Camiño do Armagedón Social

Vicente Piñeiro González.-

Os políticos actuais guiados polos seus sumos sacerdotes, establecen as súas propias comunidades, as súas propias seitas. Ás veces semellan aqueles devotos xudeus ultra estritos coñecidos como os Hasidim (os píos) que se opuxeron á triunfante casa dos macabeos que estableceu o seu propio rei e Sumo Sacerdote en Xerusalén, causa de que os Hasidim establecesen a súa propia comunidade preto de deserto de Qumrán. Hoxe en día, a xestión dos políticos españois está tan lonxe do entendemento dos cidadáns coma daquela estaban os evanxeos do entendemento dos romanos, escritos con códigos de substitución que inventaban os escribas. Estes coñecementos, estas mensaxes, xamais estarán dispoñíbeis porque non existe una conciencia política capaz de descifralos. O noso Presidente do Goberno, o cal respecto, pois esa é una das obrigas da Democracia, semella o que para aqueles homes da época de Cristo coñecían como O León, é dicir o nome que lle daban ao Emperador Romano. Hoxe, como daquela, todos queremos ser rescatados das fauces do león, o que significaba daquela escapar das garras do Emperador e dos seus oficiais. A temática oficial deste goberno é que sigamos o camiño. O presidente, convertido en falso mesías, quere que nos deixemos guiar como novizos, que sigamos o camiño que el nos traza como os chamados Fillos da Luz. Nesta representación o presidente do goberno representa ao príncipe da escuridade que usurpa a luz ao seu favor co fin de que as regras dos ricos permanezan. Cando o príncipe da escuridade gañou as eleccións prometía o reinos dos ceos, nun programa que como se fose o Evanxeo de Marcos era unha mensaxe de apoio fraternal, unha promesa de salvación e de independencia para aqueles que vivían baixo o esmagamento socialista. Aquela presión exercida aliviou as mentes das persoas ignorantes e quitoulles a presión que sentían de a quen ou a quen non votar.

Agora, aquela decisión adquire un espantoso timbre de terror apocalíptico, un terrible final antes de prazo, unha simbólica batalla no Forte da Colina de Har Megido, un Armagedón que se celebrará entre os fillos da luz e os fillos da escuridade que conducirá a un terríbel final. A medida que vai pasando o tempo, un grupo de devotos mestúrase cos fascistas emerxentes que ven a oportunidade de saír do armario onde talvez estaba escondido o novo mesías, un paracleto que estaba por vir e que fora anunciado por Cristo aos apóstolos durante a Derradeira Cea. Como escapar das súas fauces?
2
Hoxe os pobres, os desafiuzados, obrigados pola mala xestión política son obrigados a renunciar ás súas propiedades e posesións. Hai que humillalos, deixalos sen ningún tipo de privilexios e sumilos na pobreza para que non poidan escapar das garras do león. Recorrer o camiño cara á luz, recuperar o que os fillos da escuridade nos están quitando, talvez nos leve a un arduo recorrido de conflitos. As forzas da escuridade fascistas estanse fortalecendo durante este período de crises e de tentación, celebran homenaxes a ditadores e permiten que grupos nazis se organicen e fagan propaganda. Volvendo as referencias bíblicas, unha das crenzas fundamentais dos antigos esenios era que o universo sostiña aos dous espíritos esenciais: A Luz e a Escuridade. A Luz representaba a verdade e a rectitude, mentres que a Escuridade a perversión e o mal. Agora a batalla cósmica será repetida, perdeuse o equilibrio entre ambas forzas; a participación económica da riqueza xa non se distribúe nun grado de equilibrio e o goberno faise xordo ás esixencias suxeitando ao pobo coa dureza do seu brazo. Podería citar, acorde co debate, un dos Himnos de Qunrán que di algo como. “Porque ti, coa forza da miseria lle destes forza ao home, (pobo) fronte ao chantaxe e resistencia de quen lle trata de impor a iniquidade, e haberdes padecer, e habérdesnos de ouvir, claro que si. Vós os pretendidos prepotentes, os pretendidos sabios, os impetuosos, os que ofrecedes holocaustos e non vos mostrades magnánimos cos pobres, cos que sofren, cos desafiuzados; vós os que acumulades intrigas e riquezas e deixades da man aos débiles e escravizades ao pobo. Pero tedes o corazón duro e nada desto podedes comprender. No entanto, o pobo sabe esperar, sabe sufrir, sabe ser firme e agardar e aumentar a forza, afastará del toda inxustiza e será forte na ira até que rechiedes os dentes.

17 de mar. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión