Desmemorias



Paulo Naseiro

De novo, Fraga, na súa salsa. Se non lle abondaba con ensalzar a ditadura da que foi partícipe e responsable na mesma medida dos corifeos que lamberon as botas de montar do caudillo por la gracia de dios, agora convértese nun recalcitrante revisionista, como evidencian as súas declaracións no programa de TVE 59 segundos: Yo he visto un pueblo que es el mio, Villalba, provincia de lugo, donde hubo dos hombres, mi pobre padre que fue alcalde dos veces y un viejo militar retirado [...] Y allí no hubo absolutamente nada.

Por iso, precisamente, é necesario recuperar a memoria por lei. Porque aínda hai xente que alimenta este tipo de mitos. E o señor Fraga non pode, xustamente, agacharse detrais da súa avanzada idade, xa que conserva tanta lucidez como fundamentalismo ideolóxico.

O “pobre” pai de Fraga, Manuel Fraga Bello, foi efectivamente alcalde. O malo, para un pretendido demócrata como tantas veces se ten proclamado o fundador do PP, é que Fraga Bello nunca foi elixido nas urnas: foi alcalde imposto polo réxime de Primo de Rivera, primeiro, e pola brutal ditadura franquista, despois. Fermoso curriculum.

En canto á pretendida ausencia de represión en Vilalba, iso de que non houbo absolutamente nada é con certeza un mito alimentado por décadas de esquecemento e máis pola falta de atención da historiografía moderna sobre o particular, con algunhas excepcións como a de Mª. Jesús Souto Blanco, que no seu magnífico traballo La represión franquista en la provincia de Lugo (1), publicado en 1998 por Ediciós do Castro acerta a presentar unha extraordinaria visión do acontecido a partir de 1936 neste “pacífico” recanto do noroeste peninsular. Seguindo os rigorosos datos que presenta esta investigadora, impresiona coñecer as cifras de mortes violentas e non especificadas no concello de Vilalba, tomadas dos rexistros da época:

1935

1936

1937

1938

1939

1940

20

29

28

49

47

81


É sabido que a represión cebouse nos dirixentes das organizacións democráticas sobre todo de esquerdas. A maior parte das veces, escapar da morte física non conducía máis que a unha especie de “morte civil” inzada de penas de prisión, palizas, incautación de bens, depuración de funcionarios, desterros como o padecido por Lois Peña Novo, férreo control da vida diaria a través dos fanatizados falanxistas...

Entre os membros dos partidos democráticos, está perfectamente documentada a saña demostrada polas novas autoridades, con Fraga Bello á cabeza. Foron asasinados, entre outros, os socialistas José Balsa Villares e Jesús Orosa Otero. Detidos sen proceso os seus correlixionarios Manuel Baamonde Ramudo, Misael Tenreiro Yáñez e Jesús Paz Dorado e os membros de Izquierda Republicana Marcelino Martínez Castro, Vicente Otero Cao e Ramón Fernández Taboada. Sufriron expediente de responsabilidade civil con sancións de diversa índole os socialistas José García Baamonde, Ignacio Montenegro Codesal, Domingo Gayoso García, Manuel Taboada Vázquez, Agustín Seijas Orosa, Ramón Baamonde Ramudo (que andivo fuxido máis de dous anos) e Domingo Souto Paz, os membros de IR Manuel Rego Díaz, Jesús Cuba López, José Carballeira Fraga, Andrés Vázquez Martínez, Domingo Apenela Gayoso, Enrique Canto Cao, Antonio Currás Expósito, Alejandro Paz Carreira e o directivo de Unión Republicana Plácido Orosa Peña, de tan grata lembranza para moitos vilalbeses.

E moitos máis, simples simpatizantes, persoas coherentes coas súas ideas, tiveron que padecer unha calculada, metódica e sañuda persecución. E iso sen contar cos mozos enviados a loitar por todas as frontes da España ensanguentada, dos que moitos non volveron xamais.

Non houbo nada, como vostede pretende, señor Fraga? E os seus herdeiros, os que militan no partido que vostede fundou, opinan igual? Será por iso que lles custa tanto traballo tirar do rueiro as pegadas da ditadura, mentres aloumiñan a fundación que ha preservar o seu triste legado de parcialidade e desmemoria?

En moitos países europeus que padeceron os males dos reximes totalitarios, o revisionismo é un delicto. En España non, e é unha mágoa.


(1) La represión franquista en la provincia de Lugo
Souto Blanco, María Jesús
Ediciós do Castro 1998

59 segundos con Fraga, es demasiado. A visión de Iñaki Anasagasti sobre o programa, no seu blog.

5 de dec. de 2008

2 comentários :

  • Tanto o señor Carrillo coma o de Vilalba son dous seres deplorables. O primeiro era un defensor das tiranías do leste de Europa, a máis da súa probada responsabilidade nos tristes acontecementos de Madrid en 1936 (Cortacuellos, digo Paracuellos). Don Manuel foi un acérrimo da dictadura franquista, da que foi un dos máis fieis sostedores, ademais de estar presente nun goberno que asinaba penas de morte e reprimía duramente aos seus opositores. Nunca máis o odio, nunca máis xenta coma esa a fronte de gobernos ou responsabilidades políticas. O mellor que se retiren a súa casiña e que se quenten detrás da lareira. É o mellor que lles pode pasar señores Fraga e Carrillo.

    10 de decembro de 2008, 16:58

  • Sí hai algo que fai de Fraga unha persoa coas cousas claras, é que nunca se manifestou en contra do Réxime Franquista e que ademáis renegou de sempre dos nacionalismos periféricos.Outra cousa é o seu paso pola Presidencia da Xunta, que lle veu ben a pesares da opinión que ten do estado das Autonomías.
    Así pois, Fraga sitúase e situouse sempre na extrema dereita.
    Claro que non especificou que "nacionalistas" hai que colgar, pois non hai más nacionalistas convencidos que os Madrileños, Provincia que se Autodenominou Comunidade Autónoma por obra e gracia dos políticos de turno, segregandose da Castilla La Vieja dos meus tempos.Naturalmente a conversión vai acompañada dos correpondentes presupostos, que é o que importa.Entón Madrid consigueu a Independencia entre outros gracias a Fraga, así pois él é un dos exponentes máximos do Nacionalismo Intolerante que impera en España a respecto dos nacionalismos periféricos, que queda demostrado que están no seu dereito de querer un Estatuto de Primeira co seu respectivo Presuposto, para poñernos a altura en todolos eidos, e non pido máis, que Madrid, cousa que Fraga non conquireu nos moitos anos do seu Goberno.Ou desgoberno?

    12 de decembro de 2008, 12:11

Danos a túa opinión