Xulio Xiz.-
Eu, de pequeño, tiñalles unha grande querencia ás monxas do Hospital vilalbés. Daquela o nome era ese, Hospital, que logo foi Hospital-Asilo. E daquela era unha institución benéfica que, andando os anos, evolucionou a asistencial, cambio facilitado pola mellora nas condicións sociais da nosa xente maior.
Digo que eu lle tiña unha grande querencia ás monxas que, por parellas, pasaban por diante da miña casa na Porta de Cima, xeralmente cara á igrexa parroquial. E adoitaba desde que souben andar, ir bicarlle o crucifixo que levaban unha monxa noviña que tiña tamén unha grande querencia pola grei infantil e encantáballe o meu agarimo por ela e pola cruz que levaba.
Pero un día cambiou a monxa, e eu, indo ao bulto, fun bicarlle o crucifixo a unha monxa malencarada e grandona que tomou a mal o meu xesto e rexeitoume de mala maneira. Entón perdín o costume de andar bicando crucificos polas rúas, curado polas bravas daquela inocente devoción.
Pois, recordos infantís á parte, ou en base precisamente a eses recordos, sinto que se vaian as monxas do Asilo vilalbés. Entérome agora que son franciscanas, que levan en Vilalba desde dez anos antes que eu nacera, e das que só quedan seis, ningunha de menos de setenta anos.
As vocacións escasean, e as “Misioneras franciscanas de la Madre del Divino Pastor” teñen comunicado aos rectores da Fundación do Hospital Asilo a necesidade de abandoar Vilalba, porque non hai relevo xeracional, e as actuais están máis para que as atendan que para atendar aos acollidos nesta institución asistencial.
Algo parecido ocorre nas Pontes, onde as monxas da Compañía de María que colaboraban na atención relixiosa de catorce parroquias das Pontes, Xermade e as Somozas, deixan este cometido porque non atopan renovación nas súas filas.
En tempos tan realistas, materialistas, como vivimos, é difícil asumir unha vocación de entrega aos demais desde unha perspectiva relixiosa; e sería difícil de asumir nas nosas familias que un dos membros da mesma decidise afrontar unha iniciativa vocacional así, afeitos como estamos a que cada persoa ten que ter unha profesión, se é posible vocacional, realizar os correspondentes estudos, forxarse un porvir, e constituir unha familia. Todo o que daquí se aparte é difícil de asumir nestes tempos críticos.
Estamos afeitos a que determinadas funcións as presten cregos, monxas ou similares, e temos asumido que ese é o papel que escolleron diante do mundo, que é a súa vocación, pero non seríamos capaces de optar por unha situación así, nin nós nin admitiríamos que un dos nosos o fixese.
Pois a pura evolución física vaise encargando de clarificar situacións. E os cregos van envellecendo e morrendo, ou xubilándose. E os que quedan levan catro, seis ou oito parroquias cun esforzo persoal tremendo. E as monxas envellecen e non hai outras que as releven. E cando as relevan son doutros países onde se vive a relixión – e a economía, e a vida – doutra maneira. Ou doutras ramas dentro da relixión cristiá, con especial dedicación, con outra entrega, con outras peculiaridades que tamén nos resultan alleas e nalgúns casos provocan o rexeitamento das comunidades onde se integran polas diferencias que se observan.
Estamos en tempo de cambio. O sacerdocio, a vida consagrada en xeral que observamos ata agora vai experimentar un profundo cambio. Os próximos vinte anos van ser cruciais no panorama relixioso do noso contorno, xa que desaparecerán os douscentos ou trescentos curas maiores que quedan nas diócesis da Galicia norteña, e haberá que adoptar outras fórmulas que seguro nos han de parecer novedosas ou alomenos diferentes.
Polo de pronto, desaparecen as monxas do Asilo vilalbés. No aspecto asistencial non se notará o cambio. Para os vilalbeses de certa idade, será o final dunha etapa da vida do Asilo e da nosa.
0 comentários :
Danos a túa opinión