Romería Labrega d'Os Vilares

Xulio Xiz.-

Amigos festeiros, moi boa tarde. Hai vintetrés anos - parece que foi onte mesmo - que fun pregoeiro da primeira Festa labrega dos Vilares, por petición de Xesús Veres –Suso do Vicentino- ao que eu xa había ben tempo coñecía, por ser curmán de meu cuñado, Manolo de Benedicto.

Era o 24 de agosto de 1991, e chamábase a festa que comezaba o FESTIVAL CAMPESTRE DOS VILARES, que nacía con todo o entusiasmo do grupo que Suso encabezaba, e que se daquela era todo unha promesa, agora precisamente é o momento de poder evalualo como magnífica realidade. Unha crónica publicada días despois na Voz de Galicia informaba que eu dixera que “os festivais son creadores de cultura”, e hoxe reafírmome no dito, engadindo que os festivais son creadores de cultura, de comunidade, de sociedade e de progreso.

E relendo aquel meu pregón, lembro que xa daquela houbo unha exposición de fotos, que estaba Manuel Marìa, que Maríca Campos leu un poema sobre Pedro Trapeiro, e que fixen unha lembranza especial para o home da cultura máis sobranceiro desta terra, Xosé María Díaz Castro, daquela aínda recente o seu pasamento.
Abogaba eu daquela porque a xente dos Vilares tivera un especial recoñecemento a Xosé María do Vilariño, un dos poetas máis importantes de Galicia, ademáis da escultura que Raul Río ía erguer nesta parroquia. Estando ben lonxe de pensar que case un cuarto de século despois nos xuntaríamos aquí, na edición número vintecatro da vosa Romaría, para honrar a Díaz Castro, precisamente no ano en que se cumpriron os cen do seu nacemento, e no que se lle dedicou o “Día das Letras Galegas”, que é a homenaxe máis grande que pode recibir un galego que dedicou a vida a escribir na súa lingua, e proclamar o seu amor á terra.

Dicía eu daquela, e reafirmo agora que no voso traballo comunitario, como parroquia, radicaba e radicará a vosa forza, o voso mérito. E que cando tódolos pobos, tódalas parroquias, tomen conciencia da súa forza, Galicia dará un paso adiante definitivo. Cando en tódalas parroquias e pobos xurdan vivas asociacións de veciños, culturais, cívicas, de amigos... Galicia será outra.

Semellarase máis á Galicia que soñamos tódolos que cremos en Galicia. Cando as asociacións se preocupen polos temas da cultura e da sociedade, Galicia será un país, unha nación, cun glorioso pasado pero tamén -e de xeito especial- cun brillante futuro.
Animábavos a que cada ano tomárades como unha obriga o costume de facer festa. Porque as parroquias morren tamén por iso, porque se quedan sen festas e sen feiras... Quedan sen festas porque se quedan sen xente; sen xente viva que queira facer festa.

Que ledicia comprobar vintetres anos despois que aquela iniciativa medrou e se fixo moi grande, que non era unha arroutada dun determinado momento senón que foi o primeiro chanzo dunha escaleira interminable que hai que recorrer co entusiasmo que levades empregado en facela firme, longa e lixeira... que ledicia poder decirvos hoxe, aquí, agora, que sodes xente firme e decidida, que sabe o que quere e pon toda a súa forza, a súa enerxía, en que iso que quere se faga realidade.

Dicía Antón de Guizán (Antón Tenreiro) hai uns días que o Festival de Pardiñas a primeira semana de agosto, e a Romaría Labrega da Chaira nos Vilares na fin de semana seguinte, fan de Guitiriz o centro do mundo. E é verdade, que o noso mundo facémolo a medida das nosas necesidades; das nosas realidades. E Os Vilares, precisamente este ano, concentraron a atención de todo o noso mundo –este país- porque homenaxeando a Díaz Castro homenaxéase a unha xente e unha fala, uns costumes e unha historia... Vilares foi e é ocentro deste mundo, do mundo que máis nos interesa, porque é o que temos máis preto, que sinte coma nós; que fala coma nós.

Hoxe, nos Vilares é festa grande. E se tempos novos requiren novas técnicas e novas celebracións, se en tempos unha gran ocasión de xuntarse nos Vilares era a Festa do Sete nas Reixas, hoxe o que pide o tempo e a xente é unha celebración que chame ás xentes do contorno e contaxie a ledicia que vos move, e faga dos Vilares unha patria pequena para quen queira facer festa ao estilo do país, festa labrega propia dunha terra que vivíu sempre de cara ao campo, do campo, e tendo no campo a raiz e xeito de ser e de sentir.

Cando hai vintetres anos vin ler o pregón da primeira Festa dos Vilares, fixen reconto das miñas lembranzas desta terra por ser lugar inmediato ao Buriz da miña xente, por proceder daquí familiares e amigos, porque aquí foi mestre benquerido Don Andrés, tamén vencellado familiarmente coa miña xente, e de xeito especial a Díaz Castro, co que tiven grande relación e naceu nos Vilares para nunca máis morrer e ser un dos inmortais das nosas letras. Pero faltoume algo por dicir...

Eu tiña daquela 44 anos. E non era vello abondo para valorar e ter presentes as cousas da primeira nenez. Agora, que sumo vintetres máis é o momento de ter vivas as primeiras lembranzas e ir esquecendo cousas máis recentes... E deime conta de por que a min me resultaba tan amigable o nome de Os Vilares, Os Vilares de Parga, Os Vilares de Guitiriz.

Nos meus lonxanos tempos vilalbeses miña nai contábame historias da súa nenez e mocidade, acontecidas nas terras altas do Caxado, nas aldeas do Freixo que pertencen ao concello das Pontes... Que se hoxe están todas elas vencelladas por estradas, daquela eran un laberinto de camiños só practicable para quen coñecese á perfección aquela comarca.

Desde que eu empecei a entender, falábame de que todos os invernos chegaban os trapeiros dos Vilares de Parga, que a ela lle parecía que tiña que ser moi lonxe, moi lonxe... unhas xentes esforzadas que dedicaban a primavera, o verán e mailo outono ao traballo do campo, e no inverno botábanse mundo adiante cunha auténtica vocación comercial e peregrinante... e que xunto cos zoqueiros, as costureiras, os mercadores de gando e outra xente que viña romper a monotonía da vella vida campesiña, constituían unha embaixada máxica para os nenos e a ocasión de falar do divino e do humano para a xente maior dunha comarca que se sabía residente na fin do mundo, á que chegaban unhas xentes lonxanas a comerciar con trapos, a levar os restos de roupa e materiais tecidos, a cambio de produtos marabillosos, nun magnífico labor de reciclaxe que para si quixeran hoxe os que tanto se esforzan para darlle unha nova vida ao material valioso que nos empeñamos en tirar.

Na miña nenez vilalbesa eu escoitaba falar dos VILARES DE PARGA, e se desde alí me parecía lonxe o Freixo das Pontes, tiña conciencia de que os Vilares quedaban aínda moito máis lonxe, co que a miña imaxinación infantil pensaba que os Vilares tiña que estar habitado por xentes viaxeiras como Simbad o Mariño, por xentes aventureiras como o histórico Marco Polo, por xentes descubridoras de novos mundos como Cristóbal Colón.

Quen me ía dicir a min que, andando o tempo, eu estaría nos Vilares, coñecería a súa xente, emparentaría con algúns deles, sería pregoeiro da súa primeira festa e repetiría case un cuarto de século despois!.

Quen me diría que onte pola tarde podería entrar na páxina web www.dosvilares.com, para comprobar unha presencia, que como Internet é tan ampla coma o mundo... que vades conseguir facer dos Vilares unha lareira de soños... que Xosé Antón Cascudo, un vilarego, fixo o documental definitivo sobre Díaz Castro... e que Díaz Castro ía ser o primeiro Trapeiro de Honra nomeado pola xente dos Vilares.

Coñecéndoo como coñecín, e sabendo que ninguén morre mentras alguén o lembra, eu estou seguro de que Xosé María do Vilariño, Xosé María de Galicia, no ceo dos galegos, está mirando para acó, sorrindo socarrón, e dicindo agradecido: ¡¡¡Estes veciños meus!!!.

Amigos: Xa me gustaría dentro de vintetantos anos máis estar aquí para comprobar que esto segue a medrar polo voso traballo, inxenio e constancia. E non sei se estarei daquela para moitos trotes, pero no caso de que chegue aló, se aínda me entero das cousas, ofrézome desde agora para virvos decir: Merecedes ser netos ou veciños, amigos ou paisanos, herdeiros daqueles trapeiros heroicos que camiñaban leguas inventando camiños para gañar a vida, deixaban a familia para mellor traballar por ela, e facían patria lonxe para gloria dos Vilares...

Deséxovos forteza e traballo en común; ledicia e festa; boa festa e bo porvir ó voso labor cultural. Que sigades a ser dignos herdeiros daquela xente especial. E que a vosa Romaría Galega da Chaira viva por sempre!.

Meus amigos: Que teñades unha moi feliz edición número XXIV da Romaría Galega da Chaira!.

16 de ago. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión