Tatiana Macedo en DIDAC

Redacción. -

O próximo sábado 6 de maio, ás 12h inauguramos a mostra da artista portuguesa Tatiana Macedo. Nacida en Lisboa (1981), desenvolve un traballo que emprega o cine, a fotografía e o son. Traballando nas fronteiras entre xéneros artísticos, a noción dun campo expandido de prácticas artísticas atravesa as súas intervencións que empregan dende material de arquivo ata a súa propia metraxe, concibindo secuencias narrativas cun eco á vez político e poético.

Este proxecto, realizado en colaboración con Appleton (Lisboa) é unha transformación da peza que concibiu para Culturgest Porto, un filme en catro canles titulado Esgotaram-se os nomes para as tempestades. En palabras de Delfim Sardo, “trátase dunha visión vagamente distópica dun futuro próximo, concibida a partir dun diálogo dubidoso entre un personaxe -interpretado polo actor Nuno Lopes- e el mesmo en canto outro, un Doppelgänger que, en contratempo, alterna listas de nomes (de tempestades) con comentarios que as personalizan, partindo da circunstancia de ser nomes de persoas, homes ou mulleres (...) A densidade atmosférica do filme, o seu ton e ambiente, é en parte definida por un cromatismo que remite a un universo cinematográfico romanticamente distópico, que alude a certa cinematografía dos anos oitenta.

Esta exposición na Fundación DIDAC conta co apoio da Deputación da Coruña e DGArtes e está coproducida por Appleton Lisboa.
Obra producida e presentada orixinalmente na Culturgest Porto en 2019

Sábado 11 ás 12h na Fundación DIDAC (Rúa Pérez Costanti, 12. Santiago de Compostela)
 

5 de maio de 2023

0 comentários :

Danos a túa opinión