Cartas a Antón


Bernardo García Cendán

Lugo, 30 de xaneiro do 2009 Meu amigo Antón: Teño que che dicir que me gustou moito a túa reacción cando te atopei antonte en plena discusión acalorada co teu amigo Pepe do Forno. Case non me saudastes, tan encerellados estabades ambos na teima que vos ocupaba. Decateime axiña de que o motivo da disputa era a lea que se armou recentemente no grupo socialista vilalbés. O Pepe argumentaba que todo o mundo ten dereito a ser ambicioso e a querer ocupar postos de poder. Ti, polo que puiden escoitar, pois falabas moi baixiño, non negabas tal dereito, pero insistías en que che parecía pouco ético rachar promesas, incumprir pactos e traizoar amizades no nome da ambición, tal como deixou denunciado algún dirixente. Parece seguro, dicías, que non se fixo a ruptura por mellorar o partido e o seu funcionamento, que sería comprensible, senón pola simple cobiza de me poñer eu onde estabas ti. A amizade, parece ser, non conta.

Eu escoitaba a polémica que tiñas co do Forno, sen intervir para nada porque hai xa moito tempo que teño descartadas as disputas partidistas, pero fáloche disto porque, como che dicía, gustoume a túa reacción cando o Pepe che argumentou que a política é así. Así de porca, dixo. E a túa resposta foi inmediata, e ata se che puxo rubia toda a cara mentres lle dicías: pois a min non me gusta a porcallada nin sequera na política. E eu seguín caladiño, pero fóiseme o pensamento a ese barullo que se traen os do PP en Madrid con tantos espías soltos, mentres espiados e espiadores se dan apertas simulando amizade e cravándose coitelos. Eu, caladiño cara a fóra, dicíame para min mesmo: canta falla temos de que houbera moita xente que, diante de casos similares, respondese coas palabras e coa contundencia con que ti, Antón, o fixeches naquel momento. Porque, xa ves a contradición: non nos é posible prescindir da política, xa que dela despende case todo na nosa vida, e ben que o notamos cando chegan tempos revoltos coma estes nos que andamos; pero, ao mesmo tempo, aceptamos sen protestar condutas podres e cheirentas que se esquecen, inexplicablemente, cando se vai votar. Aínda hai, por desgraza, moita xente enleada no politiqueo, pero, por fortuna, tamén quedan utópicos que foxen do mercadeo innobre. Non son moitos, pero habelos, hainos, e cómpre dar con eles. Humanizadores da política, promotores da ética, amigos por riba das diferenzas.

Cando comecei esta carta non quería determe na política. Quería falarche desa cousa tan humana, tan ricaz e tan fermosa que coñecemos coa palabra amizade, porque traía nos ollos a portada dun libro do psiquiatra Enrique Rojas sobre os amigos. O autor é do Opus, mais o tema é universal: cando a vida nos amola, os amigos axudan moito. Pero, xa ves, metéuseme a política polo medio e non me din zafado. E despois de lembrar a túa disputa co Pepe do Forno, e, despois de ver a facilidade con que el, un home bo, acepta como normal que os intereses bastardos se impoñan aos amistosos, despois disto, xa non me quedan azos para che falar da amizade: parece cousa de nenos piadosos e pouco curtidos. Tiven algún amigo, de formación leninista, que medía sen receo a calidade do amistoso polos intereses e as concordancias políticas, coma se estas fosen o que realmente importa. E non cadro de acordo, pero xa cho explicarei outro día.

Así que non che falo máis por hoxe. Se Deus me deixa, xa volverei sobre o asunto. Ti es amigo e, como dixo Sancho, amigo que no da y cuchillo que no corta, aunque se pierdan, no importa. Asegúroche que ti impórtasme moito porque é moito o que me das coa túa amizade. Conta coa miña vontade de facer o mesmo. Bernardo

2 de feb. de 2009

8 comentários :

  • Vale moito máis un bó amigo, o respecto dos teus veciños, o orgullo de sentirse limpo, a satisfacción do traballo ben feito que todos aqueles premios, ascensos e réditos políticos que se poidan conquerir a base de traicionar ós que confían en ti, querente polo que eres e forman parte dun proxecto común tan sacrificado como o que é ser oposición nunha terra como a nosa.

    Polo que espero e desexo que os vilalbeses castiguen e non apoien a Sonia Verdes, esta mala política nas eleccións autonómicas do 1 de Marzo, non dándolle o voto os socialistas, para que vexan o enfado que ten o seu pobo cunha persoa como ela.

    2 de febreiro de 2009, 11:18

  • Si ben é certo que Sonia Verdes chegou ás máis altas copas da impopularidade, debido ó seu afán de medre individual máis que colectivo,(según os medios),tamén o é que en principio ela non representa máis perigo que os gobernantes do PP.Mirado así o prisma, coido que aqueles que queiran votar ó PsoE, non deben tomar revanchismos estériles que nos condenen outra volta a que a Xunta esteña gobernada polos populares, dos cales penso que non hai máis que poñerlles chatas, e nós os vilalbeses non saberemos de outra cousa, pero de como as gasta o PP sabemos máis que outros, e....o que non saberemos.
    Penso que hai que votar por pensamento, ideoloxía, democracia, cambio,futuro,revalidación da renovación,progreso,avance, lingua, modernización....e un sin fin de calificativos que non son o sostén do PP, senon todo o contrario.De nós os votantes depende o FUTURO dunha terra farta de amiguismos e caciquismos, que sí son os intereses que defenden os populares.
    O cortés non quita o valente,(para Sonia Verdes é diferente), e témolo que demostrar o día electoral.Por unha Galiza Xusta e de tod@s.

    FENDETESTAS

    3 de febreiro de 2009, 11:18

  • Eu o contrario considero que as eleccións non se van a xogar por uns cantos votos en Vilalba e os votantes socialistas do pobo debería de mostrar o seu disgusto, aqueles que o teñan, tachando a papeleta do PSdeG-PSOE o ver como se lle rouba o partido os que loitaron sempre pola causa e que o pago ademais se pode observar coa colocación da "Judas" en postos de saída.
    Agora é certo que é moi respetable a túa opinión FENDETESTAS, máis ¿como se castiga o que sucedeu no PSOE de Vilalba?, só pode ser cos votos.

    3 de febreiro de 2009, 20:15

  • Cóntoche esta situación : Votante no concello de Vilalba para eleccións Autonómicas, que é un votante non afin ó PP.Sí tés en conta o anterior, castigades aos propios votantes socialistas e aos que votan outras formacións, xa que a cantos Máis votos Mais representación e FORZA.Hai outra visión do votante medio, que ti señas do PP, (con respeto), e queiras menos participación socialista ou nacionalista, xa que son as únicos que logran representación, neste caso sae favorecido tamén o PP.
    En calisquer dos casos favorece ao PP, si eres socialista, voltaría a repensar o que facer.

    FENDETESTAS

    4 de febreiro de 2009, 18:41

  • Olvidei unha versión máis e non por iso menos importante, que esteñas a facer propaganda subliminal, dirixida a votar Aos socialistas.

    FENDETESTAS

    4 de febreiro de 2009, 18:57

  • A min non me gusta o PP. Nunca votei nin votarei por el, tampouco ao PSOE dende que se fixeron uns sibaritas nos anos oitenta. Agora temos unha oportunidade magnífica de votar a ese terceiro partido, de carácter socialdemócrata e nacionalista que é o BNG. É o que nos queda. A lista socialista está manchada por esa persoa da que o seu nome non quero lembrarme. Pois a xente de progreso e demócrata ten unha oportunidade moi boa con ese terceiro partido que non é ningún dos dous grandes. Vaia por diante que non son militante do BNG, pero penso que ao único que lle queda algo de crédito entre nós. Os outros xa vimos o seu tráxico e lamentable comportamento. Busquemos novas experiencias. Sempre poden ser positivas....

    5 de febreiro de 2009, 10:44

  • Non estou falando dos votantes que non votan o PSOE ou que non o pensaran facer, se o teu voto e do BNG, vota o BNG sen dúbida ningunha, o que digo que se o teu voto é socialista, para a miña forma de pensar debería de ser de castigo para eses que estan a facer do PSOE "o seu cortijo". Non busco penalizar a outras formacións, por suposto eu nunca votaría o PP, e non animo a ninguén a facelo e non creo que esta sexa a forma mellor de darlle publicidade o PSOE.
    Non busques onde non hai, de verdade, só me gustaría que os votantes Vilalbeses que se sentisen doidos co que se lle fixo a Elba Veleiro e os anteriores membros da executiva do PSOE de Vilalba, castigasen os culpables de esta situación, nada máis. Gustaríame por outra parte que no resto de Galicia os partidos de esquerda conquerisen un bo resultado.

    5 de febreiro de 2009, 11:48

  • Non son votante socialista, e creo que é evidente que tampouco o son dos populares, o cal non me impide estar doido tamén pola "xogada trapeira" contra Veleiro, e o resto de socialistas que a apoian.
    Sinto o que pasou por pura hixiene democrática, ao tempo que pode influir para mal nos resultados electorais locais cando corresponda.
    Agardo que daquela todo esté saneado entre os diferentes criterios socialistas.
    Só faltaría que por culpa de catro, o resto dos votantes progresistas, perderamos a posibilidade de elexir a outros mandatarios que traian aire fresco, e vontade de traballar por unha Vilalba con vocación de referencia para o resto da Chaira.
    Saúdos e democracia.

    5 de febreiro de 2009, 17:05

Danos a túa opinión