O espello do Bloque


Moncho Paz

O BNG deu nas últimas semanas unha lección de democracia interna, con debates abertos entre os grupos que concorren á Asemblea do vindeiro domingo. Porén, o contraste de distintas sensibilidades reflicte un excesivo protagonismo de líderes nos medios informativos. O feito de antepor as persoas ás ideas conleva o risco do efecto boomerang, pois as mensaxes que se transmiten á sociedade –que na súa maioría descoñece a estrutura e o funcionamento interno da fronte nacionalista– poden xerar confusión, en lugar de aportar transparencia e claridade.

Tras os resultados do 1-M e a perda progresiva de apoio social en comicios anteriores, o BNG precisa mirarse ao espello para atopar un proxecto de futuro, capaz de ilusionar. Para iso é imprescindible un período de transición no que se aborde a modernización da súa estrutura actual -con máis de vinte e cinco anos e data de caducidade- para transformarse nun grande partido. Iso supón unha necesaria autocrítica, pero sobre todo un cambio de mentalidade e de filosofía, ademais dunha xestión eficaz dos procesos de comunicación.
_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

8 de maio de 2009

2 comentários :

  • Continúan os líos no BNG e o nacionalismo galego é pasto da confusión máis asombrosa. Apenas reflexiona sobre o seu futuro e se consume nos detalles do día. Para mostrar que o futuro está complicado, moi complicado, para o BNG abonda con escoitar aos seus votantes. O sentimento de fatiga é xeral. A xente xa non está pola labor de darlles, unha vez máis, o beneficio da dúbida. A confianza está baixo mínimos e xa ninguén lle da crédito ás excusas de mal pagador desa organización. Con todo, a Asemblea extraordinaria que terá lugar o domingo traerá esta novidade -se os augures non ofrecen información errada-: a UPG terá, por primeira vez na historia do BNG que dirixir a organización sen persona interposta. Acostumada como está a mandar dende o fondo do pano, iso pode ser desconcertante para ela. Por primeira vez será responsable dos acertos ou dos fracasos. A UPG sempre xogou con ventaxa. Era quen se arrogaba o dereito a dar certificados de orixe, pero nunca era responsable de nada. Ela pasaba por alí como se non tivera nada que ver. Simplemente -iso sí- decidía as listas para case todo: dende os concellos aos diversos parlamentos. Veremos agora se carecer dun rostro público detrás do que acobillarse non lles da medo..

    ANTÓN BAAMONDE

    9 de maio de 2009, 09:31

  • Si ben é certo que o BNG anda despistado, coido que ainda están máis despistados os seus militantes, señan da corrente que señan.Non por iso o BNG vai sair malparado seña quen seña o cabeza visibel; é manifestamente demostrable que a capacidade da militancia do BNG, - agás excepcións deturpadoras e pouco sociables-, é tremendamente responsabel e traballadora.Como é de recibo a militancia, debe ser agora máis crítica e ter máis tino á hora de escoller aos representantes públicos.Son estes os que faran do BNG un grupo político forte, ou debil.As políticas a aplicar deben ser consecuentes coa súa ideoloxía, no caso contrario é, estimo eu, cando o BNG perderá os apoios que o leven a ser referente da política na Galiza, será entón cando quedará de forma testimonial, e con dificil volta atrás para "enmendala".
    Con todo o BNG debe ser o referente, pois é o que temos, é o que hai, até que se forme outra formación nacionalista con vocación de conquista do poder.Tardaremos, de ser así, en ver aos nacionalistas gobernando.
    Non lle queda outra ao BNG que pactar o pactable para que nada quede como está, e se visualice nel o referente político que os votantes nacionalistas necesitan para coller folgos, e albiscar un futuro sen tormentas e nubes que están dentro mesmo do Bloque.

    FENDETESTAS

    9 de maio de 2009, 11:29

Danos a túa opinión