o PCLN. Descoñezo onde está gardada a memoria de persoas como Pepe de Redondela, García Crego, Xosé María Brañas, Manuel Reboiras, Ramón Muñiz, García Montes, Mariano Abalo, Xan Carballo etc. Estas persoas, que conformaron unha das xeracións máis determinantes do nacionalismo galego, deben contar a súa versión e deben aparecer persoas dispostas a recollela.

26/11/2011

Congreso de Periodistas de Galicia

Manuel París.- Esta mañá deu comezo en Santiago de Compostela o Congreso de Periodistas promovido pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG). Baixo o lema Un futuro para a profesión xornalística, o Congreso conta coa análise de destacados profesionais do mundo da comunicación, tanto de Galicia como do resto de España. Así, nesta cita están presentes os directores dos principais medios galegos, xunto cos máximos responsables da CRTVG, directores de comunicación de empresas relevantes e os decanos das facultades de Ciencias da Comunicación de Santiago e A Coruña, entre outros.

No acto oficial de inauguración, o Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Afonso Cabaleiro Durán, destacou que “somos conscientes da necesidade de regular un marco máis estable e activo de políticas de fomento da difusión, a innovación, a creatividade e a calidade, de apoio á procura de novos modelos de negocio e de formación para evitar a destrución de emprego contribuíndo á transformación industrial”. Cabaleiro referiuse aos procesos e proxectos de transición da televisión e a radio dixital, da reordenación e repartición de frecuencias de radiofusión, da promoción da difusión dos medios de comunicación impresos e dixitais e na lingua propia de Galicia, da reforma lexislativa da CRTVG, da proposta de lei de publicidade institucional e da nova lei do audiovisual de Galicia, que será presentada o próximo ano, ao mesmo tempo que se promoverá a creación dunha Autoridade Audiovisual específica.

En pleno proceso de cambios motivados pola conxuntura económica e a propia evolución da profesión xornalística, desde a APG exponse a necesidade de celebrar este encontro, co que se pretende revisar determinados aspectos do exercicio da profesión xornalística e intercambiar algunhas certidumbres para despexar os grandes interrogantes do sector. Así, nas mesas redondas debateranse cuestións de actualidade como o desenvolvemento dos novos soportes, a crise no colectivo, o futuro das empresas xornalísticas, as alternativas para a profesión e a comunicación corporativa.

Desde a súa fundación, un dos obxectivos da APG foi levar a cabo iniciativas que permitisen a creación dunha entidade de encontro de todos os xornalistas, un ente que promovese a unidade, dignificase a profesión e tivese unha actividade incesante a favor dos profesionais. A celebración deste Congreso responde ao obxectivo fundacional da entidade promotora, presidida por Arturo Maneiro.

Tras o acto inaugural tivo lugar a conferencia inicial, a cargo de Javier González Ferrari, presidente de Uniprex-Onda Cero, que foi presentado por Angel Botana, vicepresidente da APG e ex director da Cadea Ser. González Ferrari fixo mención a que o momento actual para os medios de comunicación é moi complicado porque “chegamos practicamente ao óso do funcionamento, tanto dos medios como da profesión” e dixo que hoxe en día sobran moitos medios de comunicación e tamén xornalistas que non saben onde van situar o seu futuro profesional. “Por desgraza, os EREs son tónica habital nos medios de comunicación, onde non se contrata practicamente a ninguén e séguese despedindo a xornalistas”, puntualizou.

Pola súa banda, o Reitor Magnífico da USC, Juan Casares Long, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acudirán ao acto de clausura, onde se exporán as principais conclusións deste encontro profesional.

25/11/2011

Xosé Manuel Carballo

Xulio Xiz.-
Se digo Xosé Manuel Carballo, coido non ter que explicar nada, porque calquera chairego sabe quen é, de quen falo.
 
O pasado sábado, na Televisión Galega, entrevistaban a un mago que rexenta unha escola de maxia na provincia de Lugo, e este declaraba que a maxia en Lugo e en Galicia debíalle moito, case todo, a Xosé Manuel Carballo. Pois o Mago Antón, o mago por “antonomaxia” tamén proclama que el é mago gracias a Xosé Manuel Carballo.
 
Eu coñecín a Carballo aló polos finais dos anos sesenta, hai cando menos catro décadas. Era crego, profesor-formador do seminario de Mondoñedo, e tiña escrita a versión ao galego de “O médico a paus”, de Moliere. Daquela bautizouno como “O manciñeiro a xasteirazos”, e logo quedou como “O menciñeiro á forza”.
 
Logo Carballo volveu á súa terra, e quedou como párroco da súa parroquia natal e da capital do concello de Castro de Rei. Seguíu escribindo en solitario ou en compañía de outros, impulsou os Baluros como compañía teatral, e traballou en diversas iniciativas.
 
Ata foi concelleiro de Castro de Rei no tempo ilusionante no que todo comezaba. Foi profesor no Colexio público da capital do concello, entregouse con todas as súas forzas a todas as causas nobles e xustas, fixo maxia como o mellor profesional, tinguindo as súas actuacións de humanidade non esquecendo nunca as mensaxes que son o norte da súa vida.
 
Cando se creou a primeira televisión local de Lugo, Xosé Manuel Carballo presentou un programa relixioso semanal titulado “Hai que celebralo...”, onde proclamou a ledicia da vida, a harmonia vital de cada un de nós cos demais, a crenza nun deus liberador que en Galicia e nos galegos ten un lugar especial.
 
Agardo que polo que digo se note que Xosé Manuel Carballo é un crego especial, que desde Castro de Rei irradia unha mensaxe galega e humana, que ao longo dunha vida froitosa ten colleitado milleiros de amigos, que este sábado se enfronta a unha dificultade especial.
 
Porque aínda que el non queira, este sábado, día 26 de novembro, ás doce da mañá, no Muiño do Rañego, chamados pola Irmandade Manuel María e a asociación Xermolos, imos xuntarnos un fato de amigos para renderlle unha homenaxe de admiración e agarimo.
 
Quixo resistirse. Prohibiunos facer publicidade do acto. Pero  vai ter que renderse á evidencia, e primeiro falaremos del no Muiño do Rañego, e logo descubriremos un pedroulo – outro máis dos hectómetros literarios- no Paseo dos Soños no que xa figuran para sempre Manuel María, Paco Martín, Darío, Agustín, Xavier... e agora Xosé Manuel Carballo.
 
Vai ser contra gusto seu, porque prefire traballar antes que ser obxecto de contemplación e homenaxe. Pero ten que aprender que é verdade ese vello aforismo que di que “no pecado vai a penitencia”.
 
Se quería pasar desapercibido, estes corenta anos puido pasalos metido nun despacho, tranquiliño, dedicado a cousas que non crean problemas. Como pasou corenta anos dedicado aos demais, metido en todos os problemas, en todas as loitas por causas xustas, en todo o que tiña que ver coa cultura e coa xente, agora ten que apeitar coas consecuencias.
 
Felicidades Xosé Manuel Carballo, non pola homenaxe, senón por estar e ser.

Desvaríos poselectorais

Fermín Bouza.-

Despois dunhas eleccións que estás obrigado a seguir ficas medio virado cara ao trópico imaxinando areais sen fin, cocos, palmeiras e peixes de cores nas noites tropicais, por non desbarrar con máis cousas, e váiseche a ollada cara a outros mares, levado nunha avalancha de auga mariña que te recolle na Complutense, levántate e bótate ao mar para que espertes dunha vez e volvas empezar no mesmo punto en que o deixaches hai xa moitos anos. Estás a desvariar, que é o bo.

O malo empeza co sentido común ditoso do que é voceiro Mariano Rajoy nas súas saídas de pista cando non sabe que dicir. O sentido común non é reivindicable: sociolóxicamente é unha parvada, e só os filósofos se ocuparon en serio de tal cousa, e con fortuna, por certo, aínda que todo un pouco pesado e moi de tardes de choiva en Cambridge e sitios así. Pero ten o seu interese, si señor. A xente de dereitas, xa noutra onda de ciencia espontánea,  trata de sacarlle partido á produtiva oposición sentido común/desvarío utópico, tan propio de calquera que pretenda, cando menos, saír tomar unha copa a deshora ou ler un libro. O do sentido común, que chamara a atención de Javier Pradera nun dos seus últimos artigos sobre as eleccións e o candidato Rajoy, hoxe xa electo, é unha arma cargada de pasado, moi de mesa camilla e gases de braseiro. A cousa vai diso.

23/11/2011

Biomasa


Xulio Xiz.-

Eu oio falar de biomasa, e póñome contento. A verdade é que esto me pasa e me pasou con todos os sustitutivos dos que se ten falado para non consumir os combustibles actuais, por pensar que calquera evolución en este campo vai ser moi favorable para
a nosa economía e para o medio ambiente.

Pasoume, hai xa ben anos, con aquel motor de auga que en diversas ocasións se nos vendeu como a panacea das comunicacións por estrada no futuro. A teoría era moi sinxela: o motor disociaba a auga en hidróxeno e osíxeno, e logo facíaos chocar de xeito que o osíxeno facía arder o hidróxeno, producía enerxía e movía os vehículos a motor.

Deste invento, como do do movemento continuo, nunca máis se soubo. E non sabemos se é porque os fabricantes actuais de vehículos e o sector do combustible o retiraron da circulación, ou que o sistema era unha perfecta toleada que nunca conseguíu mover un motor.

Porque vaia se era rendible en Galicia montar un motor de auga, da que temos para dar e tomar. Daría gusto ver a Galicia vendendo auga a todo o mundo conseguindo auga-dólares ou auga-euros como os árabes despilfarran agora petrodólares.

O gran soño agora é a biomasa, que nos sona a combustible natural, conseguido a fin de contas de elementos vexetais dos que temos arredor de nós en cantidade infinita.

A noticia é que o concello de Vilalba vai usar biomasa en lugar do tradicional gasoil para xenerar calor nas instalacións municipais, co conseguinte aforro económico e a eliminación da dependencia cos subministradores dos combustibles caros e limitados, dos que estamos a consumir cunha fruición digna de mellor causa.
O Concello vilalbés vai usar biomasa na piscina municipal e noutros lugares da Magdalena, no club de tenis e campos de fútbol, pasando as caldeiras de oleoso combustible líquido a mellor vida.

Como todas as innovacións, tamén a biomasa ten os seus detractores, porque seica dedicando á súa producción terreos que antes se dedicaban a outros cultivos, faise subir o precio de determinados productos agrícolas por contribuir á súa escasez.

Eu creo na biomasa. Aínda que non teña moi claro como se produce, que fincas son válidas, que se sementa e como se recolle, que tratamento lle hai que dar e se, en fin, se pode escoller unha vez cultivada se se lles da ás vacas durante o longo inverno ou se destina á producción de enerxía.

Pero que non se diga que a estas alturas da vida que un non se apunta ao futuro, e conten comigo para apoiar a biomasa onde e cando proceda. Que a fin de contas de queimar petroleo, e de pagalo a precio de ouro, xa estamos cansos.

Conferencia de Ignacio Ramonet en Vilalba

Redacción.- O vindeiro domingo 27 de novembro Vilalba terá a oportunidade de escoitar as reflexións de Ignacio Ramonet (Redondela, Pontevedra, 5 de maio de 1943), xornalista galego establecido en Francia -onde na actualidade dirixe a edición española de Le Monde Diplomatique- e unha das figuras máis importantes do movemento antiglobalización.

Convidado polo xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), Ramonet pronunciará unha conferencia no Centro Cultural e Recreativo ás 19:30 horas. O tema da mesma será “A explosión do xornalismo”, que coincide co título do seu último libro (Madrid, Clave Intelectual, 2011), onde reflexiona sobre a prensa escrita nun intre histórico onde o ecosistema mediático mudou a causa da revolución dixital e o desenvolvemento das redes sociais.

Ignacio Ramonet estará acompañado polos xornalistas vilalbeses Ramón Chao e Moncho Paz. De feito, a súa presenza en Vilalba forma parte do proceso de reconciliación de Chao con Vilalba, onde regresou o pasado mes de abril para participar nun acto de similares características organizado polas mesmas entidades.

Natural de Galicia, Ramonet creceu en Tánxer onde os seus pais, republicanos españois que fuxían de Franco, instaláronse en 1948. Estudou na Universidade de Bordeaux e regresou a Marrocos. En 1972 trasladouse a París, onde se iniciou como xornalista e crítico cinematográfico. É doutor en Semioloxía e Historia da Cultura pola École deas Hautes Études en Sciences Sociais (EHESS) de París e catedrático de Teoría da Comunicación na Universidade Denis-Diderot (París-VII).

Especialista en xeopolítica e estratexia internacional e tamén consultor da ONU, actualmente imparte clases na Sorbona de París. Dende 1990 ata 2008 foi director da publicación mensual Le Monde Diplomatique e a bimensual Manière de voir. É cofundador da organización non gobernamental Media Watch Global (Observatorio Internacional dos Medios de Comunicación), da que é presidente.

Un editorial escrito en Le Monde Diplomatique durante 1997 deu lugar á creación de ATTAC, cuxa labor foi dedicar orixinalmente á defensa da taxa Tobin. Na actualidade dedícase á defensa dunha gran variedade de causas da esquerda política e ten como presidente de honra a Ignacio Ramonet. Foi tamén un dos promotores do Foro Social Mundial de Porto Alegre.

É Doutor Honoris Causa da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina). Ignacio Ramonet foi galardoado en numerosas ocasións e é autor de varios libros, a maioría traducidos a diversas linguas.

22/11/2011

Martiño Maseda e os labirintos da súa alma

María Xosé Lamas.- "Cada día un poema / un alborozo que ceibar a ningures / como unha volátil pregunta que navega / sucando o transparente océano do aire (…)". Así comeza un dos primeiros poemas do libro Nos labirintos da alma, de Martiño Maseda Lozano, presentado o pasado mes de agosto xunto co titulado Na intimidade do azougue, de Pablo Bouza, ámbolos dous gañadores do segundo e primeiro premio, respectivamente, doa XXXVI edición do Certame Literario de Vilalba do ano 2010, e que o Concello edita en Espiral Maior – por fin- como parte fundamental do galardón acadado polos poetas.

Martiño Maseda Lozano (Xoibán-Vilalba,1970) é licenciado  en Filoloxía Hispánica pola USC. Colaborador tamén do suplemento A Chaira do xornal El Progreso, a súa obra veu a luz en diferentes revistas e libros colectivos, tendo sido galardoado, entre outros, cos premios Certame de Contos para a Mocidade (Ourense 1999), Premio de Poesía Alonso Morgado (Huelva, 2003) e Certame de Narración Curta Ánxel Fole (Lugo, 2009 e 2011). No ano 2005 obtivo o Primeiro Premio do Certame Literario do Concello de Vilalba co libro de poemas Diario dun ser perdido (Inédito).
Nos labirintos da alma, segundo premio do Certame Literario do Concello de Vilalba, é o primeiro libro individual publicado polo autor. No mesmo acto de presentación deste poemario deuse a coñecer o fallo do xurado doa XXXVII edición do Certame Literario do Concello de Vilalba , no que volveu a resultar gañador do segundo premio, polo que agardaremos só un ano para que vexa a luz un novo libro deste prolífico escritor, aínda en moitos eidos descoñecido, pero cada vez máis próximo e merecedor da nosa maior consideración.
“Cada día un poema” resulta a frase descritiva desta obra que nos ocupa. Martiño Maseda escribe durante un período determinado un poema día a día no que resume as inquedanzas cotiás a cerca da súa propia existencia, inseríndose “nos labirintos da alma”, da súa, que sente, pensa, desexa, anhela… e trema ante os avatares existencias do pensamento.
Con palabras claras, con frases –versos- axeitadas, fainos partícipes de sensacións que calquera de nós, os seus lectores, podemos  acopiar e sentilas como propias. Na súa poesía, enchida de significado, non hai cabida para imaxes absurdas, para xogos de palabras inintelixíbeis; atopamos nela, pola contra, unha linguaxe clara, directa e dirixida ao máis profundo das conciencias que farán eco dela.
Agardamos que siga comunicándonos dese xeito tan fermoso as súas teimas, os seus sentimentos, con ás para voar sobre esta Chaira á que ama a conciencia. Estaremos atentos ás súas palabras, aos acenos nelas agochados, para descubrir unha alma verdadeira, sensíbel, e ateigada de sentires nun tempo, o noso, tan baleiro. Deixémonos impregnar pola súa tenrura en cada verba, para que sintamos, tamén nós, útil a propia existencia.

21/11/2011

Humor

Do viño e do país

Moncho Paz.- O pasado luns podiamos ver nas páxinas dun xornal madrileño unhas botellas de viño etiquetadas coa fotografía de Rajoy; serviron de reclamo publicitario no mitin que o líder popular celebrou o día anterior en Valencia. É vox populi que a don Mariano encántalle o froito da vide e, na caravana electoral que lle acompaña pola xeografía hispana, destaca un posto con botellas ilustradas coa súa barbada face, dispostas especialmente para a ocasión. Aínda que confeso que non degustei o devandito caldo, distintas fontes acreditan a súa orixe valenciana e que non é do todo malo.
Casualmente, mentres observaba a curiosa foto atopábame de visita no pobo natal de Fraga. A poucos metros da casa familiar de don Manuel -outrora coñecido como o “león de Vilalba”- e que foi reconvertida en sede da fundación que leva o seu nome, existe unha vella tenda de ultramarinos, desas onde podes atopar de todo e que en tempos de crise deberían ser declaradas “patrimonio da humanidade”. E velaquí a miña sorpresa: no escaparate do vetusto establecemento convivían, entre deliciosos queixos de San Simón e tarros de mel de Mondoñedo de todos os tamaños, unhas botellas que superaban con fartura ás de Rajoy. Eran moito máis divertidas e con dous motivos diferentes: unhas co retrato do fundador do PP, acompañado do lema “La gran reserva de España”; e outras coa gaivota azul do partido e a sentenza “Brindis por el futuro de España”. En ambos os casos, a bandeira española adornaba a etiqueta do líquido elemento e, ante semellante achado, non puiden resistir a tentación de adquirir un par de caixas para obsequiar, nesta recta final da campaña electoral, a vellos e novos amigos do máis variado espectro político. Recoñezo que causaron furor e recibín novos encargos nos últimos días.

E entón atropeláronme os recordos. O meu primeiro pensamento foi para Dioniso, deus do viño, máis coñecido como Baco, gran inspirador da tolemia ritual e o éxtase; pero tamén me veu á mente Rubalcaba, quen -a pesar da súa intelixencia, ideas claras e capacidade para comunicar- terá que buscar un bo viño que lle axude a dixerir o pésimo resultado que prognostican as enquisas. E, coincidencias da vida, lembrei que na Antigüidade moitos gregos afirmaban que o culto a Dioniso chegou precisamente a Grecia (rescatada) desde Anatolia (hoxe Libia reconquistada). A continuación as miñas neuronas renderon homenaxe a Baudelaire, cuxa obra “Do viño e do haxix” cumpre estes días 160 anos e serve de xogo de palabras ao título do presente artigo. E volvendo á orixe desta historia, os últimos pensamentos foron para Rajoy, que agora fala timidamente de emprender unha "reforma fiscal que non castigue", sen aclarar as medidas que a integrarán e se optará por subir o IVE cando sexa presidente. Esta decisión, que criticaba ferozmente en 2010 como unha ocorrencia e un “sablazo de mal gobernante”, parece inevitable nos malos tempos que corren para as contas do Estado e para a prima de risco española. Persoalmente, son dos que pensan que non terá outro remedio que facelo, do mesmo xeito que noutros países europeos, para evitar un posible rescate de España. Veremos o que acontece a partir do 21-N, co viño e co país.

16/11/2011

Autumnal

Bruno Marcos.-

Hai que ter o xigantesco estro poético dun Rubén Darío para porse triste co outono e non parecer ridículo. Di, no poema "Autumnal", o gran vate uns versos que pasan desapercibidos: "cóntame unha fada amiga / as historias secretas / cheas de poesía; / o que cantan os paxaros, / o que levan as brisas, / o que vaga nas néboas,/ o que soñan as nenas,/". E non hai nada máis inútil, máis deprimente que un pensamento poético que, como a mesma brisa, que, como os cantos dos paxaros ou o que soñan as nenas, é o que vaga na néboa, nada, nada que ninguén pensa. Contemplar o mundo e non recibir senón esa nada da brisa, todo o que non terá memoria, nin fantasía de memoria, pero que perdurará ensimesmado na súa existencia á marxe do humano, e, que, mesmo, aparecerá na nosa memoria como disparos suspendidos eclipsando por un instante os nosos recordos máis sacros.

Ante o outono autumnal, como os antigos dandys, refuxiarnos no artificial, nas cousas dos homes.

Presentación de 'A cova do adeus'

Redacción.-

O Instituto de Estudios Chaireos de Vilalba edita un novo libro pertencente a colección Biblioteca Chairega. É o número 19 e leva por título: “A Cova do Adeus. Libro primeiro das crónicas do país mítico no que sempre chove”, do que é autor o escritor lucense Vicente Piñeiro. Esta novela recibiu o Premio Pedrón de Ouro correspondente ao ano 2005.

O acto de presentación do referido libro terá lugar o vindeiro venres, día 18 de novembro de 2011, ás 20,30 horas na Casa da Cultura de Vilalba. Intervirán: Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA; José-Luis Novo Cazón, profesor, historiador e escritor, e Vicente Piñeiro González, escritor, topógrafo e autor do libro.

O rei Cintoulo do país mítico onde sempre chove, quere casar á súa filla a princesa Xila. Para iso van pasando diversos pretendentes pola cidade de Bría que piden a súa man. Entre eles preséntase o rei Tuba de Oretón que tamén é bruxo. E como o rei Cintoulo non accede a concederlle a man da súa filla, Tuba de Oretón, de acordo co seu consello de magos, decláralle a guerra e anuncia que se casará coa princesa. Polas boas, mellor. Polas malas, tamén. Para loitar contra el, o rei Cintoulo manda a Xan Soldado recrutar personaxes e seres da mitoloxía galega, sobre todo ao Home Deus que vive na Illa de Ons…

O autor
Vicente Piñeiro González (Lugo 1954) é Topógrafo e dedicou a súa vida profesional a traballar na Enxeñería Civil. Poeta, dramaturgo e narrador. Autor de 11 libros de poesía, moitos de cuxos poemas foron publicados en antoloxías nacionais; sete novelas, e catro libros de relatos para os máis novos; ten dez obras de teatro, as cales algunhas foron representadas en Galicia, Arxentina e Cuba. O seu poema “Señor as túas pupilas son moi azuis” mereceu o Premio de Poesía do XXIX Certame literario do Excmo. Concello de Vilalba 2003, e a “Cova do Adeus” o Pedrón de Ouro no ano 2005.

15/11/2011

Os medios en galego e a conciencia de país

Redacción.- Durante a semana que hoxe remata, a facultade de Xornalismo da USC reuniu a diversos e recoñecidos profesionais e investigadores da prensa e os medios de comunicación nunhas xornadas tituladas signicativamente "Os medios en galego, importan?". Organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación a proposta da Liga Estudantil Galega, quere reflexionar e debater sobre o pasado, presente e futuro da comunicación realizada en lingua galega no actual contexto de crise económica e política, e do uso da lingua propia nos medios galegos.

"Estamos nun país, se se lle pode chamar así, no que os medios en galego non importan", comezou así de contundente o seu relatorio o xornalista José Luís Gómez (na fotografía), ex director de Xornal de Galicia e La Voz de Galicia, "porque non existe un só xornal diario na nosa lingua". "Estamos peor que con Franco, e non digamos xa peor que na Transición ou cós bipartito e tripartito, tan denostados para outras cousas", enfatizou Gómez.

O prestixioso xornalista tirou da ironía durante toda a intervención e comparou o ecosistema mediático galego co de outras linguas minorizadas ou sen Estado, como o catalán, onde "ata os grandes medios, aínda en español, como El Periódico ou La Vanguardia, pasaron pola pedra do catalán". Cando traballaba no Grupo Z, lembraba que os seus compañeiros lle recordaban a "sorte" que tiña de falar e posuír aquel idioma, que "entendían e falaban tantos millóns de persoas", momento que aproveitou para sinalar o fondo desprezo que, na súa opinión, fan os galegos das posibilidades do idioma e a relación co sistema lingüístico lusófono. "Para afirmar que os medios en galego importan, teriamos que ser un país orgulloso de ser país, e non digo de xeito partidario", senón dende todas as ideoloxías, "como en Catalunya". Criticou entón a pasividade da sociedade e a neglixencia das autoridades, posto que, segundo Gómez, tamén a saúde da lingua e do sistema mediático é unha decisión política, posto que "da política dependen todas as grandes cousas".

