Imaxinando país no 25 aniversario do Consello da Cultura Galega

Moncho Paz


Este é un ano de efemérides: un século do pasamento de Curros Enríquez e da fundación de El Eco de Villalba. E ademais de A Voz de Vilalba, cumplen 25 anos a Lei de Normalización Lingüística e o Consello da Cultura Galega (CCG). Precisamente co gallo do 25 aniversario desta institución, dende o pasado mes de abril estánse a celebrar seis foros de debate na súa sede compostelán, todos de asistencia libre e aberta: Galicia na Sociedade do Coñecemento; Olladas críticas sobre a paisaxe; Sociedades plurilingües, da identidade á diversidade; Creación artística e identidades culturais; O valor crítico dos bens culturais; e Cultura e política, debates contemporáneos. Asemade, terá lugar unha mostra itinerante para dar a coñecer a importancia que para o desenvolvemento da cultura de Galicia tivo a consecución da autonomía en 1981. Para falar sobre o papel do CCG e sobre outros temas relacionados co presente e o futuro da nosa cultura, hai uns días tivemos oportunidade de manter unha longa conversa con Ramón Villares, presidente da institución, que nos recibiu no seu despacho da Praza do Obradoiro.

P. - Plans sectoriais, internacionalización de contidos, debate sobre a Cidade da Cultura, presenza en feiras importantes, protagonismo do cómic galego, aprobación da Lei do Libro e da Lectura. Un tempo moi prolífico para a cultura galega…
R.- Entendo que si, sobre todo no aspecto normativo. Eu destacaría a aprobación da Lei do Libro en 2007 e tamén a promoción da cultura galega, con presenza en feiras internacionais (Buenos Aires, Guadalajara, La Habana e tamén en Europa) e cunha vontade clara de dar a coñecer a nosa cultura no exterior. O Consello da Cultura xa o viña facendo dende hai moitos anos, tamén durante etapas de gobernos anteriores.

P.- Como ve Ramón Villares o panorama literario galego actual? Estamos nun momento bó no que a venda de libros se refire, mais hai quen cuestiona a calidade de certas obras.
R.- Iso e para min un asunto difícil de resolver, non é porque queira ser prudente; pero tamén é verdade que si atendemos ao criterio de determinadas persoas –como no seu día opinaba Carlos Casares ou na actualidade o fan Manuel Rivas, Méndez Ferrín e outros- teño unha opinión moi boa do panorama literario galego. E eu debo acreditar esas opinións. Hai xente que pensa que estamos nun momento no que prima a cantidade sobre a calidade; non obstante, penso que hai obras como as de Rivas, Ferrín, Suso de Toro, Casares ou Teresa Moure, entre outros, que están a ser traducidas e están interesando fora de Galicia. É un indicativo de que a literatura galega está a atravesar un bó momento. O que se bota de menos na literatura galega é que cree poucos temas novos na axenda do sistema cultural galego, que é un pouco endogámica. Coido que habería que romper un pouco iso. O sistema literario –aparte de cultivar a lingua, dialogar entre si e con outras culturas– debe ser un laboratorio que explique que é o que nos pasa, que é o que lle acontece á Galicia actual. Cando les a obra dun hindú, dun xaponés, dun norteamericano ou dun alemá, dalgún xeito estás agardando que non só te deleite coa súa literatura, coa forma de explicar sentimentos, paixóns, medos… senon que tamén dea algunhas pistas de cómo é a súa cultura e a sociedade na que está a vivir.

P.- Estánse a traducir en Galicia obras de autores foráneos ao galego, pero… en que medida se están exportando obras dos nosos autores?
R.- Xa dixen antes que hai algúns autores que están sendo traducidos, e non só ao español –o cal é unha traducción demasiado inmediata e non debe contar para isto– senon sobre todo traducidos a outros idiomas (portugués, francés, alemán, italiano…). As traduccións fanse ás veces por razón dos temas, pero sobre todo da potencia do sistema literario de onde procede. Hai que ter en conta que para un alemá facer unha traducción do galego –por exemplo, dun libro de Rivas– é facelo por tratarse dun autor español, aínda que el sexa galego. En cambio, un autor que podería ser máis traducido pero que é difícil que se traduza é Ferrín, debido á complexidade dos temas que trata. O difícil realmente non é ser traducido; o difícil é colocar temas que interesan na axenda literaria internacional. E isto non o poden facer só os escritores, senon que faise coa industria cultural.

P.- Méndez Ferrín foi dos galardoados cos Premios Nacionais da Cultura, que contan con dez modalidades. Coma membro do xurado, pensa que o número de galardóns pode diluir a importancia dos Premios?
R.- O número inflúe, pero ben é verdade que a cultura ten manifestacións moi amplas e que hai agardar que os que veñen detrais vaian creando cada vez máis. Na cultura española hai máis. De todos xeitos, este é un asunto que se pode modificar no futuro. Penso que é fundamental que haxa un recoñecemenrto e unha remuneración simbólica, porque dende o punto de vista material non é importante, pero si dende unha perspectiva social e institucional. O que importa é que ese recoñecemento sexa permanente. Antes había uns Premios das Artes e das Letras, que eran singulares, unha especie de Cervantes á galega . Estou convencido que os Premios Nacionais son uns bós galardóns.

P.- Recentemente a Editorial Bertelsmann anunciou que ía publicar un volume impreso con 50.000 artigos da Wikipedia, escollidos entre os máis lidos este ano e o anterior. Como un dos autores da Enciclopedia Galega, que pensa de proxectos como a Wikipedia ou a Galipedia, nos que calquera pode participar?
R.- Iso é unha das formas nas que no futuro se vai facer boa parte da cultura. Dado que estamos nunha sociedade alfabetizada, alomenos en Occidente, e incluso con estudos medios e moitas veces superiores, a homoxeneidade cultural é bastante alta. Polo tanto, a colaboración anónima na realización destas grandes obras vai ser inevitable, e incluso desexabl e. Hai unha tendencia no xornalismo americano que di que un día os xornais editaránse en base a este mecanismo. Dito todo isto, coido que tipo de control técnico -non ideolóxico nin de opinións- sobre o acceso indiscrimado a formas que só por ser formas -por exemplo, Wikipedia parece que é unha enciclopedia- xa dan garantías. Hai que establecer algunhas normas que garanticen a calidade dos contidos, que na miña opinión son un punto débil de Internet. É unha metáfora da sociedade que estamos a vivir, que non lle importa tanto a verdade como a forma.

P.- Incluso corremos o risco de que se chegue a banalizar a cultura.
R.- En efecto, obras tan de moda coma O Código da Vinci, son unha mistura entre o real e o irreal, datos aparentemente fieis e datos inventados. Onde está a discriminación? Cada vez temos menos instrumentos para facela. E iso é un perigo, lévanos a un certo descoñecemento, a unha certa incuria, porque é tal a cantidade de información e tal a nosa imposibilidade para discriminar que ao final temos dificultades para identificar, para recoñecer. No estricto termo do saber académico, de rigor, no senso que se facía hai trinta ou corenta anos, o tema non ten solución. Por iso sería bó que existisen unha especie de comités de garantía do que se publica na rede; pero é moi difícil establecer estes mecanismos a nivel mundial.

P.- Que vai pasar co futuro do libro? Sobrevivirá o libro en papel fronte ao dixital?
R.- O libro dixital e as bibliotecas virtuais permiten cada vez máis o acceso a través da rede aos fondos. Como aconteceu cos medios de comunicación e co audiovisual, coido que o libro é insustituible; ten esa capacidade de ser un compañeiro de viaxe, facilmente transportable, que forma parte da propia intimidade da persoa. Na súa propia forma obriga aos demáis a parecerse a el: todos os outros produtos culturais ao final queren ser como o libro. Dende que se pasou do pergamiño ao libro, a forma non mudou, e segue a ser a forma ideal; pero ten que adaptarse aos novos tempos.

P.- Como ve o presidente do CCG a saúde do idioma galego?
R.- Lembro que unha vez se lle preguntou o mesmo a Otero Pedrayo e respostou, referíndose ao galego: “está nas once da mañá”. Eu diría que hoxe está ao mediodía, quizais no momento máis brillante, aínda que non no máis usado. Traspasou ese umbral de ser un idioma de labregos, de mariñeiros, de xente proletaria, como diría Celso Emilio. Hoxe é un idioma que se fala nos gabinetes, nas universidades, nas salas de Xustiza, que se introduciu nas cidades. Pero é unha situación que non é estable, porque os idiomas están en contacto permanente uns cos outros; e no caso do galego, é unha lingua de poca poboación, de poucos falantes, que ten dous idiomas ao pé que son moi poderosos: o portugués e o español, sobre todo este último. Penso que a curto prazo non vai pasar nada especial; a medio prazo probablemente muden as actitudes dos galegos respecto do seu idioma. Hoxe non podemos pensar que Galicia se convirta de súpeto en monolingüe, nin do galego nin do español. Temos que convivir cunha perspectiva plurilingüe, xa non só de galego e español, senon tamén de portugués e inglés. E con este plantexamento temos que traballar.

P.- “Crear cultura, imaginar país” e o lema da mostra itinerante que percorre Galicia para dar a coñecer a actividade da institución no 25 aniversario da súa creación. Vostede dixo, de feito, que “hai que repensar o papel do organismo”. Que percepción coida que ten o cidadan sobre o Consello?
R.- O cidadán decátase de que é e unha institución relevante, cun traballo sistemático de preservación e defensa dos valores culturais. Pero percibe menos o seu papel como organismo asesor e consultor do Goberno, e que en todo caso é unha institución que non está na primeira liña da actividade política, por dicilo dalgún xeito. O CCG é unha institución con vocación de permanencia e ao servizo doutras institucións e do pobo galego. Penso que a percepción é positiva, aínda que agardamos que con este aniversario que estamos a celebrar aumente un pouco máis.

P.- Como é a relación do CCG coa Xunta?
R.- Sempre foi en xeral boa, con algúns puntos de tensión que inevitablemente ten que haber, a veces porque se emiten opinións ou se redactan informes que non son en toda a súa extensión asumibles polos gobernos de turno, dado o noso papel avaliador das políticas culturais. Na actualidade as relacións son boas, non hai ningunha fricción institucional; dentro do entramado institucional o CCG desempeña ás súas funcións, é respectado e tamén respecta, ao propio Goberno autonómico e as outras institucións políticas que hai en Galicia.

P.- Unha das causas do fracaso do debate estatutario foi a reclamación dun “Estatuto de nazón”. Haberá algún avance na vindeira lexislatura?
R.- Agradamos que si, non vai Galicia a quedar sen estatuto. O estatuto é un dobre pacto: dos galegos entre si, sobre o que queren, e é un pacto de Galicia no seu conxunto co resto das autonomías e co Estado. Renovar, revisar e mellorar ese doble pacto é bo e necesario. Coido que é razonable pensar que despóis das eleccións esta cuestión volva a plantexarse.

P.- Que lembranzas leva sempre consigo Ramón Villares da súa infancia en Vilalba?
R.- Máis que lembranzas levo sensacións. No inverno, os raios de sol que traspasan a copa sen follas dos carballos, que é unha visión única na Terra Chá; e no verán, levo a quentura da terra. Iso é algo que creo que non se me irá nunca.

P.- E para rematar: Galicia ou Galiza?
R.- Segundo o dictame da Real Academia Galega (RAG), que eu suscribo, as dúas formas son filoloxicamente lexítimas, con distinto uso ao longo do tempo. A denominación oficial é Galicia; si quixeran cambiala iso non é responsabilidade da RAG nin do CCG.

Foto: CCG
monchopaz@avozdevilalba.com

31 de xul. de 2008

Relato reciclado (ou de reciclaxe)



María Xosé Lamas

Espertara cedo porque non lembrara mudar a hora do radio-espertador (as sete da mañá), pero prendeu no sono de novo e non acordou ate que sentiu o ruído do ascensor primeiro e o son da chave na porta despois. Ergueuse e foi directamente á cociña co fin de tomar o primeiro café do día. Saudou á empregada, que aínda estaba a pór as zapatillas e o mandil. Preguntoulle se seguía a facer frío coma o día anterior ao que respondeu que ía fresco de abondo para o tempo no que estabamos. De seguido botou un pouco café que había no fondo da cafeteira nunha xerra de vidro e escorreu nela a pinga de leite que ficaba no fondo dun tetrabrik e quentou todo xunto no microondas. Deulle o recipiente baleiro á rapaza que andaba a gobernar pola terraza onde están en ringleira os contedores de lixo. Ela recolleuno e cando foi botalo ao lugar correspondente ficou pensativa.
-Non sabes o que me aconteceu o outro día –dixo- Baixaba un par de bolsas de lixo, unha de orgánico e outra de plástico, para os contedores da rúa e vin que o estaban a recoller os barrendeiros. Entón achegueilles a bolsa do orgánico e pedíronme tamén a outra. Advertinlles que contiña plásstico, pero eles insistiron dando por explicación que eles reciclaban todo xunto. Ao chegar á casa –seguiu comentando a empregada- conteillo á filla dicíndolle que non sabía para que nos molestabamos en separar, se despois ía parar todo ao mesmo sitio. Pero ela contestoume que a pesar de todo seguiría a separar cada material de refugallo a onde correspondera.
Non era o primeiro comentario polo estilo que oíra. Hai tempo que sabía que a empresa que recolle o lixo realizaba este procedemento por costume. Só o papel e o vidro, recollidos por outros colectivvos distintos, semella que van parar onde procede –e aínda tiña as súas dúbidas.
-Aquí tamen seguiremos a separar, independientemente da responsabilidade ou falta dela que amosen os empregados ou directivos de Urbaser e o propio Concello, responsábel en último termo do servizo –respondeu.
Soou a campaíña e ergueuse da cadeira para coller a xerra e servirse o café con leite con media culleriña de azucre. Bebeuno case dun grolo e dirixuise ao cuarto de baño. Debaixo da auga temperada, seguiu a matinar sobre o lixo, a excesiva xeración do mesmo e os problemas que conleva, a falta de consciencia –e aínda conciencia- dos responsábeis do seu tratamento e da cidadanía en xeral... De que serven –preguntábase- tanta publicidade ao respecto, tantos contidos escolares traballados, se ao fin reciclan todo xunto?
Un sorriso pícaro acudiulle aos beizos por mor da ocorrencia que se lle antollaba naquel intre: estaría ben (con premeditación, alevosía e, sobre todo, nocturnidade) coller unha presa de botes de pintura en aerosol e escribir en cada contedor nunha cor ben chamativa o tipo de lixo que contén, a ver se así se enteran dende os empregados á mesma empresa, pasando tamén polo Concello.
Sería un acto vandálico ou pola contra un verdadeiro exercicio de sensibilización da cidadanía? Non estou segura, pero –e por se é o caso- relato o sucedido con ocorrencia incluída. Non sexa que por falta de ideas deixemos os problemas sen solucionar...

30 de xul. de 2008

Nova sede de Eganet en Compostela



Redacción

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), entidade que aglutina a empresas dedicadas ao desenvolvemento de contidos para Internet e novas tecnoloxías en Galicia estreou instalacións esta semana co cambio a un local en Santiago de Compostela (Pérez Constanti, 12 1º) máis acorde coas dimensións que adquiriu desde a súa creación no ano 2000. En concreto, 42 empresas do sector integran na actualidade unha das asociacións máis representativas do sector das TIC en Galicia.

Nacida co obxectivo de defender os intereses do sector TIC en Galicia e contribuír ao desenvolvemento e adaptación da cidadanía galega á Sociedade da Información, Eganet consolidouse como referente deste sector no noso país cunha facturación do conxunto das empresas que a integran de case 18 millóns de euros.

O novo local que acolle a sede de Eganet foi concibido co obxectivo de ofrecerlles novos servizos aos asociados como o gabinete de tránsito, mediante o cal todos os socios poden acceder ao local para aproveitar o tempo entre xestión e xestión. A nova sede, de 220 metros cadrados, está dotada de WIFI e sala de xuntas, ao servizo de calquera socio que queira celebrar as súas reunións en pleno centro de Santiago. Ademais, e dado que Santiago é o centro administrativo de Galicia, Eganet ofrécelle aos seus socios a posibilidade de que sexa a asociación quen lle realice todo tipo de trámites.

A traxectoria de Eganet remóntase ao ano 2000, cando se constituíu cun total de 17 empresas, a maioría delas microempresas cunha facturación inferior aos dous millóns de euros. Entre os obxectivos fundamentais de Eganet destaca a súa pretensión de conseguir un sector forte, de calidade, con futuro e capacidade para chegar á internacionalización das empresas, traballando tamén na diferenciación das empresas que se dedican á elaboración de contidos e no recoñecemento do seu valor.

XII Festa do Lugnasad 2008

Redacción
Este venres 1 de agosto celébrase unha vez máis unha das festas máis orixinais dos últimos tempos, o festival Lugnasad que, coma cada ano desde 1996, organiza a asociación cultural Auruxeira, de Bretoña, en A Pastoriza (Lugo).

Na edición deste ano participan grupos de música tradicional tan coñecidos coma Os Minhotos (presentes xa en edicións anteriores), Trioliro de regueifeiros, Ophiusa ou os Ulträqäns.

Ademáis da música, poderemos asistir a orixinais ritos coma oas Vodas Celtas, oficiadas polo Druida que se coronarán cunha grande queimada para todos, aturuxos e bos desexos de amor e felicidade. Coma sempre, e coma vén sendo habitual en cada celebración que se precie, non vai faltar a boa comida e os beberaxes de todo tipo.

O Lugnasad era, ao parecer, a Asamblea do Deus Lugh (nada que ver co topónimo de orixe latino Lugo), unha celebración celta que tiña coma obxeto o garante da paz e o agradecemento á Nai Terra polo sustento que proporciona. Deste xeito marcábase tamén, o 1 de agosto, o comezo da colleita.

En realidade, a expresión "lugnasad" significa "lembranza de Lugh" e ía dirixido a esta divinidade celta e á súa ama de cría, a princesa Taïltiu, filla do rei Maigmor. Aínda que tamén se ten traducido como "matrimonio de Lugh" e, nese caso, Taïltiu, coma símbolo da "terra", sería a súa dona.

Auruxeira é unha asociación cultural que, segundo din eles mesmos, organiza todos os veráns unha festa propia, “facendo honra á historia castrexa do noso pobo”, pois “a mellor maneira de amosar gratitude á terra onde nacemos é destapando o seu preciado valor co maior respoeito, e sentirse fachendoso delo”.










Pica nas imaxes para ver o programa ou accede á web de Auruxeira: www.auruxeira.com



28 de xul. de 2008

A resurrección do becho



Iago Castro

O logotipo escolleito para os Xogos Olímpicos de Londres provocou, en xeral, críticas acedas. É por iso que están a xurdir na Internet multitude de páxinas web propondo deseños alternativos. A sorpresa está na páxina Better2012logo, na que, de entre máis dun cento e medio de deseños, o favorito absoluto é... o Pelegrín. Si, aquel becho repelente que até tivo, como o indescriptíbel Naranjito unha década antes, a súa propia serie de debuxos animados. Lembran a música?

Pelegrín, pelegrín, pelegrín...
convídanos a ser os seus amigoooos...


Eu até tiven, confésoo, un becho de cerámica con tapón, cheo de oruxo. Perdino, afortunadamente, nunha das múltiplas mudanzas. Agardo que lle aproveitara a alguén.

É que, hai que foderse. Para ser un país normal hai que ter tamén mascota repugnante. E agora resulta que aos brittish lles gusta. Hai tempo que sospeitabamos dos ingleses e do seu mal gusto, pero agora as probas xa son abrumadoras: téñeno no cu.

Fraga debe estar revolvéndose na súa... perdón, aínda non. No Senado, quería dicir... Un lapsus linguae como outro calquera. Desculpe, Don Manuel, xa sei que vostede pertence á categoría dos inmorrentes, en palabras do vate Cabanillas. Como o Pelegrín. Tal cal.

27 de xul. de 2008

ALBA DE GRORIA



Castelao

SI NO ABRANTE d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de festa comenza en Sant-Iago. A torre do reló tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás, repinicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a todol-os campanarios da cibdade. Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos maravillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da veiramar até as homildes espadañas da montaña. E o badaleo rítmico das campás -de todal-as campás de Galiza en leda algarabía- semella o troupeleo dos cabalos astrales, que veñen pol-a vouta celeste, turrando co carro de Apolo, que trai luz e calor ao mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galiza, e así comenza.

Así dá comenzo a solemnidade d-este día; a Festa maor de Galiza, a Festa de todol-os galegos. Pero ninguén pode sentila, coma nós, os emigrados, porque en tal día coma este revivien as lembranzas acuguladas, e coa moita destancia agrándase o prodixio da patria. Hoxe a nosa imaxinación anda por alá, en festa de saudades, escoitando as cántigas montañesas e mariñeiras que van para Compostela, vendo o noso país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes... E dispóis de evocar o repique matutino das campás -mal ou ben, ao xeito de Otero Pedrayo-, eu podía evocar igoalmente, todol-os lances xubilosos d-este día, hora a hora, minuto a minuto. Pero ¡cómo se tornan tristes as alegrías evocadas lonxe da patria! ¡Cómo doen as ledicias arrincadas do recordo da nosa mocedade! E cómo para min é certo o que dixo o mellor poeta da nosa estirpe:
Sen tí perpétuamente estou pasando
Nas maores alegrías, maor tristeza

Non; é moito mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, algo que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito de futuro, como unha boa esperiencia. Podemos imaxinar, por exemplo, unha Santa Compaña de inmortaes galegos, en interminabel procesión. Alí veremos as nobres dinidades e os fortes caraiteres que dou Galiza no decorrer da súa Hestoria. Verémolos camiñar en silenzo, coa faciana en sombras e o mirar caído na terra dos seus pecados ou dos seus amores, agachando ideias tan vellas que hoxe nin tansiquera seríamos capaces de comprender, e sentimentos tan perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón. Algúns verémolos revestidos con ricos panos e faiscantes armaduras; pero os máis d-eles van descalzos e nús, cos osos prateados pol-o fulgor astral.

Ao frente de todos vai Prisciliano, o heresiarca decapitado, levando a súa propia caveira n-unha arqueta de marfin e afincándose n-un longo caxato, que remata coa fouce dos druidas, a modo de báculo episcopal. Siguen a Prisciliano moitos adeptos, varóns e mulleres. Detrás veñen dous magnates, que cicáis sexan: Teodosio, o grande Emperador de Roma, e San Dámaso, o Sumo Pontífice da cristiandade, seguidos ambos por unha hoste de soldados i ecresiásticos. Ollamos dispóis unha ringleira de mortos escrarecidos, que portan os atributos da súa dinidade ou da súa profesión. Alí distinguimos á virxe Eteria, a escritora pelengrina, con túnica de branco liño e camiñando con arfado compás. Ao hestoriador Paulo Orosio, discípulo de San Agostiño, que marcha pensatibre, c-un rolo de pergameos na man. Ao bispo e cronista dos tempos suevos, a Idacio, que alumea o camiño c-unha lámpara de bronce. A San Pedro de Mezonzo, o autor da Salve Regina Mater -o cántico e oración máis fermosa da Eirexa-, c-unha fragante azucena nos beizos. Ao fundador San Rosendo, que sostén litúrxicamente a custodia do noso escudo tradicional. E moitos, e moitos máis, que é dificultoso recoñecer. Logo vemos ao primeiro Arzobispo de Compostela, o gran Xelmírez, revestido de pontificial, con aurifulxente cortexo de mitrados e coengos. Após do perlado ven Alfonso VII, o Emperador, con cetro na destra, espada na sinistra e coroa de ouro e pedraría nas sens. Siguen ao Emperador: o Conde de Traba, seu aio, e demáis bultos da soberba feudal de Galiza. Ollamos dispóis aos monxes letrados, en longa fileira, con velas acesas e libros abertos. Ven detrás o mestre Mateo, o Santo dos Croques, co Apocalipsis debaixo do brazo, encabezando unha grea de arquiteitos e imaxineiros, que portan as ferramentas das súas artes. De seguida aparece unha moitedume de xograres e trovadores, en mistura de tipos e atavíos. Algúns semellan ter sido monxes; outros calzan esporas de ouro, en sinal de que foron cabaleiros; pero os máis d-eles van esfarrapados, con vellas cítaras, laúdes e zanfoñas ao lombo. Alí recoñecemos a Bernaldo de Bonaval, a Airas Nunes, a Eanes do Cotón, a Pero da Ponte, a Pero Meogo, a Xohán de Guillalde, a Meendiño, a Xohán Airas, a Martín Codax, a Paio Gómez Charino, a Macías, a Padrón, e moitos máis, todos con lume no peito. Non tardan en aparecer as dúas belidas e infortunadas irmáns, Inés e Xohana de Castro, a que reinou en Portugal dispóis de morta e a que foi raiña de Castela n-unha soia noite morna de vran, como dúas rosas de prata as coroas do seu efímero reinado. Veñen de seguida os moitos varóns altaneiros de Galiza, os señores feudales, que non souperon vivir en paz nin consigo mesmos, todos eles montados en bestas negras, dende Andrade, o Bó, seguido por un porco montés -símbolo totémico da súa casa-, até o valente Pedro Madruga, que leva o puñal da traición espetado nas costas. Como grupo singular destácase o Mariscal Pardo de Cela, xunto cos seus compañeiros de martirio inxustamente decapitado, que sosteñen con entrambas mans as propias cabezas, aínda frescas, que deitan sangue e piden xusticia. Tamén ollamos unha boa representación do feudalismo ecresiástico, e n-él distinguimos aos tres Arzobispos Fonseca, pai, fillo e neto, seguidos por unha mula cangada coas obras de Erasmo. E detrás de tanto señorío feudal ven a pé o seu mellor cronista, Vasco da Ponte. De seguida recoñecemos a impoñente tropa dos irmandiños, que arrastran cadéas, con bisarmas e fouces mangadas en paus, levando por abandeirado a Rui Xordo, que sostén en outo un facho de palla acesa e fumeante.

Eiquí comeza a decaer a categoría do fúnebre cortexo, como decae Galiza ao trocarse en povo vencido e subordinado. Pero sigue dando individualidades, como Sarmiento de Gamboa e os Nodales, que camiñan xuntos, portando astrolabios, atlas e cunchas estranas; o filósofo escéptico, Francisco Sánchez, con muceta de Doutor; os Virreis de Nápoles e das Indias, Conde de Lemos e Conde de Monterrei, que serviron lealmente a quen non merecía ser servido por ningún galego; os tres grandes Embaixadores filipescoz, Zuñiga, de Castro e Gondomar, que inútilmente derrocharon talento, sabiduría e artes diplomáticas; os escultores Moure e Ferreiro, xunto cos arquiteitos Andrade e Casas e Nóvoa, que ceibaron de cadeas a nosa orixinalidade oprimida; o P. Sarmiento e o P. Feixóo, que remediaron o retraso cultural de España coa súa poderosa erudición e o seu xenio enciclopédico. Ven axiña Nicomedes Pastor Díaz, coa súa lira de nacra, abrindo a renascencia literaria de Galiza e seguido pol-os poetas Añón, Rosalía, Curros, Pondal, Ferreiro, Lamas, Amado Carballo, Manoel Antonio e tantos outros, todos con estrelas sobor das súas frentes; os hestoriadores Vicetto, Murguía e López Ferreiro, os patriotas Faraldo e Brañas, a pensadora Concepción Arenal, a escritora Pardo Bazán, e por fin o gran Don Ramón, ainda non ben descarnado...

Acabo de citar uns cantos bultos da Santa Compaña de inmortaes galegos, uns cantos nada máis, porque nos dous mil anos da nosa hestoria, os bultos cóntanse por milleiros.

Dí Oliveira Martíns que ha Hestoria non hai máis que mortos e que a crítica hestórica non é un debate, senón unha setencia. Pero todos sabemos que os mortos da Hestoria reviven e mandan sobor dos vivos -moitas veces desgraciadamente-, como todos sabemos que a mellor sentencia é a que se da dispóis d-un debate. Por eso eu gosto de poñer a debate a nosa Hestoria, non a nosa Tradición, porque si ben é certo que se pode compor unha grande Hestoria de Galiza con soio recoller as crónicas dos seus grandes homes, tamén é certo que ningún d-eles, nin todos xuntos, foron capaces de erguer a intransferibel automomía moral de Galiza á categoría de feito indiscutibel e garantizado. Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderabel, que eso é o que importa para gañar o futuro.

Cando a Santa Compaña de inmortaes galegos, que acaba de pasar por diante da nosa imaxinación, se perde espesura d-unha foresta lonxana, con esa mesma imaxinación veremos xurdir do Humos da terra-nai, da terra, da nosa terra, saturada de cinzas humáns, unha infinida moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma que en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de Galiza. Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso territorio patrio, infundíndolle a todal-as cousas que na paisaxe se amostran o seu propio esprito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteita. Elas son as que gardan e custodian, no seo da terra-nai, os legados múltiples da nosa tradición, os xerms incorruptibeis, da nosa futura hestoria, as fontes enxebres e purísimas do noso xenio racial. Esa moitedume de luciñas representa o pobo, que nunca nos traicionou, a enerxía coleitiva, que nunca perece, i en fín, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa infínda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.

Velahí o que eu quería dicir n-este Día de Galiza, en loubor da nosa Tradición, por riba da nosa Hestoria, a todo-los galegos que residen n-esta terra que para nós é a segunda patria. E nada máis, amigos e irmáns.

Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.

24 de xul. de 2008

Creamfields Vigo 08

O 2 de agosto de 2008 o coñecido festival Creamfields vai chegar por vez primeira a Vigo. Seguindo a liña do seu homónimo do sur peninsular, o festival agarda converterse nun evento de indeludíbel referencia no norte ofrecendo as actuaciones e sesións de artistas e djs a nivel nacional e internacional. A filosofía do Creamfields Vigo é a mesma que a que ten animado nestes anos o seu parente andaluz. Sobre todo no que atinxe á liña estilística dos artistas participantes, así coma o concepto mesmo de festival electrónico. Sen embargo, hai unha interesante diferencia no que se refire ao tipo de emplazamento, xa que será se vai celebrar na Feira de Vigo contando con dous escenarios, estando un deles cuberto.


Pica aquí e bota unha ollada á web do festival.

Manifesto


As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante as institucións de autogoberno e como aclaración perante a sociedade galega, o seguinte:

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.
2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.
3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.
4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.
5.-. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.
6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país.Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.

Apoios ao Manifesto

Pode enviar á Mesa pola Normalización Lingüística o seu apoio ao Manifesto: a través do fax 981 583 782; por correo electrónico amesa@amesanl.org; ou ao enderezo postal da entidade (Rúa do Vilar 15-1º D, 15705 Santiago de Compostela).

23 de xul. de 2008

A exposición "Nós mesmos..." chega a Bós Aires


Redacción


A exposición itinerante Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración, organizada polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración, e en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, será inaugurada esta tarde ás 18 horas na Delegación da Xunta en Bós Aires (Arxentina), onde poderá visitarse ata finais de agosto. O acto contará coa presenza de María Xosé Porteiro, Delegada da Xunta, e Manuel Luís Rodríguez González, Secretario Xeral de Emigración. Outra versión desta mostra pode verse ata o 26 de xullo no Centro Galego de Lisboa.

A Bordo do "Castillo Olite"

Castillo Olite (antigo Postishev). Este buque foi a tumba de milleiros de
soldados do bando franquista, a maioría deles galegos, na maior traxedia
naval da historia española.

Mª. Xosé Lamas

Ás veces a lembranza tamén nos xoga boas pasadas. Non hai moitos días e non sei moi ben a conto de que –supoño que a colación de algo escoitado nalgunha reportaxe televisiva- comentei en voz alta un pensamento: “algo así debeu acontecerlle a meu avó no Castillo Olite”, o que deu pé para falar co meu interlocutor sobre o caso dese barco, as súas circunstancias, en fin, de canto coñeciamos sobre o tema. Non conformes co que sabiamos, acudimos a internet e acadamos unha comunicación que un historiador, ate de aquela para nós descoñecido, fixo nunha ocasión sobre o afundimento do barco. Tamén soubemos que o autor, Luis Miguel Pérez Adán, tiña un libro sobre ese feito titulado El hundimiento del Castillo Olite e subtitulado La mayor tragedia naval de la Guerra Civil Española, nunha primeira edición de 2004 da editorial Áglaya de Cartaxena e que conseguimos facernos con el tamén a través da rede.

O libro, estruturado en seis partes, achéganos aos derradeiros días da contenda bélica e aos feitos acaecidos naquel marzo fatídico de 1939. Describe pormenorizadamente o marco xeo-histórico onde se desenvolven os feitos: a base naval de Cartaxena e a sublevación que tivo lugar os días 4, 5 e 6 de marzo dese ano; fálanos dos protagonistas, dende o propio Castillo Olite e as tropas nel embarcadas ate a batería de costa La Parajola, responsábel do afundimento; narra os feitos acaecidos (a expedición nacional sobre Cartaxena, o afundimento, a desaparición do barco e as causas do fracaso da "fazaña" de Franco); explícanos as consecuencias dos feitos, achegándonos ate onde foi posíbel as listaxes dos mortos, feridos e prisioneiros, así como do sumario e os xuízos; e remata dando noticia dos restos do Castillo Olite.

Hai tempo que tiña ganas de pescudar sobre o paradeiro do meu avó, ou dos seus restos. Era pouca ou case nula a información da que dispuña ao respecto, entre ela, o feito de que tardaran moito tempo (varios meses) en comunicarlle a miña avoa a nova do falecemento do seu home “en acto de servizo á patria” e o lugar na que acaecera o seu pasamento –non, por certo, as circunstancias, nin sequera disfrazadas. De conversas mantidas con miña nai, acadei averiguar que morrera no afundimento do Castillo Olite, un barco de bandeira nacional “bombardeado, seica por erro, polas forzas aliadas nacionais no porto de Cartaxena e a poucos días de finalizar a Guerra Civil”. Escasa e enganosa era tal información, como puiden decatarme coa lectura deste libro que comecei polo penúltimo capítulo seguindo con avidez, e coa punta do dedo para non perderme, as listaxes de mortos, feridos e prisioneiros, por ver de atopar o nome de Manuel Fernández Balseiro. A miña busca foi improdutiva e pasei á derradeira parte tentando manter as esperanzas de ler nalgún parágrafo a posibilidade de saber algo máis sobre meu avó. E atopei esas liñas, pero non esperanzadoras, senón todo o contrario: En 1952, afundido na baía de Cartaxena, o Castillo Olite foi vendido para converter en material de refugallo a un empresario bilbaíno. Durante as primeiras detonacións para desfacer o barco, comezaron a saír restos humanos á superficie que foron depositados no cemiterio de Cartaxena xunto cos que xa había do sinistro. Pero eran moitos os que aínda ficaban no plan do barco, xa sen ningunha protección, e que estarían por moito tempo soterrados baixo os lodos mariños. Mais esa improvisada tumba a 24 metros dende a superficie da auga salgada, tamén desapareceu en 2003 baixo milleiros de toneladas de formigón co fin de realizar as obras de ampliación do macro-porto de Escombreras. Debaixo desa lousa labrada polo avance e desenvolvemento económico ou entre os restos anónimos devoltos polo mar ao camposanto cartaxinés, pois, pode que estea o avó Manuel.

Non obstante, do que me decatei foi da grande cantidade de información que por tantos anos se nos ocultou e do manipulada –por calquera dos bandos da contenda- que estaba a pouca que nos chegou. Souben, polo menos, das circunstancias da morte do avó, onde pasou as súas últimas horas de vida e, incluso, podo adiviñar o que sentiu en moitos intres dese tempo.

A partir do 4 de marzo de 1939, en Cartaxena -que durante a Guerra permanecera fiel ao goberno republicano- subleváronse a maioría dos xefes militares a favor do bando nacional, xa que se vían derrotados, apoiados por un importante sector pro franquista. Ao día seguinte, a flota republicana deixa o porto libre para os insurrectos. Non obstante, unha unidade de élite do exército republicano chegara ás aforas da cidade como reforzo. Ao mesmo tempo, ante a petición de axuda por parte dos sublevados, Franco decidiu unha enorme operación de desembarco confiado en que as baterías de costa estaban en mans nacionais e que o paso ate o porto dos navíos era seguro. Pero non era así, pois o exército republicano volveu a tomar tanto a cidade como as baterías de defensa costeira. Mentres tanto, en Castellón, no mediodía deste día 5, a División nº 83, que pertencía ao Corpo de Exército de Galiza, descansaba (seica que para a tarde estaba anunciada unha tourada para entretemento das tropas) cando recibe a orde de dirixirse con urxencia ao porto de Grao e ir embarcando nos buques a disposición cara Cartaxena para reforzar aos insurxentes e asegurar a base. O Castillo Olite foi o último en saír do porto, ás dez da mañá do día 6, con 2112 persoas a bordo. Era un barco en boas condicións, pero cun “pequeno problema técnico”: non lle funcionaba a radio e coa présa dos feitos non daba tempo a arranxala; co que saíu de porto xa incomunicado. O resto da flota – case a totalidade da que dispuña o bando nacional naquel momento, preto de 30 barcos, no que navegaban unhas 20.000 persoas- comunicada entre si, tivo acceso á información do estado da base de Cartaxena, pois eran coñecedores de que volvera a mans republicanas, entre outras cousas, porque os avíóns nacionais que a sobrevoaban eran atacados polo exército hostil. Non tardou, pois en recibir a orde de volver ao porto de saída en retirada. Mais o Olite, proseguiu o seu camiño a cegas. Cando estaba á altura da illa de Escombreras, un hidroavión nacional de recoñecemento quixo facerlle sinal de que recuara, pero a tripulación do barco coidou que era unha manobra de saúdo e de confirmación de que se podía entrar sen problema no porto. Só ao emproar a bocana do porto se decatou de que o resto da flota, que tiña que ter chegado con anterioridade, non se vía por ningures e, por se isto non abondaba recibiron un disparo dende o pequeno canón dun peirao. Virou entón o rumbo de súpeto, non sen antes producirse unha situación de fondo desconcerto tanto nos mandos como no resto da tropa, pero non lle deu tempo a alonxarse. Dende a batería costeira de La Parajola saíu un primeiro disparo que fixo auga, seguido dun segundo que impactou xusto na ponte do barco, debaixo da que ía cargada toda a munición que estoupou nese intre partindo o buque en dous e precipitando o seu afundimento, cando eran as 10 da mañá segundo a hora do bando nacional, as 11 polos reloxos republicanos, do día 7 de marzo de 1939.

Mais, non me dou por rendida. Sei que nalgún arquivo agochado, no medio de milleiros de documentos antigos, pode estar o nome do meu avó xunguido a unha historia que aínda descoñezo.











Pérez Adán, Luís Miguel
El Hundimiento del Castillo Olite
Ed. Áglaya, 2004
300 pp.

22 de xul. de 2008

Dando novas de Silvia Mistral (1914 – 2004)

Manolo Roca
En novembro de 2004 lin en La Voz de Galicia: “Fallece la escritora de origen gallego Silvia Mistral”. Nunca dela escoitara falar; lin aquelas liñas que informaban de quen foi e así entereime de que, anque nada en Cuba, vivira de nena en Vilalba e morrera en México D.F.; a curiosidade levoume a querer saber algo máis dela...
O seu nome era, en realidade, Hortensia Blanch Pita. Filla de catalán e galega, naceu en Cuba en 1914. e viviu varios anos en Vilalba (supoño que cos seus avós maternos) até que en 1926 volveu á illa caribeña.
En 1931 regresou a España e estableceuse en Barcelona, como traballadora dunha empresa da industria química... pero as súas grandes paixóns vitais foron a literatura e o cine. Aos 18 anos comezou a colaborar no suplemento literario de Las Noticias e en El Día Gráfico; axiña publicaría tamén críticas de cine nas revistas Popular Film, Proyector e Films Selectos.
En xullo de 1936 íase facer cargo da sección de publicidade da Paramount, pero o estoupido bélico truncou as previsións e seguiu a traballar como axudante na industria química. No tempo da guerra incivil española as súas colaboracións literarias apareceron na revista Umbral (ilustradas por José Horna e por Viejo) e ademais escribiu crónicas da guerra en La Vanguardia (entón colectivizada por CNT e UGT); unha delas (a do éxodo de Teruel) ilustrouna a fotógrafa Kati Horna, con quen seguiría a colaborar no exilio. Neste tempo bélico escribiu tamén varios contos e foi secretaria da revista Nuevo Cinema.
En 1939 exiliouse nun pobo mineiro do Gard (Francia) e comezou a escribir Diario de una refugiada, a súa obra fundamental. Nela relatou os seus últimos días en Barcelona (o libro comeza coa súa saída cara ao exilio o 24 de xaneiro de 1939, cando traballaba nunha distribuidora cinematográfica) e a dureza do desterro, detallando polo miúdo o paso pola fronteira francesa de Port Bou o día 5 de febreiro de 1939 e o cru trato que recibiron as persoas exiliadas no campo de concentración de Argelés sur Mer:
Una playa inmensa, y nada más. Ni caseta, ni agua, ni comida, ni enfermeros, ni medicina. Sólo la arena y el mistral. Y los senegaleses. Altos y negros, semejan niños a los que se ha dado un fusil y un uniforme y una orden de matar.
Dous meses e dez días despois do remate de guerra española, grazas ás xestións humanitarias do presidente de México Lázaro Cárdenas, saíu no barco Ipanema do porto de Pauillac, rumbo a Veracruz. Nese barco ía tamén o home que compartiu con ela toda a vida (até a morte en 1997, con 91 anos): Ricardo Mestre, militante da CNT e da FAI, infatigable defensor do ideario libertario e teimoso impulsor da república das letras: fundou xornais, dirixiu revistas e puxo a andar proxectos editoriais.
A moi recoñecida crónica de Silvia Mistral sobre o inicio do exilio de moitas persoas republicanas (Diario de una refugiada) publicouse inicialmente en oito “entregas” na revista Hoy, con ilustracións do sevillano Francisco Carmona. En 1940 saíu do prelo da Editorial Minerva (que fundou Ricardo Mestre) como libro, con prólogo do poeta León Felipe: "Éxodo. Diario de una refugiada española". Ademais de ser a primeira testemuña, está considerado un dos libros máis fermosos dos que describen o exilio, escrito nun tempo de feridas aínda moi abertas e de moi pouca esperanza. Nel tivo unhas palabras de lembranza para Galicia (ao fío da descrición do paso do Ipanema fronte á nosa costa) e recolleu a expresiva imaxe das persoas galegas que, no camiño do exilio de Francia ao exilio de México, botaron ao mar esta mensaxe nunha botella:
Á vista de Fisterre, recibe, pobo galego, o saúdo garimoso dos que neste intre dooroso van care o exilio. Non perdades esperanzas. Mantede o esprito ergueito, que non tardará en cair o treidor que perante tres anos encheu de mortos Galiza e de loito os seus fogares. VIVA GALIZA CEIBE. VIVA REPUBRICA. ABAIXO FRANCO.
No II Coloquio Internacional: La literatura y la cultura del exilio republicano español de 1939, Neus Samblancat Miranda presentou unha interesante comunicación sobre Éxodo. Diario de una refugiada español; publicouse en A Habana en xuño de 2000. Outro traballo semellante do mesmo autor saíu do prelo en Sevilla (decembro de 2000) en: Renacimiento. Revista de Literatura.
En México, Silvia Mistral publicou algúns contos na revista Aventura, varias crónicas mexicanas ilustradas por Kati Horna.e Madréporas, que ilustrou Ramón Gaya. Escribiu tamén varias “novelas rosa” para a colección Delly (que asinaba con seudónimo, como outras exiliadas ilustres: María Luisa Algarra, Ana María Muriá...) entre as que Violetas imperiales acadou especial éxito; a esta obra seguíronlle: La cola de la sirena, El niño de la banda e La cenicienta china. Retomou a crítica cinematográfica, desta volta na revista Arte y Plata, foi columnista do matutino Excelsior e colaborou na publicación anarquista cubana El Libertario (unha das últimas publicacións clausuradas polo goberno de Fidel Castro).
En 1988 publicou La bruja vestida de rosa, libro pensado na infancia que trata dunha muller que desexa converterse en bruxa.
Á súa morte (en agosto de 2004) a edición dixital de Rojo y Negro, voceiro da Confederación General del Trabajo (CGT), dedicoulle unha fermosa necrolóxica e Antonina Rodrigo publicou un belido obituario en El País do 22 de agosto que remata así:
Son tantos los escritos de Silvia Mistral. Primero, para sobrevivir; después, para enseñar y construir y, algo esencial, para que no se olvide por lo que luchamos.
Calquera día escribirei nesta praza vilalbesa dixital sobre outra viaxe en barco no tramo final da nosa guerra incivil...para ir dar a un campo de concentración de persoas que fuxían da España franquista.
É tamén unha muller...e viviu varias décadas con nós, en Vilalba. Por sorte, aínda nos pode contar esa dura experiencia. Era unha nena daquela... e estivo a piques de caer á auga desde a cuberta do barco que a levaba de Asturias a Francia.
Ben sei que o prometido é débeda. Pagareina axiña.

Nenos camiño do exilio. 1939

21 de xul. de 2008

Algo máis ca lembranza

Xosé Mª. Felpeto
Nos tempos que andamos vén preocupando e ocupando a algúns colectivos sociais, políticos e culturais a recuperación da chamada memoria histórica, patrimonio que pertence á colectividade e que ninguén ten dereito a ocultar por moito que en ocasións non guste a certos sectores, cómplices, por aquilo de que remexer no pasado poder facer rexurdir vellas xenreiras ou xerar comparacións que non conveñen.
Pero abofé que, en xeral, na opinión de quen isto escribe, a recuperación antedita resulta sempre impagábel aos seus valedores. Sería posíbel, por exemplo, dar conta duns 300 cruceiros e cruces do Concello de Vilalba, moitos deles roubados, destruídos ou ocultos entre toxeiras ante a impericia e a insensibilidade oficial, ou apreciar na súa medida medio cento de ermidas e capelas, mostra evidente todo elo do pasado histórico-artístico, sen a iniciativa e a agarimosa dedicación de Ramón Guntín Currás e Santiago García Cillero? Seguiría condenado ao esquecemento Francisco Vega Ceide (Francisco da Fientosa) de non ser pola xenerosa disposición de Emilio Sinde Nieto, depositario da súa obra inédita, e o exhaustivo labor de investigación do profesor Ricardo Polín? Teriamos nas nosas mans case toda a colección de Faro Villalbés de non ter existido xente que mesmo con evidente risco vital a agachara con agarimo entre o po dalgún faiado e que herdeiros dese legado permitisen altruistamente a súa edición facsimilar? Son algúns exemplos illados, mais un coida que significativos e que veñen demostrar sen dúbida que o pobo que esquece a súa memoria vén perder a súa identidade, como alguén acertadamente ten dito.


Nesta liña de razoamento, a exposición de fotografía Tal como eramos, que se mostra periodicamente na Casa da Cultura de Vilalba organizada polo Instituto de Estudios Chairegos, vén nalgunha medida tentar recuperar parte desa memoria, esta vez dende un punto de vista gráfico, coa sa intención no só de recordar senón tamén de aprender algo dela e con ela. Resulta certamente gratificante contemplar rostros que se emocionan cada vez que o furabolos do observador ou da observadora con mellor memoria fai indicacións sobre a evolución da paisaxe rural, urbana ou humana, suscitando entre o seu auditorio todo tipo de opinións ao respecto. “Mira ti que mágoa esta vista que non volverá!” –comenta unha señora xa entrada en anos diante dunha fotografía de Vilalba, tomada dende o alto de Mourence, tras da Madalena, que amosa como a sensatez urbanística homenaxea dende unha óptica inferior á torre do Castelo ou á Igrexa de Santa María-. “Ves, aí fun eu á escola de don Félix, e aquí, entre as árbores, arredor do palco da música, xogabamos ás quedas, colliamos castañas no seu tempo, poñiamos a nosa ilusión nas rifas das tómbolas ou viñamos ver ao Barriga Verde polo San Ramón” –recorda con nostalxia outro visitante ante unha imaxe da vella Alameda que algún irresponsábel arboricida fixo desaparecer-. “Mira, esta señora fixo por moita xente máis do que podía e ca quen podía, e nunca a súa man dereita soubo do que obraba a esquerda, por iso non transcendeu, coma noutros casos que reciben recoñecementos dos que non son merecentes” –comenta polo baixo unha terceira persoa que parece ter coñecido ben a vida e obra de María dos Castros-. E coma estes, múltiples e suxestivos comentarios.
Calquera espectador minimamente atento e interesado pode doutorarse axiña ante o didactismo, seguramente involuntario nalgún caso, de quen goza do privilexio vivo da lembranza e da valoración racional do que foi e xa non é.


O Instituto de Estudios Chairegos tenta con estas mostras gráficas non só amosar recordos dun pasado en xeral máis humanizado e culturalmente enriquecido para a época, senón tamén espertar conciencias sobre algunhas desfeitas que a irresponsabilidade, a despreocupación, a neglixencia ou o desinterese de persoas e/ou institucións, por acción ou omisión, permitiron. Testemuñas de cambio, exposta en 2007, reflicte esta clara evidencia. Vilalba e a Chaira merecen algo máis de respecto.


Pero estas exposicións, que non supoñen máis ca unha pequena parte dos xa milleiros de fotografías achegadas, non serían posíbeis de non ser pola xenerosidade de máis dun cento de persoas e/ou familias que confiaron no IESCHA, que as puxeron ao noso dispor sen reparo algún e que quixeron compartir con nós, e coa sociedade en xeral, lembranza e sensibilidade. Sen a súa colaboración todo isto non sería posíbel e con ela seguro que máis xente axudará a seguir facendo camiño para que esa memoria non esmoreza.


Para toda esta xente a nosa inmensa gratitude.
Máis información sobre Xosé María Felpeto na Bibliografía Chairega.

19 de xul. de 2008

Presentación do novo libro de Alvite en Compostela

Mike Richardson, José Luís Alvite e Moncho Paz (Foto: Perfecto Conde)

Redacción


Na noite de onte tivo lugar en Compostela a presentación do terceiro libro do xornalista José Luís Alvite, Áspero y sentimental (Ézaro Ediciones, 2008). O acto tivo lugar no Club de Jazz Dado Dadá e reuniu a máis de cincoenta amigos, admiradores e coñecedores do seu peculiar universo. O libro foi presentado polo xornalista Lorenzo Díaz e o director xeral da editorial, Alejandro Diéguez, que deron algunhas pinceladas sobre o autor e a súa última obra. En Áspero y sentimental, Alvite describe a súa propia vida cunha crudeza similar á que soe empregar para referirse aos personaxes do Savoy. Irónico e pesimista, introdúcenos no seu universo nocturno e fálanos da súa vida e do seu contorno, na realidade e na ficción, sen que -en moitos dos casos- saibamos se os protagonistas pertencen a un mundo ou a outro.

Fiel retratista dos recunchos máis descoñecidos da alma humana, Alvite da novamente testemuña do seu característico estilo, co que xa sorprendeu á crítica e ao público nos seus anteriores libros, tamén editados por Ézaro: Historias del Savoy (2005), con prólogo de Carlos Herrera e epílogo de David Gistau; e Almas del nueve largo (2007), con prólogo de Lorenzo Díaz e epílogo de Perfecto Conde. Recomendamos a leitura da triloxía.

18 de xul. de 2008

Adeus a Virxílio Viéitez

Paulo Naseiro


Virxilio Viéitez (Soutelo de Montes, 1930), un dos máis destacados e, até hai pouco tempo, descoñecidos fotógrafos de Galiza, finou a pasada semana aos 78 anos de idade.

De formación prácticamente autodidacta, como fotógrafo comercial retratou toda a vida da Terra de Montes entre os anos 50 e 70, deixándonos un precioso material que o sitúa á altura dos mellores artistas do século XX.

Desbotou o estudo como fondo para o retrato e fotografou as personaxes no seu entorno habitual, compoñendo unha fermosa descrición plástica do tempo que lle tocou vivir. Son maxistrais os seus retratos con fondos ou elementos vexetais, dende unha verza a un ramo de flores, ou os que teñen como fondo os inmensos “haigas” dos emigrantes que retornaban á terra presumindo de prosperidade. Así, case toda a súa obra é exterior, cun forte dominio da composición e da iluminación, e a pesares de seren imaxes dunha case total frontalidade e estaticidade, consegue lograr unha grande expresividade nos suxeitos que retrata. Hai tamén en toda a súa obra unha saudade que Viéitez trataba de capturar alén do retrato da persoa, o que lle dá unha forza especial.

O mesmo Virxilio declaraba en 1998 a A Nosa Terra: “A min gostoume sempre a fotografia natural non as poses pactadas. Estudaba á xente e o seu carácter , miraba as luces e procuraba sacar a realidade da vida.Despois coa técnica de laboratório tentabas sacar aquela vida que tiña a foto para fóra. É certo que coñeciamos moi ben os materiais e que, en certo sentido, os que se usaban en branco e negro eran mellores que os de hoxe”.

A súa obra comezou a ser apreciada pola crítica a raíz da exposición organizada hai dez anos pola Fotobienal de Vigo, que comisariou a súa filla Henriqueta, e foi estudada e posta en valor polos profesores Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal.
Fotografía superior: Último retrato de Virxilio. Keta Viéitez

Fotografía inferior: Virxilio Viéitez



17 de xul. de 2008

Política Lingüística selecciona profesores lectores de galego para dez universidades de fóra de Galicia

Redacción

A Secretaría Xeral de Política Lingüística culmina hoxe a selección de dez profesores lectores de Lingua, Literatura e Cultura galegas que se incorporarán a centros de estudos galegos existentes en universidades de España e do estranxeiro. Para estas prazas, recibíronse solicitudes por parte de preto de 30 persoas.

Estes lectores actúan como reforzo neses centros e, como complemento á súa actividade formativa, responsabilízanse de tarefas de docencia, investigación e promoción da Lingua, a Literatura e a Cultura galegas. Cinco das bolsas que vai adxudicar Política Lingüística son para universidades do Estado español, concretamente para a Complutense de Madrid, a Universidade de Barcelona, a de Granada, a de Murcia e a de Deusto, en Bilbao. As cinco restantes correspóndense coas facultades de Heidelberg, en Alemaña; Algarve de Faro e Minho de Braga, en Portugal; e Padua e Roma, en Italia.

A comisión encargada de valorar os méritos e de facer as entrevistas da fase definitiva está presidida pola Subdirectora Xeral de Política Lingüística, Cristina Rubal, e dela forman parte, entre outros membros, os responsables dos centros de estudos galegos nos que se van incorporar os dez lectores mencionados.

As persoas seleccionadas serán nomeadas para unha primeira estadía que abranguerá o curso académico 2008-09. Este período inicial poderase ir renovando sucesivamente por cursos académicos, ata completar unha estadía máxima total de tres cursos. Os nomeamentos faranse efectivos con data de 1 de outubro deste ano.

Os lectores que se incorporarán a centros de estudos galegos situados en universidades de España percibirán no 2008 unha asignación mensual de 1.124 euros, mentres que os que impartirán docencia no estranxeiro terán unha asignación ao mes de 1.277 euros.
Os resultados da selección destes dez lectores sairán publicados no taboleiro de anuncios e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como no Diario Oficial de Galicia.

A Praga de Vicente Risco

Mario Paz González

Hai autores aos que sempre é preciso voltar: Montaigne, Kafka, Pessoa... e a xeración “Nós”. Repasar a obra de, por exemplo, Vicente Risco serve para decatarse de que quizais non é popularmente tan coñecida frente á de Castelao ou Otero Pedrayo. Calquera sabe hoxe en día quen foi, pero non todo o mundo ten coñecemento da amplitude dunha producción que vai moito máis aló d’O porco de pé.

Dos seus libros prefiro especialmente Mitteleuropa, a crónica da viaxe que fixo por Europa Central entre maio e setembro de 1930 e que foi publicando de xeito intermitente na revista Nós, de xullo de 1930 ata o ano 1935. Mitteleuropa é, máis que nada, unha sorte de diario. Din que a lectura de escritos biográficos doutros tempos axúdanos a comprender o noso. Pode ser. As crónicas de viaxe teñen, por riba, ese doce exotismo que as achega dalgún xeito impreciso á literatura fantástica. “Marco Polo”, dicía Borges, “sabía que o que imaxinan os homes non é menos real que iso que chaman realidade”.

Resulta curioso ir tras os pasos de Risco por Berlín, Praga ou Viena. Ata hai algo de entrañable nese individuo de case cincoenta anos, con pinta de “húngaro” (segundo lle din repetidas veces), de sabio despistado que percorre as rúas, entra e sae de restaurantes e cafés, debuxa nos museos e se alporiza ou se divirte con todo aquilo que excita a súa imaxinación ou a súa sempiterna curiosidade. As opinións que vai desgranando sobre calquera tema resultan a miúdo categóricas, contradictorias e nalgúns casos, para un lector de hoxe en día, probablemente inxenuas, pero sempre cheas dunha grande agudeza e clarividencia. Non dubida en atreverse con todo: marxismo, americanismo, cosmopolitismo, nacionalismo, militarismo, nacionalsocialismo, antisemitismo... O Art Nouveau de Praga ou a igrexa de San Carlos Borromeo, en Viena, sorprenden de súpeto coma dúas das súas máis enconadas fobias.

A parte do periplo que se desenvolve en Praga é a miña preferida. Se Berlín despertaba no seu maxín a lembranza de Vigo, da Praza Maior de Ourense ou de Allariz, as rúas de Praga que percorre febrilmente desde a súa chegada, coas súas (respeto en todas as citas as pecularidades lingüísticas do orixinal) “tenduchas coma as nosas, chafalleiras e algunhas pouco limpas, cristaleiras pequenas istaladas nas fenestras baixas, artesanos traballando nos currunchos, e todo tan familiar e á confianza, que se non fora polas casas barrocas, Renacemento e século XIX con cúpulas nas esquinas, aquelo semellaba unha gran Ribadavia”. Nesa Praga máis acolledora, sinxela e chea de xente pouco fachendosa, lonxe do “artificialismo e ordeanza de Berlín”, un “semella que se atopa na casa”, chegará a dicir. As comparacións coa súa terra lonxana (que o acompañan na viaxe desde que entra en Castela) intensifícanse agora: a cerámica de Bohemia (que lle lembra a de Sargadelos), os santos das igrexas, as gaitas do Museo Etnográfico ou a cuestión lingüística: “Decátome de que a situación real dos idiomas, en Praga [alemán e checo], vén ser a mesma que sería nas vilas galegas se o galego fora a língoa oficial”.

No eido exclusivamente literario cómpre salientar algo. Cando Risco estivo en Praga, Franz Kafka (home dalgún xeito “inadaptado” e “con espírito”, coma os da Xeración “Nós” e de quen vén de cumprirse o 125.º aniversario do seu nacemento) levaba morto só seis anos. Isto quere dicir que, naquel verán de 1930 non só a súa obra non acadara apenas repercusión algunha, senón que os seus pais, as súas irmás, os seus cuñados, a derradeira compañeira, Dora Diamant, os amigos, coma Max Brod, os compañeiros de traballo... aínda andaban pola cidade do Moldava. Concretamente os pais morrerían en 1931 (Hermann) e 1934 (Julie); as irmás, coma tantos outros xudeus, nos campos de concentración nazis anos despóis. Pode ser que Risco cruzase con eles nos seus paseos polas rúas da Cidade Vella, onde vivían frente a esa igrexa de San Nicolás que tanto lle chamou a atención. Na rúa Celetná, que o ourensán non pode evitar comparar coa Caldereiría de Compostela, estivo a tenda do pai de Kafka. De ter falado con él ou coa nai, poderían terlle dito que un irmán dela, Alfred Löwy (morto en 1923), vivíu en España e foi nada menos que director da Compañía de Explotación dos ferrocarrís de Madrid a Cáceres e Portugal. Quen nos di que algún deses homes que Risco describe na Alte-Neu Synagoge, “de chapeu craro e bigote recortado”, non podería ser Max Brod, da súa mesma idade, que sete anos despóis publicaría unha biografía do amigo morto e adicaría parte da súa vida a difundir a súa obra, e que en 1939 emigraría definitivamente do reino de Bohemia?

En fin, todo isto non é máis que un xogo que non pretende saír do eido da pura especulación, quizáis porque unha cidade coma Praga se presta profundamente a elo. Calquera pode preguntarse, coma fixo Angelo Maria Ripellino, se Praga existe en realidade ou “tratase, máis ben, dun país imaxinario”. A literatura de viaxes tamén permite adicar terreo a estes xogos, coma xa dixemos máis arriba.

Se unha cousa produce desacougo é pensar o que se lles ía vir por riba a esas fermosas cidades e a esas xentes en poucos anos. Nin siquera Risco, coa súa lucidez extrema semella intuilo. Cando na Viena imperial que tanto o sorprende le na prensa novas do mundo, coma a revolución arxentina, as loitas dos fascistas italianos, o lento ascenso dos nacionalsocialistas... a quietude das amplas rúas da capital austriaca lévano a reflexionar sobre “se val ou non a pena de se apaixoar pola cousa púbrica ata o punto de por ela matar e morrer”. Afortunadamente a Europa de hoxe non é a de hai un século, aínda que, ás veces, as declaracións dalgún político irresponsable podan facernos crer o contrario. Vendo a evolución dos feitos históricos naquel tempo, podería pensarse que quizais, a mediados do século XX, despóis das terribles confrontacións bélicas que o sacudiron, se o continente europeo fose unha sóa persoa, teríase interrogado sobre sí mesmo do mesmo xeito que o facía o protagonista da primeira novela de Lobo Antunes, Memória de elefante, ao preguntarse: “Cando é que eu me fodín?”.



Pica aquí ou nas imaxes que ilustran este artigo para acceder á exposición virtual “A Praga de Vicente Risco”. As fotos modernas foron tomadas polo autor do texto hai anos, as antigas pertencen ao libro Franz Kafka. Imaxes da súa vida (1998) de Klaus Wagenbach.

mariopaz@avozdevilalba.com

15 de xul. de 2008

Rumores de diaños




Paulo Naseiro


O rumor, como a lenda urbana, é fillo carnal da tradición oral, do mito, da lenda como bagaxe cultural das sociedades pre-modernas. Son explicacións do mundo sinxelas, accesíbeis e baratas que calman a anguria do individuo fronte a un medio ambiente que o acongoxa, que non controla, que escapa das súas escasas posibilidades de intervención.

Hoxe recompilamos, atesouramos e celebramos a tradición oral como cerne da nosa identidade, do mesmo xeito que a música, a arquitectura ou os oficios tradicionais. Porén, non pretendemos vivir ancorados nesa tradición. Os cativos non queren ser zoqueiros, a ninguén se lle pasa pola cabeza vivir nun chozo con lareira e sen calefacción, e tampouco hai quen ande á procura da viga de ouro soterrada polos mouros cabo doutra de alcatrán (é curioso que os “nosos” mouros xa inventaran o sistema binario na mitoloxía popular).

Sen embargo, aí está o rumor como motor da transmisión de información, sobre todo nos pobos pequenos, nas vilas e aldeas onde todos nos coñecemos pero, por lóxica, é imposíbel procesar tanta información verídica e contrastada como precisaría a nosa curiosidade. Así, calquera pequeño detalle sen trascendencia xera moreas de conversas que van adaptando a información orixinal ao gusto do usuario, alonxándose progresivamente da realidade e deformándoa aos ouvidos da xente á medida que se espalla.

O peor é cando o rumor nace de xeito malicioso, espallado, como dicía a miña aboa Amparo, polo Demo, coa firme intención de causar dano. Porque Satán, é cousa sabida, adopta mil disfraces: pode aparecer como unha moza loira ou como peón de albanel con barriga cervexeira. Pode ter bigote ou non, segundo lle pete, mais está probada a súa querencia polos adobíos pilosos na face, como nos transmite toda a iconografía dos últimos dez séculos. Pero, invariábelmente, Mefistófeles aparece onde non o chaman, causa o maior dano posíbel e despois desaparece tal e como chegou, de súpeto e pola porta de atrás, deixando o seu peculiar olor a xofre.

Non son persoa crente, non vaian pensar. Máis ben non. Gústame ás veces darlle un descanso á Razón, apearme dun mundo moderno que tanto lle debe a Rousseau, a Voltaire e a Montesquieu, e recrearme coas sombras da Caverna platónica na certeza de que, afortunado de min, hei saír fora cando me pete. Sen embargo, non me pregunten por que extraordinaria razón, a educación católica que con tanto esforzo trataron de inculcarme perdeu a batalla hai moito tempo fronte a unha visión do mundo, unha ética máis ben, de corte luterano, na liña das trazas básicas estudadas polo xigante Max Weber na súa obra máis clásica: o traballo é bo en si mesmo para a dignificación do individuo á marxe do enriquecemento persoal, o racionalismo debe ser un compoñente básico da nosa conduta, a austeridade e o ascetismo son dúas virtudes capitais, como tamén a honradez como principio; o valor da palabra dada mide o valor da persoa e a sinceridade é a mellor bandeira.

Así que, “ladran, luego cabalgamos”. As persoas vítimas do rumor malicioso adoitan ser aquelas que non se conforman, as que anceian mellorar e progresar, non sempre de xeito egoísta. O tempo remata por colocar a cada quen no seu sitio, e a Razón mata ao rumor pedíndolle probas, papeis, comprobantes, levándoo ante a xustiza e reclamando Xustiza, con maiúscula, con garantías, con dereitos. A modernidade hai tempo que pechou as portas do inferno e tirou a chave, e se cadra por iso Lucifer deambula sen rumbo. Aínda ha morrer de frío.

12 de xul. de 2008

Enciclopedia Galega Universal on-line

Redacción

Desde onte, xoves 10 de xullo, ás nove da mañá está na rede a Enciclopedia Galega Universal (EGU) que poderá consultarse de xeito gratuíto, cando menos ata o 8 de outubro.
O proxecto xurdíu da editorial Ir Indo, dirixida por Bieito Ledo Cabido e conta co apoio das Consellarías de Cultura e de Educación e das Secretarías de Política Lingüística e de Emigración da Xunta de Galicia.
As máis de 200.000 entradas permanentemente actualizadas poden consultarse en catro idiomas: galego, castelán, inglés e portugués. Entre os contidos da EGU atópanse abundantes arquivos multimedia, vídeos, imaxes animadas, audio e voz o que permite escoitar a información que apareza na pantalla co fin de resultar accesible a persoas con discapacidade. Inclúe tamén abundante material didáctico, xogos e concursos.
Quizáis unha das características máis importantes desta iniciativa é a de poder ofrecer, coma sinalou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, unha información capaz de "unir credibilidade con universalidade", algo non sempre doado na rede.

O ambicioso do proxecto fai que a súa sostenibilidade non sexa doada aínda que conte con as axudas oficiais citadas. Por elo, a editora non descarta ir na procura de novas fontes de financiación para evitar que suceda o mesmo que co seu Dicionario de Galego on-line que tivo que seres retirado logo de que quedase deserta a convocatoria dun concurso público para apoialo.
Pica na imaxe superior ou aquí para acceder á EGU.

11 de xul. de 2008

Galicia en perigo de incendio

Redacción


Tal e coma, desgrazadamente, ven sucedendo nos últimos anos, Galicia volta a ser de novo unha das comunidades (xunto con Castela e León e Extremadura) con máis risco de incendio neste verán que ten comezado.
Isto é a conclusión á que chegou Adena no seu Incendiómetro 2008, no que analizan, unha vez máis, os riscos e o tipo de previsión que se está a levar a cabo en diferentes lugares da península e as illas. Frente a Galicia e outras, temos o caso de comunidades, tamén do Norte, coma País Vasco, Navarra, Murcia, Baleares, A Rioxa ou Madrid, onde o risco é moito máis limitado.
Non deixa de chamar a atención o feito de que estudios coma este revelan que, aínda que, a nivel xeral, ten mellorado o campo da prevención na última década, o número de incendios foi crecendo de xeito exponencial no mesmo periodo de tempo dándose coma causas delo o considerable aumento do material combustible nos montes, así coma a crecente despoboación do rural, que fai que o interés dos políticos cara este medio decreza.
A conclusión é que fai falla máis inversión e máis prevención para frear o que, unhas veces por vandalismo e salvaxismo, outras por descuido ou desinterés, supón unha grande perda de riqueza paisaxística, ambiental e, por que non, tamén cultural.

10 de xul. de 2008

Pedíronse ou non dimisións?


Iago Castro

Martín Seco García, concelleiro do Grupo Municipal Socialista, aportounos a visión da súa formación verbo da información publicada o día 15 de abril titulada "PSOE desbota a petición de dimisións".

Foron moitos os comentarios recibidos, tanto nun sentido coma no outro. Se cadra, hai que darlle a cada quen o que lle corresponde. Explicome:

- Por unha banda, e contra o afirmado na rolda de prensa celebrada polo GMS con anterioridade, a moción escrita presentada ao pleno por eles non contén referencia ningunha á petición de dimisións.

- Sen embargo, de forma verbal, a voceira do GMS Elba Veleiro si pediu a dimisión dos concelleiros populares Xesús Bermúdez e Iolanda García, así como a asunción de responsabilidades políticas durante a exposición da moción.

Para quen quera saber máis, aquí está a copia da acta oficial do pleno facilitada a A Voz de Vilalba por Martín Seco.


9 de xul. de 2008