25 de abril, sempre!


Paulo Naseiro

A Europa dos últimos tres séculos é a era das revolucións populares, dende aquela que consagrou os principios da liberdade, a igualdade e a fraternidade e os dereitos do home, até as diversas revoltas “de veludo” que botaron abaixo os reximes comunistas do leste continental en 1989.

Semella que os europeos non vivimos cómodos nas marxes da democracia, nos campos ermos da ausencia de liberdades, do autoritarismo e o populismo demagóxico. Non o estaban os húngaros que en 1956 anceiaban un socialismo democrático, de face humana, logo das sucesivas opresións fascista e estalinista. Tampouco os checos e eslovacos que adiantaron a primavera de 1968 ao mes de xaneiro. Nos dous casos, os desexos de liberdade remataron esmagados por tanques rusos.

O Portugal de 1974 era un país pobre, atrasado e periférico, cuns dirixentes empeñados en manter a todo custe, nomeadamente máis de 200.000 soldados mobilizados e a maior parte do orzamento nacional, un imperio colonial que se extendía “do Minho a Timor”. A longa ditadura de Antonio Oliveira de Salazar, primeiro, e de Marcelo Caetano nos anos finais do rexime, mantiña un férreo control da oposición a través da temíbel policía política, a DXS-PIDE, e atrancaba calquera posibilidade de progreso e democracia.

E os tanques, por unha vez, cambiaron de bando, colocaron cravos vermellos nas súas bocachas de fogo e derrubaron o rexime en a penas 17 horas. O exército, que semellaba o máis forte bastión do salazarismo, converteuse no seu liquidador. Máis ben, algunhas ducias de oficiais fartos de “matar pretos” nos matos de Angola, Mozambique e a Guiné, e concienciados de que as forzas armadas deben estar ao servizo do pobo, das liberdades, da democracia. Como ben o expresou o inmortal Zeca, o povo é quem máis ordena.

O 25 de abril de 1974 Portugal cambiou para ben, e fíxoo para sempre. Non se acadou a democracia socialista que arelaba unha parte daqueles oficiais revolucionarios, pero o consenso en torno a unha democracia plena foi instalándose na consciencia do país. O Portugal libre cumpre 34 anos mergullado nunha seria crise económica, pero ninguén discute que agora se vive mellor que baixo a bota do feixismo criminal (que diferenza coa cantata que aquí algúns repiten sen vergoña de que “con Franco se vivía mejor”).

Estes días tivemos en Galiza ao protagonista fundamental da Revolución, o daquela maior Otelo Saraiva de Carvalho, que foi o encargado de deseñar e dirixir dende o posto de comando da Pontinha, en Lisboa, as operacións militares. Un home inxustramente perseguido, que pasou cinco anos na cadea en rexime preventivo, sen chegar a ser acusado xamais polos vencellos que unha campaña intoxicadora do poderoso Partido Comunista Portugués lle atribuíu cun grupo terrorista de ultraesquerda, as FP25, e hoxe rehabilitado só a medias: mentres algúns dos capitáns de abril ostentan estrelas de xenerais, Saraiva a duras penas recuperou a condición de tentente coronel reformado. Pero o que ninguén lle pode quitar é a condición de mito, reforzada pola súa disposición a non venderse a ninguén, de ir por libre e falar alto, pese a quen pese.

Un exemplo para os que amamos a liberdade.

Para saber máis:
Associaçao 25 de abril
Centro de documentaçao do 25 de abril. Universidade de Coimbra
Otelo Saraiva de Carvalho na Wikipedia


24 de abr. de 2008

No Día do Libro: entrevista a Cunqueiro



Paulo Naseiro

Nada mellor para conmemorar o Día do Libro que revisitar esta entrevista co grande Álvaro Cunqueiro, feita por Joaquín Soler Serrano para o programa "A fondo" de TVE, alá por 1978, cando a televisión pública estatal tiña algún programa de calidade.

Paga a pena ver o vídeo íntegro, co mindoniense parrafeando a gusto. Contén unha desas frases antolóxicas tan caras ao mestre: "unha língua é boa cando sabe a pan fresco". Realmente, non hai máis que engadir.

22 de abr. de 2008

Campeonato Galego de Taekwondo

Redacción
Hai vintecinco anos máis ou menos, cando xurdíu A Voz de Vilalba, incorporouse ao léxico chairego (non sabemos se tamén ao de Ramón Lamote) un novo vocablo, “taekwondo”, verba de orixe coreana que na vila, dende entón, ten unha traducción propia e moi particular: Antón Montes Hermida.

Compre dicir que, naqueles comezos dos oitenta, Montes, ademáis dos seus inxentes logros no ámbito deportivo, caracterizouse por ser un dos primeiros que, dun xeito absolutamente incondicional, contribuiu á promoción e difusión daquel pequeno xornal vilalbés.

O xornal desapareceu logo de tres anos e agora, xa no século vinteún, voltou en formato dixital. Entrementres Antón Montes continuou coa súa labor incansable ata o punto de que a súa promoción do deporte chairego fai del un privilexiado embaixador da Terra Cha polo mundo adiante.
Un bo exemplo desa labor viuse o pasado domingo día 20 de abril no pabellón de O Gatañal, en Cangas do Morrazo (Pontevedra). Alí celebrouse o Campeonato Galego de Promoción asistindo a él a Escola Moo Duk Kwan da nosa vila con dous dos seus deportistas máis destacados na categoría cadete: Antía González Fuentes e Michael José López Castelo. No Campeonato participaron uns trescentos trinta deportistas pertencentes a uns trinta clubes da federación galega nas categorías Cadete, Xunior e Senior.
Ambolos dous chairegos fixeron un bo papel, sobre todo López Castelo quen obtivo o primeiro posto logrando con ilo o premio correspondente a peso semipesado, tras vencer ao representante do ximnasio “Budo Aqua” de Vigo, na eliminatoria, e ao do “Patiño” de Moaña por unha máis que clara diferenza na final.
A vindeira cita do taekwondo galego terá lugar o próximo sábado 3 de maio, no Campionato Galego de Técnica, Pumses e Exhibición de adultos que se celebrará no pavillón do Campus Universitario de Vigo.

Dende aquí damos a noraboa aos dous rapaces e agardamos que continúen por moito tempos os éxitos.

Editorial



Redacción



Hoxe falaremos do bispo Lugo. Non estamos a referirnos a Alfonso Carrasco, o bispo de Lugo, senon a Fernando Lugo, o bispo de Paraguai que un bo día decidiu entrar en política para cambiar as cousas no seu país e rachar definitivamente coa hexemonía do Partido Colorado, no poder durante máis de sesenta anos, dictadura de Stroessner incluida.

O 29 de marzo de 2006, Fernando Lugo encabezou unha marcha de miles de persoas contra o presidente Nicanor Duarte Frutos, representante do Partido Colorado, forza política no poder dende o ano 1947. Con este xesto de saír á rúa a manifestarse en realidade estaba a renunciar aos seus labores eclesiásticos para entrar de cheo na política paraguaia. Así o interpretou o Vaticano, que xulgaba como inadmisible o feito de que un monseñor fose ao mesmo tempo un destacado opositor ao presidente Duarte. Por este motivo Fernando Lugo foi suspendido ad divini por Benedicto XVI das súas funcións eclesiásticas. O seu “pecado” foi en realidade a decisión de comezar unha carreira política e cambiar o statu quo imperante no seu país, facendo posible a saida do poder dunha oligarquía que gobernaba Paraguai coma se fose unha finca privada.

Hoxe queremos celebrar o trunfo do ex-bispo Lugo, que foi capaz de canalizar as protestas de diversos movementos políticos e sociais contra a reforma constitucional que pretendría promover o Partido Colorado para manterse no poder. Remata por fin a longa noite de pedra “do cuarto país máis corrupto do continente americano”, segundo o define o analista político Fernando Gualdoni.

Pero tamén queremos deixar varios interrogantes no ar: a cantos membros da curia española habería que suspender por manifestarse nas rúas e pedir o voto para un determinado partido? Acaso iso non é tamén “entrar en política”? Non son eles tamén opositores do presidente Zapatero? Opinen vostedes e deixen os seus comentarios, por favor.



A recuperación das torres do Arneiro

Manuel París

Tras rematar a Guerra Civil, Franco concedeu a Hitler unha serie de contraprestacións como agradecemento ao apoio que prestaron os nazis ao golpe de Estado contra a República española. Unha delas foi a posibilidade de instalar varias bases de radionavegación que facilitasen o posicionamento e seguimento dos submarinos e avións no Golfo de Bizkaia. No Estado español instaláronse por aquela época dúas bases destas características: unha en Sevilla e outra no concello chairego de Cospeito. Tratábase dunha tecnoloxía que os xermanos desenvolveran co nome de Electra-Sonne e que os británicos rebautizaron como Sistema Consol. Foron montadas por un continxente de soldados do III Reich na parroquia de Arneiro, en Cospeito; trouxéronas en 1940, desmontadas por pezas en camións dende Alemaña, onde o material fora fabricado por Telefunken. Así o recollen Serafín Trashorras e Angel Valín en varios artigos publicados sobre o tema, e que sirven de referencia para a elaboración desta reportaxe.

Coñecidas popularmente como as torres do Arneiro, contan con 112 metros de altura e son os últimos vestixios dun primitivo sistema de radiolocalización europeo -predecesor do GPS- do que se beneficiaron tamén os británicos para as súas operacións bélicas. Durante a Segunda Guerra Mundial a base sufriu avarías e aos alemáns foilles imposible facer chegar as pezas de recambio para arranxalas; mentres, os británicos forneceron ditas pezas, o que demostra de que as antenas foron empregadas por ámbolos dous bandos. A base de Arneiro dista uns 12 quilómetros do aeródromo de Rozas, construído tamén polo exército alemán nas mesmas datas.

Unhas instalacións en ruinas
Despóis da Segunda Guerra Mundial as instalacións pasaron a depender do Exército do Aire español até 1962, ano no que foron transferidas a Aviación Civil, prestando servizo de control de navegación aérea ata 1971. En 1980 as antenas foron apagadas definitivamente, quedando fora de servizo.

Na actualidade son propiedade do Ministerio de Defensa; pero a base atópase totalmente arruinada e abandonada, conservándose en estado moi precario dúas das tres torres que formaban o complexo. De feito, os devanditos elementos constitúen un risco para a navegación aérea xa que carecen de balizas luminosas que advirtan da súa presenza na noite ou en circunstancias de escasa visibilidade. A terceira das torres foi derrubada por efecto do vento hai dous anos, durante o inverno de 2006.

Esta situación de abandono non é impedimento para que grupos de radioaficionados, servíndose de xeradores eléctricos aplicados a equipos de transmisión, conectasen as antenas, facéndoas funcionar, por exemplo, na primavera de 1997, na que se conseguiu que unha serie de mensaxes chegasen a toda Europa, Estados Unidos, Africa, Asia e ata Nova Zelandia, a 17.000 quilómetros de distancia. Precisamente unha delas, a Asociación Cultural de Radioaficionados "Pórtico da Gloria" celebrará os días 17 e 18 de maio, dende Cospeito, un concurso internacional empregando para a transmisión as "Torres do Arneiro". Este concurso desenvolveráse paralelamente en Lugo e Sevilla, na antigua base militar onde se atopan unhas torres xemelgas ás galegas, e ten coma finalidade conseguir a rehabilitación das torres, consideradas unha importante obra de enxeñería e de comunicación.

Nos arredores da antena central consérvanse tamén outros edificios, como o que albergaba os equipos de transmisión, un barracón dedicado a cociña, duchas e dormitorio, a sala de oficiais, un alxibe e un garaxe, no cal sitúanse os xeradores diésel de fabricación sueca. Unha inscrición gravada na base dun deles co logotipo do Exército do Aire informa que as dependencias foron ampliadas en 1947. Tamén na base de cada unha das antenas sitúase unha pequena caseta metálica onde se colocaban equipos de transmisión e que aínda hoxe son usadas esporadicamente por algún radioaficionado para colocar os seus equipos e conectalos ás antenas.

Traballos de recuperación
A semana pasada a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta manifestaba a súa vontade de recuperar as Torres do Arneiro, situadas en Cospeito. Así o avanzaba o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias, durante unha visita ás instalacións, na que puido comprobar de primeira man o estado das mesmas. Na súa visita ao concello chairego, Fernández Iglesias estivo acompañado por representantes da Inspección de Telecomunicacións do Goberno estatal, así como polo xerente de Retegal, Xesús García Porto.

Dende a Xunta de Galicia se estudarán futuras utilidades do emprazamento, valorando o seu potencial como centro de radiocomunicacións, como laboratorio de probas e certificación radioeléctrica ou como centro de interpretación da evolución histórica das comunicacións por ondas de radio. Con esta iniciativa a Xunta da resposta ás demandas dos radioaficionados, que pedían ao Goberno galego a protección dos tres grandes radiofaros que o III Reich alemá instalou na Terra Chá como sistema de posicionamento de localización de submarinos e avións no Atlántico.

A acción a desenvolver “perseguirá a recuperación e recoñecemento dunha infraestrutura de gran valor patrimonial e tecnolóxico”, segundo destacou Fernández Iglesias, que tamén expresou o empeño da Secretaría Xeral de Comunicación a prol da recuperación da infraestrutura, acción que se desenvolverá en colaboración co Ministerio de Defensa, titular das torres na actualidade; de feito, ambas administracións están a traballar xa na definición dun convenio que permita a rehabilitación das instalacións.

A mellora das torres do Arneiro pasaría por recuperar a explicación histórica do que representaron na contenda mundial, así como por avaliar a utilidade destas grandes antenas para o transporte de servizos de telecomunicacións. O obxectivo último pasa por recuperar as instalacións para que os visitantes poidan coñecer a historia a través destas construcións mediante vídeos que se proxectarán no mesmo lugar. Entre os posibles usos que se estudan para as torres atópase aproveitalas para o servizo TDT na Terra Chá, para levarlles a radio aos mariñeiros, ou ben para mellorar a telefonía móbil na zona.

21 de abr. de 2008

De ideoloxía


Pilar Maseda

Teño por costume presentarme sempre como Vilalbesa da Praza, da Rúa do Sol, calquera que observe este dato pode pensar que me sinto diferente por esto, pois é verdade, medrei na Vilalba dos anos setenta daquela non eramos todos iguais, vivir nun sitio ou noutro do pobo socialmente era diferente, fun testemuña xeracional do cambio social na década dos oitenta chamada a da “movida” polo xurdimento dese movemento sociocultural de entonces en España.

Nós medramos ao ritmo do pobo, que coa inxección económica da "central das Pontes" e da "Alúmina" na Costa tiña a Vilalba de camiño, polo que se notaba esa evolución de preto pero éramos unha vila gandeira e agrícola sen evolucionar.

Lembro sendo adolescente, ter acompañado a meu pai a un mitin do PSOE na Coruña onde o guión versaba sobre todo na necesidade da reconversión industrial e da incorporación ao mercado común europeo; alá no principio dos oitenta falábase de "cambio" e algunha xente non tiña medo de levantar o puño e cantar a “internacional”, falábase de ideoloxía e de modernidade, pero en Vilalba fai algo máis de vintecinco anos non era fácil falar de ideoloxía e menos de socialismo ou galeguismo, cara dentro, parte daquela sociedade quería remontar o pasado pero aínda había medo aos comentarios e algún que outro personaxe.

Meu pai rexentaba un bar na Rúa do Sol que moitos rebautizaron como "a movida", homenaxe a época, (tamén tiñamos un negocio de venda ambulante, o noso cometido era vender de porta en porta, por todos os barrios e parroquias de Vilalba, teño que dicir que foi unha das experiencias máis enriquecedoras da miña vida, pero xa falaremos deso outro día.)

Volvendo ao bar, nas noites de troula e camaradería onde corría o clarete peleón do “Sotelo”, eu era testemuña das cantigas e mitins de taberna ao uso. Lembro que un día xurdiu a noticia da morte do “vello profesor” e alcalde de Madrid Tierno Galbán, aos meus catorce anos vin como unha tristura inmensa caía sobre as caras de meu pai e os seus amigos; pensaba, son valentes falan de república e socialismo en voz alta sen medo, daquela emocionábame lendo a Celso Emilio e saíame como un proído, un sentimento galeguista que xamais entenderon aqueles socialistas amigos de meu pai, nembargantes tiñan como himno a versión de Pucho Boedo do "monólogo do vello traballador", choraban escoitando: "Agora tomo o sol pero ata agora traballei corenta anos sen sosego..."

Volvendo a noite da nova da morte do "vello profesor" algún deles falou de conciencia social e que lle debían un respecto, así que despois de varios vasos de viño e moitas bágoas colleron o coche e dirixíronse a capital de España, eu esperaba ansiosa a súa volta, para min aquel feito equiparábase á auténtica "Odisea".

Regresaron cheos de emoción, abraiados do ben que se pasaba polo "puerto Pajares" (facía décadas que non ían a Madrid), enchemos o bar coas pegatinas do "oso e o madroño" co lema de despedida "Hasta Siempre", mentres algúns do pobo lles chamaban mortos de fame e borrachos aos meus heroes.

Recoñezo unha decepción tremenda dentro da alma, cánto camiño recorreron dando a cara todos aqueles nenos da posguerra que nos abriron as portas, quizás sexamos nós a xeración perdida, dós ideais ao acomodo, ónde quedaron as ideoloxías?, canso de falar coa xente tantos anos despois, ónde quedaron os idealistas?, a defensa pola igualdade do desigual?, os principios de convivencia?, agora a política só son verbas valeiras, moitos daqueles que criticaban a meu pai e aos seus amigos agora parecen ser "zetapeístas", xa non se fala de ideoloxía nin de ideas, agora a política é á carta; pura comenencia.

pilarmaseda@terra.es
Máis información de Pilar Maseda na Bibliografía Chairega.

Unha rareza bibliográfica







Paulo Naseiro

Hai poucas semanas, o amigo Manolo Roca, con quen comparto a paixón polos libros antigos, dábame noticia do achado dunha novela da que foi autor Manuel Vázquez Peña, irmán do ex-alcalde e por moitos anos boticario de Vilalba, Vicente Vázquez Peña.

Poucos días despois tiña nas miñas mans o libro, por xentileza do Manolo, e debo dicir que me enganchou de tal maneira que alá foi case nunha sentada ou, máis ben, en dúas. E tanto me gustou que xa son o feliz posuidor do meu propio exemplar, adquirido a través do magnífico portal dos libreiros de vello iberlibro.com.

Entrando en materia, La Ruta, que tal é o título do libro, acadou unha brillante clasificación no Premio Nadal de 1957, e foi publicado en 1959 por Destino. A obra narra de forma amena e por veces brillante a vida diaria dos trafegos que rodean o porto pesqueiro coruñés, O Muro, dende a descarga do peixe até a subhasta no mercado central de Madrid, retratando con mestría as vidas das persoas que se afanan en torno á daquela puxante industria pesqueira coruñesa.

A través das dúascentas corenta e oito páxinas da obra desfilan personaxes entrañábeis: os pescadores cuxa única retribución era o quiñón sobre as capturas, as pescantinas que tiñan tecida toda unha rede comercial, os intermediarios, os pobres e os pouco afortunados que vivían da solidariedade da comunidade do Muro, ou os camioneiros que arriscaban vidas e facendas levando a toda velocidade o peixe a través da meseta castelá, co tempo contado por mor da precaria refrixeración, a base de xeo, e os tempos que marcaba o propio mercado.

Porque máis alá dunha lectura amena e engaiolante, o libro é todo un tratado etnográfico sobre o funcionamento do comercio pesqueiro nos anos cincuenta do século XX, dos esforzos e os traballos das xentes, das variedades de peixe que arribaban aos peiraos galegos, dos distintos tipos de artes e embarcacións. Tamén, e dun xeito velado comprensíbel para a época, intuímos a pervivencia das ideas anarquistas que caracterizaron ao entorno do porto pesqueiro coruñés nos anos anteriores á Guerra Civil.

Sobre o autor, pouco máis podemos dicir que naceu en Compostela e licenciouse en medicina, téndose dedicado á investigación neste campo. Publicou tamén diversos ensaios sobre arte e filosofía.

La Ruta.

V. Peña, Manuel.

Barcelona: Destino. 1959.

248 pp.



20 de abr. de 2008

O centro urbano é para as persoas

Foto: Paulo Naseiro 2005

Iago Castro


Parece que a opinión dos lectores d'A Voz de Vilalba é clara respecto á cuestión da peonalización do casco histórico da vila. A estas alturas, case todos sabemos que este tipo de medidas, lonxe de perxudicar ao comercio, como argumentan algúns detractores, serve de catalizador para a posta en valor de zonas xeralmente deprimidas e abandonadas. Abonda con sinalar exemplos como o de Pontevedra, algunhas rúas de Ourense e Lugo, e moitos centros de pequenas vilas e cidades de Galiza.

Crear zonas á medida do peón, e non do automóbil, favorece o comercio, dota aos cidadáns de espazos amables nos que facer vida social e reatopar a dimensión humana dun urbanismo cada vez máis agresivo e pensado para o tránsito rodado. No caso de Vilalba, ademáis, podería servir para relanzar a zona vella, esquecida e despoboada a pesares dos millonarios plans de rehabilitación e das apostas solitarias de escasas empresas hostaleiras. Supoño que a recén nada Asociación de Veciños do Casco Histórico recollerá este anceio e o terá convertido en bandeira. Non lles faltarán razóns.

Pero, até onde debe chegar esta medida? A propia configuración viaria da zona parece ofrecer unha boa estrutura: As prazas de Sta. María, Coronel Pena e do Castelo, o primeiro tramo da Porta de Cima (de primeiras), e as rúas do Sol, Concepción Arenal, Roxeira e Valeriano Valdesuso.

Creo (e os lectores tamén) que Vilalba ten un tesouro na zona vella que se pode potenciar, comezando por adaptalo ao uso humano. Fai falla un pouco de valentía do Concello e máis dos veciños.

iago.d.castro@hotmail.com

19 de abr. de 2008

PSOE desbota a petición de dimisións


Redacción

No pleno do Concello vilalbés, celebrado o pasado venres día 11, o PSOE presentou unha moción reclamando que para próximas convocatorias para a contratación de persoal do Concello, se convoque unha comisión de emprego para establecer as bases das mesmas, atendendo aos principios de pluralidade, transparencia e igualdade de oportunidades.

A moción foi rexeitada cos votos contrarios do grupo municipal popular.

Máis alá do anunciado días antes en rolda de prensa, os concelleiros socialistas finalmente non pediron a dimisión dos concelleiros Martínez e Bermúdez.

15 de abr. de 2008

Sobre heroes e tumbas

Mario Paz González

Visitar a tumba dunha persoa descoñecida ten algo de singular. É coma internarse na vida (porque a morte ao fin e ao cabo forma parte indisociable dela) dalguén do que non sabemos nada, con quen non chegamos a ter contacto xamais e, en moitos casos, nin sequera coñecemos o aspecto que tiña, cales foron as súas preferencias e as súas fobias, as súas ambicións... Pero tamén é un xeito respetuoso de achegarse a eles, aos desaparecidos, para lembrarlles que aínda, dalgún estraño xeito, están a salvo do esquecemento, e que, desde o privilexio que disfrutamos de estar vivos, somos conscientes de que tamén nós pasaremos, máis cedo ou máis tarde, a formar parte do seu mundo, dese vacío insondable e eterno. Os mortos enterrarán aos mortos, di o texto sagrado.

Cando o finado ao que visitamos é un poeta, nun sentido amplo (dichter, que dirían os alemáns), hai algo nas sensacións que nese intre percibimos que se troca diferente. Imos camiñando cedo, entre os efluvios da mañán, tal vez na compaña da néboa ou dunha lixeira xeada, a un deserto cemiterio dunha cidade descoñecida, case sempre lonxana. Dar coa sepultura non resulta sempre tarefa doada, nin siquera naqueles casos nos que o poeta era alguén tan célebre coma para que a súa morada eterna fique anunciada na entrada ou en calquera outro lugar do camposanto. Especialmente curioso neste senso resulta o caso de Baudelaire, enterrado en París no cemiterio de Montparnasse (coma Vallejo, Sastre, Cortázar…). O seu nome apenas chama a atención baixo o das outras dúas persoas que o acompañan na morada eterna, a súa nai e o seu padrastro, a quen odiaba. Na lápida non se lle lembra coma un dos poetas en lengua francesa máis grandes do século, senón que, baixo o epitafio de Jacques Aupick, xeneral, embaixador e moitas máis cousas, lemos o seu nome fica esculpido para a eternidade cun breve “Charles Baudelaire, o seu único fillo, morto en París na idade de 46 anos, o 31 de agosto de 1867”.

Unha vez chegados frente á lápida do poeta en cuestión podemos renderlle unha pequena homenaxe. Non hai un protocolo preciso. Pode, por exemplo, lerse algún dos textos que nos deixou ou, simplemente, lembralos, nesa intimidade á que convida o silencio, coma se dunha oración profana se tratase. Non é difícil, ás veces, atopar sobre as lápidas papeis enrugados deixados a xeito de exvoto por anteriores visitantes. Tampouco, xa de volta á realidade, cruzarse con outras persoas que se teñen afastado, coma nós mesmos, das rutas do turismo oficial e intercambiar con eles unha mirada de complicidade.

Permítanme tomar prestado o título da grande (por contido e por extensión) novela de Ernesto Sábato para encabezar este artigo, pero precisamente diso trata o libro que ten atrapada a miña atención dende hai varias semanas, de heroes e de tumbas. Non se trata de heroes nun sentido convencional. Non estamos a falar deses personaxes, mistura de deuses e homes, protagonistas de vellas historias épicas (ou si?). En calquera caso son, ou foron, homes e mulleres reais, que existiron noutras épocas, non sempre lonxanas, pero dos que a súa presencia, malia xa non estar entre nós, continúa a encher un oco das nosas mentes e das nosas vidas grazas aos seus escritos. Ou, coma di o autor deste libro aludido, Cees Nooteboom (Le Havre, 1933),: “Visitamos uns mortos aos que coñecemos mellor que á maioría dos vivos”, pois a lectura permítenos vivir en conversa con eles que diría Quevedo.

O libro deixa constancia das visitas, ao longo e ancho do globo de terra e auga, que o poeta holandés fixo ás tumbas de insignes creadores coma Drummond de Andrade, Leopardi, Dante, Keats, Montale, Machado, Spinoza, Flaubert, Joyce, Eliot, Stevenson, Goethe, Baudelaire, Hölderlin, Kafka, Melville, Neruda, Proust, Vallejo ou Brecht. As cento trinta e cinco fotografías en riguroso branco e negro da súa dona, Simone Sassen, van acompañadas case sempre de textos do propio Nooteboom, doutros autores ou, mesmamente, dos finados. A temática é sempre común: a morte. Acaso nada estraño, pois o feito de nacer, coma o de morir, circundan a vida e, no fondo, preguntámonos: existe algún outro tema literario, agás a propia creación, que, por situarse entre ambos (vida e morte), non se relacione con eles?

A grande sensibilidade amosada polos autores non sorprende nalguén que desperta unha admiración tan diversa pola súa variada obra e pola labor de traductor de poetas de lingua castelá, catalana, francesa ou alemana. A cabalo entre Holanda, España e Alemaña, a súa vinculación connosco ven de lonxe. Xa en 1961 Francisco Carrasquer traduciu poemas seus en Poesía de España, aquela mítica publicación editada en Madrid por Carriedo e Crespo e na que tamén podían lerse poemas de Ánxel González, Goytisolo, Gil de Biedma ou o noso Celso Emilio. Entre os seus libros de viaxes merece destacarse un recente que culmina, precisamente, na nosa terra O desvío a Santiago (2007).


Tumba de Bertolt Brecht e da súa dona no cemiterio de Dorotheenstädter Friedhof, no antigo Berlín Leste.

Tumbas de poetas y pensadores.
Cees Nooteboom.
Fotografías de Simone Sassen.
Madrid: Siruela. 2007.
264 pp.


P.D.- Para todos os afeccionados á necrofilia literaria recomendamos: www.findagrave.com

mariopaz@avozdevilalba.com
Imaxe: MXM



13 de abr. de 2008

Especial Día da República



Redacción

Aos acordes do himno de Riego, lembramos aquel lonxano 14 de abril de 1931 no que se proclamou a II República, unha nova era de esperanza e ilusión tristemente truncada pola rebelión militar cinco anos máis tarde.

Para elo traemos ao espazo de A Voz de Vilalba dous interesantes traballos, os máis completos publicados até agora, sobre a época republicana en Vilalba, á espera de que o agardado libro que prepara o IESCHA sobre este tema vexa a luz, como unha contribución máis á recuperación da memoria histórica, secuestrada por máis de setenta anos.

O primeiro deles, escrito por Antón Baamonde, Carlos Gómez Osa e Ramiro Cendán e publicado no Boletín da A.C. Peña Novo e máis no xornal El Progreso no ano 1981, é unha visión xeral da Vilalba republicana. A súa importancia vese incrementada pola época na que foi publicado, cando aínda a ditadura estaba próxima e o ruído de sables deunos un susto o 23-f.

O segundo traballo, do redactor deste xornal Paulo Naseiro, foi publicado no Nº 3 do Caderno de Estudos Chairegos do IESCHA hai un par de anos, e afonda na historia da creación e o funcionamento do Instituto Manuel Murguía, inaugurado en 1933, e cuxo 75 aniversario celebramos neste 2008. O texto que presentamos é unha actualización do que xa viu a luz.

Clica nos enlaces para acceder aos traballos en formato PDF:

Vilalba, sociedade e política no período republicano (1 mb)

O Instituto Manuel Murguía: unha experiencia educativa na Vilalba da República (5 mb)

12 de abr. de 2008

E non haberá unha rúa para o Manuel?



Redacción


Vai para catro anos que nos falta a súa rexa voz, a súa presenza telúrica, firme. Os seus versos cheos de dignidade e de emoción pola terra, polas xentes.

O poeta nacional, o cantor da Chaira deixounos, entre outros prezados tesouros, o sinxelo ao tempo que monumental poemario Terra Cha.




Vilalba, dona da Chaira,
soportando un ceo gris:

¡sobre a gracia da abelaira

anda a cantar o malvís



Só estes versos merecen a lembranza inmorrente de quen quixo ler na capital do seu amado recuncho vital o discurso de ingreso na Academia Galega, de quen cantou como ninguén aos nosos poetas.


Carmiña Prieto Rouco, abidueira,
carpaza florecida, cotovía,

orballeira de luz, voz verdadeira

da Terra cha senlleira e largacía.


_____

Amigo García Mato, "Guedelliñas",
raioliña de sol entre a negrura,

carballeira sagrada, fonte pura,

namorado pastor das anduriñas.


Poeta da Terra, con maiúscula, compromiso de país. Poeta da terra, con minúscula, verdadeiro antropólogo dun tempo que xa non existe.


¡A terra arada e labrada
só quere ser sementada!


_____

Non canta na Chá ninguén.
Por eso o meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben

que a señardade me espanta.

_____

A gracia da abidueira
atopou o seu destino,
¡fíxose zoca chinela,
apreixa un pé feminino!




Poeta das xentes que durante séculos lle arrincaron á terra os seus frutos nun exercicio de supervivencia cotiá.


¡O home da Terra Chá
ten a alma mancada!



Quen serán os novos iñorantes, e férridos e duros? Quen serán os bos e xenerosos que, antes que despois, lle dediquen unha das mellores rúas da vila ao seu cantor, ao cantor da Chaira?


Vilalba, milagre en flor,
con recendo a centeeira,
¡que fermosura, ai amor,
andar o Campo da Feira!



11 de abr. de 2008

O PSOE denuncia a contratación de persoal


Redacción

O Grupo Municipal Socialista pedirá a dimisión dos concelleiros Jesús Bermúdez e Yolanda Martínez, no primeiro caso por tomar parte nun tribunal de selección laboral no que participaba un parente seu, e no segundo por inhibición nas súas funcións.

Os socialistas Elba Veleiro, Sonia Verdes e Martín Seco denunciaron o que cualificaron de chapuza, procedemento escuro e cacicada, en relación co proceso de selección dunha praza de técnico en informática de xestión para o departamento de servizos sociais. Lembraron, asimesmo, que o canditato finalmente seleccionado é o secretario da agrupación local do Partido Popular, mentres que a outra das aspirantes se lle infravaloraron os méritos presentados.

Da noticia fixéronse eco varios xornais. Pódese consultar a nova en La Voz de Galicia e El País.

Vestixios da ditadura no rueiro



Iago Castro


Parece que a opinión anda algo dividida, aínda que gaña a opción de tirar do rueiro os nomes que están dalgunha maneira relacionados con aquela etapa negra da nosa historia que foi a ditadura franquista.

É unha cuestión de xustiza
é a opción maís votada, seguida de perto por é unha parte da nosa historia (tamén o son os campos de concentración españois en Cuba, a expulsión dos xudeus ou a inquisición, dito sexa de paso). A distancia, as opcións hai que superar ese negro pasado e moi minoritaria, é unha molestia innecesaria, argumento usualmente utilizado por certos políticos para non facer nada e que, como queda demostrado, importa máis ben pouco.

Non se pretende que a enquisa sexa representativa, nada máis lonxe da intención de A Voz de Vilalba (quen vería ao Naseiro soltarnos o rollo estatístico), pero aquí puido entrar e votar todo o mundo de calquera punto do espectro ideolóxico, como o demostra o axustado resultado.

Así, pois, a ver que partido recolle a luva (tanto dá PP-PSOE-BNG) e vemos axiña unha moción no Concello para proceder a estes cambios necesarios.

Unha pista sobre por onde van os tiros dánola a segunda parte da enquisa. Aínda que, en principio, estaba restrinxida ás persoas que votaran afirmativamente na anterior, o número dalgunhas respostas indica que hai xente non partidaria dos cambios que, sen embargo, si removería algúns nomes, particularmente o do xeneral Nevado Bouza. Este é o resultado:



Nevado Bouza, Alférez López, Luís Valdesuso, Fraga Bello e Novo Cazón suscitan a opinión maioritaria (particularmente os primeiros), mentres que o Coronel Pena e Basanta Silva quedan a medio camiño entre partidarios e detractores.

Así que aquí quedan datos dabondo para a reflexión e máis para a acción. Agora, lectores d'A Voz de Vilalba, propoñan novas denominacións. A ver se nos fan algún caso.

iago.d.castro@hotmail.com

10 de abr. de 2008

Tempus irreparabile...

Por César Reis

Hai pouco máis dunha semana chegou de novo o chamado “horario de verán”, co cal os nosos reloxios adiantaron unha hora respecto ao horario de inverno. Isto vén sendo algo habitual e case rutineiro nestas datas do ano dende hai xa algún tempo. Sen embargo, as escasas referencias críticas ao tema, que apenas se puideron ler ao cabo da semana na prensa, fan pensar que a razón deste cambio (ese posible aforro dun 5% de enerxía) semella non ser excesivamente cuestionada. Malia todo, e co fin de facer unha análise quizais non moi profunda delo, compriría reflexionar un pouco sobre as orixes desta cuestión e, sobre todo, acerca doutra que latexa de fondo e que non adoita lembrarse.

Un pouco de historia
Aínda que existen precedentes, o "inventor" do horario de verán moderno, tal e coma hoxe o entendemos, foi un constructor británico, William Willett, quen en 1905 comezou a idear unha proposta que non acadaría a súa forma derradeira e definitiva ata dous anos despois, no momento no que decidiu facela pública. A adopción desta proposta tivo un inicial rexeite ata que se viu a súa utilidade no transcurso da primeira Guerra Mundial cando (concretamente o 30 de abril de 1916) foi levada a cabo por Alemania e os países da súa órbita por unha razón aparentemente sinxela e de peso: ese cambio horario contribuiría a afrontar a escaseza de carbón naqueles difíciles momentos. Coa aceptación gradual de moitos outros países (os neutrais primeiro, logo os demáis) e sobre todo dos Estados Unidos a partires de 1918, o horario de verán convertiuse nunha convención que, de xeito máis ou menos discontinuo e irregular, estendeuse ao longo do século. Foi a partires de 1974 cando se asentou definitivamente, xa que, coma consecuencia da crise do petróleo do ano anterior, voltou a reivindicarse coma unha imposición case universal consagrando así a súa (ata o de agora case incuestionada) incidencia no aforro enerxético.

Horarios europeos
A cuestión de fondo da que falabamos ao comezo non é exactamente esa, pero vanme permitir que antes de chegar a ela faga outra pequena reflexión.

O continente europeo divídese na actualidade en tres zonas horarias que toman coma referencia o Tempo Universal Coordinado (siglas en inglés UTC), antigamente chamado Greenwich Mean Time (ou GMT), nome que facía referencia ao meridiano que pasaba polo observatorio de Greenwich no Reino Unido (a nomenclatura actual pretende, entre outras cousas, eliminar as referencias locais). Pois ben, esas tres zonas horarias do continente son as seguintes:
  • Hora de Europa Occidental ou WET (Western European Time), seguida polas danesas Illas Feroe, as Canarias, o Noreste de Groenlandia, Irlanda, Islandia, Portugal e o Reino Unido. Territorios todos eles que adoptan o UTC+0 ou, para entendernos, a tradicionalmente chamada "hora de Greenwich".
  • Hora de Europa Central o CET (Central European Time), antigamente chamada “hora de Berlín” e baseada en UTC+1, é dicir, na adición dunha hora á de Greenwich. Englóbase aquí a maior parte dos países europeos, territorios tan lonxanos uns dos outros coma: Albania, Alemania, Bélxica, Dinamarca, España, Francia, Hungría, Italia, Polonia, República Checa ou Suiza por citar algúns.
  • Hora de Europa Oriental ou EET (Eastern European Time), baseado en UTC+2, é decir, dúas horas por riba da hora de Greenwich. Síguena países coma: Bielorrusia, Bulgaria, Chipre, Estonia, Finlandia, Grecia, Letonia, Lituania, Moldavia, Rumanía, Rusia ou Ucrania, entre outros.


O quid da cuestión
Hanse disculpar os parlamentos anteriores, pero son necesarios para o que vén agora, a verdadeira cuestión candente, é dicir, que a estas alturas, a ninguén se lle escapa (se bota unha ollada a un mapa de Europa) que a península Ibérica atópase, case na súa totalidade, ao lado oeste do meridiano de Greenwich (que a cruza máis ou menos pola altura de Castellón). É polo tanto, e sen lugar a dúbidas, un territorio do occidente europeo igual que o é Gran Bretaña. Se a elo sumamos que, contravindo o que se fixera en décadas pretéritas, a adscripción de España ao grupo de países da chamada “Hora de Europa Central”, naquel entón chamada “de Berlín”, data de 1940 (fai falla explicar por que?), decatámonos de que xurde aí unha pequena incoherencia que a case ninguén parece chamar en exceso a atención, a saber: que hoxe en día esa adscripción horaria non só é anacrónica, senón que carece de sentido. Toda a península debería englobarse dentro do primeiro grupo de territorios arriba citado, é dicir, aqueles que teñen como súa a hora de Greenwich e non a de Berlín, ou dito doutro xeito, que parecería máis lóxico que tivésemos a mesma hora que Londres e non a de Praga, Varsovia ou Budapest.

Se a ese desfase horario, que nos fai ir cunha hora por riba da que nos correspondería, lle sumamos o que aporta o chamado “horario de verán”, temos que toda a península, agás Portugal, leva durante varios meses do ano non unha, senón DÚAS horas de retardo con respecto ao horario solar.

Remate
Nós non somos quen de opinar sobre as consecuencias (positivas ou negativas) disto, así que deixaremos esa tarefa para os expertos e que sexan eles os que se pronuncien. A cuestión é moito máis complexa do que a simple vista semella e as solucións poden ser moitas, moi variadas e para todos os gustos. Malia iso, algúns xa se decataron hai tempo de que a reflexión e a búsqueda dun camiño parecen necesarios, aínda que semella non prestárselles a suficiente atención. Entre eles está Manuel Toharia, director científico da Cidade das Artes e as Ciencias de Valencia, quen dicía hai pouco (El Economista, 28-03-2008) que "ninguén demostrou que co cambio de hora se aforren cartos. O único que sei é que con el adiántase a hora á que comeza todo e tamén a hora na que remata". Aínda que este científico relativiza os efectos de cara á saúde que este cambio supón, o certo é que (poden facer vostedes mesmos a proba preguntando no seu entorno) a maioría da xente retrasa a hora da cea e, consecuentemente, a de deitarse. Ou quizais non esta última, pero ambas opcións (retirarse máis cedo ou máis tarde tendo ceado unha hora despois do que se viña facendo) traen unha considerable merma da calidade do sono. Analizado isto, case ata resulta lóxico que de vez en cando salte alarmado aos medios algún médico ou científico cuestionando públicamente os nosos hábitos insáns producto de estendidos horarios irracionais. O rechamante é que o resultado desas opinións remata producindo o escándalo de moitos cidadáns de a pe ou dalgún que outro columnista de turno, queixándose alporizado de que determinadas instancias superiores queren gobernar as nosas vidas.

Vostedes fagan o que lles pareza, pero coido que a cuestión merece, cando menos, unha breve consulta coa almofada.

Imaxe: MXM
cesar.reis.alveiros@gmail.com

7 de abr. de 2008

Como publicar comentarios ás entradas

Selecciona a opción "COMENTARIOS" ao final
da entrada e aparecerá esta pantalla:

6 de abr. de 2008

Festa do Queixo de San Simón da Costa


Redacción


Chegou á súa XIV edición a Feira do Queixo de San Simón da Costa, coa novidade que supón extendela a dous días consecutivos. Ademáis dos postos de todos os elaboradores deste produto autóctono, a feira deu cabida a outros queixos de calidade de diversas zonas de Galiza e do Estado, artesanía, produtos alimentarios de calidade e, como non, reservou un espazo para que as asociacións locais expoñan as súas actividades e programas. Un esforzo por parte do Consello Regulador do Queixo de S. Simón da Costa, non só para divulgar a súa producción, senón tamén a estimulante actividade da sociedade civil vilalbesa.

A Festa deste ano estivo precedida dun concurso de tapas elaboradas a base deste queixo montañés, na que participaron abondosos locais de hostalería vilalbeses.

A organización contou coa colaboración económica do Concello, Caixa Rural Galega e Consellaría do Medio Rural, e é un exemplo do que estes produtos tradicionais de alto valor engadido sobre as materias primas de base poden supor para dar un pulo económico á economía da zona.

Foto O'Riesan



Barras: Eléctricas? Galaicas?


Iago Castro

Begasa obsequiou a Vilalba onte, 1 de abril, cunha viaxe no tempo. Polas doce menos cuarto un apagón xeral deixou a vila ás escuras e rescatou das gavetas velas e lanternas. Nalgunhas zonas a luz eléctrica non volveu até perto da unha menos cuarto. Precisamente hai poucos días tentaba comunicar unha avaría no teléfono que a compañía ofrece para este mester. Unha operadora cabreada repetía continuamente es que no le entiendo. Normal. A quen se lle ocorre tentar falar en galego con Barras Eléctricas Galaico Asturianas, unha empresa implantada esclusivamente en zonas galego falantes da Terra Cha, A Mariña e o Occidente de Asturias, que ten o servizo de atención telefónica en Santander. Este é o respecto que lle merecemos a BEGASA-VIESGO-ENI. Pero, iso si, cobrar cóbrannos igual que a calquera. Faltaría máis.

2 de abr. de 2008

Dános a túa opinión sobre o rueiro


Redacción

Publicamos dúas novas enquisas na barra lateral esquerda. Dános a túa opinión sobre a permanencia de nomes relacionados coa ditadura no rueiro vilalbés. Dinos tamén que nomes removerías. Se algún non figura nas opcións da enquisa, escribe un comentario nesta mesma entrada. Grazas pola participación.

1 de abr. de 2008