2011 Ano da Música de Galicia

Redacción.-

A música é unha linguaxe universal tan antiga como o propio ser humano, e constitúe tamén unhas das manifestacións culturais máis enraizadas de Galicia. Ao longo da historia do noso país, esta arte, no seu infinito número de posibilidades e variedades, ten agromado con forza e convertido aos galegos en mestres da expresión musical. Na súa calidade de disciplina transversal, a música impregna a vida cotiá de todos os galegos e acompáñanos, consciente e inconscientemente, en todas as nosas actividades.

A declaración de 2011 como Ano da Música por parte da Xunta de Galicia responde ao propósito de render unha homenaxe á nosa música e á nosa industria musical, e recoñecer o carácter estratéxico do sector dentro da cultura e da economía galega. O obxectivo último é poñer en valor a música de Galicia, e plasmar a importancia que ten para o desenvolvemento da cultura propia e o pulo que supón para as nosas industrias culturais. Os músicos galegos son sobranceiros embaixadores de Galicia e contribúen de xeito inestimable á promoción e divulgación da nosa cultura dentro e fóra das nosas fronteiras. O Ano da Música é un acto de xustiza e de agradecemento polo seu labor.

Para celebrar e dar realce a este Ano da Música, a Consellería de Cultura e Turismo ten preparada unha programación que superará amplamente os mil actos e na que estarán representadas todas as expresións e todos os estilos, dende a música de base e de inspiración popular ata as propostas máis anovadoras e vangardistas. Dende a Xunta de Galicia invítase a todos os galegos e galegas a tomar parte nas actividades programadas no Ano da Música de Galicia e contribuír deste modo ao recoñecemento unánime á nosa música, aos nosos músicos e á nosa industria musical.

6 de xuño de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión