Educación e Linguas en Galicia

Redacción.-

A terceira edición das Xornadas ‘Educación e Linguas en Galicia

’ centrarán a súa atención no tema ‘O imaxinario social sobre o galego’, lema do encontro que organizan a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL). O programa estenderase ao longo dos días 25 e 26 de novembro no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida).

Esta é unha iniciativa que buscará recoñecer a existencia de prexuízos lingüísticos na sociedade galega e, de xeito particular, no ensino e no colectivo de futuros/as ensinantes. Esta será un primeiro paso para aprender a identificar, previr e corrixir estes prexuízos dende unha óptica de igualdade das linguas, así como coñecer experiencias positivas de traballo tanto en Galicia como fóra.

Deste xeito, xunto ás intervencións de Manuel Núñez Singala, director do SNL; Artur Noguerol, da Universitat Autónoma de Barcelona; e Rosa María Ramírez Palau, da Escola Vila Olímpica de Barcelona, desenvolveranse táboas redondas sobre experiencias innovadoras con representantes da operadora R, do Concello de Vigo ou da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Tamén se prestará atención ao relato de diversos colectivos coa presenza do campión do mundo de triatlón, Javier Gómez Noya; do cantante, escritor e locutor, Xurxo Souto; do catedrático e divulgador, Jorge Mira; ou da xornalista, Belén Regueira.

As xornadas están destinadas ao conxunto do alumnado e ao Persoal Docente e Investigador das titulacións impartidas nesta Facultade compostelá. A matrícula, de balde, poderase formalizar ata o día 20 de novembro no enderezo de XesCampus. Estase tramitando o recoñecemento de un crédito de libre configuración para o estudantado da USC das titulacións impartidas na Facultade de Ciencias da Educación. Os estudantes que soliciten o crédito deberán indicalo na inscrición e entregar unha memoria coas súas reflexións sobre o tema antes do 9 de decembro. Durante o desenvolvemento das xornadas explicarase con meirande detalle.

Máis información en: http://www.usc.es/snl/dinamiza/educacionelinguas.htm

6 de nov. de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión