O azar, Eça e Twain (…e as traducións)

Mario Paz González

O azar, esa combinación de circunstancias que non se poden prever de xeito ningún, marca as nosas vidas máis aló do que en moitos casos desexariamos. En “Przypadek” (O Azar), de Krzysztof Kieslowski, o protagonista, Witek, chega tarde a unha estación de ferrocarril e corre tras do tren. Un feito tan simple e cotián dará pé a tres situacións que, aínda que aparentemente banais, poden facer que troque o resto da súa vida dun xeito decisivo. Con todo, a conclusión á que o espectador chega, unha vez rematada a película, é máis ben o contrario do que o título suxire. O insospeitado desenlace (que non revelarei) prantexa un determinismo incontestable que nega, ao final, toda influencia do azar, rexeitando todas aqueloutras accións, supostamente aleatorias, que puidese ter desencadeado.

Se cadra é certo o que suxire o polaco. Se cadra as nosas vidas foron xa debuxadas e o seu discorrer áchase impreso nalgún lugar do noso código xenético e xa non é posible fuxir diso. Se cadra vivir non sexa máis que limitarse a ler, como en Unamuno ou Pirandello, o que alguén teña escrito por nós. Na Antigüidade acostumaban chamarlle fado. No universo da Ilíada a intervención das divindades pon de relevo o sentido tráxico de todas as accións de Aquiles, cuxa limitada capacidade de elección non pode evitar que se cumpra dun xeito inexorable o decretado polo destino. Estudos recentes, moito máis prosaicos, tentan asegurar que quen realmente exerce o control dos nosos actos é o inconsciente. Por iso dá igual que nos leve días enteiros tomar unha decisión que consideramos transcendente para as nosas vidas. Semella que, nunha porcentaxe bastante máis elevada do desexable, dar de forma inconsciente unha resposta inmediata non ía cambiar moito as cousas.

Azar, fado, inconsciente… Asumindo a parte de verdade que poida ter todo isto, o caso é que o azar puxo na miña man dous libros cuxa tamén casual similitude temática chamou poderosamente a miña atención obrigándome a escribir este artigo: o Diario de Eva, de Mark Twain, e Adão e Eva no Paraíso, de José Maria Eça de Queirós. Para entender a devandita similitude, preciso sería aclarar que as biografías destes dous autores son apenas coincidentes. O norteamericano levou unha vida de duro traballo e aventura, urxido pola necesidade, tras a prematura e repentina morte do pai, cando apenas contaba doce anos de idade. Mentres, Eça de Queirós licenciouse na Universidade de Coimbra en 1866 e exerceu toda a súa vida traballos acomodados como avogado e diplomático ficando sempre ligado ás altas esferas sociais do seu país natal. Pregúntome até que punto isto puido condicionar a obra de ambos. En calquera caso, malia a súa contemporaneidade, as posibilidades dunha coincidencia ou dun encontro físico entre eles, que é o que aquí nos interesa, tampouco poden ser moitas. Non desexo aburrir desenrolando as súas biografías respectivas, só sinalar algunhas curiosidades numéricas que os máis aburridos non deberían deixar de ler (o resto xa pode cambiar de parágrafo), pois ambos naceron en novembro, pero con dez anos de diferenza: Twain en 1835 e Eça en 1845. Tamén son dez os anos que median entre o falecemento en 1900 do portugués e en 1910 do norteamericano.

Do entrecruzamento das súas cronoloxías só cómpre destacar unha data, 1865, ano que, dalgún xeito estraño, podería marcalas, pois será entón cando o relato de Twain “A célebre ra saltadora do Condado de Calaveras” acadará unha abraiante popularidade, xusto no mesmo intre no que Eça de Queirós, que se atopa no último ano de carreira, se estrea como escritor coas súas “Notas marxinais”, publicadas no xornal Gazeta de Portugal. Hai, acaso, un par de detalles máis interesantes para a nosa teima especulativa. O primeiro en 1873, pois cando un Twain recentemente casado anda a instalarse na súa nova residencia (o actual museo) en Hartford, Connecticut, Eça, exercendo labores diplomáticos en Cuba, viaxa por Canadá e Estados Unidos. O segundo un pouco despois, en 1880, cando o portugués leva dous anos establecido en Bristol (Reino Unido) e Twain viaxa por todo o mundo, Europa incluida, como conferenciante. Quen sabe se nalgún destes dous casos poideron toparse e falar entre eles.

En fin, non sei. Non sei se chegarían a saber algunha vez o un do outro e, aínda que iso non é de todo improbable, ignoro se haberá forma de pescudalo. A posibilidade dun inopinado encontro físico nalgunha desas dúas ocasións non é de todo descartable. Que nese encontro falasen da súa curiosidade por algún tema literario, por un tema en concreto como o que vemos nestes libros coincidentes, e que iso que os levara, case vinte anos despois, a escribilos e publicalos podería semellar xa máis desatinado. Con todo, xogar con iso tampouco ten nada de malo e non sería a primeira vez que nos adentrariamos nunha fantasía similar.

Malia isto, a factura literaria das dúas obras é ben distinta. José Maria Eça de Queirós publicou o seu Adão e Eva no Paraíso en 1897. Mark Twain dará ao prelo os seus Retallos do diario de Adán en 1893 e a súa continuación, o Diario de Eva, en 1905. Trátase, iso si, en todos os casos de opúsculos moi breves, de lectura áxil. En Adão e Eva no Paraíso, Eça de Queirós cóntanos, cun ton certamente poético e (se cadra) alegórico e cunha linguaxe moi elaborada, a loita desesperada da primeira parella de homínidos que poboaron a Terra pola súa supervivencia “no medio dunha Natureza que, sen cesar e furiosamente, tramaba a súa destrucción”, impóndose aos terribles monstros que os axexan, saurios, pterodáctilos… Tamén ao medo secular que os fará sobreporse por riba das outras especies até reinar sobre elas. Mentres, nos dous libros do norteamericano cóntasenos, co humor que caracteriza a boa parte da súa obra, a historia de Adán e Eva, dous seres que, sen ser conscientes da súa transcendencia sobre a Humanidade, compórtanse coa inxenuidade que moitas veces caracteriza o inicio de toda relación sentimental. Amósanse así os acordos e desacordos que van xurdindo no núcleo da parella, a perda da inocencia por parte de ambos os dous, o seu interminable descubrimento do outro… Iso unido á tarefa, que recae sobre todo nela, de ir nomeando todas aquelas cousas que van descubrindo xuntos ao seu redor. Fronte ao texto de Eça, o de Twain tende a un estilo máis sinxelo, menos retórico, dun humorismo tamén poético, mais dunha mordacidade que, en numerosas ocasións, podería rozar o procaz.

A lectura destes libros resulta, con todo, complementaria e altamente recomendable. O de Eça pode atoparse na colección da portuguesa Quasi Ediçoes. Os dous de Twain foron fermosamente editados hai anos por Edicións Positivas, reproducindo ata no máis miudo os orixinais de Harper & Brothers. Aínda que xa os coñecía, a casualidade tróuxomos ás mans non hai moito, como dixen. Tamén, se cadra, foi a casualidade a que me fixo ler a recente nova dos recortes nos orzamentos da Xunta que fixeron desaparecer este ano as axudas que tradicionalmente se convocaban para a tradución de obras literarias foráneas. Penso que a nova non é nada boa, non é bo sinal para ninguén, nin para os lectores nin para o mundo editorial, pero sobre todo para a lingua. Para facer lingua, para crear lectores dun alto nivel de competencia e esixencia as obras traducidas son tan necesarias como as de produción propia. Se as subvencións permiten editar obras tan cuidadas como estas benvidas sexan. Poder ler, non só clásicos como Twain, senón tamén contemporáneos coma Paul Auster ou Orham Pamuk en galego é un luxo que non deberiamos perder se queremos manter unha lingua forte ancorada ao mesmo tempo tanto na tradición como na modernidade.

mariopaz@avozdevilalba.com

30 de set. de 2009

1 comentários :

Danos a túa opinión