Un mosaico confuso


Antón Baamonde

Sen dúbida algunha La Voz de Galicia xa non é o que era. Hai quince ou vinte anos o xornal coruñés podía marcar a axenda política, decidir o who´s who galego e, en xeral, construír o marco de intelixibilidade do país nunha porcentaxe moi elevada. Pero, dende aquela, pasaron moitas cousas. O grupo Voz fracasou no seu intento de constituír unha multimedia de ámbito español e nen o intentou no que podería ser o seu ámbito natural, Galicia. Ademais, o novo edificio de Arteixo determinou unha considerable débeda que condicionou a evolución do grupo e acentuou a súa dependencia dos diñeiros públicos, aínda sendo dos poucos xornais galegos que podería subsistir sen eles. Finalmente os continuos cambios na xestión e na dirección deixaron tras de si un aire de desorientación.

Pero, con todo, non é iso o grave, nen o que compromete o seu futuro. O factor realmente decisivo é que La Voz acostumada a operar nun réxime de case monopolio da opinión pública galega, veu como aparecía en Coruña La Opinión e, en Santiago, a edición de Galicia de El País, ademais de finalmente o Xornal de Galicia, tamén na cidade herculina. Trátase de tres xornais que compiten ou ben na mesma cidade, ou ben, na franxa de público máis informada. A iso hai que sumar a aparición dos gratuitos, o consumo de prensa por Internet nos novos lectores e a multiplicación de televisións e radios: de novas canles de información.

A información, como se afirma tantas veces é hoxe un mosaico confuso, un tecido de voces de diferente procedencia e ningún medio pode xa erguerse como referencia única dun territorio, dunha franxa de idade ou dun segmento calquera de poboación. Fronte a iso La Voz pode moi pouco: non se pode combater contra o signo dos tempos, contra os efectos do cambio social e tecnóloxico. Na pasada lexislatura, sen embargo, o seu editor pretendeu marcar ao goberno bipartito, tal vez tendo en mente certo periodismo madrileño. O xornalismo demagóxico de El Mundo e outros medios da dereita española infecta cada vez máis o estilo da prensa. Santiago Rey tivo certo éxito, especialmente porque a mente dos dous líderes, Touriño e Quintana segue ancorada, nese respecto, no pasado. Os dous contribuiron grandemente a nutrir as arcas do xornal coruñés e os dous tiveron que sofrer as inclemencias dos humores do seu propietario.

Neste momento, sexa polo motivo que sexa, La Voz de Galicia está pretendendo influír no resultado electoral dirixindo os seus dardos afiados contra o BNG. O que ao editor lle gostaría sería algo hoxe por hoxe imposible, a “gran coalición” PP-PSOE. É unha aposta arriscada, un meterse por propia vontade no tobo dado que o prestixio de La Voz depende da súa apariencia de neutralidade, de ser un xornal coruñés, sen adxectivos. Na propia cidade herculina a súa campaña contra Lendoiro lle resta credibilidade e fai aparecer a Voz como un medio parcial. ¿ Qué sucederá se o bipartito revalida a súa victoria ? ¿ como pode condicionar o futuro dunha Voz desbocada ? Sigamos atentos.

27 de feb. de 2009

1 comentários :

  • Eu, que fun lector de La Voz, escollin dúas novas neste periodo electoral e topei que dito Xornal voltouse, "de contador de novas" a opinador de novas ó mesmo tempo.
    Na información do acto do BNG en Ourense o periodista non só contava o acontecido senón que contrapoñia a súa opinión, manifestandose en contra do BNG.
    Coido que cada vez máis os xornais na vez de informar "asepticamente", DIRIXEN AS SUAS OPINIÓNS, en contra de quen consideran hostil, dende o ponto de vista de non recibir "axudas económicas", do tipo de Feijóo, que lembremos que firmou un "acordo a dous FEIJÖO-LA VOZ de GALICIA", por un importe de 96000 euros, para facer propaganda do seu depoartamento.
    É necesaria unha Lei que regule as relacións dos medios coa Administración, para que non sucedan casos como o relatado.

    FENDETESTAS

    28 de febreiro de 2009, 12:02

Danos a túa opinión