Jazek Wozniak e A Voz de Vilalba

Redacción.-

Celebrando o seu número 50, a revista A Voz de Vilalba estreará nova cabeceira deseñada por Jazek Wozniak na publicación correspondente ao mes de xullo de 2012 que se poderá descargar da Hemeroteca da web nos vindeiros días.

Para quen non o coñeza, cómpre dicir que Jacek Wozniak naceu en outubro do ano 1954 na cidade polaca de Cracovia e vive en Francia desde o ano 1982. Botado das Belas Artes, traballou e colaborou con varios diarios, semanais e mensuais, todos eles moi coñecidos a nivel internacional, como Libération, Playboy, Lire, L'Expansion, L'Événement du Jeudi, ata que no ano 1986, o semanal satírico Le Canard Enchaîné fichouno. Desde entón, segue debuxando as súas crónicas no semanal e ademais colabora con Le Monde, Le Monde Diplomatique e Le Nouvel Observateur.

Pintor e ilustrador, ten publicados varios libros entre os cales: I Love Moscou (Cherche Midi Editeur), Révolution (Albin Michel), Abécédaire partial et partiel de la mondialisation con Ramon Chao e Ignacio Ramonet (Plon), Sibérie m'était contéee… con Manu Chao (Mille Paillettes).

Tamén é deseñador gráfico de carteis e debuxou entre outros, carteis para o Consello Europeo, para o Campionato do Mundo de Atletismo de París e para festivais de jazz e de teatro.

No ámbito dos debuxos animados, realizou tamén varios traballos entre os cales destacan a súa participación nas series Les Droits de l'enfant (Os Dereitos dos Nenos) para a primeira cadea de televisión francesa (TF1) e Dure du Mur para a segunda cadea francesa de televisión (France 2) e a realización de varias curto-metraxes; Nazo Kanisa Eu, Van Gogh e Cerimonia (2001), cunha banda sonora orixinal composta por Archie Shepp, e Kyoto Misique (2002) coa colaboración de Manu Chao. Xuntos, fixeron tamén o vídeo clip do artista francés AKLI D.

Na páxina www.wozwoz.net, www.scorbut.be, pódese apreciar algúns das súas creacións.

1 de ago. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión