Premio "Modesto R. Figueiredo"


Redacción.-

A Fundación Pedrón de Ouro elixiu Rianxo como lugar da entrega da edición número trinta e sete do Premio Modesto R. Figueiredo de relatos para ser partícipes da conmemoración do 125 aniversario de Castelao. A proposta tivo boa acollida no Concello, e o vindeiro día 30 farase entrega do galardón no auditorio municipal. Onte tivo lugar, na vila rianxeira, a reunión do xurado, que acordou premiar o traballo de Amancio Liñares Giraut Corografía Obama, unha obra vangardista que recibirá 1.000 euros en metálico como premio e a publicación do relato.

O xurado tamén quixo destacar outros traballos dos 39 que se presentaron ao certame concedendo dous accésits que foron para Frío azul, de Ledicia Costa, e Eco da afasia, de Xaime Domínguez Toxo, que recibirán 400 euros e a publicación xunto co gañador.

Fandiño, Anxo Angueira, Agustín Agra, Tucho Calvo, Esther Carrodeguas, David Otero e Xesús Santos, como coordinador, formaron o xurado encargado de fallar esta edición do Premio Modesto R. Figueiredo, que se entregará nun acto no que participará o escritor e académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos.

Os premios Pedrón de Ouro, dende 1964, Pedrón de Honra e o Premio Modesto R. Figueiredo son os premios outorgados en Padrón polos membros da Fundación Pedrón de Ouro, fundada por Avelino Abuín de Tembra, Maximino Rodríguez Buján e Octavio Sanmartín Rodríguez, e que ten entre os seus membros a Manuel Caamaño Suárez, David Otero e Avelino Pousa Antelo.

28 de dec. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión