Será verdade?

Fermín Bouza.-

Nada me aledaría tanto como que de verdade Ángela Merkel estivese  niso de Merkel anuncia unha axenda do crecemento, aínda que isto lle custase o amor (espero que platónico) do meu bo amigo Xosé Luís Barreiro (Por que me namorei de Ángela Merkel?). O outro día coincidín con Xosé Luís, unha das mellores intelixencias de Galicia, que se encerrou, case xa en solitario, no estilo Merkel e a súa abrupta forma de cobrar as súas débedas, que eran débedas non moi santas das que non temos culpa os cidadáns, nin moita nin pouca.

Coincidín con Barreiro na Facultade de Comunicación de Santiago, e estivemos a facer unhas risas con isto. Pero é algo moi serio: que se considere que o primeiro son os axustes e os recortes, antes de medrar, é unha cuestión de método que, en parte, e só en parte, é certa: hai que sanear a caixa. Ben, pero a outro ritmo e con outras perspectivas de medrar. Así, tal como se está facendo, imos a un desastre. Estamos xa nel.

Crearase emprego cando só queden traballando (cobrando?) os funcionarios e os empregados de empresas estranxeiras solventes e dalgunhas de aquí que venden moi ben fóra. Iso pode ocorrer en 2014 ou 2015. Pero seremos xa moitos máis parados e a situación podería facerse insustentable. Hai que modificar a estratexia xa, non me cansarei de dicilo. Merkel trabúcase, aínda que agora quere rectificar. Benvida ao clube.

Por certo, o de Soraya tentando que os seus adversarios non saian de casa é de vergoña allea. Non aceptan que isto se lles vai das mans. Non imos deixar que podreza, téñano en conta. Mil ollos míranos e mil ollos atenden ao que fan e din. A situación, con esta estratexia, é gravísima e nega aos grandes economistas mundiais. Tamén a Obama. Estados Unidos mira con enorme inquietude a Alemaña. Non é a primeira vez na historia que isto ocorre. Procuren facelo mellor e déixense de encerrar en casa aos seus críticos.

29 de abr. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión