Henrique Monteagudo ingresará na RAG


Redacción

O Plenario da Real Academia Galega (RAG), reunido en sesión ordinaria a semana pasada, acordou nomear académico electo a Xosé Henrique Monteagudo Romero para ocupar a vacante que se produciu despois do pasamento do académico numerario Antonio Gil Merino, finado en outubro do ano pasado. Deste xeito, Monteagudo ingresará como académico de número na RAG.

Nado en Muros en 1959, é profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela, pola que se doutorou en Filoloxía Galega. Foi lector na Universidade de Birminghan­, investigador do Instituto de Lingua Galega dende 1983 e membro do consello científico dende 1995. Membro do Consello da Cultura Galega dende 1998, onde foi coordinador da Sección de Lingua Galega, dirixe o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia e dende o ano 2000 cumpre a función de secretario. Patrón da Fundación Penzol dende 2006 e, na actualidade, é membro da súa Xunta Directiva. Ademais, forma parte da Fundación Castelao –da que foi vicepresidente– e da Fundación Carlos Casares.

Foi un dos impulsores da revista Dorna. Expresión poética galega (1981) e membro activo do seu consello editorial até 2006. Dende 1988, é membro do Consello de redacción de Grial, Revista Galega de Cultura, que codirixe dende 2003. No ámbito editorial, Monteagudo é asesor da Editorial Parávola (Brasil­) e do Comité Editorial da revista Estudos de Lingüística Galega, da USC. Ademais é asesor da Editorial Galaxia, nas coleccións de libros e manuais para o ensino. Dende 1996, a súa investigación céntrase na historia social da lingua galega, na sociolingüística e na planificación lingüística. O seu prestixio dentro do campo da lingüística e da Filoloxía galega traspasou as nosas fronteiras e fíxose internacional, cun amplo eco no mundo portugués e brasileiro.

3 de maio de 2010

2 comentários :

Danos a túa opinión