Vinte e cinco anos de A Voz de Vilalba

Chema González Barcia

Xa pasaron vintecinco anos…, e semella que foi onte…; home, onte, non, pero semella que ainda están mui recentes aqueles días nos que os tres trasnos que se sacaron da manga facer un xornal apareceron un bó día de fin de curso polo colexio e veña, que temos choio, que esto está mui quedo polo verán, que esto é mui doado (como non vai selo, se se nos ocurreu así, polas boas…); dile a los chavales que lo que quieran, que tienen el colegio para ellos…; e tira para adiante, e volta e dalle, como lle chamaremos ó xornal?, busca bolis de punta fina sen tinta e fai clichés (deses dos que xa non queda ningún nin nos museos…), escribe á máquina cunha Olivetti (de aceiro, máis dura ca un coio…), imprime cunha multicopista “vietnamita” (que de vez en cando ciscaba tinta por todos os sitios e se perdía máis tempo en limpala ca en imprimir o xornal…), grapa e mira ben onde grapas, non sexa que atrapes un dedo (ou o que sería peor, que quede mal grapado…), e agora repárteos pola vila, e veña a empezar a preparar o vindeiro número, e se o facemos en parte a fotocopiadora, oes, pon música, que aquí no cole non oe ninguén e o Iván que se veña xogar con nós, mira, trae máis piruletas, agora paramos un chisco e imos tirar uns tiros aí ás pistas co balón, carai, somos uns fenómenos, xa levamos dous números…

Xa pasaron vintecinco anos do primeiro número de A VOZ DE VILALBA, e esas imaxes están ma miña memoria cunha frescura da que eu mesmo me asombro. Aquelo pagou a pena, vaia se a pagou, porque sen dúbida ningunha se deu unha situación das máis inéditas que se poden dar en rapaces de doce e trece anos que xa vemos que os marcou de por vida… E a min tamén, porque nunca penséi verme metido en tal situación, ainda que a volvería a repetir sempre e en calqueira momento.

Hai uns días recibín unha chamada telefónica de Moncho, Naseiro e Mario… Víñanme a contar que ían sacar un novo número, especial, coincidindo co vintecinco aniversario do seu xornal, que se cumple precisamente no día no que escribo estas verbas… Cando llo contei á miña muller, non nego que estivemos falando daquelas vivencias durante toda a tarde, con moita emoción e con moito sentimento. Os vellos rockeiros nunca morren, e algo quedou neles do ritmo beatleriano que beberon naqueles anos.

É para felicitalos, para darlles unhas apertas moi fortes, ainda que sexa a través dunha web, do móvil ou do papel; é para seguir convencidos de que a verdadeira amizade fórmase ás veces ó redor de non se sabe qué, pero que nunca esmorece.

É para decirlles que vintecinco anos non son nada… se se quere realmente que representen algo.
E ó mesmo tempo, xurden as vivencias do colexio “Número dous”, o “Insua Bermúdez”…

Pero esa é outra historia… (ou a mesma…?).

Hoxe, toca felicitar ós tres trasnos que pensaron que aquello só sería un xogo durante unhas vacacións. Moncho, Naseiro e Mario, unha aperta.

En Burela, a vintenove de xuño de dous mil oito.
Ver máis información sobre esta nova en: El Correo Gallego

29 de xuño de 2008

Especial 25º aniversario


Redacción

Mañá, domingo 29, repartirase nos quioscos e librarías da capital chairega un número especial d´A Voz de Vilalba. Retomamos o formato de papel para celebrar dúas efemérides deste 2008. Hai cen anos nacía, da man de Manuel Mato e Xosé Novo, El Eco de Villalba, o primeiro xornal do que sería unha longa xeira xornalística local deica hoxe. Por iso, A Voz de Vilalba compartirá cabeceira con todos os medios escritos que dende 1908 atenderon ao seu compromiso coa liberdade de prensa e información.

Ademais, un 29 de xuño do xa lonxano 1983 nacía A Voz de Vilalba. Van alá 25 anos, un cuarto de século dunha cabeceira que xa é parte desta pequena historia. avozdevilalba.com naceu hai poucos meses para conmemorar este aniversario, pero tamén para renovar o noso compromiso coa prensa libre, coa libre opinión e a información cercana. Nesta altura superamos as 200 visitas diarias, un seguemento que nos enche de orgullo, e que debemos agradecer en primeiro lugar aos nosos colaboradores e a todos os lectores fideis que acoden, de día en día, en procura de novidades.

Por iso quixemos celebrar este 29 de xuño dun xeito especial, retomanto o papel como soporte, volvendo a ser un medio tradicional por un día, para ofrecer un número extraordinario. É, se cadra, unha cuestión de nostalxia, pero tamén un compromiso cun xornalismo local de calidade, unha aposta pola continuidade da nosa cabeceira, adaptada á realidade dun mundo global en rede pero que non esquece as súas orixes, naquel caloroso xuño de 1983, no que a vella multicopista "vietnamita" Gestetner, verde e a manivela, do Colexio Ínsua Bermúdez , grazas á xenerosidade de Xosé Antonio Varela e Chema González Barcia, tiraba os primeiros 200 exemplares do noso xornal.

28 de xuño de 2008

Hoxe inaugúrase a mostra "Nós mesmos" no Centro Galego de Lisboa

Redacción

A exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”, organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, será inaugurada hoxe ás 19´30 horas no Centro Galego de Lisboa, onde poderá visitarse ata o 26 de xullo.

O acto contará coa presenza de Ramón Villares, Presidente do CCG; Manuel Luís Rodríguez González, Secretario Xeral de Emigración; e Vicente Peña Saavedra, comisario da mostra xunto con Pilar Cagiao Vila.

27 de xuño de 2008

Os nosos lectores prefiren Galicia


Redacción

Case cincuenta lectores pronunciáronse na enquisa sobre as preferencias en torno ao topónimo do noso país. Dous de cada tres prefiren a forma moderna Galicia e un de cada tres optan pola máis antiga Galiza.
Seguen, así o criterio da Academia Galega, que diante da pregunta realizada pola Consellaría de Cultura, argumentou que, se ben as dúas formas son correctas dende a reforma normativa de 2003, Galicia é a denominación oficial da nosa Comunidade.

26 de xuño de 2008

A Xunta destinará 800.000 euros á concesión de axudas para a normalización lingüística na Administración Local

Redacción

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de convocar axudas destinadas a fomentar a prestación dun servizo de normalización lingüística nas entidades locais e a subvencionar a organización e desenvolvemento de campañas de normalización lingüística. O departamento autonómico achegará ata 800.000 euros con este obxectivo, segundo se recolle no Diario Oficial de Galicia na súa edición de hoxe.

Estas axudas serán para a creación de novos servizos locais de normalización lingüística, para o reforzamento dos xa existentes mediante a contratación de especialistas en lingua galega e para a organización de campañas e elaboración de publicacións co obxecto de lograr a normalización lingüística na entidade local.

Os servizos locais de normalización lingüística deberán desenvolverse por especialistas en lingua galega que posúan algunha das seguintes titulacións: licenciatura en filoloxía galego-portuguesa, filoloxía galega ou filoloxía hispánica (sección galego-portugués). Así mesmo, terán prioridade na contratación os licenciados que, ademais da titulación esixida, posúan o diploma do curso superior de linguaxe administrativa.

Estes servizos desenvolverán o seu labor tanto no aspecto lingüístico como no sociolingüístico. Asemade, deberán promover que na regulamentación municipal figuren unhas cláusulas que establezan que todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos (oficinas de atención ao público, instalacións deportivas, televisións e radio municipais, servizos de augas, etc.) teñan a lingua galega como idioma xeral de referencia oral e escrito; que os actos xurídicos documentados e as relacións xurídicas e notariais da Administración local que se refiran a actividades de ámbito galego se redacten en lingua galega; que as intervencións xudiciais da Administración se realicen en lingua galega; que os traballos topográficos e cartográficos que fagan ou encarguen as administracións locais leven incorporada a recolla da microtoponimia -consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia-, e que o material toponímico recollido sexa remitido ao SITGA (sistema de información territorial de Galicia) para a súa organización e posta a disposición da sociedade; que as prestacións froito dun contrato subscrito por unha entidade local se ofreza, como mínimo, en lingua galega; e que a facturación que emitan os provedores da Administración local estea redactada, como mínimo, en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de hoxe. Para a súa avaliación terase en conta os seguintes criterios: que a subvención se destine á creación de novos servizos de normalización lingüística; que se destine ao reforzamento de servizos xa existentes; a realización de campañas de levadas a cabo polo servizo de normalización existente na entidade local; a realización de campañas desenvolvidas polas entidades locais que non conten cun servizo propio; e a realización de campañas de normalización da lingua galega en colaboración con outras entidades.

Nas campañas priorizaranse, sobre todo, aquelas que se destinen aos sectores recollidos no Plan xeral de normalización lingüística ou as que teñan por obxecto a rotulación toponímica municipal. Así mesmo, neste último caso terán prioridade os concellos que teñan executado o proxecto Toponimia de Galicia.

24 de xuño de 2008

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán

Lugo, 20 xuño do 2008

Meu amigo Antón:
Debo dicirche que, efectivamente, esta semana estivo ben cargada para min, sobre todo pola morte de Antón, o perruqueiro, que para a miña familia era algo máis ca un amigo. Estrañeite moito, porque eu ben sabía que tamén ti lle tiñas un aprecio especial e, sen embargo, non puideches acompañalo.

Tamén quero dicirche que estes días andaba eu moi interesado en ver un programa de televisión transmitido pola Sexta. Pois nada, en toda unha zona da vila non hai xeito de sintonizala. Lémbraste, Antón, que en varias ocasións lle teño escrito cartas ao alcalde para ver se el era quen de lle ofrecer ao pobo ese servizo de adaptar o emisor de Mourence e que no conxunto do concello se podan ver as emisións en aberto?. Pois ben, nunca me respondeu nin nunca fixo nada.

Moitos dos que non poden ver esas emisións calan coma ovellas e seguen a darlle o voto, así que, para que se vai molestar?. E iso que a solución dese asunto do repetidor é cousa ben pequena, pero é igual: polo que se ve, non entra nos seus planos. Como tampouco entra amañar outros asuntos ben doados. Vouche contar: onte mesmo, á tardiña, cando estabamos os dous ao teléfono, xa te decataches de que te despedín á presa porque, expliqueiche, apareceron de súpeto uns meus amigos valencianos, traballadores da cultura e colegas de ensino. Pasaban por Vilalba e, para poderen estar un cachiño comigo, decidiron pasar a noite aquí. E, cando me atoparon, non se cansaban de amosar a súa perplexidade: non podían entender que a saída principal do Parador dése a un garaxe ao ar libre.

A praza da igrexa estaba inzada de coches aparcados, a pesares de que sinalización oficial indica que só poden estar en batería, e xa é feo dabondo. Un dos meus colegas, especialista en urbanismo, botábase as mans á cabeza e preguntábame unha e outra vez como era posible que unha vila coñecida por España adiante déra esa sensación de incultura rampante: como as autoridades poden consentir que a praza máis senlleira da vila, fronte a un importante establecemento de turismo de alto nivel, se poda converter en aparcadoiro?. Eu non lle souben responder; non sei se ti, Antón, terás algunha resposta. En fin, sei que a tes, pero nin podo reproducir as túas palabras nin ti queres que o alcalde as escoite, no caso de sospeitar que es ti quen as di.

Porque así andamos, e moita xente, coma ti, por non molestar, deixa que este noso pobo siga a estar porco, desarticulado, sen iniciativas e sen atractivos ningúns. Malia todo, para rematar, teño que poñer unha excepción nisto das iniciativas e dos atractivos. Un amigo pasoume un DVD onde puiden contemplar un espectáculo ben fermoso realizado por xente nova da nosa vila que é moito máis espelida culturalmente do que cren as autoridades que nos gobernan. Tratábase dun espectáculo ofrecido, en colaboración, pola Banda de Música e a Escola de Teatro. Puxeron en escena unha dramatización do Peer Gynt sobre o fondo musical da suite do músico Grieg. Para seren nenos, tanto os do teatro coma moitos dos da Banda, asegúroche, Antón, que me gustaría mostrarlles ese espectáculo aos meus amigos valencianos para que compensaran a súa impresión do aparcadoiro coa beleza desta realización escénico- musical.

O que non entendín é por que non se fai unha publicidade máis intensiva destes acontecementos, porque eu canseime de preguntarlle a varios amigos e case ningún estaba ao tanto desta realización. Uns cursos de publicidade non virían mal para os organizadors de actos de toda caste: nos lugares onde non abondan actividades culturais resulta imprescindible unha información moi intensiva e motivadora. En todo caso, eu non souben de esa representación, e ben que o sentín. Ti, como non andas por Vilalba, tampouco me dixeches nada. Pero podemos, desde aquí, felicitar ao director da Banda e á da Escola de Teatro, así como aos rapaciños e raparigas que tiveron que dedicar moitas horas á realización de algo así de fermoso. Quedan pois patentes as nosas felicitacións.

E tamén queda patente o meu consello de que te coides. Unha aperta
Bernardo
Máis información sobre Bernardo García Cendán na Bibliografía Chairega.

Darío Villanueva, membro da Real Academia Española

Redacción

Entrar a valorar se existe ou non unha peculiar idiosincrasia chairega, pola cal se lle ten outorgado a Vilalba hai xa uns anos o apelativo de “vila dos tres poderes”, pecaría, con probabilidade, dunha evidente miopía e falta de perspectiva. O que ocorre é que moitos chairegos posúen en alto grao unha característica non por elo allea aos outros habitantes do planeta: unha ilimitada curiosidade. É certo que cando esa curiosidade se proxecta cara o interior dunha vila ou aldea tende a facer seu o terenciano “homo sum, humani nihil a me alienum puto”, ou, o que é o mesmo, “son humano, e nada do humano para min é alleo”. Xa me entenden. Porén, cando esa mesma curiosidade mira cara a fora, entón é cando recolle os seus mellores froitos. E diso sabe moito Darío Villanueva (Vilalba, 1950).

Que este chairego chegase a formar parte da Real Academia Española da Lingua, ocupando o asento da letra D, era só cuestión de tempo. No seu discurso de ingreso, lido o pasado 8 de xuño, saltan á luz moitas das características que conforman a súa personalidade e traxectoria. Sobre todo revélanos esa curiosidade sempiterna da que vimos falando. O mesmo título do discurso, “O Quixote antes do cinema”, non só é boa proba delo, senón que remite precisamente á ampla variedade e, ao mesmo tempo, unidade dunha labor investigadora que, segundo o poeta Gimferrer (que lle deu a réplica no acto de toma de posesión), amosa non só “sabedoría e desvelos, senón tamén verdadeira fecundidade creativa”.

A incorporación do chairego á RAE sumaríase deste xeito a outros recentes nomeamentos que tentarían tamén achegar a institución máis á realidade lingüística dos falantes. Estamos a falar de nomes coma Javier Marías, Arturo Pérez-Reverte ou Salvador Gutiérrez. A súa longa e impecable traxectoria (cuxa relación de méritos ocuparía moito máis que todo este artigo), o seu entusiasmo, a súa paixón, a súa lucidez investigadora e, sobre todo, esa sempiterna e constante curiosidade por todo o relativo, non só á lingua e a literatura, senón tamén a moitas outras das disciplinas afíns que conforman o eido cultural, fan del o candidato idóneo para renovar dende dentro, e con sentido común, unha institución tan vella e nobre, pero que, ás veces, din algúns, cae nunha obsolescencia limitadora.
Sirvan, pois, estas breves liñas para darlle os parabéns a este chairego agora e sempre, máis que nunca, universal.

Carriedo, obra (re)coñecida

María Xosé Lamas

Hai pouco tempo recibín un agasallo sinxelo: un libro. Quen mo achegou foi un amigo e antigo alumno, con instrucións precisas: “Esta é a publicación da miña tese doutoral. Non é para ler, é para que a teñas. De seguro que, fóra do tribunal, ninguén máis a lerá”. Recollina agradecida e só agardei ate que rematou a súa visita para botar unha ollada ao extenso índice que anunciaba un contido estruturado maxestosamente ao longo de 638 páxinas de letra miúda e condensada.

Mario Paz González tíñame falado en conversas mantidas nestes últimos tempos da materia da súa tese, “La obra literaria de Gabino-Alejandro Carriedo”, do seu traballo sobre ela, do absorbido que o tiña e ate do profesor que lla guiaba –para quen incluso me pediu un libro meu con dedicación autógrafa. Mais, as pinceladas de información que recibía foron suficientes para decatarme da miña ignorancia tanto sobre o poeta palentino como da época na que estaba incardinado dentro da literatura española.

Invadiume a curiosidade e caín na tentación de comezar a ler o libro. En breve percibín que era dunha lectura tan amena que se volveu apaixoante ao percorrer noite a noite as súas páxinas convertidas xa en obra de cabeceira ate o seu remate.

Aquel alumno ao que eu, aos seus trece anos, lle ensinara quen era Rosalía, Curros e Pondal, voltábame con creces a formación presentándome non só a vida e a obra de Carriedo, senón tamén a historia dunhas xeracións da literatura española que a penas coñecía: todos os ismos literarios e culturais que floreceron dende os anos de posguerra (postismo, realismo máxico, realismo social...), as súas circunstancias e razóns, as súas manifestacións e as canles polas que circulaban. Autores coetáneos do poeta palentino cobraban agora interese e senso na miña lembranza -Fernando Arrabal, Gloria Fuertes, Juan Alcaide, ou Ignacio Aldecoa- xunto a novos nomes como Eduardo Chicharro, Francisco Nieva, Ángel Crespo e Carlos Edmundo de Ory, entre outros.

Pero se foi significativo o descubrimento desta realidade cultural, tamén o foi o do propio autor protagonista desta tese a través do seu contorno literario que Mario Paz vai derrafando na descrición minuciosa de cada unha das súas obras dende o Poema de la condenación de Castilla (1946), ate a última editada en vida do poeta, Nuevo compuesto descompuesto viejo (1980), incluíndo as publicacións póstumas: Lembranças e deslembranças (1972-1980) e El libro de las premoniciones (1972-1981), que complementa con un fondo estudo sobre a tematoloxía e os elementos formais da poesía de Carriedo e remata agasallándonos con varios apéndices entre os que destacan tres poemas totalmente inéditos do palentino e dúas entrevistas ao autor realizadas unha para Radio Estocolmo (en xullo de 1964) e outra para o programa de televisión “Encuentros con las letras”, emitido en setembro de 1980.

Agora sei que debo agradecerlle dobremente a Mario Paz o seu agasallo. Dunha banda, darlle as grazas por satisfacer a miña curiosidade enchendo un baleiro que permanecería goro se non tivera a oportunidade de ler o seu libro; doutra, a miña gratitude por facerme sentir orgullosa de ter un alumno doutorado con “Sobresaliente Cum Laude”. Gosto egoistamente de pensar que para que medrara esta magnífica árbore algo suporía que eu vertera sobre a súa semente unha pinguiña de auga.
__________________

PAZ GONZÁLEZ, Mario.
La obra literaria de Gabino-Alejandro Carriedo.
León: Universidad de León. 2008.
638 pp.

23 de xuño de 2008

Das novas cousas de Ramón Lamote

O pasado venres, 20 de xuño, tivo lugar a presentación do libro Das novas cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín, así como da 23ª edición en galego do orixinal As cousas de Ramón Lamote. O Muíño do Rañego acolleu un emotivo acto no que parciparon, ademáis do autor, Víctor F. Freixanes, responsábel da editorial Galaxia, o filólogo e tradutor Xavier Senín, durante moitos anos Subdirector Xeral do Libro e Bibliotecas, o escritor Paulo Naseiro, en representación do Instituto de Estudos Chairegos e Afonso Blanco Torrado, coordinador da Fundación Manuel María da Terra Cha.



O Ramón Lamote representou no seu día o maior éxito editorial da literatura infantil e xuvenil galega de todos os tempos, tendo sido traducido a moitos idiomas. Na súa tradución castelá, acadou sona en todo o continente americano. Acadou ademáis o primeiro Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil para un libro galego.
Na presentación, Paco Martín explicou o por que do retorno do personaxe, 23 anos despois.


RAMÓN LAMOTE ESTÁ DE VOLTA



Paulo Naseiro

Pertenzo a aquela xeración, parece que foi onte e xa van vinte e tres anos, que tivo a sorte de coñecer antes que ninguén a Ramón Lamote a través das lecturas obrigatorias, benditas obrigas, do que por entón se chamaba Bacharelado Unificado e Polivalente. É certo que me encariñei, como case todos, co personaxe, pero non descubrín ao escritor.

Esa descuberta tíñaa feito poucos anos antes. Como lector anárquico e sen guieiro de ningunha clase dende que teño consciencia, Paco Martín chegoume en forma de arrepío, deixándome nun estado de total ingravidez con E agora cun ceo de lama que devorei, como tantas outras obras mestras, grazas ás lecturas, tamén obrigatorias, da miña irmá, por entón estudante de maxisterio.

Conservo aquel libro canda os tesouros da miña biblioteca, asinado hai pouco tempo por Paco, e gastado, vello e achacoso porque volvo a el de cando en vez na procura do Xacinto, do Tornacás, do Moscas, da casa do vello mestre e da Beiravella asulagada, esa metáfora, esa preciosa mistura de realidade criticada e fantasía crítica.

Pero hoxe tocamos outro pau. Outros dous, para sermos exactos. Unha nova edición do Ramón Lamote orixinal, e van creo que vinte e trés en galego e non sei cantas noutras línguas, e o sorpresivo e emotivo retorno do profesor de chairego e debuxante de soños, agora un pouco máis vello, máis retranqueiro se cabe, e tan boa persoa como sempre.

O mesmo Paco dicía hai pouco nunha entrevista en prensa que “Ramón Lamote é o vello que a min me gustaría ser, unha boa persoa pero desgrazadamente non o son”. Só estou en parte de acordo. Efectivamente, Paco aínda ten moito camiño que andar para chegar a vello, Pero en canto ao de boa persoa, son testemuña de que aceptou vir a Vilalba presentar o primeiro libro de certo autor novel e completamente descoñecido, a petición dun amigo común, aínda estando a pasar un momento de dificultades familiares. Iso proba que é polo menos tan boa persoa como o Lamote, non direi máis, e tamén que é persoa comprometida co país e coa cultura.

Nalgunhas épocas aquelo que se adoita chamar “voces autorizadas” pedían que ese compromiso se plasmase en cada parágrafo, en cada liña de cada escrito que vira a luz en galego. Reclamábase unha especie de literatura de combate e resistencia, unha literatura disque “comprometida”. Dubido que sexa unha boa práctica andar todo o día a dicer “que maliño estou, cantos paus me dan”. Máis ben, paréceme acaída aquela letanía dos vellos médicos: “faga vostede vida normal”.

Pois iso é o que nos toca en canto galegos de língua e cultura galega. Facer vida “normal”, que é moi distinto de “normalizar”. Para moitos dos compoñentes da miña xeración, a nosa língua e o noso feito diferencial están totalmente “normalizados”. Se acaso, a porcentaxe dos que falamos a cotío en galego é menor ca en épocas anteriores, pero cando menos sacudímonos a aldraxante diglosia e namoramos en galego, casamos en galego e preiteamos en galego.

E algo ten que ver en todo iso que o best-seller da nosa adolescencia non fose o Harry Potter, senón o Ramón Lamote Miñato, profesor de chairego e debuxante de soños por encarga. Digo best-seller e digo ben, por se hai algún purista entre os lectores. O galego, como o inglés ou o chinés, precisa libros bos e malos, novelas románticas e de terror, narracións eróticas e prospectos farmaceuticos. Iso é a normalidade cousa moi distinta, insisto, da normalización.

Como un daqueles moitos adolescentes fascinados cos entomodelfos e os marmolubios, grazas, Paco, por achegarnos á vida do Ramón Lamote. E grazas tamén por esta nova entrega que a moitos nos fixo emocionarnos de novo, vinte e tantos anos despois, como pasa o tempo, pero que tamén han disfrutar, xa, os nosos fillos.


Praca colocada en 2006 xunto ao Muíño do Rañego pola Fundación Manuel María

21 de xuño de 2008

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán
Lugo, 13 de xuño do 2008

Meu amigo Antón:


Teño que dicirche que te botei moito de menos onte cando algúns dos colaboradores desta emisora fomos convidados a unha cea moi substanciosa e moi substantiva no Parador de Vilalba. Deberías ter vido, pero coa túa teima de que a xente non saiba quen es, andas a perder as boas ocasións de conversar. Digo conversar e dígoo con moita intención, porque hai moito tempo que esa cousa tan simple anda no meu maxín: conversar cos amigos, a modo, tranquilos e distendidos, é unha vella afección da humanidade que sempre soubo encher desta maneira tan accesible os espazos de ocio, tan necesarios ou máis na vida que os espazos de negocio. Xa o temos comentado moitas veces ti e máis eu ata facer diso unha teima da que ti te burlas afeito. A conversa relaxada foi asasinada pola televisión e agora polo ordenador adobiado de Internet que, todo o máis, acada unha conversación virtual que non é o mesmo que a real, pero o hábito de conversar é algo, digo e espero, que pouco a pouco terá que se recuperar, porque, ao final, non hai nada que o poida substituír de todo. Saír da casa, pasear, fuxir dos ruídos infernais que atormentan nos bares, sentar un pouco nunha terraza cando hai bo tempo, e falar, falar, falar, discutir, se cadra, achegar opinións, iso é vivir.

Certo é que, por desgraza, a nosa vila foi perdendo espazos para tal mester: as beirarrúas (as aceras) son unha miseria, por seren tan estreitas e tan cheas de estorbos, farois e sinais de tráfico, que non permiten a tres persoas camiñar xuntas, falando, sen chocaren unhas con outras. Certo é tamén que o noso pobo está deseñado para a dispersión e para a bebida, porque bares non faltan, pero non contribúen ao encontro nunha zona que se poida chamar do paseo. Ti mesmo me comentas a cotío que en todo pobo que se prece existe ese tipo de espazo (en Ourense, por exemplo, a rúa principal chámase do Paseo), de xeito que se che da por saír para ver xente, xa vas directamente a ese lugar. E iso témolo na lembranza, porque, en efecto, en Vilalba, antes, ese ámbito era o que se estiraba entre o cruce da estrada de Ferrol e o cruce da de Baamonde, con terrazas nos catro grandes bares que convidaban aos parladoiros ou tertulias, pero agora ese espazo xa non ten ningún atractivo, non hai máis que oficinas bancarias e moitos tropezos viarios, como deixo dito. Ao final quedámonos sen paseo: unha vila urbanisticamente desarticulada. Cando se lles ha ocorrer aos do concello ensanchar as beirarrúas, unha delas alomenos?. Non sei se o darán feito, pero, en todo caso, como ti dis, que non nos veñan coas andrómenas do aparcamento: tamén se dicía en Lugo da rúa da Raíña ou da praza de Santo Domingo, pero ousaron facelas peoniles e agora ben satisfeitos que están todos.

En fin, meu Antón, que todos son atrancos para algo tan vital como é o encontro dos veciños e o intercambio de palabras. Onte, malia todo, tal cousa foi o que fixemos os colegas, conversar arreo, pero ti non estabas e non sabes ben o que perdiches. Falamos de todo: do divino, un pouco, porque, despois de todo, había varios curas; pero tamén do humano: recordamos tempos, mentres contemplabamos unha vista do pobo dos anos cincuenta, en gran retrato panorámico que cobre parte da parede dunha cervexería, e non deixamos, claro está, de lle dar un repaso aos prohomes da nosa veciñanza, aínda que, estou a cavilar, non saíu na conversa o nome de máis actualidade como é o de Darío Villanueva. Non sei por que non falamos del, pero ben merece que, no nome dos colegas, ti e máis eu, desde aquí, lle mandemos os parabéns por ter xa ocupado unha cadeira da Real Academia da Lingua Castelá. Estou seguro de que traduzo con isto o sentir dos meus compañeiros de conversa e de cea.

Unha boa cea, por certo. Non é nada malo o cociñeiro con que conta o Parador, e, ademais, debe ser festeiro, porque, cando nos veu saudar, falounos con ledicia da súa participación na comisión das festas de San Ramón deste ano. Non sei se ese home é natural de Vilalba, pero, de non selo, ten ocasión agora, coa participación na comisión, de acadar ese honor. Aínda que non coñezo o mecanismo de nomeamento de tal comisión – supoño que algo terá de política – espero que, como ti dis moitas veces, os xeitos do partido popular non sexan un estorbo para se converter en bo vilalbés. Os dos outros partidos aínda están inéditos e non podemos saber o que farían

E remato. Xa sei que ti, meu amigo, querías comentar algo do estado da área festiva da Madalena, que é unha pena, pero deixareino para outro día, se teño ocasión. O que non quero esquecer é que celebramos hoxe o día de Santo Antonio: felicidades, pois, a ti, tamén a miña nai, claro, e a todos os moitos Antóns e Antonias que andan polos nosos lares.

Cóidate e recibe a unha aperta de amizade.
Bernardo
Máis información sobre Bernardo García Cendán na Bibliografía Chairega.

20 de xuño de 2008

A ponte dos contos

Xosé Mª. Felpeto

Seica ten habido tempos na Chaira nos que a palabra tomaba protagonismo para transmitir acontecementos do pasado, argallar historias do presente e mesmo vaticinar un futuro que parecía estar escrito nas propias leis do coñecemento natural proporcionado por unha dilatada experiencia.

En determinadas épocas do ano acostumaban facerse xuntanzas, en ocasións para realizar solidariamente traballos en comunidade (fiadas, esfolladas...), outras simplemente para comentar os labores habituais, pero nas que en calquera dos casos se compartía a sabedoría adquirida oralmente dos respectivos devanceiros. Había deste xeito sempre alguén que con habelencia e memoria privilexiadas mantiña a atención dunha audiencia que escoitaba entregada os máis variados tipos de contos, insólitos feitos lendarios, divertidas e picantes cantigas, curiosos refráns, imaxinativas adiviñas, etc. E claro, o medo ou a hilaridade facíanse presentes en función do contido do relato, as máis das veces extradimensionado polo/a intérprete. Hai quen lembra a un destes relatores rabuñado, a dicir seu por ter que se enfrontar a non se sabe moi ben que tipo de aparicións inesperadas, ocultando que en realidade o deus Baco e as silveiras eran quen obraban a milagre os días de feira ou feirón en Vilalba.

Sexa como for, o contorno máis inmediato era o escenario habitual dos relatos, con excepción feita daqueles que situaban as súas historias por terras de Castela nas que en tempos de sega permanecían ata catro lúas; neste caso aumentaba a curiosidade aínda que diminuía a inmersión por resultar máis allea e distante.

Un dos espazos máxicos da literatura oral chairega hai que buscalo na marxe dereita do río Trimaz, preto da súa confluencia co Madanela na que ambos dan orixe ao Ladra, onde sobrevive sen deterioro aparente a Pena do Encanto, lugar maxestoso presidido por un penedo que garda nas súas entrañas asombrosos feitos lendarios. Contan algúns que a Pena acubillaba a unha meiga dotada de poderes prodixiosos dos que só se podía un protexer con ramiñas de oliveira, candeas ou auga bendicidas, e que aniñaba serpes noxentas entre os seus longos e escuros cabelos. Pero hai tamén quen asegura ver reflectido alí o amor imposíbel que unha rapaciña labrega sentía por un nobre da bisbarra que tiña por mellor oficio menosprezar ás xentes de inferior condición; a Pena simbolizaría daquela o cobizado templo encantado que curaría o mal de amores a quen se mergullase nas frías augas do río previamente bautizadas con auga bendita.

Non moi lonxe, augas arriba do río homónimo, atópase a Ponte da Madanela, outrora encrucillada de tránsito inevitábel de mercadorías polo que o conde de Vilalba cobraba pontádego e paso secular do Camiño Real a Santiago. Ao abrigo dun pequeno refuxio ou fielato da ponte disque se reunía ata non hai moito a veciñanza, cando a palabra propia tiña máis peso cá da TV, para compartir en tempo de vagar historias coma as da Pena do Encanto. Por esta razón deu en se denominar Ponte dos contos e parece que mesmo había algún orador que, co ánimo de engaiolar sobre todo ao público feminino, adoitaba utilizar artes menos confesábeis cás propiamente interpretativas.

19 de xuño de 2008

Arredor de si


Iago Castro

O tópico adoita situarnos aos galegos no medio dunha escaleira en actitude, parece ser, que dificulta aos naturais doutras terras saber se subimos ou baixamos. Xamais entendín o por que desta crenza tan estendida alén do Padornelo, se cadra debido a que non podo desprenderme da miña condición de natural de Gal... ...desta Terra.
Sen embargo, é posíbel que nos defina mellor o título da novela de Otero Pedraio protagonizada por Adrián Solovio, que representa dalgunha maneira as voltas que deron os compoñentes da Xeración Nós a través de diversos -ismos deica chegar ao fondo compromiso co país que acabou por convertelos nun fito fundamental da nosa historia.

Arredor de si, máis que nada, porque lle damos ben voltas ás cousas. Somos o pobo que, pouco despois dunha das maiores manifestacións da nosa historia en demanda de autonomía, pasamos olímpicamente de ir votar no referendo estatutario. O mesmo pobo que se indignou coas aldraxes coas que o goberno Aznar adornou o afundimento do Prestige e consolidou pouco despois a hexemonía do PP precisamente nas zonas máis afectadas pola catástrofe.

Somos os falantes dunha língua que, na expresión oral, presenta unha unidade pouco habitual, pero xa perdemos a conta das propostas normativas que, nos últimos corenta anos, trataron de impor a súa hexemonía na escrita. Así explica a wikipedia a evolución dunha das normas, a oficial:

A variedade estándar ou padrón, fixada a medias entre o ILG e a RAG, inicialmente constaba só con indicacións morfolóxicas e ortográficas, as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG), publicadas en 1983 e aplicadas no dicionario da RAG de 1997 (unhas trinta mil palabras) e reformadas en 2003, pero coa publicación do VOLG en 2004 definíronse de facto tamén coma normas léxicas. Isto non implica que o que non apareza no VOLG non sexa normativo, posto que non é amplo dabondo para recoller todo o léxico galego.

Co tempo, a cuestión parece que se reduce a dúas posturas: o isolacionismo (o galego é unha língua independente) e o reintegracionismo (o galego é unha variante da língua galego-portuguesa), todavez que a reforma de 2003 foi o suficientemente xenerosa para integrar aos partidarios da normativa de mínimos proposta pola AS-PG en 1980.

En resumidas contas, somos catro gatos, pero un escribe en castelán, outro en galego e castelán, segundo lle pete, outro só en galego baixo a normativa oficial e outro nunha especie de portugués só que trocando as terminacións -ão por -om e cousas polo estilo. Unha secuencia temporal dos nosos desencontros podería identificarse cun letreiro indicador de estrada. Se en 1971 poñía "Teijeiro", en 1975 tería o "j" emborranchado cun "x" pintado a esprai. Cara a 1985 a Xunta xa tería reemprazado o letreiro cun flamante "Teixeiro", o lenzo idóneo para que un reintegrata vaia pór os "j" no seu sitio. E dálle voltas, morena...

Despois estamos os que raiamos na esquizofrenia. Tan orgullosos da independencia do noso idioma como do seu parentesco tan cercano coa língua portuguesa, pero salvando as distancias, que as hai, e moitas, despois de setecentos anos de afastamento da unha e da outra.

E agora, para darlle aínda máis voltas, ven o das dúas Xuntas: a de Galicia e a de Galiza. Non imos entrar en debates políticos, iso aínda nos enredaría máis. A cuestión que se prantexa é a dun país que nin sabe como se chama. En serio. A Consellaría de Cultura pregúntalle á Academia e esta di Galicia, aínda que nas normas que aprobou no 2003 aparezan ambalasdúas fórmulas como válidas, e despois sae todo o mundo a deixar clara unha cousa: nin sequera nunha cuestión tan básica e fundamental nos imos pór de acordo.

Dende que a RAG o tolerou eu escribo Galiza, como se pode ver en anteriores artigos. Non é unha postura política, nin moito menos. Teño matinado moito sobre o particular, e cheguei a dúas conclusións: os meus trasavós, cando aínda non era ilegal compoñer os documentos públicos en galego, antes da doma y castración, puñan Galiza. Por outra banda, e así enfío co comezo, a Xeración Nós, que tanto significa para a nosa historia e a nosa cultura, recuperou e normalizou o topónimo medieval. Sempre en Galiza, titulou Castelao a súa obra cume. Galiza sempre.

Pero non penso prantexar batalla ningunha. Non tal. Se algo tan ridículo nos vai ter dando máis voltas perpetuamente, sería mellor tratar de chegar a un acordo o antes posíbel. Como facían os tratantes nas feiras, nin para ti nin para min. Troquemos o nome do país. E aí vai unha idea: unha votación entre varias propostas mediante SMS no programa Luar. A miña modesta aportación, ao fío daquelo de Nación de Breogán que por nada se mete no nonnato Estatuto II, chamémoslle Breogania! Imaxinen... Xunta de Breogania, La Voz de Breogania, Real Academia Breoganesa, Breogania Calidade...

iago.d.castro@hotmail.com


17 de xuño de 2008

Cartas a Antón

A Voz de Vilalba prézase de comezar a publicación das cartas a Antón que o noso colaborador e profesor de socioloxía da USC Bernardo García Cendán difunde todos os venres dende a emisora Cope Vilalba. Estes comentarios adoitan tratar temas de actualidade na vida local e global, en forma de correspondencia que o autor mantén con Antón, un vello amigo perspicaz e dotado desa intelixencia popular tan sensíbel. AVV

Bermardo García Cendán

Meu amigo Antón:

Gustaríame responderche ao que tantas veces me tes preguntado e que onte mesmo volviches facer: andas interesado en saber como reparte o Concello as axudas e subvencións ao mundo da cultura en Vilalba. Como eu non tiña idea, fíxenme co documento da orde onde constan as bases para o seu reparto, e logo tratei de ver a súa aplicación práctica.

Confésoche que non entendín nada. Por exemplo, un dos criterios é, segundo está escrito, a colaboración co Concello que teñen as diferentes institucións. Colaboración con concello é algo que, dito así, enténdese máis ou menos por onde van os tiros; pero o que non explican é en que consiste esa colaboración en concreto. Así que, loxicamente, cando vexo a súa aplicación práctica no reparto das axudas, atópome con que o Instituto de Estudos Chairegos ten un cero redondo nese apartado de colaboración, algo que me parece moi estraño porque, que eu saiba, esa entidade nunca se negou a colaborar. Ao contrario, paréceme que sempre buscou facelo, e máis dunha vez eu mesmo, como membro do IESCHA, coincidín con alcalde e concellais en diversas actividades. O do cero patatero, xa que logo, non se entende

Agora ben, se a colaboración co Concello quere dicir que os membros das asociacións, ou das directivas das mesmas, teñen que pertencer ao PP, entón, efectivamente, o Instituto de Estudos Chairegos non pasa do cero, claro. Como non o aclaran, non sei se é esa a condición para sermos tidos en conta. Pero collamos outros casos: por exemplo. ao chamado Moto Club Terra Cha (que non sei o que é) outórganlle cinco puntos, de seis posibles, nese apartado de colaboración con Concello, e, como consecuencia, recibe en subvencións 1.600 euros, mentres que o Instituto de Estudos Chairegos quédase na vergoña de 600, bastante menos da metade. E xa me dirás ti, meu Antón, quen contribúe máis ao eido da cultura: unha asociación de moteros, dos que ignoro a actividade, ou unha institución que leva editados varios libros referidos á nosa vila. Paréceche normal?. E que conste que non teño nada contra os moteros, faltaría máis, pero todo ten unha xerarquía, non?. Será que os da moto son do PP? Como eu non os coñezo, non podo afirmar esa pertenza.

E aínda che vou poñer outro caso. A min paréceme formidable que o Concello contribúa con 3000 euros (medio millón de pts) á subsistencia desa Coral Vilalbesa que levo na alma porque contribuín a que se fundara e da que sigo con paixón os seus progresos. Pero o que non sei é por que, no apartado de colaboración con Concello lle atribúen 8 puntos cando o máximo tiñan que ser seis: por qué fan trampa?. Tampouco teño moi claro que esta nosa Coral colabore máis co Concello do que o fai o Instituto de Estudos Chairegos.

Gustaríame, meu Antón, poder responderche de xeito máis preciso á túa pregunta sobre o xeito de repartir as subvencións á cultura, pero non podo porque non chego a entender nin a definición dos criterios nin moito menos a súa aplicación. Para que te quedes con fame de saber algo desta confusión, vouche poñer un ou dous exemplos máis: a agrupación musical chamada Entre Lusco e Fusco recibe 1.200 euros de subvención, e paréceme moi ben, pero non entendo por que outra agrupación do mesmo estilo á que lle chaman Asociación Cultural Andrade recibe só 500, bastante menos da metade. E non creo que as cantareiras deste grupo se neguen a colaborar co Concello sempre que as chamen. Por qué a diferenza?. Espero que mo expliquen, pero supoño que non o han facer. Como tampouco me explicarán o motivo polo que un colectivo chamado Mulleres Rurais Amencer recibe máis ca ninguén, 1.800 euros, porque a súa puntuación de colaboración con Concello acada os 8 puntos, cando o máximo que se podería outorgar, como xa deixamos dito, non debería pasar de seis. Repito, por que fan trampas?

En todo o que levo escrito, amigo Antón, non fixen máis que comentar un dos criterios que utilizan para dar as subvencións, o que lle chaman de colaboración co Concello. Tamén hai outros criterios que aínda entendo menos, pero non me vou deter neles porque esta carta xa é longa dabondo. Pode ser que o conxunto de tódolos criterios explicasen algo máis, pero, se vemos os resultados finais tan surrealistas, iso quere dicir que tales criterios non valen ou non están ben aplicados. Mesmo é posible que non os entendan nin os que os deseñaron. En todo caso, se resulta indubidable que o Instituto de Estudos Chairego é a institución que máis está contribuíndo á dignificación da vida cultural vilalbesa, non se explica que a subvención que se lle proporciona polo Concello se reduza á miseria de seiscentos euros. Isto, ao meu ver, é un insulto. E eu ben sei, Antón, que tanto ti coma min non desexamos quitarlle un céntimo ás demais institucións que traballan pola cultura – pena que non existan máis – pero non parece que haxa un bo reparto das axudas. Dignarase o Concello dar algunha explicación? A xulgar pola experiencia, supoño que non, pero ti tes o dereito de preguntar e eu teño o deber de transmitir a túa pregunta.

E xa vai ben por hoxe. Nunca che escribín unha carta tan chea de cifras, o que resulta ben pesado, pero algunha vez tiña que ser así.

Unha aperta do teu amigo

Máis información sobre Bernardo García Cendán na Bibliografía Chairega.

13 de xuño de 2008

O Consello da Cultura presenta o foro "Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade"

Ramón Villares, na sede do CCG (Foto: Nacho Santás)


Redacción

O foro de debate “Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade”, previsto para os días 19 e 20 de xuño no Consello da Cultura Galega (CCG), será presentado en rolda de prensa mañá martes 10 de xuño, ás 12 horas, na sede da entidade. Intervirán: Ramón Villares, Presidente do CCG, e Henrique Monteagudo, secretario da institución e coordinador do foro. O terceiro dos seis foros de debate organizados polo CCG para conmemorar os seus 25 anos (1983-2008) analizará a situación actual e as perspectivas de futuro do idioma galego e debatirá sobre a diversidade lingüística e as formas de convivencia nas sociedades plurilingües coa participación de destacados especialistas de universidades europeas.

9 de xuño de 2008

Monólogo do calígrafo


Mario Paz González

A Coleccion Bourel, dirixida polo editor de Ribeira Antonio Piñeiro desde mediados de 2004, é unha proposta das máis orixinais (e quizais únicas) dos últimos tempos no eido da edición, non só galega. Cada un dos títulos que a conforman conta con tiraxes de só cen exemplares seriados, numerados e asinados polo propio editor (o que xa os convirte nunha excepción). Para elo emprégase na súa elaboración un xeito de impresión que resulta totalmente artesá e que busca crear un elegante remedo do mesmo que facían os primeiros impresores de hai seis séculos.

Libertade artística e artesá
Ademais os títulos da colección, poesía fundamentalmente, combinan tanto textos impresos, coma escritos a man, o que coloca cada un destes volumes, ao mesmo tempo, nunha terra nullius entre o libro tradicional e a singularidade de calquera texto manuscrito con valor (ben polo contido ou pola forma) artístico. Súmase a todo elo a presenza de gravados e pinturas de moitos dos autores que conforman a colección ou de recoñecidos artistas galegos. Así, xunto aos textos de Xesús Rábade, Ana Romaní, Anxo Angueira ou Helena Villar, podemos atopar ilustracións de Paola García, Xoán Fernández, Francisco Blanco, Pilar Ageitos, Manolo Teira ou Baldo Ramos. Trátase de artistas que, ademais da pintura ou o debuxo, empregan outras técnicas coma a litografía, a punta seca, o gravado con ácido ou o linogravado.

Agora que retorna con forza (aínda que menos que hai dez anos) a reflexión en torno ao futuro do libro, son sobre todo iniciativas de calidade coma esta as que fan manter unha esperanza que vai máis aló de calquera predición apocalíptica xurdida, paradoxalmente, en momentos nos que o sector se atopa alleo a calquer tipo de recesión.

Un bo exemplo deste xeito de facer, que combina a liberdade artística coa liberdade artesá, é 37 poemas por man propia, libro que contén exactamente o que o título anuncia, trinta e sete manuscritos doutros tantos poetas galegos cuxa reunión nun mesmo volume supuxo, coma non é difícil imaxinar, unha auténtica odisea para o editor. Outro exemplo destacable sería Monólogo do caligrafo, de Baldo Ramos.

Achegamento ao lector
Coma todos os da colección, os cen exemplares deste libro foron, coma se di nas primeiras páxinas, “pregados, montados, cosidos e engomados, un por un, á man”. A propia sobrecuberta revela, na súa tosquedade, ese amor polo traballo artesá feito, por riba de todo, con abondosa paciencia e adicación. Compre sinalar que, sumando as dez ilustracións que acompañan ao texto en cada un dos cen exemplares, obtemos un total de nada menos que mil diferentes, elaboradas todas elas con sumo “prazer”, en palabras do propio Ramos.

Isto fai que cada libro se convirta nun volume único, personalizado, no que se reducen en grande medida as distancias que acostuman mediar entre creador e público receptor. Pervive así un sentimento semellante ao que nos aborda ante un incunábel, a sensación de ter entre as mans un exemplar único no que, sen apenas intermediación, o autor rumorea ao oído do lector, na intimidade do acto de lectura, as súas reflexións e inquedanzas máis fondas e persoais. Algo moi apropiado para a poesía, porque deste xeito non só resulta estimulado o intelecto co achegamento á mensaxe, senón que tamén se recrean: a vista co texto e as ilustracións, o olfato co cheiro da impresión artesá, o ouvido coa propia lectura e ata o tacto, pois a especial textura do papel e os sucos deixados polos tipos de imprenta convirten a achega a un libro coma este nunha experiencia plena para os sentidos.

Nas composicións que forman parte del atópanse moitas das preocupacións que caracterizan a traxectoria de Ramos coma poeta ademais de artista plástico. Moitas delas de natureza metaliteraria ou metaartística. Algunhas emerxen diáfanas dos propios versos: “a poesía dialoga coa pintura / sen empregar palabras. // a pintura dialoga coa poesía / sen necesidade de impoñerlle unha visión”. Entre outras estaría tamén a referida ao valor da antítese luz-sombra. A expresión poética convírtese nun xeito de luminosidade que procura, a través da expresión caligráfica, unha estreita comunicación co lector, trascendendo máis aló da escuridade ou do silencio. O perecedeiro e a falsedade da memoria, da beleza, da vivencia do tempo da Historia, da propia expresión a través da palabra, sexa poética ou non, conviven tamén nunhas composicións de concisa expresión e fonda intensidade, que transitan entre a poética do silencio e o culturalismo de raigame orientalizante. Xunto a elas, unha sempiterna reflexión sobre o propio acto da escritura poética, pois, coma di Ramos, “mestúranse as voces no poema // o libro agocha espazos / que alguen habitará co tempo”.

Poeta e artista plástico
A trayectoria de Baldo Ramos (Celanova, 1971) aséntase sólidamente, dun xeito poliédrico, en diversos aspectos da creación artística, que xuntan a paixón, tanto pola expresión plástica e visual coma pola poética. Boa proba delo son as palabras de Antonio Gamoneda quen dixo, a propósito de Branco sobre negro (Galería Sargadelos, 2006): “verdadeira festa da sinxeleza; unha festa que ilumina no seu propio sentido”. Da súa evolución poética, nun espazo compatible co bilingüismo e o desenrolo dunha voz de modulacións ben definidas dende os seus primeiros poemarios, temos claros exemplos en: Raizames (Follas Novas, 2001), A árbore da cegueira (Espiral Maior, 2002), Los ojos de las palabras (Fundación Villar Berruezo, 2002), El sueño del murciélago (Pre-Textos, 2003), Escura e transparente (3C3 Editores, 2005), Diario de una despedida (Amarú Ediciones, 2005), O ourego e o compás (Fundación Curros Enríquez, 2006) ou o citado Branco sobre negro. Tamén nos seus diversos libros de artista coma o aquí comentado ou Signos de cinza (2003). No eido plástico, a lista de exposicións individuais e colectivas é demasiado longa para citala. Poderíanse sinalar, coma exemplos recentes do seu quefacer as ilustracións para a escolma de Celso Emilio que ben de presentar non hai moito a editorial Factoría K na súa colección “Trece lúas”.


Monólogo do calígrafo.
Ramos, Baldo.
Ilustracións do propio autor.
Ribeira: Antonio Piñeiro. 2007.
58 pp.
mariopaz@avozdevilalba.com

8 de xuño de 2008

Xornadas de Protección do Patrimonio Cultural en Vilalba

Redacción

A Consellaría de Cultura e Deporte desenvolve un Plan de Arqueoloxía Subacuática, co que se pretende establecer o mapa galego de patrimonio arqueolóxico submarino, nun proceso continuo de ampliación con novas investigacións e estudos. Desde 2006 estanse realizando proxeccións xeofísicas e inmersións, xunto co labor de busca de información bibliográfica e documental, co obxectivo de ter un catálogo con fichas individualizadas de cada un dos xacementos que se agochan nas nosas augas, incluídos os galeóns de Rande. A Consellaría de Cultura e Deporte impulsou desde 2006 a investigación do patrimonio subacuático, coa posta en marcha do Plan e a futura apertura do Centro de Arqueoloxía Subacuática, que se ubicará nun edificio anexo ao Museo do Mar, en Alcabre (Vigo).

O centro estará incluído dentro da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, xunto co centro de interpretación do Megalitismo (situado na Costa da Morte), o da Cultura Castrexa (San Cibrao de Lás), o da Arte Rupestre (Campo Lameiro) e o da Romanización (Lugo). Pola importancia que teñen os xacementos subacuáticos en Galiza, Cultura dedicou a este tema as IV Xornadas de Protección do Patrimonio Cultural, que se desenvolven estes días en Vilalba, co obxectivo de crear un foro de debate e sensibilización entre técnicos de Patrimonio, fiscais, xuíces e corpos policiais. Na inauguración das mesmas estiveron presentes a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o Director Xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias Vilas (na fotografía). Nas xornadas estase poñendo en común a información sobre a situación do patrimonio subacuático, as medidas impulsadas pola Consellaría para a súa protección e o papel que xuíces e fiscais deben xogar para a súa protección.

6 de xuño de 2008

Nova ITV para Vilalba


Redacción

É unha boa noticia saber que a nova ITV para a provincia de Lugo ubicaráse finalmente en Vilalba; trátase dun servizo pensado para revisar perto de 30.000 vehículos existentes na comarca da Terra Chá e nas localidades cercanas de Eume, Meira e Lugo.

Xunto á de Vilalba crearánse outras nas localidades de Baio (A Coruña), Xinzo de Limia (Ourense) e Bueu (Pontevedra). As catro terán unha configuración similar se temos en conta que os parques de vehículos das zonas que lles corresponden non difiren en exceso e oscilan entre os 22.000 e os 38.000 automóbiles. Tanto a chairega como as outras terán maquinaria de última xeración e plantas de 2.500 metros cadrados e, ademais dunha liña de inspección, como ven sendo habitual, outra complementaria para ciclomotores, que, segundo a nova lexislación, a partires de 2009 non terán máis remedio que pasar a revisión.

Estas catro estacións, xunto con tres unidades móbiles itinerantes e un túnel de frío, contribuirán a reforzar unha rede integrada na actualidade por 19 estacións fixas e seis móbiles e que, a día de hoxe estaba a piques de resultar algo deficitaria dado o incremento do parque automobilístico galego nos últimos anos antes da chegada da actual recesión do sector.

3 de xuño de 2008

O PP quer crear unha comisión de investigación das obras no Ínsua Bermúdez

Redacción

O grupo municipal do PP propuxo a creación dunha comisión de investigación sobre as obras que realiza a Consellaría de Educación no CEIP Ínsua Bermúdez, e que deron lugar ao accidente do pasado martes, así como á irada reacción dos pais e nais da comunidade escolar.

Independentemente da investigación xudicial que debe dar lugar a responsabilidades pola importante neglixencia que estivo a piques de causar unha traxedia, e máis do oportuno expediente da inspección de traballo relativo ás escasas condicións de seguridade e hixiene vixentes durante o desenvolvemento das obras, esta comisión podería dar resposta ás responsabilidades municipais, xa que o Concello competente en cuestións de licenzas de obra e policía urbanística en xeral.

Os dous grupos da oposición municipal, PSdG e BNG, amosáronse contrarios á iniciativa, que consideran como "oportunista".

Pais e nais consultados por A Voz de Vilalba acollen positivamente a iniciativa, sempre que non fique nunha mera arma política. Advertiron asemade que non queren que se trate de instrumentalizar a cuestión, por parte de calquera grupo político, toda vez que estiveron ausentes nos días seguintes, nos que a procura dunha solución inmediata ao problema correu exclusivamente a cargo dos proxenitores.

Por outra banda os tres grupos do Parlamento de Galiza dirixiron preguntas sobre o suceso á Consellaría de Educación.
_____________________________

PASOU O DÍA, PASOU A ROMARÍA

Paulo Naseiro

Andan agora os políticos a rosmar no seu, como os nenos: "fuches ti", "non, ti", "ti mil veces", pois ti dúas mil"... "e ti tres mil trescentos millóns, ala!" O idóneo, xa sei que son un inxenuo, sería tratar de estudar o que pasou para evitar, no futuro, problemas semellantes. Pero non. O PSdG presenta unha pregunta no Parlamento, pero xa adianta que é para que a Conselleira se luza explicando como "resolveron o problema", raudos e dilixentes. Din tamén que a este "accidente" non hai que darlle "máis trascendencia que a que ten".

Desemulen se disinto, pero semello fabricado para iso: En primeiro lugar, eu podo adiantarlles algunha explicación antes de que volva a conselleira de Nova Iorque, se aínda segue por alá. O mesmiño xoves pola mañá, dous días despois do que vostedes chaman "accidente", técnicos e políticos seguían empeñados en non paralizar completamente as obras do centro. Foi a forte presión dos pais, dispostos a tomas todas as medidas posíbeis, a que logrou pór un pouco de cordura na tolemia institucional.

Despois recoméndolles, se queren chegar algún día á altura oratoria dalgúns dos seus devanceiros parlamentarios, unha consulta ao diccionario da Academia: "Accidente" é un suceso imprevisto e casual que altera a orde regular das cousas. "Neglixencia" é a falta de prudencia ou precaucións. Onde lles encaixa mellor a barbaridade do outro día? Eu non teño dúbidas, e coido que vostedes tampouco deberían telas.

Finais da Liga de Combate Infantil

Redacción

Onte celebrouse no pavillón municipal de deportes de Vilalba a derradeira edición da Liga de Combate Infantil, na que se foron dando cita, dende o seu comezo no mes de decembro, máis de 150 deportistas con idades comprendidas entre os 5 años e os 14.

A clasificación final foi coma segue:

CATEGORÍA 7-8 ANOS: 1º Juan Luís Lourido (Garrapucho-A Coruña), 2º Marta Delgado (Garrapucho-A Coruña), 3º Marta Mallo (Garrapucho-A Coruña).
CATEGORÍA 9-10 ANOS: 1º Janice López ( Moo Duk Kwan - Vilalba), 2º Jesús López (Garrapucho-A Coruña), 3º Ana Figueiras (Garrapucho-A Coruña).
CATEGORÍA 11-12 ANOS: 1º Samuel Calvo (Taepar-Santiago), 2º Medardo Gende (Garracpucho-A Coruña), 3º Javier Montes ( Moo Duk Kwan -Vilalba).
CATEGORÍA 13-14 ANOS: 1º Michael José López (Moo Duk Kwan-Vilalba), 2º Jorge Cebey (Taepar-Santiago), 3º Rubén Martinez (Garrapucho-A Coruña).

1 de xuño de 2008