Retomada a recollida de lixo á espera dun laudo arbitral


Redacción

Operarios de Urbaser comezaron onte a recollida das toneladas de lixo acumuladas en tanto agardan a decisión do árbitro designado polo Consello Galego de Relacións Laborais, en aplicación do acordo de mediación establecido no AGA, ao que ambalas dúas partes están vencelladas.

O laudo arbitral, que se agarda para os vindeiros días, e é de obrigado cumprimento para as partes, servirá de marco de relacións laborais en tanto empresa e traballadores non negocian un novo convenio.

Para moitos cidadáns, o eventual remate do conflito non debería agochar o debate sobre importantes cuestións como son as diferencias salarias entre os traballadores de Urbaser en Vilalba e Lugo -unha media de 6.000 €/ano de máis para os da capital-, o deficiente servizo que presta a empresa na capital chairega e as súas parroquias ou a desidia municipal en canto ao máis que evidente incumprimento do contrato.

30 de ago. de 2008

Nunha xeira de lecer



María Xosé Lamas
O pasado 3 de agosto acudín coa familia a Pardiñas, cita habitual de hai ben anos, para xantar convidada por Afonso Blanco e acompañada por xente do arte, tanto da terra como achegada a ela, e para participar nas actividades culturais promovidas por Xermolos. Compartiamos viandas con David Otero (pregoeiro desta edición) e a súa dona, Avelino Pousa Antelo, Saleta, Esperanza Lema, Xoán Xosé Fernández Abella, Mini, Mero, Marica Campo, Xosé Lois García e unha señora xa de certa idade, fermosa e falangueira, que seica se chamaba Antía, acompañada por unha moza (Carmiña). Xa chegada a sobremesa e cunha cunca de café de pucheiro diante, preguntei ao meu compañeiro quen sería esa dona cuxas faccións non me eran de todo descoñecidas, pero non daba sabido de quen se trataba. Respondeume “ parece mentira, María Xosé, que non coñezas a unha das persoas de quen máis me tes falado. É Antía Cal”. Erguinme de súpeto e achegueime a ela para saudala presentándolle os meus respectos. Pasei longo tempo ao seu carón escoitándoa e contándolle algunha das miñas experiencias como mestra e directora no colexio da terra de seu, Muras. Coido que esa coincidencia consolidou a empatía mutua que xurdiu dende o primeiro momento.

Como o tempo alanca á présa cando se está gozando del, tivemos que deixar a conversa para acudir aos actos do serán que comezaban co pregón e a entrega dos premios do certame literario. Mais Antía prometeume que me achegaría a súa biografía para que coñecera máis polo miúdo todo aquilo que non dera tempo na conversa, advertíndome que non estaba “ben escrita”, xa que ela non era escritora, que a escribira sen outra intención que a de agasallar aos seus fillo polo Nadal no canto de lles mercar calquera parvada nun centro comercial; posteriormente un dos seus fillos quixo que a publicara en Galaxia, como así aconteceu no 2007 levando por título Este camiño que fixemos xuntos. Ao día seguinte saía de vacacións en busca dun verán que aquí se facía de rogar. Á miña volta, tiña sobre a mesa da biblioteca un paquete postal que non demorei en abrir. Era o libro de Antía. Mágoa de ser tan tarde, preto das tres da madrugada, para comezar a súa lectura –pensei mentres lle botaba a primeira ollada programando a mesma para a tarde seguinte. Unha tarde que durou dende a páxina nove até a dúas centas sesenta, dende o limiar a cargo de Xesús Alonso Montero até o índice onomástico, nas que Antía, en primeira persoa, narra en dezaseis capítulos a súa historia persoal e profesional comezando polo seu nacemento – o dezaoito de abril de 1923- e primeira infancia na Habana onde chegaran, como tantos outros emigrantes daquel tempo, os seus pais procedentes de Muras.

Cóntanos que regresou á terra dos seus acompañada da súa nai e o seu irmán en 1932 no Cristóbal Colón, despois de facer escala en Nova York e que se instalou no Mesón, onde coñeceu aos devanceiros dos que con tanto agarimo fala, inseríndose na vida que se desenvolvía na Galiza daquel tempo e nun pobiño do interior, tan afastada da que ela coñecera en Cuba, país que non volvería visitar até 1985; a súa marcha para A Coruña, onde estudaría o bacharelato ao que seguirían Comercio e Maxisterio antes de comezar a carreira de Filosofía e Letras, sempre na compaña de súa nai e seu irmán, que quixo estudar Menciña, pois seu pai ficara na Habana traballando e termando do negocio e non regresaría até 1946, cando Antía xa tiña rematada a carreira e comezada a relación con Antón Beiras, médico especialista en oftalmoloxía e galeguista de pro, e co que casaría en Muras, o día de San Pedro do ano 1947.

A súa vida dende entón transcorrería en Vigo onde naceron os seus fillos: Hixinio, Antón, Antía e Beatriz; lugar escollido tamén para levar a cabo o seu labor profesional fundando en 1962 o Colexio Rosalía de Castro sito na Gran Vía Viguesa. Mais, por mor dos traballos de investigación do seu home, percorreu unha boa parte de Europa; viaxes nas que coñeceu persoas que, xunto cos cursos da Escola d’Estiu de Rosa Sensat, influirían decisivamente no seu labor pedagóxico. Pero a felicidade é efémera: a comezos de abril de 1968, finaría Antón deixando a Antía viúva con corenta e cinco anos e catro fillos orfos, o máis vello de dezasete e a máis nova de nove anos, polos que tería que seguir loitando apoida sempre pola familia e unha morea de amizades ás que dedica o penúltimo capítulo e das que fala con amor e agradecemento. Aínda que toda a obra está salpicada de ideas e feitos pedagóxicos, é no derradeiro capítulo onde comenta explicitamente os principios educativos que rexeron o seu ensino e deben seguir a rexer a educación para que esta acade a calidade da que hoxe carece. Dun xeito maxistral introducido por unha fermosa descrición da paisaxe de Écully, onde reside a súa filla máis nova, fálanos da importancia da educación na familia nos primeiros anos e da necesidade de que despois alumnado, pais, nais e mestres, familia e escola, traballen xuntos en pro da educación dos nenos e nenas, xa que, nas súas palabras, se trata de realidades complementarias. Influída pola súa primeira visita aos fondos do arquivo de Pestalozzi en Xenebra, considera que a capacidade do alumnado nos primeiros anos é impresionante e que “aí é onde hai que empezar a traballar con entusiasmo, con método, con seriedade e con vocación... os primeiros pasos son fundamentais. Todo o que sementemos aí é colleita segura”.

Comenta que nas aulas é preciso que alumnos/as e profesores, ademais de respecto mutuo, deben coñecerse e sentirse cómplices para motivar o seu interese polo contido do curriculum, criticando a valoración clásica dos resultados acadados polos rapaces e rapazas na escola a través de cualificacións que pouco ou nada significan para eles; Antía “traballaba con eles para abrilos, para posicionalos diante da vida, diante dos valores da vida (valores éticos, de respecto, de solidariedade etc) e máis para prender neles o lume da curiosidade, a capacidade para querer saber, o que significa tamén dotalos das destrezas necesarias para acceder ao coñecemento. Tratábase de darlles os instrumentos básicos para ensarillarse na sociedade”.

Outra das súas teimas educativas foi, xa dende moi nova e en tempos ben difíciles, a do acceso das mulleres á educación en igualdade cos homes e a necesidade imperiosa da coeducación nos centros e nas aulas, pois “ A educación, a cultura, libera os seres humanos, fainos mellores, e facendo mellores os individuos axudamos a que sexa mellor a sociedade: máis xusta, máis harmónica, máis equilibrada, máis humana e habitable. Eses foron sempre os meus principios éticos, sen imposicións, pero con firmeza.” Avoga, do mesmo xeito, pola integración nas aulas de todo tipo de alumnado, independentemente das súas capacidades, aptitudes ou recursos, xa que “os nenos aprenden dos iguais”.

Tamén observa no actual sistema educativo, dunha banda, “a falta de consideración, de atencións e de recursos que seguen a faltar no profesorado. Tamén a falta de autoestima por parte dos profesionais”, ademais dunha excesiva burocratización que conleva “a falta de estímulos cara ao alumnado e a falta de estímulos entre o profesorado” doutra, a escaseza de recursos económicos, primeiro, para financiar na medida pertinente as reformas educativas que unha tras outra adoitan ficar en teoría por falta de orzamentos e, en segundo lugar, para unha axeitada dotación dos centros educativos. Atopei na lectura deste libro non só unha tenra autobiografía, senón un verdadeiro tratado sobre a educación, sucinto pero explícito, que todos os profesionais do ensino deberamos ter como libro de cabeceira. Nel redescubrín aquela Antía Cal e a súa labor pedagóxica da que hai anos tivera noticia lendo unha revista, Cuadernos de Pedagogía, á que estiven moito tempo subscrita. Xa nese momento fiquei sorprendida de que en Galiza e nos anos sesenta puideran consolidar os esforzos e traballos dunha renovadora do ensino da importancia desta pedagoga. Hoxe, a piques de comezar un novo curso, síntome cos azos renovados.

Grazas, Antía Cal, mestra e xa para sempre amiga.


PARA SABER MÁIS:
CAL, Antía
Este camiño que fixemos xuntos.

Vigo: Galaxia, 2006.
251 pp.

- Antía Cal, pedagoga e escritora: "Todo o meu mérito foi ser mestra". Artigo de Xan Carballa.
- Biografía de Antía Cal na Wikipedia

29 de ago. de 2008

A folga de recollida de lixo en España Directo, de TVE

Redacción

Vilalba últimamente é noticia nas cadeas de televisión estatais pola folga do persoal de Urbaser. Hai tres meses tamén saímos a miúdo nos medios, daquela polas obras do CEIP Insua Bermúdez. Penosas estampas que non favorecen precisamente a nosa imaxe de cara ao exterior.



ULTIMA HORA
O Consello Galego de Relacións Laborais mediará na busca dunha solución ao conflito de Urbaser en Vilalba, segundo anunciaron fontes municipais. Está prevista para mañá unha reunión entre empresa e traballadores coa presenza dun mediador do organismo autonómico.

26 de ago. de 2008

Historia do Rock & Roscon (Vol. I)

Miguel Costas estará en Vilalba a noite do 30 de agosto

Mítica actuación de Gwendal na Ventoeira (Arquivo IESCHA)


Carlos Currás

Malia ser unha pequena vila, Vilalba ten dado ilustres músicos, orquestras, comparsas, rondallas, cantantes de taberna, cantamañás e grupos de música folk, rock, mestizaxe, etc. Hai apelidos dos que moi poucos membros se salvan de adicarse á nobre actividade que nos ocupa. Dende os Sputniks -con homónimo mexicano sixtie- ata Diógenes, houbo e hai grupos desde os ‘70, e aumentan cada década por cuestións obvias. E non só son formacións ou bandas, tamén aquí tivemos a posibilidade de asistir a estupendos concertos, Vilalrock, Guadalupe Rock e algún máis que hoxe co paso do tempo se pode afirmar que foi todo un privilexio para os vilalbeses e vilalbesas, como o de Gwendal, Milladoiro ou Radio Océano, este último a piques de non celebrarse por falla de non sei que autorización administrativa, o cal non impediu que uns cantos quedáramos para sempre influenzados polos dos “calcetíns de lá” e marcados por unha indeleble -coma os rotuladores- pegada sonora. Estes últimos grazas á Asociación Cultural “Lois Peña Novo”.

Agora xa no século XXI imos ter a posibilidade de ver en concerto a Glutamato Ye-Yé e a Miguel Costas, a parte máis pop de Siniestro Total. Estes herois dos ’80 foron culpables da emerxencia de grupos vilalbeses, algún dos cales seguen en activo –parabens para Postergel-, máis vale tarde ca nunca. E xa que se recuperan grupos dos ’80, non estaría mal que para as seguintes edicións das festas do roscón, a comisión que teña atribuída as competencias na materia, recuperara tamén grupos dos ’70 ou mesmo dos ’60, e así ata resucitar a Hendrix, nada mal.

Memoria da Chaira enteira



Redacción

Un ano máis, o día oito de setembro, xa de maneira non oficial Día da Chaira, a lembranza do creador literario, xeográfico e antropoloxico do concepto da Terra Chá -o poeta Manuel María- estará presente nos actos que organiza a Asociación Cultural Xermolos, xunto coa Fundación Manuel María.

O día comezará cun xantar de irmandade
ás 14 horas na Casa Rural Reboreda de Abaixo, despois de atravesar o Río Ladra, en Francos 8 (Outeiro de Rei). As 16,30 haberá unha leitura de poemas de Manuel María en Penas das Rodas, ás 18:00 horas pregaria no camposanto de Outeiro de Rei e, para rematar, terá lugar o rito da navalla do Manuel no Campo de Santa Isabel.
Para apuntarse ao xantar (15 euros) ou ter máis información sobre a homenaxe ao poeta chairego, pódese chamar ao teléfono 646 413890.

Tal como eramos

Fotos: O'Riesan

Redacción

Onte, vernes, foi inaugurada a exposición Tal como eramos, que chega á súa 4ª edición. Da man do Instituto de Estudos Chairegos, máis de duas centas fotografías, datadas ao longo de todo o século XX, amosan os cambios nos costumes, no vestiario, no urbanismo, nos oficios e en moitos máis aspectos da vida cotiá dos vilalbeses na centuria pasada.

Manuel Castro, presidente do IESCHA e Bernardo García Cendán, colaborador d'A Voz de Vilalba e profesor de socioloxía, tomaron a palabra para facer un percorrido polas xentes e os días, pola nostalxia dun tempo pasado pero lembrado grazas a este tipo de iniciativas.

Un mozo Ramón Chao diante, supomos, da partitura de O Lago de Como, o Hispano-Suíza de pasaxeiros de Fortunato Quintela, nenos vestidos de chineses, mouras e negritos para unha colecta das misións ou unha arrepiante formación de raparigas falanxistas -daquelas que á noite percorrían a vila berrando: que se descubran los enmascarados!- metendo medo aos vencidos... A historia, en fin.

Hai pouco tempo Chema Felpeto agasallábanos cun estupendo artigo, publicado na edición en papel d'A Voz de Vilalba e tamén neste recuncho dixital: Algo máis ca lembranza. Convidámoslles a revisalo.

Tal como eramos poderase ver ao longo das festas, e un chisquiño máis, na sala de exposicións do Auditorio Municipal.

23 de ago. de 2008

Programación Galibudo 08

Redacción

Coma ven sendo habitual dende hai uns anos, en setembro celébrase de novo en Vilalba a grande convención das artes marciais, a GALIBUDO, da que xa temos anticipado información puntualmente en artigos anteriores (ver).
Como a data xa está á volta da esquiña, ofrécese a continuación a programación do evento en unha ligazón á súa páxina oficial onde se poden atopar máis detalles de tipo práctico (folla de inscripción, etc.).


Picar na imaxe para ler o programa

22 de ago. de 2008

Criado acusa a Urbaser de "folga empresarial"

Iago Castro

Segundo recolle o xornal El Progreso, Xerardo Criado declarou, en relación ao conflito da plantilla vilalbesa de Urbaser que "esta é unha folga empresarial e non dos traballadores", pola que a empresa tenta presionar ao Concello.

A información asinada por Cristina Pérez tamén se fai eco da petición formulada polo alcalde á Subdelegación do Goberno para que prohíba as manifestacións diante do consistorio, que lóxicamente non foi atendida.

Paréceme que ás veces algúns políticos estarían mellor calados. Non é imprescindíbel abir a boca para dedicarse á política, e se non que lles pregunten a varias ducias de deputados e senadores que xamáis dixeron nin pío, e que cobran o mesmo ca os demais.

Neste caso, unha certa precaución sería necesaria. Explícome: A lexislación laboral española prohíbe os paros patronais. O dereito á folga corresponde únicamente aos traballadores. Por tanto, se dende o consistorio hai a máis mínima dúbida sobre quen está detrás do conflito, deberían acudir á fiscalía. Primeiro, por unha grave falta contra o dereito laboral e, segundo, por un incumprimento de contrato evidente por parte da empresa. Tirar a pedra e agachar a man non é maneira de solucionar o problema. Desgrazadamente, parece que esa é unha táctica máis que habitual no número 1 da Praza da Constitución, como vimos vendo nos últimos anos.

O de tratar de sacar as manifestacións de diante do Concello explícase por si mesmo. Lémbrame a certo alcalde de Madrid que propuxo construír un "manifestódromo" para que as múltiples protestas que tiñan lugar no centro da capital do Estado non causaran tantos perxuízos. Iso chámase mexar fora do testo. Precisamente, quen protesta busca a maior repercusión posíbel, e calquera limitación que non estea relacionada coa garantía da orde pública é un atentado contra dereitos básicos consagrados en calquera ordeamento democrático. Ergo: Causan algún problema de orde pública os empregados de Urbaser na porta do Concello? Pois entón, Sr. Criado, estea calado, que vostede nos representa a todos.

E, last but not least, o que se ve é un intento de espallar culpas por todas partes cando hai unha cuestión moi, moi básica: acaso gobernaba outro partido cando se adxudicou o contrato de recollida do lixo? O PSdG talvez? Foi outro partido o que tolerou os reiterados incumprimentos do contrato por parte de Urbaser? O BNG acaso? Quen decidiu que a taxa de recollida de lixo estea por baixo dos custes reais do servizo? O Labour Party de Tony Blair?


21 de ago. de 2008

Vilalba, agosto, 1985

Por César Reis

Vilalba, verán de 1985, hoxe hai vintetrés anos. Nunha ampla dependencia do Concello percíbese un balbordo especial que, sen embargo, non semella producir inquedanza nas forzas sempre alerta da nosa Policía Municipal. Tres rapaces bulen inquedos mentres andan a desempaquetar varias caixas que conteñen un impensable tesouro. Trátase de papeis, abundantes papeis, en realidade xornais, revistas e publicacións de todo tipo. Algunhas delas vindas de diversos lugares de Galicia. Outras, escritas en linguas alleas, moitas delas incomprensibles, obtidas de xeito sorprendente ou casual. Estas proveñen de lugares que seméllanlles tan lonxanos e alleos coma o Reino Unido, Francia, Portugal, os Estados Unidos, Arabia, Marrocos, Bélxica, as (daquela) dúas Alemañas e a, hoxe extinta, URSS. Lugares nos que nunca estiveron, pero senten coma as cores vivas das publicacións, a tersura do papel, a singularidade das ilustracións invitan a soñar con elas, malia non poder descifrar os textos. Mentres tentan ir dispoñendoas nos lugares axeitados, reflexionan en que se trata dun milleiro que abrangue dende o século XIX ata 1985.

O tesouro contido naquelas caixas conformou a I Mostra de Prensa Mundial celebrada en Vilalba entre o 25 de agosto e o 10 de setembro daquel ano de 1985. A Mostra, organizada polos tres rapaces de catorce e quince anos anteditos, foi posible, non só pola provisión de xornais que eles mesmos foran capaces de obter (unha parte non precisamente cativa do alí exposto), senón tamén pola alianza cun dos suscriptores do seu propio e pequeño xornal, aquela publicación dunha ducia de páxinas chamada A Voz de Vilalba. O home en cuestión era o coruñés Xosé Sánchez Domínguez, posuidor dunha ampla hemeroteca propia que non tivo reparo en ceder para a ocasión. Por outra banda, os tres rapaces, xunto co propio Sánchez Domínguez, movilizáronse o xusto coma para obter a colaboración doutros concellos ademais do chairego (que cedeu o local), especialmente o d’ACoruña e o de Betanzos, así como da Xunta de Galicia e de sinalados medios xornalísticos da época: La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Región, El Ideal Gallego, ABC, Ya ou Diario 16.

Xunto cos xornais extranxeiros (hai que recoñecer que algúns deles resultaban no contexto bastante “exóticos”) chamaron grandemente a atención dos visitantes da Mostra publicacións coma a edición facsímil de El censor, xornal de 1883 editado en Betanzos; os Boletíns Oficiais de comezos do século XX, de anos coma 1902, 1918 e 1936; o primeiro número de El País, e todos aqueles outros que tentaban facerse eco dos máis singulares acontecementos acaecidos nun século convulso que non andaba lonxe de rematar: a guerra civil e a posguerra, as guerras mundiais, as revolucións latinoamericanas…, en fin.

Aquela exposición clausurou o dez de setembro cunha conferencia celebrada no Instituto de Bacharelato e que correu a cargo de Lalo Gutiérrez, quen chegaría a ostentalo cargo de deputado do BNG durante oito anos no Parlamento Galego. O texto levaba por título "Cultura e medios de comunicación".

Nesta pequena viaxe ao pasado non podemos amosarlles o contido daquela interesante charla, pero si, tal vez, podamos facer que a ilusión de trasladarnos no tempo sexa completa escoitando algunhas das referencias que se fixeron a aquela Mostra nos medios do país, en concreto as que realizaron, por unha banda no Telexornal a locutora da TVE Tareixa Navaza, e por outra Luis Rial na RTVG. Ninguén dubida hoxe que se trata de dúas das voces, xa entón, máis senlleiras do xornalismo galego e, porén, da nosa memoria auditiva, coma se dicía non hai moito nalgún xornal galego.
ESCOITA OS ARQUIVOS DE AUDIO (podes facelo picando nos nomes dos locutores no párrafo anterior, ou ben nos seguintes enlaces):
cesar.reis.alveiros@gmail.com

Servizos mínimos

Redacción
O persoal de Urbaser en Vilalba iniciou, á fin, a folga prevista logo de pactar coa empresa uns amplos servizos mínimos que inclúen a recollida do lixo na vila tres días á semana e un no medio rural, así como a dedicación dun operario ás labores de limpeza viaria.

Corresponde agora á cidadanía tratar de reducir a xeración de lixo e evitar, na medida do posíbel, depositalo con demasiada antelación nos colectores, aínda que agardamos que os servizos mínimos fixados se cumpran.

20 de ago. de 2008

Manifestación dos traballadores de Urbaser en Vilalba

Imaxe da manifestación desta mañá. Foto ASNL

Redacción

Parece que as negociacións entre os traballadores da recollida do lixo e a empresa Urbaser non chegan a bo porto, mentres se mantén a convocatoria de folga a partires de mañá, día 19. Hoxe ao mediodía os traballadores manifestábanse diante da casa do concello vilalbés para reclamar atención ás súas reivindicacións.

De non chegarse a un acordo nas vindeiras horas, Vilalba sumarase á xa longa lista de poboacións afectadas polos paros na recollida do lixo este verán, xusto ao comezo das festas patronais.


19 de ago. de 2008

Xesús Trastoy: "Gústame reproducir o que vexo"

Moncho Paz
Xesús Trastoy Saavedra (Vilalba, 1941) é un pintor autodidacta e prolífico. Casado e con dous fillos de 21 e 15 anos, foi un deses nenos da posguerra que naceron e medraron na Porta de Cima e sempre xogaron e corretearon preto do Castelo dos Andrade. Pasou o tempo, toda unha vida. E hai case dez anos, coincidindo co remate da súa etapa profesional, Xesús decidiu afondar na súa afección pola pintura.
De formación autodidacta, este home traballador comezou a súa vida laboral no mundo da construcción, que interrumpiu para cumprir coas obrigas militares. Tras deixar atrais eses anos, plantexouse ingresar en Telefónica no ano 1966, “por oposición, xa que daquela era unha compañía estatal”, lembra coma se o tempo non contase.
Cada vez que tiña que viaxar por motivos profesionais, Trastoy preocupábase de localizar as mostras de pintura que permañecían abertas nas distintas cidades que visitaba. Daquela época conserva a súa predilección polos clásicos, especialmente Goya e Zurbarán. Máis de trinta anos despóis -en 1999- acadaba a prexubilación en Telefónica. E a pintura foi para el neses intres “unha válvula de escape, un entretenimento e unha motivación”, asegura hoxe.
No ano do 25 aniversario de A Voz de Vilalba e co gallo das festas de San Ramón 2008, queremos facerlle esta particular homenaxe. Por iso convidámoslles a que visiten esta mostra virtual sobre a obra de Xesús Trastoy, onde se poden identificar distintos estados de ánimo e distintos motivos, todos eles tratados con lucidez e rigor. Namorado das paisaxes da Chaira, sabe captar ben as expresións humanas.
Os que o coñecen din que Xesús é un bo exemplo de persoa sinxela e con principios. Dende logo é un home constante que consigue mellorar a súa obra cos anos e ademais, ese feito lle permite seguir medrando tamén como persoa, aprendendo a ser mellor cada día que pasa. Grazas, amigo Trastoy.

_________________
Fotos de PAULO NASEIRO

17 de ago. de 2008

Fozando na (des)memoria: Nevado de Bouza

Nevado Bouza, Novo Cazón e Pita da Veiga, "honrados" no rueiro vilalbés

Paulo Naseiro

Hai poucos días un amigo gabábase de que, moito antes de aprobada a Lei da Memoria Histórica, Vilalba tiña sacado do seu rueiro aos protagonistas do golpe do 36 e da consecuente Guerra Civil. Lembráballe eu que aínda quedan moitos nomes do pasado, como ben demostraron os lectores d'A Voz de Vilalba hai pouco tempo, e a súa réplica deixoume insatisfeito: "eses xa ninguén lembra quen foron", dixo.

É un bo exercicio de desmemoria. A eses deixámolos en porque ninguén sabe quen son. Pero se cadra non é tan doado. As novas xeracións a penas saben quen era Franco, o que representou, nun ou outro senso, para millóns de persoas, pero iso non é escusa para manterlle honras e privilexios. Tampouco a moitos dos aínda homenaxeados nas rúas vilalbesas, que tanto contribuíron á matanza civil e á longa noite de pedra da ditadura. Quizais certa dereita debera empezar a pór terra por medio dos fantasmas que aínda se lles aparecen de cando en cando nos seus pesadelos, librarse dun pasado tan remoto como o que representa Fernando VII, por exemplo, e asumir dunha vez que a historia non é duns ou doutros, senón de todos.

Para remediar a desmemoria, nada mellor que tirar da historia dun deses personaxes que enseñorean as rúas vilalbesas: Óscar Nevado de Bouza.

O 20 de xullo de 1936 n'A Coruña alarman as novas chegadas de diversos puntos do Estado sobre un levantamento militar. O Xeneral Caridad Pita, gobernador militar e fiel ao goberno lexítimo, convence ao Capitán Xeneral Salcedo da necesidade de arrestar aos subordinados máis dubidosos. Pero o cazador é cazado, e un grupo de oficiais comandado polo Coronel Pablo Martín Alonso e formado, entre outros polo Coronel Enrique Cánovas Lacruz, o Tenente Coronel Luís Tovar Figueras e o Teniente Coronel Oscar Nevado Bouza, prenden aos dous superiores e declaran o estado de guerra.

Tropas alzadas n'A Coruña logo da declaración do estado de guerra

Ao longo de varios días, e pese á oposición armada de grupos leais á República, columnas de mineiros de Lousame e Viveiro e milicianos de Cambre, Mesía e Calo, os rebeldes fanse co control dos puntos vitais da cidade, e convértena, xunto con Ferrol, nunha das conquistas máis importantes dos sublevados. Pouco despois, os xenerais Salcedo e Caridad Pita serían fusilados como "premio" á súa lealdade ao goberno lexítimo.

Nevado obtén, como recompensa, o mando do Rexemento Zamora Nº 29 en marzo de 1937, coa habilitación de coronel. Esta unidade, integrada no Corpo de Exército de Galiza, interveu en case todas as operacións clave ao longo dos tres anos de conflito, perecendo moitos dos seus compoñentes -a maioría recrutas forzosos das provincias d'A Coruña e Lugo- en accións de guerra e algúns, tráxicamente, no afundimento do buque Castillo Olite (ver o interesante artigo publicado neste xornal).

Coa fin da guerra, máis premios veñen recoñecer a traizón -non outra cousa fai o militar que se alza contra un xuramento de honra-, nada menos que como académico non numerario da Real Academia Galega -por méritos de guerra, supomos- nunha época, os anos corenta, certamente negros para a máis importante das nosas institucións culturais. Por toda obra literaria, Óscar Nevado edita en 1940 Estados de alma, obra que nos abstemos de calificar. Vexan:
Primavera;
fresca risa, pimpante y cascabelera,
labios que a besar invitan,
gratos sueños que incitan
al amor
¡Es primavera!

Non sei que opinarían os que entón eran represaliados nas cadeas e os campos de concentración franquistas, os que daban o último alento fronte a un pelotón de execución, os que pasaban fame e miseria... ¡Es primavera!

O libro en cuestión

O 2 de xaneiro de 1942, xa retirado, obtén o emprego de Xeneral de brigada honorífico, e o 17 de maio de 1943 concédenlle, non por méritos literarios, senón bélicos, a Grande Cruz da Real e Militar Orde de San Hermenexildo.

Non será xa tempo de remover a este escuro e gris persoeiro da nosa lembranza cidadá? Estamos, por se alguén non se decatou, en 2008. Cumpriría que algún dos nosos 17 munícipes tratara de sacar adiante a iniciativa. E se non se lles ocorre unha nova denominación para esta rúa que está tan perto do salón de sesións do Concello, aí vai unha proposta: Poeta Manuel María.

16 de ago. de 2008

XVI Encontros na Terra Cha: Antón Santamarina

Redacción

Os Encontros na Terra Cha que dende hai dezaseis anos ven organizando a Asociación Cultural Xermolos, homenaxean este ano a Antón Santamaría.

Fillo de militar, naceu en Melilla en 1928, trasladándose Á Coruña en 1933. O seu pai permanece en prisión entre 1936 e 1940, por non adherirse á rebelión contra a República. Este feito, e a represión política posterior, contribúen á súa emigración á Arxentina, en 1953. Na quinta provincia foi cofundador e primeiro presidente das Mocidades Galeguistas no exilio, xunto con Antón Moreda e Xosé Neira Vilas. Tamén presidíu o Centro Provincial Coruñés e o Ateneo Curros Enríquez, da Federación de Sociedades Galegas. Profesor de galego no Centro Galego de Bs. As., articulista en diversos xornais e revistas, foi, como o calificou Méndez Ferrín, un dos iniciadores da poesía socialrealista en galego.

Os Encontros celebraranse o vindeiro 5 de setembro, venres. Ás dúas da tarde terá lugar un xantar de irmandade no Hostal A Casilla. Ás catro e media, na Casa das Palabras de Guitiríz, Mini e Mero ofrecerán un Concerto sobre a Memoria, e a continuación terá lugar unha táboa redonda coa intervención de Xavier Alcalá, Xosé Martínez Romero, Antón Moreda, Avelino Pousa Antelo e Pilar Xeremías.

Para máis información, no teléfono 646 413 890.

Pataca de Galicia incrementa a súa comercialización nun 15 por cento


Redacción


A pasada campaña 2007/2008 da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia supuxo un incremento do 15% na súa comercialización con respecto ao pasado ano, cando xa se acadara un aumento na distribución, incidindo deste modo no bo momento que está a vivir este produto galego de calidade.


O volume de produción nesta campaña foi de 7.200.000 quilogramos de tubérculos en Galicia, un millón máis que no ano anterior, a pesar do estancamento que sufriu a comercialización deste produto a nivel estatal e internacional.


A pataca amparada baixo a IXP Pataca de Galicia vive un bo momento, xa que, ademais de posuír cifras de produción que aumentan cada tempada, o óptimo almacenamento dos tubérculos no último ano conseguiu aumentar en dous meses a súa permanencia no mercado, co que amplía a duración da tempada que posibilita que o produto poida adquirirse durante todo o ano, coa redución da súa estacionalidade ao proporcionar un abastecemento continuado nos puntos de venda.

11 de ago. de 2008

As Donicelas na XVIII Romaría Labrega d´Os Vilares



Redacción


A Asociación de Veciños d´Os Vilares, en Guitiríz, ven organizando dende hai case dúas décadas todo un clásico das festas de verán na Chaira, a Romaría Labrega. Merendas, xogos populares, música tradicional, o sorteo dun poldro e unha xata compoñen, entre outras actividades, un programa popular e participativo que conta cada vez con máis participantes.

A actuación principal deste ano correu a cargo do grupo Donicelas. Estas seis mozas de Salceda de Caselas veñen definindo un estilo propio dentro da música tradicional dende que, a comezos dos anos noventa, comezaran a "engancharse" á música vocal popular. Logo de senllas colaboracións con Treixadura e Na Lúa, estas voces claras e bulideiras, xa claramente definidas por moitos anos de traballo, editaron no 2005 o seu primeiro disco, Que nunca foi abalada, no que destaca, entre outros, o tema As nove ondas, no que participa como convidado o cantor Tino Baz.

10 de ago. de 2008

Distinción do Grupo Correo Gallego a Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro

Manuel París

O escritor chairego Xesús Rábade Paredes (Seixas, Cospeito, 1949) e a súa dona Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) foron elexidos “Galegos do mes de xullo" polo Grupo Correo Gallego, unha distinción que provén da decisión unánime das redacións de El Correo Gallego, Galicia Hoxe, Correo TV, Radio Obradoiro e Tierras de Santiago.

Esta decición baséase no inestimábel legado de verbas e pensamentos que veñen achegando ás letras galegas nas últimas décadas, que ergue o seu testemuño sobre as principais pólas da creación literaria: a poesía, a narrativa, o ensaio, a tradución e o xornalismo. Asemade, cómpre destacar a súa fructífera carreira literaria -sempre presidida polo compromiso coa lingua galega e cos sinais de identidade deste país-, así como o labor dinamizador da vida cultural exercido por ambos ao fío do seu labor pedagóxico.

Catedrático de Lingua e Literatura no IES Rosalía de Castro de Santiago, Xesús Rábade ten asinado unha importante obra individual na que destacan títulos como Matria de sombra (1987); Poldros de Música (Premio Esquío de Poesía, 1993) ou Os dedos dos loureiros (Accésit do Premio González Garcés, 2000). No eido narrativo A terra prometida (1975), Branca de Loboso (1991, Premio Álvaro Cunqueiro) ou Mentres a herba medra (2008, Premio Blanco Amor). Como ensaísta, Rábade ten analizado a literatura galega do século XX, con especial dedicación ás figuras de Neira Vilas, Álvaro Cunqueiro, Manuel Murguía, Ramón Cabanillas ou Eduardo Blanco Amor. Como tradutor conta cunha versión inédita de O estrano de Albert Camus; Los oscuros sueños de Clío, de Carlos Casares, na editorial Alfaguara; ou a Mazurca para dous mortos, de Camilo José Cela, nunha edición da Xunta de Galicia.

Canda Helena Villar é autor das traducións da poética de Rosalía de Castro, en escolma, e de títulos fundamentais da autora como Follas Novas. De 1980, e coa sinatura conxunta da parella, hai dous títulos destinados a integrar o canon literario galego do século XX. O libro de versos O sangue na paisaxe e a novela Morrer en Vilaquinte. Outra volta xuntos, os dous autores teñen cifrado os seus esforzos creativos na literatura para nenos, na que sobrancean títulos como Símbolos de Galicia (1979), unha achega pioneira; Contos de nós e da xente (1983), O libro de María (1984), e Dona e Don (2004).


De entre os traballos individuais de Helena Villar cómpre lembrar, en poesía, Rosalía no espello (1985); Festas do Corpo (1994); Nas hedras de Clepsidra (1999); Álbum de fotos (1999) e Pálpebra azul (2003). Na narrativa é autora de O enterro da galiña de Domitila Rois (1991) e A tarde das maletas (1992). Profesora xubilada do IES Arcebispo Xelmírez, Helena Villar é autora dunha importante produción literaria no eido das letras infantís, con títulos como Viaxe a Illa Redonda (1986), Patapau (1989); O avó de Pipa (1991); Contos do paxaro azul (1994); Na praia dos lagartos (2004); Rosalía (2006); e O souto do anano (2007), entre outras. Como ensaísta hai que lembrar Delas (1999), Paseos literarios (2000) e Feminino Plural, publicado por Editorial Compostela en 2003.

Nomeado este ano Chairego de 2008
En 2005 Xesús Rábade foi o protagonista dos XV Encontros na Terra Chá, promovidos pola Asociación Xermolos de Guitiriz e a Fundación Manuel María. En 2008 foi nomeado Chairego do Ano, publicando a Fundación Manuel María o libro Labras do oficio. Xesús Rábade Paredes ante 33 miradas.

8 de ago. de 2008

Algo cheira a podre...

Paulo Naseiro

É unha desas frases tópicas, como o ser ou non ser, que saen da obra maxistral do mestre de Stratford-Upon-Avon. As dúas veñen do Hamlet. Desculpen a estraña asociación, pero é o primeiro que me ven á cabeza ao ler que os traballadores do servizo de recollida do lixo de Vilalba convocan folga para a segunda quincena de agosto, isto é, polas festas. É a mesma táctica seguida noutras poboacións galegas en plena tempada estival e/ou festeira -Monforte, Nigrán, Baiona-, momento no que as toneladas de lixo espalladas polas rúas, unidas á calor canicular e á presenza de turistas foráneos, converten en insoportábel e intolerábel a presión exercida polos traballadores do lixo.

A secuencia é simple: calquera mellora salarial neste servizo, sempre unha contrata municipal, precisa dun incremento dos custes a cargo do concello, isto é, de todos. As autoridades concellís, presionadas polo cabreo dos veciños e a alerta sanitaria, acaban por obrigar ás empresas concesionarias a negociar o que sexa, o que aceptan encantadas sempre que se renegocie a un tempo o importe que reciben pola prestación do servizo.

Á fin, os traballadores gañan, as empresas gañan e os paganos perdemos. Por iso, coido que toca falar de todos. A recollida de lixo é un traballo penoso e sacrificado que se debe compensar cun salario máis ca digno. Nisto estou totalmente dacordo. Descoñezo se o persoal de Urbaser en Vilalba está ben retribuído ou non.

O que non sei é se este momento de crise é o idóneo para reivindicar unha suba do IPC máis un 2%, catro pagas extras ao ano e a percepción da totalidade do salario en caso de incapacidade temporal. Máis aínda, cando a maioría dos que fan uso e pagan o servizo non poden nin soñar cunhas condicións salariais semellantes, pero rematarán por sufrilo no recibo do lixo, xunto coas subas dos produtos alimentarios, das hipotecas, dos combustíbeis, etc., etc... Por outra banda, Urbaser leva demostrado unha cousa dende que acadou a concesión do servizo vilalbés: non lles peta cumprir as condicións do contrato. Só se preocupan por aumentar o prezo sempre que poden a cambio de nada, ou prácticamente nada.

Eu, cando menos, non vexo demasiada mellora dende aquelas épocas lonxanas nas que o concello era o prestador do servizo. Non incorporaron a maquinaria prometida na oferta da contrata, non teñen aínda a nave que deberían habilitar para que os camións non apesten aparcados todo o día en plena rúa, non fan recollida selectiva, mofándose así dos que nos esforzamos por separar o lixo na casa, a limpeza dos contedores é prácticamente inexistente...

E por último, o Concello. Non sei a que agardan para rescindir o contrato, xa que non son capaces de facelo cumprir. Agora teñen ocasión, cando unha posíbel folga pode comprometer a salubridade pública. E teñen, diante de todo, a obriga de establecer e facer cumprir os servizos mínimos esenciais. Teño a experiencia da folga anterior, dende a perspectiva de responsábel dunha entidade que, pola súa actividade produtiva, xeraba un importante volume de lixo altamente perigoso. Despois de varios días, os propios traballadores acabamos levando os contedores ao verquedoiro municipal antes de que as autoridades sanitarias nos obrigaran a evacuar os usuarios. Se, finalmente, o conflito non se resolve e todo chega a cheirar a podre en Vilalba -perdón, mestre Shakespeare-, os responsábeis finais estarán no número 1 da Praza da Constitución. Que non nos despisten.

7 de ago. de 2008

Xornada de formación de avaliadores do CELGA en Compostela

Redacción

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta organiza, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, unha nova edición das Xornadas de Formación de Avaliadores do Certificado en Lingua Galega (CELGA), que se vai desenvolver os días 7 e 8 de agosto na capital de Galicia. Neste caso, a convocatoria vai dirixida unicamente a lectores que xa están en activo ou que se van incorporar a partir de setembro aos centros de estudos que conforman a rede de proxección exterior da lingua e da cultura galegas. Nestas xornadas participan un total de 17 persoas.

As instalacións da Facultade de Química do campus de Santiago acollerán durante o xoves e o venres a celebración desta iniciativa de carácter formativo. As sesións, tanto de carácter teórico como práctico, levaranse a cabo en horario de 9,30 a 13,30 horas.

O encargado de impartir esta nova edición das Xornadas de Formación de Avaliadores do CELGA é o profesor universitario e investigador Xaquín Núñez Sabarís -na fotografía- que ademais foi un dos tertulianos habituais do espazo de opinión Xanela Aberta, dirixido por Moncho Paz. Este docente forma parte, en calidade de colaborador, do proxecto de investigación denominado “Avaliación e aprendizaxe de galego”, que impulsa o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O principal obxectivo desta actividade é que os lectores que participan nela adquiran os coñecementos necesarios para converterse en avaliadores ou examinadores do CELGA, un novo sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas, que se divide en cinco niveis e que substituíu aos antigos certificados de iniciación e perfeccionamento. Estas xornadas de formación de avaliadores do CELGA, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración con Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela, celébranse varias veces ao ano, aínda que nesta ocasión a convocatoria se circunscribe exclusivamente a lectores de galego.

6 de ago. de 2008

O Pavillón de Galicia na Expo, un dos máis visitados

Iceberg de grande tamaño sobre as augas do Ebro (Foto AVV)

Redacción


O Pavillón galego, promovido pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Consellería de Innovación e Industria, está a ser un dos máis visitados da Exposición Internacional. De feito conta, ata o día de hoxe, cunha media de máis de 10.000 visitantes por día. Unha familia de catro membros, oriúnda de Zaragoza pero que reside en Valencia, converteuse no visitante 500.000 do Pavillón de Galicia en Expo de Zaragoza.

O Pavillón galego conta cunha pantalla xigante integrada por 3.000 mostras de auga e, ademais, a banda sonora do Aquófono e os cómodos sofás espallados por todo recinto, están a captar fondamente a atención e o interese de miles dos visitantes. O sábado día 12 de xullo (data de inicio da Semana de Galicia na Expo) foi o recinto máis visitado dos 140 que integran a mostra. Recibiu 26.380 visitas, por diante do Pavillón de América Latina (con 19.259 visitas) e a Torre da Auga (18.458).

O sábado seguinte -19 de xullo- volveu ser o máis visitado da Expo, con 23.139 persoas, por diante da Torre da Auga (21.045). E durante todos os días que durou a Semana de Galicia (12 ao 18 de xullo), a Fin de Semana do Termalismo Galego (19 e 20 de xullo), e a Semana dos Nenos (21 a 27 de xullo) mantívose sempre entre os dez pavillóns máis visitados. Segundo as opinións dos visitantes á mostra internacional, outra das grandes atraccións do evento foi o grande iceberg preparado para a cerimonia inaugural da Expo e que A Voz de Vilalba tivo oportunidade de visitar o pasado 29 de maio, poucos días antes do acto oficial e no marco dos actos programados na Semana da Prensa (24 ao 30 de maio).

5 de ago. de 2008

Iniciativa de Patrimonio para potenciar o valor dos conxuntos históricos

Continúan as escavacións no castelo de Moeche

Redacción


A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia achegou 18.000 euros ao Concello de Moeche, na Coruña, para proseguir cos traballos arqueolóxicos no foxo do castelo. As escavacións, que entran xa na súa terceira fase, queren descubrir a forma e dimensións do foxo e do sistema defensivo da fortificación. Esta intervención forma parte dun conxunto de obras de restauración e rehabilitación emprendidas no castelo en 2007 e que teñen por obxecto a valoración do conxunto patrimonial na súa totalidade e a posibilidade de aprezar o interesante deseño construtivo desta fortaleza baixomedieval. Este complexo arquitectónico, construído no século XIV, foi un dos escenarios principais das revoltas irmandiñas e anualmente é escenario da conmemoración destas na terceira semana de agosto no Festival Irmandiño.

Implicando aos concellos
Un dos obxectivos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural é involucrar as entidades locais na preservación da riqueza arqueolóxica do país. Calcúlase que hai uns 15.000 xacementos arqueolóxicos dispersos pola nosa xeografía, dos que uns 200 están en condicións de recibir visitas. Mediante unha serie de convenios con diversos concellos, Patrimonio quere potenciar o coidado e a posta en valor dos nosos conxuntos históricos, que unha vez acondicionados e abertos ao público poderían integrarse na Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico. Sería convinte que o Concello de Vilalba amosase interese por esta iniciativa, tendo en conta o valor do patrimonio existente na comarca chairega.

4 de ago. de 2008

Pardiñas 2008




Redacción

O Festival de Pardiñas chegou á súa 29ª edición, da man incansábel da Asociación Xermolos e de Afonso Blanco Torrado, alma mater de tantas iniciativas culturais.

As actividades comezaron o venres da man do grupo teatral Volta e Dálle, que representou a obra Pan. Onte sábado disfrutamos das actuacións de Clan Maragato, Manecas Costa, de Guiné Bissau, Sherpah de Cataluña e Zenzar.

Para hoxe, ás 6 da tarde teremos o pregón a cargo de David Otero, e as actuacións de Tiruleque, Mare Nostrum, de Portugal e Les Trumpettes du Mozambique, de Francia.

E, como sempre, a Mostra de Artesanía, a de artesáns de música tradicional, acampada, bó xantar e o ambiente de festa que xa é unha da constantes do verán chairego na fermosa paraxe do balneario de Pardiñas.

3 de ago. de 2008

Superamos as 10.000 visitas



Redacción

Dende que a finais de febreiro deste ano comezara a súa andaina virtual, avozdevilalba.com acaba de superar as dez mil visitas, o que dá idea de que se está a converter nese foro que, aos poucos vai reunindo aos internautas da bisbarra.

Este éxito, para un medio de vocación local, non sería posíbel sen os colaboradores que van verquendo o seu bo facer día a día, permitindo que vaiamos xa polas 125 entradas, case unha diaria.

Animamos a todo o mundo a sumarse ao proxecto: a todos os que teñan algo que dicir, aos que organizan as múltiplas actividades sociais ou culturais de interese que están a proliferar, para ben da Terra Cha.

Moitas grazas aos lectores d´avozdevilalba.com polo apoio que están amosando a este xornal ao servizo do pobo.