Amosando publicacións coa etiqueta Helena Villar Janeiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Helena Villar Janeiro. Amosar todas as publicacións

Aprender a lingua (materna)

Helena Villar Janeiro. -

Ante unha foto de Marilyn cun precioso abrigo beixe, viaxo ao taller familiar onde axudei aprendendo o oficio da costura. Na época que evoco, os abrigos das mulleres eran soltos (ensanchando a caída desde os ombreiros ) ou entallados (axustados á cintura e nesgados abaixo). As chaquetas dos homes, redondas ou de traspaso. Así foi como aprendín as dicotomías sen saber o seu nome. Así é como aprendín o vocabulario que  daquela me bastaba para enterme co mundo, inda que máis tarde tivera que aprenderlle novos significados.

A miña adquisión idiomática está unida ao taller de costura. A palabra vistas non era a panorámica que se podía divisar desde un lugar privilexiado, senón unha parte dos dianteiros da chaqueta. Baixos non eran nin cantantes de voz grave nin a primeira planta dos edificios, senón o fondo das prendas. E podería dicir o mesmo de calado de cantos, forrar pasamáns, punta de gabián ou picar peitos.

As linguas apréndense uníndoas ao contexto das actividades da familia, da concorrencia de compañías afectivas e lúdicas, das características do medio socioeconómico e ambiental. Con estas palabras vaise construíndo interiormente o esqueleto do mundo. Despois, coa apertura doutras aprendizaxes, complétanse, arriquécense e xa nos serven para entendérmonos con outros falantes dese mesmo idioma que tivesen percepcións iniciais ben diferentes. Durante este proceso, ten cabida a aprendizaxe doutra(s) lingua(s), feito que aumentará a nosa capacidade de relación.

A familia é fundamental na aprendizaxe dun idioma porque a comunicación entre os seus membros ten moita carga emocional e o uso da palabra está fortemente motivado pola comunicación das necesidades. Pobre daquela criatura á que lle fagan crer, por activa ou por pasiva, que a lingua da súa casa é menos valiosa que outra que lle poñan de modelo para se entender cos demais! Por esa intervención infame, un falante pode perder a súa primeira lingua, porque esa idea interfire, se non hai un apoio consciente que a equilibre, incluso en seguir falándoa cos seus. Non hai nada máis anómalo na comunicación que o feito de que na casa se falen idiomas diferentes por franxas de idade, que as nenas e os nenos se dirixan aos seus proxenitores nunha lingua diferente á que estes falan entre si, maiormente se a lingua primeira ten presencia natural na sociedade. E cando unha sociedade, como é a nosa, acepta con toda normalidade ou mesmo provoca que pase isto, hai que pensar que perdeu moito en saúde social.


Lido en: https://helenavillarjaneiro.wordpress.com/

25 de feb. de 2020

O necesario contexto

Helena Villar Janeiro.-

Por un deses apuros que nos mete o Entroido cando hai xente noviña á que se lle ha preparar un disfrace que nos guste e lle guste, mando un mozo mercar á mercería 1m. de vivo e el pregúntame abraiado que é iso. E chócame moito que mo pregunte, porque o mozo ten antecedentes de catro xeracións de homes e tres de mulleres relacionados coa confección artesanal das prendas de vestir. Non caera na conta de que el xa non estivo en contacto con ese traballo, porque antes –veremos que pasa no futuro- as familias ían ascendendo socialmente e porque o traballo artesanal tamén vai camiño de desaparecer se non se fai algo que o valore debidamente. Acabo entendendo, xa que logo, que a mensaxe o deixe descolocado. Para que se atrevese a pedir algo así sen recorrer eu á definición dunha palabra que ata no oficio de coser é polisémica, inda que con moitas semellanzas de uso, asegureille que a tendeira o entendería sen lle el dar máis que o  anaquiño do tecido que levaba para que casase a color. E, como eu supoñía, volveu morto coa risa de que unha tira xa preparada para facer o remate dun escote se chamase vivo e do ben que entendera a vendedora o que pedía a pesar dun significante tan estraño. O contexto é fundamental para a comprensión plena das mensaxes. Unha estrutura tan simple como “a parella”, significaría ata hai ben pouco –porque a realidade tamén muda- para un labrego, as vacas ou bois que se xoncían xuntos para traballar e para unha familia de xitanos nómades, a garda civil coa que preferían non bater. Hoxe fai referencia xeralizada á persoa coa que se convive afectivamente, sexa cónxuxe de dereito ou non. E para unha destas parellas, usada en diminutivo, viría a indicar que teñen nena e neno como descendentes. O contexto é o que nos permite aprender as palabras do noso contorno para ir adquirindo un dominio, cando menos parcial, da que ha ser a nosa lingua. E sucederá cando as escoitamos por primeira vez, cando aumentamos a nosa riqueza idiomática nese mesmo código e cando aprendemos un novo idioma. Na vida cotiá ese contexto dáse doadamente, e cada criatura aportará á escola palabras relacionadas co oficio e modo de vida das persoas coas que se cría, verdadeira confluencia dun pequeno universo. Tamén adquirirá certa complexidade idiomática se o nivel conversacional que lle serve de modelo ten estruturas  relacionadas cos procesos mentais que fomenta a escola a partir da lingua. Por iso, os centros de ensino deben ser igualadores para nivelar aquel alumnado que aporta estruturas máis elementais na súa expresión coa axuda de quen xa as posúe que, ben encamiñado, será fermento facilitador da aprendizaxe dos demais canda o da súa.

A palabra contexto hoxe é o comodín co que xente pública pretende enmendar o que xa pronunciou e non lle conviña ter feito. Daquela, di que se sacaron de contexto as súas palabras e pensa que a fórmula enmenda todo. Pero este contexto descontextualizado non lle vale de desculpa.

Publicado en  El Correo Gallego (03-03-17)

4 de mar. de 2017

Homenaxe a Pepe Chao Rego

 
Helena Villar Janeiro.-

Palabras pronunciadas na inauguración do IX Hectómetro Literario, 
dedicado a Xosé Chao Rego no “Paseo dos Soños” 
(Vilalba, 19 de xullo de 2014)

Para falar de Pepe Chao teño que remontarme a 1979, ano en que o coñecín aquí en Vilalba e nos levou á Chouzana. Alí preparabamos a miña participación da I ROMAXE DE CRENTES CRISTIÁNS na que se ían introducir novidades litúrxicas que incidirían na miña fe devota e tradicional. Ía ter a sorte de representar a Galicia na celebración eucarística onda o cura Raña e unha canción de roda de O libro de María sobre o conde de Fenosa, que Suso e eu fixeramos para a nena –o único conde que coñezo, dixera Suso- co asulagamento de lugares e vilas de Galicia como protagonista, sería o canto coral do Ofertorio.

“A casa de Chouzana”
Igual que na pasaxe de Emaús,
ía eu cara a Chouzana cun Xesús escondido
en solemnes roupaxes e pregos de artificio.
Alí Pepe espurgábamo da metáfora escura
e tomaba o sentido que perdera
nos libros alterados.
Eu sentíao entre nós,
que viña presidir a mesa da palabra
nunha liturxia viva en fraternal convivio
falando a nosa lingua,
sentindo a nosa chuvia,
a calor ou o frío.
Tamén estaba no verdor dos nabos
ou no esplendor do trigo,
na caída das follas
e no espido.
Dicía un “ecce mulier” tremecente
e contaba comigo
para ir falar da nova ao pedregal de Irima,
nacencia do pai Miño
e devolver aos crentes
a frescura do rito.
A casa da Chouzana
o mesmo que Emaús, é lugar bíblico.

Hoxe quero falar aquí coa voz deste poema datado nunha etapa importante das nosas vidas. Vai falar a muller como muller, ademais da amiga. Pepe Chao contou con todo o marxinal dunha Igrexa desfasada no tempo para elevalo á normalidade relixiosa: as mulleres, os homosexuais, a lingua dominada, a nación negada e o medio natural do que formamos parte. Foi un faro encamiñando a moita xente que agardabamos algo nunha época que fixo cambiar cousas, aínda que non todas nin como quixeramos. Pero aí estivo a súa voz, moi particular, entre outras moitas voces imprescindibles para unha reflexión actualizadora do Evanxelio. As mulleres debémoslle moito a esa xeración de “Encrucillada” que el axudou a construír.

Pero fago tamén aquí a conmemoración dun aspecto do traballo de Pepe Chao que é moi de salientar: a súa pedagoxía como ensinante duna lingua problematizada nun centro no que a súa presenza de uso era meramente testemuñal, o Instituto Rosalía de Castro de Santiago. Traio comigo, como adhesión a este acto, a palabra dunha das súas alumnas, aquela María do Cebreiro que coñeceu tan meniña cando el e o Suso opositaban xuntos a profesores: “Lembro o seu aire máis franciscano que apostólico entre as mesas de formica do Rosalía e a súa convicción (que comparto plenamente hoxe xa máis consciente) de que a aprendizaxe de calquera lingua se debe basear na motivación. Pepe Chao traballaba aí onde a política lingüística aínda falla e creo que entre o seu alumnado fixo moito máis ca esta pola valoración do galego como un patrimonio de todos e non únicamente dos que o falabamos na casa”. Esta valoración é compartida totalmente por seu irmán, Abelardo, e estou segura de que representa o sentir de moitísima xente que lle pasou polas mans.

Parabéns, Pepe, e grazas por tantas cousas importantes que trouxeches ás nosas vidas.

Fotografía: Helena Villar Janeiro

3 de dec. de 2015

A Vaca de Fisterra

Helena Villar Janeiro.-

Á tradición de El Toro de la Vega, que debeu ser hai tempo abolida por maltrato con saña contra un animal, quero opoñer un uso que cómpre recuperar pola simboloxía de auxilio e comunicación emotiva nas terras máis occidentais de Galicia, A Vaca de Fisterra. Entre nós, sempre se viu a vaca como ben nutricio. Á Vaca de Fisterra, que é metafórica, acaeulle moi ben este nome non só polo bruído senón tamén polo significado do animal que sacaba, canda o porco e a galiña, a fame das casas, aínda en lugares onde entraba o peixe que esta vaca fisterrá axudaba a traer ata o porto. Ser era un nautófono, un faro sonoro, que aínda conserva as buguinas ao aire ben semellantes ás cornas dunha vaca. Instalouse no faro en 1889 porque os sinais lumínicos eran insuficientes cando se perdían entre as brétemas, que alí din borraxeiras. Foi ela quen pasou a orientar co seu compás os mariñeiros mostrándolles cos seus bramidos unha especie de mapa virtual de colocación que facía posible que os barcos se orientasen, garantíndolles o bo tránsito ou a chegada a porto. O seu bruído lanzado ao aire para que sobrevoase o mar, chegaba tamén á terra dos arredores do cabo fisterrán. Así que non só os navegantes, aos que ela dirixía as advertencias, senón tamén as xentes da contorna recibían aqueles avisos en días e noites de borraxeira, por iso se converteu nun son ambiental que, segundo di Xosé Iglesias nun dos seus traballos, é parte do ADN das xentes dunha gran contorna que o escoitou ata o ano 1999, pois a Vaca de Fiesterra quedou muda cando acabou o século XX.

O aparello do faro de Fisterra foi o primeiro e case único en Europa das súas características. Pero a obsolescencia chegou aos seus mecanismos cando o sistema de navegación adoptou as novas tecnoloxías que o fixeron innecesario para o seu labor. Non obstante, a memoria do seu son é un patrimonio inmaterial daquela xente que o leva incrustado na memoria de varias xeracións constituíndo un compoñente de colectividade. Mais tamén é patrimonio material, porque pode volver poñerse en uso simbólico para o converter nun atractivo particular da comarca. E, como o seu recordo xa figura na obra de poetas que sempre a sentiron dentro, o pasado día 19, organizado polos poetas Francisco X. Fernández Naval, Modesto Fraga e Xosé Iglesias, investigador e divulgador da historia deste nautófono, tivo lugar un acto cultural no que vates e intérpretes musicais tomaron o papel reivindicativo de gabar tan singular patrimonio e de pedir que o faro recupere a voz. A marcha desde a lonxa da vila ata o faro, cos catro recitais que se desenvolveron ao longo do acto, demostraron o interese da xente convidada a participar e, sobranceadamente, a da vencidade e arredores. Agora procede a negociación que queda nas mans do Concello de Fisterra –que colaborou na organización do acto- e da autoridade portuaria. Entre ambos poden facer deste desexo unha realidade. Medre o mar e volva a Vaca de Fisterra!

Texto e imaxe: © Helena Villar Janeiro

Lido na rede en: helenavillarjaneiro.blogaliza.org

Tamén publicado en El Correo Gallego (25-09-15).

2 de out. de 2015

O videoclip

Helena Villar Janeiro.-

Anda polo mundo un videoclip con algunhas imaxes de Galicia entrefebradas con ritmo e sensualidade arredor dun Enrique Iglesias tocado con pano gris fradesco que, no mosteiro de Carboeiro e entre fachóns, canta o tema “Noche y día”. Ritmo para noites loucas da mocidade co recorrente retrouso “Hai calor en la ciudad,/ hai calor en la bahía” (a coma é miña) e letra con connotacións pouco galegas. Dos catro minutos e medio que dura este soniquete rave, a Galicia correspóndenlle 45 segundos de tomas exteriores en once lugares, a maioría ao principio e ao final. E fago esta referencia porque a Xunta desembolsou para este vídeo 302.500 euros á discográfica Universal Music Spain en concepto de promoción de Galicia e o feito resultou moi contestado. A primeira interpretación que se lle deu ao gasto era de carácter cultural pola coincidencia coa publicación oficial da contía destinada aos festivais de música desenvoltos en Galicia, que será dun 30,6 % menos. Pero axiña se desfixo o equívoco, porque o diñeiro parece que procede de Turismo coa pretensión de potenciar a nosa capacidade de captación de turismo mundial da man do universal Enrique Iglesias.

O vídeoclip non fixo máis que crear polémica. Os artistas galegos sentíronse maltratados, madia leva. A sociedade en xeral manifestou –sobre todo a través das redes- un franco desacordo con que os nosos cartos se empreguen con esta alegría cando nos din que faltan para cousas moi necesarias. O bispado de Lugo censurou que escenas tan subidas de ton se gravasen nun mosteiro sen o seu consentemento. E Enrique Iglesias retrucou ao do gasto investido pola Xunta na súa persoa que el non cobrara un céntimo, que fora todo parar aos produtores e que bastante favor nos fixera fixándose nunha terra que adora por herdanza –terra do meu pae- cando podía elixir outra que cadrase máis cerca e agradecese a súa xenerosidade.

Para parar os ecos da polémica pídesenos que agardemos polo retorno. Só poderemos avaliar o resultado desta xenerosa inversión cando aumente sensiblemente o turismo. A ver se chegan as fans de Enrique Iglesias atraídas polas vistas de fondo, pero sobre todo polo que a canción ofrece como se fose publicidade caribeña: sol, calor, baía e pouca roupa, xusto o que Galicia non pode ofrecer como destino. Porque aquí precisamos, en tal caso, outra música e outros reclamos.

Lido no blog de Helena Villar Janeiro: http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org/

11 de mar. de 2015

Como se aprende unha lingua

Helena Villar Janeiro.-

Vin unha foto de Marilyn con precioso abrigo claro e a imaxe transportoume á miña casa ancaresa, porque nela axudei a traballar en moitas prendas parecidas para as mozas da época. Daquela, os abrigos das mulleres eran soltos ou entallados. As chaquetas dos homes, redondas ou de traspaso. Así foi como aprendín o que eran as dicotomías, que non o seu nome. Así é como aprendín tamén moito do vocabulario que máis tarde tiven que ir abrindo a outros significados pero que daquela me bastaba, coa súa univocidade, para enterme co mundo.

A miña adquisión idiomática está moi unida ao taller de costura familiar. Sendo así, a palabra vistas non era a panorámica que se podía divisar desde un lugar privilexiado, senón unha parte dos dianteiros da chaqueta. Os baixos non eran nin cantantes de voz grave nin a primeira planta dos edificios, senón a parte fondeira das prendas. E podería dicir o mesmo de calado de cantos ou de forrar pasamáns. De punta de gabián ou de picar peitos.

É ben curioso como se aprende a lingua, sempre uníndoa a contextos do medio en que se vive, das actividades da familia que se ten, da concorrencia de compañías afectivas e lúdicas, das características do medio socioeconómico e ambiental… Con palabras que alí xorden vaise construíndo o esqueleto do mundo e da comunicación. Despois, coa lectura e calquera aprendizaxe, complétanse, arriquécense e xa nos serven para entendérmonos con calquera falante dese mesmo idioma aínda que tivese percepcións iniciais ben diferentes.
A familia é fundamental na aprendizaxe dun idioma porque a comunicación entre os seus membros faise con gran carga emocional e o uso da palabra está fortemente motivado. ¡Pobre daquela criatura á que lle fagan crer, por activa ou por pasiva, que a lingua da súa casa é menos valiosa que calquera outra que lle poñen de modelo para se entender cos demais! Por esa intervención infame, un falante pode perder o seu primeiro vehículo de comunicación, porque esa idea interfire en seguir falando coma os seus. Non hai nada máis anómalo na comunicación que o feito de que nunha familia se falen idiomas diferentes por franxas de idade, que as nenas e os nenos se dirixan aos seus proxenitores nunha lingua diferente á que estes falan entre si. Cando unha comunidade, como é a nosa, admite isto non normalidade hai que pensar que perdeu moita saúde social.

Lido en:http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org/

22 de feb. de 2015

Os sabores de Galicia

Helena Villar Janeiro.- Nunha entrevista gastronómica pregúntanme a que sabe Galicia, e eu respondo coa sensación que aínda levaba na boca: “A peixe”. Os do mar son sabores moi presentes porque vivo cabo del e me gustan os seus froitos. Pero a resposta podía valerse da memoria, ser outra e tamén sería certa. O país ten moitísimos gustos. Galicia é unha festa culinaria e sería unha mágoa que a sabedoría gastronómica popular fose substituída por pratos invasores. Pizzas, churrascos e paellas non superan a exquisitez das nosas comidas tradicionais.  

Temos unha cociña estacional de calidade, nas montañas e nas chairas. Aí, Galicia sabe a carne fresca ou á salgada dos cortes do porco e os seus procesos. E tamén a cimos amargos, ou grelos, que dicían mouriscos e non sei se cultivan, porque o abandono do autóctono fai xa que as leitugas, as peras, as mazás e ata as patacas sexan todas idénticas, mercadas en calquera establecemento. E sabe a pan de verdade, onde coidan este vello pracer. Tamén é estacional nas ribeiras, con troitas, lampreas e anguías, xoubas ou sardiñas, fóra ou dentro dunha empanada, e os mariscos cando engordan, por citar unha mostra mariñeira. A terra produce o que mellor lle fai ao noso corpo en cada lugar e en cada tempo. Son os principios do ying e o yang, que tamén aquí teñen sentido aínda sen os coñecer. Temporalidade e territorialidade conforman a dieta máis concorde co equilibrio dos habitantes, aínda que hoxe os mercados nos invadan con produtos importados e fóra de tempada.

Porque Galicia ten sabores de memoria. A cociña familiar está no pouso da xeografía sentimental e os sabores transportan ás paisaxes. Para quen vive lonxe do país, Galicia sabe a gloria. E a gloria, en non poucas ocasións, está representada polo lacón, as empanadas e o polbo á feira, ese cefalópodo que nos xungue co territorio, e entre nós, como os vencellos aos feixes.


25 de dec. de 2014

Gallego/Ghallegho/Galego/Ghalegho?

Helena Villar Janeiro.-

Catro rapazas e rapaces colgaron un vídeo reivindicando a súa fala e deu moito que falar. Fun consultada sobre se tiñan razón e contestei a verdade: si e non.

Non podemos sacar a lingua do contexto das demais. O galego ten problemas coa sociedade, e non só el. Pero hai unha serie de fenómenos que son comúns. Ningún idioma se adoita escribir descoidadamente como se fala, porque a escrita é un nivel coidado e afastado do coloquialismo. Todas as linguas teñen modos de falar territoriais (dialectos) que moi raramente se reproducen na escrita igualadora. Só a historia anómala da nosa nos permite pensar que os galegos falan diferente se son do Ribeiro ou de Camariñas. Un texto xornalístico escrito en Cantabria e outro en Andalucía transcríbense igual. Os andaluces ocultarán o seu seseo e non suprimirán consoantes nin vocais Ningún andaluz con escolaridade escribirá “E un desahtre”, senón, “Es un desastre”. O mesmo pasa na cadea oral pronunciada nunha clase da Universidade, na defensa dun reo, no discurso dunha toma de posesión.

Os rapaces farán ben en defender o seu dialecto e aínda as súas variantes. Pero farán mal en non adquirir o rexistro culto que afortunadamente xa posúe a lingua. Porque isto faríaos incultos no seu propio idioma.

En Andalucía teñen regras mnemotécnicas que recordan as palabras que se escriben con l, como alma –que din arma-. Polo tanto, ese non é un problema do galego. É cuestión de distinguir rexistros e niveis e de aprendelos para saber cando cómpre usalos.

Nas primeiras dobraxes de películas rodadas en inglés os personaxes falaban un rexistro xudicial que facía chorar. Esta foi unha experiencia que ensinou moitas cousas e non cómpre esquecelas.

¿Teñen razón os rapaces e as rapazas do vídeo “Ghalegho”? Si e non. Quen renunciamos ao uso único do dialecto para ser profesores, escritores, avogados, xornalistas… tamén fomos rebeldes, pero convenceunos a realidade.

A nosa lingua é digna e merece un esforzo de aprendizaxes. Porque queremos que sexa unha máis das linguas normalizadas do mundo.

Texto lido no blogue didáctico "Galego na rede", de Helena Villar Janeiro

27 de nov. de 2014

A lingua estándar

Helena Villar Janeiro.-

A maioría dos falantes de Galicia expresábanse nos seus dialectos e nas súas variantes. Eran analfabetos na lingua que falaban, por incapaces de lela e escribila. É doado rastrear as fontes das súas aprendizaxes máis formais, pois cambian de idioma en contextos non habituais, por exemplo, para repasar unha conta. “Tres por siete veintuno y me llevo dos”. Aínda hoxe, sábese en que lingua están alfabetizando un escolar pedíndolle que conte os dedos da man. Son aprendizaxes enraízadas nunha poboación que non adoitaba usar a súa fala con quen consideraba máis culto e facíao nunha lingua estándar allea á súa vida, que aprendía na escola, nas igrexas e nos escasos medios de comunicación que tiña ao seu alcance. Crían parecer máis lidos e importantes cando utilizaban unha lingua distinta á que falaban coa súa xente, coa súa veciñanza e na maioría do seu trato cos que lles eran iguais.

Acontecía, pois, que trataban de transmitirlle á prole aquela lingua allea, ás veces mal aprendida, por considerar que se falaba igual en todas partes, que estaba nos libros, que lla ían esixir na escola e que lle permitiría mellorar de estatus social. A situación dos pais que falan cos fillos nunha lingua allea a eles era vista con total normalidade pola xente. O galego era a “lingua proletaria do meu pobo” (Celso Emilio Ferreiro), que non se falaba igual no Ribeiro que en Camariñas, á que lle había que superpoñer outro estándar para dar a talla de cidadán preparado. O gaiteiro de Lugo –repertorio popular galego por excelencia- traía nunha copliña crítica con tal situación: Hai quen non vale un pitillo/ nin sementa un gran de millo/ nin ha de heredar un rego/ e dálle azoutes ó fillo/ pra que non fale galego”.

Pero hoxe o galego posúe xa a variedade estándar, que é o nivel culto que os falantes dunha lingua abandonada á súa sorte precisaban buscar noutra. Ese é o galego no que se imparten as clases, se dictan as conferencias, se escribe na prensa e se utiliza –se hai vontade de facelo- en calquera institución. Esta lingua supera os dialectos orais, que foi a maneira de falar de sempre. E todos os rexistros dun idioma son compatibles. Os cántabros non falan como os andaluces, mais os xornais publicados en ambas comunidades escribiranse igual. Porque iso é o que pasa con todas as linguas do mundo cando conviven en normalidade cos seus falantes.

Imaxe: Helena Villar Janeiro
http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org/

16 de nov. de 2014

O respecto pola lingua

Helena Villar Janeiro.-

Cando entrou no sistema educativo a lingua galega –xa a Lei de Xeral de Educación de 1970 admitía o seu ensino voluntario- puxemos excesiva confianza nos logros da escola, pero unha lingua ausente das institucións pode ter nelas fundadas esperanzas de futuro. Ao ser oficial na súa comunidade –conxuntamente co castelán- pensamos, con algún fundamento, que adquiriría estatus de uso normal. Para a normalización dunha lingua é necesaria a aprendizaxe polos membros da comunidade que non a saben. Esta aprendizaxe adoita facerse sobre un idioma normativizado que supera a fragmentación do illamento cando a gran maioría dos seus falantes non se enfrontaron nunca aos seus escritos como lectores nin como autores de textos. Polo tanto, había que configurar un estándar sobre as variedades da fala no que se recoñecesen os usuarios para pasalo, o máis unificado posible, á lingua escrita. O fenómeno aconteceu nalgún momento con todas as linguas, dada a altísima cota de analfabetismo universal ao longo da historia, pero o galego tivo que afrontalo todo xunto e en conflito, o que deu lugar a cambios acelerados. Vendo os propios escritos primeirizos tras estes anos dámonos conta da rapidez do proceso.

Outro paso necesario para normalizar un idioma que foi subalterno e non asumido polas clases sociais medias e altas é frear a desgaleguización familiar e social, e crear actitudes de respecto para o seu uso. Combinar axeitadamente a aprendizaxe, as boas actitudes e o ánimo de uso tiña que levar a empresa ao éxito, aínda tendo en conta que dúas linguas en contacto viven forzosamente en conflito e que o bilingüismo non é social senón persoal. Se miramos os resultados conseguidos despois dun tempo que permite xa comprobar os cambios, constatamos que os obxectivos están moi lonxe de ser acadados. Perda alarmante do número de falantes nas novas xeracións, aprendizaxe insuficiente a xulgar polos erros que se están incorporando a través do que algúns chaman con certa alegría “galego urbanita” e a falta de respecto para o seu uso, pois é evidente o desinterese en mellorar o idioma, xa non o oral, senón tamén o escrito, que é máis doado de supervisar. A lista dos nomes das editoriais galegas mal traducidos por corrector automático ao castelán nun medio de comunicación a pasada fin de semana foi todo un espectáculo.

27 de out. de 2014

Homenaxe a Xosé Chao Rego

Helena Villar Janeiro.- Xosé Chao Rego recibiu onte unha entrañable homenaxe na súa terra, Vilalba. A Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá organizaron este acto de colocación do Noveno Hectómetro Literario, que deu comezo ás 17.30 h. no Paseo dos Soños do Muíño do Rañego, á beira do río Madalena.
Xosé Chao Rego é unha personalidade singular da nosa cultura. Destaca polo cultivo do ensaio sobre temas teolóxicos e de antropoloxía social. O seu traballo por unha igrexa galega, que asumise o idioma como lingua da gran maioría dos crentes e a nosa realidade social e ambiental para encarnarse, foi unha dedicación constante no seu labor intelectual e na praxe evanxélica. A súa personalidade afectiva e conciliadora está detrás de moitos proxectos colectivos durables, entre eles as revistas de pensamento cristián Irimia e Encrucillada. É autor prolífico de traballos de fondo bíblico e de obras comprometidas cos problemas teolóxicos do noso tempo, entre os que destaco pola súa actualidade A condición homosexual (1999) e O sexo, a muller e o crego (2000). É autor tamén, entre outros moitos libros, de Eu renazo galego. Ensaio sobre a identidade galega (1983), que recibiu o Premio da Crítica Galicia, onde se recollen as reflexións do autor sobre un tema tan importante como desenvolver un pensamento crítico sobre as orixes culturais e ambientais do crente. A primeira Romaxe de Crentes Galegos celebrouse no Pedregal de Irimia, nacencia do Miño, como símbolo da recuperación da galeguidade espiritual e dese mesmo topónimo procede o nome dunha das revistas citadas. A súa dedicación á escrita levouno a colaborar na prensa con habitualidade. Por todo este traballo, foi distinguido coa Letra E pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (2002).
Profesor de Ensino Secundario no instituto Rosalía de Castro de Santiago -cidade na que conta cunha rúa-, impartiu clases de galego deixando unha forte pegada no seu alumnado. Apartado ultimamente da vida social por razóns de saúde, acudiu onte á homenaxe na que tomaron a palabra Rubén Aramburu, Marica Campo, Xosé Manuel Carballo, Xoán Xosé Fernández Abella, Daniel López Muñoz, Moncho Paz e esta que escribe. Actuaron os músicos Mini e Mero de A Quenlla, e o gaiteiro Raúl Galego. O acto estivo dirixido polo xornalista Xulio Xiz. Parabéns ao amigo por unha mostra máis de recoñecemento.
_______________
Foto: Chema Felpeto

19 de xul. de 2014

Galego na rede

Helena Villar Janeiro.-

A presenza do galego nas TICs é imprescindible. Lingua minorizada en contacto con millóns de falantes da lusofonía, ten moito futuro a través das redes. Afortunadamente hai voluntariado que posibilita que chegue ás novas plataformas nas que o utlizan persoas que a tiveron na programación escolar e aqueloutras que se atreven a escribila desde a fala.

En termos xerais, a súa calidade é moi mellorable. Se a rede democratiza a escrita dándolle a palabra á cidadanía, corre o perigo de que leve erros. É un problema de todos os idiomas, como podemos comprobar vendo o castelán, Pero, se un idioma non foi normalizado, o seu uso nos medios terá unha problemática ben máis complexa, feito que non nos pode coartar á hora de expresármonos nun código lingüístico que precisa ser vivificado e no que moita xente temos asentada a vida. Estas anomalías existen tamén na expresión diaria de xente que debera estar cualificada para tomar a palabra dignamente e deixamoito que desexar. O galego está acusando un deterioro alarmante nos últimos anos, non só no vocabulario, que é onde máis se fixan as actuacións por ser doado de adquirir e ter o apoio dos diccionarios. É nas súas estruturas fundamentais –a fonética e a morfosintaxe- onde os índices de contaminación do castelán, e doutros idiomas a través del, son a gran eiva para a fixación do idioma como o coñecemos ata agora. Quede a fonética para os medios audiovisuais e tratemos de corrixir a morfosintaxe nas dúas vertentes: a oral e a escrita.

Nese contexto, quen isto escribe iniciou narede un traballo de microprogramación case diaria para que un grupo de destinatarios, numeroso e heteroxéneo, fose mellorando o talón de Aquiles da desfeita: o uso e a colocación dos seus pronomes. O traballo só pretendía contribuír á mellora da calidade do galego nas e desde as redes, dándolle importancia á súa aprendizaxe permanente, obriga tanto de quen necesita aprendelo como de quen o escribe xa con habitualidade pero ten que consolidar a lingua estándar e corrixir os erros contaxiados desde as palestras que se toman como modelo. A acollida da iniciativa foi tan xenerosa que neste momento empeza a difundirse desde un blogue independente que se proxecta nas redes máis usadas, Facebook e Twitter. Galego na Rede únese así ao numeroso voluntariado que traballa pola normalización da lingua.

Foto: Helena Villar Janeiro

Publicado en El Correo Gallego (07-01-14)

21 de feb. de 2014

Soños de auga


Helena Villar Janeiro.-

Unha das cousas que desexo atopar cando saio coa cámara é a auga. A orballada nas arañeiras, nas herbas finas, nas follas planas, nos pétalos das flores… A brétema no colo dos macizos montañosos. A batida do mar contra os cons… E, por encima de todas, a auga estancada con residuos. A dos cacharros que dormen fóra, a do fondo de fontes e surtidores, dos vellos lavadoiros, das pucharcas. A chuvia nas pedras pulidas actuando de espello. As ondas do mar rizadas polo vento que reflicten obxectos da súa beira…
A virtualidade destas augas para modificar formas e volumes, mesturar realidades e espellismos, combinar luces e sombras, multiplicar perfís, cambiar o estatismo en movemento, e confundir dimensións e posturas é unha fonte de gozo para esta fotógrafa serodia que ama o abstracto, a polisemia dos contornos, a resemantización das imaxes.

A serie Soños de auga é unha mostra desa colección de augas na que o ollo quere sempre atopar un cadro escondido.

Mostra Fotográfica "Soños de auga"
Do 22 de novembro ao 12 de decembro
Casa da Cultura
Praza de Suso Gaioso, 1
27800 Villaba



22 de nov. de 2013

Homenaxe a Helena Villar e Xesús Rábade

Palabras de agradecemento


Helena Villar Janeiro.-

Se a palabras «gracias» (grazas non me gusta, aínda que a acate normalmente) non estivese desgastada polo uso e o abuso, case abondaría con pronunciala para cumprir coa agradable obriga que vos debo. Dado que está moi baleirada de contido e que non explicaría circunstancias especiais deste recoñecemento, vou tratar de transmitirvos o que merecedes escoitar e eu vos desexo dicir.

Eu son chairega adoptada, polo que esta consideración que recibo ten máis mérito que se ma concedesen na terra nativa. Teño a meu favor estar moi próxima á Terra Chá en diferentes etapas da vida a través do cariño de moita xente. Entre as miñas amizades de Maxisterio –a primeira saída dos Ancares-, as vilalbesas foron as máis frecuentadas. Tita, Mari Carmen e Blanca, entre elas; Paredes e Braña, entre eles. A Vila Branca foi a segunda cabeza de partido xudicial que coñecín e deixoume pegada para sempre.

Pasada unha década, os amigos da COPE de Lugo, a emisora máis progresista da época onde naceu a fonda amizade que comparto con Xulio Xiz e na que foi unha honra traballar, póñenme en contacto outravolta coa Chaira. O novo lazo chámase Xosé Luís García Mato. Enviárame o libro Charetas de Antonio García Hermida, seu pai, recén publicado, polo corresponsal que cubría as novas da comarca. Daquela escueta carta de agradecemento saíu unha fluída correspondencia de escola a escola, desde Gaibor a Armesto. Foi o primeiro amigo literario, o primeiro lector da miña poesía, o que me animou a seguir escribindo e mesmo promoveu a creación do premio Xosé María Chao Ledo coa esperanza de que eu o levase un día. Por medio del, coñecín nun xantar a Manuel María, que era testemuña daquela amizade, e ao que se converteu ao pouco tempo nese nó definitivo que me ata a Terra Chá, o Suso Rábade Paredes, co que levo felizmente compartidos 38 anos, unha filla e un fillo que non nos deron máis que satisfaccións e alegrías, varias obras escritas en común e moitos soños e arelas ás que Galicia nunca foi allea. Del recibín o apoio que precisaba unha muller da miña xeración para dedicarse con normalidade ao traballo intelectual. Disto é boa testemuña o benquerido compañeiro cravofondista e membro da mesa, Xulio López Valcárcel, que é quen mellor conta a historia da formación daquel colectivo.

Quero compartir, non só co meu home senón convosco, esta xenerosa distinción do hectómetro oito –o meu número favorito despois do catro-. E darvos, agora si, as gracias ás dúas institucións outorgantes, Xermolos e Irmandade Manuel María, aos membros da mesa que intentaron coas súas intervencións convencervos de que os nosos nomes son merecedores de quedar escritos para moitos anos na singular obra de Valdi e a familiares e xente amiga que nos acompañades nun día cheo de significado para nós.

Imaxes: Helena Villar Janeiro

31 de out. de 2013

Abater mitos

Helena Villar Janeiro.-

Nun barrio de Santiago, que recorda todo o mellor do rural, pasei un dos mediodías ardentes que vimos de soportar. Quedei para unha cita pero cheguei con moita anticipación e agardei na terraza dun bar baixo un bo toldo. Enfronte, ao outro lado da rúa, á beira dunha finca abandonada, aínda floreaba un bieiteiro e fun buscar unha flor, porque me gusta. Tráioa para a mesa e vouna fotografando co móbil e ulíndoa mentres boto uns grolos de auga fría. A flor debeu gustarlles tamén a uns paisanos que na mesa do lado van picando nas conversas. Falan dela e das herbas de San Xoán. Despois, pasan ás crenzas dos antergos.

O máis falador fixo unha enumeración case exhaustiva das plantas que se buscaban –a conversa era sempre referida ao pasado- para poñelas a amolecer na ventá a noite máis curta do ano. Así, a auga aparecía arriquecida pola mañá e chea de efectos máxicos favorecedores do corpo e do espírito. Un compañeiro tomoulle a palabra para describir aquela auga, como se aínda a tivese diante, resaltando os seus efectos beneficiosos sobre a pel e testemuñando que lla deixaba tirante e fresca como a dun neniño. E todos estiveron dacordo en que era comparable cos mellores perfumes que hai nas tendas.

Despois pasaron a falar dos mitos das celebracións ancestrais, maiormente a defensa contra as fontes do mal e a purificación dos espíritos. Un, que permanecera case calado, meteuse no diálogo para deixar sentado un principio de racionalidade afirmando que todo iso era o que lles contaban, pero que el sabía de boa tinta que non era así. Que el estudara pouco pero que, aquilo que estudara, o sabía a fondo e, polo tanto, non era doado enganalo. Que no da noite de San Xoán hai unha explicación clarísima de por que se facía o lavatorio e o perfumado. A auga era para limparse do fume de saltar as cacharelas, que saían todos del como se fosen negros, sendo brancos. E os perfumes das plantas procurábanse para sacar de paso o cheiro das sardiñas que ía pegado ás mans e aos arredores da boca. Así de sinxelo. Todo o demais era un engano herdado de xeración en xeración. E menos mal que os de agora xa non cren nada desas andrómenas que veñen de antigo para nos manter no atraso.

Eu diría que convenceu a un auditorio precisado de explicacións verosímiles para contrapesar as moitas mentiras e chafalladas que hoxe nos contan e non hai maneira de crer nelas.

Foto: Helena Villar Janeiro


16 de xul. de 2013

Ave, oh Deusa Stercore


Helena Villar Janeiro.-

Polos primeiros de abril, cando espertou a deusa Stercore, encheuse a aldea do arrecendo da fecundidade e empezaron a cantar os eixos dos carros de abono cara as terras onde se plantaban as patacas. Canda a saída ao aire daquel olor a esterco que nunca me foi desagradable, ao contrario, sempre o identifiquei co renacer da vida, asomaron as flores das árbores, as violas e as primuliñas dos ribazos, e as margaridas e xacintos dos prados. Aquela orde secreta veu acabar tamén dando orde tácita de que se acabase a escola da mocedade e as veladas nocturnas á escoita do transistor vido de Buenos Aires cando cantaba Antonio Molina, e sobre todo, á miña aprendizaxe idiomática e ancestral que tanto ben me trouxo.

Coa primavera, Vilaver e a súa contorna parecíanse algo menos ao bosque que acochaban os compoñentes animados e inanimados, naturais e culturais de La saga de Gösta Berling, a novela da Nobel sueca Selma Lagerlöf que eu lera varias veces. Vërmland semellábase moito ao sitio ao que me levara o azar a través dunha lista de escolas vacantes en procura de interina. Gösta Berling, a comandanta de Ekeby, Berencreutz, Mariana Sinclaire, o pastor de Broby, a tía Gustava (nos Ancares tamén se lles chamaba tíos aos anciáns) e ata a presenza imaxinaria do Gran Oso de Gurlita desapareceron tamén do meu horizonte asociativo. Sen neve, sen frío e sen polavilas, esvaeceuse aquela ilusión xeográfico-literaria.

E xa entrando maio, empezaron a faltar esporádicamente algúns escolares. A aldea retomara xa a vida plena e aquelas criaturas eran tamén man de obra necesaria para o sostén da familia. Seguindo a máxima da señora Xenoveva –tan velliña que perdera a idade na memoria e ata nos papeis que arderan no rexistro en San Román- que se move aínda pola miña infancia, “O traballo dos pequenos é pouco e o que perde é un louco”, empezaron a lles atopar ocupación.

Cada casa tiña o seu ordenante, a persoa que mellor organizaba –xeralmente o “cabeza de familia”- que, pola mañá, repartía o traballo do día tras do almorzo. Daquela, cadaquén asumía unha tarefa fósese grande ou pequeno. O traballo que facían os escolares era gardar as ovellas, un gando abondoso nos montes de cervantes, das que obtiñan lá, queixo, carne para “un día” –léase, festa- e algún diñeiro nas feiras, porque as vacas levábanse aos prados. Tamén portaban comidas ás fincas onde os adultos andaban a traballar en horario continuado e outra chea de cousas que puidesen abordar segundo a idade. A madurez daquela infancia para asumir responsabilidades érame ben coñecida, pois eu tamén fora nena traballadora á que moi cedo lle puxeran nas mans incluso a responsabilidade de abrir petos nunha prenda, que era meter un corte tras do que xa non había remedio de corrección.

Tamén foi no comezo da primavera real, que non baixaba de abril, cando veu á súa casa unha rapaza monxa á que lle deran un permiso para convalecer dunha enfermidade. Era dunha familia que eu trataba moito e fixen boas migas con ela o tempo que estivo alí, que non foi moito. Evidentemente falabamos de asuntos relixiosos. Aquel encontro no escenario dunha natureza exuberante e co templo pechado toda a semana era moi curioso, porque eu sempre unía o concepto relixioso co retiro nun templo. A bo seguro que, se daquela coñecese a Prisciliano, me volvería alí priscilianista porque a natureza chamaba a selo. Non obstante, as conversas con aquela rapaza que eu sabía monxa, aínda que alí vestía como unha muller máis da aldea, ían ter tamén unha influencia importante na miña vida posterior, aínda que se mostrou pasaxeira.

Daquela mesma primavera gardo tamén unha marca que me acompañará mentres viva e aínda menos mal que quedou aí. Nunha das escasas viaxes a Becerreá, case sempre camiño de Lugo, chovía e eu non estaba moi ben de saúde. Lucianín, o rapaz da casa que era un amor de neno, acompañoume a Quindous para que eu fose no macho e tivese menos camiño que andar.

Quizabes deba indicar a aquí, para quen non coñeza os Ancares, que son montañas novas e, polo tanto, moi empinadas, tanto que dá medo asomarse ao borde dos camiños desde os que se oe cantar o río noviño contra os penedos de orixe, pero non se pode ver. Eu levaba un paraugas encarnado e nunha destas, o macho volteou a cabeza, viuno e espantouse. Deixou o camiño e tirou monte abaixo. Eu caín moi pronto, pero quedei enganchada no arreo pola man do paraugas que se colgou do estribo. Lucianín, como un xigante, deuno dominado. Aínda me parece mentira aquela ousadía nun rapaz duns once anos. Cando puiden soltarme abracei o neno desa maneira na que só se fai algunhas veces na vida. A pesar de todo, sentinme capaz de seguir andando, notei que non rompera nada e xa non quixen volver montar. Contra a súa vontade, que era seguir, mandei o neno de volta para a casa.

Segundo avanzaba no camiño íame doendo o corpo, aínda que podía andar e así cheguei ata a casa. Pero algo quedou marcando en min aquela data: as secuelas dunha lesión muscular na perna esquerda xusto debaixo do xoenllo. É a miña ferida de guerra, algo que levei sempre con orgullo e que non me impediu poñer unha saia curta, ou unha minisaia cando me pareceu oportuno facelo, que foi ben poucas veces por certo.

Lido en: http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org

22 de mar. de 2013

Academia Real "Isaac Díaz Pardo"


Helena Villar Janeiro.-

O pasado 23 de febreiro creouse no Monte da Condesa de Santiago a Real Academia “Isaac Díaz Pardo”, anunciada no acto que en honra ao noso polifacético e benquerido Isaac celebrou un grupo de amigos e amigas en Boisaca o 5 de xaneiro, día do seu primeiro cabodano.

A singular Academia –que será do gusto, en forma e en contidos, do artista e tantas cousas máis- ten como obxectivo realizar actos en honra de Isaac Díaz Pardo e difundir o seu coñecemento e a súa obra. As acción que efectúe serán financiadas cunha pequena aportación anual dos membros reais da Academia e mecenados puntuais dos seus amigos. Non é necesario moito diñeiro cando a xente está disposta a traballar e non existen gastos de persoal asalariado nin de asentamento.

Presídea o Profesor Xesús Alonso Montero, que o imaxino creador desta brillante idea, asistido por Fernando Salgado (vicepresidente), Xosé Ramón Fandiño (secretario), Gregorio Ferreiro Fente (tesoureiro) e Olivia Rodríguez, Dolores Mariño, David Otero, e Martiño Noriega (vogais)

No acto de constitución estiveron presentes 21 membros fundadores aos que se adheriron outros 19. Así pois, en por hoxe, vimos sendo corenta académicos e académicas en disposición de gardar o “lume do pensamento de Díaz Pardo”, en palabras do presidente Alonso, cantidade que aumentará xa que non ten numerus clausus. Non se pode pensar nun conxunto de persoas máis variado e representativo da sociedade civil galega que non podo facer constar nomilmente por asunto de espazo.

A primeira actividade que sairá á rúa de contado é un folleto cos contidos literarios e artísticos do devandito acto de Boisaca. Prosas de Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Xosé María Dobarro, Xosé Ramón Fandiño, Inma López Silva, Martiño Noriega, Xesús Redondo Abuín e Fernando Salgado. Poemas de Carmen Blanco, X. X. Fernández Abella, David Otero, Luz Pozo Garza, Claudio Rodríguez Fer e Helena Villar Janeiro. Músicas de Mini e Mero, as irmás Laura e Mónica Quintillán, e os gaiteiros Manuel Castro Bastero e Elisardo González López.

Durante este mes, organizará tamén un acto en Monterroso –terra do seu gran amigo Lorenzo Varela- no que se divulgará a pouco coñecida faceta poética de Isaac Díaz Pardo, como dous poemas publicados na revista Aturuxo e algunhas letras para os seus carteis de cego.

Fonte: http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org/

4 de mar. de 2013