PSdG: a mirada de Xaime Quintanilla


Fermín Bouza

Despois desta crise que estamos a sufrir, cuxas consecuencias en todas as ordes (non só no económico) aínda non coñecemos máis que nos seus inicios, e cuxa capacidade de destrución aínda estamos a ver, ningún partido, líder, país ou ideoloxía volverán ser o mesmo. Parece acabarse esa versión irrelevante da socialdemocracia que era perfectamente intercambiable con calquera outra ideoloxía á súa dereita, a cuxo fronte, ou en lugar relevante, púñase con algunha frecuencia ao máis golfo do pobo, por aquilo de que os golfos se entenden mellor coa dereita e é bo estar de boa gana cos que realmente mandan, que sempre son os de dereitas, máis aló da retórica democrática. Esta é a versión máis pesimista do político que un pode atopar por aí, sumando o peor dunhas e outras versións máis ou menos anarquistas que habitan no lendario bastante explícito do pobo e aínda das clases podentes e ilustradas. Os sociólogos tropezámonos con frecuencia con versións parecidas nos traballos cualitativos, sobre todo nos grupos de discusión ou focus groups sobre cuestións electorais e políticas, que acaban parecéndose ao que debía ser unha sesión política na Columna Durruti durante a guerra civil. Ese discurso é dominante, e é a ideoloxía popular de fondo da democracia en que vivimos. ás veces eses anarquistas (poñan aspas) votan ao PP, outras ao PSOE e outras ao resto de partidos do arco hispano-periférico. Pero a súa ideoloxía de fondo é a mesma.

Pensaba eu en todo isto tras algúns anos facendo grupos de discusión e escoitando as mesmas cousas desa orde, pero pensábao no contexto da lectura na prensa dalgunhas informacións sobre o PSdG, que é o partido socialista da miña terra, Galicia, que durante estes días tivo que elixir novo secretario xeral e novo candidato, por tanto, á presidencia da Xunta. Un home, pois, con grandes probabilidades de dirixir un goberno galego en non moito tempo. E pensaba en se este home, ao que non coñezo, sería o golfo do pobo, sería un home pragmático sen grandes dúbidas ideolóxicas, sería a honestidade personificada, ou se cadra a mesma intelixencia política en marcha, que é o que precisamos nunha terra ao borde de se perder polos barrancos da mediocridade ou da vulgaridade, renegando de si mesma, retomando camiños imposibles, negando a súa propia lingua, e aceptando que a mesma FAES ría sen castigo dos seus problemas lingüísticos (acaba de editar un papel lamentable respecto diso). Que será?. Non podo sabelo, pero outorgolle o beneficio non xa da dúbida, senón da fe, que é o que todos estamos dispostos a dar aos que asumen tan graves responsabilidades nun momento tan grave.

O home, de nome Manuel Vázquez, reclámase de Ramón Piñeiro, e colócao no PSOE. Ramón Piñeiro, un nacionalista conservador con boa cabeza, preso político na posguerra, filósofo intelixente e excelente persoa, tomaba o seu vermut os domingos á porta da miña casa en Santiago, e alí víao eu de neno cando saía a dominguear. Ramón Piñeiro, dicía, foi acusado polos neonacionalistas renacidos (anos 60) de non facer o posible para manter a estrutura do galeguismo histórico. É un debate de historia política e cultural de Galicia que ten interese, pero no que agora non vou entrar. Pero pode ir directamente ao seu propio partido Manuel Vázquez para lembrar a Xaime Quintanilla e o que pode representar nun socialismo netamente galego en loita pola dignificación do país.

Pero igual que o BNG, o PSdG xa ten substituto e un conato de estratexia (gobernar sós) bastante imposible. É certo que todo partido debe pensar en ter unha maioría propia, pero isto complícase para o PSdG no mapa político galego se non desaparece o nacionalismo ou o galeguismo como tal, cousa que eu non desexo e que eles tampouco deben desexar. Porque o que non vai desaparecer é a dereita, hoxe representada polo PP en exclusiva e mañá quen sabe por quen.

O problema do BNG e do PSdG é o problema da esquerda en xeral nestes momentos, á marxe de que sexa máis ou menos nacionalista nas nacionalidades: se non hai un debate teórico real, unha posta en valor do pensamento político, revistas especializadas dos partidos sobre os seus debates (o PSOE tiña moitas, que xa non ven, en Madrid polo menos) e unha sa e desinteresada repercusión deses debates nos medios, non hai unha conciencia nos seus militantes e nos seus votantes da relevancia de defender e votar o que defenden. Finalmente, boa parte deles non saben o que votan ou o que defenden, apenas unha rutina cargada de tópicos e miserias intelectuais.

Se Vázquez fose o líder adecuado, e Aymerich (BNG) tamén, entón abriuse unha nova etapa. É así?. Non o sei, para que os vou enganar.

30 de abr. de 2009

Revista de prensa: XORNAL DE GALICIA


Mitos no Goberno Feijóo


Xosé Antón Pérez Lema

A respecto da escolla de titulares de Consellarías e altos cargos de segundo nivel de Feijóo, transladáronselle á opinión pública algúns mitos:

1. Estariamos perante un Goberno de técnicos e expertos. A capacidade técnica, como a honradez, hai que llela supór a calquera. Porén, trátase dunha escolla fornecida nunha caste moi concreta: a dos funcionarios do máis alto nível. Non existiu escolla significativa entre os talentos da empresa privada, das profesións liberais, das nosas tres Universidades e do mundo social e sindical. E este coidado non evitou que un Conselleiro de Industria prometa un Plan Renove de 1000 euros por merca de automóbil e o Presidente lle corrixa.
2. Nos atopariamos diante dun Goberno de moita xestión e pouca política. Certamente, o baixo perfil políticoda meirande parte de conselleiros/as e cargos públicos é indubidábel. Mais non deixa de ser certa a evidente carga política da propia escolla: o Conselleiro de Educación coida que arrombar o galego do ensino é “un mandato electoral”e o Conselleiro de Cultura dí que o obxecto do seu Goberno, a cultura galega, é “unha limitación” e, xa que logo, non sería unha prioridade na súa xestión. O presidente fúndese nunha aperta cos presidentes de Ence e Iberdrola sen clarexar que vai pasar cos postos de traballo susceptíbeis de se crear cos Plans Industriais anexos á adxudicación eólica e sen formular un plan para os nosos comercios, hostaleiros e empresarios autónomos.
3. Suprímense varios Centros Directivos, o que suporía un grande aforro. E non hai tal, o aforro é ben miúdo. O verdadeiro aforro sería rematar coa duplicidade administrativa, suprimindo as catro Deputacións, agrupando concellos e requirindo do Estado a supresión dos Ministerios de Cultura e Vivenda e da Administración periférica. Mais para iso cómpre un novo Estatuto que o PP vetou na pasada lexislatura. Por outra banda, non se comprende xuntar Benestar con Traballo senón é para tirarlle o valor ás políticas social e de benestar, xusto no peor desta crise económica. Nin degradar ás políticas ambiental e de vivenda ao anexalas á política das infraestruturas.

Os mitos tenden a sublimar unha realidade máis mediocre. Cómpre non o esquecer.
_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

O nacemento do Miño


Xulio Xiz

Como todo parece estar en cuestión, ata o nacemento do Miño se presta a debate. Falta a precisión definitiva de onde nace o rincipal río da Chaira, de Lugo e de Galicia, pois desde terras chairegas camiña hacia o mar como buscando o camiño máis longo.

Os libros que de pequenos estudiábamos proclamaban que “el Miño nace en Fuentemiña, provincia de Lugo; pasa por Lugo, Orense y Tui y desemboca en La Guardia, formando frontera con Portugal”.

E soubemos e vimos que en Fonmiñá, había unha lagoa onde agurgulla a auga, e dela sae un regato pequeno. E hai anos naquelas terras pastoricenses ergueuse un monumento ó Pai Miño, considerándoo como un semideus, da man do escultor Magín Picallo Durán. E un aparcamento, mesas e contorno fan un lugar perfecto para o lecer.

Pero aplicando as doctrinas dos xeógrafos, da corrente máis longa e mayor cantidade de auga, o río podía non nacer en Fonmiñá, ou non ter aquela fonte como exclusivo nacemento. Porque unha corrente máis longa e máis grande viña procedente do Concello de Meira. Nacía no Pedregal de Irimia, onde se oía agurgullar a auga por debaixo das grandes pedras, e cando levaba algo máis dun kilómetro recorrido chegaba a Meira, a das pedras monacales, feito un señor río, facendo que o poeta Avelino Díaz, galego na emigración arxentina, escribira. ¿quen dixo, claro Rio Miño,/Que naces en Fonmiñá,/ Ti chegas feito un rapaz”.

Un gran río, con dous nacementos, no que prevalecía o de máis lonxe. Pero na actualidade os técnicos na materia poden ter algo máis que dicir, e hai poucos días que se soubo que o Miño podía nacer en Xermade, en Abadín ou en León.

Aplicando os criterios dos xeógrafos como a latitude e a lonxitude das correntes de auga, o rio Miño pudiera nacer nos montes de Abadín, na ladeira do Pico Carrancho, onde nace o rego Labrada, que logo vai ó Miño. Desde alí a Aguarda hai douscentos catro kilómetros. Con arreglo ó criterio da corrente máis longa, o Miño nace en Abadín.

Se se aplica o criterio da latitude, resulta que a fonte que nace máis ó norde é o Rego Casal, que nace ó pé do Monte Goía, en Xermade. Pero comparte esta honra co Labrada, polo que entón había que considerar a existencia de dous Miños nados en Labrada e Xermade. E en canto ó aspecto de maior distancia por lonxitude de cauce, o Miño nacería nas praderías de Cuetalbo, en Peña Ormiz, cerca de La Cueta. Esto entronca coa teoría multisecular de que Minius –nome latino do Miño- correspondía en realidade ó río Sil, que xa o refrán di que é o que trae a agua aínda que sexa o Miño o que leva a sona.

En fin, a verdade é que é demasiada información sobre o Rio Miño para poder asimilala así de repente, despois de toda unha vida sabendo que vai desde o Pedregal de Irimia ata a Guarda regando media Galicia.

E as doctrinas técnicas están moi ben, pero non van facer que mudemos de opinión. O Miño nace nas alturas da Serra de Meira, faise rapaz na localidade de Meira, faise maior en Fonmiñá e logo, sendo o rio máis poderoso de Galicia, lánzase polo mundo a gobernar as terras de Galicia. Que ó mellor os técnicos teñen razón, e o noso maior río vai por outros camiños. Pois pode ser, pero fará falla moito tempo para que nos acostumbremos.


Os campións de España de Fútbol Sala, recibidos na Deputación Provincial de Lugo


Redacción

O vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Antón Bao, recibiu este mércores aos quince integrantes da Selección Galega de Fútbol Sala das categorías de base benxamín, alevín, infantil e cadete masculina, logo de proclamárense vencedores do Campionato de España de Fútbol Sala, no que participaron as distintas seleccións do Estado, e que tivo lugar a comezos deste mes de abril en Ciudad Real. O Pazo de San Marcos acolleu esta recepción, á que foron convidados os voceiros dos grupos políticos con representación na Deputación de Lugo.

Na súa intervención, Antón Bao destacou os logros acadados por este grupo de deportistas lugueses nas distintas categorías de base, participando xunto á Selección Galega de Fútbol Sala nun campionato “importante e decisivo” que “coloca os nosos deportistas entre a elite do deporte estatal”, asegurou. Logo disto, o vicepresidente da Deputación recalcou que os triunfos “destes rapaces son un motivo máis de alegría e todo un referente que han de seguir os máis novos”. Alén disto, o nacionalista instou ao resto das administracións a continuar fomentando e impulsando a práctica do deporte de base, sexa cal for a disciplina, en todas e cada unha das comarcas lucenses.

29 de abr. de 2009

Veñen tempos convulsos


Antón Baamonde

Veñen tempos políticamente convulsos. No inmediato a encrucillada catalana -o financiamento primeiro, máis tarde a sentencia sobre o Estatut- vai poñer a proba as relacións entre PSOE e PSC. Montilla non quere ser Maragall: non quere sacrificarse no altar da gobernabilidade do estado. Pero para o goberno central esa negociación pode supoñerlle unha presión insoportable doutras comunidades de intereses afectados -Galicia entre elas- e da dereita, que esta vez se dividirá os papeis de policía bo -Rajoy- e policía malo -a caverna mediática madrileña con Espe á cabeza-.

O normal é que retorne a crispación, máis problemática en tempos de crise extrema -as noticias do paro, a cifra das familias nas que non traballa nin un só membro, son estarrecedoras-. Salvo que suceda un miragre esa conxunción de factores se levará por diante ao goberno do PSOE en Madrid. Cando iso suceda haberá que ter en conta estes dous datos; como moi ben afirmaba Fermín Bouza o pacto do PSE co PP en Euskadi xerará un agostamento do espazo estratéxico que pode notarse máis cando perda o poder. Ademais, as clases medias urbanas hai tempo que foron gañadas, no seu núcleo duro, polo PP.

Pode derivarse daí isto: que en España, que dende a transición era un país tomado no seu conxunto de centro esquerda, pase a establecerse un ciclo prolongado de poder da dereita. A temperatura basal parece estar xirando nesa dirección. No entanto, CiU e PNV retornarán ao goberno establecendo a tradicional entente co goberno central. En Galicia iso podería significar un notable apoio para Núñez Feijóo. Podería darlle tempo para gañar terreo e solidificar a reconquista. Aínda que hai que ter en conta que a súa victoria foi anómala, non só imprevista. No noso caso, a estas alturas o normal sería que gañase o bipartito, dada a transformación da estructura social e outros datos menores.

Revista de prensa: EL CORREO GALLEGO


Por que Baamonde non é conselleiro?


Antonio Cendán Fraga

No novo Goberno galego unha das maiores fallas que noto é a ausencia de Agustín Baamonde, noutrora o mellor alcalde de Vilalba dende Carlos III como dirían os clásicos, ademais de ser o persoeiro central da historia da capital da Terra Chá pola transformación que fixo da mesma no último treito do século XX.

Respectando sempre as decisións políticas e neste caso moito máis por vir da máxima autoridade de Galicia, no estaría demais lembrar que o responsable da Comisión de Xustiza e Interior do Parlamento galego deixou pasar magníficas oportunidades para ocupar máis altas lides, por enlamarse en inútiles loitas de poder local, cando o que se precisaba tanto nas Cortes de Madrid coma no Hórreo auténticos homes de Estado e non concelleiros de aldea, e vaia todo o meu respecto para as persoas que ocupan estes postos polos distintos lares de Galicia.

Independentemente da amistade familiar que me une a Baamonde, especialmente por seu pai e meu avó materno, ambos tristemente desaparecidos e que foran eses eternos amigos e compañeiros na vella Casa do Concello vilalbesa, cómpre comentar que o antigo alcalde chairego é un home do que se saben poucas cousas, aínda que se cadra non hai ninguén que estea a súa altura humana e política. Recoñezo que fun eu quen lle espetou aquelo de que no consistorio chairego podían tirar aos outros 16 concelleiros pola fiestra e quedar tan só el, que todo funcionaría ben. Non me arrepinto, porque coido que por unha vez na miña vida estiven acertado.

Na súa primeira etapa no Parlamento, ao que chegou algo tarde, era un dos deputados que facía tremer ao adversario político, tanto polo seu verbo fácil coma pola claridade de ideas, algo do que carecen a meirande parte dos que se dedican a vida pública. Sen embargo, a súa dedicación a vida política local dunha puxante vila do norte de Lugo, da que foi o único protagonista ao longo dos últimos vinte anos, impediu que Galicia puidese ver a gran calidade humana e persoal dun extraordinario político. Se Baamonde se dedicara a política de máis alto nivel cómpre preguntarse quen sería agora o inquilino de Montepío. Tampouco quero pensar que volva a ocorrer no Parlamento galego o que sucedeu no pasado nesa fría e fermosa vila pola que atravesaba nun vello sangai o escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro.
_________________________________________________________
Este artigo aparece publicado en El Correo Gallego o luns 27 de abril de 2009.

28 de abr. de 2009

Literatura e vida

Mario Paz González
Penso na literatura e máis na vida, nas sutís relacións que se establecen entre ambas. No epílogo a A cabeza do cordeiro (1955), esa colección de relatos que teñen como transfondo a contenda civil, Francisco Ayala narra algunhas historias, non inventadas pero tan incribles, que non foi capaz de incluílas, fabuladas, no seu libro porque “como escribilo”, interrógase, “como adobar nunha ficción feitos cuxa simple crueza resulta moito máis significativa que calquera aderezo literario?”. A literatura e a vida ás veces, se cadra, entrecrúzanse, e, en ocasións, a primeira, na súa natureza poliédrica, excede á segunda.

Un amigo, amante de poetas ignotos, en recente visita a Toulouse escríbeme abatido unhas liñas desde a fermosa cidade do Midi francés. Segundo relata, buscando nun plano outra cousa, atopouse cunha rúa adicada a Bertrand de Born, aquel vate medieval que cantaba á guerra, e decidiu achegarse a visitala. Malia que dita rúa non estaba situada nunha zona do arrabalde, a súa sorpresa non puido ser maior, non só pola sordidez e abandono que percibiu en fachadas ou beirarrúas, senón porque se achaba completamente tomada por locais e persoas cuxo principal negocio se baseaba, digámolo así, no amor mercenario. A pesares da desolación experimentada por este amigo, non podo negar que a misteriosa conxunción antitética de conceptos (amor e guerra) que a súa información entrañaba produciume unha íntima e inexplicable satisfacción.

Bertrand de Born (1140-1215), vizconde de Hautefort, foi un poeta e soldado occitano dos máis coñecidos no seu tempo e aínda despois. Empuñar a pluma e a espada non supón unha habilidade especial nel tratándose dun nobre do medievo. A súa singularidade radica no feito de axuntar, como poucos, ámbalas dúas actividades encamiñándoas cara a unha única e pleonástica finalidade. Da súa vida destácanse os seus enfrontamentos co seu irmán Constantino e as súas intrigas, que animaron algunhas das loitas intestinas da Europa medieval, entre elas as protagonizadas por Henrique, Conde de Anjou, contra o seu pai Henrique II de Inglaterra e o seu propio irmán Ricardo Corazón de León. Na súa obra non é difícil ver como, na maior parte das preto de corenta composicións conservadas, cantaba á guerra en afiados serventesios coa tenacidade fatal do que invoca á máis apaixoada das amantes. Por iso, o feito de que a rúa adicada ao poeta bélico por excelencia se atope tomada por aqueles que consagran os seus afáns vitais ao amor, aínda que sexa na máis infame das súas formas, non deixa de entrañar un insondable e atractivo misterio baseado, como non podería ser doutro xeito, neso que tradicionalmente se acostuma chamar xustiza poética. A tentar aclarar este arcano adico as liñas que seguen.

Imaxinar unha turba de maleantes, alcaiotes e rameiras que fosen amantes da poesía non é de todo imposible, aínda que non sinxelo (talvez si o fenómeno contrario). Pensar que turba tal decidise tomar esa rúa unha vez que foi nomeada, alugando locais ou vivendas, deslucindo as fachadas, trasladando a ela certa sordidez innata aos seus negocios co fin de redimir ao venerado poeta, tampouco. Podería quizais ser máis doado imaxinar a un alcalde ou concelleiro tolosano que, cal Dante Alighieri, decide darlle un escarmento á infausta memoria do vate condenándoo a unha sorte de inferno alegórico na Terra ao adicarlle, precisamente, a rúa consagrada ao contrario do que el cantou: ao amor, aínda que sexa nesa vertente de encontro clandestino (e pecuniario). Non en balde o florentino, na súa Divina Comedia (canto XXVIII, adicado ao Inferno) amósanos a un Bertrand de Born condenado e decapitado no noveno foso da oitava circunferencia do averno, xunto aos que sementaron a carraxe, a envexa, o odio... Deste xeito, este alcalde ou concelleiro do Languedoc (tamén el poeta na intimidade) estaría a darlle a razón a Calvino cando aventurou aquilo de que “o inferno dos vivos non é algo por vir; hai un, o que xa está aquí, o inferno que habitamos todos os días, que formamos estando xuntos”.

En calquera caso, ambalas dúas conxecturas tenden ao absurdo, pero del nútrese de xeito abundante a literatura, e tamén a vida. Ambas, literatura e vida, son necesarias; non sei se excluíntes. Nalgún tempo quizais o foron e esa terrible disxuntiva, non sempre premeditada, deixou a súa pegada indeleble na biografía dalgúns dos máis grandes creadores, aínda que non precisamente na do poeta occitano que soubo aunalas como poucos. Tamén, aínda que sospeito que ao seu pesar, aúnanse no caso de Roberto Saviano, autor desa dura novela que é Gomorra e condenado pola mafia napolitana. Leo na prensa unhas recentes declaracións nas que se doe do punto vital ao que o levou a súa obra dicindo que non hai nada que poda compensar a perda da liberdade. As pegadas da súa reclusión involuntaria deixan traslucir nas súas verbas unha certa e máis que comprensible amargura. No seu caso, como no de Salman Rushdie e algúns outros, a conxunción de literatura e vida ten asumido connotacións demasiado tráxicas e crueis. Pero a literatura, como todo arte, non é (non debería ser) á fin e ao cabo, máis que un mero entretemento (sublime, iso si) que pode proporcionarnos asemade un incognoscible goce estético. Tamén ás veces un tenaz coñecemento do mundo e dos outros e, cando iso ocorre, cando nos axuda a rozar a áspera follaxe que conforma a realidade, entón transmútase nalgo marabilloso e, sempre, imprescindible.

mariopaz@avozdevilalba.com

Os Consellos da Cultura a debate

Redacción

Representantes dos consellos da cultura de Galicia, Euskadi, Cataluña e Valencia, reunidos hoxe 27 de abril en Santiago de Compostela, reflexionaron sobre os novos modelos de funcionamento e organización destes organismos, e debateron acerca da proposta e deseño de novas políticas culturais. O portavoz do Consell Valencia de Cultura, Ramón Lapiedra, o conselleiro vasco de Cultura, Ramón Zallo, e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, tras o foro de debate “Os Consellos de Cultura”, celebrado en Santiago de Compostela.

No foro, os relatores insistiron na importancia da idea da centralidade da Cultura e na necesidade de avanzar na mellor articulación do sector cultural e acometer, por exemplo, accións de carácter prospectivo e o deseño de novas políticas públicas. Neste sentido, o presidente do CCG aludiu ás reflexións de Ramón Zallo e de Ramón Lapiedra, conselleiro cultural do Goberno vasco e membro do Consell Valencià de Cultura respectivamente, no sentido de que a Cultura non debe ser concibida "como un floreiro ornamental das políticas públicas", senón que ten que ser xestionada cos mesmos criterios que calquera sector da administración autonómica.

O foro tivo lugar na biblioteca do Consello da Cultura Galega e contou coa presenza e a participación dunha trintena de expertos na materia, directa ou indirectamente relacionados co organismo cultural galego. Nalgúns momentos das sesións asistiron tamén os deputados galegos Ignacio López Chaves (PPdeG), Ana Pontón (BNG) e Francisco Cerviño (PSdeG). Tamén departiu co presidente do Consello da Cultura Galega e cos relatores o conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta, Roberto Varela Fariña.

27 de abr. de 2009

Iste vaise e aquel vaise

María Xosé Lamas
Este vaise y aquel vaise
e todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas

que te poidan traballar...


Rosalía de Castro


Esta escena, pertence a un pasado próximo:

NUNO.- Nao percebo...
MESTRA.- Os seres vivos...
NUNO.- Os que vivem?
MESTRA.- Sim, os que vivem. Nascen, crescen, reproducem-se e morrem. Percebeste agora?
NUNO.- Agora sim, mestra.

Perante os últimos anos viñemos recebendo, mesmo na nosa pequena vila, inmigrantes. Sobre todo aqueles que acodían chamados polo traballo da construción. Rumanos, bolivianos e máis aínda portugueses ou brasileiros con escala en Portugal, achegábanse en busca do pan lonxe dos seus lares, tantas veces alén do mar.

Parello a este fenómeno, e dende moitos anos atrás, os nosos cerebros precisaban fuxir a países onde foran apoveitados. A ImáisDmáisI non foi suficientemente potenciada neste país como para que puideran asentar como verdadeira materia prima do desenvolvemento.

Hoxe volve ser habitual esta vella escena:

FILLO.- (Ao teléfono) Nai, teño malas novas. A María non lle renovan o contrato. Tíñana que facer fixa ou deixala na rúa, e sáelles máis produtivo non renovarlle e pillar para o seu posto a outra temporal. Eu, co meu rudimentario contrato de media xornada non saco para vivir.
NAI.- (O mesmo) Queres dicir que precisas cartos, non si?
FILLO.- Non, nai, quero dicir que decidimos marchar. O irmán de María buscounos piso e traballo onde el está. Pensamos que é o mellor.
NAI.- Sinto que marchedes pero, adiante! Hai que se buscar a vida. Pide o que precises. Botareiche unha man, coma sempre.

Non sei por canto tempo os nosos fillos han ter que fuxir, nómades, en busca do sustento. Xa poden volver a xurdir Rosalías que canten as penurias dos emigrantes. Por máis que os barcos transatlánticos mudaran en cómodos avións; por máis que as serodias cartas se convertan en chats na rede; por máis que as fouces de cortar cana ou as suores das tintorerías estean disfrazadas de uniformes negros con manteliños e panos no brazo con bandexas nas mans e viaxando entre mesas cumpridas; por máis que a fame substitúa á falta de desenvolvemento da substancia gris; hoxe ficamos do mesmo xeito que hai dous séculos...

… viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.

26 de abr. de 2009

A letra entroume con sangue


Xulio Xiz

Agora que a Administración se implica nos asuntos máis privados e todo está suxeito a norma, os pais non poden corrixir de xeito físico ós seus fillos non vaia ser que veña un xuiz e lles meta un paquete do que se van acordar toda a vida, se non os condenan a desterro.

¡Canto cambian as cousas!. Seguro que a ningún mestre ou profesor de Instituto de Vilalba se lle ocorre poñerlle a man encima a ningún alumno ou alumna, non xa polo que pode pasarlles, senón por principio, que os tempos non están para estas cousas.

Pero nos meus tempos os castigos físicos estaban á orde do día, e había un refrán que dicía “pérdense as que van arriba” para indicar que unhas losqueadas a tempo eran sumamente beneficiosas, tanto que mentras a man se levantaba para volver caer estábase perdendo o tempo.

Como pode parecer que estou esaxerando algo, baixo á realidade para comentar que na antiga Academia Santa María, en Vilalba, que estaba nunha casona á esquerda baixando hacia a Madalena, tiñamos un abano variopinto de profesores dos que coido hoxe quedará unha sóa, xa que o tempo implacable os foi levando un a un.

Había un profesor que daba xeografía e historia entre outras asignaturas, do que non vou dicir o nome por respecto á súa familia, que tiña como máxima a do “xarope de pau” que nos impartía de xeito xeneroso.

Tiña unha vara de catro ou cinco centímetros de diámetro que utilizaba con fruición ó menor erro nos habituais exames orais. Rapaces ou rapazas “cobrábamos” de igual medida, que neso era moi xusto, e aplicaba golpes indiscriminados na cabeza, nas costas, no traseiro ou nas pernas, segundo se cadraba. As rapazas aínda resultaban algo beneficiadas porque as amplas saias ían amortiguando os golpes do pau.

Como o ensino se beneficiou sempre dos avances tecnolóxicos, este entrañable profesor descubriu nun momento dado que os cables da luz revestidos dun trenzado de fíos quedaban obsoletos sendo substituidos por cables modernos, de plástico, brillantes, que tiñan unha textura especial. E fixo evolucionar o seu instrumento.

Mercou tres ou catro metros do novo cable, doblounos e fíxolle uns nudos de cando en cando de maneira que lle quedou un manexable látigo con nudos distribuidos estratéxicamente. Abandonou o pau monumental co que nos acariñaba e estrenou o novo utensilio pedagóxico, que sen dúbida aínda non figura no Museo –Mupega- instalado en Santiago pola Consellería de Educación.

Cando alguén “non sabía a lección”, recibíamos unha lección práctica das novas tendencias eléctricas. E manexaba o látigo coa pericia dun tratante de esclavos, tanto a rás do chan, naquelas nosas pernas masculinas de calzóns curtos ou as femininas de saias pola rodilla; nos traseiros máis ou menos protexidos; nos bustos ou nas fráxiles cabezas nas que só procurábamos protexer os ollos e as orellas, que os impactos dos nudos do cable nas orellas producían escozores que duraban varios días.

O novo Código Civil ten eliminado o que antes proclamaba de que os pais podían “corregir razonable y moderadamente a sus hijos”. Non sei se o que facía o noso profesor vilalbés doutrora se pode chamar “corrección razonable e moderada”, que se ben daquela a todos nos parecían do máis normal as súas agresións, a verdade é que quedei marcado por elas, senón por fóra, por dentro, directamente na mesma alma.

Supoño que tanto é o de máis coma o de menos. Pero falando enténdese a xente, pais e fillos, profesores e estudiantes. Parece mentira que tendo nacido cando nacín, e téndome criado como me criei, na actualidade –tantos anos despois- siga pensando que a palabra é o noso don máis preciado. Ou precisamente por eso, por tanto despropósito, hoxe sei –sabemos – o que non se debe facer.

Os vilalbeses do meu tempo, aprendemos moito na Academia. Cuns profesores máis ca con outros. Os métodos pedagóxicos eran moi diferentes. Aprendemos aínda ben letras pero, algunhas delas, costounos verdadeiro sangue.

Imaxe: La letra con sangre entra. Francisco de Goya

25 de abr. de 2009

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán

Lugo, 24 abril 2009

Meu amigo Antón:

Efectivamente, tes toda a razón: eu non debería estar ausente do camposanto o mércores pasado para despedir ao Pepe do Pita. Como podes comprender, non o faría se as esixencias do meu traballo académico non mo impediran, pero confésoche que andei triste todo aquel día porque lle tiña moito aprecio. Na Vilalba da nosa mocidade, cando morría un vilalbés de sempre, todo o pobo se conmovía: apenas había xente no anonimato. Agora xa temos un certo aire capitalino (que Deus nos perdoe) e, como ti dis, as mortes pasan desapercibidas se non é para un grupo de amigos. Supoño que é inevitable, pero, que queres, a min dáme mágoa o esquecemento dos que nunca saíron nos xornais. Seguramente moitos vilalbeses que, dende moi lonxe, lean nostálxicos esta páxina han gardar lembranza daquel home que cada mañanciña regaba as plantas da alameda e dedicaba a quen o saudaba un sorriso fresco que se volveu moi triste cando o seu mal lle fixo perder as pernas e o pechou na casa. Sufriu moito, e moito foi tamén o alivio que atopou na entrega xenerosa de Lola, a vendedora de peixe. Deixemos, pois, constancia: que o saiba quen teña lembranzas da nosa vila, mentres el descansa na paz da terra e na nosa memoria colectiva.

E, despois disto, meu Antón, temos que volver á banalidade da vida diaria. Na última carta quedei comprometido a comentarche algo máis sobre a Semana Santa, porque, cando saíamos da misa nocturna, no sábado de gloria, fixéchesme notar que unha boa parte da cerimonia foi en galego. Cousa normal, díxenche, e máis normal aínda sería se toda ela fose na nosa lingua, ou non?. Pois seica non, porque, segundo me explicabas, hai non pouca xente piadosa que protesta porque non quere saber nada do galego nas misas. E poida que teñan razón, dixéchesme baixiño coidando que non te oísen. Quedei amilagrado ollando de fite os teus ollos pequerrechos: será posible?.

Home, suxerín, sabemos quen son os que protestan e resulta que, efectivamente, algúns deles non apean nunca o castelán, pero tamén hai outros que falan sempre en galego, e non che resulta cómico que protesten en galego para reclamar a misa en castelán?. Respiraches fondo e respondiches con calma: ti es estudado, pero non entendes nada; non te decatas de que estamos na vila e de que, polo tanto, non somos da aldea?. O que está ben para as aldeas non cadra elegante para a xente máis educada das vilas ou, con máis razón, para as das cidades. Como lles has pedir que volvan ao galego aos que fixeron tantos esforzos para non pareceren pailáns?. Unha cousa, repetías, é o que se fala así en confianza, un castrapo calquera, e outra cousa é rezar que che é asunto moi serio e cómpre facelo como Dios manda (sic). Ademais, insistías, os máis dos vilalbeses que acoden á igrexa xa falan sempre castelán, por que habían cambiar de idioma para rezaren?.

Iso non é certo, retruqueiche, o que pasa é que, cando ti falas do conxunto de vilalbeses, pensas no grupo dos que, efectivamente, teñen xa de sempre o costume de falaren castelán, pero, se observas, non son tantos. E ademáis, moitos dos que o fan habitualmente non adoitan ter nada contra o galego, mesmo pensan que deberían falalo, pero, claro, custa traballo rachar cos costumes adquiridos. Collín alento mentres observaba no teu rostro unha risa suíña e xa imaxinei o que me ías dicir. E así foi: mira oh, case berrabas, queiras ou non, os que falan habitualmente castelán xa son moitos e non han volver ao galego, aínda que pensaran que deberían facelo; máis ben han buscar desculpas para non dar ese paso: algúns dirán que o galego non o saben falar ben (e o castelán tampouco, pero diso non se dan conta), outros pensarán que, se o fixeran, ían ser considerados coma xente do Bloque –Deus nos libre -, e moitos deles non deixarán de argumentar que, despois de todo, se os que se hospedan no Parador queren vir á misa, non é cousa de darlles a impresión de que somos pailarocos do rural. A xente da vila, meu amigo, non che está disposta a renunciar, por culpa dos curas, aos esforzos que fixeron para seren tan finolis coma os da capital. Xa teñen dabondo con soportar que os políticos lles falen en galego por obrigas oficiais ou que algúns galeguistas sigades coa vosa teima sen saberen moi ben como vos han responder. As cousas da igrexa sonche moi serias e aquí en Galicia o máis serio é falar coma Deus manda. Somos modernos, ou non?

Parecías falar con tanto convencemento que eu cheguei a dubidar de que estiveras en serio. Menos mal que nalgún momento os teus ollos chusqueiros estaban desmentindo as palabras que pronunciabas. O que non sei é se o razoamento que facías con disimulo será o que faga moita xente en serio, e iso si que me preocupa. Deixemos para outro día a continuación. Agora cóidate coma sempre. Unha aperta do teu amigo

Bernardo

Xornal de Galicia presenta o seu proxecto en Vilalba

Moncho Paz e José Luis Gómez, na súa intervención

Redacción

Xornal de Galicia tributou unha homenaxe á prensa local en Vilalba, dentro do acto de presentación do medio que tivo lugar no serán de onte venres. Os responsables de Xornal decidiron escoller a capital da Chaira por tratarse dunha vila que contou -especialmente durante o primeiro terzo do século XX- con numerosas e emblemáticas cabeceiras, entre elas algunhas actuais, como a edición dixital de A Voz de Vilalba e Terra Chá.Xa, medios que xunto co Instituto de Estudos Chairegos e Radiofusión colaboraron na organización do evento.

O xornalista chairego e colaborador de Xornal, Moncho Paz, fixo a presentación do director de Xornal de Galicia, José Luis Gómez, quen deu conta das características deste medio e mantivo un longo coloquio cos asistentes, entre eles varios colaboradores de Xornal como Xesús Parga e Xaime da Pena. Gómez puxo en valor a prensa de tendencias, "a de máis prestixio no mundo occidental", e vaticinou que seguirá adiante a concentración empresarial no sector, "tamén en Galicia".

O acto, celebrado na Casa da Cultura ás 20:30 horas, contou con máis de oitenta asistentes, entre eles o alcalde de Vilalba, Xerardo Criado; o concelleiro de Cultura, Xosé María García-Leira Boado; o deputado popular no Parlamento de Galicia, Agustín Baamonde Díaz; e os membros da oposición municipal, Margarita de Vicente Mato (PSdeG-PSOE) e Xosé Manuel Irimia (BNG). O Grupo San José, accionista maioritario do diario, estivo representado por Federico Cañas, e Xornal de Galicia, por Alberte Meixide.


Podemos vencer, debemos convencer, ou eu tamén soñar

Xosé Manuel Pacho

Nestes días aínda están quentes os resultados das últimas eleccións do País, e as análises aínda están a medio facer. Neste caso eu, e coma min, moitos outros que nos declaramos nacionalistas e de esquerdas, sentímonos fondamente desencantados co falar das urnas. Ben sei que o seu falar é sagrado, e todo o demais en democracia son especulacións. Ben sei. Acontece que teño moi claras as miñas ideas, malia que na sociedade na que viva sexan minoritarias. E as ideas, as utopías, funcionan, como dicía un filósofo a xeito de liña no horizonte: permítennos avanzar, porque nos dan unha referencia coa que comparar a realidade. Deste xeito, coa utopía, podemos medir o que a sociedade é, e o que debe ser. A historia é teimuda neste senso, deixádeme lembrar a Martin Luter King e como el marcou o camiño cando no seu país os negros non podían nin sentarse cos brancos. Así o quixo evocar Obama no seu célebre discurso de New Hampshire que xa ficou para a posteridade.

E se os horizontes, as ideas, as utopías, son importantes, en época de crise, moito máis. Coido que non se valorou na campaña suficientemente, unha nova xeración de votantes e de cidadáns e cidadás con voto que agora podían inclinar a balanza. Non forman parte da estrutura oligárquica e caciquil que durante moitos anos decantou o resultado político en Galiza, xa dende a ditadura de Primo de Rivera. Non son. Pero si son a nova xeración que nestes comicios liderou o cambio e á que nós non soubemos entender.

Por iso debemos facer autocrítica, como nacionalistas e como persoas de esquerdas, as culpas son de todos, as vitorias xa sabemos de quen; porque sen analizar o conxunto de factores que deron este resultado non chegaremos a nada, sen recoñecer os erros, tampouco. Eu deixo as navallas para quen as queira, deixo aos que saen agora a pedir dimisións picando como voitres no corpo morto para que a súa vaidade viva feliz. Pero O único que será construtivo é a idea de renovación.

Temos a sorte que na nosa democracia, que no noso país agora hai liberdade. Daquela aproveitémola para convencer do noso modelo de sociedade e de país a esa nova xeración, e á outra que se volveu escéptica e con razón. Porque temos que ter a conciencia clara de que o nacionalismo ten que convencer. E eu sei que temos argumentos, unha chea de argumentos políticos, sociais, históricos, culturais. Á fin, querer que unha lingua como a nosa, tan fermosa, sexa o centro do noso mundo, e que constrúa sociedades é algo incuestionábel. Ata para os que o cuestionan.

Porque houbo un tempo, seguindo a lembranza da loita contra a escravitude, que os escravos non querían que os liberaran, dicían que foran ensinados a recibir ordes e tanta liberdade non a podían aturar. Velaí o auto-odio que se percebe no país. Daquela, non falemos de pasado, nin do asoballamento futuro. Persuadamos con argumentos. Temos unha longa tarefa por diante. Podemos gañar ou perder eleccións, pero sempre debemos convencer. Alguén algunha vez tivo que soñar que un home podía voar, para cen años despois poder sucar o ceo.

24 de abr. de 2009

Cultura de marca-país


Moncho Paz

Son dos que o pasado domingo respiraron con alivio, tras o anuncio de Feijóo9 informando da composición da nova Xunta, un goberno de xestión aínda que de baixo perfil político. Alivio polo feito de que se manteña a Consellería de Cultura, despexando así a posibilidade de convertila nunha Dirección Xeral dependente de Educación, como se especulaba nas últimas semanas en distintos foros.

O departamento recupera as competencias de Turismo, o cal ten bastante sentido, tendo en conta os principais retos: continuar o proceso de internacionalización da cultura galega, atender ao sector audiovisual, racionalizar o proxecto do monte Gaiás, desenvolver a Lei 14/2008, de turismo de Galicia; e organizar o Xacobeo 2010, actualmente en fase de improvisación.

O novo conselleiro, Roberto Varela Fariña, experto en Relacións Internacionais e con ampla bagaxe, terá que acostumarse a ver as cousas dende dentro, aportando a súa experiencia para deseñar unha cultura comprometida, moderna e sen folclorismos, entendida en clave de marca-país. En menos de cen días, o primeiro exame. Sorte.
_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

Conservación e restauración de bens etnográficos

Redacción

A Consellaría de Cultura, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, vén de convocar por terceiro ano consecutivo unha liña de axudas destinadas á conservación e restauración dos bens etnográficos galegos. Cun orzamento de 300.000 euros están dirixidas aos propietarios de bens inmobles inventariados, tales como hórreos, cabazos, piornos, celeiros, cruceiros, petos de ánimas, palleiras, alpendres, pallozas, muíños, fontes, lavadoiros, fornos, pombais e outros elementos etnográficos similares.

O obxectivo destas axudas é protexer, conservar e difundir o legado patrimonial do país, especialmente as construcións características e senlleiras da cultura e os modos de vida tradicionais de Galiza. As subvencións están dirixidas á conservación ou restauración de hórreos, cabazos, cruceiros e petos de ánimas de máis de cen anos de antigüidade; elementos de carácter etnográfico que figuran como bens inventariados; e aqueles que forman parte de conxuntos históricos, lugares de interese etnográfico e o territorio histórico do Camiño Francés a Santiago.

As axudas que se conceden poden chegar ao máximo do 50% do custe de execución do proxecto. A Dirección Xeral de Patrimonio distingue nestas axudas entre as obras de conservación e de restauración. As de conservación son as dirixidas ao mantemento do inmoble como reparacións puntuais, limpezas, pintado ou substitución de materiais danados, e poden ser subvencionadas con 2.500 euros por obra ou 100 euros por metro cadrado como máximo. As actuacións de restauración son as destinadas á mellora da imaxe do inmoble e recuperación do seu carácter orixinal, a través da reintegración de elementos deteriorados, perdidos ou eliminados, e poden ser subvencionadas cun máximo de 5.000 euros por obra ou 200 euros por metro cadrado. O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto ata o 13 de maio.

Nas dúas anteriores convocatorias destas axudas, a Consellaría de Cultura e Deporte concedeu un total de 600.000 euros en subvencións a 200 proxectos. A maior parte das intervencións centráronse na restauración e conservación de hórreos. O resto das axudas destináronse a muíños, lavadoiros, cruceiros, fornos e petos de ánimas. As solicitudes foron presentadas na súa maioría por particulares, aínda que tamén recibiron as axudas asociacións veciñais e culturais.

Ver a convocatoria aquí.

23 de abr. de 2009

Mal rollo e malos datos en Galicia


Fermín Bouza

Non é posible debater con quen descoñece a realidade do país no que quere mandar e que descoñece, no caso que me ocupa, o que ocorreu en Galicia o 1M. O señor Jesús Vázquez Abad é o novo Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Na súa entrevista de hoxe, afirma que teñen votos prestados pola cuestión da lingua. Ou sexa, gañaron por esa cuestión, e están lexitimados para anular o decreto do Bipartito e, de feito, o de Fraga.

Hai que ignoralo case todo para dicir unha cousa así. Se queren acabar coa lingua poden facelo sen maiores escusas. Onte explicaba quen son estes matarifes e por que actúan así. E non é doado chegar a acordos con eles porque o seu modelo básico é o de manter un desequilibrio histórico, so pretexto dunha imposible igualdade, que conduce á desaparición da lingua de Galicia. É complexo falar con eles, pero hai que tentalo, aínda que sexa para que ninguén pense que non hai vontade de chegar a acordos razoables.

O conselleiro debería informarse mellor sobre o 1M: non teñen apenas voto algún de máis sobre os seus propios, perderon voto cara a outras formacións, perden en voto popular co Bipartito , e a lingua non aparece por ningunha parte nesta derrota en escanos do mesmo Bipartito que gaña en votos populares, e ao que lle deixaron de votar, segundo intención do preelectoral, xentes entre 5 e 1 de autoubicación, con prioridade cuantitativa de 1 a 4, é dicir, xente de esquerda que defende a lingua. Ou sexa que cambie vostede o chip, a xente que lle di iso sempre os votou a vostedes. A estas alturas non debe quedar ninguén no campo da esquerda que queira, de feito ou de dereito, acabar coa nosa lingua.

Marcando axenda


Antón Baamonde

A revista Tempos Novos dedica o seu último número á incidencia da presión mediática no resultado electoral. É evidente que esa campaña demostrou que xa non hai dentro e fora. Intereconomía, como outros medios non galegos da dereita extrema chega aos fogares a través da televisión en aberto. A dereita conta hoxe cunha batería de medios que disparan con armas de calibre groso fronte ao que apenas sí hai, en Galicia, nada. Se PSdeG e BNG non elaboran unha actitude intelixente nese terreo veremos á dereita e aos movementos afíns -dende Galicia Bilingüe ata os contrarios ao aborto, etc.- medrándose. E enfronte o trazo característico da esquerda local: a pasividade de fondo disimulada polas hipérboles.

Leo nun comentario a unha enquisa en La Voz de Galicia este títular dun lector cabreado con ese medio “Galicia non é país para covardes”. No entanto, o bipartito foino na súa relación cos medios de comunicación e, en especial, co periódico coruñés. Polo que vemos e sabemos ata o día de hoxe a nova oposición segue séndoo e parece que iso durará toda a lexislatura. Baixan a cerviz e ceden a iniciativa política, que hoxe se xoga nese ámbito. Se non o entenden así están perdidos.

Nunha entrevista, Quintana -doído pola perda das eleccións- ameazaba con facer públicos os cartos que os medios recebiron na lexislatura pasada. Naturalmente, non o fixo, porque é unha confesión de culpa. Eles realmente alimentaron a man que os executou. La Voz parece estar asumindo -dun modo máis disimulado como corresponde ao espírito do país- entre nós o papel que El Mundo xoga en Madrid: o do periódico que marca a axenda e que aspira xa non a condicionar senón a marcar a liña política da oposición e/ou do goberno.

É moi probable que teña éxito, agás que alguén se lle ocorra algo máis que protestar neste novomuro das lamentacións que son os blogs -interesantes para a discusión, pero sen peso na rúa- ou que Feijóo decida ter máis autonomía dese xornal do que foi o caso en Touriño & Quintana. Ao fin e ao cabo, tamén él pode acabar sendo vítima…

22 de abr. de 2009

Vilalba acolle o vindeiro venres a primeira presentación de Xornal de Galicia


Redacción

O director de Xornal de Galicia, José Luis Gómez -na fotografía- e o xornalista chairego Moncho Paz, editor de A Voz de Vilalba e colaborador de Xornal, presentarán o vindeiro venres día 24 en Vilalba este diario de información xeral, así como a súa edición dixital. A capital da Terra Chá será a primeira localidade galega onte teña lugar un evento destas características dende a saída á rúa deste medio, en decembro de 2008. A presentación terá lugar ás 20.30 horas na Casa da Cultura (Praza de Suso Gayoso s/nº). A organización do acto corre a cargo do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o xornal dixital avozdevilalba.com. Outras entidades que tamén colaboran no mesmo son Terra Chá.Xa e Radiodifusión.

José Luis Gómez, director de Xornal de Galicia, explicará no acto todo o proceso que se levou a cabo para sacar á venda o diario impreso, a integración de Xornal.com como diario dixital de Xornal de Galicia, a liña editorial e a estrutura da redacción, que se caracteriza por ser a primeira redacción integrada de Galicia.

Xornal de Galicia é un diario de información xeral cuxo ámbito de ámbito de difusión abrangue toda a Comunidade galega, con especial atención nas súas grandes áreas metropolitanas. O diario conta con tres redaccións nas principais cidades de Galicia: Vigo, Santiago e A Coruña. A redacción do diario está integrada por recoñecidos profesionais do xornalismo galego.

A empresa Xornal de Galicia S.A., editora do diario, está integrada en Udramedios, a cabeceira da división de medios de comunicación do Grupo San José. Con sede en Pontevedra e presenza en máis de dez países de tres continentes, San José é unha multinacional que opera en diversos sectores (construción, inmobiliario, concesións e infraestruturas, servizos, tecnoloxía, enerxía, e comunicación) e cuxos ingresos superan os 1.550 millóns de euros.

21 de abr. de 2009

Fermín Bouza e Xosé M. Pacho en AVV


Redacción

Fermin Bouza (Compostela, 1946), catedrático de Socioloxía (Opinión Pública) na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense, incorporouse á lista de colaboradores de avozdevilalba. com.

Bouza, membro fundador da Asociación de Comunicación Política (ACOP), ten publicado diversos libros sobre a súa especialidade e colabora en diversos medios de comunicación. Respecto á súa obra literaria, recebeu o Premio da Crítica polo seu poemario Labirinto de Inverno. Nado en Santiago, reside en Madrid desde 1968.


A seguinte incorporación será a do escritor Xosé Manuel Pacho Blanco (Ourense, 1974), autor que compaxina o traballo no seu despacho de avogado en Ourense, "o sitio máis lonxe do mundo", nas súas propias verbas, coas clases coma profesor de Dereito Constitucional na Universidade de Vigo, cos estudios de Ciencias Políticas pola Universidade Nacional a Distancia e co gabinete de comunicación da Fundación Vicente Risco. Tamén foi director da Revista do Colexio de Avogados de Ourense, Controversia.

Hai uns meses, en outubro de 2008, Xosé Manuel Pacho, saltou á primeira fila literaria cando se lle concedeu o premio Torrente Ballester 2007, que outorga cada ano a Deputación Provincial d’A Coruña, pola súa novela A choiva do mundo. Esta obra singular foi calificada entón coma literatura "vangardista" escrita nun "galego cosmopolita", feito que a fixo destacar entre os 300 orixinais procedentes de 18 países que concursaban naquela XIX edición.

Aquela foi a súa primeira, e fructífera, incursión na literatura, pois ata ese momento só tiña publicados ensaios sobre política e dereito. A obra, de estirpe faulkneriana, presenta unha ampla mestura de xéneros (pezas teatraIs, novelas truncadas, relatos de emigrantes, prosa poética, artigos xornalísticos, críticas literarias e mesmo o guión dunha curtametraxe…), facendo referencias á realidade cotián. A acción destaca polo seu cosmopolitismo e desenrólase en múltiples escenarios (cidades dos cinco continentes) e abarca múltiples temáticas (amor, desamor, morte e tolemia).

Foro da Solidariedade da Axenda 21 de Guitiriz


Manuel París

O Concello de Guitiriz está a promover ao longo deste ano a participación cidadá no proceso de elaboración da Axenda 21 Local, a través da organización de diferentes actividades dirixidas á poboación. Dentro das mesmas inclúese o desenvolvemento de tres foros de sostibilidade que están compostos por charlas, mostras e talleres. O primeiro que se porá en marcha será o Foro da Solidariedade, entre o 21 e o 26 de abril, que incluirá os seguintes eventos:

- Exposición “Terra” aberta ao público, situada na Casa Habanera en Guitiriz e que poderá ser visitada do 21 ao 26 de Abril. Constará de corenta e cinco imaxes en branco e negro sobre a realidade brasileira. Retratos da vida cotiá da poboación máis humilde, a súa loita pola terra, os nenos e nenas das favelas, a poboación indíxena... (inclúe textos de José Saramago e un poema de Chico Buarque).
- Unha charla-coloquio centrada no tema da “Cultura do Ocio no Rural”, a cargo de Juan José Lorenzo Castiñeiras, investigador da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida a todos os públicos e que se realizará o xoves 23 de abril de 11:30 a 12:30 horas na Casa Habanera do Concello de Guitiriz.
- Obradoiro de introdución ao XIS (Sistema de Información Xeográfica). Recoñeceranse espazos públicos, densidades de edificación e reparto equitativo do solo. Trátase dun obradoiro dirixido ao público en xeral e que terá lugar o xoves 23 de abril, de 12:30 a 13:30 horas, na Casa Habanera do Concello de Guitiriz.

20 de abr. de 2009

Comeza a deconstrución en Galicia


Fermín Bouza

Como podía agardarse, o novo goberno galego deseña a anulación do decreto 124/2007, movemento este que se fai contra a propia Lei Fraga que desdobraba o ensino en galego e castelán e o decreto posterior, do Bipartito, que asignaba o 50% de horas de ensino ao castelán e o 50% ao galego. Este decreto, que concreta a Lei Fraga, é o que Núñez ameaza no seu discurso, o mesmo decreto cuxos incumprimentos por parte das horas de galego (menos das reguladas en galego) foron, ao parecer, moi superiores aos inversos (menos das reguladas en español), como ben sabe a xente do ensino sobre o terreo. Que ocorrerá agora cun goberno favorable a esas organizacións que baixo o eufemismo da "liberdade lingüística" (nunca se violou tal liberdade, aínda que os organismos internacionais recomendan reiteradamente a inmersión lingüística, como en Cataluña, se se quere conservar a lingua) sementaron Galicia de demagoxia e incertidume?. Non caben rodeos ante isto, nin palabras que falseen a realidade: a debilidade das forzas sociais, non necesariamente partidarias, que realmente loitan polo idioma, fai hoxe posible que grupos organizados da dereita máis simplona e desinformada pero operativa, se movan nesa liña liquidacionista. A falta de saber como se articula esta desfeita, quizá sexa necesario un proceso de encontro entre todos os grupos cívicos e unha estratexia sensata, informativa e non agresiva, que expanda sobre o territorio de norte a sur e de leste a oeste, información de calidade sobre o estado da nosa lingua, o que significa perdela e os camiños para defendela e conservala. Un novo activismo lingüístico, máis amplo e sofisticado, debería cargar de desexo e esperanza á conciencia popular galega, e levala cara a políticas non liquidacionistas que manteñan á nosa terra na liña da dignidade histórica.

Sobre as adxudicacións eólicas, que Núñez vai revisar, hai que permanecer en alerta política e agardar acontecementos. Igual que coa Lei de Costas e as súas derivacións. Xogámonos moito en todo iso e os sinais que se están mandando non son bos. Di Núñez que non veñen restaurar ningún pasado. Sería magnífico que isto fose así, pero eu non o creo, tanto máis despois de repasar o seu discurso, tan cheo de ameazas directas ou solapadas e tan baleiro de esperanza para un país que debe recuperar a súa dignidade histórica antes de que sexa tarde.

Tradución: Paulo Naseiro
Imaxe: calendario elaborado polos alumnos do CEIP "O Cantel" de Foz

Mini e Mero, Pedrón de Ouro 2009


Mª. Xosé Lamas & Paulo Naseiro

Mini e Mero son dúas formigas obreiras que desde 1972 veñen facendo unha extensa e paciente recolleita de música tradicional e literatura oral galega, salvando deste xeito unha parte importantísima do noso patrimonio inmaterial, dedicando tempo, esforzo, ilusión e dando mostras dun activismo cultural e social exemplar, ben raro neste país.

Froito desta pescuda son publicacións como Contos de vellos para nenos, Somos lenda viva, Nadal en Galego (de música sobre o Nadal) e Coplas cantos e Romances de cego. Pero a grande maioría do froito deste labor detectivesco permanece inédita, gravada en milleiros de cintas que, pouco a pouco, van acadando formato dixital, e que próximamente formarán parte dunha base de datos accesíbel a todo o mundo, mediante a colaboración do Museu do Pobo Galego.

É por iso que lles van dar o Pedrón de Ouro 2009, o máis senlleiro premio da cultura galega, que honra aos galegos que máis se teñan destacado na defensa e a promoción das diversas facetas da nosa cultura nacional, ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida, como é o caso. Será o vindeiro 24 de maio, ás 12:30 da mañá, na Casa da Matanza rosaliá.

Mini e Mero son tamén o cerne d´A Quenlla, como o foron antes de Fuxan os Ventos, as dúas formacións case mitolóxicas da música popular galega. A Quenlla, xurdida en 1984, puxo todos estes anos unha especial atención na cultura tradicional, asumindo como base a memoria colectiva e, como fundamento histórico, recuperala do abandono e do esquecemento. É por iso que moitas veces traballan con textos de poetas e de escritores para, imprimíndolles musicalidade, devolvelos en forma de canción e de mensaxe.

E, por fin, Mini e Mero son Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, dous chairegos inseparábeis da fornada de 1951, nados os dous no mes de Sanxoán, aquel en Pacios e este en Vilalba, no cuartel vello. Dous grandes tipos que están sempre alá onde se reivindica e defende a nosa cultura. Dúas magníficas persoas a quen se pode calificar, sen temor a esaxerar, de bos e xenerosos.

Así que, parabéns, que o merecedes.

18 de abr. de 2009

Sobre o Queixo de San Simón


Xulio Xiz

Sorprendeume saber que a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia vai instalar 65 indicadores para sinalizar as oito queixerías que fabrican Queixo de San Simón, dentro da denominación de orixe .

Non tanto en Vilalba, pero na Terra Chá en xeral falta indicadores. Moitos indicadores, especialmente nos concellos de Castro de Rei e de Cospeito. Non sei como me amaño, e resulta para min – chairego confeso- unha vergoña dicir que me perdo pola Terra Chá. Pois sí. Foi o domingo dia cinco de abril cando desde o concello de Begonte pretendía ir a Riotorto, porque había un concerto dos amigos da Quenlla que me apetecía escoitar.

Crendo que coñezo a ruta, fun pola que atravesa desde a de Rábade-Vilalba ata perto de Cospeito, e entrei na Feira do Monte. Alí, en lugar de ir polo sitio de sempre para sair á xeral de Vilalba a Meira fieime dun letreiro que me indicou “Meira-Muimenta”, e desde alí xa non me enterei. Acabei perdido nun labirinto de explotacións agrícolas, con estradas pequenas todas iguais sen unha sóa indicación, e perdendo un valioso cuarto de hora para chegar a Muimenta.

Algo pode deberse a que eu sexa de natural pousón e despistado, non o nego. Pero cunhas cantas indicacións de dirección, que noutros concellos se usan podería evitar – non creo que esto me pase a min só- perdas inútiles.

Ó que ía: que as queixerías de San Simón van estar indicadas de xeito que non só sexa doado chegar perto delas senón tamén en calquera momento recibir información de todas elas conxuntamente.

Son 65 indicadores para oito empresas, así que desde Vilalba se van colocar nas dúas rutas que conducen a San Simón da Costa, e na que vai a Oleiros, onde hai tamén unha queixería.

Así, caminando polas nosas rutas, non só se nos indicarán as pontes e os ríos, as localidades e as igrexas, as casas de turismo rural, senón que agora tamén haberá indicadores que en forma de frecha nos indicarán hacia onde está a queixería e o treito que falta para chegar alí. E diante de cada queixería, un monolito de 180 por 90, con información conxunta de todas elas e doutros recursos turísticos da zona.

Vivimos un bo tempo para o queixo de San Simón. De xeito xeral, porque os produtos típicos da terra son cada vez máis valorados, e apreciados polo público. E este queixo é un produto ben característico e singular.

Pero por outro lado, polas actividades que darredor do queixo se celebran, entre as que está de forma destacada a feira anual que en Vilalba ven de celebrarse. E que aínda que se trate dun ben relativamente escaso, se se ten en conta que se venderon arredor de sete toneladas de queixo nun só día compróbase que esta acción ten unha importancia moi grande desde o punto de vista económico e social.

Digamos finalmente que non hai moito tempo que o queixo de San Simón ven de ser recoñecido oficialmente pola Unión Europea e entra nun rexistro de denominacións de orixe que Angel Ramil, o presidente do Consello Regulador do Queixo de San Simón denominou a “Champios league” dos alimentos de Europa.

Pois que nos aproveite a todos. Cada quen no seu papel, sexamos produtores, vendedores ou só afeccionados ó sabor dun queixo singular que desde Vilalba vai polo mundo pisando firme.

Peche da Mostra "Galicia pola radio"

Redacción

Máis de 12.000 visitantes e centos de estudantes de toda Galicia pasaron ao longo do último mes e medio pola exposición Galicia pola radio. A historia falada. A mostra, que acolleu a Fundación Caixa Galicia de Santiago, pechará as súas portas o domingo, sendo este o último fin de semana para poder gozar da maior colección de obxectos relacionados con este medio en Galicia.

A mostra serviu de colofón a unha serie de actos organizados pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega, e co patrocinio da Fundación Caixa Galicia, que serviron para celebrar os 75 anos de radio na nosa Comunidade Autónoma.

Moitas das persoas que asinaron no libro de visitas da exposición, aseguraron sentir unha “gran nostalxia ao recordar moitos dos acontecementos recentes da historia de Galicia a través dun medio de comunicación que marcou as nosas vidas”. Quizais por iso un dos cualificativos que máis se repite á hora de describir a mostra é o de “emocionante” aínda que seguido moi de preto polo de “didáctica”, en clara referencia ao carácter educativo da mesma.

Dende un principio esta exposición se concibiu como un recordo do que foi a radio en Galicia, pero tamén como unha forma de achegarlle este medio de comunicación ás xeracións máis novas e menos familiarizadas coa radiodifusión. De aí que numerosos colexios, institutos e mesmo alumnos de formación profesional e estudantes de comunicación organizasen visitas á mostra que foron aproveitadas para dar a coñecer aos máis novos como se traballa na radio.

Para iso dúas monitoras dirixiron uns obradoiros de radio en vivo nos que os mozos se converteron por unhas horas en xornalistas amateur e comprobaron a maxia dun medio ao que, de seguro, lle quedan moito máis que outros 75 anos de vida.

Ademais da orixinal ambientación dos diferentes espazos grazas ás grandes láminas que cubriron as paredes con fotos, textos e un orixinal deseño gráfico, a mostra incluíu numerosas vitrinas con obxectos relacionados coa radio. Un dos máis admirados foi o micrófono empregado por Franco durante a Guerra Civil polo que se transmitiu o fin da contenda en 1939, aínda que tamén tivo unha gran acollida a fonopostal gravada en Bos Aires en 1941 por Castelao co gallo da estrea d´Os vellos non deben de namorarse en Montevideo e cuxo contido se atopa entre os arquivos sonoros da mostra.

Esta foi outra das seccións mellor valoradas polos visitantes. Os máis de 140 documentos sonoros nos que se podían escoitar dende cuñas publicitarias ata indicativos radiofónicos pasando por rememoracións da chegada da radio aos fogares galegos e retransmisións históricas, como as do Prestige ou a visita do Papa Xoan Paulo II en 1989.

Pero ademais do percorrido sonoro, a exposición fixo un interesante repaso fotográfico a través de imaxes das primeiras emisoras e do traballo dos seus profesionais e de instantáneas privadas onde se aprecia a importancia que chegou a ter a radio na vida diaria da sociedade galega. É o caso da fotografía de Virxilio Viéitez na que unha veciña de Soutelo de Montes posa cunha radio mercada cos cartos enviados polo seu fillo, emigrado en Venezuela.

Unha radio igual a aquela formaba parte da ampla exposición de aparatos de todas as épocas, dende as primeiras radios de galena dos anos vinte ata modelos dos oitenta pasando polas radios de capela, os primeiros minitransistores dos anos 60 ou algúns dos escasísimos receptores que se fabricaron en Galicia e aínda se conservan.

Esta mostra forma parte dun completo programa que comezou o pasado mes de novembro cun congreso celebrado na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago no que participaron numerosos profesionais da radio en Galicia e que foi clausurado polo xornalista radiofónico Luis del Olmo cunha conferencia multitudinaria na aula sociocultural da Fundación Caixa Galicia. Para completar o repaso á historia radiofónica da nosa Comunidade, o pasado mes de marzo se inauguraba esta exposición coa que se deu a coñecer a orixe e o desenvolvemento da radio en Galicia dende os anos 30 ata a actualidade a través de numeroso material técnico, sonoro, escrito e fotográfico.

VII Open Internacional de Tae Kwon-Do

Redacción

Os deportistas Michael José López Castelo e David Ansede Carballeira do Clube de Tae Kwon-Do Moo Duk Kwan, de Vilalba, participarán o próximo fin de semana (os días 24, 25 e 26 de abril) no 7º Open Internacional de España na modalidade de combate e nas categorías Júnior e Cadete respectivamente. Este campionato é un dos Open máis importantes a nivel mundial e o único a nivel Europeo antes da Copa de Mundo e do Campionato do Mundo, polo que será unha cita ineludible para a elite mundial do Tae Kwon-Do.

Cartas a Antón


Bernardo García Cendán
Lugo 17 abril 2009

Meu amigo Antón:

Hai moito tempo que non che escribo porque o teu forno non estaba para bolos. Supoño que non che importa que lle diga aos nosos oíntes que eran cuestións de saúde as que afectaban o teu estado de humor. Afectaban e aínda afectan, pero teño a sensación de que vas recuperando e de que xa comezas a andar máis receptivo. Así mo pareceu as poucas veces que nos atopamos ao longo da Semana Santa e puiden gozar de novo cos teus comentarios. O primeiro deles foi efectivamente moi típico do teu humor: Estabamos ambos contemplando o paso dunha procesión, a do Santo Enterro, e de súpeto puxécheste a camiñar ao carón da banda de música facéndome acenos para me achegara a ver unha estampa curiosa: o rapaciño do bombardino precisaba ir lendo a partitura e non atopou mellor xeito que colgarlla do colo da chaqueta á rapaciña que ía diante del. O teu comentario era de esperar: xa ves, meu amigo, dixéchesme, nunca hai grandes problemas senón grandes solucións, nisto como na vida o que importa é poñer a funcionar a imaxinación. A continuación deches en cismar nas filosofías do comportamento para buscarlle unha explicación a outra das estampas procesionais: xusto por tras do párroco camiñaban, con paso solemne e cara de circunstancias, o alcalde da vila con dous concelleiros e un deputado da Xunta, todos eles do PP. Non me fixeches agardar polo teu comentario que era, máis ou menos, deste tipo: se tales edís tiveran que ir, coma calquera, nas filas de devotos, seguramente non estarían, pero acompañar ao Cristo morto, en posto de privilexio, xa paga a pena porque seguramente acabará por lles dar réditos. E, claro está, non me deixaches sen a túa pregunta: oe, ti que es sociólogo, coidas que ese paseo político acabará en votos electorais?. Tal pregunta xa ma fixera eu mesmo a véspera, día de Xoves Santo. Fun ver algúns amigos curas pola zona da Mariña e chamoume a atención que en varias das igrexas que visitei aínda seguían co costume de poñer uns letreiros nos primeiros bancos coa privilexiada fórmula de “reservados”. Non cheguei a tempo para ver quen ocupaba tales lugares, pero era doado imaxinalo. Na nosa Vilalba, por fortuna, non había tal reserva, e alegroume porque confeso que a min nunca me compraceron moito tales excepcionalidades e polo tanto nunca as fixen cando tiven responsabilidades pastorais. Pero naquel momento en que estaba tranquilamente vendo contigo a procesión vilalbesa non tiña eu apetito de filosofías e por iso cando me preguntaches que andarían a buscar os políticos da procesión, só se me ocorreu conterche unha anécdota que lle teño escoitado a meu pai: parece ser que aló polos anos vinte había unha señora que ía tódolos días ás varias misas matutinas e non tiña inconveniente en comulgar en cada unha delas, con tal de que a viran os que as tiñan encargadas, porque sempre sacaban algo de propina pola súa presenza, e o cura don Juán Ramos, que era moi perspicaz e sabía do choio, cando lles daba a comuñón, antes de pronunciar a frase litúrxica, dicíalles coa boca pequena: industria, miña nena, industria. E ti, Antón, que sabías do cura e da interesada, botaches a rir, e a min alegroume porque foi a primeira vez que te vin rir en moito tempo.Iso xa pagou a pena.

E por hoxe nada máis. A ver se a semana que ven comentamos algo do uso do galego na Igrexa, porque tamén niso te fixaches con moita atención nesta semana santa. Pero xa debo avanzar que ámbolos dous apreciamos o labor do grupiño parroquial que prepara as cerimonias na nosa igrexa: están a facelo cada vez mellor. Agora non teño tempo para máis. Cóidate e recibe unha aperta agarimosa do teu amigo

Bernardo

17 de abr. de 2009