Full House

Redacción.-

O pasado xoves 3 de abril estreouse no Teatro Rosalía Castro da Coruña ‘Full House’, a nova peza de danza contemporánea do Centro Coreográfico Galego que asina o creador sueco Johan Inger.

O equipo técnico e artístico do espectáculo está integrado, entre outros, por 12 bailaríns e bailarinas como Àstrid Molinero, Juan Hernández, Paula M. Montoya, Ailen Ramos, Carmen Aparicio, Ana Serantes, Carlos Huerta, Jesús Benzal, Miguel A. Ponte, Rubén Ventoso, Raquel Santacruz e José Luis Cibreiro.

Esta nova produción, ideada especificamente para a súa montaxe pola unidade de danza pública, constitúe o primeiro traballo en Galicia de Johan Inger, coreógrafo asociado do Nederlands Dans Theater (NDT) e director artístico durante cinco anos do Cullberg Ballet.Durante os seus 30 minutos de duración e a partir da base sonora de distintos fragmentos da música folclórica húngara de Lajkó Félix, ‘Full House’ transmite unha imaxe confrontada entre a introspección e o balbordo dun espazo habitado por unha multitude de sensacións.

A interpretación de ‘Full House’ vai precedida no programa da reposición de ‘Magnificat’, peza tamén de estilo contemporáneo deseñada en 2011 por Amaury Lebrun, coreógrafo francés habitual colaborador do Centro Coreográfico. Lebrun, que na actualidade traballa na montaxe dun ballet coa Ópera de Sídney, creara ‘Magnificat’ como parte do anterior espectáculo do CCG 3DTres como reflexo dun mundo de contrastes no ámbito da historia da danza, coa utilización do tutú romántico en contraposición aos movementos máis actuais.

Despois das funcións na Coruña (3 e 4 de abril ás 20:30 horas), ‘Full House’ iniciará unha xira de actuacións que a levarán durante o mes de abril aos escenarios de Cangas de Morrazo (Auditorio Municipal, día 6, 20:00h), Santiago de Compostela (Salón Teatro, días 7 e 8, 20:30h), Carballo (Pazo da Cultura, día 12, 21:00h) e Pontevedra (día 26 de abril, 21:00h).

9 de abr. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión