Expo 2008 de Zaragoza

Os pavillóns internacionais, a piques de seren rematados


Moncho Paz
Enviado especial

A Voz de Vilalba visitou esta semana a Expo 2008 de Zaragoza, dentro dos actos previstos pola organización para amosar aos medios de comunicación as infraestruturas e os contidos da Exposición Internacional. A visita estivo incluida nas actividades da Semana da Prensa (24-30 de maio), na que directivos dos principais medios de comunicación do Estado español tiveron oportunidade de coñecer de primeira man os contidos da mostra que será inaugurada o vindeiro 14 de xuño baixo o lema “Auga e desenvolvemento sostible”.

Os xornalistas foron recibidos polo Director de Comunicación da Expo 2008, Antonio Silva de Pablos, que estivo acompañado polo Comisario da Expo, Eduardo López Busquets, e polo Director de Comunicación da Sociedade Estatal España Expone, Pedro Molina Temboury.

A celebración da Expo 2008, onde o elemento protagonista será a auga, suporá para a cidade un grande impulso a nivel internacional. Este evento será decisivo no camiño da capital aragonesa hacia a capitalidade europea da cultura en 2016; e tamén para postularse como cidade abandeirada contra o cambio climático. Durante 93 días –ata o 14 de setembro- celebraráse un programa de actividades que fomentarán o debate medioambiental. A Tribuna da Auga concíbese como un centro de coñecemento e experiencias para contribuir a reorientar e mellorar os modelos e sistemas vixentes en materia de auga e desenvolvemento sostible, de onde sairá a “Carta de Zaragoza”, a xeito de compromiso entre os participantes.

Para máis información http://www.expozaragoza2008.es/

30 de maio de 2008

A asemblea de pais do Ínsua Bermúdez decide reanudar as clases

Foto: AVV


Redacción


Máis de douscentos pais e nais do CEIP Ínsua Bermúdez reuníronse onte ás oito da tarde en asemblea para decidir a continuidade das clases a partires do vindeiro luns, 2 de xuño, logo de ser informados pola comisión encargada de trasladar as súas esixencias ás autoridades educativas do éxito da súa misión. A comisión recibiu o agradecemento dos presentes, que aplaudiron as súas xestións.

A continuación, e de xeito espontáneo, pais e nais pertencentes á ANPA do centro esixiron celebrar outra reunión, de xeito inmediato, para tratar o que cualificaron de "desinterese" por parte da directiva diante deste grave problema. Os asistentes, arredor de vinte pais e nais, pediron insistentemente a demisión da xunta directiva.


Reflexións en frío


Paulo Naseiro

Agora que as nosas principais preocupacións están atendidas, e xa libre de toda representación ou mandato, teño a necesidade primeiro como pai, despois como informador e, por último, como cidadán que paga impostos nun estado democrático, social e de dereito, de despacharme a gusto acerca dos sucesos dos últimos días no CEIP Ínsua Bermúdez, do que tamén fun alumno hai moitos, moitos anos e ao que me unen fortes vencellos afectivos.

O primeiro, agardar que esa xustiza tan lenta e ás veces tan desesperante remate por sinalar responsabilidades, que as hai. Por esta banda, só agardar que as cousas sigan o seu curso normal e que non se dilúan en longos e tediosos procedementos. Pero, de momento, aquí queda por escrito o meu desprezo a aqueles que resulten sinalados polo dedo da xustiza, sexan técnicos ou políticos. O meu desprezo eterno e total para os que planearon, toleraron e consentiron a coexistencia das perigosas obras e as súas precarias medidas de seguridade con trescentos e pico nenos e nenas de catro a doce anos. Un desprezo que gustarei de cuspirlles á cara algún día.

O segundo, unha autocrítica feroz. Síntome mal, como pai, como moitos pais e nais estes días, por permitir que esto estivera sucedendo diante dos nosos ollos. Algún día teremos que decatarnos de que hai tempo que deixamos de ser súbditos obedientes e nos convertemos en cidadáns conscientes dos nosos dereitos e deberes. Alguén lembraba estes días que, como pais, temos un deber supremo consagrado na nosa lexislación: a patria potestade e a garda e custodia dos nosos fillos. Nós tamén somos responsábeis do perigo que correron todo este tempo.

Como informador, tiven que vivir a penosa situación de que algún don ninguén da administración, non sei se por iniciativa propia ou por mandado superior, me recriminara a realización do meu deber como reporteiro gráfico. Dóeme que a estas alturas fiquen aínda ramalazos dictatoriais deste tipo dentro das nosas administracións. Magóame, como votante de esquerdas, como activista de toda a vida, que o meu voto e o de centos de milleiros de galegos non sirva, como mínimo, para cambiar as formas aquelas que tanto criticabamos, e que, polo que se ve, aínda temos que soportar. Para esta viaxe non cumprían alforxas. Reciban outra dose de desprezo, se se queren dar por aludidos, e tamén unha advertencia: este non é un bo camiño.

Magóame, por último, que persoas polas que tiña un antigo e grande aprezo puxeran por diante do seu deber de pais a súa condición de políticos. Agardo que, cando pase a tempestade que durante un tempo vos vai pór na picota, se cadra merecidamente, podamos un día falar con calma e tranquilidade e me expliquedes en que demo estabades pensando. É moi triste que unha labor de tantos anos quede ensombrecida por unha actuación tan desafortunada.

Última hora (15:00 h) Paralizadas as obras do CEIP Ínsua Bermúdez

Redacción


Logo da reunión mantida esta mañá entre o delegado provincial da Consellaría de Educación, a arquitecta xefa do servizo de obras e a arquitecta técnica responsábel das obras, por unha banda, e unha delegación dos pais e nais do centro pola outra, a Consellaría anunciou hai uns minutos que, atendendo á petición da comunidade educativa do centro, as obras serán completamente paralizadas até o fin de curso, se ben a orde de paralización non será dada deica mañá venres, polo que se agarda que as clases se reanuden con normalidade o vindeiro luns, día 2 de xuño.

En declaracións a A Voz de Vilalba, os voceiros dos pais valoraron positivamente esta decisión, que trasladarán á asemblea de pais e nais que se celebrará hoxe ás 20 horas no comedor do propio centro educativo, e agradeceron o interese amosado polas autoridades educativas nesta cuestión tan sensíbel.

Asemade, na devandita reunión, o delegado reafirmou o contido do comunicado de prensa emitido onte pola Consellaría, no sentido de que se tratará de rematar as obras antes do comezo do vindeiro curso. Para máis información, achégase a nota de prensa emitida pola Consellería hai uns minutos.

EDUCACIÓN PARALIZA PARTE DAS OBRAS NO CEIP ANTONIO INSUA BERMÚDEZ DE VILALBA ATA QUE FINALICE O PRESENTE CURSO ESCOLAR

As obras de mellora e acondicionamento que a Administración educativa está a realizar no interior do edificio do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Antonio Insua Bermúdez, de Vilalba, suspéndense ata o 20 de xuño deste ano, unha vez finalice o curso escolar.
O delegado de Educación na provincia de Lugo, Luís Manuel Álvarez, trasladoulle esta mañá ás nais e pais de alumnos do CEIP que a obra cumpre os estándares de seguridade avalados por unha empresa externa. Neste senso, o delegado provincial indicou que as obras que se están a desenvolver no centro teñen un período de execución de 6 meses, motivo polo cal obrigatoriamente tiñan que coincidir co período lectivo.
O delegado provincial reuniuse esta mañá co alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, para explicarlle a decisión da Consellería de cara a garantir a completa seguridade do alumnado e profesorado do centro vilalbés. Neste senso, o rexedor de Vilalba manifestou a súa satisfacción por esta decisión. Nesta xuntanza tamén estiveron presentes representantes dos pais de alumnos do CEIP que puideron escoitar o compromiso da Consellería por parte de Luís Manuel Álvarez.
Ademais, o delegado da Consellería na provincia de Lugo indicou que a totalidade das obras estarán rematadas o 31 de agosto. Así, sinalou que as actuacións de urbanización exterior continuarán a súa execución, accedendo o persoal encargado da obra pola parte de atrás do edificio.
A Consellería de Educación vén de solicitar á empresa coordinadora de seguridade e saúde da edificación a elaboración dun informe que recolla as medidas adoptadas durante todo o período de execución da obra. Ao mesmo tempo, a Administración educativa requiriu á empresa adxudicataria da mesma a realización dun novo plan de seguridade da obra no que se reflicta a total independencia de usuarios e obreiros durante esta paralización parcial das actuacións.
Na xornada de mañá Luís Manuel Álvarez recibirá a un grupo de nais e pais de alumnos/as do centro, aos que lles trasladará as razóns das medidas adoptadas pola Administración educativa no tocante ao desenvolvemento das obras no recinto escolar. No CEIP Antonio Insua Bermúdez estudan un total de 323 alumnos de infantil e primaria.

29 de maio de 2008

Os pais do CEIP Insua Bermúdez, plántanse diante da incompetencia




Redacción

Sen convocatoria formal, de maneira espontánea, un cento e medio de pais e nais de alumnos do CEIP Ínsua Bermúdez xuntáronse en asemblea ás 9:45 desta mañá, coa indignación polo accidente ocorrido onte en primeiro plano.

Unha pouco fructífera explicación dos técnicos responsábeis, convocados no mesmo momento por acharse nas instalacións do centro, provocou escenas de protesta ante o que, segundo moitos dos presentes, era unha actitude de "pasarse a bóla uns aos outros".

O responsábel de seguranza da obra, incluso, chegou a dicir que a súa competencia era únicamente a seguranza dos obreiros, o que provocou iradas protestas dos pais e nais.

Finalmente, a asemblea acordou trasladar un escrito á Consellaría de Educación, reclamando a suspensión inmediata das obras deica final do curso, o remate total das reformas entre esta data e o 31 de agosto ou, no caso de que non sexa posíbel, o traslado dos alumnos a outros centros, para garantir o dereito á educación dos pequenos, adoptando o acordo de non enviar os nenos ao colexio en tanto a Consellaría non garanta o cumprimento destas reclamacións.

Asimesmo, foi nomeada unha comisión de nove persoas, co fin de entrevistárense o antes posíbel co Delegado Provincial de Educación para trasladarlle estas inquedanzas e esixirlle un informe técnico sobre o accidente de onte.

Os pais e nais reunidos, asimesmo, botaron de menos a presencia dos directivos da ANPA do centro, criticando fortemente a que consideraron "total falta de interese".

A comisión de pais e nais celebrará a reunión solicitada co Delegado mañá ás 11:30 horas na sé provincial da Consellaría. Mentres tanto, tres dos membros da devandita comisión tiveron ocasión de trasladarlle algunhas das cuestións a tratar hoxe ás 13:30 horas nunha reunión improvisada celebrada no Concello, en presencia do alcalde vilalbés.

Mañá ás 20:00 están convocados todos os pais e nais de alumnos a unha asemblea no comedor do CEIP Ínsua Bermúdez para analisar os resultados da reunión coas autoridades educativas, e decidir as medidas a seguir en consecuencia.

28 de maio de 2008

O derrubamento dun muro, a piques de causar unha desgraza no CEIP Insua Bermúdez (actualizado ás 19:10)







Imaxes da aula sinistrada. Foto AVV


Redacción
Sobre as doce corenta desta mañá, alumnos e profesores do CEIP Ínsua Bermúdez de Vilalba sentiron un forte estrondo que fixo tremer todo o edificio, e que tamén se puido oír noutros centros educativos próximos. As paredes dunha das aulas de educación infantil acababan de derrubarse a causa das obras que se están a realizar desde xaneiro no centro.

A boa fortuna quixo que os vinte e dous nenos e nenas de catro e cinco anos presentes nese momento, xunto cunha mestra, María Guerrero, na aula sinistrada, se atoparan realizando unha actividade na banda oposta da estancia, polo que, de milagre, non hai que lamentar danos persoais, malia que un dos pequenos quedara atrapado entre o mobiliario proxectado polos escombros, sendo inmediatamente rescatado por mestres do centro sen maiores consecuencias.

Segundo manifestou a profesora a COPE Vilalba, os cascallos non alcanzaron aos pequenos "por cuestión de segundos", pois momentos antes do derrubamento estaban todos próximos ao muro sinistrado.

Inmediatamente acudiron ao centro efectivos de protección civil, bombeiros, garda civil, 061 e policía local, así como o alcalde de Vilalba, mentres os alumnos de primaria eran concentrados no pavillón de deportes, e os de infantil no comedor escolar. Moitos alumnos , pais e profesores foron presa de ataques de ansiedade a causa do sucedido.

Tamén acudiron de seguido ducias de pais e nais, informados do sinistro a través do informativo local da COPE, e logo polo boca a boca, e que amosaban a súa indignación porque un feito así poda acontecer nun centro educativo con trescentos alumnos. Moitos coincidían na denuncia das escasas medidas de seguridade adoptadas até o momento, e do perigo de que un feito así sucedera antes ou despois.

Ao parecer, o derrubamento produciuse cando os operarios da empresa construtora prodecían ao recheo dun encofrado encostado á parede da aula de infantil que, ao non estar apuntalada, cedeu á presión. O enchemento, en troques de facerse aos poucos, como requiría a situación, fíxose dunha vez, verquendo até a metade do formigón previsto, momento no rebentaron os dous tabiques da aula.



Recreación virtual da posíbel orixe do suceso. Clicar para vela a tamaño grande. Infografía AVV


Na imaxe pódense apreciar as cavillas de ferro vencidas cara dentro,
dobradas pola presión do formigón logo de rebentar os tabiques
que sustentaban o encofrado. Foto AVV




Na fotografía da esquerda pódese ver o estado da zona inmediatamente despois do accidente, coa escada e as estadas utilizadas pola construtora para proceder ao recheo de formigón contra a fachada orixinal do centro.

A envergadura das obras que se están a acometer no CEIP Ínsua Bermúdez ten levado a moitos pais e mestres do centro a preguntárense se é prudente levalas a cabo en pleno curso escolar e co colexio en plena actividade.

Foto: AVV

Así, os pequenos levan seis meses convivindo con pranchas de aceiro, maquinaria pesada, escombros de desentullo, etc., contando como única protección cunhas sinxelas verxas de aramio simplemente pousadas sobre pequenas zapatas de cemento. Asimesmo, parte das obras están a afectar a partes da estrutura do edificio orixinal, co perigo conseguinte de derrubamento, tal e como se puido comprobar esta mañá.




















Imaxe do patio, onde se poden apreciar importantes modificacións estruturais. Foto AVV


A pregunta que xurde agora é quen son os responsábeis deste sensentido que está a pór en perigo a nenos e nenas e profesorado do centro dunha forma tan neglixente. A policía xudiciaria comezou a recadar probas para dirimir as posíbeis responsabilidades xudiciais do suceso.

Neste senso, o delegado provincial da Consellaría de Educación da Xunta de Galiza, Luís Miguel Álvarez Martínez, que acudíu ao centro unha hora despois do sinistro, non quixo responder ás peticións de información tanto de pais como de medios "até valorar o alcance do problema". Xa logo, á tardiña, declarou que "segundo as previsións que temos, o luns teremos totalmente rehabilitada toda esta zona" e que, en todo caso, se non fora así "ubicaríamos unha aula transitoriamente no colexio Mato Vizoso"


Acerca do accidente, declarou que "hai unha empresa de supervisión e control que é a resposable, e á que lle haberá que pedir responsabilidades. A consellaría non dispón de persoal suficiente para ter un técnico cualificado en cada obra".

Preguntado sobre a pertinencia de realizar as obras en pleno curso escolar, dixo que "as obras causan molestias, como é obvio, pero non interfiren na actividade" e que "nun centro con máis de trescentos alumnos estaban previstas todas as medidas de seguridade como para que non ocurrira o máis mínimo incidente".

Contraditoriamente, afirmou que "tanto é realidade que iso se derrubou, como que se tomaron as medidas de seguridade que temos que tomar".

Neste senso, membros da comunidade educativa do CEIP que pediron non ser identificados sinalaron que levavan meses pedindo maior seguridade ante o responsábel da obra, que ao parecer sempre respostaba "que el coñecía o seu traballo".

Segundo Paz Filloy, subdirectora xeral de construcións e equipamento da Consellaría de Educación, "xusto cando botaron o formigón foi cando se derrubou a parede". Afirmou tamén que "mañá a primeira hora entregarannos os informes da empresa de control e máis da construtora, e non haberá inconveniente ningún en facelos públicos"

Respecto ás medidas de seguranza adoptadas antes do sinistro, dixo que"coa cantidade de vallas e de medidas que se tomaron ninguén pensaría que ía pasar isto", se ben a continuación engadiu que "a empresa construtora debeu tomar algunha cautela a maiores". De forma empírica, afirmou que "a semana pasada fíxose a mesma obra na outra parte da fachada e non sucedeu nada".

O delegado provincial confirmou que as clases de infantil serán suspendidas o resto da semana, pero non as de primaria. O lóxico sería evitar todo tipo de riscos até que técnicos independentes valoren seriamente a situación para pequenos e mestres. Outra decisión constituiría unha grave irresponsabilidade, a engadir á sucesión delas que desencadeou este sinistro. Pais e nais do centro valoran a posibilidade de emprender accións de protesta.

O alcalde de Vilalba, Xerardo Criado, en declaracións efectuadas á axencia EFE, criticou que estas obras se realicen en período lectivo, dado que "é unha obra que afecta á estrutura do edificio". Asimesmo, comentou que foi "casualidade" que non se producira ningún dano persoal.

Pola súa banda, Francisco Monasterio, presidente da ANPA do CEIP Ínsua Bermúdez, non quixo facer declaracións aos medios de comunicación, máis alá de que "afortunadamente non pasou nada".


Cartaz das obras cos datos dos responsables da mesma. Foto AVV

27 de maio de 2008

Da memoria





Iago Castro




Alguén dixo que Vilalba é un pobo sen memoria. É certo. Constitúe unha diagnose acertada para describir o amorfo decorrer desta abelleira empoleirada nun dos raros outeiros da Terra Cha.



Non sei, ou máis ben non lembro a autoría da frase. Tampouco se a afirmación ía seguida dalgunha explicación para este estraño fenómeno dun pobo desmemoriado. Porque sería importante definir, identificar as causas de tal estado de cousas. Desde unha postura organicista do social poderíamos preguntar: existe algunha doenza colectiva? Unha especie de Alzheimer urbano?



- Estás tolo? Para que serve a memoria dun pobo? Iso dá cartos, xera emprego acaso?



Pancho é un home práctico, como se ve. E se cadra a súa análise é a máis atinada que se poda facer. Para el, o urbano é construción, industria, servizos útiles, postos de traballo. A vida é o salario a fin de mes, a hipoteca, a luz, o gas...



E Vilalba é algo de todo iso, certo. Pero nada máis. Foi hai tempo un pobo pequeno, tranquilo, acovardado a carón do castelo e pechado en si mesmo. Pegou un pequeno salto cara adiante cando lle sacaron a estrada do medio e a trazaron de novo cara ao leste do humilde grupo de casas baixas e caleadas. Quizais entón naceu a súa vocación de Manhattan da Chaira, na competencia desatada entre caciques usurarios para ver quen erguía a domus máis alta, quen impresionaba máis á clientela que acudía na procura de creto e favores coa pucha na man e atitude humilde diante daquel despregue de poder.



Católicos de beata fachada, xamais se deron por aludidos coa escena de Xesús e os mercadores do templo. O diñeiro prestado a xuros do trinta por cento fabricou máis diñeiro, e este moito máis, e entón chegou o momento de pegar outro brinco. Aliados co formigón armado e o tixolo estenderon de xeito caótico unha urbe ciscada de pequenas colmeas, venderon pequenos recunchos a aquelas mesmas familias que malvivían á conta dos precarios postos de traballo que eles mesmos controlaban, o mesmo que controlaron sempre calquera resorte do poder local. Sempre os mesmos, sempre igual.



E crearon un espazo idóneo para eles, para a súa concepción primitiva e salvaxe do capitalismo. Semellante a aqueles espazos tristes e grisallos que denunciou a novela social do século XIX. Os recantos para o lecer non son produtivos. Na competencia entre o automóbil e o peón non hai a máis mínima dúbida: aquel é sinal de progreso e modernidade. Aparcadoiros, cativas beirarrúas, viais óptimos para o tránsito rodado, máis aparcadoiros...



Acaso alguén sabe que dividendos dá un parque? E unha rúa peonil? Que caste de produtividade xeran os espazos perdidos, inutilizados para a circulación rodada? Non serven para outra cousa que distraer á masa operaria da súa principal obriga: traballar, incrementar o beneficio. Ademais, si que hai espazos para o lecer, e dos que moven a roda dos cartos: hai bares abondo para todos.



Tampouco a beleza é produtiva. Hai que arrinconar o que non é máis ca vaidade. Que todo sexa gris, amorfo, tristeiro. Vilalba é un pobo de estatua única, como o socialismo real era de partido único E punto. E, para iso, nin a estatua chega: é un simple busto, un cabezón (enténdase como aumentativo: é maior ca o natural e leva un estado dentro). Debe ser porque todo o que non nos remita ao Vilalbés Por Antonomasia soa a admiración pagana polo becerro de ouro. Somos pois un pobo iconoclasta, e nin sequera nos apuntamos á moda das estatuas urbadas de personaxes paseantes, cal Ánxel Fole en Lugo, Woody Allen en Oviedo ou Pessoa sentado na terraza d'A Brasileira en Lisboa. Tampouco á arte moderna, ás veces tan controvertida.



O concepto de espazos habitábeis énos totalmente alleo, un arcano no que andan empeñados outros pobos e cidades que aínda non coñecen a gloria e a magnificencia do urbanismo dickensiano que nós practicamos con entusiasmo.



O problema da falta de memoria se cadra débese a que soterramos o pasado, hipotecamos o presente e non nos preocupa en absoluto o futuro, esa quimeira...

iago.d.castro@hotmail.com



26 de maio de 2008

Unha agradábel sorpresa

Paulo Naseiro

A Banda de Música de Vilalba e a Escola Municipal de Teatro, xerida polo Centro Dramático Vilalbés, iniciaron a que agardamos sexa unha longa e fructífera colaboración poñendo en escena a peza musical Peer Gynt, baseada nas obras homónimas de Henrik Ibsen e Edward Grieg. O numeroso público que tivo a fortuna de presenciar esta montaxe no auditorio vilalbés levou, coma min, unha moi agradábel sorpresa.

Se algo se pode destacar dun conxunto en xeral magnífico, quedamonos coa impecábel intepretación das partes seleccionadas para a ocasión da obra de Grieg por parte da agrupación musical, e sobre todo d´A mañá e O rei da montaña. Por parte dos xoves interpretes da EMT, queda para a antoloxía a escena da treboada e o naufraxaio de Peer Gynt, simplemente emocionante. Só hai que dicir que se nos fixo curta a duración total da montaxe, se cadra polo intenso disfrute que nos brindaron.

O refrendo do público asistente, posto en pé, ten que servir de empurrón para esta mocidade chea de talento e ilusión e entregada ás artes escénicas e musicais como parte integrante da súa formación. Tamén para que no futuro os responsables das diversas entidades culturais tomen conciencia da necesidade de unir esforzos, no canto de cultivar cada quen a súa leira.

Parabéns especiais e aínda que parciais pola miña parte para César Concheiro e María Xosé Lamas, responsábeis da feliz iniciativa, e que demostraron unha vez máis as súas capacidades.

24 de maio de 2008

Joseph Miko (1920-2008) e a resistencia de Budapest

Manuel París

Budapest, outono de 1956. Un operador de cámara atópase de súpeto cun grupo de manifestantes que tratan de derrubar unha estatua de Stalin, mentres outros tentaban recortar o emblema comunista da bandeira húngara. Era Joseph Miko, que traballaba para a TV estatal.

Tras a Segunda Grande Guerra, Hungría convertérase nun país satélite da Unión Soviética. Aquel outono, os seus habitantes trataban de revocar o acordo acadado entre rusos e estadounidenses e Miko filmou aos manifestantes cando estaban a ser atacados pola policía secreta e despóis percorreu en moto a cidade tomando imaxes daquela revolución e da reacción soviética nos días sucesivos: centos de tanques rusos tomaron as rúas de Budapest mentres o pobo lles lanzaba cócteles Molotov.

O home que arriscou a súa vida ao filmar a revolución húngara -e conseguir que a película atravesara as fronteiras do seu país para que o mundo pudiera coñecer a resistencia do pobo maxiar ante a invasión soviética- finaba hai uns días en Los Ángeles, California, a cidade que o acolleu durante máis de cincoenta anos. Joseph Miko, defensor da liberdade, deixounos aos 87 anos. Descanse en paz.

Para máis información sobre a revolución húngara de 1956, recomendamos a novela Magyar Posta, de Paulo Naseiro, da que poden descargar o seu primeiro capítulo na columna de saída desta páxina web.

23 de maio de 2008

Debate sobre comunicación institucional e protocolo en Pontevedra

Moncho Paz e Pati Blanco, na mesa redonda das empresas

Redacción

Esta tarde clausurouse en Pontevedra o VIII Curso de Comunicación e Protocolo, dirixido polo profesor e xornalista lugués Fernando Ramos e patrocinado pola Secretaría Xeral de Comunicación da Presidencia da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra e a entidade Caixanova. A conferencia inaugural tivo lugar o mércores 21 e correu a cargo do presidente da Organización Internacional de Ceremonial e Protocolo (OICP), Jorge Salvati, que falou sobre a función do protocolo como instrumento da imaxe das institucións.

As sesións de hoxe abríronse coa comunicación institucional nas efemérides, tema que tratou a doutora María Teresa Otero Alvarado, profesora de Relacións Públicas, ex directora de Comunicación da Junta de Andalucía e do Parlamento andaluz, e tamén autora do Plan de Estratexia Institucional da Expo Zaragoza 2008.A política de comunicación institucional das corporacións públicas abordou o caso de Portugal, que foi presentado polo doutor Manuel Pinto Teixeira, director do Gabinete da Cámara Municipal de Porto e Florbella Guedes, xefa de prensa da mesma institución.

”O director de comunicación e o seu papel na sociedade robotizada” é a ponencia que presentou Alejandro Kowalski Bianchi, director de Comunicación do Banco Pastor, á que seguiu unha mesa redonda coa intervención de Amalia Baltar, Asesora de Comunicación de Unión Fenosa en Galicia; Pati Blanco, Xefe de Relacións Externas de El Corte Inglés; Rafael Vidal, Xefe de Protocolo da Deputación de A Coruña; e Moncho Paz, Consultor de Comunicación e Delegado en Santiago da Asociación de Periodistas de Galicia.

De seguido, o doutor Martí Pellón falou sobre “As salas de prensa virtual: a nova fronteira Comunicación institucional”; e Victoria Filardo, Responsable de Eventos da Universidade de Carabobo, en Venezuela, sobre “A organización de eventos no ámbito institucional”. Valentín Alejandro, director do Máster de Comunicación Empresarial da Universidade da Coruña, que dirixe varios cursos semellantes en universidades americanas, presentou a ponencia “Formando portavoces/Experiencia en dous continentes”.

A conferencia de clausura correu a cargo de Enrique de Aguinaga, Cronista Oficial de Madrid e Catedrático Emérito da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade Complutense de Madrid. A oitava edición do curso contou cunha asistencia aproximada de 250 persoas.

22 de maio de 2008

XXV aniversario Moo Duk Kwan


Redacción

O pasado fin de semana, con motivo da celebración do 25 Aniversario da Escola de Tae Kwon-Do Moo Duk Kwan de Vilalba, dirixida polo mestre Antón Montes Hermida, celebráronse na vila diferentes actos.

Entre eles compre destacar a charla impartida polo Doutor David Filgueiras Rama, licenciado en Medicina, e médico residente de Cardioloxía no hospital universitario La Paz de Madrid, Diplomado en Fisioterapia e ademáis cinturón negro 2º DAN da Escola de Tae Kwon Do Moo Duk Kwan. O tema da mesma foi "CORAZÓN, Deporte e Saúde".

Tamén se celebrou unha clase maxistral impartida por distintos mestres que non dubidaron o máis mínmo en facer moitos kilómetros movidos non só pola amistade que profesan a Antón Montes, senón tamén para participar da celebración poñendo a disposición dos asistintes os seus coñecementos deste arte milenario.

Entre os asistentes figuraban: Chong Sung Kim Choi (TKD Moo Duk Kwan), Mu Wom Kim (TKD Moo Duk Kwan ), Santiago Sanchis (Jukaikido), Félix Serrano (Choson Mu Sul) , Darío Dossio (Nihon Tai-Jitsu), José Ángel Seguin ( TKD Chung Do Kwan), Carlos Santos (Viet Vo Dao), Carlos Tabares (Viet Vo Dao), Indalecio Socorro ( Tolete Canario), Benjamín Reyes ( Karate-Do Seidokai), José Manuel Rodríguez ( Budo Taijutsu), Paulo Perdigao ( karate ), José Manuel Soto (Chung Do Kwan), José Luís Garrapucho ( TKD Moo Duk Kwan ), Carlos Fraguela ( TKD Moo Duk Kwan ) , Francisco Paredes (TKD Moo Duk Kwan ), Jesús Roca (TKD Moo Duk Kwan) e Antón Montes (TKD Moo Duk Kwan).

Momento da presentación do doutor David Filgueiras Rama

Como rematar cos libros dunha vez por todas


Mario Paz González

A estas alturas custa crer aínda aqueles vaticinios que algún dos gurús de Internet, coma Nicholas Negroponte, fixo acerca da desaparición do libro tradicional e a súa sustitución por outro dixital. O tempo, que acostuma a poñer todo no seu sitio, veu neste caso a demostrar que, polo menos ata o de agora, as cousas non han ser tan doadas. Aquelas iniciativas dalgunhas editoriais (coma veintinueve.com de Planeta, de apenas un ano de vida) de comercializar na rede fondos dos seus catálogos, resultaron a comezos deste século unha decepcionante e frustrada experiencia. Os lectores continuan a preferir o papel.

É certo que outros proxectos de máis amplo calado seguen aí, tal é o caso do chamado Proxecto Gutenberg, iniciado por Michael Hart en 1971 na Universidade de Illinois co fin de crear unha base de datos con máis de cinco mil obras literarias, maiormente clásicas, de libre disposición tanto en formato HTML como ASCII (texto chan) para calquer usuario. Tamén as novas melloras tecnolóxicas coma CoolType de Adobe e ClearType de Microsoft semellan ir sen dúbida encamiñadas a un, cada vez maior, perfeccionamento do famoso e-book do cal tantas veces se anunciou a chegada definitiva. Polo visto os novos dispositivos creados tentan imitar cada vez mellor o libro de toda a vida incorporando o que se deu en chamar tinta electrónica (e-ink) e pantallas LCD cun grosor algo superior ao do papel.

Os que nos temos criado entre libros “tradicionais”, isto é, de papel, non sei como iamos levar a asepsia dun dispositivo electrónico que non ula, que non mude o seu aspecto externo segundo a edición, o título ou o autor, que teña un tacto máis ben frío e monótono. Persoalmente entendo e comparto a comodidade que un elemento así supón para os libros de consulta (diccionarios, enciclopedias....) ou para os casos concretos nos que, nunha investigación filolóxica se queira coñecer, poñamos por caso, as veces que Rosalía empregou a palabra “follas”; pero cústame crer que alguén poida levar á cama os Ensaios de Montaigne en semellante aparello. “Nos avións”, dicía hai uns anos Juan Cruz na prensa, “xamáis che pedirán que apagues un libro normal”. Porque os que nos temos criado entre libros temos desenvolto con eles unha relación que vai máis aló do práctico e meramente utilitario, chegando a ser, poderíase dicir, de carácter “afectivo”.

Pola contra, coido que hai algo que, tal vez, si poda rematar co libro tradicional dunha vez por todas... e antes do que imaxinamos. A proliferación excesiva de libros vacuos, innecesarios e prescindibles. Libros concebidos coma mero produto comercial coa pretensión única de compracer as supostas necesidades inmediatas e urxentes dunha clientela ávida de novidades, pouco esixente e nada crítica. Non hai moito sentín certo arrepío ao albiscar de súpeto nos mesmos andeis dunha librería, e formando parte da mesma colección, varias novelas dun autor ao que cabería calificar por calquera de “imprescindible” e o exabrupto encadernado do derradeiro cómico televisivo de turno. Non quero pasarme de dogmático, e pode que cada un destes libros teña o seu momento do día (ou da vida) para ser lido, pero o curioso, e ata perverso, do asunto pareceume o feito de que a editorial (a librería non tiña a máis minima culpa nisto) publique xuntos nunha mesma colección dous títulos tan antagónicos levando con ilo ao lector inxenuo, ou desorientado, a un nivel de confusión do que tal vez non se repoña xamáis. Para vacinarse contra isto, aconsello ler o relato de Woody Allen (a quen lle temos plaxiado parcialmente o título deste artigo) “Reflexións dun sobrealimentado”. Nel refréxase moi ben a irreparable empanada mental que xurde de equiparar a lectura de Dostoievski e a dunha revista dietética.

mariopaz@avozdevilalba.com
Imaxe: MXM

20 de maio de 2008

A autoacusación


Iago Castro

A miña amiga Celina envíoume por mail a foto que poden ver arriba. Sabe que me gustan en xeral as cousas raras, e en particular as pintadas nas paredes e cartaces como este que invitan á reflexión.

Non sei de onde o sacou, nin me importa moito. Obviamente, corresponde a un centro educativo, xa que contén dous elementos identificadores: “alumnos” e “aulas”. A calidade da imaxe é de telemóbil, aparello ao que a miña amiga é ben afeccionada, pero isto –o da calidade, non o da afección- non impide ler con claridade un contido, cando menos, sorprendente. Imos por partes:

Proposición Nº 1. Os alumnos responsables de facer pintadas nas aulas que o digan en secretaría e non se tomarán medidas disciplinarias.

O primeiro que me vén á cabeza é un libro do médico e sexólogo alemán Ernst Burchard titulado Zur Pychologie der Selbstbezichtigung, que ven a ser algo así como A Psicoloxía da autoacusación. Cando o lin por vez primeira, ademáis de que o meu alemán era aínda abondo escaso, xa me pareceu un tocho bastante intragábel, polo que non me vou tomar a molestia de volvelo a facer. Tampouco lembro nada do que no libro se trata, senón tan só do nome. Así que, se agardaban unha rigorosa análise psicoanalítica da primeira proposición, se cadra deban molestarse en buscar o libro de Burchard e servirse vostedes mesmos... aínda que non llelo recomendo.

O que sí me vén a fío é unha reflexión acerca das consecuencias da frase, vexamos: Se eu fose alumno do centro en cuestión e, digamos, non tragase á xefa de estudos, non tardaría nin cinco minutos en acudir á ferrallaría máis próxima na procura dun bote de esprai, dirixiríame veloz a unha aula e emborrallaría as paredes con algo así: A XEFA DE ESTUDOS É UNHA IMBÉCIL, FEA E INSOPORTÁBEL con letras ben grandes de cor vermella. A continuación, e para facerme merecente das garantías dadas polo centro, baixaría inmediatamente á secretaría e asinaría unha confesión en toda regra: EU FUN O DA PINTADA. Como consecuencia, e como promete o cartaz, non se tomarían medidas disciplinarias. E que viva la Pepa! A esas alturas xa me tería decatado do baratos que son os botes de pintura en esprai e, se combinamos isto coa laxa norma existente, ía pasar tardes ben entretidas a conta de calquera que me caese mal e máis das paredes do centro, coas posteriores e liberadoras confesións.

Ostras! Confesións. Pero se iso é no que consiste! O/s a/s perpetradores/as do cartaz non inventaron nada! Isto xa o descubriran os cregos hai ben tempo! E eu non me tiña decatado até esta altura do artigo. Manda carallo! A pintada é coma un pecado, e a autoacusación na secretaría ven ser algo así como a confesión no confesionario. Será un dos tan cacareados legados da tradición xudeo-cristiá?

Proposición Nº 2. Se non o din e nos enteramos de quen foi, tomaranse as medidas disciplinarias oportunas.

Pero, imos ver: como non vou dicilo? Tomádesme por parvo, ou que? Voume arriscar a unha expulsión cando coa “confesión” non só quedo absolto senón que tamén libero a conciencia? Ademáis: como pretendedes enterarvos? A través da delación? Da tortura, talvez? Existe no centro unha policía científica que analisará as pegadas, determinará o calibre do vaporizador de pintura e me pillará mediante as videogravacións das cámaras de seguridade da ferrallaría?

Por certo, o da "oportunidade" das medidas disciplinarias será para quen as impón, non para o que as sufre. Para este son máis ben "inoportunas", habitualmente. As frases feitas...

E, como coda, estou dacordo até certo punto en que o nivel de algúns alumnos de hoxe deixa bastante que desexar. Pero é que hai cada mestre...


iago.d.castro@hotmail.com

17 de maio de 2008

17 de maio

DEITADO FRENTE Ó MAR...

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro

Especial Día das Letras Galegas 2008

Redacción

En Tristes trópicos (1955) o antropólogo francés Claude Lévi-Strauss definía coma sociedades “frías” aquelas que carecen de escritura, aínda que non de lectura, pois a súa visión do mundo e da vida é lineal, non contempla a perspectiva histórica. Pola contra, nas sociedades con lectura e escritura, ao si contemplar esa perspectiva, a súa percepción do paso do tempo e a súa visión do mundo acadan unha maior profundidade, pois a memoria xoga nelas un papel importante. Ámbalas dúas, lectura e escritura, “sustitutos da memoria”, que diría Sócrates a Fedro, téñense amosado, xa que logo, necesarias e inevitabeis para a configuración das sociedades modernas.

É por ilo que, co gallo do Día das Letras Galegas (adicado este ano ao editor, escritor, investigador… tudense Xosé M.ª Álvarez Blázquez), nace o proxecto "Bibliografía Chairega" coma un xeito de aproximación e estudo a esta pequena bisbarra luguesa chamada Terra Cha. Unha aproximación á súa sociedade, historia, literatura... a través da recopilación das lecturas e escrituras nas que está presente, na procura das visións que dela fixeron poetas, escritores, cronistas…, sexan chairegos ou non.

A tarefa perseguida non é miúda, pois tentamos crear unha grande base de datos comentada, un amplo corpus que sirva de referencia a calquera que desexe información dos textos nos que está presente a bisbarra. Incluiríanse, pois, todas aquelas obras que, sendo ou non de autores chairegos, teñan sido editadas na Chaira ou presenten algún tipo de alusión a ela, ben sexa directa ou indirecta.

Como cabe supoñer, trátase dun proxecto a longo prazo e, por suposto, aberto á participación de todo aquel que queira contribuir. Calquera pode aportar sugerencias e informacións, enviar referencias bibliográficas, etc. escribindo a redaccion@avozdevilalba.com. Pregamos só que se lean con atención as “Normas de inclusión e presentación das entradas” incluidas no apartado correspondente da wiki “Biblografía Chairega” para, dese xeito, poder publicar toda a información coa maior precisión posible.
Grazas anticipadas a todos.
Tamén é posible entrar a través de: www.bibliografiachairega.es.vg

16 de maio de 2008

Debate sobre comunicación institucional

Redacción


O vindeiro xoves 22 de maio o xornalista vilalbés Moncho Paz debatirá sobre comunicación institucional na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, dependente da Universidade de Vigo. Será no marco do VIII Curso de Comunicación e Protocolo, dirixido polo profesor e xornalista Fernando Ramos e patrocinado pola Secretaría Xeral de Comunicación da Presidencia da Xunta, a Deputación Provincial de Pontevedra e Caixanova.

A conferencia inaugural correrá a cargo do presidente da Organización Internacional de Ceremonial e Protocolo (OICP), Jorge Salvati, que falará sobre a función do protocolo como instrumento da imaxe das institucións. Eliane Ubillus, vicepresidenta da OICP, presidenta da Asesoría para Asuntos Internacionais do Comité Nacional de Ceremonial Público de Brasil e xefa de Protocolo da Prefectura de Campos de Jordao (Estado de Sao Paulo, Brasil) exporá a cuestión “a experiencia do protocolo corporativo no eido internacional”.

Carlos Gutiérrez Zúmel, director de comunicación do Real Automóvil Club de Catalunya, abordará as campañas de comunicación institucional para a educación vial. O xornalista lugués Fernando Ramos, profesor de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo e director do curso, terá ao su cargo a ponencia “O Consello Social e a súa función na imaxe institucional da Universidade pública”. Alfredo Rodríguez, xefe de Protocolo do Ministerio de Defensa, explicará a presenza española en misións internacionais de paz e a súa función ao servizo da imaxe do Estado español no mundo. Pola súa banda, os doutores Xosé Rúas e Pedro Pablo Gutiérrez presentarán un taller sobre “a comunicación institucional e as súas variantes: a propaganda institucional versus a publicidade institucional”. A comunicación institucional nas efemérides é o tema que tratará a doutora María Teresa Otero Alvarado, profesora de Relacións Públicas, ex directora de Comunicación da Junta de Andalucía e do Parlamento andaluz, e tamén autora do Plan de Estratexia Institucional da Expo Zaragoza 2008.

A política de comunicación institucional das corporacións públicas. O caso de Portugal o exporán o doutor Manuel Pinto Teixeira, director do Gabinete da Cámara Municipal de Porto e Florbella Guedes, xefa de Prensa da mesma institución. ”O director de comunicación e o seu papel na sociedade robotizada” é a ponencia de Alejandro Kowalski Bianchi, director de Comunicación do
Banco Pastor. Seguirá unha mesa redonda coa intervención de Amalia Baltar, directora de Comunicación de Unión Fenosa en Galicia; Pati Blanco, Xefe de Relacións Externas de El Corte Inglés en Galicia; Pedro Hortas, director de Comunicación do Grupo PSA en Vigo; e Moncho Paz, delegado en Santiago de Compostela da Asociación de Periodistas de Galicia (APG).

O doutor Martí Pellón falará sobre “As salas de prensa virtual: a nova fronteira Comunicación institucional” e Victoria Filardo, ex responsable de organización de eventos da Universidade de Carabobo, Venezuela, sobre “A organización de eventos no ámbito institucional”. Valentín Alejandro, director do Máster de Comunicación Empresarial da Universidade da Coruña, que dirixe varios cursos semellantes en universidades americanas, exporá a ponencia “Formando portavoces/Experiencia en dous continentes”. A conferencia de clausura correrá a cargo de Enrique de Aguinaga, cronista oficial de Madrid e catedrático emérito de xornalismo da Universidade Complutense de Madrid.

14 de maio de 2008

Máis que xirasoles


Redacción

Segundo parece o xirasol remóntase a 3.000 años a.C. e provén do norde de México e o Oeste dos actuais Estados Unidos. Coma moitos outros productos, foi introducido en Europa polos colonizadores do novo continente e cultivouse, nun comezo, polo seu valor ornamental. Pero non é dos xirasoles convencionais do que imos falar.
Se algún de vostedes pasea polos arredores da vila e se topa cun xigantesco artiluxio mecánico semellante a unha destas plantas, no se amole, no é un ovni nin nada que se lle pareza.

Non é frecuente que o nome de Vilalba xurda nos medios vinculado á vanguardia tecnolóxica, pero, afortunadamente, unha nova, lida nestas datas, ven a desmentir esa aseveración. Nela dise que a nosa vila ten sido escollida por unha empresa de Lugo para instalar un dispositivo de seguemento solar cuxo funcionamento é semellante ao dos xirasoles. Malia que xirasoles xigantescos, porque o SHS 345, deseñado por Ciarc Enxeñeiría, conta cunha superficie portapaneis de nada menos que 345 metros cadrados o cal o converte, non só no máis grande da súa especie, senón tamén, probablemente, no máis efectivo.

O prototipo, que contou co patrocinio da Consellería de Innovación e Industria da Xunta. será inaugurado a finais deste mes polo conselleiro Fernando Blanco.

Noraboa, pois, aos promotores deste invento por ter escollido esta nosa vila chairega para figurar nos anais da tecnoloxía moderna.


13 de maio de 2008

In memóriam



Redacción

Unha mañá de xullo de 1983. Os tres xoves redactores d'A Voz de Vilalba, sentados na terraza do Bar Roca, agardabamos o acontecemento que ía dar un xiro na curta vida do xornal: Manuel Fraga estaba a piques de chegar á vila e, por medio da súa tía Amadora, tiñamos conseguido unha breve entrevista.

Cheos de ilusión polo reto, pasabamos o tempo improvisando as preguntas, moi alonxadas da actualidade política do momento. Chichí Roca abandonaba a súa atalaia detrás do mostrador para saír a ofrecernos uns refrescos. Seguramente, saltaba á vista o noso nerviosismo.

Os que nos prezamos de ter como amigos a membros da imprescindíbel familia Roca, que seguramente somos todos os vilalbeses e boa parte dos forasteiros que nalgún momento frecuentaron o lendario café-bar, non podemos máis que ofrecer as sentidas condolencias polo falecemento de Chichí Roca, ex-xogador do seu querido Racing, ex-barman de cabeceira de xeracións de vilalbeses, e sempre deportivista de pro e persoa de ben.

Por unha desas coincidencias, benditas coincidencias, Manolo e Sesé Roca tiveron o acerto de acompañar o seu libro sobre a historia do Racing Clube Vilalbés cun DVD que contén, entre outras cousas, senllas entrevistas aos históricos xogadores Blasín e Chicí. Por outra coincidencia, menos afortunada, os dous nos abandonaron sen chegar a ver este trascendental documento. Quédanos a súa testemuña para a lembranza.

12 de maio de 2008

En torno ao casco vello

Foto: Paulo Naseiro 2008


Asociación de Veciños da Praza de Santa María e contorno

Despois de ler as opinións vertidas no xornal A Voz de Vilalba sobre a enquisa feita á cuestión, de se se debe peonalizar o casco vello de Vilalba ou non, tócanos a Asociación de veciños Praza de Santa María e contorno dar a nosa opinión, e deixar claras publicamente tanto as nosas premisas como os pasos dados até o de agora por este grupo veciñal.

Nacemos coma unha asociación de veciños e comerciantes, o noso ámbito de actuación parte da Praza de Santa María collendo todas as rúas, travesías e prazas do seu contorno natural, incluída a zona das Pedreiras.

Somos unha agrupación de recente creación, que xurdiu polo mes de novembro a causa das inquedanzas dos veciños, preocupados polo abandono da nosa zona,. Reunímonos para constituír unha asociación veciñal que á vez englobara aos diferentes negocios e comercios do ámbito de actuación.

Despois de diferentes conversas, a título persoal, co alcalde D. Xerardo Criado, a quen lle presentamos por escrito as premisas saídas da asemblea veciñal, que rexistramos no concello, até de agora, non recibimos ningún tipo de resposta. Tamén falamos co técnico da oficina de rehabilitación do casco histórico, e tivemos algunha conversa máis cos representantes dos diferentes grupos políticos Todos están de acordo en que hai que agardar polo Plan Xeral para saber que se vai facer.

Un dos fins principais obxectivos do noso grupo é axudar a dinamizar e revitalizar a zona, polo que consideramos que é obriga do concello e das diferentes administracións facer un exercicio intelixente de xestión. Primeiro, o adecentamento do entorno, no que é imprescindible abordar dun xeito urxente o estado de abandono e deterioro dos inmobles que están a causar moito malestar aos veciños, aos viandantes e aos visitantes que o pobo recibe ofrecendo unha imaxe de ruína.

Cremos que o Concello ten que actuar coas leis na man. Non se pode escorrer o vulto e que os veciños residentes e comerciantes, e tamén os visitantes, esteamos a pagar as consecuencias da covardía da administración neste caso. Se, como reza a constitución, somos un país de cidadáns con dereitos pero tamén con obrigas, a administración quen debe tomar cartas no asunto á hora de motivar aos propietarios que se fan os tolos.

Sabemos que hai un informe e un rexistro de inmobles en ruína feito polo concello, pero só serve como pantalla, porque non se toman as medidas axeitadas; agardamos que co anuncio feito pola Consellaría de Vivenda, de que se van incrementar as contías en subvencións e axudas para rehabilitación, tamén se actúe por parte dos propietarios con responsabilidade etendo en conta o respecto aos veciños, a nosa identidade e ao noso patrimonio.

Pero hai que ser realistas, e dicir as cousas como son: para os políticos as actuacións no casco vello son un asunto moi incómodo, xa que non se quere quedar mal con ninguén. Politicamente é máis rendible falar de peonalizar a zona sen saber como. Onde está un proxecto real e respectuoso cos residentes e comerciantes do contorno? Non dubidamos do potencial da zona, xa que investimos o noso futuro nela, pero dubidamos de cómo se vai levar a acabo a xestión da futura peonalización, xa que a falta dun plan estudado e claro, o único que hai por parte da administración local son rumores, rumores que confunden á xente e crean inseguridade, polo que como asociación plural pedimos que se faga un exercicio responsable, investindo en dotacións públicas. Como problema inmediato, cremos que se debe dotar dun aparcamento público á zona co que xa teríamos máis da metade do problema resolto.

Despois sería bo abordar o mantento e mellora do alumeado público, que nos ten en tebras;o estado do lixo que fai que ratos e gatos campen as súas anchas; non temos os servizos necesarios como gas, infraestructuras de comunicación, etc., tan necesarios para dinamizar a zona, e que resulte atractiva tanto residencial coma comercialmente.

Resumindo, polo que se nos leva dito ata de agora, deberemos esperar, a que chegue o PXOM para facer as alegacións oportunas, xa que somos os veciños os primeiros interesados en humanizar e divulgar a zona, os problemas hainos que ver de preto, para logo tomar as decisións idóneas, estas son parte das nosas premisas como residentes. E sen esquecer que, xa que o casco vello pertence ao conxunto do pobo, precisamos da opinión e da axuda de todos os vilalbeses . Abordar os problemas que nos inflúen de preto, é o xeito de construír un pobo.

vecinostamaría@hotmail.com

11 de maio de 2008

Bebelplatz


Mario Paz González

Kurt Tucholsky, Erich Kästner, Heinrich Heine, Bertolt Brecht, Franz Kafka, Karl Marx, Heinrich Mann, Alfred Döblin, Carl von Ossietzky... Todos estes nomes teñen varias cousas en común. As máis visibles serían: a de ser escritores, poetas ou pensadores, a de ter vivido na Europa dos séculos XIX e XX ou, mesmamente, a de utilizar coma vehículo de expresión do seu pensamento a lingua alemá. Sen embargo, hai algo máis que, por desgraza, úneos a todos eles, un acontecemento que, tal día coma hoxe, un 10 de maio de hai 75 anos, ocorreu na Alemaña: as súas obras, xunto ás de moitos outros autores, foron queimadas por estudantes nazis diante da Biblioteca da Universidade von Humboldt, na Opernplatz, ou Praza da Ópera, de Berlín (chamada hoxe Bebelplatz en homenaxe ao político socialdemócrata de comezos do século XX, August Bebel). 

Aquela queima fatídica levou por diante en torno a 20.000 volumes de autores que, coma os enriba citados, engrosaban a lista negra do novo réxime. Intelectuais que, dun xeito ou doutro, por unha razón ou por outra, resultaban “incómodos” ou “sospeitosos” para as autoridades nacionalsocialistas. Algúns deles (os autores vivos aos que as circunstancias non lles permitiron fuxir) foron tamén, naquel tempo, arrestados, asasinados ou, cando menos, obrigados a exiliarse. 

Hoxe, a través dunha lousa de cristal, pódese ver no centro da fermosa Bebelplatz unha habitación subterránea con catro paredes cubertas de andeis brancos e valeiros, coma unha biblioteca simbólica posta aí para non esquecer a barbarie. Non moi lonxe dela, unha praca cunha cita de Heine de 1820, fatalmente premonitoria, trata de loitar contra o esquecemento: “Das war ein Vorspiel nur, dort wo man Bücher verbrennt, verbrennt man am Ende auch Menschen” (“Iso foi só un limiar, aí onde se queiman os libros, remata queimándose tamén ás persoas”). 

Onte e hoxe, coincidindo tamén co Día de Europa (9 de maio), adicado este ano curiosamente ao diálogo intercultural, as autoridades alemás conmemoran aqueles luctuosos feitos nuns actos nos que participa tamén o Instituto Cervantes. Do mesmo xeito, cómpre asemade destacar que todos os anos os estudantes da von Humboldt fan o seu por loitar contra o insondable peso do esquecemento celebrando unha venda de libros na mesma praza. Un bo xeito de darlle a volta á tortilla. Os que aseguran que ser novo é a escusa perfecta para a ignorancia e a brutalidade andan algo máis que errados. A anécdota anterior é unha boa proba dilo. Tamén a que segue. 

Nos minutos que pechan a película O afundimento (2004), do director alemán Oliver Hirschbiegel, amósansenos imaxes dunha entrevista con Traudl Junge, a que fora secretaria de Hitler na Cancileiría do Reich e nos derradeiros días no búnker. Non o sei con seguridade, pero é probable que esas imaxes formen parte das dez longas horas de conversa gravadas polo director Ohtmar Schmideret nas que se recollen as lembranzas desta muller e que deron coma froito o documental Punto cego: a secretaria de Hitler, presentado en 2002 na Berlinale ao pouco do falecemento da propia Junge. Alí, neses minutos finais da película de 2004, ela recoñece o sentimento de culpabilidade que marcou a súa vida trala guerra e, coma levada por esa reflexión, lembra o momento no que viu por vez primeira a tumba de Sophie Scholl. Endexamais chegaron a coñecerse mais ambas as dúas foron practicamente contemporáneas e ambas militaron na Liga de Rapazas Alemás das Xuventudes Hitlerianas, pero, mentres Junge optou por seguir con fidelidade as directrices do movemento e vivir cunha venda nos ollos, Sophie Scholl (casualmente nacida un 9 de maio) converteuse nunha das máis importantes activistas contra o réxime, vencellándose a artistas, escritores e intelectuais e formando parte da “Rosa Branca”, o movemento xurdido na Universidade de Múnic coma oposición á guerra, ata que foi arrestada e executada o 22 de febreiro de 1943.

Entrevista a Traudl Junge coa que se pecha "O afundimento" (2004)

10 de maio de 2008

Vía Cultura en Vilalba

Redacción
O programa “Vía Cultura” xurde por iniciativa da Consellería de Cultura e Deporte a partires das conclusións extraídas dun estudio realizado en 2007 sobre “As necesidades e demandas formativas dos profesionais da acción cultural pública en Galicia” co fin de que xestores e técnicos culturais da comunidade poidan obter unha formación continua e específica, ampliando con ilo a súa profesionalización.
Deste xeito téñense organizado xa algúns simposios, talleres e outras iniciativas nun programa de accións formativas que abrangue seis encontros que, nunha primera fase, desenvolverase en diferentes vilas e cidades galegas. O devandito programa comezou xa o pasado 23 de abril no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol e rematará o 27 de xuño no Centro Uxío Novoneyra de Lugo.
Para o 4 de xuño está programada na Casa da Cultura de Vilalba a segunda parte da actividade “Modelos de xestión de equipamentos culturais” (a primeira parte desta actividade comeza a véspera en Rianxo) que ten coma obxectivo dar a coñecer os modelos de xestión de varios equipamentos culturais emblemáticos e de clara referencia a nivel estatal, así como do conxunto de actividades que desenvolven. Para ilo contará coa participación de Teresa Llovet, de Roca Umbert - Fàbrica de les Arts, un proxecto do Ajuntament de Granollers que reutiliza unha antiga factoría textil; Cristobal Sánchez, coordinador do departamento de Educación de La casa encendida, centro social e cultural de Obra Social Caja Madrid; e Belín Castro, de Espacio Tangente, Centro de Creación Contemporánea de Burgos.

A actividade contará con oitenta prazas e a inscrición pode facerse ata o vindeiro 21 de maio. O formulario de participación pode cumprimentarse on-line a través da web do programa (www.viacultura.net/) onde se pode atopar cumprida información sobre as actividades plantexadas e outros actos relacionados co sector. Así mesmo, para despóis do verán contémplase a posibilidade de facer un II Foro de Acción Cultural de Galicia e, quizáis, a creación dun máster en xestión cultural e formación reglada profesional.


9 de maio de 2008

Cousas de San Cucufate

Xosé Mª. Felpeto

Algo vai mal nun país cando, pasadas dúas décadas da promulgación da denominada Lei de Normalización Lingüística, o uso oficial do idioma de seu nese territorio non pode considerarse “normal” por moito que se queira disfrazar a situación con aquilo do “bilingüísmo harmónico”, que ningunha das dúas cousas como case todo o mundo sabe. A realidade evidencia que en xeral as institucións carecen dunha auténtica planificación lingüística e pouco ou nada poñen da súa parte, consentindo que mesmo cargos públicos se permitan a licenza de desafiar a legalidade toponímica con non se sabe moi ben que intereses ou intencións. En todo caso o máis desalentador é que a sociedade se deixe levar e non valore o que lle outorga identidade propia, o que lle foi dado en herdanza, o que lle é obrigado conservar e transmitir. E vén isto a conto pola actitude de quen por enriba xustifica a insensibilidade e ineficacia desas institucións, que deberan ser garantes do cumprimento legal pero que se converten en exemplo negativo para a cidadanía.



O caso que nos ocupa chama a atención polo uso que algunhas persoas e/ou institucións (políticas, educativas, etc.), por desidia ou ignorancia, manteñen en documentación oficial do topónimo vilalbés “Sancovade” (sic), que ás veces escriben con “v” e outras con “b”, desconcertando coma sempre á veciñanza, que non sabe moi ben a que aterse. Por iso parece que cómpre unha humilde pero razoada explicación, sobre todo ao abeiro da forma recollida, esta vez con fundamento, no nomenclátor oficial da Xunta de Galiza.



No “Diccionario dos nomes galegos”, o filólogo e académico Xesús Ferro Ruibal vén a afirmar que “Covade” procede de “Cucupfate/Cucufate”, nome dun santo africano do século III martirizado preto de Barcelona (“Cugat” en catalán). De orixe escura, quizais derivado de Cucufa (“cofia”: que leva cofia, encapuchado), era forma habitual na zona de Samos (“Sancovade”, aldea da parroquia de Formigueiros), aínda que tamén aparece nun documento mindoniense de 1128 referido posibelmente ao que hoxe sería a parroquia vilalbesa de referencia, citada conxuntamente con outras do mesmo concello. Se isto é así, que non hai por que dubidalo dada a autoridade de Ferro Ruibal na materia, o demais sería cuestión de seguir a evolución fonética normal: ph/f>v, t>d, paralelamente á perda dun dos grupos “cu” tal vez para evitar a cacofonía; en consecuencia, e dentro da máis estrita lóxica, Cucufate evolucionaría ao actual Covade. Así de sinxelo.



Anecdoticamente podemos sinalar tamén que, segundo a historia ou lenda, san Covade é un dos santos máis antigos no culto hispánico (séc. IX). Foi mártir en Barcelona e a súa pasio (relato do martirio) seméllase á de san Vicente e á de san Fiz. Mesmo seica Xelmírez (séc. XII) trasladou de Braga a Compostela os ósos de san Covade. En canto á súa iconografía parece que viste longa túnica romana e por riba dela a lacerna (ampla capa abotoada no peito, propia para viaxar), sendo os seus atributos unha xostra ou látego (disque o azoutaron ata que lle saíron as entrañas) e unha espada ou unha macheta (supostos instrumentos do seu martirio). Pero isto xa é fariña doutro fol.



7 de maio de 2008

Desceso de poboación en Vilalba


Paulo Naseiro


Os datos do Padrón Municipal de Habitantes correspondentes a 2007 non deixan lugar a dúbidas. Fronte a un desequilibrado crecemento natural, con tan só 73 nacementos e 207 defuncións, é só a inmigración a que, por primeira vez en varios anos, coloca as taxas de crecemento poboacional en valores positivos.

Así, un total de 428 persoas incorpóranse ao Padrón procedentes tanto de outros concellos do Estado como do estranxeiro, non sendo descartábel que moitos dos primeiros sexan tamén estranxeiros que residían noutros puntos do territorio estatal. Se cadra, o boom que viviu a construción nos últimos anos teña moito que ver con este crecemento e que, por tanto, esteamos ate un fenómeno puramente estacional.

Pola contra, 243 vilalbeses abandonaron o concello, a inmensa maioría cara a outros puntos do Estado. A falta de datos obxectivos, un ten a sensación de que estes novos emigrantes son fundamentalmente mozos e mozas universitarios obrigados a buscar traballos acordes co seu nivel formativo nas grandes cidades.

Por tanto, os datos non poden agochar a crise poboacional de Vilalba, inserida no marco de perda de poboación que rexistra o interior das provincias de Lugo e Ourense, e que xa está a xerar novos problemas como as altas taxas de envellecemento e a consecuente carencia de servizos básicos para este tramo de poboación.

6 de maio de 2008

Día Mundial da Liberdade de Prensa


Redacción

O 20 de Decembro de 1993 a Asamblea Xeral da ONU, por recomendación do seu Consello Económico e Social, declarou o 3 de maio Día Mundial da Liberdade de Prensa (decisión 48/432). A data escolleuse para conmemorar que en 1991 se firmara a chamada “Declaración de Windhoek” (Namibia), manifesto redactado tralo Seminario para o Fomento dunha Prensa Africana Independente e Pluralista, organizado pola UNESCO e as Nacións Unidas.

Alí, naquel Seminario, varios periodistas africanos reclamaron o dereito a unha prensa libre, independente e plural non só no seu continente, senón tamén no resto do mundo. A reivindicación non era en absoluto gratuita se temos en conta que, aínda hoxe, en máis da mitade do planeta isto non é posible, é dicir, levar a cabo o dereito de liberdade de expresión que, xunto o dereito á vida, á libertade e á integridade, é un dereito humano fundamental, coma nos lembrou a UNESCO na Resolución da súa Conferencia Xeral do ano 91.

Tratemos, pois, de contribuir a ilo lembrando o papel esencial e vital que o desenrolo deste dereito fundamental, a través dunha prensa libre, pluralista e independente, precisa para o fomento e a garantía dunha democracia sana e dunha sociedade máis libre en todo o mundo.


Información sobre o tema na páxina da UNESCO

5 de maio de 2008

A Galiza celta


Iago Castro

Para tranquilidade duns e máis doutros, non quero entrar na vella polémica do celtismo na Galiza. Para min o tema é coma o das meigas, que habelas hainas. Parece fora de dúbida que existen vencellos históricos entre as nacións fisterrás europeas, máis alá de que nazan dunha cultura común ou non. Probábelmente, os intercambios comerciais, a navegación marítima entre estas terras da fin do mundo, sexa a orixe de moitos elementos culturais compartidos.

Sen ir máis lonxe, a mitoloxía irlandesa recollida na compilación denominada Lebor Gabála Érenn, do século XI, atribúe a fundación da súa identidade nacional aos netos de Breogán, rei de Galiza. Esta é a única alusión existente sobre o noso propio mito nacional, elevado ao cume do olimpo galego polos historiadores románticos do século XIX e, definitivamente, polo vate Pondal, que o coou para sempre xamáis no noso himno.

Así pois, de chegar a cuallar aquela proposta definitoria de Nazón de Breogán para o noso nonnato Terceiro Estatuto, os culpábeis serían aqueles monxes irlandeses que hai un milenio fantaseaban, quen sabe con que base, sobre a nosa historia común.

Isto demostra que, se non compartimos antepasados, cando menos non fomos alleos os uns aos outros ao longo de milenios.

Toda esta parrafada ven a conto porque o departamento postal da Illa de Mann, un pequeno estado soberano situado entre as costas de Escocia e Irlanda e que comparte soberana co Reino Unido, ademais de terlle cedida ao goberno da súa graciosa maxestade a representación internacional e a defensa, acaba de sacar unha emisión de estampas postais conmemorativas do Festival Interceltico de Lorient que representan ás chamadas "nacións célticas". Son oito estampas que recollen as bandeiras de Cornualla, Mann, Escocia, Bretaña, Eire, Asturias, Gales e Galiza, e cuxos valores faciais van dende os 20 peniques a 1,13 libras. Por certo que o noso selo é o máis caro, e leva impresa a frase unha terra, un pobo e unha fala, convertida en icona do noso país polo grupo Saraibas, co LP do mesmo nome en 1980, lembran?

Unha flor, un amor, unha alborada,
unha fonte, un río, unha praia,
unha estrela, un camiño, unha alma,
unha terra, un pobo e unha fala...

Se hai algún filatélico na sala, esta é a páxina do servizo postal manés, onde se poden mercar as estampas.


1 de maio de 2008