Unha das razóns da crise de uso do galego en Galicia é o feito de sermos "un país pequeno, cunha poboación envellecida, e cunha importante sangría demográfica, emigrante", e pola nosa escasa conciencia de "país", que nos fai "menosprezar" a nosa lingua, polo que non poderiamos competir co castelán, "lingua emerxente", a pesar de que son preto de 200 millóns os falantes do noso sistema lingüístico, incidiu.

O ex-director de Xornal.com, primeiro dixital en galego, xa desaparecido como o Xornal en papel, reflexionou, xunto a Emma Torres, profesora da Universidade de Vigo, arredor da "viabilidade comercial da imprensa en galego" baixo un punto de vista "económico e identitario". José Luís Gómez apuntou cara a un "sistema de subvencións perverso", que provoca que haxa "fondos de normalización lingüística en Galicia dirixidos a medios de comunicación en español". Emma Torres, pola súa parte, fixo referencia ao negocio publicitario en Galicia, e lembrou que a perda de capacidade económica dos xornais débese basicamente á perda de insercións publicitarias. Respecto do papel da lingua galega no eido publicitario, a docente da Universidade de Vigo considera que a súa normalización "é parella á dos medios", polo que de momento, a súa presenza en campañas publicitarias é exclusivamente "unha estratexia de posicionamento", como poden ser as de R ou Gadis.

"A publicidade en Internet é escasa e está moi controlada", denunciou pola súa banda Gómez, "porque a domina Google, coa súa filial Ad Senses". E apostilou que non se pode falar de "mercado publicitario en galego porque non existe". Prognosticou que, nun futuro, a evolución das dúas curvas, a da situación económica nos medios e a do consumo de xornais na Rede, converxerían, crecendo xuntos, mais ese panorama positivo necesita aínda está moi lonxe, e non é cousa de "dous ou tres anos"."Claro que é posíbel conquistar o futuro, con criterio, con vontade, e facendo as cousas ben", concluíu, antes de someterse ás preguntas e reflexións dos ansiosos estudantes de Xornalismo, e de ironizar coas "operacións políticas", das que el non soubo nunca "nada", mais lle costaron o seu posto á fronte do diario, e a Xornal a súa desaparición.

Dentro da mesma vertente económica e comercial, Óscar Juanatey, da Universidade da Coruña, e Miguel Túñez, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) reflexionaron arredor da "difusión e lectura real da prensa en Galicia", con especial atención do último á lectura de prensa en galego. Juanatey falou de "datos pouco precisos", mais "evidencias moi claras lamentablemente", como son o peche no último ano de todos os xornais dixitais e en papel: "Xornal, Galicia Hoxe, Vieiros, A Nosa Terra e Galiza Nación". Sinalou que "o futuro está na rede", con datos como o do 93% de usuarios de Internet que o empregan para ler noticias, o 60%, que emprega ambos soportes, a inmediatez, a actualización que brinda, a fácil accesibilidade, a contrastación e participación que permiten, e só un inconveniente: menos de 1% pagan por esas novas, polo que deixou no ar unha solución para "monetarizar ese acceso gratuíto", que se perfilou como o gran reto e enigma para facer viable o traballo xornalistico de calidade. "Cómpre un novo modelo de negocio", sentenciou, "e a hiperlocalización de contidos (informar sobre o contorno máis próximo ao lector, de forma persoalizada) pode desempeñar un papel clave".

Pola súa banda, Miguel Túñez apostou por realizar unha análise máis aló do habitual "comentario numérico, xa que cando se fala do galego nos medios, tendemos a ter unha actitude puramente descritiva e o que hai que ter é unha visión realista, desprovista de romanticismos, e cun punto de provocación", para engadir que "os medios son empresas, e como tales, só producen produtos para ser vendidos a unha audiencia".

O membro do Consello da Cultura Galega criticou que "os lectores, e tampouco os mozos, piden reactivamente, o galego nos produtos que demandan", posto que "os galegos non asumimos a lingua como un criterio co que avaliar os niveis de calidade dun produto xornalístico". Só así, asegurou, a imprensa en galego deixará de utilizarse como un "complemento secundario e reducido a determinado tipo de informacións". Antes de todo iso, inauguraran as xornadas o reitor, Casares Long, o decano da facultade, José Pereira, e o secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, que rexeitou a instancias do rector dar a súa comunicación "Axudas Institucionais á Prensa en Galicia", por falar xa no acto de apertura, o que provocou a sorpresa e a indignación de máis dun asistente.

Tamén provocou o abraio da profesora María Isabel Fernández, da Universitat Autónoma de Barcelona, que ofreceu os seus datos do Observatorio de Medios de Catalunya (do que é directora) para trazar un completa e exhaustiva radiografía do sistema de medios catalán, e as axudas institucionais recibidas ao longo do período democrático a través das diversas etapas políticas. A profesora asegurou que as políticas de comunicación xogaron un papel central neste proceso, sendo unha "prioridade política para todos os partidos que pasaron polo goberno da Generalitat, especialmente no impulso da radio e a televisión públicas".

13/11/2011

Congreso de xornalistas da APG

Redacción.- Os vindeiros días 25 e 26 de novembro celebrarase en Santiago de Compostela o congreso de xornalistas promovido pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG). Baixo o lema “Un futuro para a profesión xornalística”, o Congreso contará coa análise de destacados profesionais do mundo da comunicación, tanto de Galicia como do resto de España. Así, nesta cita estarán presentes os directores dos principais xornais galegos, xunto cos máximos responsables da CRTVG, directores de comunicación de empresas relevantes e os decanos das facultades de Ciencias da Comunicación de Santiago e A Coruña, entre outros.

En pleno proceso de cambios motivados pola conxuntura económica e a propia evolución da profesión xornalística, desde a APG exponse a necesidade de celebrar este encontro, co que se pretende revisar determinados aspectos do exercicio da profesión xornalística e intercambiar algunhas certidumbres para despexar os grandes interrogantes do sector. Así, nas mesas redondas debateranse cuestións de actualidade como o desenvolvemento dos novos soportes, a crise no colectivo, o futuro das empresas xornalísticas, as alternativas para a profesión e a comunicación corporativa.

Desde a súa fundación, un dos obxectivos da APG foi levar a cabo iniciativas que permitisen a creación dunha entidade de encontro de todos os xornalistas, un ente que promovese a unidade, dignificase a profesión e tivese unha actividade incesante a favor dos profesionais. A celebración deste Congreso responde ao obxectivo fundacional da entidade promotora, presidida por Arturo Maneiro.

A inauguración do Congreso, que se celebrará no Hotel Puerta del Camino de Compostela, contará coa presenza de Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, e de Juan Casares Long, Reitor Magnífico da USC. Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, estará presente no acto de clausura, onde se exporán as principais conclusións deste encontro profesional.

A Voz de Vilalba colabora na organización deste evento. O cartaz e o díptico foron deseñados por Paulo Naseiro; pola súa banda, Moncho Paz será o coordinador de prensa do Congreso e presentará unha ponencia sobre comunicación corporativa.

12/11/2011

Natureza! Estás soa?

Redacción.-

A exposición individual de Álvaro Negro (Lalín, 1973), "Natureza! Estás soa?", supón o último paso na obra dun artista que evoluiu desde un desenvolvemento conceptual da pintura abstracta até investigacións noutros medios como a fotografía, xirando arredor do seu proxecto "Monteagudo", un traballo iniciado hai tres anos e que supón unha reflexión sobre o conxunto escultórico que o alemán Ulrich Rückriem realizou na terra natal do artista lalinense.

Do venres 11 ao mércores 30 de novembro
Sala Municipal de Exposicións Palexco
De luns a domingo, de 12:00 h. a 14:00 h. e de 18:00 h. a 21:00 h.
Entrada libre até completar capacidade.

Revista avozdevilalba.com de outubro


Redacción.-

Xa se pode descargar, picando na imaxe, a revista avozdevilalba.com do mes de outubro, que recolle nun arquivo pdf os contidos do xornal na rede.

Todas os números anteriores da revista están tamén a dispor dos lectores na sección Hemeroteca.

09/11/2011

Fondos da Fundación Barrié

Redacción.-

A Fundación Barrié presenta por primeira vez a totalidade dos fondos da súa colección de pintura contemporánea internacional, iniciada en 2008 e construída sobre o tradicional apoio da Fundación ás Artes desde diversos ámbitos. A Colección está exposta co fin de dar resposta á pregunta "De que falamos cando falamos de pintura hoxe?".

A Colección integra a artistas galegos con presenza en coleccións internacionais (Ángela de la Cruz, Suso Fandiño, Álvaro Negro, Manuel Vilariño ou Pedro Barbeito) con valores emerxentes (Sandra Cinto, Andrei Roiter, Shinique Smith, Manuel Caeiro ou Yves Oppenheim), figuras consolidadas da pintura contemporánea española e internacional (Jason Martin, Daniel Verbis, Katharina Grosse, Simeón Saiz Ruiz, Günther Förg, Frank Nitsche) e nomes crave para a pintura da segunda metade do século XX (Imi Knoebel, Jonathan Lasker, Helmut Dorner, Jean-Marc Bustamante ou Jessica Stockholder).

Aprender a vivir

Redacción.-

A Fundación A Rosaleda presentou a semana pasada o libro Aprender a vivir, escrito por Xoana María Guinaldo Vidal, unha veciña de Ribeira que desde o ano 2003 lida cun cancro de mama que se complicou cunha metástasis e que a obrigou a realizar durísimos tratamentos de quimioterapia que soubo levar, non só con gran enteireza, senón facendo da súa loita, e a daqueles que a rodean, un exemplo para os demais.

O libro de Juana Guinaldo é tamén unha homenaxe a outra ribeirense, Mari Carmen Fernández Gago, cuxa batalla descarnada contra o cancro deu ás a moitos outros enfermos e supón un exemplo de loita e de amor á vida. De como se enfronta unha persoa ao terrible diagnóstico dun cancro e cal é o papel dos médicos, o persoal sanitario, a familia e os amigos trata este libro que mañá se presentou no Centro Social de Novacaixagalicia de Santiago (praza de Cervantes).

A presentación enmarcouse no ciclo "Xoves Culturais" e dentro do proxecto iniciado hai xa cinco anos pola Fundación A Rosaleda baixo o nome de Literapia e que trata de promocionar o uso da lectura e a escritura como elementos de apoio terapéutico en Medicamento. Na presentación desta publicación estiveron, ademais da autora, Ramiro Carregal, presidente de Frinsa e patrocinador do libro; o presidente da Fundación A Rosaleda, Xerardo Fernández Albor; o xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUS, Rafael López, e a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas.

A historia de Xoana non é unha excepción. O 80% dos cancros de mama cúranse, tal como sinala o Dr. López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario de Santiago no que recibiu o seu tratamento a autora. Con todo o proceso adoita resultar difícil e marca indefectiblemente tanto a quen o sofre como aos seus achegados, como se aprecia na obra presentada, na que cada capítulo se encabeza cun proverbio, refrán ou cita nos que se reflicte a complexidade do tratamento e a importancia da fortaleza espiritual á hora de afrontalo.

Xoana Guinaldo está convencida que a vida de cada un é o resultado do seu carácter e por iso anima a afrontar os reveses con optimismo e esperanza, tal como fixo Mari Carmen, con quen levou a cabo este proxecto e á que cualifica como unha heroína. "Excedeu etapas da súa vida cunha dignidade extraordinaria, pero sobre todo, rompeu calquera prognóstico, xa que non se afundiu na amargura e aprendeu a vivir coa enfermidade con toda naturalidade e esperanza", destacou.

Por iso inclúe a soada cita de Abraham Lincoln: "Ao final o que importa non son os anos de vida, senón a vida dos anos" e conclúe cun canto á esperanza: "Paga a pena vivir aínda que o noso futuro, do mesmo xeito que o de todo individuo, estea cheo de incertezas. [...] En canto ao resultado de todas as nosas experiencias, estamos totalmente seguras: Si, pódese vivir co cancro, pódese aprender a vivir".

Literapia e Temoneiro
Aprender a vivir enmárcase en Literapia, unha iniciativa posta en marcha pola Fundación A Rosaleda dentro do ciclo Xoves Culturais, dedicado a aspectos humanísticos relacionados co Medicamento ou que teñen repercusións directas ou indirectas sobre a propia saúde ou a calidade de vida dos pacientes.

Dentro deste ciclo nacía no ano 2007 Literapia, un proxecto destinado a promocionar a literatura como elemento terapéutico complementario en Medicamento. Trátase de fomentar o uso tanto da lectura como da escritura como instrumento terapéutico e conta cun comité científico composto por Darío Villanueva, catedrático de Teoría da Literatura da USC, os profesores Branca Roig, Ángela Torres, Isidora Rubio López e Manuel Freire Garabal, o xornalista e escritor Francisco López Barxas, a profesora da escola Camilo José Cela Ruth Gómez, o catedrático e xornalista Luís Branco Vila, o profesor Marc Richelle da Universidade de Lieja e directivos do Hospital e da Fundación A Rosaleda.

Na actualidade, tras máis de tres anos de traballo de campo nun protocolo de investigación sobre a aplicabilidade clínica deste recurso de apoio terapéutico en pacientes sometidos a hemodiálisis no hospital A Rosaleda, está a completarse a fase 1 deste proxecto, coordinado pola doutora Ángela Torres Igrexas, profesora titular de Psiquiatría da Facultade de Medicina de Santiago.

Escola Camilo José Cela
Dirixida desde a súa fundación en 1977 por Ruth Gómez, a escola do hospital Clínico e o seu responsable están estreitamente vinculadas a Literapia. O propio centro ten como principal obxectivo axudar aos nenos con necesidades educativas especiais derivadas dos seus problemas de saúde e co agravante que supón estar ingresado nun centro hospitalario.

Para eles a lectura e a escritura supoñen unha evasión realmente beneficiosa, tanto ou máis que para un adulto. Foi precisamente un neno desta escola o primeiro en publicar a súa historia en Literapia. Tamén el sabía o que era loitar moi duramente contra o cancro e vencelo.

Vendas
Os ingresos obtidos coas vendas deste libro, destinaranse integramente a proxectos de investigación sobre o cancro, no servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

08/11/2011

A Carolina (EN GALEGO!)

Redacción.-

"A banda íntima de Martin Frost", autores da versión rock do Himno galego, achéganos esta adaptación do tema popular "A Carolina", que acompañamos con imaxes tomadas por Paulo Naseiro na concentración a prol do galego que tivo lugar en Compostela en outubro de 2009.

Lembrámosvos tamén que podedes escoitar outros temas desta banda aquí.

07/11/2011

Revista Galega de Educación

Redacción.-

A Revista Galega de Educación publicou recentemente o seu número 49 e o monográfico estivo adicado aos Concellos e Educación. Un número especialmente interesante para quen estea interesado no coñecemento e reflexión do papel dos concellos no eido educativo.

Máis información en: http://www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/RGE%2049%20contidos.pdf

Educación e Linguas en Galicia

Redacción.-

A terceira edición das Xornadas ‘Educación e Linguas en Galicia

’ centrarán a súa atención no tema ‘O imaxinario social sobre o galego’, lema do encontro que organizan a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL). O programa estenderase ao longo dos días 25 e 26 de novembro no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida).

Esta é unha iniciativa que buscará recoñecer a existencia de prexuízos lingüísticos na sociedade galega e, de xeito particular, no ensino e no colectivo de futuros/as ensinantes. Esta será un primeiro paso para aprender a identificar, previr e corrixir estes prexuízos dende unha óptica de igualdade das linguas, así como coñecer experiencias positivas de traballo tanto en Galicia como fóra.

Deste xeito, xunto ás intervencións de Manuel Núñez Singala, director do SNL; Artur Noguerol, da Universitat Autónoma de Barcelona; e Rosa María Ramírez Palau, da Escola Vila Olímpica de Barcelona, desenvolveranse táboas redondas sobre experiencias innovadoras con representantes da operadora R, do Concello de Vigo ou da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Tamén se prestará atención ao relato de diversos colectivos coa presenza do campión do mundo de triatlón, Javier Gómez Noya; do cantante, escritor e locutor, Xurxo Souto; do catedrático e divulgador, Jorge Mira; ou da xornalista, Belén Regueira.

As xornadas están destinadas ao conxunto do alumnado e ao Persoal Docente e Investigador das titulacións impartidas nesta Facultade compostelá. A matrícula, de balde, poderase formalizar ata o día 20 de novembro no enderezo de XesCampus. Estase tramitando o recoñecemento de un crédito de libre configuración para o estudantado da USC das titulacións impartidas na Facultade de Ciencias da Educación. Os estudantes que soliciten o crédito deberán indicalo na inscrición e entregar unha memoria coas súas reflexións sobre o tema antes do 9 de decembro. Durante o desenvolvemento das xornadas explicarase con meirande detalle.

Máis información en: http://www.usc.es/snl/dinamiza/educacionelinguas.htm

06/11/2011

Os camposantos da Terra Cha

Paulo Naseiro.-

A pedra, mimada durante séculos polos artesáns chairegos, é materia prima fundamental dunha rica tradición constructiva e decorativa que nos legou pazos, igrexas, cruceiros, hórreos ou petos de ánimas, cerne do herdo patrimonial da Terra Cha.

Non é outra cousa que o cruel abandono e con desgraciada frecuencia a destrucción deste patrimonio o que dá pe a que floreza vizoso un activo movemento social, cada día máis grande e máis concienciado da necesidade, a cada momento máis imperativa, de non perder un legado que non só nos pertence a nós. Pertence tamén ao espírito dos seus autores, dos que participaron a súa construcción, e pertence sobre todo a un país futuro, a un país aínda en proxecto que, no seu día, se cadra nos reproche o feito de vivirmos na época da historia que só soubo destruír e esquecer.



Moitas veces, o principal problema que afecta aos nosos monumentos é o simple descoñecemento, a ignorancia de abondantes tesouros que saltan á nosa vista unha e outra vez, e para os que non sabemos ollar. Este é, se cadra, o caso dun tipo excepcional de camposantos que existen en boa parte da Chaira, que moitos algúns gostan alcumar de "neogóticos", e que constitúen un caso excepcional dentro da nosa arquitectura tradicional.

No mes de Santos do 1996, unha vella teima persoal levoume a expoñer unha pequena serie de fotografías que, se ben non tiñan a máis mínima pretensión artística, respostaban ao axioma de que só se valora o que se coñece. Pretendían, en fin, chamar a atención sobre un patrimonio que pouco a pouco estamos a perder, descontextualizándoo e mostrándoo desde puntos de vista inéditos.

Os camposantos "neogóticos" xurden en torno ás igrexas, substituíndo aos antigos soterramentos feitos na terra. Polo xeral, responden ao mesmo tipo de pranta: de forma cadrangular, onde un dos lados se deixa exento na maior parte deles, como entrada na que se coloca unha verxa de ferro, e adosados aos outros tres se constrúen torres, de catro ou nichos. A nota máis característica constitúena os pináculos calados de grande riqueza ornamental, dos que deriva a denominación máis estendida. As grandes agullas, rematadas coa cruz cristiá e moitas veces cun Cristo de formas sinxelas, coroan ben unha soa torre, ou ben un grupo de dúas, tres ou catro. Isto débese a que súa construcción podía ser obra dunha soa familia, ou de varias que se unían para contratar ao canteiro. En ocasións poden aparecer na base dos pináculos figuras, a maioría "Angustias" de rasgos moi sinxelos, de anatomía desproporcionada e hierática.

A evolución no tempo fai que os remates vaian crecendo en altura e riqueza ornamental, chegando a ser en moitos casos de maior tamaño que o corpo do panteón, feito que parece respostar ao anceio dos propietarios por destacar o seu enterramento. O material empregado en todos os casos, incluso para as lápidas, é a cantería.

Pódense distinguir os camposantos nos que as torres orixinais responden todas á mesma tipoloxía, constituíndo conxuntos harmónicos, fronte aqueles nos que aparecen tipos neogóticos de xeito illado, por influencia das zonas próximas. Os primeiros aparecen nunha pequena zona situada en torno á vila de Vilalba, na zona de influencia dos artesáns canteiros da parroquia de Román, os únicos que traballaron este estilo. Responden a esta tipoloxía os camposantos de Román, Corbelle, Carballido, Costa, Goiríz, San Martiño e San Salvador de Lanzós, Mourence, Noche, Oleiros, Rioaveso, Seixas, e Soeixo. Pola contra, exemplos illados podemolos atopar en moitos outros cemiterios dos concellos de Abadín, Vilalba, Xermade, Guitiríz e Cospeito.

A falta dun estudo máis en profundidade, acotamos o período de construcción das torres neogóticas entre os anos vinte e os sesenta do presente século. Os novos materiais, máis baratos, e as novas técnicas de construción que se impoñen en poucos anos significan o fin destes camposantos, se ben nos anos oitenta se procedeu á ampliación do da parroquia de Román, a cargo dos xa escasos canteiros, que seguiu as pautas do estilo neogótico.

Nos poucos anos transcurridos desde o remate das últimas construccións neogóticas, diversos problemas afectan de xeito moi serio a estes camposantos. Como xa se sinalou, a introdución de novos materiais levou, nunhos casos, a completar os espacios aínda sen cubrir con nichos de formigón e mármore, totalmente alleos na súa parte ornamental ao estilo predominante ou, o que é peor, malas imitacións. Asimesmo, o mármore foise impoñendo incluso nas lápidas das vellas torres de pedra.

En segundo lugar, a falta de espazo provocou a acometida de ampliacións agresivas, en ocasións colocando sepulturas no centro do recinto, estragando a estructura orixinal, e en moitos casos ampliando o recinto do cemiterio por un dos lados. A única actuación sensanta neste eido foi a decisión de construír unha nova necrópole en Santaballa, alonxada da primitiva, pero malograda ao permitir o traslado das vellas torres, o que deixou o antigo cemiterio convertido nun recinto baleiro.

Este expolio, o traslado de sepulturas incluso a camposantos de cidades alonxadas da Terra Cha, onde sen dúbida desentoan ostentosamente, é outro dos males que contribúen ao deterioro das necrópoles chairegas.

Por último, e non menos importante, hai que destacar a perda de utilidade que sufren moitos dos enterramentos debido ao maior tamaño dos cadaleitos actuais, feito que, non por anecdótico deixa de ser unha das súas maiores ameazas.

Para frear un pouco este deterioro precisaríase unha toma de conciencia por parte dos propietarios, pero tamén dunha agora inexistente protección legal que regulamentase o uso e conservación das necrópoles neogóticas, e que permitise a súa pervivencia como tesouros artísticos e etnográficos, antes de que sexa demasiado tarde. Quen tivese a oportunidade de ver a silueta dun dos nosos camposantos fundida nas cores roxas do ocaso no ceo outonal, non pode deixar de pensar que sería un erro histórico non legarlles o disfrute deses momentos aos chairegos que virán atrás de nos.

02/11/2011

Por fin, a auga


Xulio Xiz.-

Cada vez que un determinado estado do tempo se prolonga, acabamos falando do tempo. E se esa prolongación nos parece excesiva, sacamos a relucir argumentos seudocientíficos para acreditar que o tempo está cambiando, que nunca tal pasou antes, que esto do "cambio climático" estámolo notando xa.

Xa que o verán comezou regular cun xullo así así, e agosto foi mal que ben facendo honra ó seu nome, o verdadeiro verán tivémolo entre setembro e a primeira quincena de outubro, agardando pola choiva como auga de maio que agora por fin chegou.

Non sei a certeza científica que ten o tema, pero sempre teño oído - sabedoría dos devanceiros- que os pozos que secaban ao comezo do verán precisaban que viñeran os tronos do outono para reventar de novo. Non sei se o estrondo dos tronos terá que ver con que os illós ou manantiais broten cando o outono nos señorea, ou simplemente depende de que as capas freáticas volvan ter auga abonda procedente das necesarias choivas, o certo é que con trono ou sen el, a choiva fíxose de rogar chegando por fin para que o noso campo volva ser verde, agora que xa era tempo de que os deuses da choiva chorasen sobre nós.

En tempos, organizábanse rogativas para que o ceo deixase caer a choiva, rogativas que non eran máis ca procesións coa imaxe dalgún santo que se considerase abogoso para a caída de auga do ceo. Que á larga funcionaban porque chover acababa por chover nalgún momento.

Rematado o operativo normal dos incendios, parece que por fin se puxo en marcha o "operativo" normal da natureza, para que as cousas vaian volvendo ao seu. Fáltanos comprobar se os illós están abrindo polas boas, coma sempre ocorreu, se imos ter que recurrir ás rogativas por pura tranquilidade de ter feito todo o posible, ou se haberá que acudir a medidas drásticas como a que en tempos se ten utilizado - non sei se para pedir choiva ou para que parara- de botar a imaxe do santo chovedor a un río ou a un pozo, para que acelerase o cambio que se precisaba.

Ben sei que, afortunadamente, por aquí nunca chegamos a tanto.