''Vilalba configúrase como un centro creativo e cultural''
Cristina Arias.-
O xornalista vilalbés Moncho Paz, que acaba de recibir o premio Johán Carballeira por unha entrevista ó tamén escritor e xornalista da capital chairega Ramón Chao, ultima a organización na localidade dun foro de debate sobre o capitalismo e un concerto de Manu Chao.
o xornalista Moncho Paz, involucrado de forma activa na vida cultural vilalbesa, acaba de recibir o premio Johán Carballeira por unha entrevista ó tamén escritor e xornalista vilalbés Ramón Chao.
Cales son os seus vínculos con Ramón Chao?
Sempre foi un referente, pola súa coherencia e polo seu compromiso coa cultura. Sigo a súa traxectoria dende a publicación de ‘El lago de Como’, en 1982. A polémica que levantou esa novela espertou o meu interese por Chao e a súa vida en París; despois viñeron os seus libros sobre Carpentier e Onetti, e a súa conexión coas novas xeracións a través do seu fillo Manu.
Que significou o premio?
Foi unha sorpresa e fíxome especial ilusión por tratarse do Johán Carballeira, polo que significa a súa figura na política, no xornalismo e nas letras do século XX. Foi un galeguista inxustamente condenado. O primeiro que fixen foi contactar con Ramón Chao para comunicarlle que «a nosa entrevista» fora premiada.
Grazas a ese premio, Ramón Chao reconciliouse con Vilalba...
Cando Ramón me anunciou que virá a Galicia para recoller ese premio comigo, decidimos que sería unha boa oportunidade para organizar unha conferencia en Vilalba. O acto saíu ben, foi moi emotivo e supuxo un antes e un despois para Ramón e a súa relación con Vilalba, que leva no corazón. Para min foi unha enorme satisfacción acompañalo nun momento tan importante da súa vida, como recoñeceu despois.
Agardaba ese éxito de público? Por que ese rexeitamento de Vilalba a Chao?
Estaba seguro de que o acto sairía ben. O de Chao con Vilalba foi un malentendido. En ‘El lago de Como’ fala da súa vila como Reigada, un pobo imaxinario como García Márquez fixo con Macondo. A polémica que levantou fixo que a xente tivese especial interese en atopar coincidencias, unhas reais e outras non, pois Chao é un magnífico contador de historias.
Comprometeuse a organizar en Vilalba un foro con Ignacio Ramonet e un concerto de Manu Chao e o pintor Wozniak. Que suporía?
O principal impedimento será facer coincidir as axendas de todos. Ramonet xa amosou a súa dispoñibilidade, Wozniak atópase en Polonia e Manu anda de xira polos países bálticos. Estaremos en contacto permanente, pois este acto contribuiría a proxectar unha imaxe moderna de Vilalba, que nos últimos tempos estáse a configurar como un auténtico centro creativo e cultural, a pesar da falta de apoio dalgunhas institucións. Ese foro sería a verdadeira oportunidade para que o Concello se implicase máis no eido cultural, xa que a maior parte das propostas organízanas entidades como A Voz de Vilalba ou o Iescha, que naceu hai máis de 10 anos para dinamizar a vida cultural da comarca.
A súa defensa do galego, así como a súa andaina no xornalismo, foi precoz. Con 13 anos, xunto ao seu irmán Mario Paz e Paulo Naseiro, fundou A Voz de Vilalba. Cal era o seu obxectivo?
Queriamos emular a Lou Grant, o protagonista da mítica serie televisiva que fixo que moitos marchásemos a Madrid a estudar xornalismo, e continuar coa tradición xornalística de Vilalba. Uns días antes do nacemento de A Voz de Vilalba aprobárase no Parlamento a Lei de Normalización Lingüística, que pretendía a protección e promoción do uso do galego nos diferentes ámbitos sociais, especialmente na Administración, a educación e os medios. Aínda hoxe gústanos crer que A Voz de Vilalba contribuíu a derrubar algúns atrancos que proviñan da inercia arraigada durante décadas, nas que a lingua foi vista coma unha manifestación máis do folclore autóctono e non coma un verdadeiro instrumento de comunicación.
Como valora o momento actual?
Estamos a atravesar un momento crítico pola utilización política que se fai da lingua, que é patrimonio de todos. Hai que fuxir de debates artificiais que xeran problemas que antes non existían. O uso do galego debe ser potenciado dende a oficialidade, seguindo o espírito da Lei de Normalización Lingüística de 1983 e favorecendo o seu emprego en todos os ámbitos da vida, e non só na educación ou na cultura, evitando folclorismos atemporais e innecesarios.
A Voz de Vilalba tiña subscritores tan dispares como o galeguista Ramón Piñeiro, Manuel Fraga ou Rouco Varela. Con eses anos, pódese falar de liña editorial?
Naceu como unha publicación comprometida coa lingua e coa cultura galega. Pódese dicir que esa foi, e segue a ser, a súa liña editorial. Nos contidos da primeira época había entrevistas, noticias, pasatempos, entregas culturais… Mantiñamos un trato cordial coa política municipal e eramos conscientes da responsabilidade da publicación, que nos obrigaba a unha disciplina que non adoita chegar até a incorporación ao mercado laboral.
Por que se deixou de editar?
Chegaba o momento de comezar outras aventuras: Mario tiña un grupo de punk-rock, Paulo entrou na Cruz Vermella e eu fichei como correspondente de El Progreso.
En 2008 recuperan o xornal en internet. O futuro do xornalismo pasa polas novas tecnoloxías?
Coincidindo co 25 aniversario da fundación de A Voz de Vilalba, decidimos abrir unha segunda época da publicación apostando polo formato dixital e con especialización de contidos. Somos conscientes de que o xornalismo ten que reinventarse e iso non pode facerse sen pasar polas novas tecnoloxías.
Está en risco a prensa en papel?
O incerto futuro da prensa escrita e a pouca rendibilidade de internet fan necesario que se defina un novo modelo de negocio. A caída publicitaria e o descenso de vendas fan que o futuro do sector pase pola concentración empresarial, a xestión compartida dalgúns contidos, as novas tecnoloxías, a prensa dixital, os blogs e as redes sociais, unha auténtica revolución no mundo das comunicación. As empresas xornalísticas non se poden permitir crecer con débedas como en época de bonanza.
Forma parte da plataforma A Alameda, creada en defensa do patrimonio natural, trala poda de varias árbores. Por que houbo esa resposta cidadá?
A plataforma naceu como un movemento cidadán, non é unha organización política. E xurdiu a demanda de moitos veciños do casco urbano de Vilalba, cansos dun determinado xeito de proceder por parte do Concello. Non está vinculada exclusivamente á tala do castiñeiro de indias ou dos pradairos, esa é a disculpa que trataron de empregar algunhas voces para desacreditar a iniciativa. As redes sociais foron determinantes, pois en tres meses superou os 1.000 amigos en Facebook e conta co apoio de importantes persoeiros das nosas letras, como Agustín Fernández Paz, Paco Martín e Xabier P. DoCampo.
Que actuacións realizaron?
Unha concentración cívica, recollida de sinaturas, actividades nos centros educativos, un encontro na sede de Efe en Madrid e a presentación dunha instancia no Concello o pasado 10 de decembro, da que aínda non recibimos resposta.
E o concurso de fotos de feísmo urbanístico?
Enviáronnos numerosas imaxes e contemplamos a posibilidade de organizar unha mostra fotográfica.
0 comentários :
Danos a túa opinión