Inaugurado en Meira o segundo campamento urbano para rapaces en idade escolar

Redacción

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, inaugurou esta mañá en Meira o II Campamento Urbano que organiza a Asociación Cultural Eme de Meira co patrocinio da Área de Cultura da Deputación. Esta iniciativa púxose en marcha xa o ano pasado co apoio da Área de Cultura da institución provincial, ao observarse a carencia na comarca de Meira deste tipo de actividades que permiten conciliar a vida familiar e laboral, proporcionando unha alternativa lúdica e ao tempo educativa para as mañás do verán a 21 rapaces en idade escolar. Dende que arrancou esta proposta, o éxito de participación foi unha constante, ratificándose nesta segunda edición do campamento urbano coa alta demanda que fixo que se cubrisen a totalidade das prazas ofertadas en apenas uns días.

Segundo Antón Bao, “dende a Deputación sempre tivemos claro que poñer en marcha actividades coma o campamento urbano son pasos moi importantes para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral das familias con fillas e fillos pequenos, tamén en concellos do rural onde existen menos medios para facer que durante os meses estivais as crianzas teñan unha ocupación proveitosa e divertida para eles”. Animando ás nenas e nenos a aproveitar e gozar deste programa de verán, o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, aproveitou para facer uns agasallos aos participantes no campamento urbano: un paquete de lapis de cores, unha libreta e unha mochila. Este é o segundo ano que a Asociación EME de Meira, co apoio da Área de Cultura da Deputación, pon en marcha este programa de actividades de verán para nenas e nenos de tres a doce anos.

14 de xul. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión