Amosando publicacións coa etiqueta lucia lopez bayo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lucia lopez bayo. Amosar todas as publicacións

O decreto que se empezou polo tellado


Lucía López Bayo

Despois de analizar o novo decreto do galego no ensino, non se pode agardar que o conflito arredor da lingua, xerado polo propio PP durante a pasada campaña electoral, acabase. Co novo texto a Xunta recúa con respecto ás súas intencións iniciais, pero os parámetros que establece non son favorables. En primeiro lugar, por que nun Estado de Dereito as normas responden aos principios de transparencia, predecibilidade e xeneralidade, polo que non cabe que a opinión dos pais sexa vinculante en cuestións que deben establecer os poderes do Estado para garantir un servizo, nesta caso a Educación, á totalidade da poboación.

O PP chegou á Xunta coas promesas electorais na man disposto a cumprilas, pero non se decatou de que nunha democracia cando se goberna é para todos, non só para os que votaron a un determinado partido. O presidente Feijóo asegurou na súa investidura que gobernaría “para todos os galegos”, mais non o levou á practica e agora atópase acurralado en varios frontes por gobernar pensando só en grupos minoritarios. E isto ocórrelle en temas trascendentais para o país, como é a regulación do uso da “lingua propia de Galicia” no ensino.

O problema radica en que se abordou a cuestión lingüística de xeito unilateral. O conselleiro Vázquez insistiu na rolda de prensa en que se tiveron en conta todas as opinións para redactar o documento. Pero esta non é a maneira de procecer en asuntos de país coma o da lingua. Non só hai que ter en conta as opinións, senón tamén o traballo conxunto con entes capacitados para facer valoracións e aportacións. En Galicia contamos con recoñecidas institucións como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, as tres universidades e numerosas asociacións de profesionais do ensino e da lingua que poderían ter aportado moito no borrador do decreto, sobre todo os propios docentes. A súa voz non só debera ser escoitada, senón que tamén podería ser vinculante; do mesmo xeito, que a das forzas políticas da oposición, que representan a unha gran parte da poboación. De feito, a máis votos e persoas.

Foi o PP o que rompeu o consenso establecido na Lei de Normalización Lingüística de 1983 e no Plan Xeral de 2004, aprobados por unanimidade no Parlamento de Galicia. A solución pasa por volver a este punto de consenso e a partir de aí buscar alternativas válidas para todos. Doutro xeito seguirán as protestas e tamén o descontento en amplos sectores da sociedade.

14 mar, 2010

Diferenzas ideolóxicas ou personalismos?


Lucía López Bayo

Carlos Aymerich recomendou o pasado sábado a celebración dunha Asemblea Nacional no BNG o ano que vén, antes das eleccións municipais de 2011 para superar “a sensación de interinidade” que a formación lle transmite á sociedade tras a derrota dos pasados comicios autonómicos do 1 de marzo. As ideas que presenta a corrente Máis BNG semellan interesantes e de interese para a xente, pero... son compatibles coa UPG? Neste momento, Máis BNG e a UPG non se entenden, pero, cal é o motivo? Débese a diferenzas ideolóxicas ou a personalismos? Estaría ben que o aclarasen, as dúas cousas.

23 nov, 2009

Políticos de segunda


Lucía López Bayo

Mentres xorden cada día novas revelacións sobre o ‘caso Gürtel’, o xuíz Baltasar Garzón puxo o martes en marcha unha nova operación anticorrupción en Cataluña, que afecta a un destacado alcalde socialista, Bartomeu Muñoz, de Santa Coloma de Gramenet, e a dous ex altos cargos dos gobernos de Jordi Pujol.

O que parece evidente é que ante calquera caso de corrupción, o que hai que facer primeiro é apoiar a acción da xustiza e pedir despois aos responsables dos partidos concernidos a máxima contundencia no castigo dos seus militantes imputados. Xa é hora de que os políticos empecen a defender a democracia e que se conxuren para combater o cancro da corrupción, en moitas ocasións ligada ao financiamento dos propios partidos. Para calquera demócrata é evidente que non é o momento do cinismo político, nin de descualificar o traballo das institucións policiais e xudiciais. Dende logo non é propio de quen goberna e de quen pretende gobernar poñer en dúbida o Estado do Dereito.

29 out, 2009

Michael Jackson e o 'show business'

Lucía López Bayo

A homenaxe de despedida de Michael Jackson celebrada en Los Ángeles foi unha mistura de funeral laico, espectáculo e fenómeno de masas global, servido todo en directo por televisión e Internet. A despedida do Rei do Pop converteuse no ‘último grande espectáculo’ do artista. Un funeral á altura dun xefe de Estado e dun país como Estados Unidos, que ten a capacidade para converter a imaxe dos seus símbolos en mitos intemporais.

Se sorprendente resulta que se someta a sorteo a asistencia á homenaxe fúnebre adicada a un artista, aínda é máis sorprendente o escenario elixido –o pavillón onde xogan Los Ángeles Lakers. Isto é o show business, señores. Xa nada nos pode estrañar, ¿ou si?

Seguramente, a cultura de masas sea inseparable destes novos usos, tan afastados das convencións sociais máis estendidas. Pero se un artista ou cantante como Jackson foi capaz de programar en Londres varias ducias de concertos multitudinarios e vender todas as entradas moito antes da primeira actuación, non debe estrañar que as cifras de asistencia e audiencia se desborden na última despedida. O funeral bateu récords en Internet, onde millóns de persoas o seguiron en directo, aumentando o tráfico un 19 por cento sobre a media normal. Pero a televisión foi a que se levou a palma. O ‘evento’ foi seguido en directo por 31 millóns de espectadores en EE UU. A cifra queda só un pouco por debaixo da rexistrada durante o enterro do ex presidente dos EE UU Ronald Reagan, con 35,1 millóns de espectadores en 2004, ou o funeral de Lady Di, con 33,3 millóns en 1997.

Pero, se cadra, o que en realidade chegaría a sorprender de verdade sería xustamente todo o contrario, porque na sociedade da información e das novas tecnoloxías a notoriedade e o seguimento dos creadores non coñece barreiras, e é a globalización cultural a que fixa as novas leis de aplicación universal.

Quizais o que resulta máis rechamante de todo canto rodeou a reacción á morte e ás exequias de Jackson sexa que, con razón ou sen ela, dá a impresión de que todo respondeu ao desexo de quentar o ambiente para pechar o ciclo cunha grande posta en escena. Quen sabe...

12 xul, 2009

A decisión do Partido Popular

Lucía López Bayo

A decisión do Tribunal Supremo de asumir as investigacións sobre o tesoureiro do PP, o senador Luis Bárcenas, e o portavoz adxunto do partido no Congreso, Jesús Merino, é un paso decisivo no esclarecemento do ‘caso Gürtel’, a trama de corrupción dirixida por Francisco Correa. A Bárcenas atribúeselle a presunta comisión de suborno e delito fiscal, mentres que Merino é supostamente responsable de suborno.

Toda a estratexia defensiva do PP baseouse ata o de agora en insistir na presunción de inocencia de Bárcenas e Merino e en presentar a súa actuación como algo meramente persoal, sen relación ningunha coa actividade do partido. Porén, cada día que pasa o Partido Popular é máis consciente do coste político que ten manter nos seus postos aos dous sospeitosos, sobre todo a Bárcenas, o home que controla as finanzas da organización política. Por iso se empezan a escoitar no seo do PP voces que cuestionan a parálise de Mariano Rajoy neste asunto e piden a destitución do tesoureiro. Parece que non hai unha solución mellor para os propios populares. Veremos cales son as decisións que toma a dirección do partido.

28 xuñ, 2009

Gaña o Partido Popular


Lucía López Bayo

As eleccións ao Parlamento Europeo estiveron marcadas por un clima de incerteza polas expectativas de baixa participación. As enquisas a pé de urna xa sinalaban que estes comicios causaron menos interese que os anteriores de 2004, aínda así conseguiuse superar o 45,47% rexistrado fai cinco anos, ao alcanzar o 45,81%. O PP foi o grande triunfador da noite ao obter 23 dos 50 escanos que lle corresponden a España fronte aos 21 que obtivo o PSOE. Pero máis alá dos resultados, cómpre facer outras análises políticas, xa que esta é a primeira derrota electoral de Rodríguez Zapatero.

Por outra banda, Mariano Rajoy consegue consolidar o seu liderato á fronte do Partido Popular. Porén, os resultados destas eleccións deberían ser un revulsivo para todos os partidos políticos, que programaron as súas estratexias políticas en clave estatal e partidista sen ofrecer aos cidadáns nin a máis mínima explicación sobre o que vai ser a Unión Europea no futuro nin cal vai ser o papel de España nese novo contexto. Cada partido debería facer unha análise seria e rigorosa de por que sucedeu o que pasou e que responsabilidade ten cada un por haber feito unha das peores e máis prescindibles campañas electorais da historia democrática de España.

8 xuñ, 2009

Despropósito


Lucía López Bayo

A decisión do Tribunal Supremo de citar a declarar como imputado ao xuíz Baltasar Garzón por excederse presuntamente na investigación das desaparicións durante a Guerra Civil e o réxime franquista só causa perplexidade na sociedade debido ao despropósito que supón. A polémica sobre se Garzón era competente ou non para afrontar o asunto quedou claro en novembro do ano pasado cando do Supremo decidiu que non. Porén, Manos Limpias -un sindicato ultradereitista- mantivo viva a cuestión ao querelarse contra o xuíz da Audiencia Nacional.

A decisión do Supremo contén unha grande carga política de castigo de todo o que supoña un xuízo ao franquismo. Pero no fondo do caso tamén late o fenómeno da corrupción política, de cuxa persecución Garzón foi un abandeirado. A maior parte das asociacións de xuíces cren que a querela acabará arquivada e non se dará aos detractores de Garzón o trofeo de sentar ao xuíz no banquiño. Veremos cal é o desenlace desta truculenta historia.
_______________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

4 xuñ, 2009

O Partido Popular e o galego


Lucía López Bayo

Durante esta fin de semana o PPdeG celebra o XVI Congreso no que participarán un total de 2.100 compromisarios procedentes das catro provincias galegas para ratificar a Alberto Núñez Feijóo como presidente do PPdeG. O conclave popular depara poucas sorpresas. De feito, onte xa se anunciou que repetían no cargo José Manuel Barreiro, como vicepresidente do PPdeG, e o actual secretario xeral do partido, Alfonso Rueda, quen compaxinará este cargo coa Consellería de Presidencia.

A gran novidade do evento será sobre quen recaerá a responsabilidade de ocupar o cargo de portavoz do partido, que previsiblemente terá un papel protagonista na política galega nos vindeiros meses e aliviará o sobrecargo nas funcións de Rueda. Pero máis alá dos cargos do partido están as bases ideolóxicas, sobre todo tendo en conta a ‘renovación' feita por Feijóo. A estratexia de Núñez Feijóo para configurar o seu equipo foi apostar por unha xeración de políticos de perfil máis xestor que político. E de feito, o equipo popular actual caracterízase por ter un perfil moi parecido ao PP de Madrid, con pouca identificación cos anteriores membros do Partido Popular de Galicia e tamén cos seus principios ideolóxicos.

É evidente que un perfil moderno e urbano era necesario para aglutinar todos os sectores e para marchar xunto ao Partido Popular de Rajoy; pero non é menos evidente que o líder popular galego deberá poder contar ca lealdade de cada unha das partes do seu partido, incluidas aquelas máis escoradas cara a unha liña galeguista que o propio Fraga abandeirara.

Por outra banda, é preocupante o xiro que está dando o Partido Popular con respecto ao galego. A contribución que se fai dende o partido para alentar un ‘conflicto' sobre a lingua -que non existía- non leva a ningures, e mesmo o discurso sobre o galego é contradictorio entre uns dirixentes e outros.

Ben é certo que dentro do propio partido hai políticos que teñen moi clara a súa defensa pola lingua propia de Galicia. Porén, parece que estes políticos -con máis experiencia e un maior coñecemento da realidade galega- non teñen a capacidade suficiente para influír nas novas xeracións, dado o comportamento e declaracións dalgúns dirixentes do PP, que mesmo forman parte do Goberno galego.

_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

9 mai, 2009

Ritmo lento


Lucía López Bayo

Xa pasaron dúas semanas dende a toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo, e dous meses dende a derrota electoral do bipartito, e parece que o novo Goberno galego camiña paseniño. A día de hoxe aínda están sobre a mesa do presidente da Xunta dezaoito nomeamentos de altos cargos, un eido no que o propio Feijóo asume máis dunha dificultade. E non lle falta razón, xa que algunhas das áreas que teñen a cadeira vacía son Política Lingüística e a xestión da Cidade da Cultura, entre outras.

As dificultades para atopar quen se responsabilice destas funcións non é de extrañar, xa que no caso da primeira, o seu responsable terá entre os seus cometidos a derogación do decreto do galego no ensino. Seica máis de un xa rexeitou a ‘pataca quente' de Política Lingüística. Por outra banda, a Consellería de Cultura aínda ten pendente o nomeamento das persoas que pilotarán dous dos principais retos da Xunta: o Xacobeo 2010, no que os galegos teñen os ollos fixos polo que pode supoñer na recuperación da crise; e a posta en marcha do proxecto da Cidade da Cultura, tema que probablemente seguirá enchendo páxinas nos xornais.

___________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

5 mai, 2009

O verdadeiro reto do PSOE


Lucía López Bayo

Novo líder e nova era para o socialismo en Galicia. Tras o congreso de Pontevedra, chega o ourensán Pachi Vázquez e con el a oportunidade de que o PSdeG-PSOE recupere as esencias de dous dos seus principais valores: o galeguismo e a socialdemocracia. Así o remarcou o propio líder socialista, que conquista a dirección do partido avalado polas súas bases e tamén polo ministro galego José Blanco, o número dous do PSOE.

Aínda que Pachi Vázquez falou de volver gobernar en Galicia, o verdadeiro reto para o PSOE está máis nas eleccións municipais, onde os socialistas galegos xóganse realmente o "ser ou non ser". O PSdeG, na maioría dos casos xunto ao BNG, goberna a práctica totalidade dos grandes concellos de Galicia e, se repite o resultado, estará en inmellorables condicións para dar o asalto á Xunta. Pola contra, Galicia terá PP para longo. A principal encargada de que non sexa así é a socialista coruñesa Mar Barcón (na fotografía), cuxa responsabilidade en termos electorais é agora máxima no PSdeG.

_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

26 abr, 2009

Paraísos fiscais


Lucía López Bayo

Dende que estoupou a crise financeira norteamericana, que arrastrou a todas as economías do mundo, non cesan as voces para introducir reformas no sistema que impidan sobresaltos como os que deixaron fóra de xogo a grandes bancos e aseguradoras e provocaron, de rebote, unha contracción do crédito que rematou por danar consecuentemente as economías das familias e as empresas. Aínda que parece que no último encontro do G-20 se tomaron medidas neste sentido, haberá que agardar certo tempo ata que se empecen a ver os resultados efectivos.

Pero, se cadra o tema no que máis coincidencia hai entre as autoridades económicas é a eliminación do segredo bancario que practican algúns países dando acubillo a fondos opacos a salvo de obligacións fiscais, máis coñecidos como paraísos fiscais. Certamente é unha anomalía para o sistema financeiro que nalgúns territorios non se graven as rendas de capital, pero sobre todo parece unha fonte de irregularidades e delitos fiscais. Veremos o que soluciona a este respecto a elaboración de "listas negras" destes países.

________________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

23 abr, 2009

Feijóo e a esquerda


Lucía López Bayo

As formas do xa presidente Alberto Núñez Feijóo no seu acceso á presidencia da Xunta contrastan coa dureza empregada na que, segundo todos os observadores, foi a campaña máis sucia da democracia. É, que dúbida cabe, un avance importante, xa que peor sería seguir polo mesmo camiño.

Pero as formas, sendo importantes, non o son todo. Alberto Núñez Feijóo está agora obrigado a demostrar con feitos que sabe gobernar un país en crise. Para iso precisa alomenos dúas cousas: un bo equipo e un programa que deixe atráis a retórica coñecida estes últimos días e as boutades da campaña electoral.

O presidente Núñez Feijóo parte co respaldo da maioría dos galegos e agora debe gobernar para todos; tamén para esoutra metade que sente de esquerdas e que vota ao PSOE e ao BNG. É verdade que dixo que ten intención de facelo. Con todo, os galegos sabemos moito máis das súas políticas conservadoras que das progresistas que poida ser capaz de ir incorporando.

__________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

20 abr, 2009

Falta de responsabilidade


Lucía López Bayo

A ONU conmemorou o xoves pasado o 15º aniversario do xenocidio de Ruanda, que custou a vida a máis de 800.000 persoas, na súa maioría tutsis. Poren, nesta celebración cabe destacar a covardía e a indiferenza da comunidade internacional durante as matanzas, ao non mediar no conflito étnico. De feito, os organismos internacionais foron acusados en repetidas ocasións de non haber feito o suficiente para deter aos culpables do xenocidio.

Todo comezou cun xenocidio de 800.000 persoas que ninguén quixo parar, era máis fácil mirar cara outro lado. Como sucede agora en Sudán ou en Gaza, onde tamén falta perspectiva sobre como actuar. As mostras de inutilidade das organizacións internacionais son cada vez máis evidentes porque, non é só o caso de Ruanda, houbo máis xenocidios -Bosnia, Kosovo- e a política internacional actuou do mesmo xeito, indiferenza ou falta de resposta. Mirar cara outro lado é máis doado, pero as consecuencias son máis desastrosas, o que a longo prazo resulta máis caro.

__________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

14 abr, 2009

Resultados pendentes


Lucía López Bayo

Malia as controversias e amagos de diverxencia en varios temas, os líderes dos países máis ricos do mundo, reunidos en Londres o pasado xoves, conseguiron poñerse de acordo en varias cuestións, encubrindo así as diferenzas máis relevantes. O cumio do G-20 quedou lonxe da fundación dun novo orde mundial, pero coas medidas adoptadas -forzadas pola difícil situación mundial- comezaranse a poñer os seus cimentos.

Por outra banda, púxose de manifesto de maneira crara, que Estados Unidos non pode abordar nin resolver en solitario a crise, a pesares de seguir sendo a potencia económica indispensable. Deste xeito, EE UU non pode ser a única locomotora da recuperación, aínda que o papel de Obama neste caso, pasa por ser o guía da tribu.

En primeiro lugar para facer propostas efectivas, pero tamén para lograr o consenso entre todos os países, que defenden as súas posicións incluso con ameazas (coma Merkel e Sarkozy). En todo caso, os resultados do cumio quedan sometidos á proba dos feitos, que non é outra que ver como evoluciona a crise económica mundial e os resultados dos plans de estímulo aínda en marcha.

________________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

5 abr, 2009

Acordo necesario


Lucía López Bayo

Os presidentes dos países desenvolvidos e emerxentes reuniranse no cumio do G-20 en Londres o 2 de abril coa presión de restablecer a confianza e coordinar un plan de acción conxunto para contrarrestar a peor caída da economía mundial desde a Segunda Guerra Mundial. Por outra banda, o cumio mostrará a necesidade de poñer sobre a mesa máis plans de estímulo durante o 2010, a falta de que aínda se coñezan os resultados da primeira oleada de medidas levadas a cabo polos diferentes países.

Pero máis aló de novos plans, o verdadeiramente importante nesta reunión de líderes políticos é que haxa un compromiso firme de todos os participantes, algo que polo momento non foi posible. O que si está claro é que non sería bo que saisen como resultado da reunión enfrontamentos ou choques entre os asistentes, xa que a situación non axudaría a restaurar a confianza necesaria.

Neste sentido, témese que o desacordo entre os EEUU e a Unión Europea sobre as medidas a seguir fagan fracasar o cumio e aumente o nerviosismo nos mercados. Tan só é cuestión de días saber a conclusión.
_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

30 mar, 2009

Carencias diplomáticas


Lucía López Bayo

A retirada das tropas españolas de Kosovo é unha sorpresa agardada, xa que a presenza do Exército español era manifestamente incómoda para o Goberno dende que a ex-provincia serbia declarou unilateralmente a independencia hai algo máis dun ano.

Aínda que o feito en sí -a volta dos militares- poida valorarse positivamente, resula chamativo o xeito en que o Goberno o anunciou, pasando por riba dos trámites normais nos acordos entre estados e organizacións internacionais. Outro motivo de disgusto na Comunidade Internacional é que España dea por cumprida a misión nos Balcáns cando todos os datos indican que sen a tutela armada internacional a paz na rexión saltaría polos aires.

O asunto debilita a posición de España na xestión dos grandes conflitos internacionais e, ao mesmo tempo, deixa patente as carencias diplomáticas do Goberno español, posicionandoo como un Estado aliado pouco fiable. Con este tipo de actuacións España non logrará nunca ter unha posición destacada no marco internacional, por moito que Zapatero acuda á cumbre do G-20 o dous de abril.
_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

23 mar, 2009

Alternativa de futuro


Lucía López Bayo

Ao analizar o resultado da campaña electoral coa cabeza fría resulta indispensable pararse nalgúns aspectos determinantes. Por unha banda é indiscutible que a crise económica castiga sempre a calquera goberno. Ademais, en situacións críticas como a actual, a sociedade adoita votar máis á dereita. Doutra banda está a actitude timorata do bipartito ante a campaña sucia de mentiras e infundios da oposición, amplificada polos medios de comunicación afíns ao PP.

O resultado é que o PP gañou as eleccións, e gañounas sen pór sobre a mesa un grande programa electoral -máis ben parece que o está elaborando agora- e a base de repetir ata a saciedade "falsos" problemas -coma o do galego- creados polo bipartito. Pero se para algo serviron estas eleccións é para dar leccións a todos. E unha desas leccións é que calquera alternativa á dereita pasa por coalicións de esquerda onde PSOE e BNG teñen todas as posibilidades de voltar a gobernar. Para iso é imprescindible que exista unión entre ambos partidos. O que falla é vontade de ceder e potenciar aquilo que os une e non o que os separa. Só é necesario que as direccións dos dous partidos ordenen as súas casas e pacten entre eles non atacarse. Diso depende a alternativa ao PP en Galicia.
________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

15 mar, 2009

Tarde piache!


Lucía López Bayo

O presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, calificou acertadamente de "innecesario e improcedente" o recordatorio de Feijóo sobre o traspaso de poderes, sen embargo as súas réplicas chegan tarde. Está ben que Touriño queira demostrar como é realmente o líder do PPdeG -que ten moita présa por volver á Xunta- pero o único que consegue é desenmascararse a el mesmo con actitudes e declaracións que endexamais pronunciou durante o seu mandato.

Por outro lado están as ansias de Feijóo e o seu equipo de sentarse nos despachos de San Caetano. A présa parece que se debe á gran vontade de traballo dos populares en momentos de crise, como se pode deducir das declaracións referidas á derrogación do decreto do galego no ensino e as galescolas e á urxencia na compra do coche oficial do novo presidente. Toda unha mostra da preocupación do novo Goberno polos cidadáns que están a quedar no paro e as familias que non chegan a fin de mes. Que ninguén veña logo a queixarse de que non sabe cales son as prioridades da nova Xunta! (Que se podía esperar?!).
_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

9 mar, 2009

O fin non xustifica os medios


Lucía López Bayo

Sen ningún tipo de escrúpulos, ética, nin moral, a dereita galega e española iniciou unha campaña sucia con ataques persoais aos líderes do PSOE e o BNG, irrespetando a intelixencia do pobo galego ao poñer sobre a mesa informacións terxiversadas en vez de presentar propostas de futuro.

O PP está eufórico ante os resultados das enquisas que o sitúan moi cerca da maioría absoluta –necesaria para volver á Xunta de Galicia– nas próximas eleccións. Os líderes populares están convencidos de que o PP vai a gañar as eleccións galegas, e para iso utilizan todas as armas –políticas e non tan políticas– para chegar ao poder e consolidar a Mariano Rajoy como o líder do partido.

O PP cre que utilizar tácticas descalificativas que se repiten ata a saciedade nos medios de comunicación afins lle reportará o empuxe necesario para lograr a súa meta. O fin último da dereita nestas eleccións centrouse en desmobilizar á esquerda, xa que sabe que a chave destes comicios vai a estar na participación. Deste xeito, se conseguen que haxa unha gran abstención do voto de esquerdas o próximo domingo, terán na súa man a posibilidade de volver a gobernar en Galicia, despois dun paréntese de catro anos de bipartito. Estas actitudes da dereita son moi dañinas para a democracia dun país estable como Galicia. Cando os políticos non saben poñer por diante os intereses do país e son capaces de facer calquera cousa baixo a premisa de que “o fin xustifica os medios” con tal de chegar ao poder ponse en perigo a boa situación democrática actual alcanzada nos últimos trinta anos. A incesante campaña sucia o único que logrará é a saturación negativa da opinión pública, e a estratexia maquiavélica pode volverse en contra de quen a promove. O que necesita Galicia son propostas sobre o que se fará durante os próximos catro anos non o “lixo mediático” que en nada contribúe ao desenvolvemento do país.

O 1-M os cidadáns non poden quedarse cos brazos cruzados ante esta campaña, deben acudir ás urnas e dicir o que pensan para que non se terxiverse o contido do proceso electoral, e en definitiva, para fortalecer a democracia e as boas condutas políticas.
_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

28 feb, 2009