Diálogos coa obra de Manuel María

Redacción.-

As amigas e amigos da Fundación Manuel María xúntanse para “dialogar” coa obra do escritor este sábado en Outeiro de Rei. A Fundación Manuel María de Estudos Galegos instituirá anualmente un encontro na Casa-Museo de Outeiro arredor da data de nacemento do poeta, o 6 de outubro. “Diálogos coa obra de Manuel María na Casa de Hortas”, é o nome da iniciativa

Manuel María faría 85 anos o vindeiro 7 de outubro e a Fundación que leva o seu nome, presidida pola súa viúva, Saleta Goi, conmemorará a efeméride este sábado cunha xornada de irmandade na que foi casa natal do escritor, en Outeiro de Rei, hoxe convertida desde hai algo máis dun ano en Casa-Museo.

“Diálogos coa obra de Manuel María na Casa de Hortas” é o nome da xornada de irmandade das amigas e amigos da Fundación Manuel María que se celebrará a partir das 11 da mañá do sábado no auditorio -antiga palleira -da Casa de Hortas, no corazón da vila de Outeiro.

A Fundación Manuel María ten o obxectivo de instituír, de aquí en adiante, con carácter anual este encontro arredor da data do nacemento do poeta, con vocación de o converter en espazo de encontro e diálogo das amigas e amigos da Fundación, para dar conta da actividade fundacional desenvolvida cada ano e abrir ao debate a elaboración de novas propostas e iniciativas a desenvolver no futuro.

Eis o programa da xornada:

-11:00 h. Encontro de amigas e amigos da Fundación Manuel María de Estudos Galegos. Información sobre a actividade da Fundación e iniciativas para o 2015, a cargo de Alberte Ansede (Secretario da Fundación)-
- 11:30 h. Coloquio e propostas.
- 12:00 h. “Segredos da Casa Museo Manuel María” (unha visita para descubrir algúns dos fondos máis valiosos da Casa-Museo).
- 13:00 h. Presentación das últimas publicacións da Fundación (Sonetos á Casa de Hortas e Correspondencia entre Manuel María e Ramón Otero Pedrayo), a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato, Estefanía Mosquera Castro e Xosé Manuel Sánchez Rei, responsábeis das edicións (as persoas que asistan ao acto recibirán un destes libros editados pola Fundación e un exemplar do Terra Chá editado pola Irmandade dos Vinhos ou polo xornal chairego Terra Chá Xa!).
- 14:00 h. Peche do acto.
- 14:30 h. Xantar de irmandade.
- 17.00 h. Visita guiada á Lagoa de Cospeito e lectura de poemas de Manuel María.

4 de out. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión