A Francisco Maragato

Miguel Barrera

Unha vez soñei
que teríamos tempo para falar.
Teríamos tempo
para que me ensinaras dunha vez
xogar ó xadrez no Fardela
(no meu soño César observaba impasible).

Teríamos tempo
de ver ó sol caer en Portosín
politiqueando no sen vivir da Patria.

Teríamos tempo
para achegarnos  á Chaira
e asubiar co xirín polo Paseo dos Soños.

Teríamos tempo, por suposto, prometémonos
que teríamos tempo
para deixármonos envellecer xuntos na nosa amizade.

Unha vez soñei que teríamos tempo,
pero foi cando o tempo era noso
e ti sorrías
e soñabamos merlos preto do teu oído san.

E de súpeto o temporal do destino
cadrou en Fisterra
e máncame nos ollos a idea de non poder verte
nunca máis, nunca máis
volver a sentir o teu agradecido abrazo.

Agora,
coma nos restos dun naufraxio,
so podo imaxinar a dor de Mavi,
os intres derradeiros
onde a loita trouxo a derrota,
e sufro polo moito que te apreciaba e quería,
sufro
polo que me costa agora agora agora
afacerme a túa ausencia.

A friaxe de imaxinar teu baleiro fáiseme insoportable,
e imaxino
que soño por soñar que algún día soñamos
achegármonos á Chaira
e asubiar co xirín polo Paseo dos Soños.


Torrelaguna (Madrid), 18 de  outubro de 2014.

19 de out. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión