Polos arredores de Vilalba


Xulio Xiz

Cada vez que paso de Vilalba, que paso de largo, paréceme que cometo unha inxustiza.

Este domingo, vindo da costa de Lugo, seguín pola circunvalación a partir das inmediacións do Polígono industrial para sair á estrada de Lugo á altura da Ponte Favilus, evitando pasar polo centro vilalbés. Faigo esto cando teño presa porque, normalmente, non me resisto a pasar e ver polo centro vilalbés, alomenos para ter unha inmersión momentánea no ambiente do centro do pobo.

Esto deume ocasión de pensar de novo o que normalmente perden os pobos coas estradas de circunvalación. Perdas en canto a compras por parte dos comercios, perdas en canto ambiente, e perdas especialmente en cando a consideración, porque a mesma presencia, a mesma contemplación, danlle vida ós pobos e proporcionan mellor coñecemento.

Pero suponse que todo está calculado e o que se perde en contacto directo gáñase en tempo de viaxes, en mellor circulación na capital, en seguridade no tráfico e nos aparcamentos.

Vindo pola estrada da costa, chamoume a atención o coidado que por toda esa zona se está tendo coas vivendas rurais, moitas delas restauradas de xeito que se poñen en valor construccións, habitadas ou non, que doutro xeito estarían infravaloradas e infraconsideradas.

E na maioría das casas, nos terreos inmediatos, xardíns moi coidados, con árbores, frores, de xeito que o panorama ten mellorado sustancialmente nos últimos anos.
É ben sabido que en tempos era totalmente imposible que no rural as xentes se preocupasen polas cuestións estéticas porque bastante tiñan co “primun vivere” de todos os días. Hoxe, as condicións do rural cambiaron tan radicalmente como no urbano, e sexan primeiras ou segundas vivendas os seus habitantes poden permitirse o que pode parecer un luxo, pero é simplemente desexo de vivir mellor.

Xardíns diante, ó lado ou detrás das casas, por Corbelle, Martiñán, As Touzas ou Goiriz, chaman a atención para ben. Que o tema prolifere e casas que aínda quedan abandoadas sexan rescatadas para a vida ou para sacalas ó comercio. O cuidado exterior das casas e das parroquias é moito máis ca unha cuestión estética. Ten importancia económica e social. Ten moito que ver coa consideración propia e das zonas onde vivimos. Revalorizando esas zonas revalorizámonos nós mesmos. E eso é moi importante.

Finalmente, e seguindo a observar o contorno rural, tamén me chamamaron a atención os inmensos maizais que hai por toda a comarca.

Eu tiña a impresión hai poucos anos que o maiz era un cultivo en extinción, xa fose pola súa escasa utilización, xa polo traballo que comportaba. Pero dun tempo a esta parte houbo unha campaña de promoción do maiz, de plantacións cada vez máis importes, roturación de fincas para facelas utilizables e, no caso de quen non teña terras en propiedades, alugamento temporal de fincas para facer plantacións de maiz e logo utilizar este como alimento do gando estabulado que non sae ó exterior.

A paisaxe da nosa terra evoluciona. Os xardíns por un lado, as plantacións do maiz por outro. E a ampliación da estrada entre Vilalba e Rábade, como elemento que chama a atención.
En fin, que viaxar sempre é interesante para ver cousas novas. Neste caso, polos contornos vilalbeses que melloran para ben.
Imprimir

30 de set. de 2008

"Santiago de Sangue" competirá na sección oficial de Sitges

Redacción

O vindeiro 11 de outubro terá lugar a estrea da curtametraxe Santiago de Sangue, producido por Perro Verde Films, no marco do Festival de Sitges. A obra foi seleccionada para formar parte da Sección Oficial a competición do festival, elixida de entre as mellores curtametraxes internacionais de xénero fantástico. Rodada en Santiago de Compostela neste ano cunha subvención da Consellería de Cultura e Deporte, a curtametraxe de terror Santiago de Sangue foi dirixido por Francisco Calvelo, está protagonizado por Eloy Azorín e producido por Perro Verde Films.

A historia de Santiago de Sangue narra como Gabriel (Eloy Azorín), un vampiro prisioneiro na cidade, comete torturas e asasinatos sen nengún reparo ata que coñece a unha fermosa moza chamada Eva, da que se namora. Misterio, terror, romance e fantasía son os ingredientes desta curtametraxe que tamén se poderá ver no Festival de Cine Internacional de Ourense, comezando así a súa andaina por festivais que agardamos sexa en grao sumo exitoso.

Imaxes e trailers aquí: http://www.santiagodesangre.com/

O Foro Hispano-Xaponés celebrase por primeira vez en Galicia os días 3 e 4 de outubro


Redacción

Santiago de Compostela acollerá esta semana a celebración do XI Foro Hispano-Xaponés. Esta é a primeira vez que este foro -fundado en 1997 co obxectivo de fomentar a colaboración entre o Estado español e o país nipón- se desenvolve en Galicia. Así, os días 3 e 4 de outubro celebraranse en Compostela diferentes sesións de traballo nas que participarán destacados persoeiros da clase empresarial, política, cultural e científica, entre outras, de España e de Xapón, cun especial protagonismo para Galicia.

Así, o departamento que dirixe Julio Fernández Mato pretende aproveitar este foro para proxectar unha imaxe de Galicia máis aberta e heteroxénea no eido cultural, turístico e empresarial co fin de abrir escenarios de intercambio e de diálogo entre Galicia e Xapón.

Prevese que arredor dun cento de persoas participen nas diferentes sesións de traballo que se centrarán en abordar, por este orde, Intercambios académicos bilaterais: análises e perspectivas; A innovación científica como motor de desenvolvemento entre España e Xapón; Arquitectura e deseño: elementos de diálogo entre España e Xapón; e As relacións comerciais entre España e Xapón: sectores de oportunidade.

Diferentes administracións implicadas

Na posta en marcha da XI edición do Foro Hispano-Xaponés está a colaborar a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores da Xunta. O Foro, promovido polo Goberno Central, a través do Ministerio de Asuntos Exteriores, pola Embaixada de Xapón en España e pola Fundación España-Xapón conta tamén coa colaboración en Galicia doutros departamentos do Goberno autonómico como a Consellería de Economía e Facenda ou a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Paralelamente, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago tamén colaboran na iniciativa.

O Foro acada neste ano 2008 a súa undécima edición. Desde 1997, vense celebrando alternativamente en cidades de España e de Xapón e a última edición desenvolvida ata o momento tivo lugar en Nagasaki en 2007. Alí, os asuntos abordados tiveron como eixes o eido do turismo, o medio ambiente e o sector pesqueiro.

Clausura

A delegación xaponesa estará encabezada polo embaixador de Xapón en España, Motohide Yoshikawa, e polo presidente da Comisión de Reforma Constitucional de Xapón e ex ministro de Asuntos Exteriores do país, Taro Nakayama. Na inauguración participarán, ademais, o secretario de Estado de Asuntos Exteriores, Ángel Lossada Torres-Quevedo e o presidente español do Foro Hispano-Xaponés, Antonio Garrigues Walker. Por outra banda, prevese que o foro sexa clausurado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e polo ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos.

Importante presenza galega no Mipcom e Mipcom Junior 2008


Redacción

Os mercados da animación -MIPCOM JUNIOR- e o da televisión e multimedia –MIPCOM- máis importantes internacionalmente terán este ano como convidado de honra ao Estado español. Isto vai supor que ao longo de oito días -do 11 ao 17 de outubro- a meirande parte das actividades destes mercados vanse centrar na industria audiovisual das distintas Comunidades Autónomas.

Estes dous mercados reúnen a un considerable número de profesionais do sector procedentes de todo o mundo. De feito, na pasada edición do MIPCOM JUNIOR houbo 820 participantes, 515 empresas inscritas, procedentes de 54 países, 465 compradores e 918 proxectos inscritos, ademais de 45.747 proxeccións. No caso do MIPCOM, o número de empresas expositoras foi de 1.800, procedentes de 105 países e os participantes acreditados foron 13.371.

Este ano agárdase un contexto similar ou mellor e o Consorcio Audiovisual de Galicia, baixo a marca Galicia Film Commission e en colaboración co ICEX, FAPAE e o resto de institucións autonómicas de promoción audiovisual (Basque Audiovisual, Catalan Films & TV, Comunidad Región de Murcia, Extenda e PromoMadrid) instalarán un stand-paraugas (R.35.16) no mellor espazo do Palais de Congrés de Cannes, o Riviera Hall.

Nesta ocasión, este stand-paraugas contará cunha destacada presenza de empresas galegas: Adivina Producciones, Continental Producciones, CTV, Dygra, Ficción Producciones, Filmanova, Filmax Animation, Grupo Femxa, Interacción, Isabella, OQO Editora, Perro Verde Films, TVG, Voz Audiovisual, Xamalú Filmes e Zenit Televisión. Todas estas empresas terán á súa disposición o stand habilitado para manter reunións con diferentes distribuidoras, canles de televisión, produtores, axentes de venda, etc. ademais de distribuír o seu material de promoción para dar a coñecer os seus produtos.

Por outra banda, van ter a posibilidade de asistir ás variadas conferencias que se celebrarán durante o mercado. Ademais de coñecer ás tendencias actuais e futuras do mercado televisivo e multimedia.-MIPCOM Junior- e o da televisión e multimedia –MIPCOM- máis importantes internacionalmente van ter como país de honra a España. Isto vai supor que ao longo de oito días, do 11 ao 17 de outubro, a maior parte das actividades destes mercados vanse centrar na industria audiovisual española.

Estes dous mercados reúnen a un considerable número de profesionais do sector procedentes de todo o mundo. De feito, na pasada edición do MIPCOM JUNIOR houbo 820 participantes, 515 empresas inscritas, procedentes de 54 países, 465 compradores e 918 proxectos inscritos, ademais de 45.747 proxeccións. No caso do MIPCOM, o número de empresas expositoras foi de 1.800, procedentes de 105 países e os participantes acreditados foron 13.371.

Este ano agárdase un contexto similar ou mellor e o Consorcio Audiovisual de Galicia, baixo a marca Galicia Film Commission e en colaboración co ICEX, FAPAE e o resto de institucións autonómicas de promoción audiovisual (Basque Audiovisual, Catalan Films & TV, Comunidad Región de Murcia, Extenda e PromoMadrid) instalarán un stand-paraugas (R.35.16) no mellor espazo do Palais de Congrés de Cannes, o Riviera Hall.

Nesta ocasión, este stand-paraugas contará cunha destacada presenza de empresas galegas: Adivina Producciones, Continental Producciones, CTV, Dygra, Ficción Producciones, Filmanova, Filmax Animation, Grupo Femxa, Interacción, Isabella, OQO Editora, Perro Verde Films, TVG, Voz Audiovisual, Xamalú Filmes e Zenit Televisión.

Todas estas empresas terán á súa disposición o stand habilitado para manter reunións con diferentes distribuidoras, canles de televisión, produtores, axentes de venda, etc. ademais de distribuír o seu material de promoción para dar a coñecer os seus produtos. Por outra banda, van ter a posibilidade de asistir ás variadas conferencias que se celebrarán durante o mercado. Ademais de coñecer ás tendencias actuais e futuras do mercado televisivo e multimedia.

29 de set. de 2008

Inaugúrase en Vigo a mostra “25 anos de cultura galega”


Redacción

A mostra “25 anos de cultura galega. Unha cultura para un novo século” será inaugurada o vindeiro mércores 1 de octubro ás 20 horas nas salas do Centro Social Caixanova, en Vigo. Pretende dar a coñecer a importancia que para o desenvolvemento da cultura de Galicia tivo a consecución da autonomía en 1981 e subliña a imaxe de Galicia como referente cultural no mundo, xeradora de ideas e proxectos e asimiladora de culturas. Poderá contemplarse ata o 30 de novembro.

O Consello da Cultura Galega completa con esta exposición, que terá carácter itinerante, o programa de actividades e iniciativas que ao longo deste ano levou a cabo para conmemorar o seus primeiros 25 anos (1983-2008).

Cartas a Antón


Bernardo García Cendán

Meu benquerido Antón:

Por fin din contigo despois de dúas semanas a te buscar. Supoño que me deixarás dicir aos nosos amigos desta emisora a principal razón do teu retiro da vida pública ao longo de tanto tempo. Xa sei que non che gusta que fale disto, pero podo explicalo en dúas liñas, sen entrar en detalles. Deste xeito: uns amigos teus fixeron unha falcatruada para lograr un posto de traballo ao que aspiraba outra persoa con igual dereito. Ti, nunha conversa con outros amigos, recoñeciches que non estivo ben, pero trataches de comprender a súa acción, tendo en conta os restos caciquís que aínda quedan entre nós; pero agora resulta que os autores da irregularidade deixaron de falarche facéndoche unha declaración implícita de inimizade perpetua. E xa está, que lle has facer. Agora esquéceo, e xa verás que co tempo todo ha volver ao rego. Recupera, pois, sorriso e ironía.

E pasamos a outra cousa máis agradable. Onte, cando por fin nos atopamos, dixéchesme que acabas de ler n'A Voz de Vilalba unha narración moi bonita do noso común amigo Agustín Fernández Paz na que contaba o seu descubrimento do mar en Foz, da mao de seu pai, cando era un neno de oito anos. Ti comentábasme que tiveches que aguantar ata os trinta para facer ese mesmo descubrimento. Todo o máis parecido ao mar que tiñas na mente era a longura da nosa Chaira ou a das terras de Castela cando ías á sega. E xa me tiñas contado aquela anécdota do Pedriño que, mentres contemplábades o verdadeiro mar, tamén en Foz, el non deixaba de comentar a media voz, pero audible: “¡miña nai, canto daría todo isto a patacas!”. Rimos ambos coa sacadilla do Pedro e eu prometinche que hoxe tamén che había contar a miña descuberta da inmensidade mariña. E aquí está:

Era polo ano corenta e oito. Os mozos de Acción Católica, con Apenela ao fronte, organizaron unha excursión a Pontedeume. O Antón da miña barbería logrou que o Pepe organizador, moi amigo de meu pai e meu, lle permitira levar consigo un neno de sete anos que viña sendo eu mesmo, e alí me colocaron na primeira banca do autobús, á beira do chofer, desde onde eu podía ver toda a novidade do entorno. Teño unha lembranza moi intensa daqueles momentos en que as augas verdes e azuis, reflectindo o sol, se fixeron vivas nos meus ollos e na miña pel acariñada polas ondas suaves dunha ría tranquila. Pero o que máis gravado quedou na miña memoria daquel descubrimento foi a chegada ao alto de Cabañas, cando a paisaxe das fragas do Eume, co río ao fondo, se mudou de súpeto nun horizonte inabarcable de cores en movemento: verde, azul, gris, prata, e volta ao verde escurecido, azul irisado e o gris reflectido polas poucas nubes daquel día. Unha paisaxe, en fin, que non era estática como a da Chaira senón que se movía xogando co arco da vella.

Tan intensa foi a sensación que, pasados os anos, cando por razóns dos meus traballos pasei por aquela estrada miles de veces, sempre se me reproducían as imaxes daquela primeira contemplación, e algúns días teño parado o coche para me demorar en reproducir os meu recordos infantís. Despois, xa na praia, os mozos aqueles que para min xa eran vellos decidiron xogar ao fútbol e, para entreterme, puxéronme de porteiro, pero levaron un bo susto porque o Pepe Oseira, que xa daquela era tan grande coma boa persoa, caeu enriba de min e, polo visto, deixoume sen sentido uns segundos que para el deberon ser eternos. Eu, claro está, non me decatei do accidente: só vin que tiña na man a pelota e que todos os da excursión estaban con ollos amilagrados ollándome de fite. Comemos entre os pinos, cantamos moito, eu tamén, e finalmente houbo que regresar a Vilalba. Cheguei feliz e, cando saquei as zapatillas, atopeime con que nelas viña un tesouro: aquela area de praia que tantas cóxegas descoñecidas e agradables me fixera nos pés. E gardeina, claro, como tesouro que era. Metidiña nun sobre, vina moitas veces naquel armario do cuarto de atrás da miña casa, acochando a lembranza dun día feliz, cando souben o que era o mar. Despois cambiamos de casa, e a miña irmá, sempre despistada, deixou que se perdera aquel envoltorio de area xunto cos diplomas que ao longo dos anos fun colectando no seminario. Téñolle perdoado, claro, pero a lembranza do romántico que eu son aínda segue viva.

E xa está, meu Antón. Misión cumprida.

Non che escribo máis, que xa ando algo canso. Ata o venres que ven, se Deus o quixer.

Unha aperta

Bernardo

26 de set. de 2008

Campeonato Galego Cadete de Tae Kwon - Do

Redacción

O vindeiro sábado 27 de setembro celébrase na localidade coruñesa de Noia o Campeonato Galego Cadete de Tae Kwon-Do na modalidade de combate. A Escola de Tae Kwon-Do da nosa vila, Moo Duk Kwan, vai estar alí representada polo xove deportista chairego Michael José López Castelo que participará na categoría de peso pesado.

25 de set. de 2008

Bolsas de pataca ou concienciación ecolóxica

Redacción

Coa finalidade de favorecer o emprego de bolsas de bioplástico e concienciar á poboación nunha forma de consumo máis ecolóxica, a Consellería de Innovación e Industria celebra hoxe o “Día sen bolsas”.

A iniciativa enmarcase coma parte da campaña “Galicia, comercio verde”, que busca de incentivar a utilización deste tipo de productos.

Con este motivo repartiranse hoxe por toda Galicia miles de bolsas biodegradabeis e reutilizabeis. Trátase de bolsas feitas con fécula de pataca o que garantiza que sexan biodegradabeis nun cen por cen. Procúrase deste xeito loitar coa problemática que causan los envases de plástico ao acumularse de xeito incontrolado en vertedeiros, ríos ou mares, sen que haxa xeito ningún de desfacerse deles sen prexuicio para o medio ambiente.

Agustín Fernández Paz en Vieiros


"En 1955 o panorama musical de Vilalba estaba representado por dúas orquestras: a Mato e a Nueva Lira. Elas eran as encargadas de amenizar, como poñían os carteis que as anunciaban, as festas patronais das parroquias e vilas da Terra Cha, de boa parte da provincia de Lugo e, esporadicamente, dalgunha vila do occidente asturiano ou da Coruña. [...]"

Fragmento do relato "Primeiro mar" de Agustín Fernández Paz.
Pódese ler completo en Vieiros


24 de set. de 2008

Un vixía no templete

Redacción

Martín Seco García non só é Enxeñeiro Técnico Industrial con especialidade en Química Industrial, membro da executiva do PSdeG-PSOE de Vilalba, Concelleiro do Grupo Municipal Socialista no Concello e colaborador do noso xornal, senón que por riba diso é todo un pai de familia, un rapaz comprometido e, fundamentalmente, unha boa persoa.

Por iso, desde A Voz de Vilalba queremos saudar a súa posta de longo no mundo dixital a través do seu blogue: Un vixía no templete da alameda. O obxectivo que persegue é, coma el mesmo di: "facer públicos algúns pensamentos e inquedanzas" e "poñer o seu grao de area para conquerir unha Vilalba mellor para todos, a parte de facer entender mellor o mundo persoal onde se desenrolan as miñas vivencias".

Ao mesmo tempo que lle damos os parabéns por esta iniciativa, animámolo a seguir colaborando con este xornal e, dito sexa de paso, invitamos tamén a todos aqueles das diferentes opcións da política chairega a que se animen a participar. A Voz de Vilalba é un proxecto plural e colectivo que, coma o seu nome indica, ten coma obxectivo e vocación fundamentais o "servizo do pobo" (entendendo esta última verba na amplitude de todas as súas acepcións).

Benvido Martín e noraboa.

22 de set. de 2008

Hay festival

Iago Castro

Hay-on-Wye é unha pequena poboación galesa que celebra dende 1988 un famoso festival literario que, a partir de 1996 coñeceu unha importante extensión mundial, celebrándose actualmente, ademáis de en Hay, en países de todo o mundo como Italia, Brasil, Colombia e España.

A edición de 2008 conta coa participación de persoeiros tan importantes como Gore Vidal, Salman Rushdie, John Irving, Will Self, Julian Barnes, Jimmy Carter, Jhumpa Lahiri, Nassim Nicholas Taleb, Ian McEwan, Naomi Klein, Christopher Hitchens, Boris Spassky, Gary Kasparov, Hanif Kureishi, James Ivory e John Bolton. Non en balde, o ex-presidente norteamericano Bill Clinton cualificou o Hay como "o Woodstock da mente", en referencia ao histórico evento de 1969.

O sorprendente desta historia é que Hay-on-Wye ten unha poboación de mil cincocentos habitantes e, nada máis e nada menos que 41 librarías! Unha por cada 36,58 habitantes! Por iso non é estrano que os seus cidadáns posúan unha pasión tan desmedida pola literatura.

Ao fío, venme á mente unha cumprida descrición que nos anos corenta fixo o escultor foráneo contratado para realizar a chamada "gruta de Lourdes" na igrexa parroquial de Vilalba, e que recupero da man de Bernardo García Cendán, memoria andante da vila:

Villalba, tierra bravía
con 50.000 tabernas
y ninguna librería.

Todos los libros se venden
en una confitería
de don Mariano Sánchez,
casado con doña María.

A situación, máis de medio século despois, non parece que teña cambiado moito, fora da honrosa excepción da Libraría Segrel, que non só funciona como manancial de literatura, senón tamén como sé de boas tertulias, aínda que ultimamente teña minguado un tanto a concorrencia.

Despois de todo, os libros non se comen, aínda que dean de comer a moitos editores, impresores, distribuidores e demais ralea miúda que vive da cultura, sen esquecer aos autores. De se comeren, non dubiden que tamén teríamos gloriosos festivais, do estilo: XVII Festa do Libro Asado e os Callos Picantes, ou XLI Exaltación da Enciclopedia Espasa ao espeto e o Queixo do País. Mais, en xeral, os libros son bastante indixestos... gastronómicamente falando. E tamén os hai, por suposto, dende un punto de vista literario. Indixestos, digo.

Ultimamente puxéronse de moda as memorias de certas personaxes que, de cando en vez, chegan ás nosas... á nosa libraría e máis ás papelarías que tamén venden libros. A estas alturas, por número e frecuencia, xa constitúen case un xénero literario per se. En xeral trátase de persoas cunha máis ou menos intensa vida, caracterizados pola crenza, todo o lexítima que se queira, de que aquela poda ter algún interese para os demais, fora do seu círculo familiar, e polo tanto sexa digna de aparecer en caracteres impresos. Son edicións escritas, corrixidas e editadas polos propios protagonistas, e que habitualmente non espertan moito máis ca un morbo curioso.

Eu conto xa máis de media ducia de tales exercicios narcisistas na bisbarra en pouco máis de cinco anos, e supoño que me esquece algún. E o fenómeno vai camiño de se converter, xa digo, nun xénero máis. Incluso algún ameaza cunha segunda parte! Se cadra responde a aquel adagio que afirmaba que un home, para verse realizado, ten que prantar unha árbore, ter un fillo, montar en globo e escribir un libro (desculpen, pero non sei se me falta ou me sobra algo, ou se esta é a orde correcta). A un destes autores ocasionais puiden velo cos meus propios ollos achegarse a un autor consagrado na presentación dun texto literario, pedindo a correspondente dedicatoria e afirmado: "eu tamén son escritor, sabe?"

Pois si. Recupérense da sorpresa, fagan o favor. E por que non vai ser? Escritor é calquera que emborralla unhas cuartillas que rematarán vendo forma impresa, non? Pois iso. Mágoa que haxa persoas con ben máis cousas que contar que, por un desmedido sentido da modestia, en casos, ou polo esquecemento máis absoluto, noutros, vaian deixando este mundo sen unha biografía ou, cando menos, sen unha historia de vida que deixe constancia do seu paso polo val de bágoas que para algúns representa a existencia.

E como non se me ocorre outra maneira de rematar tomo, con licenza, aquel dito co que comezaba e, neste principio do século XXI, digo:

Vilalba, terra bravía
con 50.000 tabernas
e unha soa libraría.

Sen modestia nin recato
e con grande algarabía
varias ducias de "escritores"
nos contan a súa vida.

E algún que cos seus feitos
entreternos ben podía,
ilustrarnos e ensinarnos,
faráo por fin algún día?

Adicado a B.M.G.C.

21 de set. de 2008

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán

Lugo, 19 setembro 2008

Bo día, meu amigo Antón:

Hai moito tempo que non te vexo nin falo contigo. Andas perdido nas túas soidades, segundo me conta a túa muller coa que falei onte para saber de ti: está imposible, díxome, anda pola casa sen falar con ninguén máis co imprescindible, coma se fora unha pantasma. E o caso é que eu preciso do teu permiso para continuar con estas cartas radiofónicas, non vaia ser o demo que me poñas unha denuncia por uso indebido e non permitido da túa identidade. Pero non din contigo: nin estabas visible nin quixeches coller o teléfono, así que agora mesmo estou a escribir baixo a miña única e persoal responsabilidade.

Gustaríame explicarlle aos oíntes o que che pasa, o por que andas tan fuxidío, xa que, efectivamente, non é normal verte así. Eu ben sei que sempre fuches algo túzaro e moi entreitizo, pero tamén sempre estiveches moi compracido de que as túas observacións e ironías saísen polas ondas mediante estas cartas. Así que xa sabes, tanto os oíntes coma min estamos a agardar a que deas sinais de vida e de participación.

Onte pola noite, aí polas dez, nesta nosa vila, xa solitaria e con aires de outono, estiven de paseo moi agradable cun bo amigo teu, aínda que el non sabe que es ti o destinatario destas cartas. Efectivamente, batín na beirarrúa co Pepe do Chente, xa sabes, o que vive en solitario aló pola Ferrería, e puxémonos a latricar dunhas cousas e doutras, de xeito que fixen na súa compaña a miña obrigada hora de camiñata. Como comprendes, tratei de lle sacar algo de información sobre a túa biografía que el coñece polo miúdo, pero a penas me foi posible porque, seguindo as túas imposicións, non puiden dicirlle quen es ti. Por certo que este Chente éche un tipo ben curioso. Para comezar, non ten televisor nin o quere ter. Di que o aburre de todo. Iso si, non se desprende da radio que escoita a todas horas. Como me dixo el mesmo, cando, despois de pasar horas a conversar cos amigos, chega tarde á casa, con moito sono, cos olliños case pechados, non é quen de se meter na cama sen antes prender a radio aínda que case non se aperciba do que contan os radiofonistas, e quédase durmidiño co run-run da emisora como fondo onde entretece os seus sonos. Así que, ao non se quedar ensimesmado nos contos televisivos, pechado en si mesmo, como fan o común dos mortais, el acode á sociabilidade, a iso tan humano e tan divertido como é ver aos veciños e falar demoradamente con eles de todo o que se cadre. Algo que, como ti ben sabes, meu Antón, estase a perder na sociedade de hoxe e que devala en soidades que rematan por seren enfermizas. O que, supoño, che está a pasar a ti estes días. Así que esperta, meu amigo: non che hai cousa máis humana que podermos conversar, e a ti dábaseche moi ben.

Polo pouco que a túa muller me contou, parece ser que tiveches unha discusión con algúns vilalbeses en relación coas festas. Ben sabido é que a ti gústanche moito as orquestras, sobre todo esas grandes agrupacións que montan un palco de grandes dimensións, con moitas luces variadas e fume enigmático que crean un espazo de irrealidade máxica, como se os que están alí, tocando e cantando, fosen seres doutro mundo. Son espectáculos que deben resultar economicamente moi caros, pero os comisionados acaban po facer o posible e o imposible por contar con eles. Ata tal punto que, segundo me dixeron, parroquias tan pequenas coma Nete, por exemplo, non dubidaron en contratar as mesmas orquestras que estiveron na mesma capital do municipio. O caso é que, polo que puiden percibir, ti debiches de defender a importancia de contar con estas músicas, e un dos rapaces que estaba na disputa argumentouche que iso das orquestras, por boas que sexan, é algo moi aldeán, de xeito que os mozos e mozas da vila, ou os que queren asimilarse a eles, non acoden a escoitalas e moito menos a bailar ao seu son. E eu ben sei, Antón, que ti non aturas aos que non andan a pensar noutra cousa que diferenciarse das xentes da aldea. Ti estás convencido, como o estamos moitos, de que esas diferenzas entre aldea e vila estaban xa superadas, e eu tamén o cría, pero non parece ser así. Aínda non hai moito, unha señora coruñesa que protestaba contra o emprego do galego nalgunhas materias do bacharelato, argumentaba dicindo que xa está ben, que, cando parece que o mundo galego avanza algo, veñen os da Consellería a “obligarnos a hablar en paleto”. Non sei se foi o desgusto provocado por esa discusión o que te pechou en ti mesmo e te deixou así enfurruñado, pero, se o foi, tesmo que dicir para que poidamos comentalo na vindeira carta.

Ata que te decidas, eu agardo as túas novas.

No entanto, recibe unha amigable aperta, todo o paleta que ti queiras, do teu amigo

Bernardo

Quedar torto

Xulio Xiz

Foi en Vilalba a liorta. O caso é que un camioneiro recibiu unha puñada nun ollo, a resultas da que non só perdeu a vista senon que sufriu, segundo recoñeceu a Audiencia Provincial de Lugo, un prexuizo estético importante.

Como todo se cuantifica nesta vida, o agresor –ademáis de ser condeado a un tempo de privación de liberdade- deberá aboar ó agredido a cantidade de cento vintecinco mil euros, dos que cincuenta mil corresponden á pérdida do ollo, vintecinco mil ó perxuizo estético, e cincuenta mil por non poder seguir exercendo a súa profesión de camioneiro.

Está ben eso de que o responsable dun feito que orixina danos responsa deses danos. O malo é cando non hai responsables coñecidos ou directos.

Os resultados do meu problema son exactamente os mesmos que os do agredido en Vilalba. Tamén o meu problema foi en Vilalba, hai moito tempo. Quedeime sen un ollo, sufro perxuizo estético, e nunca poderei conducir un camión.

Os cartos non solucionan case nada, pero non é esa a cuestión. O bo do caso non é a solución, senón ter alguen responsable dos danos. Maldita meninxite que asolou Vilalba aló polo corenta e oito. No meu caso, nin indemnización nin culpable ó que reclamar.

19 de set. de 2008

A visita a Vilalba de Glutamato Ye-Yé, por Julián Hernández

Redacción
O polifacético e creativo líder da banda Siniestro Total, Julián Hernández, que tamén exerce como columnista de El País, publica hoxe na edición galega deste xornal un artigo no que recolle os detalles da recente visita de Glutamato Ye-Yé á capital chairega.

No mesmo pódese comprobar que Mr. Hernández, ademais de estar presente o día do concerto dos Glutamatos, visitou recentemente os contidos de http://www.avozdevilalba.com/, pois fai mención a unha colaboración publicada na nosa web sobre a actitude vital de George Steiner.

Para máis información, achégase o artigo de Julián Hernández na súa totalidade. Non perdan detalle; paga a pena.

18 de set. de 2008

Mr. Sykes returns

Paulo Naseiro

Mister Mark Sykes, político tory, diplomático e terratenente de Yorkshire, podería ser un bo exemplo daquel dito que reza "xenio e figura deica a sepultura". Dilixente funcionario do Imperio Británico no seu esplendor até a súa morte, en 1919, o cadáver de Mr. Sykes ten, noventa anos despois, un inusitado interese para a ciencia polo mesmo motivo que o levou ao descanso eterno: a gripe.

Porque o noso flemático personaxe foi unha vítima máis da pandemia que asolou o mundo ao fin da Grande Guerra Europea, aquela que con tanta abnegación combateu o noso veciño Plácido Peña Novo, e que deixou unha pegada de morte e destrución levando por diante, din os expertos, a un dous por cento da poboación mundial. Pero, a diferenza doutras vítimas da "gripe española", soterradas a toda presa e sen máis consideracións, o bo de Mr. Sykes foi sepultado nun cadaleito de chumbo. Por iso os cientistas dos hospitais londinenses de St. Barts e Royal London cren que o virus puido ter sobrevivido durante todo este tempo, e a súa obtención pode ter moita importancia na prevención de futuras pandemias, polo que obtiveron o permiso dos netos do aristócrata e máis da diócese anglicana de York para exhumar o corpo, soterrado na residencia familiar de Sledmere House.

Tamén lle ía sendo hora a Mr. Sykes de facer algo bo polos demais. Se cadra agora, case un século máis tarde, poda pasar á historia por algo máis noble ca o tratado que, en 1916, asociou o seu nome de xeito indisolúbel ao do francés François Georges-Picot.

Estes dous individuos, Mister Sykes e Monsieur Picot, notábeis prohomes da ideoloxía imperialista que por aquel entón facía furor entre a clase dirixente dos países "civilizados" e que estaba a sementar os cambos de Europa co sangue de millóns de xoves incautos, sentaron diante dun mapa naquel lonxano 1916 e repartiron, a tiraliñas, os despoxos do Imperio Turco, a chamada "Sublime Porta", moito antes de que a potencia do leste mediterráneo fose vencida nos campos de batalla.

"Siria para ti", "Palestina nosa baixo protectorado", "pídome Basora e Bagdad"... Non custa traballo imaxinar aos dous homes de estado xogando á xeoestratexia arrepantigados en cómodas cadeiras de coiro, fumando habanos e saboreando senllas copas de Porto da excelente colleita de 1853. Pero detrais deste despezamento colonial, xa ensaiado antes en África e noutras partes do mundo, había intereses moito máis inconfesábeis: o acceso a unha prometedora fonte de enerxía, á sangue que, grazas a Mr. Churchill, xa corría polas veas da poderosa Royal Navy substituíndo ao carbón. O petróleo entraba na política estratéxica global da man do Tratado Sykes-Picot e da Anglo-Persian Oil Co., e Inglaterra se aseguraba o control do valioso aceite de rocha (petra-oleum).

Case todos os conflitos que hoxe sacoden Oriente Medio e o mundo árabe comezan aquí. Sen o mandato sobre Palestina, o primeiro ministro Balfour non podería ter prometido, na súa famosa declaración de 1917, un fogar nacional para os xudeus sen contar, claro está, coa opinión da poboación árabe asentada por xeracións no territorio. Sen a protección británica non habería unha monarquía absoluta, teocrática e tiránica en Arabia Saudita, soporte ideolóxico e financeiro do fundamentalismo wahabita. Non estariamos falando tanto, probábelmente, dun Iraq convulso e inestábel, un país feito con retais -Mosul, Basora, Bagdad- e sumando de xeito precario a kurdos, suníes e chiítas, xunto con outras pequenas minorías. Probábelmente a historia do Líbano non estaría marcada por unha terríbel e cruel guerra civil que, pese ás apariencias pasadas, semella non ter fin. Sen Mister Sykes e Monsieur Picot, en fin, a historia e as súas consecuencias poderían ter sido distintas. Se cadra a grande nación árabe, o Hiyaz, que soñou o comandante Thomas Edward Lawrence, o famoso Lawrence de Arabia que comandou a rebelión árabe, dende o Mediterráneo ao Iemen, do Golfo Pérsico ao estreito de Adén, polas fértis ribeiras do Tigris e o Éufrates, con capital no verxel de Damasco, oh Damasco!, tería asomado con forza criadora no devalar dos pobos do mundo.

En fin. Sería desexábel, cando menos, que os cientistas saiban gardar baixo sete chaves o virus que levou por diante a Mr. Sykes. Non vaia ser que o convirtan, aínda que involuntariamente pola súa parte, no Leviathan dos nosos tempos, nun individuo dúas veces maligno. É o que lle faltaba.

Dous filmes rodados en Galicia, finalistas para representar ao Estado español nos Oscar


Redacción

O Consorcio Audiovisual de Galicia a través do seu presidente, Fernando Salgado, manifestou hoxe a súa satisfacción porque dos tres filmes finalistas para representar ao Estado español nos Oscar, dous deles sexan producións rodadas en Galicia. Así, Los girasoles ciegos, de José Luis Cuerda -na fotografía-; Siete mesas de villar francés, de Gracia Querejeta; e Sangre de mayo, de Garci compoñen a terna finalista de películas candidatas a representar a España na 81 edición dos Oscar de Hollywood, que se celebrarán o 22 de febreiro de 2009.

Os filmes foron elixidos entre as oitenta películas españolas estreadas entre o 1 de outubro de 2007 e o 30 de setembro de 2008. O vindeiro 26 de setembro coñecerase o nome da película que representará ao Estado. Os filmes de José Luis Cuerda e Gracia Querejeta contan entre as súas localizacións con diferentes espazos de Galicia como Ourense ou Vigo.

Los girasoles ciegos

José Luis Cuerda fixo unha estrea mundial do seu último proxecto o pasado 22 de agosto na localidade ourensá de Leiro. Á mesma asistiron, ademais do director, numerosos membros do reparto como Maribel Verdú ou Javier Cámara, que foron recibidos polo presidente da Xunta. O filme xa se atopa entre os de maior recadación do ano e conta con máis de 350.000 espectadores desde a súa estrea.

Para o Consorcio Audiovisual de Galicia, a elección do filme de Cuerda como finalista española aos Oscar, xunto con outros motivos, xustifica a participación en Los Girasoles Ciegos de Semprecinema Producións. Esta sociedade, cun capital inicial de tres millóns de euros, naceu do interese da Xunta e de Caixa Galicia por crear "unha ferramenta público-privada de apoio á produción de cine en ou desde Galicia". Asemade, xa foi recoñecido publicamente como o mellor instrumento do Estado español para o financiamento de proxectos audiovisuais.

A elección dos dous proxectos seleccionados rodados en Galicia ven a confirmar o traballo levado acabo polo Consorcio Audiovisual de Galicia -a través da oficina de promoción exterior Galicia Film Comission- co fin de dar a coñecer a Comunidade como plató de cine.

Premio do Festival de San Sebastián a Pradolongo

No mesmo día en que se coñecen os finalistas aos Oscar, o presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, trasladou o seu recoñecemento e felicitación á produtora galega Via Láctea Filmes porque a súa película Pradolongo ven de facerse co Premio Ciudad de San Sebastián, logo de que o Consorcio o propuxese para a elección, xunto con outros dous proxectos galegos. Ademais do premio en metálico, Pradolongo vai ser proxectado na sección Made in Spain do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, unha das mellores plataformas de promoción internacional para o audiovisual galego.

17 de set. de 2008

VIII Encontro de torneiros de madeira en Xermade

Redacción



Dende mañá e ata domingo poderase descubrir en Xermade o apaixoante mundo dos torneiros. As actividades previstas para este ano repartiranse entre o polideportivo municipal e a biblioteca pública.
Os participantes no Encontro, ben sexan profesionais ou afeccionados, poderán asistir a toda unha serie de talleres, charlas, coloquios, demostracións e espazos comerciais e de intercambio de información sectorial. Algúns dos talleres, en concreto, terán un carácter máis técnico, mentres outros serán puramente prácticos ou artísticos. Nestes últimos intervirán artistas como Manuel Castro, Cristophe Nancey, Benoit Averly ou Pascal Oudet.

Entre os actos previstos para o pavillón, temos que, ademáis dunha exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións relacionadas coa tornería de madeira, na tarde do sábado haberá un espazo de iniciación á tornería, supervisado por monitores. Incluiranse, asemade, diversas demostracións para todo aquel que queira asistir.
No outro lugar onde se celebra o Encontro, na biblioteca pública, acollerase a exposición itinerante Arte e tradición , composta por 40 pezas seleccionadas na pasada edición e pertencentes a Jesús Abad, Alfonso Arrieta, José R. Rego, Ricardo Rodríguez, Juan J. González, Christian Delhon, José Pena, José García, Jean L. Fayolle, Lourdes Ulazia, Ana Santiago, José L. Bernat, Manuel A. Piñeiro, Fernando Vigo, Jesús García, José A. Machado, Fernando Vérez, José A. Flórez, Pedro M. Hernández, Gabriel Fuentes, Manuel Castro e Carles Nicolás Maroto.

Gustavo Nieves Campello

Redacción
Gustavo Nieves Campello é un deportista oriundo de Vilalba, aínda que afincado en Vigo, onde forma parte, coma fondista, do Real Clube Celta de Atletismo, malia a súa discapacidade visual. Como moitos outros deportistas en circunstancias similares é integrante da selección paraolímpica e háchase estes días destinado en Beijing onde están a celebrarse os xogos.

Este xoves Gustavo, que comezou a final de 5.000 m. situándose entre na cabeza nos primeiros mil, , non puido completar a proba por mor dunha desafortunada lesión no sóleo. Foi unha lástima xa que se trataba dunha final á que chegara logo dunha reñida semifinal na que tiña obtido a derradeira praza da súa serie. Xunto con el abandonaron outros tres corredores, obtendo o premio final o keniano Henry Kirwa, que fixo ao mesmo tempo récord mundial.

O empeoramento da lesión pon en dúbida a súa participación nos 10.000 metros para la categoría T12, que se disputa o próximo xoves. Dende aquí animaremos a este gran deportista cuxa traxectoria ascendente representa o valor do sacrificio e o esforzo ante situacións adversas.

14 de set. de 2008

Festas patronais mediocres: vagancia ou medo á crítica

Martín Seco García

Dende hai bastante tempo, dende que as problemáticas da nosa vila me empurran -como a moitos outros- a participar na vida social e política deste pobo, pregúntome cal destes dous motivos é o desencadeante de que o Grupo de Goberno do Partido Popular non asuma a organización das festas patronais de San Ramón e Santa María, tendo en conta que hoxe en día a maioría da sociedade vilalbesa opina que os nosos gobernantes deberían de asumir este traballo, que os grupos da oposición presionamos dende hai tempo para que así sexa e ademais amosámonos dispostos a colaborar lealmente na organización destas e, sobre todo, que ollando as festas que se celebran en pobos veciños da nosa provincia como Viveiro ou Sarria, pobos cunha entidade igual ou incluso menor que a do noso Concello, son de moita máis calidade que as que se organizan na nosa vila e se fan promovidas polos seus respectivos gobernos locais.

En primeiro lugar, para que non se confunda o destino das miñas críticas, aínda que non estou dacordo co sistema de deixar esta importante celebración para un concello da entidade do noso, nas mans dunha “Comisión de Festas independente”, quero amosar o meu respecto para aqueles que se prestan a perder o seu tempo para adicalo aos demais sen ningún ánimo de lucro, por iso vaia o meu respecto para aqueles que forman parte da comisión de festas e que non teñen a culpa de quen agacha a súa ineptitude detráis deste sistema.

Todos coñecemos a falla de adicación que os “populares” poñen a gobernabilidade do noso Concello, con concelleiros pantasma que todavía non se lles coñece o mínimo traballo esixible á súa posición e outros cun traballo ínfimo e francamente mellorable para quen ostenta a responsabilidade de goberno. Pero este ano as cousas pintaban moi mal para este sistema de organización cobarde, posto que ata o mes de xuño non se sabía nada da organización das festas e algúns pensábamos que sería o momento de que o Partido Popular tivera que dar a cara ante os cidadáns. Pero as voces da rúa contan que se fixeron moitos movementos por parte dos secuaces do alcalde Criado para salvar a situación buscando unha comisión repleta de militantes e simpatizantes do seu partido ademáis de empregados da Casa Consistorial que foron convidados a participar por parte dos seus mandatarios. Con estes mimbres, e postos no mes de xuño, se olisqueaban unhas festas dun contido pobre, aínda que o concello con este “desgoberno”, tentase salvar a cara daqueles que lle fan o traballo sucio subindo a cuantía da aportación económica que fai a Administración local.

Pero ao final, o tempo pon a cada un no seu sitio e unha vez pasado o San Ramón deste ano, aínda que se manexou un dos orzamentos máis elevados da historia das festas, podemos observar como as críticas arrecian nas tertulias de veciños de Vilalba, que observamos como unha vez máis disfrutamos dunhas festas mediocres, fallas dunha boa programación tanto a nivel cultural como lúdico, e todo isto é lóxico, tendo en conta que segundo está concebida a organización, quedan a merced dun grupo nada heteroxéneo de persoas que cada ano desexen tomar as rendas desta celebración e baixo este sistema é normal que éstas non sexan nunca do agrado dun bó número de veciños, xa que sempre dependerán da idade dos seus membros e dos seus gustos musicais e culturais, xa que non existe “algo” que poña equidade tanto nos actos a realizar como na variedade destes para intentar contentar as inquietudes de todos os ámbitos da nosa sociedade.

Este “algo”, non pode ser máis que o noso Concello e os seus gobernantes que cada catro anos reciben o mandato dos seus veciños para que dirixan as cousas de todos, e non existe algo máis público e de todos que a celebración das festas patronais dun pobo, festas que implican a todo un Concello, cos seus barrios e parroquias. Por iso non pode ser que dende o Concello se escuden no medo a romper tradicións para esquecerse de facer un calendario acorde coas festas dun pobo de quince mil veciños, de ter unha programación adecuada o día da feira, de lembrarse dos fogos artificiais, de ter actuacións para todas as franxas de idade, de ter verbenas a fin de semana, de lembrarse de que a música folk forma parte da nosa cultura e identidade, de pensar que os cabezudos, nos que investiu unha cuantía importante, debense sacar a rúa nas festas, que un pobo ben iluminado é un pobo e festas, de que se debe contar máis coas asociacións existentes no Concello, que deben lembrar que existen bós músicos no conservatorio vilalbés, que se debe de facer máis énfase na cultura e artesanía, de que existen outras datas para celebrar a feira medieval, e que existen certos actos, como o certame literario e pregón que teñen que modernizarse, porque senon acabaran sendo un acto elitista para moi pouca xente, como pouco a pouco está a acontecer, ésto sen entrar a falar de que os actos públicos son actos de todos, independientemente das súas opcións políticas e non só de exaltación do Partido Popular e Don Manuel Fraga.

Despois destas reflexións sigo a preguntarme cal dos dous motivos expostos o principio é o que impide que os concelleiros do Partido Popular non organizen as festas da nosa vila ou cecáis sexan os dous ao mesmo tempo....
Imaxe: MXM

12 de set. de 2008

Xulia, Lola e Amparo na memoria

Mario Paz González

Atribúese ao psicoanalista austriaco Wilhelm Stekel a seguinte cita: “O que distingue ao home insensato do sensato é que o primeiro ansía morrer orgullosamente por unha causa, mentres que o segundo aspira a vivir humildemente por ela”. J. D. Salinger recóllea así na coñecida novela O gardián entre o centeo. Non é unha mala definición, aínda que pouco convencional, do que podería ser un heroe. Non falamos deses personaxes que conxugan o histórico e o simbólico coma parte do seu destiño, senón deses outros, anónimos, dispostos a gardar un segredo, o segredo tal vez máis difícil, o da súa heroicidade, a súa renuncia, o seu sacrificio... Seres dispostos a entregala súa existencia por unha causa de xeito anónimo sen esperar ningún tipo de recoñecemento por elo.

A cotidianidade, coa súa fráxil poesía, fica chea deles, pero non acostuman a encher os titulares dos xornais, malia que as súas vidas, cargadas de fonda intensidade, poderían conmovernos por elas mesmas. Pero tamén, ás veces, a prensa diaria, coma se dunha novela se tratase, regálanos algunha destas historias e entón o seu descubrimento resulta unha experiencia plenamente gozosa. Aí vai unha delas.

Nos difíciles anos que pechan a primeira metade do século XX había diversos puntos estratéxicos (Lisboa, Tánxer, o París previo á ocupación...) que servían de ponte para aqueles refuxiados que tentaban fuxir do infausto destio que os agardaba nunha Europa a piques de ser devastada pola guerra. Xunto aos perdedores da nosa contenda civil misturábanse os perseguidos polo crecente e irracional antisemitismo do terceiro Reich. Semella que, para os que facían o seu camiño a través de Portugal, entre 1943 e 1945 funcionou unha rede que, estendéndose a través de Galicia, salvou a vida a centos de persoas. Para poñela en práctica non foron necesarias grandes e complexas infraestructuras, senón, máis ben, fortes vontades e amplas doses de heroicidade.

Xulia, Lola e Amparo (nesa orde na imaxe), as tres irmáns Touza de Ribadavia, eran propietarias dun pequeno quiosquo na estación ferroviaria da súa vila onde vendían doces caseiros, licores, viños do Ribeiro ou pavías de Beade e Vieite... Desde alí facilitaron auga ou alimento aos presos dos grupos de traballo durante a guerra (o que lles acarreou máis dun problema) e mesmo tiñan axudado a algúns emigrantes que partían cara a Venezuela. Pero o que moitos dos seus veciños nin sequera chegaron a sospeitar era que aportaron o seu gran de area a unha das moitas redes clandestinas de axuda aos fuxidos da Alemaña nazi.

Coa complicidade dos taxistas Xosé Rocha Freijedo e Xavier Míguez, “o Calavera”, recollían aos xudeus perseguidos que chegaban nun tren sinalado desde Monforte e encargábanse de agochalos baixo o chan da cantina para logo levalos, coa axuda da escuridade nocturna ata a fronteira por Ponte Barxas. Ricardo Pérez Parada, evanxelista e toneleiro que vivía preto da estación, oficiaba coma traductor. Falaba algo de inglés e polaco, xa que fora emigrante en Nova York entre 1908 e 1914. Ninguén soubo daquel intenso segredo do que as irmás só falaban entre elas. “Sempre andaron moi unidas no seo dunha familia ben numerosa”, dirá Antón Patiño en Memoria de Ferro.

Elas, que viviron no anonimato coa ledicia e vitalidade que lles permitiron as circunstancias, levaron ata as derradeiras consecuencias a máxima aquela que marcou definitivamente a vida de Cosimo Piovasco di Rondó na fermosa novela O barón rampante de Italo Calvino: “As empresas que se basean nunha tenacidade interior deben ser mudas e escuras, por pouco que un se manifeste ou vanglorie delas, todo semella parvo, sen sentido e mesmo mesquiño”. Co seu exemplo, as tres, quizais sen sabelo, encarnan con sutil perfección a imaxe do heroe anónimo, un heroe que se amosa coma modelo ético de sacrificio disposto a cumplir un destino, tal vez non elexido, pero enteiramente asumido por inevitable.

Lola morrería o 26 de xuño de 1966, Amparo o 6 de febreiro de 1981 e Xulia, a máis nova, o 6 de xuño de 1983. As tres recibiron sepultura no cemiterio de Ribadavia, en nichos que lindaban coa parte onde enterraban aos non católicos. Quen sabe se nunha derradeira homenaxe a moitos aqueles aos que axudaron.
Recentemente, Lolin Lira Pousa adicoulles un artigo no número 83 (abril, 2008) da revista sefardita Aki Yerushalayim. Tamén a finais de xuño a “Asamblea Universal Sefardí Isaac Siboni” plantou en Xerusalén unha árbore na súa memoria. Xa na nosa terra, a prensa galega fíxose eco de como o pasado domingo 7 de setembro, coincidindo coa celebración da IX Xornada Europea da Cultura Xudea, Efi Stenzler, presidente do Directorio Mundial da Fundación Xudea Nacional Keren Kayemeth Leisrael, loubou o seu labor mentres os descendentes das tres mulleres fixeron unha homenaxe na súa vila natal coa colocación dunha praca conmemorativa na casa porticada na que viviron, na rúa do xuíz Viñas número 2, así coma unha ofrenda floral e un acto de lembranza no cemiterio municipal.

Antón Patiño Regueiro (1919-2005), libreiro e escritor, relata cun estilo tinguido dunha lene evocación poética a súa historia, xunto con moitas outras de vítimas da represión franquista, no libro Memoria de ferro, imprescindible para todo aquel con interese na memoria histórica. Case todos os relatos que completa o pequeno volume chegáronlle por man propia ou fóronlle referidos por amigos e coñecidos. “O libro é como un peto de ánimas aos amigos meus daquel tempo”, dixo con acerto o propio autor. Nesa mistura de ficción e realidade, de ficción literaria e vida, á que nos referiamos ao comezo, compre dicir que Memoria de ferro foi, ademais, o xermolo para algunhas das historias incluidas na novela Os libros arden mal de Manuel Rivas.



Memoria de Ferro.
Antón Patiño Regueira.
Vigo: A Nosa Terra, 2005.
169 p.





mariopaz@avozdevilalba.com





10 de set. de 2008

"Hey tío" ... é a hora de tomar unha nova traxectoria

Glutamato Ye-Yé conquistou Vilalba o pasado venres

Antón Gayoso “Chafarote”

Dende xaneiro de 1987, con aquel disco en directo titulado ¡Esto fue todo!, a banda Glutamato Ye-Yé non voltara a subirse a un escenario, agás hai un par de meses nun local de Madrid. Hai que dicir que en Vilalba sempre houbo unha grande devoción por este grupo; de feito adicáronselle dous concertos homenaxe da man de Xutil con Postergel, acompañados das voces de Pepe Mato e Chafarote, o mesmo que escribe estas liñas.

Logo de contactar con eles e enviarlles fotos de tales eventos, os membros de Glutamato puideron comprobar que era certo que contaban cunha auténtica lexión de seguidores neste pobo. E a noite do pasado venres 5 de setembro reapareceron na Praza da Constitución de Vilalba, cunha forza increíble e teloneados polos vilalbeses Postergel.

A unha en punto de madrugada Iñaki Fernández fai acto de presenza no escenario, con media melena e ataviado con traxe escuro, garabata a raias e acompañado de Patacho á guitarra, ao baixo Fino dos Enemigos, e á batería Charly dos Elegantes. Comezan o concerto entrelazando unha canción tras outra, e cunha complicidade co público que sorprendeu a máis de un. A xente que asistiu ao concerto entregouse incondicionalmente e non deixou de corear os temas, de saltar e erguer os brazos, de aplaudir continuamente.

Os Glutamatos sentíronse totalmente arroupados polo público, que vibraba con cancións como “Guapamente”, “Cuando los chicos están bien” e “Vamos pa'yá...”, ou tamén se relaxaban con temas emblemáticos coma o “Desertor” ou “Nacido en USA”. Porén, o momento máis emocionante foi cando Iñaki chamou ao seu colega Chafarote para que subira a cantar con el “Hey tío...”, considerado todo un himno. Iso xa foi o éxtase total, e a praza volcouse con eles. Durante as máis de dúas horas que durou este concerto, a banda rematou –como non podía ser doutro xeito con “Todos los negritos...” e algúns espertamos dun soño feito realidade. Grazas, Glutamato Ye-Yé, por facernos felices.

8 de set. de 2008

Servizos en A Voz de Vilalba

Redacción
NOS SEGUINTES ENLACES calquer lector de A Voz de Vilalba pode acceder a unha ampla variedade de servizos. Entre eles:

Ademáis dos citados tamén se engadiu na esquiña superior dereitaa posibilidade de facer unha suscrición de correo, que permite a quen queira recibir no seu mail as actualizacións do xornal.

Que sexa de proveito.


Imprimir

7 de set. de 2008

No pasamento de Gustavo Santiago Valencia



Baldomero Iglesias “Mero”

Era o máis necesario da foto e case nunca aparecía nela. Era entrañablemente bo. De falas lentas e agudísimas. Ía de vagar contando cousas entre os amigos e entusiasmando os lazos da amizade. Era de apreciacións insospeitadas, sempre respectuosas. Tiña o don de estar e case non se facer notar. Era amigo de moitos amigos e ultimamente, desde a súa enfermidade, eu botábao de menos.

Nas reunións do Muíño do Rañego, botábao en falta. Si, faltábame el, o do oído duro e camiñar lento. Preguntaba por el e dicíanme que estaba cada vez máis baixo, que ingresara uns días e que a ver se agora recuperaba! Non souberon que tiña.

Tratárono de problemas coronarios, mais o tempo pasaba e non volvía aos amigos e aos moitos encontros de afirmación na nosa Cultura e da nosa Lingua. Gustaba de recrearse nas paisaxes sinxelas e de facer observacións de todo canto se nos facía inperceptible para os outros. Sabía moito de árbores e plantas, de espazos, de xeografía, de números e perfís cuantificadores que sorprendían na súa énfase esclarecedora. Había que recuperarse na prodixiosa beleza da Natureza. Era simpático e gustaba dos chistes de enxeño.

Viña aos actos da Fundación Manuel María da Terra Chá e aos de Xermolos. Non faltaba a todos os encontros literarios e festivos que se facían. Gozaba tamén dos xantares polos camiños chairegos adiante. Vilalba, Guitiriz, Penas de Rodas, Baamonde, Cospeito, Castro…

Lembro cando nos contaba a Paco Martín e a min, nun Encontro da Terra Chá, cando iamos cara á lagoa do Ollo entre Begonte e Baamonde, no medio das esaxeracións que Paco contaba, dun home de Ribadeo que seica estivera na División Azul, que tanto fora o frío que pasaran que cando mexaban tiñan que cortar a mexa co machete porque senón quedaban espetados.

E mentres parabamos repetidas veces no camiño para cumprir co rito de ir amodo e de aliviar a “próspera”, el confirmou ao señor de Ribadeo e contounos que el sentira dicir que era tal o frío, cando aquilo da guerra, que mesmo levaban o viño en sacos! Claro, aquilo tívonos moito mérito aos tres e rimos inoportunamente. Rimos sen nos dar conta de que xa Manuel María comezara a recitar os seus versos no medio do silencio dos demais. Ao nos sentir rir, parou un anaco o seu recitado e pediunos que logo, lle contaramos a el o motivo daqueles risos. E así foi. Despois do acto, contámosllo e compartimos a ledicia xuntos.

Si, era o máis importante da foto. Sen dúbida. Era Gustavo Santiago Valencia dando aquela lección de humildade. Morreu en Compostela hai uns días e eu sentín fondamente a súa perda. Porque era un bo amigo e porque poucas veces saía na foto. Poucas veces se facía notar. Pasaba inadvertido e sen facer ruído, sen reclamar un sitio. Sendo como era o máis necesario, porque el era en definitiva o fotógrafo e como tal, era o que nos deixaba aos demais aparecer protagonistas daquel momento e na súa cámara. Pasado o tempo nos reconfortaba na lembranza daquelas imaxes en que estiveramos xuntos, dándonos copia a todos… anque el non aparecera nas imaxes!

Faltarás nas fotos, Gustavo. Pero en min queda máis gravada a túa imaxe, a lembranza inesquecible dun home que tanto quixo a Galicia sen ter nacido aquí, viaxador empedernido, degustador da boa mesa, xenerosísimo e humilde home que enteiro e cabal fixo canto puido polos demais en pé de exemplo. Por certo, algún día terán que inventar unha máquina de fotos que inclúa na foto ao fotógrafo que a sacou!

6 de set. de 2008

A poesía de Miguel Barrera dase a coñecer en Madrid


Moncho Paz

O poeta chairego Miguel Barrera (Vilalba, 1964) publicou recentemente varias das súas composicións no primeiro número de Cartapacio, "Revista Literaria de la Sierra Norte". Residente en Madrid dende comezos da década dos noventa, Barrera é na actualidade un dos membros do grupo Bilbao, integrado por poetas galegos afincados na capital do Estado español, como Vicente Araguas, Fermín Bouza, Manuel Pereira Valcárcel, Xavier Frías e o tamén vilalbés Rafael Yañez Jato, entre outros.

A obra de Barrera recibe unha notable influenza do vilalbés Xosé Luís García Mato, ainda que tamén bebe de moitas outras fontes, dende Hölderlin a Manuel María, pasando por Vicente Aleixandre, Méndez Ferrín, Suso de Toro e as vangardas do século XX, especialmente Manuel Antonio.

Fillo da contracultura e rebelde con causa, na creación poética de Barrera predomina o emprego do verso libre, de aí que nos atopemos ante unha poesía espida, na que as imaxes obedecen a elementos da natureza, sen ser algo etéreo e procurando buscar as verbas no seu estado virxe, no seu estado natural. No ano 1993 publicou Loita de silencio, un libro de “versos cheos de poder suxeridor” ante os que “o lector sensible, ao dar con esta poesía, tan sinxela e directa, quedará impresionado”, segundo a definición de Manuel María (El Correo Gallego, 10 de xullo de 1993). O seguinte poemario de Barrera ve a luz en 2006: Poemas do tempo silenciado, incluido na colección Biblioteca Chairega editada polo IESCHA.

Agora sorpréndenos cos seus versos en Cartapacio, onde un grupo de atrevidos amantes das letras e de noites en vela se xuntan para intercambiar pensamentos, como apunta a coordinadora da publicación, Eva Pastrana. “Cisne de xuño”, “Poesía”, “Bico” e “Un sorriso teu atravesa o aire” son as composicións en galego que aparecen neste primeiro número da revista madrileña, coa súa correspondente traducción ao español por parte do autor chairego. Outros poetas e creadores que colaboran neste primeiro número da publicación son Lola Ruíz, Sara Muñoz, Ana Carranza, Paul Gladish ou Nerea González.

5 de set. de 2008

George Steiner e unha teoría da invisibilidade

Mario Paz González
Din que o xornal impreso ten entrado nunha sorte de crise que se agravará nos vindeiros vintecinco anos. Non sei, non son experto na materia e a estas alturas da festa un desconfía cada vez máis das mensaxes de natureza apocalíptica. Malia iso, os que, ao meu modo de ver, si semellan estar a piques de entrar nun proceso de indubitable decadencia son algúns xéneros xornalísticos. 

No caso do debate televisado ninguén ten hoxe o máis mínimo asomo de dúbida (o radiofónico vai mantendo o tipo), pero, aínda que afortunadamente non sempre ocorre o mesmo no que atinxe á entrevista, hai anos que eu deixei de ler as de cantantes, actores ou directores de cine. Non só por conter unha ampla variedade de lugares comúns (e para iso xa está un mesmo, os colegas e as tabernas), senón por ter, dun tempo a esta parte, un desapacible cheiro a promoción e á máis ostensible publicidade. O mesmo vai ocorrendo coa clase política, en permanente campaña. O que nunca un chega a imaxinar é que semellante vacuidade poda rematar tinguindo tamén con esa especie de molicie mental embrutecedora as entrevistas a intelectuais, escritores, filósofos...

Un políglota en Cambridge

Hai uns días, o 24 de agosto, lín en El País Semanal unha conversa de Juan Cruz co grande pensador francés de orixe austriaca George Steiner. Coa sagacidade e o bo facer que o caracterizan, Juan Cruz adoita crear o clima idóneo para obter o mellor dos seus interlocutores. Nun intre da conversa, ante a sorpresa amosada polo entrevistado polo feito de que nunha universidade exista a obrigatoriedade de falar en galego, o xornalista sinala que o mesmo ocorre co catalán ao que Steiner resposta: “Pero non me compare o catalán co galego! O catalán é un idioma importante, cunha literatura impresionante. Pero o galego, por que vai ser obrigatorio nunha universidade?” (sic). 


Coma se aclara nalgún momento, a charla tivo lugar co tempo pactado dunha hora. Algo que ven sendo cada vez máis habitual cando o personaxe é alguén ocupado e se quere ir ao gran. Na radio ou na televisión non é estraño que ata as preguntas ou os temas estean previamente acordados co fin de crear esa falsa impresión de naturalidade tan común e, sobre todo, darlle máis “ritmo” ao asunto (imposible hoxe en día remedar aquelas máis de dúas horas de conversa entre Joaquín Soler Serrano e Cortázar no programa A fondo, ala polo 1977). Se aquí fose o caso (que non o sei), semella imposible entender a resposta de Steiner, ou, sexa coma for, non é doado entender o desprezo ou ignorancia provintes dun cráneo privilexiado coma o seu e que se agochan nesas verbas citadas. Malia iso, podemos tentalo.

Interludio en dous tempos
Por unha banda, é preciso facer constar que máis dun manual de Lingüística Románica de mediados do século XX (os anos de formación deste pensador nacido en 1929) distingue, á hora de falar das linguas da Iberorromania (é dicir, linguas de orixe latina da península ibérica) fundamentalmente tres (xeográficamente de esquerda a dereita): portugués, castelán e catalán. Nada din do galego. Quero crer que máis por prexuicio político que lingüístico. Compre dicir que o mesmo fan con outras dúas, astur-leonés e navarro-aragonés, que, fenecidas ou non (non imos entrar agora no tema), tamén son linguas latinas e non dialectos do castelán coma máis dunha vez se ten escoitado. Todo elo, sen embargo, non disculparía as afirmacións de George Steiner, profesor de, entre outras, a Universidade de Cambridge e falante de catro linguas. 


Pero tal vez isto nos leve a outra posibilidade. Como alguén co seu currículo vai manifestar a súa ignorancia nun tema coma este? É duro recoñecelo e afrontalo, sobre todo nun tempo no que un grande horror vacui nos empuxa a falar de calquera cousa (sobre todo en televisións, pero tamén en xornais, blogs, tertulias de café...) obrigando case sempre a sentar cátedra. Insisto, é duro recoñecer que non se sabe de todo. É moito máis doado deixarse levar por esa verborrea asolagante que nos contaxia o medio no que vivimos. Que fora iso o que ocorreu neste caso tampouco o disculpa. 


En fin, que non chego a entender o porqué desa resposta, agás que se tratase dunha boutade feita co ánimo de epatar (e perdóenme os galicismos), algo tipo Borges cando dicía aquilo de que o castelán non era outra cousa que francés mal falado.

A invisibilidade
Sexa coma for, non deixarei por isto de ler a George Steiner (tampouco, por suposto, a Juan Cruz). Hei recoñecer que durante un tempo as Gramáticas da creación do pensador francés foron un libro de cabeceira. A lucidez e orixinalidade que gasta ao tratar temas tan diversos coma a shoah, a Divina Comedia, a obra de Shakespeare, a de Sylvia Plath, ou a poética do silencio en textos tan fundamentais coma o citado, Linguaxe e silencio ou A morte da traxedia ben pagan a pena. Tamén o seu estilo envolvente, o potente fluxo do seu caudal lingüístico e a súa enorme riqueza retórica. Así que, chegados a este punto, tal vez sexa mellor prantexar unha terceira opción que tente explicar as súas verbas e que imos exponer a continuación. Unha opción que eu prefiro sobre as outras polas infinitas posibilidades que agocha. 


Agora que un tal doctor Xiang Zhang da Universidade de Berkeley anda investigando un metamaterial capaz de desviar a luz, o cal nos faría invisibeis, sería preciso que alguén o avisase con urxencia de que non se devane máis os miolos, porque iso xa sucede aquí, en Galicia. As afirmacións de Steiner veñen a confirmar algo que tal vez xa algún de vostedes sospeitaba: que, coma ocorría con aquel Castroforte do Baralla de Torrente Ballester, o noso pequeno país quizais non veña nos mapas (cando remate de escribir isto irei mercar un atlas actualizado) porque é invisible, sinxelamente non existe. Tampouco, por suposto, existe a lingua galega co cal é probable que esteamos todos a vivir unha sorte de ilusión colectiva certamente moi embriagadora, pero quen sabe se perigosa. O único desconcertante desta teoría é que compriría averiguar axiña a quen demo, e por que, lle deu a toleada de escribir obras tan cumpridas e senlleiras coma as Cantigas de Santa María, Follas Novas ou Sempre en Galiza. O único consolo é que quizáis, se algún día tentamos resolver esta dúbida, sempre nos queda a opción de preguntarlle ao propio Steiner.
mariopaz@avozdevilalba.com

4 de set. de 2008

"As vítimas, os nomes, as voces, os lugares" , un proxecto a prol da memoria histórica


Redacción

Máis de 300 lugares de toda Galicia foron escenario da represión franquista entre 1936 e 1939. O proxecto de investigación “As vítimas, os nomes, as voces, os lugares”, que a Consellería de Cultura e Deporte e as tres universidades galegas desenvolven desde 2006, ten entre os seus obxectivos fixar cales son eses lugares da represión: contabilizáronse xa 305 espazos que foron escenarios de fusilamentos e de paseos, cárceres, edificios nos que se practicou a tortura e lugares de enterramento. Entre estes últimos, o proxecto de investigación conta cunha relación de 26 foxas, ás que hai que engadir 11 puntos da zona costeira nos que se realizaron fondeaduras de cadáveres.

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo -na fotografía- e o catedrático de Historia Contemporánea e director do proxecto, Lourenzo Fernández Prieto, presentaron un novo avance dos resultados do proxecto científico. A investigación procura recuperar toda a información sobre a represión franquista entre o 36 e o 39. Por unha banda estanse a contabilizar e identificar as persoas que a sufriron, e por outra recupérase documentación de todo tipo sobre a represión e as voces das vítimas e dos seus familiares. Por último, búscase establecer cales foron os escenarios desa acción represiva en Galicia.

Polas catro provincias galegas espállanse os espazos nos que se escenificou a represión. Esta foi especialmente intensa nas cidades e vilas costeiras, pola maior actividade política e sindical que existía nelas. Isto explica que, xunto á presenza de foxas comúns, en Galicia tiveron especial relevancia as fondeaduras en diversos puntos da costa, arroxando cadáveres ao fondo do mar, como unha particularidade das formas da represión no noso país.

O traballo desenvolvido permite cifrar en 3.588 as persoas que morreron vítimas da represión franquista entre o 36 e o 39. Entre eles atópanse 224 persoas que figuran nos rexistros como “descoñecidas”. A isto hai que engadir que en moitas das 352 entrevistas persoais realizadas no proxecto afírmase a existencia doutras persoas desaparecidas. As vítimas mortais son só parte das 14.643 persoas represaliadas en Galicia, contabilizadas a partir do estudo das causas militares, rexistros civís, bibliografía especializada e entrevistas a vítimas e familiares.

Xunto cos obxectivos de establecer relacións completas de vítimas e lugares da represión, o proxecto "As vítimas, os nomes, as voces, os lugares" procura recoñecer as voces dos represaliados do réxime franquista, de forma que o seu testemuño chegue ás novas xeracións de galegos e galegas. Para iso estase constituíndo un fondo oral e un fondo gráfico e documental con documentos dixitalizados. O fondo incorpora material fotográfico e cinematográfico, documentos escritos e outros materiais.

O proxecto afronta entre 2008 e 2009 a súa terceira fase de execución. Este programa encádrase no esforzo da Consellería por recuperar a memoria e dignificar os represaliados galegos. Nesta mesma liña, Cultura declarou o 2006 como Ano da Memoria, e dende entón emprendéronse múltiples actividades que teñen como obxectivo investigar o ocorrido en Galicia tralo golpe franquista, divulgar eses feitos e homenaxear o labor de todas as persoas que sufriron a represión. Cultura conta ademais cunha liña específica de subvencións a asociacións e institucións culturais para actividades a prol da recuperación da memoria histórica.

3 de set. de 2008

Os avisos do Bus

Xulio Xiz
Na Vilalba da miña nenez, tiñamos os coches da empresa Ribadeo, que unían esta cidade con Lugo, pasando por Rábade, e os dos Hermanos Veiga, que facían o mesmo entre Viveiro en Lugo, pero que debían pasar por Baamonde para non coincidir entre Lugo e Rábade as dúas concesións.
Unha terceira linea, que ía de Vilalba a Ferrol con saída da casa de Ánxel Rego, era a que eu utilizaba para ir ás Pontes, á casa de meus avós, especialmente os días das feiras que cadraban o primeiro e o quince de cada mes.
A empresa, curiosamente rotulada como “Entidad única” estaba atendida polos propietarios, con algúns dos que eu tiña excelente relación, ben porque eles foran neneiros ou porque eu fun neno medianamente simpático, ou polas dúas cousas.
Pois os irmáns condutores da empresa cando o coche chegaba á casa petrucial, algo despois de Roupar, paraban o coche e deixábannos aparcados durante o seu bo cuarto de hora, para desaiunar.
A súa familia contaba con eles e coa maior naturalidade os pasaxeiros agradábamos con tranquilidade a que o conductor repuxera forzas na súa mesma casa. Todo estaba previsto, e o Bus a pesar da espera seguía cumprindo o seu horario con puntualidade milimétrica.
Os que esperaban diante das casas para viaxar calculaban traxecto e duración aproximada, e coido que ninguén nunca perdeu o coche por alteración do programa.
Un invento dunha empresa británica, baseado nun sistema de posicionamento por satélite, vai permitir saber en todo momento onde están os autobuses, calculando o tempo previsto do traxecto, e avisando ós interesados que o seu medio de transporte chegará a unha hora determinada.
Cóidase que este sistema se vai poder extender ós ferrocarriles, ós aparcamentos públicos, ás estradas e as súas continxencias, en fin que a técnica vai permitir acceder científicamente ós datos ou coñecementos que os clientes do coche das Pontes tiñamos hai medio século.
Coa diferencia de que agora será un aparatiño o que nos diga o que xa sabiamos os vilalbeses de outrora, e os conductores dos buses deberán conformarse con tomar un refrixerio na primeira área de descanso que atopen na estrada. A técnica poderá darnos máis precisión. Nunca a tranquilidade que supón comer na casa, nunha pausa do traballo.