Con Marky Ramone en Santiago

Redacción

O último Ramone vivo segue de xira. E regresa a Galicia, onde xa estivo hai uns anos no festival Cultura Quente -que fariamos sen el?- para ofrecer unha actuación coa súa nova banda, Marky Ramone's Blitzkrieg, que conta con Michale Graves (ex cantante de Misfits) como vocalista. Como non podía ser doutra maneira, A Voz de Vilalba estivo esta tarde con el en Compostela; alí desprazouse o noso compañeiro de redacción Moncho (Ramone) Paz, que departiu durante un uns instantes con Marky na Reixa antes do seu concerto na Sala Capitol, xunto con outros xornalistas de distintos medios.

A anécdota tivo lugar cando Marky dedicou a Moncho o disco "Loco Live". Tras coñecer que o seu nome de pila era Ramón dixo "It´s easy for me" e lembrou que esta noite deleitará ao público con 32 temas da súa antiga banda.

Pouco podemos adiantar do que se vai a servir en Compostela: ritmos rápidos, cortados cunha botella rota, moita camiseta negra e un estilo de baile que é hipnótico do sinxelo e arriscado para a integridade física que é. Aínda que xa se sabe, non hai "pogos" como os de antes.

O escenario será o da Sala Capitol de Santiago de Compostela. As entradas custan 15 euros anticipadas e 20 en despacho de billetes. Poden adquirirse nas tendas Gong, A Reixa, Elepé e Portobello.

3 de set. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión