Foro de Debate e Cooperación "Martín A. Seco Cendán"

Redacción

Onte, venres 17 de Decembro de 2010, ás 13:30 na Casa da Cultura do Concello de Vilalba, tivo lugar unha rolda de prensa da Presidenta de Solidariedade Internacional de Galicia, Maribel Valiela e do Presidente do Foro de Debate e Cooperación “Martín A. Seco Cendán”, Martín Seco García. Para presentar á sociedade vilalbesa esta nova asociación do noso concello e dar a coñecer o compromiso de colaboración con Solidariedade Internacional de Galicia, como grupo de acción desta ONG na sua nova actividade de Cooperación en Vilalba e os proxectos e actividades desta ONG do noso país.

Para comezar dita colaboración, o Domingo 19 de Decembro o FVDC ”Martín Seco Cendán” e S.I. de Galicia anúnciase a colocación dun stand de Comercio Xusto na Feira do Capón como primeira actividade en común.

O Foro "Martín A. Seco Cendán"
Coa denominación Foro Vilalbés de Debate e Cooperación “Martín Seco Cendán”, constitúese unha ENTIDADE SEN ÁNIMO DE LUCRO, ó amparo da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, e normas complementarias, con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar.

A Asociación é unha entidade non gobernamental, laica e de carácter participativo, que promove a consolidación da democracia e o bo goberno, o respecto ós Dereitos Humanos, un desenvolvemento humano sostible e a expansión e consolidación dos valores da igualdade e a xustiza social, independente de toda organización política, sindical ou empresarial.

A existencia desta asociación ten diversos fins no ámbito da Cooperación, no ámbito do Debate e a Participación, no ámbito sociocultural, así como recordar e homenaxear a figura do vilalbés Martín Seco Cendán, que lle da nome á asociación. Para o cumprimento destes fins realizaranse varias actividades como: organizar e participar en actividades que fomenten os valores de solidariedade e cooperación; promover accións que axuden a construír un mundo máis xusto e solidario; colaborar con outras Organizacións que desenrolen actividades no campo da Cooperación; reunións periódicas de debate, recollida de información dos datos a tratar, difusión das nosas ideas a través de charlas públicas, paxina web, e outros medios lexítimos de comunicación; organización de charlas e debates entre os nosos representantes políticos e sociais; organización de comidas de confraternidade; organización de premios e recoñecementos ás personaxes ilustres; outro tipo de actividades que fomenten a cultura e a vida social no noso concello; realización de traballos acordes os fins desta asociación.

Solidariedade Internacional de Galicia
Solidariedade Internacional de Galicia é unha ONGD creada no ano 1996 para cubrir e cumprir, na Comunidade Autónoma de Galicia, os mesmos obxectivos que ten a Fundación Española para la Cooperación – Solidaridad Internacional. Por iso optou por un modelo de cooperación que non produza novas dependencias, que consolide e reforce os procesos de desenvolvemento humano autónomo e sostible, que traballe sempre con organizacións locais, promova a participación dos beneficiarios e a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Os beneficios que se obteñan por calquera actividade derivada destes conceptos destinaranse exclusivamente ó cumprimento dos obxectivos aquí presentados, sen que se poidan, en ningún caso, repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

18 de dec. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión