Revista de prensa: EL CORREO GALLEGO


A Galicia illada

Antonio Cendán Fraga


Cada ano cando chega o inverno repítese a mesma canción. As poboacións de montaña do interior de Lugo e Ourense, principalmente, sofren os problemas da incomunicación por mor do mal tempo e as inclemencias climáticas. Estas dificultades arrástranas estas poboacións dende tempos ancestrais. Para a xente que vive en zonas da montaña galega non houbo gobernos galegos nin centrais. Na casa do pobre sempre é de noite e vai frío. Ao comezar o período invernal, estas terras de montaña ven constantemente reducidos os seus servizos. Así, os nenos non poden ir á escola. Teñen problemas moi graves en caso de emerxencias. Sofren cortes na subministración eléctrica e un eterno rosario de dificultades que só son mencionadas, e digo ben, en datas previas a unha convocatoria electoral. Daquela existen.

As escusas que reciben os lugareños desa Galicia máis pobre e necesitada para facerlles fronte ás dificultades que atravesan cada inverno son do tipo máis heteroxéneo: que se estamos agardando un enlace con esta autovía ou esta outra, que se o ano que vén o teremos en conta nos orzamentos porque este ano non había partidas suficientes (que si as había para os altos cargos) e como non: levamos pouco tempo no poder. Durante moito tempo, a Galicia máis necesitada recibiu a visita paternalista dos presidentes galegos, pero só para darlles coa man no lombo, nunca para interesarse verdadeiramente polos seus lugareños, contribuíndo a empobrecela coas escusas antes aludidas. O actual xefe do Executivo galego aínda non se achegou nin siquera a estas zonas máis deprimidas, aínda que nelas vivan uns 100.000 habitantes. Tampouco presentou ningún plan para evitar que se repitan os caos que sufriron os vehículos pesados coas primeiras nevaradas, nin tampouco para que os máis pequenos se vexan privados de asistir á escola. Como ata 2011 non hai eleccións, se van agora igual se esquecen. A última hora aparece unha lexión de máquinas quitaneves, pero cando se produciron xa grandes problemas.

Estamos nas de sempre. Existe unha parte importante de Galicia que segue a vivir no illamento, máis propio de hai medio século que na era das chamadas novas tecnoloxías. Esa parte do país está desconectada, non só xeograficamente, senon tamén socialmente do resto. É hora de que os dirixentes galegos se deixen de andrómenas e tomen estes asuntos. da man. Calquera vila galega de montaña non pode deixar de desenvolver a súa actividade normal por inclemencias climáticas. En toda Europa, esas cousas só pasan en Galicia e non é por culpa só da meteoroloxía.

11 de xan. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión