As miñas cousas en observación

Redacción.-

Esta exposición revisa a traxectoria artística de Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964), partindo dos seus traballos de finais da década dos oitenta até os máis recentes. Neste pertinente recoñecemento a unha das artistas máis singulares da súa xeración —desde hai moitos anos vinculada persoal e profesionalmente a Galicia—, visualízase o intenso proceso reflexivo que vén desenvolvendo ao redor da práctica artística, investigando e cuestionando as bases mesmas da historiografía e desmontando modelos hexemónicos que definen a noción de arte na modernidade: categorías, xéneros, habilidades técnicas e conceptos como xenialidade e orixinalidade, entre outros. Asemade, Chelo Matesanz foi quen de construír unha cartografía, ampla e persoal, con diferentes linguaxes e soportes que tecen unha pluralidade de temáticas, subvertidas ironicamente desde o humor e a crítica.

O título da mostra, As miñas cousas en observación, ten que ver non só coa vontade retrospectiva senón tamén coa intención de formular lugares onde desenvolver o pensamento para enfrontarse a condicionantes sociais, artísticos e culturais que fundamentalmente acaban por afectarlle á muller e á súa representación; tema que a artista aborda dun xeito radicalmente singular, unhas veces desde a disidencia e outras desde a ironía, desvelando como as etiquetas se constrúen a través da linguaxe e da representación. É tamén o caso de realidades como a infancia, a economía, a violencia, a enfermidade ou a sexualidade, que Matesanz acomete desde a experimentación, afondando na relectura dos xéneros e das prácticas da arte.

A exposición é o resultado de articular unha hábil sucesión de territorios dirixidos a experiencias, que exploran o noso modo de percibir e actuar fronte á arte e á vida, configurando suxestivos elos entre o exercicio artístico e a rutina do cotián, implicando activamente o visitante a través de textos irónicos, imaxes mordaces e metáforas visuais que se establecen nas salas do soto do CGAC coa vontade de introducir o público nas zonas máis complexas da conduta humana.

CGAC
Comisario/a: Chus Martínez Domínguez
4 abril - 8 xuño 2014

10 de abr. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión