Presentación do estudo “Primeiros Diarios Galegos” no Consello da Cultura


Manuel París

Hoxe tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) en Compostela a presentación da publicación Primeiros Diarios Galegos (1808-1809), editada pola devandita institución. O acto contou coa presenza do presidente do CCG, Ramón Villares Paz -na fotografía-, que estivo acompañado polo secretario xeral de comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, e polo presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Na súa intervención, Ramón Villares explicou que o a publicación presentada hoxe forma parte do traballo que vén desenvolvendo a institución no apartado de comunicación a prol da promoción cultural galega. Asemade, agradeceu a colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación no deseño e orientación do volume.

A publicación está formada por un tomo de estudos críticos, elaborados polo presidente da Real Academia Galega, e tres máis que recollen en edición facsimilar os primeiros diarios nacidos en Galicia: Diario de Santiago, Gazeta de La Coruña, Telégrafo Político y Literario de La Coruña e Diario de La Coruña. A edición estivo coordinada por Xosé López, vicepresidente do Consello da Cultura Galega e profesor, e por Rosa Aneiros, xornalista e escritora.

Fernando Salgado valorou a importancia da publicación “por asistir ao rescate dos primeiros diarios galegos que nos levan ás orixes do xornalismo da comunidade e nos colocan na antesala da Galicia moderna”. Neste percorrido histórico dos primeiros anos do século XIX, destacou a dous homes pioneiros no seu ámbito de actividade: no eido empresarial referiuse a Reimundo Ibáñez, promotor de Sargadelos; e no mediático, a Manuel Pardo de Andrade, pioneiro do xornalismo en Galicia e fundador de Diario de La Coruña.

Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, explicou a situación histórica da época na que se enmarca o catálogo, así como o nacemento dos catro primeiros xornais galegos nos que se centra. Destacou que en Galicia, entre o ano 1808 e 1515, existían ao redor de 43 xornais impresos, sendo a área xeográfica onde máis publicacións periódicas se editaron.

14 de out. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión