10th International Conference on Textbooks and Educational Media

Xesús Rodríguez Rodríguez*

Os próximos días 3, 4 e 5 de setembro terá lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a 10th International Conference on Textbooks and Educational Media, que leva por título: Local, National and Transnational identities in textbooks and educational media.

Este congreso é promovido pola Asociación Internacional IARTEM (Internacional Association for Research on Textbooks and Educational Media), que ten entre os seus obxectivos fundamentais: favorecer a investigación e análise dos libros de texto e materiais didácticos, establecer contactos entre os investigadores interesados nos medios educativos e favorecer a formación do profesorado en temas relacionados cos materiais didácticos.

Unha das actividades fundamentais da asociación está relacionada coa organización dun congreso internacional bianual no que participan profesionais de recoñecido prestixio de moi diferentes ámbitos e países relacionados coa temática dos libros de texto e materiais didácticos. Trátase da primeira vez que este congreso se realiza en España, os anteriores congresos tiveron lugar en Finlandia (1993), Dinamarca (1995), Noruega (1997), Holanda (1999), Estonia (2001), Bratislava e Eslovaquia (2003). O último encontro bianual tivo lugar en Tonsberg, Noruega, en setembro do 2007. (Para más información da asociación, dos “Board Members” e do carácter do congreso pode consultarse www.iartem.no).

No desenvolvemento deste congreso está prevista a participación de 150 profesionais de recoñecido prestixio de moi diferentes ámbitos e nacionalidades, relacionados coa temática dos libros de texto e materiais didácticos (asociacións de editores, investigadores do ámbito universitario, profesores, representantes de ministerios de educación, entre outros). Así mesmo, contamos coa presentación de ao redor de 100 traballos de investigación relacionados co tema. A diversidade de traballos presentados está relacionada cos seguintes temas: características e uso dos recursos, situación dos medios do curriculum, análise e estudo do sector editorial, análises comparados, impacto das reformas educativas nos materiais didácticos, presenza das linguas nos materiais, estudos comparados da influencia que teñen na escola uns e outros recursos.

O congreso conta co apoio e colaboración da Secretaria de Estado de Educación e Formación Profesional, Consellería de Educación, Concello de Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, Asociación Nacional de Editores de libros e material de enseñanza, Asociación Galega de Editores, Nova Escola Galega e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

Entre os aspectos ou cuestións que se pretenden analizar no congreso, podemos destacar as seguintes:

¿Como afectan os cambios políticos, sociais, económicos nas decisións sobre os recursos educativos? ¿Como aparece cada unha destas realidades ou conceptos presentes nos recursos? Que identidade se reflicte nos materiais?, ¿que acontece coa cultura e coa realidade emigrante e inmigrante que se recolle nos materiais?. ¿De que maneira aparece reflectida a cultura nos recursos e de que maneira tamén os recursos están condicionando a cultura?

Así mesmo, durante os días 3, 4 e 5 de setembro, poderase visitar, na sala de exposicións do Auditorio de Galicia, a exposición Libros de texto e outros recursos didácticos elaborados en Galicia. Trátase dunha exposición que se concibiu ao abeiro do 10 Congreso Internacional de Libros de Texto onde se da a coñecer unha mostra ampla e variada de materiais didácticos, tanto formais como informais, de todos os niveis educativos, producidos por diversas institucións e asociacións de Galicia.

Cómpre salientar que este congreso internacional pretende contribuír non só ao análise da situación, senón sobre todo á toma de decisións sobre as políticas e as medidas que se poden emprender cos medios.

O acto de inauguración do congreso terá lugar o día 3 de Setembro no Auditorio de Galicia e están convidados os representantes das institucións e colectivos seguintes: Secretaria de Estado de Educación y Formación Profesional (Eva Almunia Badía), Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia (Jesús Vázquez), Alcalde do concello de Santiago de Compostela (Xosé Antonio Sánchez Bugallo), Reitor da Universidade de Santiago de Compostela (Senén Barro), presidenta da IARTEM (Susanne V. Knudsen), presidente da Asociación Nacional de Editores de libros e material de enseñanza (ANELE) (José Moyano) e Xesús Rodríguez (board member-IARTEM-USC).

Así mesmo, durante os días do congreso, contaremos con diversas conferencias entre as que cómpre destacar as pronunciadas polos investigadores incluidos no seguinte programa:

3rd September
09.00-10.00 Registration
11.00-12.00 Opening of the conference
12.00-13.00 Keynote: Gimeno Sacristán: “Text and Texbooks in the global information society.”
13.15-14.00 Keynote: Victor Freixanes: “The building and development of identity in educational resources”
14.00-16.00 Lunch
16.00-18.00 Workshops
18.15-19.15 Keynote: Staffan Selander and Bente Aamotsbakken: “Nordic identities in transition. Studies in identity formation”
21.00 Conference dinner at the Hotel Monument-San Francisco.

4th September
09.00-10.00 Keynote: Tania Braga Garcia: “Textbook production from a local and national point of view”
10.30-13.30 Theoretical session (Susanne V. Knudsen)
OR Visit to Museo Pedagóxico de Galicia
OR Visit to University of Santiago OR School Visit
13.30-15.30 Lunch
15.30-17.30 Workshops
17.45-20.00 Galego-Español-Portugues Session (Jesús Rodriguez Rodriguez)
21.00 Reception in the town hall

5th September
09.00-10.00 Keynote: José Moyano: “Textbooks sector in Spain: analysis of present situation and future perspective”
10.30-12.30 Workshops
12.45-13.45 Keynote: Günther Kress: “Semiotic / pedagogic change in English textbooks”
13.45-15.00 Lunch
15.00-16.00 Keynote: Manuel Area Moreira: “From textbooks to e-learning 2.0. State of the investigations about educational technology in Spain”
16.15-16.45 General Assembly of IARTEM
16.45-17.15 Closing the conference



*Xesús Rodríguez Rodríguez é profesor da USC e

membro do Comité de Dirección da IARTEM.

30 de ago. de 2009

XXII Edición do Pantín Classic en Valdoviño

Redacción

A praia de Pantín, en Valdoviño, será o epicentro do surf mundial xa que a XXII Edición do Pantín Classic congregará a máis dun cento dos mellores surfistas do mundo nunha proba que se enmarca na categoría WQS. Ademais do campionato de surf masculino que permite o ascenso á máxima categoría World Championship Tour e considerado como un campionato de 5 estrelas e dotado con 120.000 USD en Premios. A cita do Pantín Classic acompáñase cun bo número de actividades paralelas que inclúen concertos, exposicións de fotografía, clases gratuítas de surf en colaboración coa Federación Galega de Surf, limpezas de praias concertadas coa Sur Rider Fundaction, exhibicións doutras modalidades deportivas como skateboard ou snowboard, etc.

A Secretaría Xeral para o Turismo patrocina a XXII Edición da Pantín Classic, unha proba de surf que se celebra entre os días 8 e 13 de setembro na praia de Pantín, no concello de Valdoviño. Á presentación da proba, que tivo lugar o mércores 26 en Santiago, asistiu a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, e mais o director do campionato, Marcos Rodríguez. Así mesmo asistiron representantes dos outros patrocinadores –a proba conta con máis dunha vintena de patrocinios- e mais o presidente da Asociación de Cámpings de Galicia, Delfín Fidalgo.

Durante a presentación, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo destacou que o obxectivo da Secretaría Xeral para o Turismo, de Turgalicia e da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo en relación co deporte pasa por potenciar as diferentes disciplinas deportivas e actividades de competición ou eventos relacionados co deporte que, como oferta complementaria, reforcen aqueles destinos turísticos consolidados ou actúen como factor dinamizador daqueloutros que se están desenvolvendo e especializando. Carmen Pardo sinalou que "existen disciplinas deportivas que xa constitúen por si mesmas un reclamo turístico.

A práctica da náutica en xeral ou o caso do surf en particular, é xa un deporte asociado tanto á práctica do exercicio físico como ao desfrute da experiencia turística". A secretaria xeral comentou tamén que "facer deporte en Galicia é xa un xeito de coñecer a nosa comunidade e ao mesmo tempo é unha maneira de complementar a experiencia turística de modo sostible e saudable". Tamén matizou que a conservación de espazos naturais para a práctica deportiva repercute positivamente na sustentabilidade do espazo turístico e contribúe a dinamizar socioeconómicamente o espazo no que se asentan. Segundo explicou tamén o director do campionato, Marcos Rodríguez, agárdase que a cita reúna este ano a máis de 20 mil espectadores.

28 de ago. de 2009

X Xornada Europea da Cultura Xudea en Ribadavia

Redacción

O vindeiro domingo 6 de setembro terá lugar a X Xornada Europea da Cultura Xudea en Ribadavia. O acto contará con visitas guiadas, das 11 ás 17 horas, para coñecer o Barrio Xudeu, os seus mitos e lendas e toda a verdade en torno á Xudaría de Ribadavia. Neste senso, realizarase un singular percorrido onde se visitará non só a xudería senón tamén o Museo Sefardí de Galicia (CIXGA). A saída farase desde a Oficina Municipal de Información e Turismo. Ofreceráse unha degustación de viño kosher e doces sefardíes despois de cada visita.

O obxectivo é facer un percorrido pola historia e a presenza hebrea en Galicia, cidades de asentamento, costumes, actos de convivencia, oficios e labores, persecución e integración. Cómpre lembrar algúns acontecementos vinculados a esta comunidade ubicados no século XX, como por exemplo aqueles vencellados ás irmás Touza.

Tamén se fará a inauguración oficial da Sinalización da Rede de Xuderías de España. Ribadavia, como membro da Rede de Xuderías de España-Camiños de Sefarad, colocará a sinalización que marcará a xudería e o seu ámbito. Este acto farase ás 12 h Rúa Merelles Caula (inicio na Praza Maior) cara a Praza da Magdalena.

Asemade, ás 12.30 ho Centro de Estudos Medievais organiza unha conferencia sobre a figura do Malsín no Salón de Plenos do Concello de Ribadavia.

27 de ago. de 2009

Traxe galego en Viana do Castelo

Redacción

O Centro de Artesanía e Deseño dependente da Deputación confeccionou dous traxes rexionais que se doarán á cidade de Viana do Castelo con motivo da celebración do seu 750 aniversario. O Concello de Lugo, irmanado coa localidade portuguesa desde hai 19 anos, participará neste efeméride co agasallo destas dúas prendas elaboradas polos artesáns do CENTRAD. Trátase de dous traxes de gala, un de home e outro de muller, que están confeccionados con materiais nobres, como o veludo ou o liño, e teñen bordados en vidro. No caso do traxe feminino, o proceso de elaboración durou un mes e o masculino, quince días.

Tanto o deseño como a elaboración correron a cargo do taller do traxe rexional do CENTRAD que, xunto cos de ebanistería, libro e cestaría e o Obradoiro de Instrumentos Musicais, forma parte dos contidos deste Centro, que ten entre os seus obxectivo a protección, conservación e potenciación dos oficios tradicionais.

As dúas prendas serán amosadas mañá ós veciños de Viana nun desfile no que partiparán representantes doutras 11 cidades irmanadas coa localidade lusa. Despois dos festexos, o agasallo será exposto no Museo do Traxe.

Fallo do Certame: “Fagamos Pardiñas máis fermoso”

Redacción

A Asociación Xermolos deu a coñecer o fallo do xurado da primeira edición do Certame: “Fagamos Pardiñas máis fermoso”, no que participaron ducias de persoas, nos dous días do XXX Festival de Pardiñas. Co obxectivo de motivar a participación das e dos asistentes nun festival que é “Feira e Festa da Música e da Arte”, no que se busca compartir as artes e habelencias que teñen as miles de persoas que acuden alí. A organización está convencidade de que os asistentes a Pardiñas son todas e todos artistas, dalgún xeito. Na organización deste certame colabora a Deputación Provincial de Lugo, nas areas de Benestar Social e Cultura.


PREMIOS DE FOTOGRAFIA:
Debido ao alto número de participantes no apartado de fotografía, e ao quedar desertos outros apartados, o xurado decidiu conceder, 5 segundos premios en Fotografía, a:
Irene Díaz Prieto de Lugo
Oscar Expósito Figueiras da Estrada
Rubén Lamas Quintela de A Coruña
Xesús Pena Braña de Guitiriz
Xiana de la Peña Parga de A Coruña

Escultura
Xosé Valle Díaz de Sada

Tira de cómic
Diego Pena Espiñeira de Guitiriz

Video:
Agustín García Castañón de Arteixo

Grafitti:
O xurado decidiu escoller o deseño e proxecto de David Garrido, de Betanzos, para a decoración do stand informativo deste Certame.

As obras, as premiadas e todas as que concurriron, van estar expostas na Casa das Palabras e na XXXI edición do Festival de Pardiñas.

26 de ago. de 2009

Homenaxe a Celso Emilio

Redacción

A Asociación cultural Arraianos celebrará o vindeiro sábado 29 de agosto nas Terras de Celanova, sendos actos de homenaxe as vítimas do franquismo, así como ó poeta e escritor celanovés Celso Emilio Ferreiro na data na cal se conmemora o 30 aniversario do seu pasamento. O autor de ‘Longa noite de pedra’, ‘A taberna do galo’ ou ‘Onde o mundo se chama Celanova’ morreu subitamente en Vigo os 69 anos o 31 de agosto de 1979.

As actividades están previstas para o vindeiro sábado, 29 de agosto. As doce da mañá terá lugar unha homenaxe ás víctimas do franquismo, no Alto do Furriolo (Concello de A Bola). Asimesmo, tampouco faltará a lembranza aos fusilados durante a Guerra Civil, que eran "paseados" dende a cárcere franquista que ocupaba as dependencias do mosteiro de Celanova, ata o monte do Furriolo. Neste emplazamento, a asociación colocou hai tres anos un mural deseñado polo creativo de Sargadelos, Xosé Vizoso e na que tamén colaborou ou ourensán Xan Torres, e que servirá como escenario para a lectura de poemas que realizarán Xosé Luis Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Baldo Ramos e membros do colectivo Redes Escarlata.

Pola tarde, dende as 18.30 horas, os actos de homenaxe trasladaranse ao cemiterio de San Breixo, onde se atopan os restos mortais de Celso Emilio Ferreiro, para levar a cabo unha ofrende floral, un recital poético a cargo de Manuel Vilanova e Victor Campio, así como unha lectura dramatizada dos seus artigos xornalísticos. A velada estará amenizada musicalmente e rematará cun diálogo poético de Moncho Nicolás, experto en Celso Emilio.

25 de ago. de 2009

De Ourense a Santiago

Xulio Xiz

Hai uns anos, tiñamos un acto en Santiago e outro en Ourense, distanciados entre sí un par de horas.

En Santiago rematamos arredor das sete da tarde, e saímos cara a Ourense con hora e media de marxe para participar na presentación de “Cantos, coplas e romances de cego” de Mini e Mero, que se efectuaba con motivo da ourensá Feira do Libro.

Non hai máis de cen kilómetros entre as dúas cidades, e coidabamos que o tempo sobraría pero a estrada manifestábase difícil, con numeroso tráfico, e a conxunción de urxencia e prudencia fixo que chegasemos a Ourense algo despois das nove e media da noite, con tempo – eso si- de tomar uns viños cos protagonistas da presentación que rematara moito antes.

Lémbrame o tema o anuncio das obras do Ave entre as dúas cidades, que farán posible que o traxecto se faga en media hora, previo pago de vintetrés millóns de euros por cada kilómetro do recorrido do novo medio de transporte.

Segundo os cálculos de Fomento, esta fazaña vai ser posible o ano 2011, que non nos parece lonxe se pinta tan ben como se anuncia.

Hai cidades en Galicia desconectadas entre si, que precisan vías rápidas de conexión para non seguir perdendo o tren do progreso. Lugo e Ourense, de xeito especial, entre elas e co resto de Galicia. Coa salvedade de Ourense-Vigo e Lugo-Coruña. E Ourense-Santiago, que afortunadamente xa non é o que era.

Pero o Ave é urxente e importante. A ver se podemos chegar á hora prevista.

Música galega en Portugal

Redacción

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a d’Orfeu Associação Cultural colaboran por segundo ano consecutivo na organización desta iniciativa transfronteiriza, que ofrecerá un total de 47 concertos en Galicia e Portugal entre setembro e decembro. En concreto, os grupos galegos Aló Django, Banda Potemkin, Bukowski Blues Trío, Carmen Dor, Coanhadeira, De Outra Margem, Lamatumbá, Modulok Trío, Portrait, Som do Galpom e Son+D2 protagonizarán un total de 25 actuacións no país veciño, mentres que os portugueses Comcordas, Olivetree, Samasati, Sofia Ribeiro, Taberna Revisitada e Uxu Kalhus realizarán 22 recitais en Galicia, conformando así un amplo cartel que se desenvolverá en 20 localidades galegas e lusas.

O programa portugués percorrerá 11 dos locais que durante o próximo outono acollerán a décimo terceira edición de OuTonalidades, circuíto musical que promove a asociación d’Orfeu no país veciño. O calendario de actuacións dará comezo o 25 de setembro coa presentación de Som de Galpom na Casa da Juventude de Amarante e continuará até o 19 de decembro, visitando tamén Águeda (Espaço d’Orfeu), Aveiro (Mercado Negro), Chaves (Sala Multiusos), Estarreja (Bar do Cine-Teatro), Évora (Espaço Celeiros), Fundão (Casa da Moagem), Ovar (Café-Concerto do Centro de Arte), Porto (Contagiarte), Tondela (Bar do Novo Ciclo Acert) e Torres Novas (Café Teatro Virginia).

En Galicia, a programación inaugurarase igualmente o 25 de setembro cun concerto da banda portuguesa Taberna Revisitada na sala Aturuxo de Bueu. O cartel estenderase até o 5 de decembro por 9 espazos da Rede Galega de Música ao Vivo, que a AGADIC promove en colaboración coa asociación Clubtura: ademais do Aturuxo, Jazz Vides da Coruña, Pun D’Antón Rock Café da Laracha, Café-Cultural Roi Xordo de Allariz, Sala Run Rum de Ferrol, o Náutico do Grove, Clavicémbalo de Lugo, Pub Gatos de Melide e Auriense Café Cultural de Ourense.

Lunares: Santiago Catalán


Redacción

O Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba, coincidindo coas festas patronais de San Ramón e Santa María, organiza a exposición “LUNARES” de Santiago Catalán. O acto de inauguración terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o venres día 28 de agosto, ás 20,30 horas e nela intervirán: Paco Martín, Manolo Roca e Santiago Catalán.

A exposición estará aberta ao público desde o mesmo día 28 de agosto até o 18 de setembro no horario de costume do Auditorio Municipal. Todas as persoas que visiten a exposición terán ao seu dispor un folleto informativo no que se recolle unha mostra dos cadros do pintor e un texto de Paco Martín sobre o artista e a obra que se expón.

24 de ago. de 2009

Unha nova oportunidade perdida


Martín Seco García

Este ano, como tódolos anos anteriores, voltamos a ter que facer unha crítica, que intenta ser constructiva, ante a ausencia do goberno do PP na organización das festas patronais de San Ramón e Santa María, e isto facémolo sen ánimo de ofender á Comisión de Festas, que entenderá que este escrito non intenta, nin moito menos, ir contra o seu traballo e desde logo non creo que volte a actuar dun xeito tan politizado como sucedeu con algún dos seus membros do ano pasado, entrando de cheo no debate político e levando a espazos persoais a defensa a capa e espada dos intereses dos gobernantes do Partido Popular como se formasen parte del, ou será que sí formaban parte?


Desde unha esquiniña do Grupo Municipal Socialista quero facer público o noso sentimento de contrariedade por voltar a atoparnos con outras festas de San Ramón e Santa María nas que o Grupo de Goberno do Partido Popular escapar de novo das súas responsabilidades e esquece, ou mellor dito, renuncia a organizar as nosas festas patronais e deixa nas mans dun grupo de voluntarios, ben intencionados e cun esforzo altruista que os honra, o traballo que eles deberían de realizar, por ser Vilalba un municipio da entidade suficiente para que o desenrolo das festas patronais correse a cargo dos nosos representantes municipais, en especial da desaparecida, estivalmente, Concellería de Cultura, que non mostra a actitude necesaria para facer das nosas festas, unhas festas de referencia na comarca e, porque non, en toda a Provincia de Lugo, como outros gobernantes de concellos menores que o noso, sí intentan facer e en moitos casos conseguen.

Se ben, estas festas, aínda que organizadas desde o Concello, deberían de ser realizadas co apoio e a implicación das diferentes entidades e asociacións municipais da nosa vila, que deberían de ser chamadas a colaborar na súa organización e desenvolvemento, ademais de ser as protagonistas e non deixalo simplemente para aqueles “colaboradores políticos” que actuán máis polo interés persoal de manter o posto de traballo, a posición social ou económica e a influencia política que por facer das festas un gran acontecemento para tódolos veciños.

Ademais, unha vez que se mellorou, desde o grupo de goberno, a organización de eventos durante todo o ano e se fixo algo por escoitar as múltiples voces que surxían pedindo a organización de eventos como o San Xoán, que foi unha gran proposta da Asociación de Vecinos da Zona Vella e a Feira Medieval en datas diferentes ás festas de San Ramón, que moitos levábamos tempo solicitando, así como unha mellor organización da Feira do Queixo e do Capón, escapando ademáis do sucio aparcamento da Praza da Constitución que tamén levábamos moito tempo pedindo, así como outras celebracións, que teño que decir que melloraron bastante desde este último ano e que falan positivamente dalgún responsable municipal que se está preocupando por escoitar, mellorar e actuar para facer aquelo que é o mellor para todos, sen necesidade de enrocarse en posicións partidistas previas. Por todo iso, esperamos que as continuas críticas do noso grupo fagan que dunha vez por todas se atrevan a organizar as festas máis importantes para o noso concello, nas que contarían sen ningún tipo de dúbida co apoio, traballo e disposición á colaborar do Grupo Municipal Socialista.

Así que esperemos outro ano máis e deixemos que o tempo e a insistencia de todos aqueles veciños que pensamos deste xeito, convenzamos aos nosos gobernantes para que se atrevan a facer algo tan bonito para o que goberna, como é a organización das festas patronais e que isto suceda co apoio de tódolos cidadáns e entidades que así o desexen, e non que os gobernantes só aparezan para intentar teledirixir moitos dos actos programados nelas, sen logo dar a cara ante os cidadáns que lles deron a responsabilidade de gobernar.

Non quero rematar sen desexar boas festas de San Ramón e Santa María a todos os vilalbeses e a aqueles que veñen visitarnos nesas fermosas datas para todos nós.

Un proxecto político para mañá

Fermín Bouza

Foi unha guerra civil fundada nun golpe de estado errado contra un goberno democrático no marco dun sistema republicano no que era maioritaria a opción frontista de tipo antifascista (a chamada Fronte Popular) que entón se consideraba a política correcta fronte á radicalización da dereita na liña nazi-fascista. Foi unha guerra civil desa orde, longa, cruel, na que a República non puido dispor do material militar necesario para enfrontar con éxito a defensa da democracia, e afrontou o seu último intento (a batalla do Ebro) con inmensas carencias, sobre todo aéreas, que fixeron imposible unha vitoria que podería ser real con ese apoio que se lle negou.

Foi unha guerra que deixou o poder en mans dun consorcio civil/militar que representaba todo o máis radical da dereita clásica española, dereita radical que naquel momento era maioritaria no campo conservador, no que sobrevivían algúns sectores republicanos e laicistas e algúns nacionalismos periféricos. Pero foi a dereita máis radical, como corresponde a tempos de guerra, a que levou a voz cantante no campo franquista. A dereita republicana ou foi perseguida e aniquilada, ou se pasou fisicamente ao campo republicano, ou se emboscou na retagarda franco-fascista á espera de mellores tempos.

Eran xentes ilustradas, non moi clericais, pero si conservadoras, máis próximas ás Cortes de Cádiz que á Revolución Francesa e aos sans-culottes. Non eran moitos, esa é a verdade. A dereita española máis numerosa e representativa estaba a perder a iniciativa política fronte ás clases populares, e iso fíxolle comprometerse nunha aventura bélica tan cruel e inesquecible. Sería exacto dicir que tivo sorte e apoios, e gañou. Pero non é así exactamente: esa guerra e as súas consecuencias abriron o camiño dun futuro complicado para o conxunto do Estado español construído sobre aquelas ruínas morais, físicas, económicas e políticas.

A identificación do vello réxime franquista coa España unitaria e cunha forma intolerante de entender os problemas nacionais que conviven no Estado español, fixo que a saída á Transición non fose exactamente doada: problemas de terrorismo, descontento xeneralizado en federalistas, independentistas e unitaristas de diversa intensidade autonomista, ou nada autonomistas, unido a unha notoria falta de preparación política para afrontar os novos problemas nos dous grandes partidos de estado, o PP e o PSOE, e todo iso unido como un bebedizo indixesto foi abrindo unha fenda crecente entre un país cada día máis centralista e antiautonomista (a dereita vaino impondo en moitos medios de comunicación: aconsello ver a TDT, emisoras do Mundo e de Intereconomía: im-presionante) e outro país cada día máis centrífugo, escéptico e afastado do centro xeográfico do Estado ou de España, como queiran chamarlle.

E este é o marco no que un centralista (Fraga era un populista que dicían que soñaba en crear a súa propia Baviera social-cristiá en Galicia, o que o obrigou a un plus de galeguismo á súa maneira que non foi percibido como ameaza para a existencia real de Galicia), un centralista como Feijóo abre o camiño a unha desgaleguización rápida dun país, Galicia, que careceu dunha organización histórica de resposta, xa fose unha clase social burguesa activa e combativa, como Cataluña ou Euskadi, ou dunha esquerda con capacidade de xerar adhesións máis aló dos seus núcleos ideolóxicos de proximidade.

Todo indica que as cousas seguen así, pero con algúns cambios: hoxe hai unha parte importante das clases medias urbanas dispostas a sumarse a un proxecto galeguista e de progreso ben no marco do estado autonómico ou federal, ben con outras fórmulas. A estes sectores urbanos únense similares sectores nas vilas e no rural. é dicir: hoxe si hai unha base social para un proxecto progresista, e só a incapacidade política está a facelo inviable. Até cando?

22 de ago. de 2009

Chega o FIV


Redacción

O Festival Independente de Vilalba, FIV, vivirá este sábado a súa segunda edición, como preludio das festas patronais da capital chairega.

O cartaz deste ano inclúe ao cantante vigués Juan Rivas, un dos autores máis sinalados dos últimos anos, e con tres sorprendentes discos no mercado. O último deles, "Mundo Feliz", mistura sen comlexos bossa nova, bogaloo, lounge ou sonido Motown, nunha proposta fresca e sorprendente.

O festival contará tamén coa banda arousá Cornelius, cuxo estilo musical abarca rock, funk, rock&roll, hard rock ou acústico, cantado sempre en inglés. A banda está formada por David "Chiquillo" ás voces, Antonio Casado "El Abuelo" & Toni B. Willisch -un vello coñecido por estes lares- ás guitarras, Jose Vilas no órgano e piano e a sección rítmica a forman Andoni Arcos ao baixo e Ton Risco á batería.

The Pinker Tones é un dúo catalán recoñecido por crítica e público a nivel internacional. Coa música electrónica como base, misturan pop, funk, soul, bossa nova, breakbeat, swing, lounge e psicodelia. Teñen actuado xa en máis de 40 países.

Pecharán o FIV os DJ´s Javier Rial e Lelé. Unha cita moi recomendábel na noite do vindeiro sábado na Praza da Constitución vilalbesa.

20 de ago. de 2009

Lecturas estivais

Mario Paz González

En “Por que ler aos clásicos?”, Italo Calvino suxire que “toda relectura dun clásico é unha lectura de descubrimento como a primeira”, para engadir inmediatamente que “toda lectura dun clásico é en realidade unha relectura”. Quizais por iso o verán, cos seus días de morna e lenta quietude, con esa serea folganza, esa doce preguiza que convida a refuxiarnos en xardíns moito máis ledos que os cotiáns e afastarnos dos agobios das novas e da realidade, é a época ideal para frecuentar a algún destes autores que adoitan terse como modelos dignos de imitación.

A falta dunha edición en galego, revisito, pois, o meu baqueteado exemplar de Historia de dúas cidades, de Charles Dickens, e descubro que, casualmente, este ano cúmprese o cento cincuenta aniversario da novela. Como a casualidade acostuma a convidar á “causalidade”, decido celebrar o acontecemento voltando a lelo de novo co mesmo ávido afervoamento co que o lín hai xa moitos anos.

A acción de Historia de dúas cidades desenvólvese entre a Francia e a Inglaterra da segunda metade do século XVIII. Escrita apenas oitenta anos despois dos terribles acontecementos que a inspiran e lle serven de contexto, a novela xira ao redor das vivencias que configuran o drama persoal duns poucos personaxes que se atopan inmersos nese mundo turbulento e tenebroso que rodea os albores da Revolución Francesa. “Era o mellor dos tempos e o peor”, nos di no seu inicio maxistral, “a idade da sabedoría e a da imbecilidade; a época da fe e a época da incredulidade; a estación da luz e a das tebras; era a primavera da esperanza e o inverno da desesperación; todo se amosaba como noso e non tiñamos absolutamente nada; iamos todos dereitos ao ceo, todos precipitabámonos no inferno”.

O argumento é coñecido. Se ao comezo da obra contemplamos como, despois de estar preso durante décadas na Bastilla (e, mesmo, ser dado por morto), o doutor Manette volta a Inglaterra acompañado da súa filla Lucie, na segunda parte asistimos a un xuízo que ten lugar cinco anos despois en Inglaterra. Nel, un home novo chamado Charles Darnay é acusado de traizón, aínda que finalmente quedará absolto por unha pirueta dos seus dous avogados. Mentres Darnay e a filla de Manette namóranse en Londres, en París anda a xestarse unha sanguenta Revolución decisiva para a historia do mundo moderno. Cando, na terceira parte, Charles sente a obriga inescusable de regresar á capital gala, por mor dun degrazado imprevisto, os acontecementos precipítanse ao ser detido pola súa dobre orixe francesa e nobiliaria. O comezo da Revolución, despregando dun xeito abafante todo o seu horror, non lle impide ao doutor Manette e á súa filla ir na procura de Charles, aínda que iso reavive algunhas pantasmas do pasado con imprevisibles consecuencias.

A distancia espacial e temporal con respecto aos acontecementos serve a Dickens para facer unha valoración da vida cotiá e da xustiza social na propia época na que a el lle tocou vivir. Aínda que se adoita dicir que, nesta obra, Londres representa a orde e a seguridade, fronte a París, símbolo do caos e a máis tebrosa turbulencia, Dickens non aforra pormenores á hora de amosar con caudalosa abundacia a brutalidade e deshumanización coa que se exercía a xustiza en ambas as dúas capitais. Sen dúbida, a súa observación meticulosa, así como a perfecta ambientación e a recreación dos feitos axudan ao lector a comprender un período tan convulso. Malia isto, a visión de Dickens da opresión dos indixentes, campesiños e traballadores da Francia prerrevolucionaria, inspirada no famoso estudo de Thomas Carlyle sobre a Revolución francesa, centra a súa mirada, como é habitual na súa produción, cara ao factor humano. A súa severidade analítica fai que prevaleza o sentido común. As ideas deberían estar ao servizo das persoas e non ao revés, parecer querer dicirnos. Por iso, aínda que apoia as súas razóns, amosa tamén as eivas e contradiccións da revolta e tórnase incomprensivo, cobrando distancia, cara aos desmáns dos revolucionarios, ebrios dunha desmedida violencia e dunha brutal vinganza. Así, as esceas protagonizadas pola guillotina toman trazas case dunha fantasía macabra pola súa sanguenta explicitude.

Dickens consegue transportarnos a un universo moi homoxéneo con respecto ao conxunto da súa obra, cheo de lirismo e de sentimentos puros, pero ao mesmo tempo, quizais en maior medida que nas súas outras novelas, tamén cargado de escuridades e vinganzas, de realidades opresivas, contradictorias e desacougantes. Agora a circunstancia particular dos personaxes e o seu destino final amósanse tan encadeados cos acontecementos históricos e políticos da época na que transcorren, que non sería nada doado separalos.

Sen chegar a ser este o libro máis soado do seu autor, nen sequera unha das novelas de maior envergadura entre as que escribiu, esta historia de iniciación moral e política (entendido este termo no seu sentido máis amplo) ocupa un lugar destacado no meu canon persoal sen que poda dicir con certeza por que. Quizáis porque, seguindo a cita de Calvino do comezo, aúna dalgún xeito a sorpresa do que se amosa en perpetua novidade coa certeza e seguranza do xa coñecido. Tamén, como en moitos outros grandes clásicos, por riba dos feitos narrados, talvez destaquen a plenitude e vixencia dalgúns dos sentimentos de fondo que nela atopamos refrexados en personaxes como o enigmático e decisivo avogado Sydney Carlton.

Non son eu quen de criticar aos seguidores de Larsson (malia preferir Wallander a Salander), pero só a perspectiva histórica nos axudará a deslindar con lucidez e equidade o que realmente paga a pena. Non dubido que moitos clásicos de hoxe (como as novelas de Dickens) son os best-sellers de onte e, se cadra, moitos best-sellers de hoxe chegarán a ser os clásicos de mañá, co mesmo número de admiradores e detractores do que gozaron no seu tempo. De calquera xeito, a boa literatura distínguese porque serve sempre para fuxir da realidade, pero tamén para comprendela mellor. Nesta obra chea de anhelos e de medos, de saudades, pero tamén de acción descarnada, non só atopamos quintaesenciado o Dickens máis puro, o máis lírico ou o máis conmovedor, senón por riba, o máis preciso na descrición dun momento histórico tan cheo de convulsiós como foron as décadas finais do dazaoito. Quizais por iso mesmo, como ocorre a miudo cos clásicos, ao lela atopamos reflexións ou intuicións que son plenamente vixentes para que quizais, cando rematemos esta doce folganza estival, podamos comprender mellor o mundo que nos rodea.

mariopaz@avozdevilalba.com

17 de ago. de 2009

Libro galego en Bos Áires

Redacción

O proxecto de establecer unha colección de obras literarias galegas en Bos Aires favorecendo difusión e promoción da lingua e literatura galega no exterior é un proxecto longamente agardado. Esta iniciativa da que estamos a falar agora enmarcase dentro do proxecto "Babel, la biblioteca", que desenvolve o VII Festival Internacional de Teatro de Bos Aires xunto coa rede de bibliotecas da cidade bonaerense. É un programa que promove a lectura de textos dramáticos nas linguas orixinais de diversas comunidades de tradición inmigrante e, doutra banda, fomenta a incorporación de fondos de libros en diversos idiomas nas bibliotecas da cidade.

Por iso a Consellería de Cultura e Turismo vai colaborar na creación dunha sección do libro galego nesa rede de bibliotecas antedita co fin de difundir e promover a nosa lingua e o libro impreso no noso idioma en Arxentina. A sección contará cunha escolma de fondos tanto de recente publicación como clásicos que xa comezou a realizar o persoal técnico da Biblioteca de Galicia para dar unha imaxe real e completa do que representa a literatura e a creación galega escrita, tanto actual como histórica.

Con esta sección de libros galegos preténdese recuperar aspectos culturais que a comunidade galega aportou a Arxentina e, ademais, suporá un punto de partida para crear un novo centro de confluencia en torno á cultura galega, tan implicada na propia esencia da sociedade arxentina. Esta política compleméntase ademais coa catalogación dos fondos conservados, en colaboración coa Fundación Puente e que poden ser consultadas actualmente a través de Internet e nas páxinas do Centro Superior Bibliográfico de Galicia.

Esta non é a primeira ocasión na que a Xunta de Galicia, a través da súa Consellería responsable da materia de cultura, ten enviado a Arxentina coleccións de libros galegos. Os beneficiarios desta política de difusión da nosa produción editorial foron durante anos os centros e institucións galegas na capital bonaerense, nas que pódense atopar importantes coleccións de obras na nosa lingua e dos nosos autores.

Porén, nesta ocasión, preténdese dar un paso adiante, xa que non se trata de enriquecer as coleccións dos centros galegos, senón de crear dentro do propio sistema bibliotecario bonaerense unha sección de literatura galega accesible, tanto a descendentes de galegos como a tódolos usuarios do sistema que pretendan coñecer directamente en profundidade as nosas creacións literarias humanísticas ou científicas.

As posibilidades de colaboración, tanto de envío de fondos bibliográficos en idioma galego para incorporar ás bibliotecas públicas da cidade de Bos Aires, como a ocasión de reunir estes fondos nunha mesma biblioteca e crear a sección de literatura galega foron expostos e tratados nunha reunión celebrada entre o persoal da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires e o Director de Programación y Difusión Cultural de la Ciudad.

En outubro de 2009 a Consellería de Cultura e Turismo ten previsto ter as citadas coleccións seleccionadas, procesadas e entregadas á rede bibliotecaria bonaerense para a súa incorporación a 15 bibliotecas da cidade. Para a Consellería de Cultura e Turismo esta iniciativa supón unha oportunidade de contribuír á promoción e difusión da nosa lingua e dos nosos creadores nun entorno especialmente propicio como o arxentino, pola tradición da actividade cultural galega no país americano.

Debuxos de Isidoro Brocos

Redacción

Unha selección dos debuxos do artista galego Isidoro Brocos forma a exposición que a Fundación Caixa Galicia acolle ata o 27 de setembro na súa sede compostelá. Esta colección achéganos aos traballos preparatorios e academias que o artista realizou no seu estudio, pero sobre todo, nas súas viaxes formativas. Entre a obras expostas encontramos numerosos apuntamentos realizados nas súas estancias en Roma e París, como as vistas da cidade italiana ou estudos realizados de celebres esculturas de época antiga, como Antínoo ou Apolo Belvedere de los Museos Vaticanos, e de época moderna como o Escravo moribundo do Museo do Louvre.

Son dignos de mención os múltiples debuxos de academia, estudos de espidos e súas bocetos para retratos, mostra da pericia e o desenvolvemento técnico acadado polo artista. O inicial academicismo de Brocos tínguese dun forte compoñente romántico e regionalista, apreciable nas súas imaxes mitolóxicas, pero especialmente nas de temática relixiosa e costumbrista.

Isidoro Brocos iniciou a súa aprendizaxe en Santiago de Compostela, na Academia de Debuxo da Real Sociedade Económica de Amigos do País. Trasladouse logo á Academia de San Fernando de Madrid e completou a súa formación en Italia e Paris. Ao seu regreso a Galicia dedicouse á docencia en Santiago e A Coruña, onde durante dez anos foi auxiliar interino na Escola de Belas Artes ata que en 1891 obtivo a cátedra de Modelado e Baleirado de Adorno.

Escultor, debuxante e mestre, é un dos artistas galegos que mellor exemplifican o cambio de século e o cambio de estruturas da arte respecto á sociedade. A súa traxectoria arrinca dunha estrutura artística familiar. O seu afán viaxeiro e a súa curiosidade continua fálannos dun artista de dimensión europea, preocupado polos problemas estéticos e por todos os camiños da creación, pero encerrado, a un tempo, na placidez provinciana da súa cátedra e as súas amables figuriñas costumistas.

É normal este home?

Fermín Bouza

Parece que Feijóo non descarta separar aos nenos por idioma, entre outros disparates que este home di, segundo os xornalistas, porque eu non me acabo de crer tanto nihilismo conceptual e tanta simpleza. Di tamén que son máis os pais que prefiren o castelán en caso de ter que dar as clases nunha única lingua. Non é certo, iso non se preguntou así e para sabelo faría falta outra pregunta. Sabemos que nunha consulta sesgada e errónea, realmente inaceptable non xa metodológica senón democraticamente, é minoritaria a opción única do galego e a do castelán, enfrontadas ambas coas cifras bilingües sumadas á outra opción, que era o que se daba co famoso decreto, salvo circunstancias especiais. Nada di do deber de defender a lingua orixinal e propia de Galicia, o que implica outras cuestións que nin cita, quizá porque as descoñece.

A unha consulta de escándalo democrático e científico suma este señor un conxunto de disparates a maior gloria da onda antigalega e antiilustrada que este home parece capitanear. Non debemos perder moito tempo nisto, é a dereita que temos en Galicia e no estado. Hai que traballar con intelixencia e firmeza para volver canto antes a gobernar Galicia, quizá cheguemos a tempo.

13 de ago. de 2009

Visitas guiadas á Illa de San Simón

Redacción

A Consellería de Cultura e Turísmo e a Fundación Illa de San Simón poñen en marcha un programa de visitas guiadas á Illa de San Simón que comezará o sábado 15 de agosto e se desenvolverán durante a segunda quincena deste mes e as fins de semana de setembro, posibilitando a visita de máis de 7.000 persoas a este sitio histórico declarado Ben de Interese Cultural.

Este programa, que se inicia na vindeira fin de semana, da continuidade á programación de primavera que xa se desenvolveu na illa durante os meses de maio e xuño (como xa sinalamos no seu día en A Voz de Vilalba) coa realización de visitas ao sitio histórico e actuacións musicais do programa Espazos Sonoros. Durante este período de actividade a Illa de San Simón rexistrou máis de 5.000 visitas.

As reservas de praza para participar no programa de visitas guiadas poderanse efectuar a partir do mércores 11 de agosto a través da central de reservas da páxina web da Fundación www.illadesansimon.org ou a través do teléfono 986 90 38 84 (en horario de luns a venres, de 9h. a 14h. e de 16h. a 19h.). As saídas dos barcos efectuaranse dende os portos de Cesantes-Redondela ou San Adrián de Cobres (Vilaboa), en función das posibilidades da marea. Toda a información sobre as quendas de visita, os horarios e portos de saída estarán disponibles a través da páxina web da Fundación.

A través deste programa gratuito, as persoas interesadas poderán participar en percorridos guiados polo recinto, realizar visitas autoguiadas e visitar se o desexan o Centro de Interpretación das illas e o resto das exposicións existentes. As visitas guiadas, de aproximadamente unha hora de duración, abordan a historia da illa, a función do conxunto e das edificacións en cada período e os valores culturais e naturais presentes nestas illas e na enseada de San Simón.

Durante o mes de setembro, ademais de realizarse visitas guiadas á San Simón, efectuaranse percorridos marítimos pola enseada, co obxecto de divulgar os valores naturais deste espazo protexido e dar a coñecer os recursos e o patrimonio deste importante espazo mariño e costeiro.

A Fundación continuará coa súa actividade durante os meses de outubro e novembro, principalmente a través dun programa educativo dirixido a uns 2.000 escolares de centros de ensino de etapa ESO, que dará continuidade aos programas realizados xa con grande éxito durante o pasado ano.

I Carreira Popular Arumes do Corgo

Redacción

A mañá do vindeiro domingo 23 de agosto, no Corgo, celebrarase a I Carreira Popular “Arumes do Corgo”. Nesta proba participarán ao redor de 300 atletas de todas as idades, desde nenos e nenas de apenas uns poucos anos de idade até veteranos de máis de 55 anos. No acto de presentación, que tivo lugar onte pola mañá no salón de actos da Deputación, estiveron presentes o delegado de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, o directivo da Asociación Cultural Arumes do Corgo e director executivo da carreira, Mario Outeiro, o alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro, e Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo.

Antonio Veiga quixo mostrar o apoio da Área de Cultura e Deportes da Deputación a este evento en particular e á asociación Arumes do Corgo no conxunto do seu traballo, posto que se trata dunha asociación que desenvolve unha intensa labor no eido cultura desde o momento da súa creación. O delegado da Área de Cultura e Deportes encomiou o traballo deste colectivo e desexou que a proba, tal como todo fai pensar que así acontecerá, sexa un éxito e se siga organizando este evento deportivo, de xeito que medre máis aínda en magnitude e se converta nunha proba con arraigo no Corgo.

Pola súa banda, Mario Outeiro, membro de Arumes do Corgo e director executivo da proba, explicou que a I Carreira Popular Arumes do Corgo forma parte do programa de actividades “En galego, con bo rumbo” –presentado hai 15 días no salón de actos da Deputación de Lugo-, que inclúe a realización dun conxunto de eventos coa finalidade de difundir e promover a actividades culturais e deportivas que manteñan a cultura e idioma do país. Mario Outeiro referiuse ao enorme esforzo de medios materiais e humanos que a asociación vai mobilizar para que o vindeiro 23 de agosto a proba sexa un éxito. Segundo indicou Mario Outeiro, “as expectativas no referente á inscrición estanse a cumprir, xa que a día de hoxe o número de participantes inscritos para disputar a proba supera os 200, polo que de manterse este volume de rexistros con toda probabilidade se superarán os 300 participantes”. Aproveitou a ocasión para agradecer á Área de Cultura e Deportes da Deputación e ao resto de colaboradores públicos e privados, ao concello do Corgo, á Federeación Galega de Atletismo, ás forzas da orde e protección civil e a todos os voluntarios de Arumes do Corgo a súa aportación á hora de contribuír economica e loxisticamente á organización da I Carreira Popular Arumes do Corgo. Mario Outeiro manifestou o seu desexo que a participación sexa masiva, tendo en conta que a inscrición é gratuíta e está aberta a todo aquel que queira participar, sen importar a idade, para o que existen diferentes categorías que percorrerán distancias acordes co desenvolvemento físico de cada grupo e terán diferentes horarios de saída.

O alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro, referiuse á I Carreira Popular Arumes do Corgo como unha proba deportiva que terá moita importancia para o Corgo, polo que brindou o apoio do concello na medida das súas posibilidades para que logo desta primeira edición non deixe de celebrarse en anos posteriores.

Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, encomiou o traballo de Arumes do Corgo ao organizar esta proba deportiva, que se vén engadir ao conxunto de carreiras que se celebran nas comarcas de Lugo, e destacou a importancia que ten á hora de difundir a práctica do deporte entre todos os cidadáns e cidadás para defender a adopción dun modo de vida saudábel. Ao mesmo tempo, desexou que a I Carreira Popular Arumes do Corgo fose un éxito e saíse tan ben como todo o mundo agardaba á vista dos esforzos que se están a poñer na súa organización, sobre todo de cara a asentar esta carreira e que se siga celebrando nun futuro e todo o traballo realizado por este colectivo a prol do deporte non se perda.

No acto de presentación da I Carreira Popular Arumes do Corgo tamén estivo como convidada entre o público a atleta lucense Xoana Roig Regueira, corredora moi nova da categoría “Promesa” cunha gran proxección. Este ano, malia verse truncada en parte da tempada por mor dunha lesión, logrou vencer na milla urbana de Ames e disputou os campionatos galegos da milla e os 3000 obstáculos, acadando o subcampionato galego dos 3000 metros en pista cuberta, sendo unha atleta convocada para representar a Galiza nos campionatos de seleccións de Cross. En categoría “Promesa” acadou o 9º posto no ranking estatal de 3000 obstáculos e na categoría absoluta acadou o bronce no campionato galego en 3000 obstáculos.

Xoana Roig confirmou a súa presenza na proba do vindeiro domingo 23 de agosto, dando mostra do bo nivel que a I Carreira Popular Arumes do Corgo terá xa desde o seu inicio.

12 de ago. de 2009

Axudas para as festas galegas

Redacción

Entre as actuacións de fomento do turismo son especialmente relevantes todas aquelas encamiñadas á conservación do seu patrimonio inmaterial, o realce e a difusión do acervo cultural e histórico dun pobo que constitúen tamén un atractivo para o turismo. Entre estas últimas atópanse as festas e eventos populares que na actualidade acadan unhas cotas moi altas de participación cidadá, tanto naturais do lugar como visitantes, o que implica que se consideren de gran interese desde o punto de vista da oferta turística complementaria.

A importancia crecente destas celebracións fai que moitas das festas sexan declaradas de interese turístico de Galicia, estatal ou internacional polas súas singulares características de orixinalidade e calidade, de capacidade de convocatoria, de participación e polo seu especial arraigamento as diferntes localidades.

Estas actuacións, que nun importante número son organizadas por entidades asociativas sen ánimo de lucro, dan a coñecer a extraordinaria diversidade de Galicia a través da gastronomía, da artesanía e das distintas tradicións das vilas dun xeito lúdico e festivo; supoñen, porén, importantes accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais que cómpre promover desde os poderes públicos.

Deste xeito, a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, quere optimizar os recursos dispoñibles, tanto de infraestrutura como humanos e económicos para contribuír á organización e promoción destes eventos.Por iso a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, apoia con 1.247.326 euros as festas populares e outros eventos de contido turístico da comunidade galega.

11 de ago. de 2009

O meu amigo Torres Queiruga

Bernardo García Cendán

Non me apetecía escribir agora sobre Andrés Torres Queiruga, un amigo de moitos anos e de relación moi cordial; pero Paulo Naseiro dixo que si e aquí me tedes. Non me apetecía, malia ter escoitado a noticia de que unha comisión episcopal ía condenar o conxunto da súa obra por presunta heterodoxia. Mandeille unha mensaxe persoal dicíndolle que estaba con el, cousa que el xa sabía, e aí quedou. Non quería escribir máis ata estar certo de que, de verdade, aquela condena era real, que aínda non o é, por certo. Non podía comprender que os meus tamén amigos, o bispo Alfonso ou o bispo Quinteiro, puidesen ousar a descualificación dunha obra teolóxica que me resulta tan interesante, e que, ademais, o fixesen sen escoitar previamente, en fraterno diálogo, ao escritor. Eu ben sei que Andrés non é o Sumo Pontífice nin o son aínda os dous bispos, pero confeso que o teólogo de Aguiño está a ser para min un pontífice no senso máis literal: o que ergue pontes entre dúas ribeiras. No meu caso, entre a ribeira da fe que profeso e a das esixencias dunha razón que ma faga crible. Andrés non escribe dogmas, pero reflexiona fondamente sobre o núcleo das miñas crenzas e axúdame a mantelas, por máis que non sempre cadremos de acordo.

Os convencementos que teño coma verdades fundamentais chegaron a min envoltos na linguaxe da filosofía grega recuperada polos teólogos clásicos, especialmente Tomás de Aquino. Pero a miña formación posterior, filosófica e sociolóxica, trocou moitos dos presupostos que me teñen servido e que agora, porén, teño problematizados. As novas filosofías, as achegas de interpretación histórica, os avances da semiótica e da hermenéutica, etc. anuncian novos paradigmas que se fan necesarios para dar conta, con palabras actuais, do que, afortunadamente, segue a ser a miña fe de sempre. Os escritos de moitas conversas que mantemos desde hai moitos anos son dunha grande axuda para min e para moita xente, aínda que non sexan a resposta definitiva, claro. Non deixa de ser ben significativo que as súas obras principais leven no título a palabra “repensar”: “Repensar a creación”, “Repensar a salvación”, "Repensar a revelación” , “Repensar a Resurrección”, etc. Curiosamente, o mesmo día que o coñecín, a finais dos sesenta, tivo a delicadeza de agasallarme co texto da súa tese doutoral sobre a evolución do dogma: xa se vía por onde andabamos ambos.

Andrés é un teólogo noso, integrado na nosa cultura que el remoe coa galanura da súa linguaxe galega na que sempre escribe. Recoñecido no mundo teolóxico internacional –moito máis do que pensamos– é un home aberto sempre ao diálogo. Fuxe das frivolidades intelectuais e sofre especialmente cando os seus críticos se permiten desconfiar do seu amor pola Igrexa. Eu agardo que os bispos non emitan xuízos apresurados sobre a súa obra teolóxica sen ter dialogado con el polo miúdo. Ben o merecen as moitas persoas que, con motivo da fe, andan a se facer aquelas preguntas ás que el trata de dar resposta.

10 de ago. de 2009

Segunda fase da Cidade da Cultura

Redacción

O Consello da Xunta acordou o venres 6 dar inicio ao expediente para a licitación e contratación da Urbanización Fase II e das melloras de acceso, arranxo de noiros e moblaxe urbano da Cidade da Cultura de Galicia, obras para as que autorizou un gasto plurianual cun importe total de 41.996.435 euros. A intención é facer efectiva a súa apertura ao público e aos visitantes durante a celebración do Xacobeo 2010 e dar acceso aos espazos que acollerán exposicións e outros eventos deseñados para potenciar e divulgar a Cidade da Cultura.

A Consellería de Cultura e Turismo decidiu por razóns de interese público axilizar a adxudicación da licitación destas obras polo que a Fundación Cidade da Cultura de Galicia declarou, con data 30 de xuño de 2009, a súa tramitación por vía de urxencia co obxectivo de que en 2010 podan abrir ao público os edificios da Biblioteca, o Arquivo, o Museo e o de Servizos Centrais. A realización das obras da segunda fase de urbanización do Gaiás e das melloras de acceso, arranxo de noiros e moblaxe urbano permitirá que no momento de remate dos edificios, e con anterioridade a súa posta en servizo, aqueles disporán de aparcadoiro anexo e dos accesos rematados.

O proxecto que hoxe recibiu a autorización do Consello da Xunta, tras os informes favorables da Asesoría Xurídica e da Intervención Xeral, non indica un único prazo pechado de execución das obras senón que establece varios prazos sucesivos e adecuados ao remate dos edificios que compoñen o complexo da Cidade da Cultura, de xeito que se lles dea servizo e acceso completo no momento da súa finalización.

As obras da segunda fase de urbanización e dos accesos definitivos inclúen actuacións sobre unha superficie total aproximada de 147.500 m2 e contempla a construción dun total de 891 prazas de aparcadoiro. De forma desglosada, están previstas 769 prazas destinadas a automóbiles, 12 a automóbiles adaptados para minusválidos, 51 a autobuses grandes, 38 a autobuses pequenos e 21 para microbuses ou furgonetas. Igualmente, están planificadas zonas para paradas de autobuses próximas ao edificio de Arquivo.

Ademais das plataformas de aparcadoiro, no proxecto incorpórase a execución das Prazas Centrais, a diferente nivel, que conforman o espazo central de circulación, estancia de visitantes e que poden servir para a celebración de espectáculos. Do mesmo xeito, inclúese a execución dos camiños/escaleiras peonís, a pavimentación en pedra natural para o conxunto destinado aos peóns e en aglomerado asfáltico para os aparcadoiros, os traballos de drenaxe e moblaxe urbano (bancos, papeleiras, fontes, aparcabicis) e as instalacións de abastecemento de auga para a rede de rego e de electricidade para iluminación e alumeado público do conxunto. No proxecto, contémplase asemade a xardinería con diferentes especies arbóreas habituais da paisaxe galega, arbustos e áreas de flores silvestres.

As obras executaranse por fases independentes asociadas ao remate da cada un dos seis edificios principais que forman o complexo da Cidade da Cultura. Deste xeito, no proxecto están definidos os traballos e instalacións necesarias para a organización do conxunto da finca e a separación absoluta dos tráficos correspondentes á obra dos demais tráficos, xa que durante algún tempo convivirán a execución de obras co funcionamento dos edificios rematados.

9 de ago. de 2009

Prolingua, plataforma social en defensa do galego

Redacción

Comprometerse na defensa da lingua galega, rexeitar calquera intención de atribuirlle o idioma a calquera partido político e desenvolver accións relacionadas a promover a lingua galega sen agruparse a ningunha outra entidade. Estes son algúns dos criterios de funcionamento de Prolingua, unha plataforma constituída para a defensa da lingua que se define como “apartidaria e plural”. A entidade conta xa con 150 persoas de diferentes campos profesionais. Para esta nova plataforma son obxectivos irrenunciables os contidos da actual Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, documentos que foron aprobados por unanimidade e consenso.

En só dous días de presenza na rede por medio da súa páxina web (http://prolinguagalega.org) esta plataforma, que ven a sumarse a outras a prol do idioma, sumou máis de 500 novos apoios e máis de cinco milleiros de visitas.

Entre os compoñentes de Prolingua hai gran presenza de representantes de todos os sectores, moi especialmento do cultural, como é o caso dalgúns escritores como Iolanda Castaño ou Xosé Luís Méndez Ferrín.

O texto do manifesto que propoñen é, xa que logo, o seguinte:

Manifesto


INTRODUCIÓN

A Lingua Galega é o máis prezado patrimonio inmaterial do pobo galego. É o que nos identifica coma o que somos, galegas e galegos, e o que nos dá un lugar propio no mundo.

ANTECEDENTES

Os galegos sentímonos orgullosos de ter unha lingua milenaria cun glorioso pasado que, por circunstancias políticas, entrou nun túnel de silencio forzoso nas primeiras décadas do século XVI ata se converter en instrumento de marxinación e sufrimento moral e físico de moitas xeracións. O ininterrompido uso oral que dela fixo a xente humilde e o traballo das elites intelectuais que a partir do século XIX souberon rehabilitala, fixeron posible salvar o que é o principal elemento de identidade dos galegos e a base esencial da nosa cultura.

O traballo de todas esas persoas propiciou que hoxe Galicia sexa unha nacionalidade histórica e que conte con autonomía política, e os diferentes gobernos autonómicos foron poñendo os alicerces para a recuperación social da lingua galega, particularmente nos eidos do ensino, da administración e dos medios de comunicación públicos.

PRESENTACIÓN

ProLingua é unha plataforma creada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión que ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real, que pasa por unha presenza normal en ámbitos dos que se mantén practicamente excluída, como a empresa, a xustiza e outros servizos públicos e privados, especialmente os medios de comunicación.
En función disto, declaramos como obxectivos irrenunciables de ProLingua a totalidade dos contidos da actual Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, que contaron, en ambos casos, coa aprobación por unanimidade do Parlamento de Galicia.
Estamos nun Estado de dereito e como cidadás e cidadáns esiximos que se cumpra de xeito pleno a lexislación existente en materia lingüística.
Asemade esiximos que non se leve a cabo ningunha medida lexislativa que supoña perda de dereitos por parte das galegas e dos galegos a usaren e coñeceren a lingua galega e a facer dela o seu sinal de identidade galega.

FUNCIONAMENTO

-Establécese como único requisito ás persoas que desexen pertencer a esta plataforma, a intención de se comprometeren na defensa da lingua galega e na promoción do seu uso en todos os ámbitos, tanto públicos coma privados.

-Dado que a lingua galega é patrimonio do pobo galego, rexeitamos calquera pretensión de apropiarse dela ou de atribuírlla a calquera grupo ou ideoloxía particulares. Por iso ProLingua se declara unha plataforma apartidaria e plural.

-Os membros de ProLingua sono a título persoal e non portan representatividade ningunha de grupos ou asociacións na súa pertenza a esta plataforma.

-ProLingua promoverá accións de todo tipo encamiñadas á consecución dos seus obxectivos, mais nunca se sumará como ProLingua a ningunha acción allea, á que terán plena liberdade de agregarse as persoas que a integran de forma individual.

-Cando nunha acción figure o logo de ProLingua nunca poderá figurar ningún outro, sexa do tipo ou motivación que sexa.

-A representatividade de ProLingua recae na totalidade dos seus membros en plena igualdade e non terá máis camiño de interlocución cos poderes públicos có cumprimento íntegro dos seus obxectivos.

8 de ago. de 2009

O xefe de todo isto

Por César Reis

A finais de xullo a Fiscal Xeral de Venezuela, Luisa Ortega Díaz, presentou un Proxecto de Lei Especial de Delitos Mediáticos que foi recibido con aplausos polos membros do Parlamento. Esta lei “revolucionaria” (que vai “demoler”, en palabras do seu presidente, “as vellas estruturas do Estado burgués”) buscaría sancionar, con penas que oscilarían entre os seis meses e os catro anos de cárcere, a aqueles medios (audiovisuais, impresos ou dixitais) que coas súas informacións poidan facer que se cambalee a “estabilidade do estado”, a “paz social” ou a “saúde mental e a moral pública”. A consecuencia máis inmediata disto é que calquera é susceptible de ser penado, desde os directivos das empresas de comunicación, até os xornalistas, artistas ou cidadáns correntes que se expresen a través de calquera medio.

Só hai unha cousa que, coido eu, deberiamos agradecer ao presidente venezolano por tratar de levar adiante este proxecto e iso é, paradoxalmente, a transparencia e a sinceridade coa que o fai, é dicir, a transparencia coa cal pode sacarse da manga unha lei claramente censora que non pretende senón cernar toda postura crítica, pór unha mordaza aos medios para que retransmitan a realidade como a el lle pete.

Se cadra Hugo Chávez (xefe, polo que se ve, de todo aquilo) debería darse unha volta por estes pagos e ver como nolas gastamos aquí. O fin pode ser o mesmo, pero os medios empregados para logralo son, cando menos, moito máis sutís, máis finos se se quere, máis do noso tempo en todo caso.

Aquí o que se está a levar desde non hai moito son esas roldas de prensa e esas declaracións institucionais sen preguntas ou aquela outra
práctica, cada vez máis común, de distribución directa ás televisións de textos e imaxes coidadosamente estudadas e montadas sobre actos, mitins e todo tipo de eventos que se teñan organizado. Os gabinetes de información de partidos, institucións e, mesmo, grandes corporacións empresariais encárganse de todo iso utilizando os medios como un mero intermediario totalmente acrítico.

Non nego que boa parte da culpa se ache nos propios mass-media, precisamente por esa cómoda postura acrítica que, no fondo, non protexe ao desprevido espectador quen, no seu desamparo, está obrigado a dixerir enormes cantidades de información sen seleccionar, sen que ninguén o advirta da flagrante manipulación de que anda a ser obxecto ao ofrecérselle na mesma bandexa de prata esa sobresaturación inasimilable na que se amosan confundidas e, o que é peor, equiparadas a información real coa máis simple e basta propaganda.

Pode parecer esaxerado ou, mesmo, demagóxico, pero por algo será que unha institución tan seria e fóra de toda sospeita, como a francesa Reporters sans frontières (que, nos últimos tempos, sitúa sempre a Venezuela por riba do número cen na súa clasificación anual da liberdade de prensa por países), tampouco nos deixa nun lugar moitísimo mellor na súa lista de 2008: só a metade de camiño do país de Hugo Chávez, é dicir, no posto 39, moi por debaixo de Bélxica (7), Austria (17) ou Alemaña (20).

Convén precisar que outros, como Rusia, teñen peor clasificación (141) o que non é de estrañar tendo en conta que, desde a caída da Unión Soviética, morreron máis de douscentos xornalistas, como a recentemente desaparecida Anna Politkovskaïa, do bisemanal Novaïa Gazeta. Aínda que o proceso contra os seus supostos asasinos acaba de comezar (5 de agostode 2009
), a impunidade continúa sendo a regra nun país onde, por desgraza, moitos andan a preguntarse "quen será o seguinte?".

Aínda que aquí non sexa tan doado como en Rusia ou Venezuela saber quen é o xefe de todo isto, cómpre salientar feitos como esa decisión tomada este verán pola Audiencia Nacional de arquivar o caso José Couso. Desde logo non é moi boa noticia para a liberdade de prensa, pois, como sinalaron varias asociacións de periodistas, ao deixar impune esa morte, réstase valor ás declaracións dos correspondentes que foron testemuñas daqueles feitos.

A liberdade de prensa é algo moi fráxil que todos deberiamos coidar. Senón, quen sabe se, neste como noutros asuntos, todos nós, como ocorre na película de Lars von Trier que dá título a este artigo, non chegaremos a ser máis que partícipes e, peor aínda, cómplices dunha farsa que, ante os nosos fociños, está a ter lugar.

Imaxe: MXM


cesar.reis.alveiros@gmail.com

7 de ago. de 2009

Festas de San Lourenzo 2009 en Foz

Redacción

A Presidenta en funcións da Deputación de Lugo, Lara Méndez, participou este xoves na presentación das Festas San Lourenzo 2009 de Foz, nun acto celebrado no Pazo de San Marcos e no que estivo acompañada polo Concelleiro de Cultura, Xaime Cancio.

Lara Méndez destacou que os festexos, que se celebrarán do 7 ó 16 de agosto, “contan cunha programación que abarca diversos aspectos, como o cultural, o deportivo, as novas tecnoloxías -que son moi importantes para o desenvolvento de Lugo- ou a potenciación dos produtos gastronómicos da comarca e da provincia”. A Deputada en funcións sinalou que “todo isto xera unha actividade económica en Foz pero tamén na comarca e, polo tanto, na provincia de Lugo. Potenciamos non só un Concello xa que se xera unha actividade económica fundamental como é o turismo na Mariña”.

Pola súa banda, Xaime Cancio lembrou o vencellamento histórico destas festas con Lugo “xa que naceron como reclamo para os veraneantes que, naquel entón procedían case exclusivamente da capital da provincia”.

O Concelleiro de Cultura subliñou o nivel dos concertos, como Efecto mariposa ou Fía na Roca. “Ademais contaremos con 7 orquestras de gran nivel e coa “Festa do polbo”. Pero gustaríame destacar especialmente unha actividade que terá lugar o día 10, ás 12:30: o espectáculo piromusical e acuático, que será único por celebrarse nun entorno como o da praia da Rapadoira”

O Concelleiro de Cultura avanzou que o presuposto será de 90.000 euros e que haberá cambio de ubicación, xa que todos os concertos se celebrarán na explanada do Porto.

As festas patronais de Foz comezarán o día 7 co pregón a cargo do Presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda. O sábado, día 8, actuará o grupo Efecto mariposa ás 12 da noite na explanada do porto; o 10 haberá un gran espectáculo piromusical e e acuático na praia da Rapadiora; o 14 Fía na Roca acutará ás 23:30 na explanada do porto, e o domingo 16 haberá “Tango Arxentino” no patio do colexio nº1. O programa tamén inclúe actividades deportivas como o “I Campeonato de Surf. Festas”, concurso de castelos, unha queimada popular e a mostra folclórica infantil.

Pica aquí para ver o programa.

'Novos valores' no Museo de Pontevedra

Redacción

O certame de Novos Valores da edición deste ano conta con 11 fotografías, 8 pinturas, 7 esculturas, 7 vídeos, 4 debuxos, dous gravados e unha obra clasificada como "varios" que o xurado seleccionou de entre as 290 obras artísticas que se presentaron. Todas as obras foron realizadas por artistas considerados novos talentos das artes plásticas, naturais ou residentes en Galicia. De entre as obras seleccionadas, seis son as premiadas cun importe de 6000 euros para que os galardonados amplien os seus estudos artísticos.

O rematar o acto, Francisco López, salientou a "forza creativa da xuventude e a súa procura expresiva vital e arriscada, pola celebración do novo e a transformación do vello". López, remarcou ademais a oportunidade que ofrece esta mostra de Novos Valores de "renunciar ao superficial e ao acomodamento na seguridade do coñecido".

Novos Valores foi unha inicitiva que naceu no ano 1982 con intención de promover as actividades culturais, en xeral, e as manifestacións artísticas en particular. Este certame é o máis antigo de Galicia no seu xénero e o seu labor está recoñecido pola cantidade e categoría dos artistas que formaron parte destas exposicións nas súas edicións ao longo dos anos.

A obra seleccionada de Novos Valores 2009 poderá visitarse ata o 13 de setembro na Sala de exposicións temporais do Museo de Pontevedra.

Bin Laden, o sacamantecas

Xulio Xiz

“Que ven o coco!” era a ameaza que aterrou ós nosos pais e a nós mesmos en tempos que xa son historia. Pero na miña Vilalba do comezo dos anos sesenta o verdadeiro terror producíanolo a mención ó “Sacamantecas”, que noutros lugares chamaban “Sacauntos” que se supoñía era un ser abominable que andaba na percura das partes interiores máis menudas dos seres humanos, con preferencia pola dos pequenos.

Téñenme afirmado con total seguridade que o “Sacamantecas” andaba por Mourence, que fóra visto pola Pena de Miguel, e aínda polos Freires, sen dúbida para que nas nosas inocentes correrías infantís evitásemos aqueles “perigosos” lugares, con pouco éxito por parte dos proxenitores.

Agora ameázannos coa crise, que xa é moito máis ca unha ameaza; cos perigos da estrada, coas dietas desequilibradas, co alcohol e moitas cousas máis. O peor é que nos ameazan co futuro.

A min deume que pensar, hai uns meses, en Estambul -perdón pola repetida mención a esta viaxe dos Amigos do Camiño de Santiago- cando estabamos en dura negociación cun avezado vendedor por non sei que artigo turco que rematamos mercando.

Nese momento pasou un avión moi baixo facendo un ruído verdadeiramente notable. O turco mirou para min, sorríu de xeito cómplice, e dixo como confidencialmente: “Bin Laden”.

Seguro que para el foi unha gracia. Eu non o tomei como unha ameaza. Pero, real como a vida mesma, quedoume moi claro o impacto que deixa nas nosas vidas – en todas as vidas do mundo – un acontecemento que os medios fixeron mundial. Bin Laden vai ser, por moitos anos, o maior sacamantecas do mundo, estea onde estea, viva ou non.

6 de ago. de 2009

Actividades para hoxe de "Cultura Aberta nos Concellos e nos Xardíns"

Redacción

O programa de actividades do verán "Cultura aberta nos concellos", que se desenvolverá na práctica totalidade dos concellos lucenses entre os meses xullo e setembro, celebrouse hoxe mércores ás 11 da mañán na Praza do Concello de Barreiros a actividade “A Caixiña dos Mistos”, un obradoiro infantil Stop-Motion para nenos de 5 a 16 anos que inclúe a proxección de varias curtametraxes para achegar o mundo do cine aos. Tamén terá lugar ás 18:00 horas Templete do Campo da Feira d’O Páramo a representación do espectáculo cómico e de malabares “Peter Punk”.

Con este programa, que leva a cabo actividades variadas de calidade, gratuítas e para todos os públicos, a Área Cultural da Deputación pretende facer que a Deputación funcione como elemento vertebrador e fortalecedor dos concellos tamén no ámbito cultural. Este propósito de democratización cultural define un dos alicerces de traballo do Área de Cultura da Deputación, posibilitando que case a totalidade de concellos de Lugo reciban actividades culturais subvencionadas. Neste sentido, o vicepresidente Antón Bao fixo fincapé en que "grazas ao apoio e traballo o Área de Cultura fíxose posible cheguen aos concellos actividades de culturais de calidade, que por razóns xeográficas ou económicas permanecían á marxe deste tipo de programacións".

Cultura Aberta nos Xardíns
Durante os xoves de xullo e o primeiro xoves de agosto, o privilexiado espazo dos xardíns da Deputación acolle unha programación cultural estival, que pretende encher un oco baleiro no verán lucense. A Área de Cultura da Deputación, da Vicepresidencia Primeira, organizou para elo a actuación de cinco grupos musicais, ademais dunha proxección cinematográfica e espectáculos de maxia, teatro e circo.

Por este motivo, terá lugar hoxe mércores ás 18:30 horas o espectáculo teatral infantil “Mil pasos: o rato de biblioteca” da compañía Palimoco Teatro.

5 de ago. de 2009

Capelas e ermidas da Costa

Redacción

Proseguindo co seu programa de extensión cultural, o Instituto de Estudios Chairegos de Vilalba presentará o vindeiro día 8 de agosto, a partir das 19,45 do serán, na parroquia de San Simón da Costa o libro Capelas e ermidas da Costa. A relixiosidade barroca en San Simón. Del son autores: Sabela Figueira Tenreiro, José-Luis Novo Cazón e Carme Pernas Bermúdez. O libro fai o número 12 da colección Biblioteca Chairega e está patrocinado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, dependente da Consellerría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

A través da historia das nove capelanías, fundadas en Costa entre os anos 1629 e 1760, os autores desta monografía amosan unha das formas da relixiosidade barroca, que, logo do sínodo do bispo Caja de la Jara, estendeuse por toda o a diocese de Mondoñedo e tamén polas abas da serra da Carba. Son manifestacións da mesma o valor das obras pías (as capelas, neste caso), o papel intercesor dos santos titulares destas capelas, o temor as lapas do Purgatorio, a celebracións de sufraxios polas almas que agardaban nel a entrada na Gloria ...

O acto constará de dúas partes: a académica e a festiva. Desenvolverse a primeira no interior da igrexa parroquial, correndo ao cargo: dos propios autores; de Cosme Insua, cura de San Simón; de Félix Villares Mouteira, delegado diocesano do patrimonio; e de Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA. E deseguido a segunda, consistente nun refrixerio, patrocinado por empresarios oriúndos de San Simón da Costa, que terá lugar na escola habaneira, que se atopa nas inmediacións da propia igrexa.

O IESCHA agasallará aos asistentes ao acto, a un por cada casa, cun exemplar desta obra, na que se reflicte unha parte moi significativa da orde social e do imaxinario das xentes que viviron en San Simón da Costa no transcurso da Modernidade.