Amosando publicacións coa etiqueta xose manuel pacho. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xose manuel pacho. Amosar todas as publicacións

Ser ou non ser, galegos

Xosé Manuel Pacho.- Dicía Ortega no comezo do século XX, nun libro xa clásico, que España non sufría unha enfermidade, era unha enfermidade. Neste sentido, Galicia non chega a ese punto. Galicia todos os días confórmase con sobrevivirse a si mesma. Que, visto o visto, xa é moito. E non falo de política, que tamén, falo da nosa condición, da nosa identidade.

Dunha sinxela observación, podemos concluir que os galegos vivimos nunha negación, nunha contradición, que demasiadas veces non percibimos, ou que se converteu hai demasiados séculos nunha pulsión inconsciente. Non sabemos ser. O trazo máis caraterístico do ser galego é xustamente este, non ser. Porque non ser foi o noso xeito de supervivencia, porque disimular e a camuflaxe foron a nosa salvación. Hai uns anos, Revista de Occidente dedicaba un número, o de novembro de 2008, a esta idea, a esta construción cultural como metáfora contemporánea.

Durante moito tempo, para os galegos a arte de disimular, de pasar desapercibido, foi o noso único camiño. A mímese. Levado ao extremo, o inglés máis inglés de Chelsea seguro que é galego, como o mexicano máis mexicano do D.F. Nesta xeografía mundial apareceron, aparecen e aparecerán galegos vivindo nesa camuflaxe. Ese paisano, Alfonso Graña, rei do xíbaros; ese pintor nacido en Cangas do Morrazo, Angel Botello, considerado como o Gauguin do Caribe; ou un empresarios como José Oreiro "Pepe",  rei de Rio de Janeiro. O paroxismo da nosa identidade ten un momento sublime no século XX, cando comparamos a Casares Quiroga, o último Presidente da República, con Franco, o ditador que deu o golpe de estado, os dous galegos, e que teñen en común xustamente que poderían ser de calquera sitio menos da Galiza.

De xeito que así, tempo por tempo, fomos acomodando a nosa condición de galegos a esa idea de mímese, de disimulo. E chegou a democracia. Chegou un tempo onde os pobos podíamos avanzar. Pero para nós, esa mímese, converteuse na nosa némese, no noso inimigo. E arrastramos esa confusión derivada da nosa historia en todos os campos. Nos nosos políticos en xeral, e nos nacionalistas en particular. Esa é a única explicación do que está a acontecer con Beiras, con AGE, co BNG... Pero non é mellor na nosa cultura, que de tanto vivir de axudas, de tanto disimular, xa non sabe ser. Dicimos que somos alternativos, como Chévere, pero vivimos de subvencións. Dicimos que somos modernos, pero imitamos modelos que xa están pasados hai moito tempo, como se ve na película de A esmorga.


Doe máis todo isto cando pasa na cultura, porque a cultura é o mellor que somos como sociedade. A solución para ser modernos, para revindicar a nosa identidade é ben doada. Só temos que mirar cara adentro. Mirar cara a nós, para ver a Blanco Amor, a Celso Emilio, a Cunqueiro... Este é o único xeito de que Galicia sexa. Ser nós.

18 de xan. de 2015

O galego, un arma cargada de futuro

Xosé Manuel Pacho.-

Veño de ver estas semanas a polémica xurdida polas diferentes enquisas que falan sobre o emprego da nosa lingua, e veño de ver tamén a preocupación e o derrotismo entre moitos dos que sentimos sinceramente o galego. Con todo, eu non podo estar máis en desacordo.

Non é un problema de sentimentalismo, é unha cuestión de conquista de espazos para a nosa lingua e de superación de barreiras. Nunca houbo máis xente preparada comprometida coa lingua galega. Nunca houbo tantas investigacións como agora feitas en galego, tantas aulas na universidade que se desen en galego, tantas publicacións… Nós estamos vivindo no soño imposible, na utopía das xeracións anteriores no que atinxe á nosa lingua. Por suposto que debemos ser autocríticos e dende logo a situación non é doada, pero sen dúbida é moito mellor.

Anímovos a que vexades onde comeza a historia literaria da nosa lingua, a historia moderna, claro. Anímovos a que comprobedes cal era a lingua de comunicación dos escritores do Rexurdimento, a lingua que empregaban os escritores da Xeración Nós. Hai pouco, no Arquivo Sonoro de Galicia que nos proporciona o Consello da Cultura Galega -algo tiña que facer co presuposto que ten- escoitaba unhas cantas conferencias de intelectuais “senlleiros”, como dirían Os da ría, e reafirmeime nesta convicción. Nunca estivemos mellor que agora.

Acontece que a utopía dos devanceiros é tamén a nosa distopía. E nós vivimos nela. Nunha realidade onde un ten a sensación de que as institucións, as políticas e as culturais, podían facer máis. O problema que temos no tempo actual é que en demasiadas ocasións vístense de intereses de país o que non son máis ca intereses persoais. A Real Academia Galega debe reflexionar, e o Consello da Cultura Galega, e a Xunta de Galicia, e todas as institucións que tocan a nosa cultura.

Pero tamén as editoriais galegas e as fundacións galegas. Subvencionadas e axudadas, subsidiadas, para despois non estar á altura, para pensar só en intereses caprichosos, personalistas, que non funcionan a longo prazo. E por suposto tamén nós, escritores, axentes culturais, intelectuais.

Obviamente, debemos madurar como comunidade social, como cultura, como lingua. E dende esa maduración axudar a sociedade galega a superar algo que só se pode conseguir con paciencia, con determinación e con cordialidade: superar o autoodio. Ese autoodio que fai que moitos reneguen da súa lingua, que fai que moitos pensen que non se pode ser moderno dende o galego, que non se pode estar na vangarda. En definitiva, procurar a excelencia, procurar sermos os mellores nos diferentes campos, sen se conformar. Iso é madurar, e ese é o camiño que debemos trazar. O camiño da nosa cultura, da nosa lingua, da nosa historia no século XXI aínda está por escribirse.

Hoxe máis ca nunca atopámonos persoas que, dende o seu amor pola lingua, poden servir de modelo social. En todos os campos, e dende unha experiencia que procura ser universal. E temos un exemplo a seguir, Catalunya.

Por iso, digo que endexamais tivo o galego máis futuro que no tempo actual. Agora só temos que traballar, sempre sendo autocríticos para avanzar e construír a nosa nova utopía.

21 de dec. de 2014

Os cidadáns da república das letras

Xosé Manuel Pacho.-

O teatro como metáfora do mundo. O mundo como metáfora dun teatro. A crítica, porque só dende ela, dende a análise con reflexión das cousas que nos pasan, podemos aprender. E universal, sinxelamente porque o que nos pasa a nós tamén lles pasa a outros, e o que lles pasou a outros posiblemente nos pasará a nós.

Así concebiu Frei Jerónimo Feijoo o seu Teatro crítico universal. Unha obra que vén ser unha crítica, como tan ben explica no seu primeiro prólogo ao lector, das opinións e dos erros comunmente aceptados por todos. A súa obra mítica consta de oito tomos que foron saíndo da imprenta dende 1726, ano en que se publicou o tomo primeiro, ata 1739, no que saíu do prelo o derradeiro.

Feijoo era un monxe beneditino, isto sábeo moita xente, pero tamén era un ilustrado, algo que coido que non se acaba de comprender na súa magnitude. O de ser monxe beneditino explica a razón pola que podía ser absolutamente relixioso no campo da relixión, e absolutamente empirista nas demais áreas da comprensión do mundo. Como sinalou Pilar Allegue, esta orde relixiosa diferenciaba moi claramente os dous campos: o da relixión e o da ciencia. Así, deixaba ao César o que era do César, e a deus o que era de deus, como se recolle no Evanxeo (Mateo, 22). Deste xeito Feijoo e tamén o seu discípulo Sarmiento podían ser ortodoxamente relixiosos e heterodoxamente libres no demais.

E Feijoo tamén era ilustrado. Ser ilustrado na actualidade non se entende moi ben. Pero para resumir direi que a Ilustración creou a sociedade moderna, a democracia, a liberdade, a igualdade de homes e mulleres, a procura dos dereitos para todos. Por iso, ser ilustrado é sobre todo ser moderno. E Feijoo era moi moderno… Non hai máis que ver os seus textos. Tan actuais, tan axeitados a unha sociedade e a unha xeografía como a nosa, onde o único que podemos agardar é que se siga sobrevivindo a si mesma.
O Teatro crítico é a pulsión dun home, a vontade dun intelectual por mudar os designios da súa sociedade, do seu mundo. E ese mundo, necio, ignorante, tramposo, falso, indigno, é o noso mundo.

As reflexións de Feijoo son no noso país as reflexións de Gracián, de Sarmiento, de Jovellanos, de Cadalso, de Giner de los Ríos, de Ortega, de María Zambrano… Pero son tamén as de Erasmo, Pascal, Montaigne e moitos e moitos outros que quixeron ollar ao seu redor e loitar para mudar as cousas.

Produce hilaridade comprobar como os mesmos que recibirían as críticas de Feijoo son agora os que pretenden tomar as súas reivindicacións, as súas bandeiras. Poida que sexa este o signo de figuras como as do pai mestre, adiantarse trinta, cincuenta, cen anos ao seu tempo.

O noso mestre alaricano nacido en Casdemiro e asturiano de adopción falou de política, de literatura, de física, de filosofía e de relixión, dos dereitos das mulleres, de matemáticas, de repúblicas e monarquías, das artes e das glorias de España, da historia e dos libros políticos. De moito do que poidamos imaxinar e ata do inimaxinado.

Lonxe fican xa os seus críticos, que a historia foi borrando, pero que tentaron con todas as súas forzas e poder acabar co insigne intelectual. Feijoo deixa constancia disto xustamente no prólogo, no limiar, do tomo cuarto do seu Teatro crítico universal. Así, diríxeo contra o lector ignorante e malicioso dos seus libros.
Atopamos estatuas de Feijoo en poucos lugares en Galiza. En Allariz, terra da súa familia, atopamos un fermoso busto que nos anos sesenta fixera Failde. E en Samos, foi Asorey o encargado de realizar a estatua do gran intelectual alá polos corenta. E en Ourense hai unha estatua de Feijoo que, como metáfora, define moi ben a nosa sociedade. A súa imaxe está cuberta, case comida, polas árbores que o foron agochando, como a nosa sociedade, onde a súa forma de pensar, onde o sentido crítico e o pensamento libre teñen que loitar contra todo para saír adiante.

Pero sabemos que o futuro é deles, deses cidadáns libres da república do saber, da república das letras, porque son eles, cos seus soños, os que crean o noso presente.



29 de out. de 2014

Shakespeare en Ourense

Xosé Manuel Pacho.-

Pouca xente coñece a John Shakespeare, un político inglés fabricante de tecidos que naceu no século XVI. O dos tecidos víñalle do seu traballo familiar de granxeiro. Tiña ovellas das que sacaba algunhas das mellores lanas de Inglaterra. O problema de John é que era católico. Pola súa condición, nun país que construira a súa identidade dende Enrique VIII contra o catolicismo, isto era un verdadeiro atranco.

A pesar de todo, os seu fillos tamén foron educados nesta relixión. Xustamente tal día como hoxe, un 26 de abril, pero de 1564, foi bautizado o seu fillo máis famoso, William Shakespeare. William foi o nome que lle puxeron. Pero ata poucos días antes do seu nacemento, o seu pai tomara a decisión de chamalo James, en homenaxe ao apóstolo que nós coñecemos como Santiago.

Pouca xente sabe que a finais de 1580, Shakespeare desencantado e decepcionado con Anne Hathaway, a súa muller, decide marchar e loitar contra os españois na guerra hispano-inglesa. Así, por cousas do azar acaba na Coruña ferido. E curiosamente a súa condición de católico axúdao a fuxir da guerra cando un frade da orde do císter, Frei Martín do Barro, decide levalo a finais de 1589 a Oseira, onde descansaría e se recuperaría das súas feridas, ata que finalmente no comezo da década de 1590, volve a Inglaterra nos barcos do mariño Carlos de Amezquita, que podemos imaxinar de onde era. Cando chegaron a Mousehole, Cornualles, escapou a Londres onde finalmente se dedicaría para sempre ao teatro.
Por iso non foi estraña a fascinación que tivo Shakespeare pola cultura dun país onde vivira estas experiencias. Cardenio, comedia inspirada nun dos capítulos de Don Quixote; as influencias de Antonio de Eslava, e de Pero Mexía... Pero foi Oseira e os seus viños os que conformaron o carácter do Bardo de Stratford-upon-Avon. Así se fai a historia.


2 de maio de 2014

De códigos éticos e estéticos

Xosé Manuel Pacho.-

Vou facer un código ético. Xa o decidín. Vivimos tempos difíciles, e moita xente estao a pasar mal. Os políticos teñen roubado a mans cheas, e as familias e os postos van pasando de pais a fillos, como se dunha monarquía se tratase. A este paso, ata se vai herdar o posto de presidente da Deputación. Se se heredan concellos e ministerios, isto non debería ser raro no noso país, na nosa sociedade.

Esta é a razón do código ético. Alguén debe dar un paso adiante. Acabaremos coas prebendas políticas, cos caciques, coa monarquía. Non, con isto último non. Pero deixaremos de permitir que se coloquen a dedo votantes afíns, amigos, a cambio de diñeiro. Deixaremos de permitir testaferros e intermediarios que cobren a mordida, como se isto fose a Idade Media ou como se isto fose a Deputación de Baltar ou a de Besteiro.

A partir de agora, está feito. Esta será a nosa nova consigna, sen facer diferenza entre votantes dun tipo ou doutro, así, como se todos fosemos iguais. Non haberá cacicadas electorais. Non se aceptarán máis de cinco porteiros por porta, nin coleccións de coches antigos pagadas e mantidas co diñeiro dos cidadáns. Tampouco aceptaremos que as adxudicacións públicas vaian sempre ás mans dos parentes dos políticos ou dos seus amigos.

Home, cousa distinta é que alguén queira facer homenaxes. Como se é a min. A min ou ao meu pai. Pero nada de obrigar a ir aos enchufados e aos que pagaron as súas prazas. Non.

A partir de agora non se permitirán que as axudas públicas vaian para as empresas afíns. A partir de agora, non se permitirá enchufar a ex-noras ou a cuñados, ou a fillos de amigos. Nunca máis. Dende este momento, esixiremos os principios de igualdade, mérito e capacidade. Contrataremos legalmente. Dende agora actuaremos coma se fosemos unha democracia. Coma se fosemos Europa. Si, señor, como Europa.

E ademais do código ético, espero que a xustiza actúe coma sempre. Sen facer nada. Mirando para o outro lado. Sempre vai haber algún xuíz vaidoso que se suba ao carro, e os demais con que non investiguen, abonda.

Só me faltaba isto, aprobar un código ético, e vestirme de sheriff con traxe de coiro a medida, para o próximo Entroido. Ou peor, ver a Bono, o cantante, o irlandés, falar no mitin do PP europeo. O outro Bono, o cantante, que foi presidente de Castela, este xa era fillo de falanxista…

15 de mar. de 2014

Señores, sentido do humor

Xosé Manuel Pacho.-

Bansky é un grafitero de sona que está de visita en Nova Iork. A súa arte cotízase moito, pero colle o tipo, por iso da provocación, e decide de incógnito poñer a venda as súas creacións a 60 dólares peza. Vendeu catro, claro. E o outro día Albert Pla, o artista iconoclasta, dixo que lle daba noxo ser español e que tiña que ser obrigatorio aprender catalán en Xixón. E collen, e vétano nun concerto.

Definitivamente, a xente non ten sentido do humor. E a pesar de todo, a teimuda realidade empéñase en sacarnos un sorriso. Porque a ver, agora que se está preparando o xuízo contra Baltar, que só o acusen de prevaricación é gracioso, tan gracioso, como que Bansky en Nova Iork só teña tres clientes. A partir de agora xa non poderán presumir nin de cacique nin de artista.

E claramente Rogelio Fernández, o representante da Xunta en Ourense, é como Albert Pla, un iconoclasta. Se todos temos a idea de que un político imputado e procesado ten que marchar por vergoña, el non. El, como o artista catalán, sigue actuando a contracorrente. Por iso me parece moi ben que a fiscalía non o acuse, esta institución non está para acusar a este tipo de políticos. Está para… Non sei, para acusar a Albert Pla.

E é que a xente non ten sentido do humor. Porque o de que aquel parroquiano de Verín vaia a tomar algo a un local da Gudiña, e despois de pagar, decida roubar, ten gracia. Xusto o contrario do que fai Novagalicia Banco cos preferentistas, que primeiro roubou e agora parece que decide pagar. E tamén ten gracia que a fiscalía tampouco decida acusar.

Agora só falta que alguén lle pareza mal que se subaste o tricornio de Tejero, ou que o Concello de Ourense gaste diñeiro en alugarlle o banco de España ao ministerio de Montoro. Se neste país sobra pasta, o que falta é sentido do humor.

17 de xan. de 2014

Alcaldes idiotas

Xosé Manuel Pacho.-

Auga seca, noite crara, intelixencia militar… Velaí expresións que van máis alá da propia definición de conceptos que son en si mesmos opostos. Desa mextura nace, unha nova expresión. Como aquela que dicía Jesulín de Ubrique ao comparar todo o que vía no mundo cun touro. Para nós, im prezionante, claro.

E a política provincial en Galiza xoga sempre nesa ambivalencia semántica. Entre contradicións e obviedades, entre oxímorons e pleonasmos. Que cada un elixa.

Falar de transparencia despois de que o teu pai te deixe en herdanza o posto, e non falo aquí da Casa Real, é unha contradición tan grande como falar de democracia de partidos. Pero non é estraño. En Galiza estamos afeitos a isto e a moito máis. Temos que aturar que Vendex en Ourense, en Lugo, en Santiago, retire vehículos mentres os tribunais investigan se a propia Vendex actuou legal ou ilegalemente na concesión da grúa. Entrementres, iso si, hai que aparcar ben, non vaia ser o demo.

Contradición por contracción, observo estupefacto como na nosa realidade, no noso país de enanos, como dixera Celso Emilio, hai unha figura que destaca por enriba de todos. O Alcalde.

Sinónimo de deus, e polo tanto escrito con maíuscula, actúa como se o mundo xirase o seu redor e como se nós, os cidadáns, fosemos sinxelamente súbditos. Falar de educación, de respeto, de servizo aos demais é absurdo. E así, día tras día, os máis de trescentos deuses dos nosos concellos outorgan prebendas e lanzan castigos a capricho. Por iso, falar de alcades idiotas é un pleonasmo que define moi ben o noso mundo.

Así tamén, lendo a entrevista que un amigo lle facía a un político polo día da constitución, reafírmame en que a idiotez non é patrimonio só dos alcaldes, tamén hai políticos idiotas. Por haber, ata habería cidadáns idiotas. Máis aínda, é un síntoma do noso tempo. Dun tempo cínico, que mantivo vinte e sete anos exactos en prisión a Nelson Mandela, sen que a case ninguén lle importase; para que agora todos se suban ao carro. Pero iso é outra historia.




21 de dec. de 2013

Para cando non podemos comprender

Xosé Manuel Pacho.- Vivimos anestesiados. Mergullados nunha estraña irrealidade que nos leva a pensar que somos inmunes a todo, que somos inmortais. Para iso nos rodeamos de aparellos técnicos que nos proporcionan pracer e conforto,  de substancias legais ou ilegais que nos axudan a sobrelevar a verdade perenne: a conciencia de que, no fondo,  a vida non é máis que un azar feliz, unha casualidade.
Dominados por esa torpe sensación de superioridade construímos o noso presente como se morrer non fose o derradeiro argumento da obra, como expresara Gil de Biedma no poema No volveré a ser joven. E facemos plans que nos coñecerán vellos, deixamos cousas que facer para cando nos retiremos, libros por ler, países por visitar e proxectos por emprender. Así somos de absurdos.
Por iso, cando chega a morte ás nosas vidas, cóllenos sempre de improviso. Con independencia da idade. Posiblemente, porque todos pensamos que viviremos para sempre. Ata que se impón a realidade. Tristemente.
E as traxedias colectivas magnifican esta mágoa, esta infinda tristeza, que nos iguala na nosa condición humana. A que non sabe de diñeiros, nin de estatus social ou económico; a que non sabe de soberbias ou de vaidades públicas. O drama de Santiago é un exemplo que doe todavía. E para nós, máis aínda porque esta cidade e eses trens e moitos deses homes e mulleres forman parte da realidade máis próxima do noso imaxinario. Do pasado, do presente e do futuro.
Haberá tempo de analizar causas e razóns de que pase aquí o que con boas infraestruturas nunca pasa noutros lugares. Haberá tempo. Pero, ás veces, o mellor que podemos facer é calar. E agardar a que todo se calme.
Entrementres, nada mellor que Séneca e as súas Consolacións a Marcia pola morte do seu fillo. Para que nos axude a comprender ese tempo que nos leva ata o final.

30 de xul. de 2013

Vicente Risco, cincuenta anos despois


Xosé Manuel Pacho.-

Risco é unha figura extraordinaria. Desas que na cultura galega, infelizmente, casi nunca aparecen. Hai uns anos tiven a ocasión de investigar durante un ano todas as súas obras para unha conferencia e fiquei fascinado pola súa solidez intelectual e pola súa capacidade de comprensión do fenómeno artístico.

Se me tivese que quedar con algunha das obras de Risco non sabería cal escoller. A historia do cacique, tan ourensán, tan galego, do Celidonio coido que aínda define moito a tipoloxía social galega. Os escritos políticos, os seus escritos sobre o nacionalismo, semellan que siguen estando tamén vixentes, posto que botarlle unha ollada á teoría do nacionalismo galego, é recuncar no debate que aínda hoxe está enriba da mesa, e que, infelizmente, non avanzou.

Tamén son moi interesantes os seus relatos dende o punto de vista da creación. Resulta curioso por exemplo a idea da conversa cun dos personaxes míticos da literatura universal, Stephen Dedalus, saído do Ulysses, malia que a temática a min non me convenza.

Pero si, se eu tivese que quedarme cunha obra sería co Preludio para toda estética futura. Risco vaina publicando na revista La centuria durante os anos 1917 e 1918, e na miña opinión é un dos textos máis ricos en intuicións artísticas e en referencias diversas a todas as expresións culturais do ser humano. Compréndese por que Manuel Antonio tiña unha correspondencia tan rica con Risco e por que estaba tan atento aos consellos do que foi, aínda que tamén moitos se esqueza o director da Revista Nós. Sempre o conto, pero foi nese texto onde eu descubrín que fora Sarah Bernhardt a primeira muller que adoptou o papel de Hamlet… E como ese exemplo, unha chea deles…

E coido que me quedaría tamén con Leria, unha escolla breve de textos, de artigos que definen moi ben a perspectiva que tiña Risco da realidade.

A cultura galega é moi grande, pero nela viven demasiados enanos deses que falaba Celso Emilio hai xa tempo e que, infelizmente mudaron de nome, ás veces ata de xénero, e de xeito de vestir. Pero estaría ben que eses enanos lesen máis, viaxasen máis, tentasen facer algo polo noso país e polas nosas letras, sen personalismos, sen tentar sempre tirar beneficios, pero…

Deixaremos para outro momento as misas diarias de Castelao, ao alcalde falanxista de Pontevedra, a Filgueira Valverde, e por suposto tamén a aqueloutro extraordinario escritor que como contaba Xurxo Borrazás todos os 18 de xullo se vestía de falanxista e que ademais foi durante trinta anos director de Faro de Vigo, don Álvaro Cunqueiro.

Eu hoxe quero lembrar a Vicente Risco e pensar que o noso país pode dar vizosos escritores, e fermosas letras.

O problema é que a nosa sociedade, o noso país, segue sufrindo moitas das eivas que xa suliñara o escritor do Castro. Entrementres, Galiza sigue tentando sobrevivirse a si misma.

30 de abr. de 2013

A "Lei Sinde" ou o prezo dos soños

Xosé Manuel Pacho.-

Dende hai un tempo abriuse un debate que ten como protagonista a cultura e os seus valores. Semella de comunidades modernas e civilizadas que os políticos e a cidadanía reflexionen sobre un ben tan prezado. A crise apárcase, e esquecidas fican as miserias económicas dos que queren ser máis ricos a toda cosa, e as vergoñas sociais dos que xogan coas pensións, co pouco respecto á educación, á lingua, etc.

Agora, neste intre, xa non interesa a fusión das Caixas, nin sequera os beneficios e os soldos que haberían de provocar a vergoña das súas direccións, nin as aldraxes morais de obras sociais esquecidas, de discursos enfraquecidos pola permanente permanencia no poder, e a falla de escrúpulos. Perdemos de vista a loita das elites por substituírse, nos concellos e no Estado, a petulancia dunhas estruturas políticas que pensan que acuñando conceptos aparentemente novos como gobernanza falan de historias vellas como caciquismo e manipulación, indignidades que amosan moi pouco respecto ao pagador de todo: o cidadán. Haberá tempo para todo iso, eu, agora, en plena crise, quero falar da cultura, da defensa dun patrimonio, dunha lingua, duns valores cívicos que nos soñan ceibes. Do que debería falar a "Lei Sinde" e non fala, de fortalecer os suxeitos activos da cultura, os creadores, para que os suxeitos pasivos, os cidadáns, sexan máis fortes. O debate creado é outro que ten que ver cos beneficios das empresas, coa cesión de dereitos e a súa xestión a terceiras entidades, SGAE, CEDRO, por exemplo.

E así, confundindo cultura con industria cultural, espazos onde os artistas sofren unha tremenda desprotección. Por concretar, no sistema literario é habitual que non se liquiden dereitos de autor e non pase nada; que haxa editoras que reeditan textos sen permiso; que os tradutores estean terribelmente mal pagados. Que a cultura non valla nada. Nun país anglosaxón sería impensábel que unha colaboración nunha revista cultural ou en prensa non se pagase, aquí acontece xustamente o contrario. Os beneficios da creación, os dereitos de autor, oscilan entre un cinco e un dez por cento. Noutras palabras, de cada libro ou CD vendido, poñamos a quince euros, o creador recibe un. Quen queda co resto podemos preguntarnos? Editoras ou produtoras, distribuidoras, establecementos de venda de libros e música, entre todos eles reparten o noventa e cinco por cento que queda.

Que a cultura non vale nada, nesta época de relativismo ético parece normal. Porén, si que hai diferenzas entre unha sociedade madura e outra que non o é. E a "Lei Sinde" pretende facernos crer que os espazos de liberdade para a información, para a súa divulgación e o seu intercambio son un atentado contra a cultura. Non. Só temos que xulgar por nós mesmos e escoitar a natureza do debate. Iso si, hai que recoñecer que a industria cultural si que se preocupa polos creadores e creadoras, que son invitados a dar conferencias ás veces pagadas, e que comen de balde á súa conta ou á conta da utilización que os políticos, todos, fan da iconografía cultural. Son, somos, tan ben tratados como os touros pola industria taurina. Ás veces alguén recorda a Jabonero como demostración de arte, e tamén ás veces, algún gandeiro presume na praza dun animal da súa gandería.

Será o signo dos tempos, pero nunha sociedade onde as posturas críticas non teñen cabida, onde os xornalistas actúan manu militari como monicreques amordazados por unha magoante autocensura é que temos un problema. E defender unha lei como esta contra a transmisión libre da información, semella un erro formidábel, porque os espazos de liberdade non teñen prezo.

Con todo, teñamos esperanza. Creo nun país, nunha sociedade onde a cultura e a crítica teñan o seu espazo, onde a información, a rede, sexa útil e sirva para chegar onde a sociedade non alcanza: wikileaks, movementos críticos e antisistema... Porque a cultura, a información, debe ser a conciencia crítica, o músculo na metáfora de Leibniz, que nos axude a diferenciar, a discernir, a non deixarnos manipular. Se cadra, agardar por outras leis, por un Galiza que hoxe non existe sexa utópico, pero non esquezamos que as utopías, insisto, son o motor de cambio da realidade. E non deixemos que ninguén se atreva a poñer prezo aos nosos soños.

31 de dec. de 2010

De volta na fin do mundo

Xosé Manuel Pacho

De volta na fin do mundo, para quedar. Agora xa sei que non podemos ser felices. Que o home, a muller é so un instrumento de algo que non podemos comprender e que non ten que ser comprendido. E a felicidade erra porque parte da conciencia persoal, que fai que todo xire ao redor das vaidades máis absurdas.

Eu xa sei que non existo. Só existe o que acontece mentres se escriben as palabras de cristal sobre este pergamiño de luz: o tempo. E só existe o que se vai. A lectura da mañá do lubricán foi o capítulo dos muiños de vento, e a de despois de xantar, os berros de Werner Schwab e o teatro. Que importa? Xa ficaron sepultados no pasado, ou a conciencia do que non é.

Será Rodrigo Leão e a música, será a volta á fin do mundo, non o sei, pero coido que algo está a mudar nas mans, nas pernas, no corpo deste mono.

Os personaxes das novelas, as vidas dos homes, os soños das mulleres, as músicas transfiguradas, e os silencios dos amigos perdidos acompáñanme.

Calade. Non pensedes. Aquí, só tedes que escoitar a música. E o silencio. E a música.... e o silencio.

The monkie



26 de maio de 2010

O tempo esnaquizado

Xosé Manuel Pacho

Os tempos mudan, e as sociedades tamén. Acabo de ler unha reflexión de Galeano sobre o mundo actual e, coma sempre, da nos puntos básicos. Acontece que o fundamental non é tanto a enumeración que podemos facer todos nós da realidade, senón a difícil comprensión que podemos ter dun mundo onde cada vez, se consume máis e se vive menos.

A xente non le porque os libros son obxectos de consumo, a xente non pensa porque o tempo para pensar é cada vez máis breve, a xente ve a televisión porque semella que está fora do tempo, que nos permite realizar outras actividades sen que o perdamos, aínda que a realidade sexa todo o contrario. Porque non temos tempo... ou si o temos?

Iso si, o tempo márcanolo os reloxos de todos os aparatos electrónicos que temos, porque xa moitos non levamos reloxo, o tempo márcao a medicación que tomamos. Tomamos ansiolíticos, antidepresivos, e o tempo detense, ou tomamos cocaína e sustancias afíns, e o tempo acelérase, e mesmo cando bebemos, perdemos a sensación de temporalidade.

Nunca o mundo foi tan relativo como agora, so a morte detén o tempo, non o tempoo dos que morren, senón dos que ollamos sorprendidos como estamos a tirar ao lixo a nosa vida.

Coidado, cada vez, queda menos.

Tic tac, tic tac, tic tac



P.D.- Rematada a reflexión, encontro un artigo no País de Manuel Rodríguez Rivero sobre a bile negra que dende logo faría continar estas palabras, pero que fica moi claro todo coas súas. Titúlase "Bile negra".

5 de abr. de 2010

EBA ou os paraísos

Xosé Manuel Pacho

Preto de onde vivo, na Alameda do Concello, en Auria, hai unha estatua, feita dun material que debe ser bronce. Está soa e asexante. Espreitando ao lonxe, cara a un lugar que ningún de nós pode albiscar dende esta distancia. Moitas veces, moitas noites cando na soidade da cidade, volvo para casa e véxoa alí, piso a herba que rodea a estatua, e doulle unha palmada nas costas a Eba, a Eduardo Blanco Amor.

E ollando para a súa cara, para a súa melancolía penso moitas veces na xenialidade do escritor de A esmorga, unha obra tan diferente do seu mundo. Porque quen non coñeza a traxectoria vital e persoal de Eba, lendo esta novela pode ter unha imaxe do escritor ben equivocada, como só conseguen os grandes romancistas. Nela cóntase unha historia sórdida, unha historia fodida, que alguén tamén hoxe podería contar. Fala desa sociedade que existe debaixo da que nos queren dicir que é a sociedade normal, a que abrolla só nas páxinas de sucesos dos xornais, e semella que pasa desapercibida. Dun mundo que algúns queren negar para non se sentir incómodos.

Cun estilo maxistral, cunha lingua chea de riqueza e de realidade, diríamos mesmo coloquial porque é a lingua que se fala, o Cibrán, o Bocas e o Milhomes, os protagonistas, percorren os pecados do mundo, nunha noite de excesos e de desmesura. Ese realismo suxo de Blanco Amor, lembroume a Bukowski, ou mellor dito, cando lin por primeira vez a Bukowski deime de conta de que me recordaba a Blanco Amor. E é que ambos eran provocadores, libres, independentes, mestres da técnica, e poetas. Heterodoxos. E se cadra Blanco Amor, a súa figura, e moitas das súas obras, en vida, foran maltratadas. Porque a heterodoxia non casa ben cun país que como dicía o seu paisano Celso Emilio está habitada por patufos desleigados.

E Eba, Blanco Amor, republicano, nacionalista, de esquerdas, culto, homosexual, viaxeiro, intelixente, é tan descoñecido que dá mágoa. Como mágoa dá pensar que foi desprezado por moitos dos bos e xenerosos do star system galego cando volveu a Galiza (xa se sabe, a este noso país sempre lle faltou memoria). Porque tivo problemas económicos, porque pasou fatalidades e esquecementos. Sufriu o peso da sociedade, da maquinaria social como só sofren os homes libres ou os marxinados.

Paradoxalmente, iso era o que recollía a voz do Cibrán na Esmorga: as miserias do mundo, as miserias do país, de todos os países. Na historia de tres tíos que van de putas unha noite reflíctese a dureza da vida. A dor debaixo da felicidade, da euforia. Desa sociedade que nos combate, que nos lamina como individuos. A novela ten ese latexar existencialista que xorde de dúas guerras mundiais, dunha guerra civil, do desencanto europeo.

Por iso sempre pensei que A esmorga era unha novela para adultos, de literatura independente, non para rapazas e rapaces de trece, catorce, quince anos, que podían rexeitar o galego por non comprender ren. Coido que nesas idades para coñecer a Blanco Amor serían mellor Os biosbardos.

Porque a novela da que estou a falar, semella doada de ler, pero pesa como texto. Eba manexa a técnica narrativa con mestría, tendo en conta ademais que innova, xoga con distintos recursos literarios, distintas visións ou voces como realidade creativa. Consegue que o lector sexa parte da obra, porque ninguén pregunta na declaración xudicial, somos nós mesmos, os lectores, os que somos contestados, e aos que o Cibrán nos conta a historia. E non esquezamos que estamos a falar dunha novela que se publicou no ano 1959, e que non ten case que comparación na literatura peninsular. Como lle lin a Borrazás esa actitude, esa vontade de renovación é moi interesante para comprender a Eba como intelectual, cando nin tan sequera existía a Nova Narrativa.

Exemplo do seu tamaño como creador é que eu hai uns meses, estaba a escribir un texto dramático para monicreques, e chamei a un amigo meu de Barcelona que é titiriteiro para que me dera indicacións, e el díxome, que non había moitos textos pero que se quería un clásico, que lera a un escritor da miña terra, a Eduardo Blanco, que era unha referencia básica nos seus textos publicados en castelán, así se editaran inicialmente As farsas para títeres. Eu non o sabía, pero aí radica a relevancia de Eba, a súa capacidade creadora, que foi máis alá en moitos, moitos campos.

E esa mesma capacidade, se percebe na novela da Esmorga, cando consegue que o tempo escénico que diría un dramaturgo, se volva atemporal. Esa sensación méteseche no corpo como se durase toda unha vida. Canto tempo dura o Ulysses de Joyce? Cronoloxicamente, un día. A sensación? A mesma, toda a vida. E o escenario, os lugares por onde transcorre a novela, tamén se volven fabulación, aínda que fale de Auria, de Ourense, e de que se poidan seguir os seus pasos pola cidade nun roteiro.

De todos estes elementos naceu un fío narrativo que semella unha road movie que non é tal. O camiño e a cidade toman peso e xogan como personaxes máis na historia, como a marxinalidade, e a dor, e o poder transparente da falsa xustiza que temos, eses puntos suspensivos nas preguntas? Trama que doe como a vida, e na que non hai heroes, na que o camiño máis probábel, como contaba Sófocles en Edipo Rei, sexa a destrución. Elementos tan actuais, tan universais, que coido que na realidade de hoxe tamén están presentes. Se cadra Eba riría por esta afirmación, como de seguro que riría tamén por ocupar agora a praza que cando era mozo ocupaba Concepción Arenal, nese Ourense que no seu exilio era o paraíso.

Digo que riría porque a cultura oficial deulle as costas, como case sempre pasa por ser un home libre, independente. Eu quero pensar que é un irmán maior para todos nós, para todos os escritores galegos, un mestre que nos ensina leccións que seguen estando moi vixentes. O fillo da florista, o cativo que sempre ficou agochado detrás do seu sorriso, conseguiu comezar coa Esmorga a madurez de literatura galega. Pero Eba, non esquezamos, é moito máis que esta gran novela.

Entrementres, no silencio da cidade, outra noite máis volvo para casa de madrugada. E volvo pasar tamén pola Alameda, e alí segue soa a estatua de Eba. Agora ten aos seus pés de bronce, un ramo de rosas da última homenaxe. Collo unha, doulle unha palmada nas costas e déixoo alí, coa certeza de que os seus ollos, agora si, están vendo o paraíso.

18 de dec. de 2009

Nabokov e a literatura

Xosé Manuel Pacho

Hai uns días lin nunha revista inglesa que se ven de publicar unha novela de Nabokov, inacabada, o orixinal de Laura, por certo nunha edición moi fermosa onde aparecen os tarxetas onde ía escribindo.

E co gallo da publicación, sae de novo a debate o xeito de escribir do escritor, as súas manías, etc. Neste caso, no orixinal de Laura, seica en palabras do fillo era unha novela que nin tan siquera chegara á metade, pero o xeito de escribila en tarxetas é toda unha declaración de principios. Se estamos dacordo que a forma condiciona o fondo, velaquí unha escritura que habería ser construída como se fose un puzzle.

A idea das tarxetas para min é tremendamente suxerente; infelizmente non chegou ao final, de maneira que non saberemos se o resultado sería óptimo ou só fallido como acontece as veces.

Teño ganas de facerme con este libro para tentar desentrañar que hai detrás do escritor, que hai detrás dun constructor de historias tan orixinal como Nabokov.

E confírmame nas miñas obsesións. Este mono está escribindo un texto en libreta de caderno de toda a vida para ver como pesan as palabras (nun ordenador, o xeito de traballo é diferente) O resultado? Xa se verá...

9 de dec. de 2009

A nova cociña galega

Xosé Manuel Pacho

Coido que a cociña é outro xeito de cultura, o por mellor dixer, forma parte da cultura. Neste senso Galiza ten moito que camiñar. Os novos cociñeiros galegos agrupado no Grupo Nove amósannos que algo se move na cociña galega. De feito nunca houbo tantos restaurantes con estrelas Michelin. E hoxe estiven nun xantar onde por primeira vez na historia da cociña galega, plantexábase unha nova reformulación do cocido galego. Para os escépticos que se volven tolos coas propostas de Adriá en Catalunya ou de Aduriz en Euzkadi, hei de dicirlles que tamén neste campo os galegos son, somos, vangarda. Hoxe Javier do Restaurante A Rexidora en Ourense fixo esta proposta de novo cocido galego, cun fondo respecto ao noso, aos nosos ingredientes, pero repensado. Para os que non o coñezan e pensen que é un chainas, dicirlles que ten unha estrela michelín e está entre os 100 mellores restaurantes do Estado.

É un gusto ver como pese a todos os pesares, seguimos a avanzar. Parabéns e seguir adiante.

Unha reflexión que quero anotar. Tense discutido moito sobre o nobel da paz para Obama. Eu son dos que pensa que é fundamental marcar unha liña, e para min Obama ten máis méritos que Al Gore. Aínda que recoñezo que aínda está por ver o que fai materialmente o presidente dos USA. Se cadra todos nos estamos deixando levar pola ilusión.

Os do comité do Nobel son como os do Príncipe de Asturias, uns oportunistas. De feito, quero lembrar que Sir Winston Churchill levou o Nobel. De que alguén preguntará?

Admítense apostas.

tic tac, tic tac...

19 de out. de 2009

O río que nos leva

Xosé Manuel Pacho

Polo río que nos leva sigo afondando no universo Bolaño, e fico cada vez máis engaiolado por 2666, a verdade é que é unha obra xenial e toda unha aprendizaxe sobre a creación. Vou volver ler Moby Dick para estudar a súa construción narrativa, lémbrame a iso.

O amigo Rubén apuntou un detalle tremendamente interesante para a creación: a visión que ten o lector é de atrás para adiante. Porén, o creador non ten porque construir a historia de atrás para adiante, pode mesmo facelo ao revés. Semella unha obviedade porque segundo el, eu fágoo así, pero non tiña conciencia. Noutras palabras, dinme que un amigo meu foi afillado de Benedetti, porque os pais emigraran alí, e coñecéronse por un irmán del fixeron boas migas e iso, padriño-afillado.

A historia dun home que se vai da Galiza por necesidade e porque quería casar cunha prima carnal, de xeito que se foron xuntos e casáronse en Uruguay e tivo que escapar a Venezuela durante a ditadura e fíxose amigo de Benedetti, e coñeceu a H. Chavez cando tiña 20 anos en Venezuela porque eran veciños. Casáronse polo civil e volveron pero como era o ano 74, só se recoñecían os matrimonios relixiosos... Unha historia increíbel. Contada así vai por camiños descoñecidos salvo para o que a conta que sabe moi ben por onde vai ir.

Así Bolaño vai levando ao lector por camiños que semellan alonxados e que converxen de xeito xenial. Que grande romancista.

Entrementres cae outra Constitución a de Sri Lanka e cánsome de traducir do inglés para aprender que se fan as cousas ben en calquera lugar do mundo. Crúzase o despacho e as súas grandes miúdezas e o traballo sobre Vicente Risco e as Vangardas que xa me está levando máis tempo do debido. Pero é que Risco é tan interesante.

Haberá a día de hoxe no noso universo cultural algún Risco, algún Castelao? Rosalías xa se sabe que non aínda que a moitas tentan parecelo. Fáltalles a esencia, o desacougo, a instalación cultural, a humildade de saberse como Kafka, como o propio bolaño, insignificantes. Se cadra hai algunha Rosalía agochada. O futuro haberá de descubrila, o futuro que nos leva...

Imaxe: MXM

26 de set. de 2009

Follas de vagar 350

Xosé Manuel Pacho

Estou de volta xa, e botando unha ollada a un artigo sobre Orwell, véñenme á cabeza moitas preguntas, e algunha reflexión, sobre todo agora que estou loitando co que debería ser unha novela, ou un texto literario.

Recollen de Orwell que detestaba a vaidade e que para el o texto, a boa prosa, tiña que funcionar como unha fiestra aberta, que estupenda definición do que ten que ser a literatura. Veño de facer varias lecturas e revisións estos días, digo de memoria: O proceso, de Kafka, Nocilla Dream de Agustín Fernández-Mallo, La interpretación de los sueños de Artemidoro, Os estoicos antigos, La Habana para un infante difunto de Guillermo Cabrera idem, Autopsia da novela de Juan Tallón, a Odisea de Homero, O barón rampante e outra da trioloxía, O cabaleiro inexistente, De profundis de Oscar Wilde (que mira que é deprimente polo menos para min), Wilt de Tom Sharpe, Monzó, Pitol...

En todos estos textos, evidentemente, percébese a intención de comunicar do escritor ou escritores, e a intención de se enfrontar ao coñecemento do mundo en todas as dimensións imaxinadas ou inventadas. Foi iso o que me evocou tamén Orwell, ademais do detalle curioso dun médico que o tratou nos últimos tempos cando estaba hospitalizado: o olor dos seus cigarros, e o teclear da súa máquina de escribir, todo isto, no hospital.

Ademais unha máxima súa que poderíamos e deberíamos aplicar á nosa lingua, ao galego, aínda que el se refería ao ingles, falando de que o problema non é da lingua se non dos que con esa lingua non teñen nada que dicir ou so din tonterías (el pon un exemplo claro, "A man may take to drink because he feels himself to be a failure, and then fail all the more completely because he drinks. It is rather the same thing that is happening to the English language. It becomes ugly and inaccurate because our thoughts are foolish, but the slovenliness of our language makes it easier to have foolish thoughts.")

As veces, hai que tomar distancia... para acertar e, ata para trabucarse.

23 de xul. de 2009

Roberto Bolaño, ou o futuro da literatura

Xosé Manuel Pacho

Se cadra, moita xente non coñece a Roberto Bolaño. Con este apelido, vennos á cabeza un gran home de teatro que tivo Galiza. Roberto Vidal Bolaño, teatreiro que merece unha sentida lembranza. Pero hoxe non vou falar del. Vou falar do outro Bolaño, o escritor chileno. Mellor dito, o escritor nacido en Chile, porque coido que na xeografía vital deste escritor teñen pesado tamén outros territorios como México, a súa patria natal e España, onde viviu os derradeiros anos da súa vida, antes de morrer por un problema de fígado no ano 2003.

Dentro de cincuenta anos probablemente, Roberto Bolaño será considerado un dos grandes escritores de finais e comezos de século na historia da literatura. Sen dúbida ningunha. Moitas das súas obras son xa unha referencia, dende os seus libros de relatos, ata as súas esplendorosas novelas.

Antes de entrar no duro universo Bolaño das novelas, coido que sería interesante que os que non teñen lido, que comecen cos seus libros de relatos. Eu recomendaría Putas asesinas, que xa nos mete en Bolaño e na mítica tradición narradora latinoamericana. De feito, teñen considerado a Bolaño nesta disciplina moi merecidamente á altura de Cortázar ou de Borges.

Pero eu hoxe non quero falar dos relatos, quero falar dunha das súas obras que xa se ten convertido en mítica Los detectives Salvajes. Esta novela é unha viaxe iniciática que Arturo Belano e Ulises Lima emprenden por diversas razóns ao redor do mundo, buscando e sen buscar á poeta Cesárea Tinajero. Digo buscando e sen buscar, porque aínda que o fío argumental é este, a realidade é que distintos personaxes falan dos protagonistas e non necesariamente de Cesárea Tinajero. Realmente o que ensambla esta novela son xustamente os dous personaxes principais que se van facendo máis e máis sólidos a medida que avanza o texto e que temos máis información deles.

E é que as parellas de personaxes son para a literatura o que as arias ás óperas. Na historia da creación literaria todos podemos lembrar ao Quixote e a Sancho Panza, a Stephen Dedalus e a Leopold Bloom, a Dante e a Virxilio. Posibelmente as parellas na literatura funcionan porque todos nós, nas nosas vidas, temos un perfil ambivalente e, dalgún xeito esa mestura de rasgos contraditorios é a que nos define no máis íntimo, máis aló de simplificacións.

Pero esta obra é moito máis. Está dividida en tres partes: "Mexicanos perdidos en México", "Os detectives salvaxes", e os "Desertos de Sonora". E nestas páxinas abrolla o coñecemento da vida real ao redor do mundo, aparecen escenarios como o Distrito Federal, San Diego, Barcelona, Managua, Sierra Leona, Israel, Angola... E a exuberante cultura de Bolaño. Se eu tivese que definir na miña opinión de que trata esta novela, diría que da vida e da poesía que, se ben pode sonar poética, en moitas ocasións é o contrario. Para facérmonos unha idea desto último, da fonda cultura vital e intelectual de Bolaño direi que atopei a Euxenio Montes e a Vicente Risco, citados polo escritor, en amplísimas numeracións de todas as razas creativas. Pensemos que efectivamente, Euxenio Montes e Vicente Risco foron poetas, e poetas que buscaron novos camiños, velaí polo que son citados na novela. Diría, coido que sen esaxerar, que podemos atopar máis de mil poetas citados dende antigos poetas chinos ata poetas mexicanos de vangarda, e franceses, italianos, etc.

E para explicar a súa visión do mundo tan ampla, só hai que fixarse nun capítulo que adica a Xosé Lendoiro, un avogado galego afincado en Barcelona que se foi viaxando por España. Conta nunha das súas historias algo que lle pasou no cámping de Castroverde, en Lugo, e onde coñeceu a Arturo Belano. Curiosamente preto de Castroverde hai unha aldea que se chama Bolaño. Non sei se o escritor chileno tiña ascendencia galega, pero moi probabelmente. E neste capítulo tamén fala dos galegos, honradamente, non demasiado ben, fala dos setenta na Galiza, cos atavismos típicos do rural galego...

Falei das referencias concretas á Galiza, pero que ninguén pense que este libro fala sobre Galiza. Fala sobre a vida, sobre o mundo e sobre a poesía.

Esta obra, como todas as grandes obras, ten moitas lecturas e non serei eu o que condicione a un lector ou lectora. Eu podo salientar o que a min me resultou máis suxerente, pero é que Bola
ño e esta obra é un mundo. Eu teño costume, non sei se boa ou mala, de ler varias libros á vez, diría mesmo que moitos libros á vez. Cando estaba rematando de ler Los detectives salvajes tiven que deixar case todos os libros é centrarme neste; a razón? É que esta obra de Bolaño comprende toda a literatura imaxinada. Toda.

Ollo, non é un libro fácil, pero se alguén quere comprender o futuro da creación literaria, e comprender a vida, debe ler esta obra que abriu novos camiños na literatura universal e que, por certo, foi premiada co Premio Herralde de novela e co Premio Rómulo Gallegos.

Bolaño practicamente foi considerado toda a súa vida un escritor maldito, un escritor a contra corrente, contra o sistema literario, por iso de seguro que riría se soubera que a súa obra 2666 foi considerada o mellor libro do ano en Estados Unidos e no Reino Unido, e un éxito de ventas.

Brindemos por Bolaño e pola literatura.

Roberto Bolaño.
Los detectives salvajes.
Barcelona: Anagrama. 2009.
624 pp.


15 de xuño de 2009

Cando os soños poden ser futuros

Xosé M. Pacho

Cando un cre que as cousas poden mudar, xa está no camiño para conseguilo. Onte en Santiago, estabamos moitos que queremos soñar cun país en galego, cunha xeografía en galego, cun futuro en galego.

Sabemos que somos minoría, pero tamén sabemos que as minorías convírtense en maiorías; tamén sabemos que os homes e as mulleres evolucionan, e que, a cada paso, aínda que a moita xente lle pese, estamos a construir unha sociedade onde o galego é o centro do noso desenvolvimento social. Por suposto que asumimos que a tarefa é difícil e complexa, que temos que moer co que hai, e convencer, porque sen convencer non chegaremos a ser maioría.

Pero é que a nosa lingua, o galego, é o cerne, o prezado cerne da nosa cultura, é a nosa instalación no mundo, e é o que pode facer de Galiza unha sociedade moderna. Falar galego para ser moderno. Falar galego para coñecer todas as linguas. Falar galego para viaxar polo mundo.

Falando galego non impomos nada, falando galego camiñamos, e falando galego creamos un futuro para os nosos nenos. Lembro sempre que durante moito tempo en Chequia, a lingua maioritaria que se fala era o alemán, agora, a día de hoxe, a ninguén lle estraña que a lingua que se fala en Chequia sexa o checo. Se sabemos empregar os nosos argumentos que son moitos e incontestabeis dentro dun tempo, a lingua da Galiza será o galego, a lingua dos galegos será o galego.

Porque o galego é a nosa instalación mental e a nosa xeografía espiritual, como a choiva, como a pedra, como o mar e a terra verde. Por iso a manifestación da lingua é a revindicación de nós mesmos, e do noso futuro.

Imaxe: MXM

18 de maio de 2009

Chorimas da arte, para os artistas

Xosé Manuel Pacho

Veño deixando que asenten nesta cachola mal estructurada de mono unha serie de ideas sobre a arte que o outro día me evocaron distintos textos e espectáculos vistos. O primeiro foi o que vin na "Sala Nasa" en Santiago, de Rúa Aire, teatro de monicreques feito con globos. Espléndido, xenial, toda unha homenaxe á arte. Sentinme tan ben polo talento que respiraraba, alí, nunha beira cun chapeu e cun abrigo longo para pasar desapercibido, que coa emoción saltóuseme o tapacráneos, e a xente quedou espantada, pero despois botaron unha gargallada porque deberon pensar que formaba parte do espectáculo. Isto da arte é así.

Estaba na técnica deste espectáculo de títeres, un amigo do Pacho, Tonito, Titiriteiro de Catro Camiños, co que despois estiven en animada charla, e do que aprendín moitas, moitas cousas, sobre o que é a arte e o compromiso.

Esto fora o venres, o domingo fun á opera a ver "O barbeiro de Sevilla" de Rossini, unha das miñas óperas favoritas que tiven a sorte de ver en Madrid, Coruña, e Verona, e como non podía ser doutro xeito para pasar desapercibido, disfraceime de muller, requintada e fachendosa como Chiquita a famosa liliputiense da literatura cubana, ou como calquera señora destas que habitan no imaxinario tamén literario de Oria. E estivo ben. Efectivamente, non foi nada espectacular, pero o elenco fíxoo todo o mellor que sabía, daquela, non se pode pedir máis.

O luns ou o martes, unha amiga do mono, Chon, pasoume un texto, moi ben escrito, e que parecía poesía ou música plasmada no papel. Fermoso como o maio florido do que falaba, e dos paraísos perdidos. Verdadeiramente fermoso.

Pero que teñen en común, estas tres manifestacións artísticas? Para min, moito. Esta última está feita por unha muller que puxo todo o seu intelecto a favor da causa da arte, do teatro, a Mónica Camaño, pese a quen pese e contra o sentido común dun futuro estable e unha tranquilidade social económica que nos tempos actuais sempre é benvida. Os titiritieiros, exactamente o mesmo. Dicíame Toñito que el e os outros dous manipuladores de títeres coñecéranse nos "Lunnies", ou sexa nun traballo para televisión estábel, e que da tranquilidade económica. Deixárono polo soño da arte. E o elenco operístico era xente nova que daba o mellor de si mesmos, nun lugar afastado do seu país de orixe, debían ser búlgaros, e que puiden ver como se montaban nos dous autobuses para ir a outro lugar onde volverían representar a ópera.

Estas persoas teñen en común a crenza na arte, o sacrificio por un soño, aínda que sexa duro. E estas persoas fan que o mundo sexa mellor, e crean unha sociedade e un futuro para todos. As utopías do mundo...

Merecen unha homenaxe, aínda que sexa a dun modesto mono.

Saúde para os artistas, e terra para os mouros.

12 de maio de 2009